Ponte de Gundián

A ponte de Gundián, tamén coñecida como viaduto de Gundián, é unha ponte que salva o paso do río Ulla, na antiga liña ferroviaria entre Ourense e Santiago de Compostela.

Situado á altura do lugar de Gundián, na parroquia da Ponte Ulla (Vedra), na parte coruñesa, e a parroquia de San Miguel de Castro (A Estrada), na banda pontevedresa.

Álzase sobre dous afloramentos de rochas cuarcíticas, nunha paraxe de gran beleza.

Ponte de Gundián
Ponteulla Vedra Galicia 02
Localización
RíoUlla
ConcelloVedra - A Estrada
ProvinciaA Coruña - Pontevedra
Características
Construción1945 a 1956
Lonxitude219 m
Gálibo78 m
TipoArco
MaterialPedra

Características

Construído en pedra (sobre unha armazón de ferro), alcanza unha lonxitude de 219 m, elevándose 86 m sobre o río Ulla. O arco central da ponte está a unha cota de 133 m, que supón unha altura de 78 m sobre o leito do río.[1][2]

Historia

Gundián bridge, in Ponte Ulla, Vedra, Galicia, Spain (1 de 1)
Ponte de Gundián.

O trazado ferroviario Zamora-A Coruña foi unha das obras civís máis salientábeis do século XX en Galicia. Dentro deste trazado o paso do río Ulla destaca pola peculiaridade do terreo e as dificultades que presentaba a construción dun viaduto.[1] Situado no chamado Paso da Cova, que xorde ao cortarse a aba do Pico Sacro para dar paso ao río, formándose así un estreitamento entre dúas paredes duns 50 m de caída vertical,[3] o que converte a ponte de Gundián nun dos emblemas de toda a vía.

Proxecto

En tempos da ditadura de Primo de Rivera no ano 1928, redáctase o primeiro proxecto para o trazado, obra de Casimiro Juanes Díaz-Santos. Pero o viaduto non foi unha realidade até 30 anos despois, tras episodios intermedios como a redacción dun proxecto reformado, que realizaron Antonio Gáscue Echevarria e Gabriel de Venido Angulo en 1935, o informe a principios do ano siguiente do enxeñeiro xefe da Xefatura de Ferrocarrís do Noroeste. O proxecto reformado non se aproba ata 1939, pasada a guerra civil. Novas medicións in situ fan variar o perfil do terreo aproximándose ao real. Na memoria descríbese:

Destaca o empeño pola integración paisaxística da ponte; diferentes factores do proxecto xustifícanse ou sométense a xuízo en favor da integración co contorno.[1][2]

Construción

O seu construtor foi Ricardo Barredo de Valenuela, enxeñeiro de prestixio internacional,[4] home ligado á figura de Eduardo Torroja.[1] Abandonado o proxecto durante a guerra civil, ao seu termo o enxeñeiro xefe dos FF.CC. do NO emite o seu ditame favorábel para a construción da ponte, aprobándose un orzamento de 1.037.035 pesetas para levantar a que sería unha das pontes máis fermosas de Galicia.[2]

A ponte tardou en construírse 12 anos, de 1945 a 1956, aínda que entre 1949 e 1951 as obras estiveron paradas porque os obreiros foron destinados a outros puntos da liña onde obra ía máis atrasada.

Traballouse arreo, sen festivos nin paros, en dúas quendas, de 4 a 14 horas e de 14 a 22 e, en ocasións, coa axuda de farois; nalgúns momentos chegou a intervir unha terceira quenda.[2]

En 1945 iníciase a construción do túnel; primeiro nivelouse o terreo e posteriormente iniciouse a armazón de ferro até completar o arco central. Soldadores especializados ían construíndo pezas de dous ou tres metros, que posteriormente servían para facer o encofrado, desde andamios colgantes, o que era un labor moi difícil e perigoso, xa que, coas escasas medidas de seguridade da época, estaban pendurados a máis de 80 m do chan. Para cruzar o río usaban unhas longas varas, especie de xavelinas. En maio de 1955 colocouse a cimbra metálica do arco central e, un ano despois, quedaron unidos os dous lados do viaduto, que sería inaugurado en setembro de 1958.[2]

A nova ponte

Ponte de Gundian (37090362922)
Ponte de Gundián

O ministerio de Fomento, a través da entidade Adif, comezou a execución dun novo viaduto do Ulla, unha das construcións incluídas no subtramo Silleda (Dornelas)-Vedra-Boqueixón, do eixe Ourense-Santiago de Compostela do Corredor norte-noroeste de alta velocidade, que forma parte da L.A.V. Olmedo - Zamora - Galicia.[5]

A nova ponte, que arranca a tan só 130 m da ponte de Gundián, construíuse no ano 2008. Trátase dunha estrutura singular de máis de 1 km de lonxitude, que está considerada de interese arquitectónico en España. A singularidade desta obra e a complexidade e orixinalidade da súa construción, fixo que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia lle outorgara en 2001 o Premio San Telmo, co que este colectivo distingue a obra civil máis representativa en Galicia realizada durante o ano anterior ao da súa convocatoria.[6][7]

Valores paisaxísticos e deportivos

A súa elegante estética, e a súa situación, converten este viaduto nun referente da comarca, e en centro de atención permanente de fotógrafos e sendeiristas.

