Pobos xermánicos

Os pobos xermánicos habitaban a rexión de Europa situada alén das fronteiras do Imperio Romano, entre os ríos Rin, Danubio e Vístula e os mares do Norte e Báltico, denominada Xermania. Eran considerados "bárbaros" polos romanos (do grego βάρβαροι, bárbaroi = estranxeiros, que non falan a lingua grega), pois non posuían a mesma cultura. Dividíanse en numerosas tribos.

Orixes

Nordic Bronze Age
Mapa da cultura da Idade de Bronce Nórdica, cerca de -1200
Pre-roman iron age (map)
Mapa das culturas da Idade de Ferro Prerromana relacionadas coa lingua protoxermánica, c. -500--60.

Con respecto ás orixes étnicas, evidencias desenvolvidas por arqueólogos e lingüistas suxiren que un pobo ou grupo de pobos que compartían unha cultura material común residía no norte da actual Alemaña e sur da Escandinavia durante o final da Idade de Bronce (-1000 - -500). Esa cultura é chamada Idade de Bronce Nórdica e abrangue o sur de Escandinavia e o norte de Alemaña. A longa presenza de tribos xermánicas no sur da Escandinavia (unha lingua indoeuropea chegou probabelmente sobre -2000) é tamén evidente polo feito de que non teñen sido encontrados nomes de lugares prexermánicos na rexión.

Os lingüistas, traballando a partir das historicamente coñecidas linguas xermánicas, suxiren que este grupo falaba o idioma protoxermánico, unha rama propia da familia de linguas indoeuropeas. As características culturais da época inclúen poboacións pequenas e independentes e unha economía fortemente baseada na gandería.

O desprazamento para o sur foi probablemente influenciado por un empeoramento no clima da Escandinavia entre -600 e -300. O clima quente e seco do sur da Escandinavia (2 a 3 graos mais quente que hoxe), empeorou considerabelmente, o que non só modificou dramaticamente a flora, senón que tamén forzou ás persoas a mudar o seu modo de vida e abandonar as súas poboacións.

Por esa época, esta cultura descubriu como extraer ferro dos xacementos nos pantanos de turba. A súa tecnoloxía para obter mineral de ferro debe telos axudado na expansión para novos territorios.

A cultura xermánica creceu para sueste e para suroeste, sen paradas repentinas, e pode ser diferenciada da cultura dos celtas que habitaban máis ao sur nas rexións do Danubio e Alpinas no mesmo período.

Período histórico

Primeiros contactos

Os primeiros contactos dos xermanos cos romanos ocorreron no ano -113, con derrotas para os romanos. Pouco despois, o xeneral Mario mudou moito o exército e conseguiu algunhas importantes vitorias sobre os xermanos, de estatura moito superior aos romanos. Xulio César (século -I) escribiu algo sobre os xermanos. Nese período, as tribos xermánicas vivían en aldeas rudimentarias, practicando unha economía comunal baseada na agricultura, na gandería e nas pillaxes. Cando as terras se esgotaban, partían á procura de outras. As áreas cultivábeis e os bosques eran de uso común para os habitantes das aldeas. Apenas os rabaños permanecían como propiedade particular, constituíndo a principal riqueza dos guerreiros.

A penetración xermánica no Imperio Romano

Artigo principal: Invasións bárbaras.

Pódese distinguir dúas grandes fases da penetración dos pobos xermánicos no Imperio Romano:

Invasiones bárbaras Imperio romano-es
Pobos bárbaros invadiron o Imperio Romano
  • Primeira fase - Migracións (até o século V): corresponde ao período en que se os pobos bárbaros migraron, de forma lenta e pacifica, aos dominios do Imperio Romano. O propio goberno romano establecía acordos cos pobos bárbaros, permitíndolles fixárense dentro das fronteiras do Imperio. Moitos deses xermanos chegaron a ingresar en unidades auxiliares do exército romano, sumando forzas na defensa das fronteiras de Roma. Algúns xefes bárbaros atinxiron, inclusive, postos de comando, estando incumbidos de misións militares especiais no interese do Imperio. Así, co tempo, ocorreu unha progresiva "xermanización" do exercito romano. Este feito comezou a xerar inquietude entre os romanos, ata tal punto que membros da elite de Roma, tomados polo medo, mostraron ao emperador que "estaban sendo protexidos por un exército composto por homes da mesma raza que os nosos escravos".
No goberno de Diocleciano (284/305), soldados xermanos pasaron a ser regularmente recrutados para servir nas lexións do Imperio Romano. As autoridades imperiais procuraban rodear as fronteiras de xefes bárbaros aliados, que mantiñan a independencia, os usos e os costumes, pero defendían os intereses romanos diante do mundo xermánico e eran recompensados con diñeiro e terras.
  • Segunda fase - Invasións (a partir do século V): corresponde ao período en que os pobos bárbaros invadiron o Imperio Romano, por medio de infiltracións ameazadoras, violentas e brutais. O factor de orde externa que mais colaborou para desencadear as invasións xermánicas foi a chegada a Europa, dos hunos, que eran guerreiros extremadamente feroces. Pobo nómade vindo da Asia Central, por razóns non plenamente esclarecidas, os hunos entraron en conflito con xermanos ostrogodos, aniquilando as súas estruturas sociais. Fuxindo da furia dos hunos, boa parte dos ostrogodos emigrou en dirección ao oeste europeo, para a rexión ocupada por outro grupo de xermanos, os visigodos.

