Porcelana

A porcelana é un material de cerámica feito a partir doutros materiais, como arxila en forma de caolinita, cuarzo e feldespato, refinados a altas temperaturas. Trátase dun produto de cor branca, impermeable e translúcido.

Centro de flores (Porcelana Buen Retiro, MAN 1982-85-5) 02
Flores de porcelana (Madrid, século XVIII).

Denominación

O termo "porcelana" procede dun malentendido. Cando Marco Polo escribiu as súas memorias de volta das súas viaxes, contou que nas costas de Asia se pescaban uns moluscos de cunchas brancas que eran moi apreciadas pola súa beleza e cuxo nome era porcelana. No mesmo capítulo da súa obra louvou a beleza e brancura da cerámica chinesa, polo que moitos lectores, dado que se descoñecía a composición da cerámica chinesa, interpretaron que esta se facía a partir das cunchas do molusco, polo que lle deron ó material o seu nome.

Composición

A pasta da porcelana componse de caolín e feldespato e debe sufrir un complicado proceso de cocción en varias fases e a distintas temperaturas que oscilan entre os 700 e os 1450 °C. O produto final é un material translúcido de aspecto vitrificado, pouco poroso, de cor branca e sonoro ó tacto que permite a fabricación de obxectos notables polo seu brillo, finura e resistencia á calor. As porcelanas considéranse obxectos suntuarios e o seu estudo encádrase dentro das artes decorativas.

Orixe

Meissen-Porcelain-Dancers
Porcelana de Meissen.

A orixe da porcelana está en China, na época da dinastía Shui (581-617). Xa no período seguinte, a dinastía Tang (618-906), a porcelana obtivo enorme pulo e fabricáronse obxectos da maior calidade artística. As primeiras noticias sobre o material chegaron a Europa da boca e a pluma de Marco Polo, pero o comercio efectivo non comezou ata mediado o século XIV. Os obxectos, xa preciosos no seu lugar de orixe, aumentaban de prezo polas dificultades do transporte, polo que os clientes europeos chegaban a pagar por eles sumas exorbitantes. Este feito provocou que pronto se intentase fabricala nos países importadores, pero se descoñecían completamente tanto a composición exacta da pasta como as temperaturas adecuadas para a súa cocción. Os diversos experimentos foron permitindo a descuberta de novos materiais: na corte dos Médicis inventouse unha falsa porcelana, a porcelana branda o terna, similar á cerámica maiólica, que coce a menor temperatura e é menos resistente que a porcelana dura. Este tipo de pasta acadou en Inglaterra gran calidade.

Variedades

Existen dúas grandes variedades de porcelana:

  • Porcelana branda: non contén caolín e cócese con menos calor que a pasta dura, polo que poden utilizarse para decorala pigmentos e técnicas que non soportan temperaturas tan intensas. De orixe chinesa, chegou a Europa no século XVIII da man de artesáns alemáns, en especial dos que traballaban nas manufacturas de Meissen.
  • Porcelana dura: coce a maior temperatura e a pasta adquire grande resistencia e unha cor branca grisalla.
Arxila

A arxila está constituída por agregados de silicatos de aluminio hidratados, procedentes da descomposición de minerais de aluminio. Presenta diversas coloracións segundo as impurezas que contén, sendo branca cando é pura. Xorde da descomposición de rochas que conteñen feldespato, orixinada nun proceso natural que dura decenas de miles de anos.

Bidé

Un bidé é un elemento sanitario destinado ao lavado íntimo dos xenitais e do ano. Pode así mesmo servir para lavar outras partes do corpo humano, tales como pés ou cabelos.

A pesar da súa semellanza co retrete, está máis próxima á función dunha cunca ou dunha bañeira: é práctico para lavar un bebé ou para axudar ás persoas de mobilidade reducida a manter unha hixiene corpórea adecuada. Os usuarios que non están afeitos aos bidés confúndenos a miúdo cun urinario ou mesmo cunha fonte de auga. O bidé debe de ser utilizado sentando enriba, de costas á billa ou ben de fronte.

