Ponte

Neste artigo fálase da construción. Para outros significados, véxase Ponte (homónimos).
Noia Ponte madeira
Ponte de madeira en Noia
Limburg-Eisenbahnbruecke Lahn 2005-01-25a
Ponte en arco moderno con taboleiro superior
Ponte estaiada Octavio Frias - Sao Paulo
Ponte Octávio Frias de Oliveira, en São Paulo, a única ponte tirante no mundo con dúas pistas curvas sostidas por unha única estrutura

Unha ponte ( pronunciación ) é unha construción, normalmente artificial, que se precisa para salvar un accidente xeográfico, por exemplo un río ou un canón. Permiten, polo tanto, o paso sobre o obstáculo natural ou artificial, de persoas, automóbiles, trens, canalizacións ou condutos de auga (acuedutos).

O seu proxecto e o seu cálculo pertencen á enxeñaría, sendo numerosos os tipos de deseño que se aplicaron ao longo da historia, influídos polos materiais dispoñíbeis, as técnicas desenvolvidas e as consideracións económicas, entre outros factores.

Cando é construída sobre un curso de auga, o taboleiro é frecuentemente situado á altura calculada de xeito que posibilite o paso de embarcacións con seguridade baixo a súa estrutura. Cando é construída sobre un medio seco acostúmase chamar viaduto.

Etimoloxía

A palabra galega (substantivo feminino) ponte provén do latín pons que á súa vez descende do etrusco pont, que significa estrada .En grego πόντος (póntos), deriva talvez da raíz pent que significa unha acción de camiñar.

Historia

Sen dúbida que en moitos aspectos a historia da construción de pontes vai vencellada á historia da civilización. A través dela podemos medir unha parte importante do progreso dun pobo.

As primeiras pontes

Aparecen en tempos remotos nos que o home necesita de pasar obstáculos na procura de alimento ou abrigo.

As primeiras pontes terían xurdido de forma natural pola caída de troncos sobre os regueiros, proceso prontamente imitado polo ser humano, xurdindo entón pontes feitas de toros de árbores ou pranchas e eventualmente de pedra, usando soportes moi simples e trabes mestras. Aparecían pois as primeiras pontellas.

Co xurdimento da idade de bronce e a predominancia da vida sedentaria, tornouse mais importante a construción de estruturas duradeiras onde non abondaba para atravesar os vaos a pé ou con pasadoiros, maioritariamente, pontes de laxes de pedra (pontellas e pontillóns) . Da ponte en arco hai vestixios dende arredor de 4000 a.C. na Mesopotamia e no Exipto, e, mais tarde, na Persia e na Grecia (arredor do 500 a.C.).

A máis antiga estrutura chegada aos nosos días é unha ponte de pedra, en arco, situada no Río Meles, na rexión de Esmirna, en Turquía, e datada do século IX a.C.

As pontes romanas

A primeira ponte romana tería sido construída no Tíber no ano 621 a.C. e foi chamada de ‘’Pons Sublicius’’ (Ponte das Estacas).

É no século III a.C. que os romanos comezan a se dedicar á construción de pontes en arco, atinxindo un desenvolvemento nas técnicas de construción e proxecto nunca antes visto e dificilmente superado nos mil anos seguintes.

Exemplos desta magnífica capacidade de construción son algunhas pontes que perdurarán até os nosos días, como, por exemplo, a pons Aelius(hoxe ponte Sant'Angelo) (134 a.C.), sobre o Tíber, (onde foi usada pozzolana (unha especie de cemento que mantén a resistencia mesmo somerxido, a ponte de Alcántara, en Toledo ou o Acueduto de Segovia (século I).

Os arcos foron usados por vez primeira no Imperio Romano, para a construción de pontes e acuedutos, algúns dos cales aínda hoxe se manteñen de pé. Os romanos, foron tamén os primeiros a usar o cemento, o que reduciu a variación da forza que a pedra natural ofrecía. Pontes de tixolo e argamasa, foron construídas despois da era romana, á medida que se ia abandonando a tecnoloxía do cemento.

