Poio

Poio (do latín podium, altura, montículo, fai referencia a un lugar elevado con boas vistas [5]) é un concello da comarca de Pontevedra, na provincia do mesmo nome. Segundo datos do IGE no ano 2015 tiña unha poboación total de 16.842 habitantes (homes: 8.326, mulleres: 8.516). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é poiense.

Sitúase na banda norte da ría de Pontevedra, pertencente ás denominadas Rías Baixas. Ten unha superficie de 34,17 km². Limita ó leste co concello de Pontevedra (límite natural marcado polo río Lérez), polo oeste cos concellos de Meaño, Meis e Sanxenxo, polo norte co concello de Meis e polo sur coa ría de Pontevedra. Destaca a presenza do Monte Castrove que marca o límite natural co concello de Meis, o punto máis elevado do municipio con 613 metros de altitude.

Na ría de Pontevedra atópase a Illa de Tambo, tamén pertencente ó concello de Poio.

Coordenadas: 42°26′46″N 08°41′07″O / 42.44611, -8.68528

Poio
Escudo de Poio
Poio Concello
Casa do concello.
Situacion Poio
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Pontevedra
Poboación17.018 hab. (2018)
Área33,9 km²
Densidade502,01 hab./km²
Entidades de poboación5 parroquias
Capital do concelloSan Xoán de Poio
Política (2019[2])
AlcaldeLuciano Sobral (BNG[3])
ConcelleirosBNG: 5
PPdeG: 8
PSdeG-PSOE: 3
Outros: aPOIO: 1
Eleccións municipais en Poio
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes32,63%
Na rede
concellopoio.gal
poio@concellopoio.org

Poboación

Censo total 2014 16.794 habitantes
Menores de 15 anos 2.715 (16.17 %)
Entre 15 e 64 anos 11.205 (66.72 %)
Maiores de 65 anos 2.874 (17.11 %)

Comunicacións

Polo concello de Poio pasa unha das estradas máis importantes da zona, a que comunica Pontevedra e A Lanzada, a PO-308. Tamén pasa o CG-4.8, parte da circunvalación de Pontevedra. Polo concello de Poio pasa nun pequeno tramo a PO-531.

As praias

O concello de Poio conta coas seguintes praias, todas elas enmarcadas na banda norte da ría de Pontevedra: Lourido, Polvorín, Cabeceira, Campelo, Pinela, Canteira, Chancelas, Chancelas Pequena, Ouriceira, Area da Barca, Covelo, Caeiro, Ladróns, Laño, Fonte Maior, Sinas, Raxó, Xiorto.

Dende o ano 2007 ata a actualidade, as praias de Cabeceira e Xiorto lograron a Bandeira Azul outorgada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) da Unión Europea.

Características socio-económicas

A situación xeográfica do concello, limitando coa cidade de Pontevedra, fai que estea moi ligado tanto económica como socialmente á capital da provincia.

Nas últimas décadas o concello experimentou un notable e progresivo aumento de poboación, debido en gran medida á construción de zonas residenciais, dada a súa proximidade á cidade.

O turismo estase a converter nun importante piar económico do concello, o que fixo posible a constitución dunha completa rede hoteleira. Outros sectores económicos importantes son o marítimo-marisqueiro, conserveiro, madeireiro e téxtil.

En 2013, o concello comezou a tramitar a construción dun polígono industrial en Fragamoreira, que ocuparía unha extensión de 391.000 metros cadrados. Pasado un ano e ante a falta de demanda de solo empresarial, a empresa pública Xestur comunicou ó alcalde que anulaba o proxecto [6].

Política

Tralas eleccións municipais de 2007 a situación política do concello quedou así:

Eleccións municipais, 27 de maio de 2007
Partido Votos % Concelleiros
BNG 3313 38.82 % 7
PP 3271 38.32 % 7
PSdG 1507 17.66 % 3
IDP 314 3.68 % 0

O BNG e o PSdG acordaron gobernar en bipartito elixindo como alcalde a Luciano Sobral Fernández, do BNG, quen xa ocupara ese posto na anterior lexislatura.

