Ponte Sampaio, Pontevedra

Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o INE no 2008 tiña 1.111 habitantes (590 mulleres e 521 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.244 habitantes.

Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.

Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.

Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo.

Campo de Fútbol da Xunqueira - Ponte Sampaio
Campo de Fútbol da Xunqueira.

Coordenadas: 42°20′56″N 08°36′24″O / 42.34889, -8.60667

Ponte Sampaio
IPonte Sampaio
igrexa parroquial
ConcelloPontevedra
Área11,51 km²
Poboación1.047 hab. (2017)
Densidade90,96 hab./km²
Entidades de poboación4

Patrimonio

A ponte, de orixe romana, se ben a actual construción é medieval. Consta de dez arcos semicirculares. A igrexa parroquial de Santa María é románica, e data do século XIII. No lugar de Canos da Laxe hai outra ponte medieval sobre o rio Ulló e dez muíños de auga en mal estado de conservación, que se viron afectados pola crecida das augas no inverno de 2007.

Consérvanse petróglifos no monte de Chan da Cruz, restos dun poboado castrexo e tramos dunha calzada romana. Amais, na parroquia atopouse un machado da Idade de Bronce.

No Rañadoiro está o acueduto do Paredón, destinado a regadío. O cruceiro da Bica, no mesmo lugar, é de pedra policromada e na Semana Santa é decorado cun dosel vermello. A antiga escola unitaria para a rapazada de Rañadoiro, Vilar e Acevedo acolle actualmente un centro cultural. No lugar celébranse festas adicadas á Nosa Señora do Rosario.

Toro de Osborne - Ponte Sampaio - Pontevedra - 01
Un dos cinco touros de Osborne de Galicia.

En Acevedo hai un cruceiro (A Cruz) construído sobre un antigo petróglifo. No lugar está tamén a capela de San Xosé da Landreira, as ruínas dun pazo, vivendas de comezos do século XVII, unha fonte, e cinco muíños no río dos Muíños, destacando o Muíño de Riba, cunha característica cuba cilíndrica á que chega a auga a través dun acueduto. Segundo a tradición, a Pedra dos Ladróns servía de acubillo a perseguidos en varias guerras.

Nesta parroquia, a carón da N-550, está un dos cinco touros de Osborne existentes en Galicia: valados publicitarios colocados á beira das estradas por toda España na segunda metade do século XX e declarados patrimonio cultural e artístico.

Ponte Sampaio na cultura popular galega

A muiñeira de Ponte Sampaio suponse que foi tocada durante a batalla que tivo lugar ás beiras do río Verdugo [Cómpre referencia].

  • Vexo Caldas, vexo Vigo,/ tamén vexo Pontevedra,/ vexo a ponte de Sampaio/ camiño da miña terra [1].
  • Vexo Vigo, vexo Cangas,/ tamén vexo Redondela;/ vexo a ponte de Sampaio,/ camiño da miña terra [2].

Galería de imaxes

Estatua á Virxe do Carme.
Estatua á Virxe do Carme
Ponte sobre o río Verdugo.
Ponte sobre o río Verdugo
Ponte Sampaio.
Ponte Sampaio. 
As pontes.
As pontes. 

Notas

  1. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.
  2. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.

Lugares e parroquias

Parroquias de Pontevedra

Véxase tamén

Outros artigos

A cor negra na cultura popular galega

Coma acontece noutras cores, a cor negra representa na cultura popular galega a morte e, moitas veces, asóciase co mal e co demo. Aínda así, non son raras as crenzas que atribúen determinadas propiedades curativas ós animais de cor negra.

Así, as galiñas negras, e noutros lugares os pombiños negros, son os preferidos para certos ensalmos cos que curar enfermidades e mal de ollo. Igualmente, crese que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos cós das doutra cor, e pola mesma razón son os que se utilizan en determinados remedios para que estes sexan máis eficaces: como tal, os ovos de galiña negra curan as dores dos cólicos. Para cura-la dor de costado, aplícase sobre a parte dolorida unha galiña negra aberta en canal. En Ponte Sampaio (Pontevedra) utilizan cascas de ovos de galiña negra, mesturadas cunhas herbas, para diagnostica-lo mal de aire: faise unha pasta que se coloca nunha cataplasma sobre o ventre do meniño enfermo e, segundo a cor coa que apareza ó cabo das 24 horas, poderá identificarse o causante do mal.

