Ponteareas

Ponteareas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado. Segundo o IGE en 2014 tiña 23.115 habitantes.

Coordenadas: 42°10′31″N 08°30′18″O / 42.17528, -8.50500

Ponteareas
Bandeira de Ponteareas
---
Escudo de Ponteareas
Casa consistorial de Ponteareas
Casa do concello.
Situacion Ponteareas
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Condado
Poboación22.854 hab. (2018)
Área125,6 km²
Densidade181,96 hab./km²
Entidades de poboación24 parroquias
Capital do concelloPonteareas
Política (2019[2])
AlcaldeXosé Represas Giráldez (BNG)
ConcelleirosBNG: 9
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 3
Outros: ACIP - 4
Eleccións municipais en Ponteareas
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes40,47%
Na rede
http://ponteareas.gal/

Topónimo

O topónimo actual Ponteareas é o resultado da fusión do nome composto Ponte de Areas e as súas variantes dos séculos XV-XIX que tendían a fusionar e logo eliminar a preposición "de". Toma o seu primeiro nome da medieval ponte dos Remedios. Cruza o río Tea continuando un antigo camiño que comunica coas parroquias veciñas, da que procede o segundo nome: Areas. Esta foi identificada por algún autor[4] como a "Aureas" recollida en latín no Parrochiale Sueuum[5] do s. VI, que é unha simple listaxe da cal é difícil extraer a súa correspondencia cos topónimos actuais. No s. IX, o rei Afonso III anótaa tamén en latín como "Sancta Maria (...) Arenosium" e anotado a marxe "sancta maria de arenis"[6], moito antes da aparición da poboación de Ponteareas. Así, o significado da partícula que deu lugar a Areas é incerto aínda só consideranto o latín (areas, áureas, áreas coas súas distintas acepcións etimolóxicas) e á súa vez confúndese na historia coa veciña Arnoso (San Lourenzo) o cal leva máis tarde a propoñer unha raíz prerromana hidronímica en arn-[7] que completa as hipóteses consideradas (o culto ao Ares grego foi presentada tamén como unha posible etimoloxía hai décadas, mais logo foi lateralizada[4]).

Historia

O territorio que hoxe delimita o concello de Ponteareas ofrece restos de antigas poboacións, como petróglifos da Idade de Bronce e castros da Idade de Ferro, dos cales o escavado e mellor estudado é o Castro de Troña, que se estima estivo habitado desde arredor do 450 a.C. e abandoouse no I d.C. A romanización deixou unha impronta probablemente en forma de minería aurífera, como indican algúns sitios aínda en investigación.

Da Alta Idade Media, na herdanza sueva rexístrase o nome de Áureas (adaptado do latín) na diocese de Tui, atribuída hipoteticamente á parroquia de "Áreas" (sic.)[6] e outras localidades amosan un nome de orixe sueva ou gótica coma Guláns e Guillade[8]. No ano 893, mentres avanzaba a Reconquista en Portugal, Afonso III ofrece as terras de Areas e a súa Igrexa de Santa María ao poderoso padrón Santiago ("donamus glorie uestre pro victu fratrum in loco uestro degentium et sustentatione pauperum seu peregrinorum adueniencium uel ibi conmorancium ecclesiam sce. Marie nobis iure debita que est fundata in uilla quam dicunt Arenosium [engadido á marxe "De sancta maria de arenis"] juxta fluuium Tena [río Tea] secus ripam Minei,..."[6]). No século XI constrúese o castelo de Sobroso en Vilasobroso (Mondariz) que limita con Ponteareas e na Baixa Idade Media acolleu a distintas casas nobiliarias como Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) e Diego Sarmiento, dinastía que serían os señores do Couto de Canedo e finalmente en 1483 recibe de Fernando I a concesión dun mercado mensual que dará orixe á vila de Ponteareas.