Para os sendeiristas, habituais na zona, o viaduto é un atractivo máis nesta paraxe de gran beleza, nunha natureza pouco explotada, cun desfiladeiro de cuarcitas por cuxo fondo discorre un dos ríos máis longos e caudalosos de Galicia.[2] Desde o miradoiro de Gundián, a carón da ponte, comeza unha rota de senderismo que vai paralela ao río Ulla, duns 15 km, no cuso da cal existen varias áreas recreativas e un muíño restaurado.[3]

Galería de imaxes

Gundian Vedra Galicia 1

A vía do tren, entrando no túnel

2323-Pontes sobre o rio Ulla en Vedra (Coruña)

As dúas pontes actuais de Gundián: a nova (para o ferrocarril de alta velocidade), en primeiro plano, e a vella, ao fondo

Gundian Vedra Galicia

Miradoiro de Gundián

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Viaducto de Gundián Arquivado 12 de xuño de 2018 en Wayback Machine. en IkiMap.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 El puente de Gundián sobre el Ulla cumple medio siglo en Líneas. La revista de Adif, 10 de outubro de 2008.
  3. 3,0 3,1 Mirador de Gundián en Casa rural Galicia. Blogdiario.com
  4. Cemento en Cerdedelo en La Región, Ourense, 18 de novembro de 2008.
  5. Fomento comeza a execución do arco central do Viaduto do Ulla no eixo Ourense-Santiago de Alta Velocidad Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Qué!, 12 de maio de 2009.
  6. "Bases Premio San Telmo". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 02 de maio de 2015.
  7. Premios San Telmo anos 2009 e 2011 Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine..

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Gundián, A Ponte Ulla, Vedra

Gundián é un lugar da parroquia da Ponte Ulla, no concello de Vedra.

Liña Zamora - A Coruña

A liña Zamora - A Coruña é unha liña de ferrocarril de 453 km de lonxitude que pertence á rede ferroviaria española. Une a Meseta con Galicia polo sur percorrendo as provincias de Zamora, Ourense, Pontevedra e A Coruña.

Seguindo a catalogación de Adif é a liña 822. Foi aberta ao tráfico na súa totalidade por Renfe en 1958 tras unhas longas e complexas obras que duraron máis de trinta anos e se viron afectadas por diversos avatares históricos.En 2015 estase a construír neste corredor a liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia.

Ponte

Neste artigo fálase da construción. Para outros significados, véxase Ponte (homónimos).

Unha ponte ( pronunciación ) é unha construción, normalmente artificial, que se precisa para salvar un accidente xeográfico, por exemplo un río ou un canón. Permiten, polo tanto, o paso sobre o obstáculo natural ou artificial, de persoas, automóbiles, trens, canalizacións ou condutos de auga (acuedutos).

O seu proxecto e o seu cálculo pertencen á enxeñaría, sendo numerosos os tipos de deseño que se aplicaron ao longo da historia, influídos polos materiais dispoñíbeis, as técnicas desenvolvidas e as consideracións económicas, entre outros factores.

Cando é construída sobre un curso de auga, o taboleiro é frecuentemente situado á altura calculada de xeito que posibilite o paso de embarcacións con seguridade baixo a súa estrutura. Cando é construída sobre un medio seco acostúmase chamar viaduto.

San Xoán da Cova, A Ponte Ulla, Vedra

San Xoán da Cova é un lugar da parroquia da Ponte Ulla, do concello coruñés de Vedra. En 2014 tiña 6 habitantes (4 homes e 2 mulleres).

Viaduto do Ulla

O nome de viaduto do Ulla pódese referir a varias estruturas de Galicia sobre o río Ulla:

O Viaduto do Ulla, na autoestrada AP-9, entre os concellos de Padrón e Pontecesures;

O Viaduto do Ulla, na autoestrada AP-53, entre os concellos de Boqueixón e Silleda;

O Viaduto do Eixo, situado na liña de alta velocidade ferroviaria Ourense-Santiago, entre Vedra e A Estrada;

O Viaduto do Ulla, situado no eixe atlántico de alta velocidade, entre Catoira e Rianxo;

A Ponte de Gundián, viaduto situado na Ponte Ulla, na liña de ferrocarril Ourense-Santiago, entre Vedra e A Estrada.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.