Os máis antigos modelos de bidés eran mobles inamovíbeis, conformados polo xerla por unha cubeta de porcelana dentro dun moble de madeira provisto de catro pés, e cuberto dunha tapadeira tamén de madeira. Hoxe en día, fabrícanse de porcelana ou de esmalte e están equipados cunha billa mesturadora para enchelos de auga, e dun sistema de drenaxe para baleiralos. A billa debe estar orientada de xeito que proxecte un chorro de auga dirixido directamente cara aos xenitais.

Cacho

O cacho, voz derivada do latín vulgar cacculu, e esta do latín caccabu, "ola", é unha cuberta dura e ríxida, constituída por unha única peza de forma máis o menos arredondada, ovalada ou cuadrangular, do exoesqueleto ou caparazón dos crustáceos decápodos braquiúros (centolas, bois, nécoras etc.) que recobre o seu cefalotórax pola parte dorsal, servíndolle de coiraza protectora.Atendendo á semellanza dos cefalotórax dos crustáceos decápodos braquiúros co dos macruros, antiga subdivisión dos decápodos, en oposición a braquiúros, hoxe sen validez taxonómica, pódese estender a voz cancho, na linguaxe de divulgación científica, para designar a cuberta do cefalotórax dos macruros (lagostas, lumbrigantes, cigalas, lagostinos e camaróns).

Hai outro grupo dos decápodos, o dos anomuros (Anomura), esta si con validez taxonómica, xa que constitúen unha infraorde dos decápodos, caracterizados por teren abdomes de diferentes tipos, cuxos representantes máis coñecidos son os cangrexos ermitáns, aos que non se lle pode aplicar o termo cacho, xa que, ao teren o abdome moi brando, agóchanse en cunchas de gasterópodos, das que só sobresaen os ollos e as patas. (A outros membros da infraorde, menos coñecidos, como os cangrexos porcelana ou os galateidos, si)

Cando o cacho se proxecta cara a adiante, máis alá dos ollos, esta proxección do exoesqueleto denomínase rostro (en latín científico, rostrum).

Campo Largo

Campo Largo é unha cidade do estado brasileiro de Paraná. A súa poboación estimada no 2010 era de 112.486 habitantes. Atópase ó sueste do estadoestado e pertence á Rexión Metropolitana de Curitiba.

A sede ten unha temperatura media anual de 16,5 °C e na vexetación do concello predomina a floresta ombrófila mista. En relación á frota automobilística, no 2009 foron contabilizados 46 011 vehículos. Cunha taxa de urbanización de 83,23%, o concello contaba, no 2009, con 97 establecementos de saúde. O seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) é de 0,774, considerando como medio en relación co estado.

A cidade de Campo Largo foi desmembrada de Curitiba na década de 1870. A orixe da súa etimoloxía está na xeografía e denota a lonxitude dos horizontes da rexión na época da fundación do concello. Os habitantes naturais do concello de Campo Largo son chamados campo-larguenses.

É coñecido como "Capital da Louça" por mor da produción e exportación dese material. É sede de empresas como a Incepa, Porcelana Schmidt, Germer e Lorenzetti cuxos produtos son coñecidos internacionalmente. O concello é a sede dunha das fontes de auga mineral, a Ouro Fino.

O concello posúe os distritos de Bateias, Três Córregos, São Silvestre e Ferraria, e subdivididos por 147 barrios, vivendas sociais e residenciais.

Cangrexo

Para a constelación do cangrexo, véxase Cáncer (constelación)

Para a Supernova do Cangrexo, véxase SN 1054.

Chámanse cangrexos ou caranguexos a diversos crustáceos malacostráceos da orde dos decápodos, especialmente aos da suborde dos braquiúros.

Os membros da orde dos decápodos, caracterizados por teren cinco pares de patas, comprenden, entre outros, os crustáceos máis apreciados gastronomicamente, como lagostas, lumbrigantes, centolas ou nécoras. Ademais existen diversas especies que tamén se denominan cangrexos como, por exemplo, o cangrexo violinista, o cangrexo dos coqueiros ou os cangrexos de río.