Ata 1833, conserva a organización herdada do antigo reino de Galicia, pertencendo a vila á xurisdicción de Ribadetea e á provincia de Tui. Trala reforma liberal Ponteareas constituíuse como concello xa enmarcado na actual provincia de Pontevedra. As súas parroquias integrábanse daquela nas xurisdicións de Sobroso, con señorío do marqués de Sobroso; a de Oliveira, con señorío do bispo de Tui; e a de Salvaterra, con señorío do conde de Salvaterra.

Neste territorio, nos primeiros anos do século XIX, chegaron a funcionar concellos en Ponteareas, Guláns e Areas. Iniciado o proceso de constitución definitiva dos concellos actuais, dentro do Partido xudicial de Ponteareas, créanse o concello de Ponteareas, xunto cos de Mondariz, Setados (As Neves) e Salvaterra. Dende 1835 permanece inalterable na súa estrutura e delimitación xeográfica.

Poboación

Censo total (habitantes) 23.115 (2014)
Menores de 15 anos 3.992 (17.27 %)
Entre 15 e 64 anos 15.330 (66.32 %)
Maiores de 65 anos 3.793 (16.41 %)

Situación xeográfica

Ponteareas ten unha superficie de 125,56 km². Conta con 220 entidades de poboación repartidas en 24 parroquias. Sitúase no sur da provincia de Pontevedra, na comarca do Condado. Linda ó norte con Pazos de Borbén, ó leste con Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves, ó sur con Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e ó oeste con Mos e O Porriño e Mos.

Dada a súa localización, conta con dúas vías de comunicación importantes como son a estrada N-120 e a autovía A-52, conectando a vila cos centros máis importantes do seu redor: Vigo a 25 km, Pontevedra a 45, Ourense a 75 e Portugal a 12.

Goberno e política

Artigo principal: Eleccións municipais en Ponteareas.
Ponteareas - panoramica (Pontevedra)
Vista xeral de Ponteareas.

Nas eleccións municipais de 2015, converteuse en alcalde do concello de Ponteareas Xosé Represas Giráldez (BNG) despois de negociar e entrar en coalición co PSdeG-PSOE e A Riada do Tea (ARDT), conseguindo o voto favorable de 11 concelleiros (incluíndo un de EU-SON), fronte aos 10 desfavorables de PPdeG e ACiP.

En 2011 renovou alcaldía Salvador González (PPdeG) en minoría co apoio dos concelleiros dun novo partido: Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACiP), que non entraron no goberno.

En 2007 renovou a alcaldía Salvador González Solla, do Partido Popular, quen gobernou en coalición coa Unión Condado Paradanta de Nava Castro tralas eleccións de xuño de 2007. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do PP, son o Bloque Nacionalista Galego, a lista máis votada, cuxo actual portavoz no pleno é Roberto Mera, e o Partido Socialista Obrero Español con Francisco Candeira.

En maio de 2004, os cinco concelleiros do PP e os cinco de Unión Condado Paradanta mediante unha moción de censura déronlle a alcaldía de Ponteareas ao popular Salvador González Solla, quitándolle o mando ao socialista Francisco Candeira, quen lle puxera fin aos 35 anos de goberno do popular José Castro[9] ao gobernar co apoio de dous concelleiros do seu partido e cinco do BNG.[10]

A xunta de goberno, presidida polo alcalde, está composta actualmente polos 6 concelleiros do PP e os 5 de UCP. A corporación municipal está formada por 21 membros, 6 do PP, 6 do BNG, 5 de UCP e 4 do PSOE.