Idade Media

As ordes relixiosas desempeñan un papel determinante na manutención e expansión do coñecemento relativo á construción de pontes o saber adquirido na construción de cúpulas á construción de pontes en arco.

É tamén nesta época que comezan a aparecer pontes coas finalidades máis diferentes: militares, comerciais, residenciais ou mesmo espirituais. A gran contribución da idade media na técnica das pontes é a diversificación dos arcos de soporte que pasan a incluír os arcos oxivais, non só máis elegantes, senón mais seguros e fáciles de construír.

Xorden ordes relixiosas especializadas na construción de pontes como os italianos Fratres Pontifices, que se expandirán por Francia, co nome Frères Pontiffes e por Inglaterra co nome Brothers of the Bridge.

Renacenza

Durante o Renacemento o aumento das necesidades de migración e transporte levou a unha evolución das técnicas construtivas, principalmente das pontes de celosía ou enreixado, como consecuencia do seu estudo mais afondado polos artistas do renacemento.

Francia tornouse un bastión da enxeñaría das pontes: o Corps des Ponts et Chaussées creado por Lois XIV para manter as estradas e as pontes do reino, viría a dar orixe no século XVIII á École des Ponts et Chaussées, a primeira escola superior de enxeñaría civil do mundo.

Co renacemento a forma dos arcos e dos piares alterouse no sentido de aumentar os vans e transmitir unha sensación de levantamento e estética.

A revolución industrial

Co advento da Revolución Industrial, no século XIX, foron desenvolvidos sistemas de armazóns en ferro forxado para pontes mais anchas, mais o ferro dificilmente posuía a forza de tensión de abondo para soportar as grandes cargas dinámicas esixidas principalmente polo camiño de ferro coas recentemente inventadas locomotoras a vapor. A invención de novos métodos de fabricación do aceiro, que ten unha maior forza de tensión, permitiu a construción de pontes mais aptas para estas novas necesidades.

As pontes suspensas modernas fan a súa aparición nesta época, con fíos de aceiro entrelazados permitindo vans cada vez mais extensos.

A introdución destes novos tipos de ponte e de materiais, non impide o rexurdimento de pontes de celosía en madeira nos Estados Unidos de América e na Gran Bretaña debido, maiormente, ao baixo custo e á gran dispoñibilidade da materia prima.

Entre mediados do século XIX e mediados do século XX, co gran desenvolvemento do camiño de ferro e das comunicacións en xeral, foron desenvolvidos numerosos proxectos de pontes. O uso do aceiro en vez do ferro ou ferro fundido, posibilitou atinxir vans cada vez maiores. Estas pontes foron construídas en arco, vigas reticuladas (cantiléver) e suspensión.

Foron desenvolvidas novas técnicas para a construción de fundicións recorrendo ao uso de cilindros metálicos en ferro que eran presurizados e fundidos nos lugares de construción dos piares das pontes. No seu interior os operarios escarvaban o solo mol até chegaren á pedra estábel baixo o leito do río. Só mais tarde se viría a descubrir a importancia dunha descompresión amodo evitando deste xeito mortes e doenzas de numerosos traballadores.

O maior dominio das técnicas de proxecto e construción e a introdución de novos materiais non impediron con todo a caída dalgunhas pontes e o xurdimento de problemas que só despois se soubo que era pola influencia dos ventos nas pontes suspensas podendo provocar o seu colapso.

Foi o caso da ponte Tacoma Narrows, no estado de Washington, EUA que, cun van de 853 metros e un taboleiro con só 2,4 metros de grosor, oscilaba mesmo con ventos lixeiros. A colocación de tirantes adicionais non foi suficiente para contrarrestar esta oscilación e, en 1940, cun vento de só 68 km/h comezou a oscilar significativamente sendo pechada ao tránsito e colapsando pouco despois. Este e outros fallos chamaron a atención dos enxeñeiros na importancia do factor vento na construción destas estruturas, e provocando o desenvolvemento da análise do comportamento aerodinámico principalmente sometendo modelos á escala a túneles de vento.

