Ponte de Rande

A ponte de Rande é unha construción civil que atravesa a ría de Vigo, unindo a Península do Morrazo no lado norte coa comarca de Vigo na beira sur. Forma parte da autoestrada do Atlántico e é un dos emblemas da Ría de Vigo e Galiza.

Coordenadas: 42°17′17.09″N 08°39′37.84″O / 42.2880806, -8.6605111

Ponte de Rande
Puente de Rande
Localización
RíoRía de Vigo
ConcelloRedondela - Moaña
ProvinciaPontevedra
Características
Construción1973–1981
Lonxitude1554 m
Ancho23,46 m
Gálibo50 m
TipoDe cables atirantados
Material

Situación

Recibe o nome do estreito de Rande.[1] No seu lado sur a ponte comeza no barrio de Cabanas (parroquia de Trasmañó, concello de Redondela). Polo lado norte atravesa uns metros o concello de Moaña a través da parroquia de Domaio, e sae ao concello de Vilaboa, na parroquia de Cobres.

Situase aproximadamente no quilómetro 148 da autoestrada do Atlántico.

Enxeñería

As obras de construción comezaron a finais do ano 1973, coa colocación da primeira pedra o 17 de decembro, e duraron ata o ano 1977, aínda que a ponte non se inaugiraría e abriría ao tráfico ata catro anos despois, o 7 de febreiro de 1981 [2], debido a que as prolongacións dos accesos a terra non quedaron rematadas ata ese ano. O seu custo foi de 3.658 millóns de pesetas da época e o proxecto orixinal é dos enxeñeiros Fabrizio de Miranda, Florencio del Pozo e Alfredo Passaro.

A ponte dispón de tres vans: os laterais de 147,42 metros, e o central de 400,14 metros de luz entre os eixos dos piares centrais. O taboleiro resólvese cunha estrutura metálica atirantada con cables de aceiro, cun largo de 23,46 metros e un canto de 2,46 metros. Os piares centrais son de formigón armado de 118,60 metros de altura. As travesas dos piares principais son de formigón postensado. Para acceder a ponte, conta con dous viadutos de formigón pretensado, de 753 metros no lado sur e 106 metros no lado norte.

Con estas dimensións, no momento da súa construción foi unha das pontes cun maior van central do mundo dentro desa tipoloxía concreta de pontes de cables atirantados, e a número un dentro da Península Ibérica. No ano 2013, na clasificación de pontes desa tipoloxía, era a ponte número 103 do mundo cun maior van central e a segunda de España, por detrás da ponte do Enxeñeiro Carlos Fernández Casado que cruza o encoro de Barrios de Luna, na provincia de León.

Actualmente soporta un tráfico de mais de 50.000 vehículos ao día. Dende a súa apertura ao tráfico en 1981 xa pasaron por ela máis de 230 millóns de vehículos. Por mor deste intenso tráfico está prevista a súa ampliación [3] cun carril mais por sentido polos lados exteriores da ponte, que serían exclusivos para o acceso aos vehículos con orixe e destino a Península do Morrazo. No mes de febreiro de 2015 comezaron as obras para facer realidade este proxecto de ampliación, cun investimento estimado de 107,9 millóns de euros.

Peaxe na sombra

Até o ano 2006 era unha ponte exclusivamente de peaxe. En maio dese ano [4], pasou a ser un tramo de peaxe na sombra, financiado ao 50% pola Administración Xeral do Estado e ao 50% pola Xunta de Galicia.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da Ponte de Rande.
Puente de Rande Pontevedra España
Ría de Vigo Galicia 2
Ria de Vigo. Ponte de Rande. Galiza
Puente rande tablero inferior
Ponte de Rande atarceder

Notas

  1. Rande é un lugar da parroquia de Cedeira, no concello de Redondela.
  2. "El día que se abrió Rande", en Faro de Vigo, 6.02.2011.
  3. Julio Martínez Calzón, Manuel Juliá Vilardell, Álvaro Serrano Corral and Miguel Gómez Navarro. "Structural Engineering International", November 2008, n. 4 v. 18 (en inglés).
  4. Real Decreto 633/2006 do 19 de Maio (en castelán)

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

7 de febreiro

O 7 de febreiro é o 38º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 327 días para finalizar o ano, 328 nos anos bisestos.

AG-46

A AG-46 ou Autovía do Morrazo é unha vía de alta capacidade, en construción desde 2015, dependente da Xunta de Galicia. A obra é consecuencia do desdobramento do CG-4.1 por mor da súa elevada sinistralidade e tráfico, especialmente en temporada estival. Está previsto que os primeiros tramos entren en servizo en 2018.

AP-9

A autoestrada do Atlántico ou AP-9 é unha autoestrada situada no oeste de Galicia. Comunica a cidade de Ferrol coa fronteira con Portugal, cruzando o oeste de Galiza de norte a sur, atravesando as provincias da Coruña e Pontevedra. No extremo sur da autoestrada, ao chegar a Portugal, convértese na A-3, con destino á capital portuguesa, Lisboa pasando polo Porto.

Comunica grandes cidades e vilas coma Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela, Padrón, Pontevedra, Vigo, O Porriño ou Tui.

Arde Rande

Arde Rande é un festival de música rock celebrado anualmente no mes de xullo no concello pontevedrés de Redondela. Recibe esta denominación por celebrarse baixo a ponte de Rande, no lugar de Cabanas, na parroquia de Trasmañó.O festival celebrouse por vez primeira en 2007, organizado pola Asociación Deportiva Cultural de Rande.