Pouco tempo despois, os propios visigodos habían sufrir ataques hunos sen conseguir deter seu avance. O xefe dos visigodos solicitou, entón, ao emperador romano permiso para penetrar nos dominios do imperio. Sen prever as consecuencias de seu acto, o emperador Valente autorizou a entrada de millares de xermanos, que, así, atravesaron o río Danubio. Posteriormente, eses mesmos xermanos decidiron avanzar en dirección ao mar Mediterráneo, pillando e saqueando aldeas e cidades. Inaugurábase, dese modo, o período das grandes invasións.

Pouco a pouco, os diversos pobos xermánicos foron dominando diferentes rexións do antigo Imperio Romano e organizándose nos territorios conquistados. Xa por volta do século VII, case tódolos pobos xermánicos estaban establecidos en rexións da Europa.

Por volta do século IV, a Asemblea dos Guerreiros practicamente desaparecera entre os bárbaros, substituída por un Consello de Nobres. O contacto cada vez maior co Imperio leváraos a asimilar bastante a vida económica, a xerarquía social, a disciplina militar e a relixión dos romanos (moitos bárbaros convertéranse ao arianismo, rama do cristianismo considerado herético polo Primeiro Concilio de Nicea, realizado en 325). Mesmo así, as súas comunidades aínda eran ben rudimentarias e case todas descoñecían a escrita.

A partir de finais do século IV, premidos polos hunos, pobo nómade vido da Asia Central, as tribos xermánicas migraron en masa e dunha forma non pacífica para o interior do Imperio Romano de Occidente.

  1. Suevos, alanos, burgundios, francos, vándalos e visigodos penetraron, saquearon e ocuparon a Galia, a Península Ibérica, África e Italia.
  2. Anglos, saxóns e xutos tomaron a Britania.

Para defenderen Roma dos sucesivos ataques de determinadas tribos, os Emperadores recorrían ao auxilio doutros xefes bárbaros, ficando á súa mercede. As invasións xermánicas trouxeron desorde, destrución, fame e pillaxe ao xa decadente Imperio Romano, precipitando a súa desintegración no final do século V.

Características

Os pobos xermánicos nós estaban organizados socialmente en Estados, senón en comunidades tribais.

A estrutura social básica era a familia monogámica, cuxo poder absoluto era confiado ao pai. Despois, viñan os clans, compostos pola reunión de familias aparentadas, con ascendentes comúns. Finalmente, viñan as tribos, formadas polo agrupamento de varios clans. O órgano publico mais importante de cada tribo era a Asemblea dos Guerreiros, que deliberaba sobre asuntos como a declaración de guerra ou de paz, a liberación de prisioneiros, os crimes de traizón e a expulsión de membros da tribo.

Nas tribos xermánicas, os xefes (reis) exercían funcións relixiosas, militares e xudiciais. Malia que a súa autoridade se sometese á Asemblea, eses xefes asumían poderes case absolutos en tempos de guerra. Alén diso, tiñan o dereito de manter unha tropa persoal (séquito), composta de experimentados e fieis guerreiros, que se tornou, co tempo, cada vez mais numerosa.

A partir do século I de nosa era, pódense distinguir nesa sociedade catro clases sociais:

  • Nobreza: ocupaba postos de dirección na tribo.
  • Homes libres: clase composta polos guerreiros portadores de armas e con dereito de expresar as súas opinións nas asembleas.
  • Homes semilibres: clase constituída por membros de poboacións vencidas en guerra, excluídas do pobo libre polo feito de non pertenceren aos clans tribais.
  • Escravos: formados por prisioneiros de guerra, por fillos de escravos e por debedores insolventes.

A base da organización social das tribos era a “sipe”, especie de clan formada por familias ligadas por lazos de parentesco. Os seus membros protexíanse mutuamente e a ofensa a un deles atanguía toda a sipe, que practicaba a vinganza colectiva. Na guerra, o exército era recrutado entre os homes da tribo, maiores de 16 anos.