Os nosos días

Akashi-kaikyo bridge3
Ponte Akashi-Kaikyo.

Despois da Segunda Guerra Mundial moitas das infraestruturas ferroviarias tiveron que ser reconstruídas. Xeneralizouse o uso do formigón e do aceiro, principalmente con pontes en formigón pretensado. As cofraxes metálicas e as trabes pasaron a ser soldadas no canto de fixas con remaches.

Constrúense numerosas pontes suspensas ou colgantes, e, en particular, pontes atirantadas coas máis variadas disposicións dos cabos de suspensión. Logo se decatan que as pontes en formigón, debido á importante carga propia que posúen, son pouco sensíbeis á carga variábel e, como tal, pouco influenciadas por esta, o que lles dá unha importante estabilidade.

Estes factores asociados permitiron superar obstáculos até entón dificilmente superábeis. O van de 1995 metros acadado na ponte colgante de Akashi-Kaikyo, no Xapón, é un bo exemplo.

O futuro

É de esperar desenvolvementos nas técnicas de construción, manutención e rehabilitación de pontes, coa introdución de novas técnicas construtivas e novos materiais(aluminio, fibra de vidro) ou evolución das características dos xa utilizados(formigón, aceiro).

As novas pontes serán certamente construídas de xeito mais económico, seguro e con maiores niveis de calidade.

Un salto importante estará no advento das chamadas pontes intelixentes que, dotadas de sensores, procesadores de datos e sistemas de comunicación e sinalización, poderán alertar dun conxunto de situacións, dende sobrecargas, subidas dos niveis das augas, ventos, formación de xeo, sismicidade, rotura de certos puntos neurálxicos da ponte, fatiga dos materiais, corrosión. Estes sistemas "intelixentes" poderán chegar ao punto de seren "reactivos", por exemplo, combatendo a corrosión a través de sistemas de raios catódicos instalados na propia ponte, usando sistemas de desconxelación do xeo presente no taboleiro, ou mesmo accionando deflectores de ar de forma que se asegure a mellor estabilidade da ponte fronte ao vento ou a cargas variábeis.

A posta en funcionamento de todos estes sistemas, grazas a unha estreita colaboración entre a enxeñaría de materiais e a electrónica, depende, ademais da propia evolución da ciencia, dos estudos económicos que demostren a súa viabilidade.

Tipos de pontes

As pontes poden ser clasificadas polo uso para o cal foron deseñadas, o material, ou polo tipo de estrutura empregado na súa concepción.

Polos materiais

Polo uso

As pontes son normalmente concibidas para o tráfico de trens, persoas (chamadas 'pasarelas’ ou pontellas na súa concepción máis tradicional) ou automóbiles, para oleodutos ou transporte de auga. Nalgúns casos poderán existir restricións ao seu uso como por exemplo no caso de pontes de autoestradas, nas cales está prohibida a circulación de peóns e bicicletas, por exemplo.

Pontes de uso decorativo e cerimonial

A fin de crear bonitos efectos, algunhas pontes son construídas alén do uso funcional ou afastándose dos modelos tradicionais. É común atopar en Galicia exemplos de pequenas pontes en áreas recreativas feitas en madeira seguindo modelos puramente estéticos e moi apartados dos materiais e conformacións tradicionais.

É frecuente que se constrúan bastante mais altas do que é necesario. Este tipo é común atopalo nos xardíns orientais e é chamado Moon Bridge, en homenaxe á lúa chea.

En moitos palacios, son construídas pontes sobre cursos de auga artificiais, para simbolizar o paso a un lugar importante, ou un estado de espírito. Un conxunto de cinco pontes, sobre un curso de auga sinuoso, é un importante xardín da Cidade Prohibida en Pequín na República Popular da China. A ponte central era reservada exclusivamente para o Emperador, a Emperatriz e seus convidados.