Caolinita

A caolinita é un mineral da arxila, de uso industrial, que ten a composición química Al2Si2O5(OH)4. É un mineral do grupo dos filosilicatos constituído por capas, formado por unha lámina tetraédrica (t) de sílice (SiO4) que está unida por átomos de oxíxeno a unha lámina octaédrica (o) de alúmina (AlO6). estas capas t-o son neutras electricamente e están unidas ás seguintes por enlaces de Van der Waals.As rochas ou depósitos sedimentarios que son ricos en caolinita denomínanse caolín. No caolín o mineral máis abundante é a caolinita, pero tamén contén menores proporcións doutros minerais da arxila moi similares. O nome caolín considérase que deriva do chinés Kao-Ling (高岭/高嶺, en pinyín Gāolǐng, que significa 'montañas altas'), que é unha vila preto de Jingdezhen, na provincia de Jiangxi, China. O nome kaolin foi publicado en 1727 nos informes de Jingdeshen escritos en francés polo xesuíta Francois Xavier d'Entrecolles, nos que se explicaba a fabricación da porcelana.A caolinita, a diferenza doutros minerais das arxilas, ten unha baixa capacidade de cambiar de volume por inchamento e encollemento e unha baixa capacidade de intercambio de catións (1–15 meq/100 g). É un mineral xeralmente branco, suave, terroso, un filosilicatro da arxila dioctaédrico (cada oxíxeno ou grupo OH está rodeado por só dous catións), producido por alteración química dos minerais de aluminosilicatos como o feldespato. En moitas partes do mundo, ten unha cor entre rosa, laranxa e vermello debido á presenza de óxido de ferro, o que lle dá un claro ton de óxido. En concentracións baixas toma cor branca, amarela ou alaranxada clara. Ás veces aparece con capas alternantes en cor, como no xacemento de Providence Canyon State Park en Xeorxia, Estados Unidos. O caolín comercial subminístrase e transpórtase como po seco, nódulos semisecos ou como líquido de consistencia lodosa. Utilízase na industria do papel, porcelana e cosmética, principalmente.

Cerámica

A cerámica é a arte que fabrica obxectos como olas, xerras, tellas etc. en terracota que sufriron unha transformación fisicoquímica irreversible no curso dunha cocción a temperaturas máis ou menos elevadas (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto a tecnoloxía como os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativas dunha época e dunha cultura.

Culler

Unha culler ou cullar é un utensilio de cociña que consiste nunha pequena cabeza cóncava no extremo dun mango, usada principalmente para servir ou comer un alimento líquido ou semilíquido, e algúns alimentos sólidos como arroz e cereal que non poden ser doadamente erguidos cun garfo. As culleres tamén son utilizadas na preparación de alimentos para medir e mesturar ingredientes. Xeralmente están feitas de metal, madeira, porcelana ou plástico.

Delft

Delft é unha cidade e un concello da Holanda Meridional, nos Países Baixos, a metade de camiño entre Rótterdam e A Haia. Conta con 94.098 habitantes (2005). É particularmente salientable a zona vella no centro da cidade, tradicionalmente neerlandesa e estruturada con canles. É tamén coñecida pola súa cerámica, pola Universidade de Tecnoloxía de Delft e pola súa asociación coa familia real.

Dieléctrico

Denomínase dieléctrico a un material cunha baixa condutividade eléctrica (σ << 1); é dicir, un illante, o cal ten a propiedade de formar dipolos eléctricos no seu interior baixo a acción dun campo eléctrico. Así, todos os materiais dieléctricos son illantes pero non todos os materiais illantes son dieléctricos.Algúns exemplos deste tipo de materiais son o vidro, a cerámica, a goma, a mica, a cera, o papel, a madeira seca, a porcelana, algunhas graxas para uso industrial e electrónico e a baquelita. En canto aos gases utilízanse como dieléctricos sobre todo o aire, o nitróxeno e o hexafluoruro de xofre.

O termo “dieléctrico” (do grego δια- dia-, que significa ‘a través de’) foi concibido por William Whewell en resposta a unha petición de Michael Faraday.

Filtro Chamberland

O filtro Chamberland, tamén coñecido como filtro Chamberland-Pasteur, é un filtro de auga feito en porcelana por Charles Chamberland en 1884. Baixo un principio similar atópase o coñecido como filtro Berkefeld.