Asociación de Mariscadoras de Moaña

A Asociación de Mariscadoras de Moaña foi creada en 1978. Ten a súa sede no local da Confraría de Pescadores de Moaña. A asociación foi creada cos propósitos de conseguir un soldo digno para as mariscadoras, que se recoñecese o seu traballo como mulleres, mellorar os seus dereitos salariais e ter dereito a unha atención médica entre outros.

Esta asociación traballa en todas as praias de Moaña, dende a Ponte de Rande ata Cangas. A praia con mellores condicións é a praia da Xunqueira.

A Xunta de Galicia estableceu unha serie de criterios para as persoas que queiran formar parte da asociación, como ser maior de idade, ter completada a ESO e contar co permiso de explotación para o marisqueo de a pé. No caso de haber moitas solicitudes teñen preferencia as persoas de Moaña. No ano 2016 a asociación estaba composta por 73 mulleres e de momento non contan aumentar o número porque os recursos non dan para máis persoas, se queren obter un salario digno.

Carballiño, Cesantes, Redondela

Carballiño é un lugar da parroquia de Cesantes, no concello de pontevedrés de Redondela. Ten 485 habitantes, 420 homes e 425 mulleres.

Chapela, Redondela

San Fausto de Chapela é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Segundo o IGE en 2013 tiña 7.538 habitantes (3.830 mulleres e 3.708 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 7.498 habitantes.

Enseada de San Simón

A enseada de San Simón é a enseada na cabeceira da Ría de Vigo. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e que vai desde o estreito da Ponte de Rande ata as enseadas de San Simón e enseada de Vilaboa, acollendo as salinas de Ulló, a illa de San Simón e as illas Alvedosas.

Estreito de Rande

O estreito de Rande é un estreito mariño galego localizado na ría de Vigo. Separa de xeito natural a enseada de San Simón do resto da ría. Por terra, separa a península do Morrazo da comarca de Vigo. Dende o ano 1978 o estreito está conectado mediante a ponte de Rande, unindo a vila de Moaña coa parroquia redondelá de Cedeira.

O nome do estreito provén do lugar homónimo, na parroquia redondelá.O 23 de outubro de 1702 librouse no seu seo a Batalla de Rande, que enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa na Guerra de Sucesión Española.

Galería de imaxes da Ponte de Rande

Imaxes da ponte de Rande.

Gerardo Campos

Gerardo Campos Ramos, nado en Vigo en 1881 e finado o 11 de setembro de 1964, foi un ciclista, comerciante, emprendedor e xornalista galego.

Moaña

Moaña é un concello da provincia de Pontevedra, situado na península que dá nome á comarca do Morrazo. O seu xentilicio é moañés. É un concello pequeno (35,1 km²) que no 2016 tiña unha poboación de 19 458 habitantes, cunha alta densidade de poboación (554,35 hab./km²).

Monte da Guía

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia de Teis, no concello de Vigo, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, a carón da ría de Vigo. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, das illas Cíes, e da cara sur da península do Morrazo e da ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida en honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo importante relevancia na Segunda Guerra Mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, nas que destacan ademais dos carballos, os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade a través do autobús urbano (liña 17).

N-552

A N-552 é unha estrada nacional convencional que conecta a N-550 (da que formou parte até 1988), na altura da vila de Redondela, coa cidade de Vigo. Nos seus 9,72 quilómetros de percorrido ten varias conexións coa AP-9, de trazado paralelo desde a ponte de Rande até o barrio de Teis.

Trátase dunha estrada cunhas marxes moi urbanizadas o que supuxo que se construíran diversas rotondas ao longo do seu traxecto para mellorar a súa conectividade ademais da seguridade viaria.

Praia de Cabanas

A praia Cabanas é un pequeno areal da ría de Vigo, situado no lugar de Cabanas da parroquia redondelá de Trasmañó, ao lado oeste da Ponte de Rande. É unha das sete praias do concello, outras son a pequena praia de Rande (ao lado leste da ponte), a praia de Cesantes, ou a praia de Area Longa. A area é fina e dourada e a ocupación media.

Praia de Rande

A praia de Rande é un pequeno areal da Ría de Vigo, que practicamente desaparece na preamar, situado no lugar de Rande da parroquia redondelá de Cedeira, ao lado leste da Ponte de Rande.

É unha das sete praias do concello. Algunhas das outras son a pequena praia das Cabanas (ao lado oeste da ponte), a praia de Cesantes e a praia de Area Longa.

Redondela

Redondela é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. O seu xentilicio é redondelán. Ten unha superficie de 52,1 km² e, segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2018 tiña 29.194 habitantes, dos cales 14.219 eran varóns e 14.975 eran mulleres, resultando unha densidade de poboación de 560,35 hab./km². É o cuarto concello máis poboado da provincia, por detrás de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, e está situado entre as dúas primeiras, a 13 km de Vigo e a 20 km de Pontevedra.

Ría de Vigo

A ría de Vigo é a ría galega máis ao sur das Rías Baixas e unha das maiores en extensión. Ábrese ao Atlántico desde cabo Home, ao norte, ata ao cabo Silleiro, ao sur, e queda pechada na metade da boca polas Illas Cíes. A ría estreita na enseada de San Simón. Alí forma un estuario interior no que verten na boca da ría os principais afluentes: Oitavén-Vergudo e o Ulló.

A ría baña os concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona. A riqueza en recursos mariños da ría, os caladoiros e a presenza dun dos principais portos pesqueiros na costa da ría fan posible e explican a alta urbanización do litoral e a alta densidade demográfica.

Os principais espazos naturais que alberga a ría son a enseada de San Simón, as mariñas da Ramallosa e as Illas Cíes.

Vilaboa

Vilaboa (do latín villam bonam, 'vila boa') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE en 2016 tiña 6043 habitantes (2943 homes e 3100 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é vilaboés.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.