Ponte sobre a ría de Noia

A ponte sobre a ría de Noia une o lugar da Barquiña (Barro) e o porto de Testal (O Obre), no concello de Noia, sobre a ría de Muros e Noia, cunha lonxitude de 1.657 metros. Foi inaugurada en 2014 e trátase da primeira ponte atirantada construída pola Administración autonómica.[1]

Forma parte dunha variante (estrada AC-549) que une o corredor CG-1.5 na Barquiña coa estrada AC-550 no lugar de Taramancos (Boa), cunha lonxitude total de 4,8 km.

Coordenadas: 42°47′34″N 8°54′7″O / 42.79278, -8.90194

Ponte sobre a ría de Noia
Localización
RíoRía de Muros e Noia
ConcelloNoia
ProvinciaA Coruña
Características
Construción2011–2014
Lonxitude1657 m
Ancho10 m
TipoDe cables atirantados
MaterialFormigón
AC-549
TipoloxíaEstrada convencional
RedeRede de estradas de Galicia
Lonxitude4,8 km
Localización
Inicio CG-1.5  Barro (Noia)
Fin AC-550  Boa (Noia)

Historia

O 15 de xuño de 2011 iniciáronse as obras da variante, presupostadas en 38 millóns de euros.[2]

O 4 de xullo de 2014 foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e varios alcaldes da zona.[3] O investimento final foi de 50 millóns de euros.[4]

O 27 de outubro de 2015 o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou a iluminación nocturna da ponte. A iluminación, cuxa obra foi financiada por Gas Natural Fenosa, consiste nun sistema de luminarias a base de bombillas LED.[5]

Castro de Taramancos

Con motivos das obras, en maio de 2011 apareceron no lugar de Taramancos (na parroquia noiesa de Boa) restos arqueolóxicos. Tras a investigación realizada confirmáronse restos desde a época castrexa até o século IV, e incluso posteriores.[6] As escavacións no castro, coñecido tamén como Poboado de Espiñeira, realizadas de urxencia, deron a coñecer dúas vivendas de tipoloxía da Idade de Ferro, así como varios cuncheiros con restos de ostras, berberechos e outras especies en menor medida. Conta tamén con numerosas foxas e un longo muro. Cabe destacar, como aspecto significativo, que se trata dunha aldea da Idade de Ferro sen fortificación, algo considerado moi atípico e singular.[7]

En setembro de 2011 o alcalde noiés, Rafael García Guerrero, denunciou que unha das vivendas desaparecera, ao que respostou a Xunta de Galicia anunciando que os restos atopados foran "escavados, catalogados e inventariados", pero que posteriormente serían eliminados do lugar para continuar coa construción da variante. O Concello de Noia acusou á Xunta de ter "un total desprezo da conservación do patrimonio e do ambiente", así como de "unha enorme perda" para a localidade. O Goberno galego informou que os traballos de escavación estiveron baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio e nun perímetro acoutado que houbo que ampliar até os 200 metros a medida que aparecían novos vestixios, e conservar no lugar o xacemento (con restos de varias épocas) obrigaría a cambiar o trazado da futura vía co conseguinte aumento do custo e atraso da infraestrutura. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente manifestou que o lugar foi obxecto "dunha superposición de épocas de ocupación e actividade humana que ineludiblemente leva á destrución total ou parcial dos restos", polo que "o seu estado de conservación está seccionado e incompleto". Desde a Consellería engadían que "non se está destruíndo un castro; todo o que se retira catalógase e almacénase convenientemente". Finalmente, a Xunta concluíu dicindo que "a vivenda foi illada para profundar nos traballos, xa que segundo parece, existe constancia de que hai restos máis antigos enterrados nesa parcela".[8][9][10][11]

Finalmente o castro desapareceu, para rematar a variante.

Notas

  1. "Conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC500 en Taramancos"
  2. En marcha el gran viaducto que enlazará la ría de Noia; El Correo Gallego, 16 de xuño de 2011 (en castelán)
  3. Noia presume de su nuevo símbolo; La Voz de Galicia, 5 de xullo de 2014 (en castelán)
  4. Noia estrena hoy el puente atirantado más grande de Galicia; ABC, 4 de xullo de 2014 (en castelán)
  5. "Las luces ya iluminan el puente sobre la ría de Noia". La Voz de Galicia. 27 de outubro de 2015. (en castelán)
  6. "Los estudios avalan que los restos de Taramancos son castreños". La Voz de Galicia. 31 de agosto de 2011. (en castelán)
  7. Poboado de Espineira e Taramancos Vello na páxina web colaborativa PatrimonioGalego.net.
  8. "Las obras de una carretera de la Xunta se llevan por delante un castro en Noia". El País. 28 de setembro de 2011. (en castelán)
  9. "Denuncian que parte del castro de Taramancos ha sido destruida". La Voz de Galicia. 27 de setembro de 2011. (en castelán)
  10. "La obra de la variante de Noia obliga a trasladar el castro de Taramancos". La Voz de Galicia. 28 de setembro de 2011. (en castelán)
  11. "A Xunta arrasa cos únicos vestixios romanos de Noia". galiciaconfidencial.com. 28 de setembro de 2011. (en castelán)
CG-1.5

O corredor CG-1.5 é unha vía de altas prestacións e variante de poboacións que une a autovía AG-56 en Brión coa nova ponte sobre a ría de Noia (estrada AC-549), con saída á estrada AC-550 na parroquia de Barro (Noia), ao carón da desembocadura do río Tambre, sendo unha alternativa á estrada AC-543. Ten unha lonxitude de 16,85 km. É propiedade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.