Lavabo

Un lavabo ou pía é un recipiente sobre o que se verque a auga para o aseo persoal. Fabricados tradicionalmente en porcelana, hoxe atópanse das máis diversas formas e materiais, tales como metal, gres ou vidro. Os lavabos actuais levan unha ou dúas billas que conectadas á fontanaría do edificio subministran auga fría e quente (actualmente a lei obriga en todo o estado español á instalación de billas cun só cano para saída de auga fría e quente). Na súa parte inferior teñen unha válvula de desaugadoiro, conectada ao saneamento, pola que se evacúa a auga usada.

Na actualidade, os lavabos fabrícanse en grande variedade de materiais entre os que se atopan a cerámica, o cristal, a resina, o metal, pedra pulida ou madeira con tratamentos hidrófugos.

Nos establecementos de alimentación, a lexislación sanitaria esixe que os lavamáns utilizados polos manipuladores de alimentos sexan de accionamento non manual (de pedal, cóbado, células fotoeléctricas etc.) para evitar que, unha vez lavadas as mans, os manipuladores teñan que acciona-lo mando coas mans limpas. Ademais, deben dispor de auga fría e quente, xabón líquido e sistema de secado hixiénico de mans (papel).

Louza de Delft

Coñécese como louza de Delft ou porcelana de Delft, ou mesmo azul de Delft a produción de obxectos nestes materiais levada a cabo na localidade holandesa de Delft e na súa área de influencia, fundamentalmente desde os inicios do século XVII.

A louza de Delft adquiriu a súa reputación grazas á finura das súas pezas, á calidade dos seus esmaltes e á delicadeza das pinturas que a decoran. O esmalte estannifero branco utiliado permitiu aos oleiros holandeses aproximarse ao aspecto da porcelana chinesa, amplamente divulgada no país naquelas épocas a través da Compañía Holandesa das Indias Orientais.

Mikhail Lomonosov

Mikhail Vasilievich Lomonosov (en ruso Михаи́л Васи́льевич Ломоно́сов), nado en Mishaninskaya o 19 de novembro de 1711 e finado en San Petersburgo o 15 de abril de 1765, foi un científico, xeógrafo, mosaiquista e escritor, polímata ruso que realizou importantes descubrimentos en ciencia, literatura e educación, e fundador en 1755 da primeira universidade rusa, que hoxe leva o seu nome. Polas súas importantes e decisivas achegas é considerado o patriarca da xeografía en Rusia.

Mons

Mons (en flamengo Bergen) é unha cidade de Bélxica, capital da provincia de Hainaut, na zona francófona do país. Ten arredor de 91.000 habitantes.

Montgat

Montgat é un municipio catalán da comarca do Maresme, na provincia de Barcelona. O seu nome provén do latín monte katum (monte dos gatos), que era o nome co que se coñecía o pobo popularmente durante o imperio romano.

É o municipio máis meridional da comarca do Maresme, situada na costa no límite coa comarca do Barcelonès, entre Badalona e el Masnou.

Morteiro (utensilio)

Un morteiro é un recipiente de material duro que se utiliza en usos domésticos, boticas ou en laboratorios para machucar certas substancias (drogas, especias, herbas...). Pode estar feito de madeira, pedra, vidro, ferro, ágata, porcelana, etc, e ten unha cavidade semiesférica na que, coa axuda dun mazo, se esmagan as substancias que se queren converter en po. O mazo pode ser tamén de diversos materiais, aínda que preferibelmente pesado para facilitar o traballo.

Prato

O prato é un dos principais utensilios da cociña sobre o que repousa, e sérvese, a gran maioría dos alimentos. Trátase dunha superficie aberta, máis ou menos cóncava, elaborada de diferentes materiais como porcelana, vidro, metal, plástico, barro, madeira etc.

Vilanova, Tenorio, Cerdedo-Cotobade

Vilanova é un lugar da parroquia de Tenorio, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2017 tiña 196 habitantes (93 homes e 103 mulleres). É a entidade máis poboada da parroquia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.