Os xermanos non coñecían cidades nin Estado. A mais importante institución política era a Asemblea dos Guerreiros da tribo, que decidía sobre a guerra, a paz, a liberación dos escravos e escollía o rei, con función relixiosa e militar. Os principais xefes desenvolveron o costume de manter unha "escolta" ou "séquito" de guerreiros, ligados ao líder por un xuramento de fidelidade. En caso de ataques e loitas, eran recompensados co produto das pillaxes, dando orixe a unha nobreza posuidora de terras e escravos.

Estrutura económica

Entre as principais actividades económicas, destacábanse a agricultura (trigo, cebada, centeo, legumes etc.) e a gandería (bois, carneiros). Ao principio, a propiedade da terra pertencía a todo o clan, sendo que os seus membros tiñan o dereito de ter en usufruto determinadas áreas. Entre tanto, en función das necesidades colectivas, os bosques, os pastos e a auga eran explotados de forma comunitaria. Era considerada propiedade individual apenas a casa familiar, pois representaba o templo dos deuses domésticos e o lugar e veneración aos antepasados. Malia con produción modesta, os xermanos dedicábanse á industria metalúrxica, fabricando belas e eficientes armas metálicas (lanzas, longas espadas, machados). Producían, tamén, obxectos cerámicos e pezas de ourivesaría de grande valor.

Vida cultural

Relixión

Os xermanos adoraban as forzas da natureza (trebón, sol, raio, lúa). Entre os principais deuses, encontrábanse: Wodan (Odín), señor dos mortos, do comercio, da guerra e das tempestades, Thor (Donar), protector dos labregos, cuxos brazos lanzaban raios, e Tiwaz, deus que gobernaba o ceo e dirixía as asembleas. A cerimonia relixiosa dos xermanos era bastante simples. O culto era celebrado no alto dunha montaña sagrada, xunto a unha árbore ou unha fonte. Crían na vida despois da morte e dicían que os guerreiros mortos nos campos da batalla eran levados polas valquirias (deusas da guerra) até unha especie de paraíso, denominado Valhalla. Dicían, tamén, que aqueles que morrían de vellos ou por doenza estaban destinados ao Hell, unha especie de reino das tebras.

Dereito

Non existían, entre os xermanos, normas xurídicas escritas. As relacións sociais eran regulamentadas por normas consuetudinarias, que se transmitían oralmente de xeración a xeración. A ordalía era un tipo de proba xudicial frecuentemente utilizada nos xuízos e consistía en someter o acusado ao suplicio do fogo ou á inmersión en auga. Se o acusado resistir ao suplicio, era considerado inocente.

Pensamento e artes

Absorbidos en tarefas inmediatas, como a guerra, a agricultura e a caza, os xermanos non se empeñaban en rexistrar de modo específico a súa visión de mundo e o seu pensamento social. Tiñan unha escrita (runas), que se encontra gravada en xoias e en armas, pero a súa función era, basicamente, decorativa e máxica (protexer o dono do obxecto). Xa no plano artístico, os xermanos deixaron importantes realizacións no que se refire á ornamentación de obxectos (armas, cintos, brazaletes, colares, aneis etc.). Os deseños decorativos baseábanse en animais estilizados e en motivos xeométricos, sendo utilizadas, principalmente, a roda e a cruz. Os xermanos non se dedicaron ao deseño da figura humana.

Pobos xermánicos

Véxase tamén

Outros artigos

Alamáns

Os alamáns (en alemán Alemannen) eran un conxunto de tribos xermanas suevas establecidas no bordo sur medio e inferior do río Elba, ao longo do río Meno onde foron mencionados por primeira vez por Dión Casio en 213.

Segundo Asinio Cuadrato, o seu nome, que significa "todos os homes" (xermánico: Alle Männer, todos os homes) indica que eran o agrupamento de varias tribos: hermunduros (hermións), iutungos, bucinobantes, lentienses, semmones, cuados e teutóns.

Os alamáns estiveron continuamente en conflito co Imperio Romano. Inicialmente situados ao norte da provincia de Recia, foron contidos polos romanos ata a metade do século III, tras dous séculos de enfrontamentos. Logran desprazarse aos poucos cara ao oeste para instalárense definitivamente sobre territorio que comprende unha parte das actuais Vorarlberg, Suíza, Baden-Württemberg e Alsacia.

Anglos

Os anglos foron un pobo xermánico que no século V invadiu e emigrou a Gran Bretaña, xunto cos xutos e os saxóns, moi relacionados étnica e lingüisticamente con estes últimos. Os anglos vivían no que hoxe é o norte de Alemaña, entre o río Rhin e o Elba e en parte do istmo de Xutlandia, en Schlewing.