Elecciones municipais, 25 de maio de 2003[11]
Partido Votos % Concelleiros
UCPA 3.359 28,58 % 5
PP 3.131 26,64 % 5
BNG 3.255 27,70 % 5
PSOE 1.432 12,19 % 2
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[12]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 3.584 28,22 % 6
PP 3.319 26,14 % 6
UCPA 2.898 22,82 % 5
PSOE 2.352 18,53 % 4

Patrimonio

Penedo, Ponteareas
Pena do equilibrio.
  • Castro de Troña, é un dos principais enclaves da cultura castrexa de Galicia, destacando polo seu privilexiado enclave e as súas importantes defensas. Nunha das súas vivendas conserva un petróglifo que representa unha serpe enroscada a xeito heráldico, símbolo do castro coñecido de antigo que inspirou varias lendas.[13]
  • Sitio arqueolóxico do "Castro da Croa", sucesión de foxos á beira do río Tea insuficientemente estudados, aos que se lle asignou a función defensiva dun castro ou fortificación da idade de ferro, pero logo relacionouse cunha posible explotación aurífera[14], de confirmarse a hipótese, sería un bo representante das que se están a descubrir nesta década na conca do Miño[15][16].
  • Ponte dos Remedios, ponte medieval mal chamada Ponte romana, que segundo algúns estudos é a que lle dá nome á vila.
  • Ponte das Partidas, ponte medieval ao sur da vila sobre o río Tea na parroquia de Moreira, de orixe romana.
  • Pena dos namorados, situada na parroquia de Arcos forma parte dun conxunto natural de restos de bólas graníticas que ben merecen ser coñecidas.
  • Pena do equilibrio, forma parte do conxunto de bólas graníticas ás que tamén pertence a "pena dos namorados". Destaca por ser un enorme penedo situado enriba doutro en pleno equilibrio sen apoio de ningún tipo.
  • Igrexas románicas:
  • Castelo de Sobroso, situado no outeiro de Landín, dentro do distrito natural da Entidade Local Menor de Vilasobroso territorio orixinario do antigo Señorio de Sobroso, hoxe forma parte do veciño concello de Mondariz; dista sete quilómetros da Vila de Ponteareas, é unha propiedade mercada polo Concello de Ponteareas en Vilasobroso, no ano 1981 a Zita Teresa Carrera Ferreira, única herdeira de Alejo Carrera Muñoz,periodista veciño e natural de Vilasobroso, seu propietario dende 1923 a 1967 quen o restaurou -sen axuda do Estado- Destaca pola súa arquitectura medieval: ten muralla externa, estancias e torre da homenaxe. Foi escenario dos enfrontamentos entre Diego Sarmiento e Pedro Madruga ademais da revolta irmandiña no século XV.Ten unhas impresionantes vistas sobre o seu propio pobo -Vilasobroso- e máis de cincuenta pobos de Galicia ata a fronteira de Portugal. Hoxe as súas estancias albergan o Centro de Recuperación de Cultura Popular, cunha exposición permanente sobre indumentaria tradicional de grande interese.
  • O convento franciscano de San Diego de Canedo é un complexo monástico relativamente moderno, construído no século XVIII a raíz da doazón do pazo de Canedo por parte de Diego Sarmiento de Soutomaior aos franciscanos que viron o seu orixinal convento destruído un século antes na guerra con Portugal.

Música

A tradición musical popular ten unha boa representación neste concello, con dúas pezas tradicionais que levan o seu nome: un pasacalles[17] e unha muiñeira[18], así como muiñeiras doutras parroquias, como a de Santiago de Oliveira[19], e outras pezas coma o pasodobre de Guláns[20] ou a jota de Fontenla[21]. Seguen a cultivar esta tradición, entre outros, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (gañadora do Certame Galego de Bandas[cando?]) e a Banda de Música de Guláns.

A música culta ten como figura sobranceira ao compositor de zarzuelas e pasodobres Reveriano Soutullo, o que homenaxeou á súa vila natal co pasodobre "Puenteareas" e á cidade que o acolleu coa "Suite Vigo". O activo Conservatorio Municipal e o Auditorio hónrano co seu nome na vila de Ponteareas, na que tamén se lle dedicou unha céntrica rúa que pasa por un lateral do mencionado conservatorio e leva á casa consitorial, diante da cal hai un busto que o conmemora, así como unha placa na súa antiga casa a pouca distancia do conservatorio.