Resultado das eleccións municipais do 22 de maio de 2011:

Eleccións municipais, 22 de maio de 2011
Partido Votos % Concelleiros
BNG 3796 42,89 % 8
PP 3486 39,39 % 7
PSdG 1225 13.84 % 2

De novo o BNG e o PSdG renovan a súa coalición de goberno con Luciano Sobral á fronte da corporación municipal.

2015: Eleccións municipais en Poio

Eido cultural

Patrimonio histórico e artístico

Mosteiro de San Xoán de Poio
Mosteiro de Poio
Conxunto horreos
Hórreos en Combarro

Mosteiro de Poio: destaca o Mosteiro de San Xoán de Poio que segundo a tradición orixinouse no século VII e que foi reconstruído durante o reinado do rei Bermudo III e que acadou o seu momento de maior esplendor a partir do século XVI.

Conxunto histórico artístico de Combarro: un dos lugares máis visitados é o conxunto histórico artístico de Combarro cos seus hórreos a carón do mar. A orixe de Combarro podería estar ligada a un castro, contando con algúns restos arqueolóxicos. En 1980 descubríronse na Ermida da Renda restos pertencentes a un poboado galaico-romano do século I a.C. coñecido como "A Sividá" (a cidade). Xa no século XVII figura Combarro nalgunhas cartografías marítimas europeas.

Petróglifos: pertencentes á Idade de Bronce (1800-600 a.C.), Poio conta cunha abondosa concentración de petróglifos gravados en rochas ó aire libre. Gravados sobre rochas graníticas con formas variadas e tamaños de ata cinco metros de longo, poden ser vistos na Caeira a Pedra Grande de Montecelo e a Laxe das Lebres ou en Samieira o Outeiro da Burata e o Monte Cruxeiro ou Curuxeiro. O petróglifo da Laxe das Picadas, atopado en Poio, está exposto no Museo de Pontevedra. As representacións son xeométricas ou ben naturalistas (cervos, figuras antropomórficas etc.).

Construíuse un centro de interpretación arqueolóxica anexa ó Casal de Ferreirós (San Salvador), onde se explican e se poden ver reconstrucións dos petróglifos da área arqueolóxica da Caeira.

Ruta dos muíños: o concello de Poio conta cunha ruta de sendeirismo que percorre as beiras do río Freiría, coñecida tamén como Ruta dos Muíños, na parroquia de Samieira. Esta ruta está formada por un total de 23 muíños en proceso de restauración, sendo considerada como unha das máis importantes das Rías Baixas[Cómpre referencia]. Os 23 muíños que constitúen esta ruta son: Muíño do Cubo de Abaixo, Cancela, Portas, Cego, Loriña, Barreiro, Balboa, Espiga, Esperón, Muiñeiro, Suárez, Cabezudo, Teselán, Correa, Catalina, Novo, Ponte, Xirome, Campelo, Canabales, Carballos, Santiaguiño e Muíño de Arriba.

Suposta casa natal de Colón: existe a crenza de que Cristovo Colón naceu na localidade de Portosanto, onde está a casa natal e unha cruz de pedra, na que na súa base se lía o nome "Juan Colón". A casa de Colón foi restaurada para converterse nunha Casa - Museo da Emigración.

Parque da Memoria: situado na Reiboa (A Seca), consiste nun proxecto impulsado polo Premio Nobel da Paz e fillo adoptivo do municipio, Adolfo Pérez Esquivel, e polo alcalde de Poio, Luciano Sobral Fernández. Trátase dun gran auditorio aberto á ría, co que se homenaxea ás persoas que sufriron o exilio e a emigración nos cinco continentes e se reivindica a paz mundial. O monumento é un complexo consistente de catro monólitos en pedra do país (dous deles dobres), que representan unha metáfora sobre a vida dos exiliados e o efecto de luces e sombras que proxectan as moles de entre tres e catro metros de altura. Ademais, conta con oito bloques, a modo de bancos, que teñen gravados textos redactados para a ocasión por varios premios Nobel da Paz: José Saramago, Rigoberta Menchú, Nelson Mandela, Gorvachov, Dalai Lama, Aung San Suu Kyi, Desmond Tutu. No centro, unha gran rosa dos ventos no chan cunha semente simbolizando ó universo. A semente, creada polo propio Pérez Esquivel, foi trasladada denda Arxentina e conta cun láser no interior, simbolizando os distintos meridianos e o son en morse, transmitindo a palabra PAZ.