Risco recolleu que se pode conseguir unha sonada beberaxe para namorar seguindo o seguinte ritual: cóllese unha pita negra ás doce da noite e acódese xunta un cemiterio, córtaselle a cabeza e guíndase dentro, sen dar volta á cabeza. A seguir, éntrase no camposanto e apáñase terra de sete sepulturas, cóllese a galiña e mestúrase esa terra coa cabeza e co sangue da pita, bótase todo nun lenzo e cóase auga por el, dando a beber desta auga á persoa a quen se quere namorar (Risco:472).

En xeral, o caldo de galiña que se dá ás mulleres paridas, para que recuperen axiña as forzas, é mellor se se fai cunha galiña negra.

O unto de porco negro úsase para cura-lo herpes (en Padrenda, Ourense), partido en nove anacos que se mesturan con nove areas de sal e nove follas de loureiro.

Dá boa sorte criar un gato negro regalado, así como é de mala sorte cruzarse no camiño cun gato negro. Para Rodríguez López, ter un gato negro na casa trae boa sorte. Lis Quibén recolleu a crenza de que para cura-lo tirizó había que pasa-lo rabo dun gato negro polo ollo enfermo.

Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de avelaíñas, pero se son de cor negra considéranse agoiros dunha desgraza próxima, mesmo dunha morte; se foren brancas, dise que veñen anunciar boas novas de familiares ausentes .

Dise tamén que algunhas veces a Santa Compaña vén precedida dun carneiro negro. Eladio Rodríguez supón que esta imaxe está relacionada coa superstición centroeuropea da cazaría salvaxe ou cazata infernal.

Taboada Chivite recolle a crenza de que na noite de San Xoán aparécese un touro negro de ouro no alto dun castro pontevedrés.

A galiña na cultura popular galega

A seguir recóllese información diversa sobre a pegada da galiña na cultura popular galega, e tamén a súa presenza na literatura oral galega, agrupando todo o referente á galiña, ó galo, polos, pitos e pitas, capóns e, por suposto, ós ovos. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Batalla de Ponte Sampaio

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron as tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

Ovo (alimento)

Este artigo trata sobre o alimento, para o concepto biolóxico véxase ovo (bioloxía).

Os ovos son un alimento de orixe animal, procedente das aves domésticas, e particularmente da galiña. Interésannos sobre todo como alimento, ó ser un ingrediente fundamental en calquera cociña, admitindo numerosas formas de preparación. Poden utilizarse como ingrediente principal ou como complemento en distintos pratos.

Son un dos alimentos máis consumidos polo ser humano e a súa produción constitúe un sector gandeiro específico, a avicultura, de considerable importancia económica.

A efectos legais, e de acordo coa regulamentación europea vixente, só pode aplicarse a denominación de ovos ós da especie Gallus gallus, sen romper, incubar nin cocer, e aptos para o consumo humano directo ou trala súa transformación en ovoprodutos. Quere isto dicir que a denominación xenérica de ovos debe aplicarse unicamente ós procedentes da galiña, mentres que para os doutras aves deberá especificarse na denominación a especie de procedencia. A práctica totalidade dos ovos comercializados, tanto en Galicia como no resto de España, son de galiña, mentres que os de paspallás, pata, pava ou ganso apenas chegan ó 0,1%.

Touro de Osborne

O touro de Osborne é un reclamo publicitario do brandy de Xerez Veterano, en forma de silueta dun touro de lida. Teñen un tamaño duns 14 metros de altura e están situadas en outeiros a carón das estradas de España.

Aínda que a función inicial era publicitaria, co paso do tempo e o arraigo cultural foi mudando, traspasando os límites da marca comercial da empresa, nun símbolo cultural de España. Existen reclamos similares, pero co nome do brandy Magno impreso sobre eles, nas estradas de México. En 2011 colocouse o primeiro touro de Osborne en terras africanas, na cidade de Melilla, visible desde Marrocos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.