Polo tipo de estrutura

  • En arco.
    • Con taboleiro superior.
    • Con taboleiro inferior.
  • Trabe.
  • Lousa.
  • Pénsil,ou colgante.
  • Atirantada (de tirantes).
  • De sección variable.
  • Reticulada.
  • De sección oca.
  • Móbil.

Pontes móbiles

MovableBridge curl

recollíbel

MovableBridge draw

dobre levadiza

MovableBridge fold

encartábel

MovableBridge table

ascendente con piares

MovableBridge lift

ascendente con mastros

MovableBridge swing

xiratoria [1]

MovableBridge thrust

esvaradía

MovableBridge transport

teleférica

Drawbridge

levadiza (nun castelo)

MovableBridge roll

levadiza (con contrapeso)

MovableBridge subm

somerxíbel

MovableBridge tilt

en arco móbil ou pivotante

Pontes de sona

En Galicia

Provincia da Coruña

  • Ponte de Gundián, viaduto do camiño de ferro na Ponte Ulla, no concello de Vedra. Dos anos 40 do século XX. Está clasificada de interese histórico-arquitectónico en España.
  • Viaduto do Eixo, sobre o río Ulla. Ponte rematada no ano 2008 de máis dun quilómetro de longo. Forma parte do percorrido de alta velocidade ferroviario. Considerada de interese arquitectónico en España.
  • Ponte Nafonso, ponte de orixe medieval de arcos de pedra encol do río Tambre preto da súa desembocadura no fondo da ría de Muros-Noia, unindo os concellos de Noia e Outes. Foi sometido a diversas reformas nos séculos XVI, XVII, XIX e XX.
  • Ponte Sigüeiro construción de cantaría do século XIV sobre o río Tambre, que une os concellos de Compostela e Oroso.
  • Ponte do Porco, sobre o Lambre, entre Miño e Paderne.