Poio A Memoria 01-02
Poio A Memoria 01-04
Poio A Memoria 01-07
Poio A Memoria 01-01

Festas e celebracións

Festa dos maios: cada 1 de maio celébrase a tradicional Festa dos Maios, cun certame con premios en varias categorías e agasallo de dúas roscas a cada grupo participante. Os maios fanse de forma cónica, con armazón de varas e canas atadas con vimbios. Esta cuberta cóbrese de fiúncho e xestas na base. Sobre esta capa decórase empregando distintas flores, laranxas, pampullos, margaridas, xarros e camelias. Sobre a estrutura colócase unha coroa de flores. Ó redor do maio, nenos e nenas cantan coplas irónicas alternando as coplas co golpear duns paus ritmicamente. O maio acostuma ir acompañado dun barco realizado cos mesmos elementos.

Entroido: ademais das habituais pasarrúas celébrase unha festa en honra do Galo Fodorico (Arís) e o Galo Bruxo (Samieira).

Festival de Poesía Poïética: o segundo sábado do mes de abril celébrase o Festival de poesía contemporánea galega, con recitais de destacadas poetas galegas. Pasaron por el autoras como Ana Romaní, Lupe Gómez, Rosa Enríquez, Pilar Beiro, Andrea Núñez ou Lucía Aldao. Acompáñase de outras manifestacións artísticas, como performances e música.

Día das Letras Galegas: 17 de maio, en Raxó. Carreira Popular e sesións de contacontos e títeres pola mañá no peirao. Pola tarde, acto da entrega do premio literario Xaime Isla Couto e conferencia sobre o homenaxeado no día das letras galegas a cargo dun persoeiro do eido da literatura.

Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva: primeiro fin de semana de xuño. Relatorios a cargo de prestixiosos especialistas para o estudo da gaita galega no contexto do gaitas de fol do noroeste peninsular no que se analizan as distintas variantes morfolóxicas do instrumento por áreas xeográficas. Certame de Gaiteiros, a través do que se potencia e se difunde o repertorio da tradición gaitística de Poio e tamén se recupera a gaita tumbal con ronquillo de dixitación pechada que tivo presencia no municipio e mais en Pontevedra até a súa desaparición a mediados do século XX.

Virxe do Carme: 16 de xullo (Campelo e Combarro)

Corpus Cristi: elaboración de alfombras de flores.

San Xoán: 24 de xuño, festa local do concello. Son tradicionais tamén no concello as fogueiras de San Xoán o 23 de xuño.

Día da Patria: o 24 de xullo conmemórase o día da Patria Galega. Cada ano, un persoeiro galego ofrece unha conferencia sobre a historia do nacionalismo galego no salón de plenos da casa consistorial. Ó remate, agasállase ós asistentes cunha bandeira e un gaiteiro interpreta o himno.

Día de Galiza Mártir: 17 de agosto, ás 13 horas, a pe do monumento a Alexandre Bóveda na Caeira. Hai unha homenaxe institucional e ofrenda floral. Asisten ó acto importantes persoeiros políticos e do eido da cultura de toda Galiza, así como os descendentes de Bóveda.

No ano 1942 en Buenos Aires, a Irmandade Galega impulsada por Castelao declarou o 17 de agosto Día dos Mártires Galegos. Fíxose así porque ese mesmo día de 1936 Alexandre Bóveda fora pasado polas armas neste monte da Caeira. Fora detido, acusado de traizón e condenado a morte por ser un dos creadores do Partido Galeguista, por colaborar na elaboración do proxecto do Estatuto de Autonomía de 1936 e por traballar en favor da liberdade, da convivencia democrática e do progreso de Galiza.