Respecto á música contemporánea, no concello xurdiron grupos coma SonDaRúa, Skandalo GZ, Rebeliom do Inframundo , GHZ , Chico López ou Duke Sam.

Festas e celebracións

Artigo principal: Corpus Christi de Ponteareas.

A festividade do Corpus Christi, o domingo seguinte ó xoves do Corpus, foi declarada en 2009 Festa de Interese Turístico Internacional.

Corpus Ponteareas 01-08
Corpus Ponteareas 01-26
Corpus Ponteareas 01-27
Corpus Ponteareas 01-49
Corpus Ponteareas 01-79
Corpus Ponteareas 01-91
Corpus Ponteareas 01-11

A Orotava con Ponteareas

Corpus Ponteareas 01-21
Corpus Ponteareas 01-42
Corpus Ponteareas 01-45
Corpus Ponteareas 01-65
Corpus Ponteareas 01-74
Corpus Ponteareas 01-89

Sendeirismo

Ponteareas conta dende o 2009 cunha ruta homologada de sendeirismo, o PR-G 120 "Roteiro dos Penedos da Picaraña", apta para o turismo de natureza. Partindo do barrio da Serra, na parroquia de Arcos, ascende ata a Picaraña e retorna ata a Serra, percorrendo varios penedos: Pena do Equilibrio, Penedo da Chispa, Penedo da Fonte Santa etc.

Ponteareas na literatura popular

  • Como o sol reloce/ a Virxe de Pías/ no viaxe primeiro/ destas romerías [22].
  • Vinme triste en Ponteareas,/ e da Cañiza a Melón,/ mais cheguei a Ribadavia/ e ensanchouse o corazón.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Ponteareas.
Iglesia de San Pedro de Angoares - Ponteareas

Igrexa de San Pedro de Angoares.

CONCELLO

Casa do concello.

IES Pedra da auga

IES Pedra da auga.

Lugares de Ponteareas

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ponteareas vexa: Lugares de Ponteareas.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultado eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. 4,0 4,1 Piñeiro Groba, Mariano; González Pérez, Clodio (1983). Historia de Puenteareas. Centro Cultural Municipal. ISBN 84-500-9173-X.
  5. "callaecia: parrochiale%20suevum". Consultado o 2015-12-08.
  6. 6,0 6,1 6,2 López Ferreiro, Antonio (1983). "Documentos XXI a XXV". Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Imprenta del Seminario Conciliar Central de Santiago de Compostela.
  7. Bascuas López, Edelmiro (2006). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 9788497500265.
  8. Rodríguez Otero, Ramón (1997). La presencia sueva en el Condado. in Soberosum. Revista de Estudios del Museo Municipal. vol. 2.
  9. Ponteareas pendente dun pacto de goberno
  10. Atención especial aos oito concellos onde houbo moción de censura nesta lexislatura
  11. Eleccións municipais de 2003
  12. Eleccións municipais de 2007
  13. María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios. "Galicia Máxica". www.galiciamaxica.eu. Consultado o 07/12/15.
  14. "Inventario de Xacementos Arqueolóxicos" (PDF). www.culturagalega.gal. Consultado o 7/12/2015.
  15. Ogando, Elena (24/01/2014). "Galicia: el Dorado de Roma". Faro de Vigo. Consultado o 7/12/2015.
  16. Pillado, Neli (11/07/2013). "El IEM descubre quince minas de oro inéditas en la Serra da Groba". Faro de Vigo. Consultado o 7/12/2015.
  17. "Pasacorredoiras de Ponteareas". Consultado o 8-12-2015.
  18. "Muiñeira de Ponteareas — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
  19. "Muiñeira de Oliveira — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
  20. "Pasodoble de Guláns — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
  21. "Jota de Fontenla — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
  22. Refírese a Santa Mariña de Pías, unha parroquia de Ponteareas próxima á Franqueira. Vicente Risco: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979), 393.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Angoares, Ponteareas

San Pedro de Angoares é unha parroquia que se localiza no concello pontevedres de Ponteareas na comarca do Condado. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 486 habitantes (262 mulleres e 224 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un lixeiro aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 482 habitantes.