Provincia de Pontevedra

  • Ponte de Rande – ponte de tirantes que atravesa a ría de Vigo polo estreito do mesmo nome. Forma parte da autoestrada do Atlántico. Ten un van de 400 metros e data de 1981. Existe un proxecto de ampliación. É a maior ponte de Galicia e a terceira ponte máis longa de España.
  • Ponte do Burgo – cruza o río Lérez no concello de Pontevedra. Por ela discorre o camiño portugués a Santiago de Compostela. Orixinario do século XII.
  • Ponte de Santiago –cruza o río Lérez no concello de Pontevedra, discorrendo por ela a estrada N-550. Foi construída a mediados da década dos 70 (s. XX).
  • Ponte da Barca – cruza o río Lérez na súa desembocadura na ría de Pontevedra, unindo o barrio da Moureira da vila de Pontevedra co concello de Poio. A primeira ponte data do século XIX. A actual vén dunha reforma dos anos 90 do século XX.
  • Ponte dos Tirantes – cruza o río Lérez no concello de Pontevedra, entre a desembocadura do regato de Valdecorvos e o pazo da cultura. Data de 1995.
  • Ponte da Ramallosa – é unha ponte románica do século XIII que cruza o río Miñor entre as parroquias da Ramallosa (Nigrán) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona). Arrodeada de lendas.
  • Ponte Vella Internacional Tui-Valença, situada sobre o río Miño, entre Galicia e Norte de Portugal, está destinada ao tránsito de peóns, vehículos (orixinalmente carruaxes) e do ferrocarril. Data de 1886.
  • Ponte das Partidas – ponte medieval de orixe romana sobre o río Tea, no lugar de Urcela, na parroquia de Moreira, Ponteareas.
  • Ponte dos Remedios – ponte sobre o río Tea do século XV, en Ponteareas, chamada tamén de San Roque. Estrutura con tres arcos ovais e os correpondentes tallamares. Formaba parte do antigo camiño real que unía Tui e despois Vigo con Ourense e a Meseta. Deulle o nome á vila e ao concello.
  • Ponte de Cernadela, en Riofrío, Mondariz, sobre o Tea.
  • Ponte Vella de Andón, Aciveiro, Forcarei.
  • Ponte de Pedre, en Pedre, Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte do Tamuxe, sobre o río Tamuxe, en Tabagón, no Rosal.
  • Ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño, sobre o Tea.
  • Ponte de Mourentán, en Arbo, sobre o Deva.
  • Ponte de Ponte Sampaio, Ponte Sampaio, en Pontevedra, sobre o Verdugo.
  • Ponte dos Padriños (ou de Ponte Arnelas), sobre o Umia, que une as parroquias de Leiro (Ribadumia) e Baión (Vilanova de Arousa).
  • Ponte de Fofe, ponte medieval dun só arco en Covelo.
  • Ponte de San Xurxo – ponte do século XVIII que atravesa o río Lérez no concello de Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte Arnelas – s. XVI, en Baión, Vilanova de Arousa.
  • Ponte Cesures – s. I, ponte romana no lugar de San Xulián, en Pontecesures.
  • Ponte da Baxe – ponte moderna cun só arco apuntado sobre o Río Umia en Santo André de César, no concello de Caldas de Reis.
  • Ponte da Illa de San Simón – ponte de cadeirado na Ría de Vigo do século XIX, con tres arcos que une os illotes de San Simón na parroquia de Cesantes, no concello de Redondela.
  • Ponte das Brañas – é un pontillón que atravesa o río Lérez no lugar de Andón en Aciveiro (Forcarei), formada por tres vans alintelados de lousas de granito.
  • Ponte de Barreiriña – pontillón no lugar da Noveliza en Aciveiro (Forcarei).
  • Ponte de Toralla - ponte do século XX en Coruxo, Vigo, que une a Illa de Toralla coa praia do Vao.
  • Ponte de Bermaña – s. XVII, Ponte de cadeirado granítico con tres arcos apuntados de orixe romana en Caldas de Reis.
  • Ponte de Balaídos, ponte baixomedieval que atravesaba o río Lagares no lugar de Balaídos, Castrelos, Vigo. Construída en cantaría de granito, posúe un arco central de medio punto cun van de 5,5 m e catro tallamares triangulares.
  • Ponte de Sárdoma, ponte baixomedieval na parroquia de Sárdoma, en Vigo. Ponte con dous arcos apuntados De fábrica de granito con 11 m de longo e 2,5 m de largo. O antigo taboleiro era en rampla, hoxe horizontal.
  • Ponte Almofrei – ponte medieval dun só arco apuntado no lugar da Xesteira, na parroquia de Almofrei (Cerdedo-Cotobade).