Nos últimos anos, o 17 de agosto é festivo local en Poio.

Rapa das bestas: a finais de agosto, no monte da Escusa (monte Castrove), apréixanse os cabalos salvaxes para marcalos e cortarlles as crinas.

Festa da Ameixa (Campelo): celébrase o último fin de semana de xullo, con degustación gastronómica, actuacións e concertos.

Festa do mar: na terceira semana de agosto. Inclúe o Encontro de embarcacións tradicionais, a Exposición Mare de artesanía (en Combarro) e degustación gastronómica de produtos do mar, así como diversas actuacións ó longo do día e concertos pola noite.

Magostos: ó longo do mes de San Martiño, celébranse numerosos magostos nas parroquias.

Festa de Reis: a tarde do 5 de xaneiro, festa infantil. Durante a festa faise a entrega dos premios da tarxeta de Nadal. A gañadora é a empregada polo Concello para felicitar as festas á veciñanza e ás institucións.

Poio na literatura popular

  • Árdelle o eixe,/ árdelle o carro,/ árdelle o eixe/ aos de Combarro [7].
  • Está San Xuán de Poio/ no médeo dos castiñeiros,/ pola súa porta pasa/ a danza dos mariñeiros.

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Poio
Mosteiro de San Xoán de Poio 1

Mosteiro. Claustro dos laranxos

Mosteiro de San Xoán de Poio 2

Mosteiro. Claustro das procesións

Monasterio de San Xoán de Poio (179591330)

Mosteiro. Bóveda do Claustro das procesións.

Rúa de Combarro

Rúa de Combarro.

Hórreo Combarro

Hórreo en Combarro.

Poio Concello detalle

Escudo do concello de Poio.

Lugares de Poio

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Poio vexa: Lugares de Poio.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultado eleccións 2019
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Poio". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 501.
  6. "Xestur advierte de que la demanda de suelo industrial en Fragamoreira es nula", en La Voz de Galicia, 29.10.2014.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 269. San Roque de Combarro é parroquia do concello de Poio.

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Caeira, Poio (San Salvador), Poio

A Caeira é un lugar da parroquia de San Salvador de Poio, no concello de Poio. Conta cunha poboación dunhas 1 200 persoas.

Adolfo Pérez Esquivel

Adolfo Pérez Esquivel, nado en Buenos Aires o 26 de novembro de 1931, é un arquitecto, escultor e activista de dereitos humanos arxentino a quen lle foi concedido o Nobel da Paz de 1980. Seu pai era natural da parroquia pontevedresa de Combarro (Poio).

Alexandre Bóveda

Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.

Comarca de Pontevedra

A comarca de Pontevedra é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Pontevedra. Pertencen a esta comarca os concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade (fusionado co concello de Cerdedo, da comarca de Tabeirós-Terra de Montes), A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa. No 2012 tiña 124.094 habitantes.

Combarro, Poio

San Roque de Combarro é unha parroquia que se localiza no concello de Poio. Segundo o INE no 2008 tiña 1.786 habitantes (892 homes e 894 mulleres), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.567 habitantes. Mailo INE, so conta 5 lugares: A Armada, Cidrás, Combarro, Chancelas e Xuviño.

Constituíu concello propio ata comezos do século XX.

Convento de San Xoán de Poio

San Xoán de Poio é un mosteiro medieval beneditino situado na parroquia de San Xoán de Poio, ocupado por unha comunidade de mercedarios. En 1971 foi declarado Ben de Interese Cultural

Diario de Pontevedra

Diario de Pontevedra, anteriormente El Diario de Pontevedra, é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968 pero que xa iniciara a súa andaina en 1889, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo.

É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada.

Dorrón, Sanxenxo

San Xoán de Dorrón é unha parroquia que se localiza no extremo oriental do concello pontevedrés de Sanxenxo, lindando xa co de Poio. Ó oeste linda coa parroquia de Bordóns, ó norte do concello de Meaño e ó sur coa Ría de Pontevedra.