Arcos, Ponteareas

San Breixo de Arcos é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 488 habitantes (240 mulleres e 248 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón un lixeiro aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 445 habitantes.

Areas, Ponteareas

Santa María de Areas é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 1.059 habitantes (533 mulleres e 526 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 1.091 habitantes.

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009.

Comarca do Condado

A comarca do Condado é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Ponteareas. A cal pertencen a ela os concellos Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas e Salvaterra de Miño.

O topónimo O Condado vén do celta galaico: *Comdato < *kom-dhh1t-o 'confluencia, reunión de augas'.

Eugenio Arbones Castellanzuelo

Eugenio Arbones Castellanzuelo, nado en Ponteareas en 1884 e falecido en Vigo o 15 de setembro de 1936, foi un médico e político, asasinado polos sublevados ó comezo da guerra civil.

Feliciano Barrera

Feliciano Barrera Fernández, nado en 1918 en Guláns (Ponteareas) e finado o 9 de febreiro de 2012, foi un empresario galego relacionado coa activade xornalística.

Fermín Bouza-Brey

Fermín Bouza-Brey Trillo, nado en Ponteareas o 31 de marzo de 1901 e finado en Santiago de Compostela o 11 de xuño de 1973, foi un escritor galego. En 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Guillade, Ponteareas

San Miguel de Guillade é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o IGE en 2012 tiña 501 habitantes (247 mulleres e 254 homes), distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 569 habitantes.

Guláns, Ponteareas

San Xulián de Guláns é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o IGE en 2013 tiña 753 habitantes (381 mulleres e 372 homes), distribuídos en 23 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2009 cando tiña 777 habitantes.

Moreira, Ponteareas

San Martiño de Moreira é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 675 habitantes (345 mulleres e 330 homes), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 654 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrara ata os 723 habitantes, sendo 361 homes e 362 mulleres.

Oliveira, Ponteareas

Santiago de Oliveira é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2014 tiña 313 habitantes (161 homes e 152 mulleres), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 295 habitantes.

Ponteareas, Ponteareas

San Miguel de Ponteareas é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas na comarca do Condado. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 10.079 habitantes (5.115 mulleres e 4.964 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 6.763 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrara ata os 12.137 habitantes, sendo 5.897 homes e 6.240 mulleres.

Pías, Ponteareas

Santa Mariña de Pías é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 463 habitantes (247 mulleres e 216 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 449 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 450 habitantes, sendo 214 homes e 236 mulleres.

Reveriano Soutullo

Reveriano Soutullo Otero, nado en Ponteareas o 11 de xullo de 1880 e finado en Vigo o 29 de outubro de 1932, foi un compositor galego de pasodobres e zarzuelas. Entre 1919 e 1931 formou un famoso tándem con Juan Vert, con quen compuxo grandes éxitos da zarzuela.

Ribadetea, Ponteareas

San Xurxo de Ribadetea é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas na comarca do Condado. Segundo o padrón municipal de 2010 tiña 943 habitantes (492 mulleres e 451 homes), distribuídos en 46 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 874 habitantes.

A parroquia dista 2,5 quilómetros da capital municipal e está bañada polas augas do río Tea. No lugar da Freixa hai un cámping de primeira categoría.

Rogelio Groba Groba

Rogelio Groba Groba, nado o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns (Ponteareas), é un músico e compositor galego.

San Mateo de Oliveira, Ponteareas

San Mateo de Oliveira é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 594 habitantes (313 mulleres e 281 homes), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 630 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 584 habitantes, sendo 290 homes e 294 mulleres.

Xinzo, Ponteareas

Santa Mariña de Xinzo é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Segundo o IGE, en 2013 tiña 1.245 habitantes (659 mulleres e 586 homes), distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón un pequeno aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 1.229 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.