  • Ponte Borela – ponte sobre o río Almofrei cun arco apuntado de orixe medieval. Na parroquia de Borela (Cerdedo-Cotobade).
  • Ponte Colgante de Calvelo – ponte pénsil de 30 m de longo de aceiro e madeira sobre o río Lérz na parroquia de Tenorio (Cerdedo-Cotobade).
  • Ponte de Laxe – ponte moderna (s.XVI-XVIII) na Laxe (Fornelos de Montes). Ten un só arco sobre o río de Valdohome, no antigo camiño entre as aldeas da Laxe e Airoa. Fábrica de perpiaño de granito, taboleiro de 35 m de lonxitude por 3,4 m de largo e 8 m de alto. Perigo de derrubamento.
  • Ponte da Carballa – anos 20 do século XX, ponte de cachotaría de granito e nove vans con pináculos, no lugar de Quintelas (Dúas Igrexas, Forcarei).
  • Ponte da Toxa – ponte que leva á Illa da Toxa, no Grove. De estilo modernista.
  • Ponte das Codeseiras – 1933, ponte de granito cun só arco no lugar do Cotiño, en Aciveiro, Forcarei.
  • Ponte de Verducido – do século XVII, cun gran arco semicircular e taboleiro ramplante sobre pequenos arcos, en Verducido (A Lama).
  • Ponte de Catoira – en Oeste (Catoira), á beira das Torres de Oeste.
  • Ponte de Mourentán, en Arbo.
  • Ponte de Parada, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte de Pedre, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte de Santo Antón, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte de San Cibrán , en Cangas. Pontiña na parroquia de Aldán que salva a cal do rego de Orxás. O taboleiro ten 4 m de longo cun só van. De orixe medieval, con bóveda de cadeirado e calzada horizontal.
  • Ponte de Segade, en Caldas de Reis.
  • Ponte de Valiñas, en Forcarei.
  • Ponte de Valoutas, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte de Vichocutín, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte do Atranco Grande, en Forcarei.
  • Ponte do Batán, en Forcarei.
  • Ponte do Crego, en Forcarei.
  • Ponte do Demo, en Silleda.Ponte sun só arco en Carboeiro sobre o río Deza. Foi restaurada hai poucos anos. O nome vén das lendas que atribúen o lugar a múltiples asasinatos.
  • Ponte do Ferrocarril, en Pontevedra.
  • Ponte do Muíño de Arriba, en Forcarei.
  • Ponte do Porto das Buratas, en Forcarei.
  • Ponte dos Portos, en Forcarei.
  • Ponte Gomail, en Forcarei.
  • Ponte Ledesma, en Vila de Cruces. Ponte construída en 1574 que atravesa o río Ulla, na parroquia de Gres. Ten nove arcos de perpiaño granítico, con doelas regulares ao igual que os tímpanos, aínda que carecen de imposta na transición co peitoril, por desaparecer posiblemente durante unha reconstrución posterior. As bóvedas ápoianse sobre piares tamén de cadeirado, con tallamares triangulares augas arriba e trapezoidais augas abaixo, coroados por pináculos piramidais. Reformada no século XIX.
  • Ponte Maril, en Forcarei.
  • Ponte do Arco da Carixa, en Vila de Cruces.
  • Ponte Piñeira, en Cerdedo-Cotobade.
  • Ponte Románica de Pontevea, na Estrada. Ponte medieval no lugar do Couso que forma parte do camiño de Santiago. Reconstruída no s. XVIII, conta hoxe con tres arcos semicirculares e outros tres lixeiramente apuntadas (románico).
  • Ponte romana sobre o río Deva, en Arbo. Ponte romana sobre o río Deva no lugar de San Xoán. Importante como punto de defensa na Guerra da Independencia con Francia.
  • Ponte Sulago, en Vila de Cruces.
  • Ponte Taboada, en Silleda.
  • Ponte Vella de Noveliza, en Forcarei.
  • Ponte Vella do Rabelo, en Forcarei.
  • Viaduto Madrid, na mesma Redondela. Ponte do camiño de ferro actualmente fóra de servizo. Salva o fondo val grazas a dous treitos de acceso construídos con bóvedas de cadeirado granítico e un treito principal formado por trabes metálicas (ferro forxado) sobre piares de fábrica. As bóvedas de acceso teñen 10 m de luz e os tramos metálicos 51 m, resultando polo tanto unha lonxitude de ponte de 256 m.
  • Viaduto Pontevedra, na mesma Redondela. Ponte metálica do s. XIX con trabes de celosías sobre piares tamén de celosía para o paso do camiño de ferro. Consta de tres vans metálicos e dez de cadeirado cunhas luces de 46.00-57.50-46.00 (metálicos) e 7.00 m cadeirado.