Segundo o IGE, en 2016 tiña 1.393 habitantes (722 mulleres e 671 homes), o que supón un descenso respecto ó ano 2009, cando tiña 1.412 habitantes, pero un ascenso respecto ó ano 2000, cando tiña 1.328.

A parroquia ten unha superficie de 5,6 km 2, distribuída en 13 entidades de poboación.

Eleccións municipais en Poio

Corporacións democráticas en Poio desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcalde: Emilio Rey Fonseca — UCD

1983 Alcalde: Emilio Rey Fonseca — Independentes

1987 Alcalde: Armando Couselo Soto — AP

1991 Alcalde: Armando Couselo Soto — PPdeG

1995 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNG

1999 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNG

2003 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNGModelo:Poio 2003

2007 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNGModelo:Poio 2007

2011 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNG

2015 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNGCandidaturas: Luciano Sobral Fernández (BNG), Ángel Moldes Martínez (PP), María Consuelo Besada Lores (PSdeG-PSOE), Javier Mouriño Barreiro (Son de Poio) e Cristóbal Andrés Mora Lorenzo (CxG-CCTT).

2019 Alcalde: Luciano Sobral Fernández — BNG

Fernando Castro Santos

Fernando Castro Santos, nado en Lourido (Poio) o 20 de febreiro de 1952, é un adestrador de fútbol galego.

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia.

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras.

Illa de Tambo

A illa de Tambo atópase no fondo da ría de Pontevedra, e pertence ao concello de Poio do que esta separado por unha canle de 1,1 km pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 0´28 km², cunha altura máxima de 80 m, aínda que toda a súa parte central supera os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 km.

PO-308

A PO-308 é unha vía da Xunta de Galicia, que vai desde a Ponte da Barca, na Caeira (Poio), até A Lanzada (Sanxenxo), percorrendo a costa norte da ría de Pontevedra. Foi creada en 1986 logo da fragmentación da C-550, que percorría a costa galega das Rías Baixas.

Poio (San Salvador), Poio

San Salvador de Poio é unha parroquia que se localiza no concello de Poio. Segundo o padrón municipal en 2008 tiña 6542 habitantes (3337 mulleres e 3205 homes), distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 5152 habitantes.

No lugar de Andurique está o Centro de Daño Cerebral y Neurociencias Miguel Domínguez (antigo Sanatorio Nuestra Señora de La Meced), un centro de saúde privado da grupo empresarial Quirón Salud.

Poio (San Xoán), Poio

San Xoán de Poio é unha parroquia que se localiza no concello de Poio. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 5.582 habitantes (2.742 mulleres e 2.840 mulleres), distribuídos en 30 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 4.992 habitantes.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

Raxó, Poio

San Gregorio de Raxó é unha parroquia do concello de Poio, na comarca de Pontevedra Segundo o IGE, no ano 2014 tiña 1.144 habitantes (558 homes e 586 mulleres), 7 máis ca no ano 2008.

Con 1.8 km² é a parroquia máis pequena do concello. Dista 8,5 km da casa consistorial. Ten once entidades de poboación: A Igrexa, Caneliñas, Espedregada, Lameiriña, Outeiro, Praia, Portería, O Rego, Serpe, Terradepedra e Valdemós. Porén, debido ó desenvolvemento urbano o INE conta só dous núcleos, Raxó e Serpe.

Samieira, Poio

Santa María de Samieira é unha parroquia do concello de Poio. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 1.057 habitantes (537 mulleres e 520 homes) distribuídos en 12 núcleos de poboación, o que supón un descenso en relación ao ano 1999 cando tiña 1.063 habitantes.

VG-4.8

A VG-4.8 é unha vía galega de altas prestacións que funciona como parte da circunvalación de Pontevedra. Vai desde Campañó (na estrada PO-531) a San Xoán de Poio (na estrada PO-535) . As obras comezaron en outubro de 2002.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.