Provincia de Lugo

Provincia de Ourense

De sona internacional

Pont de Brooklyn de nuit - Octobre 2008 edit
A ponte de Brooklyn atópase no centro financeiro de Manhattan, Nova York, EUA.

Notas

  1. Tamén pode haber pontes con eixo de xiro vertical (como o xiratorio) pero rotando dende o final do taboleiro fixo (dende un ou dende os dous extremos), a súa dificultade técnica consiste en facer coincidir toda a xunta (de dilatación) na posición de servizo.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brown, D. J., Bridges. Macmillan Publishing Company, New York, NY, 1993

Outros artigos

Ligazóns externas

A Ponte de Domingos Flórez

A Ponte de Domingos Flórez (en castelán e oficialmente Puente de Domingo Flórez, e popularmente só A Ponte) é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 59,39 km², na que viven 1.655 habitantes (INE 2011), cunha densidade de poboación de 27,97 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.Na súa traxectoria política foi un dos fundadores da ORGA (1929) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, se ben non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.

As Pontes de García Rodríguez

As Pontes de García Rodríguez, tamén coñecido sinxelamente como As Pontes, é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE en 2016 tiña 10 399 habitantes, dos cales 5 091 eran homes e 5 308 eran mulleres. O seu xentilicio é «pontés». Atópase entre as comarcas da Terra Chá, ó leste, e a de Ferrol, ó oeste.

Debido a que o concello das Pontes é o de maior tamaño da provincia da Coruña, pódese atopar nel unha gran variedade de paisaxes distintas. O monte Caxado, ao norte, constitúe cos seus 756 metros de altura o punto máis elevado do concello e un dos máis elevados da provincia. Entre os ríos que discorren polo concello destaca o Eume, que percorre o concello ao longo de 9 quilómetros, e dá nome á comarca. No concello aséntase tamén gran parte do parque natural das fragas do Eume.

No ano 1267 atópase o primeiro texto que constata a existencia do "Concejo das Pontes". En 1376, Henrique II de Castela concedeulle o señorío da Vila das Pontes ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel. Este comezou entón a construción dun castelo e unha ponte seguindo o camiño real Lugo-Ferrol (a actual Ponte da Perfolla), dando lugar ao nome da vila de "Ponte de García Rodríguez", que posteriormente derivaría no actual nome do concello.

A principal industria do concello é a Central térmica das Pontes, cunha potencia de 1400 megavatios xunto con outra central eléctrica nova que usa o gas para producir electricidade. En 2012 rematou o proceso de enchido de auga da antiga mina de lignito esgotada, converténdoa nun lago de grandes dimensións cunha praia artificial.

Auñamendi Eusko Entziklopedia

Auñamendi Eusko Entziklopedia (ESA), é unha enciclopedia numérica co obxectivo de ser unha ponte entre a tradición, presente e futuro do País Vasco. Tamén é coñecida polo nome de Enciclopedia Auñamendi-Fondo Bernardo Estornés Lasa. A enciclopedia ten como obxectivo actualizar, traducir ó éuscaro os artigos e complementar os contidos da Enciclopedia Auñamendi de Bernardo Estornés Lasa.

Belesar, Vilalba

San Martiño de Belesar é unha parroquia do concello de Vilalba, na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2008 tiña 398 habitantes (196 mulleres e 202 homes), distribuídos en 37 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1991 cando tiña 484 habitantes.

Comarca de Santiago

A comarca de Santiago é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Santiago de Compostela. A esta comarca pertencen os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.

Concepción Arenal

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.

Francisco Ponte Blanco

Francisco Ponte Blanco, nado na Coruña en 1853 e finado na mesma cidade o 23 de agosto de 1926, foi un enxeñeiro e escritor galego.

Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Mera de Arriba, Ortigueira

Santa María de Mera de Arriba é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2013 tiña 96 habitantes (48 mulleres e 48 homes) distribuídos en 19 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 161 habitantes.

Ourense

Ourense é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Ourense e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Segundo o IGE, en 2016 a poboación foi de 105.893 habitantes (107.597 en 2012).

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como A cidade das Burgas debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén se lle coñece como Auria.

Destacan como monumentos a catedral de Ourense (século XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Maior, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, e o conxunto da súa zona vella, en proceso de recuperación.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas hai augas termais no balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.

Ponte, Silleda

San Miguel de Ponte é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o IGE, no ano 2017 tiña 155 habitantes (79 homes e 76 mulleres), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 32 habitantes en relación ao ano 2000 cando tiña 187 habitantes. O seu nome provén da antiga ponte que servía de paso entre as terras de Trasdeza e as de Deza.

Ponte Caldelas

Ponte Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. No ano 2016 tiña 5.573 habitantes, segundo datos do IGE. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é pontecaldelán.

Pontevedra

Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra.

Porto, Portugal

O Porto é unha cidade portuguesa, a segunda cidade e o terceiro concello máis poboado do país, capital do Distrito do Porto, situado na Rexión Norte e subrexión do Grande Porto, e tamén á Área Metropolitana do Porto. A cidade é considerada unha cidade global gama. O concello, com 41,42 km² de área, ten unha poboación de 237 591 habitantes (2011) dentro dos seus límites administrativos, sendo subdividido en sete freguesías.É a cidade que deu o nome a Portugal – dende moi cedo (c. -200), cando se chamaba Portus Cale, chegando a converterse máis tarde na capital do Condado Portucalense, dende onde se formou Portugal. É aínda unha cidade coñecida mundialmente polo seu viño, polas súas pontes e arquitectura contemporánea e antiga, o seu centro histórico, clasificado como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, pola calidade dos seus restaurantes e pola súa gastronomía, polo seu principal equipo de fútbol, o Futebol Clube do Porto, pola súa principal universidade pública: a Universidade do Porto, que se atopa entre as 200 mellores universidades do mundo e entre as 100 mellores universidades de Europa, ben como pola calidade dos seus centros hospitalarios.É a sede da Área Metropolitana do Porto, que agrupa 17 concellos con 1 757 413 habitantes en 2 089 km² de área, cunha densidade de poboación de 1 098 hab/km², o que sitúa a cidade na 13ª área urbana máis poboada da Unión Europea, sendo, polo tanto, a segunda maior zona urbana portuguesa. O Porto e a Área Metropolitana do Porto constitúen o núcleo estrutural da Rexión Norte, que ten unha área de 21 278 km² (24% do Continente) e unha poboación de 3 689 609 habitantes (censos de 2011). Comprende 8 subrexións ou unidades de nivel III (NUTS III).O Porto, xunto cos concellos veciños de Vila Nova de Gaia e de Matosinhos, forma a Fronte Atlántica do Porto, que constitúe o núcleo de poboación máis urbanizado da Área Metropolitana, situado no litoral, delimitado, no oeste, polo Océano Atlántico, coa influencia estrutural do estuario do río Douro, que une Gaia con Porto.

O Porto é a cidade máis importante da altamente industrializada zona litoral da Rexión Norte, onde se atopan grande parte dos grupos económicos do país, tales como a Altri, o Grupo Amorim/Corticeira Amorim, o Banco BPI, a BIAL, a EFACEC, a Frulact, a Lactogal, o Millennium BCP, a Porto Editora, a Sonae, a Unicer ou o Grupo RAR. A Associação Empresarial de Portugal ten sede no Porto. A Rexión Norte é a única rexión portuguesa que exporta máis do que importa.

Ramón Villar Ponte

Ramón Villar Ponte,

(tamén coñecido como Ramón Vilar Ponte) nado en Viveiro o 10 de xullo de 1890 e finado na Coruña o 14 de setembro de 1953, foi un dos máis importantes ensaístas das Irmandades da Fala, xunto ao seu irmán Antón.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2017 tiña 96.456 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

Sarria

Sarria é unha vila galega da provincia de Lugo, capital da comarca de Sarria. Cos seus 13.345 habitantes (13.352 no 2006, 13.155 no 2005, 13.132 no 2004, 13.142 no 2003) segundo o INE é o quinto en poboación da provincia. O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) sarriao/sarriá.

Taboada, Silleda

Santiago de Taboada é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda na comarca do Deza. Segundo o padrón municipal de 2014 tiña 214 habitantes (106 homes e 108 mulleres), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 237 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.