A súa lingua é unha das bases do inglés xunto coa antiga lingua saxoa, sendo moi semellante a esta. En Gran Bretaña fundaron os reinos de Mercia, Northumbria e Anglia Oriental, e chegaron a unha mestura cultural cos saxóns, dando forma ó concepto anglosaxón e sendo a palabra da que deriva o nome do país, Inglaterra, England ou Terra Anglorum en latín.

Anglosaxóns

Os anglosaxóns foron un conxunto de pobos xermánicos que poboaron Gran Bretaña a partir do século V.

A partir de 430, chegaron a Britania os xermanos, en número considerábel. Falaban dialectos do xermánico occidental que deron orixe ao inglés antigo, eran politeístas e non coñecían a escritura:

Os saxóns procedían da rexión entre o río Elba e o Rin. Establecéronse na parte meridional do Támese e deron orixe aos reinos de Wessex (oeste), Essex (leste) e Sussex (sur).

Os anglos viñan da rexión entre o Elba e Xutlandia. Establecéronse ao norte de Essex (reino de Anglia Oriental), entre os ríos Humber e Firth of Forth (reinos de Bernicia e Deira que, ao unírense, formarían máis tarde o reino de Northumbria) e na zona central ao leste de Gales (reino de Mercia).

Os xutos procedían de Xutlandia. Establecéronse en Kent e na illa de Wight (reino de Kent).

Os francos e os frisios procedían do Rin.A loita foi constante cos nativos britanos celtas e entre os invasores. Non quedou en pé ningunha vila romana e só Londres conservou vida urbana. Os nativos opuxeron gran resistencia. Desta época procede a lenda do Rei Arturo, que narra as súas xestas e as dos seus cabaleiros contra a invasión.

Algúns dos britanos celtas refuxiáronse nos outeiros do oeste, Gales, o noroeste e o suroeste, e na Bretaña francesa, que tomou o seu nome deles. Tamén un grupo destes refuxiados chegou a Galicia, onde fundaron a diocese de Britonia (hoxe Bretoña) guiados por bispos como Maeloc. Xunto con escoceses e irlandeses, conservaron o cristianismo. O principal impulso ao cristianismo proveu da igrexa celta irlandesa encabezada por San Patricio. Enviou a Columba a Escocia, quen converteu aos pictos en 563 e fundou un mosteiro na illa de Iona.

En 597, o Papa Gregorio I o Grande enviou a Santo Agostiño a Kent, con corenta monxes beneditinos romanos, para converter ao rei Santo Adalberto ou Ethelberto (560-616), casado cunha raíña franca cristiá. Santo Agostiño fundou un mosteiro en Canterbury, onde foi coroado bispo en 601. Recibiu poderes para nomear bispos. Canterbury é desde entón sé oficial da Igrexa Romana en Gran Bretaña. Pouco máis tarde construíronse as catedrais de Rochester e de Londres (San Paulo).

En 633 o rei cristián Santo Oswoldo unificou Northumbria e chamou a Santo Aidan e aos monxes de Dowe para converter aos seus habitantes. Santo Aidan fundou un mosteiro na illa de Lindisfarne. O rei de Northumbria Oswy reinou de 641 a 670. Derrotou aos mercios en 655 e impúxolles o cristianismo. Os britanos celtas romperan a súa relación con Roma e evanxelizaban ás clases baixas. Oswy convocou o Sínodo de Whitby, que unificou a Igrexa baixo o primado do grecofalante Teodoro de Tarso, arcebispo de Canterbury. Teodoro fundou mosteiros e creou unha estrutura diocesana que permaneceu ata a Idade Media. A unidade eclesiástica aproximou aos distintos pobos ingleses, introduciu a cultura escrita e unha lingua común. En torno ás principais igrexas, comezou a rexurdir a vida urbana.

Offa reinou en Mercia (757-796), e chegou a dominar todos os reinos, salvo Northumbria, Wessex e as terras ao norte do Humber. Foi o primeiro que utilizou o nome de rei dos ingleses. Mercia prosperou grazas ao comercio. Acuñou a súa propia moeda, e cercou aos celtas de Gales e Cornualles coa muralla de Offa, barreira defensiva de 240 km de lonxitude.

En 789 chegaron os primeiros barcos viquingos daneses. As primeiras incursións tiveron como finalidade a pillaxe.

Ecgberht reinou en Wessex (802-839), venceu aos mercios, invadiu Kent e dominou Inglaterra, cuxo corpo político formalizou por primeira vez como Reino (827).

Entre 830-860, os viquingos realizaron moitas incursións polo esteiro do Támese, con flotas de centos de barcos. En 865 desembarcou en Anglia Oriental unha grande armada viquinga danesa, que tomou York en 867. En 869 eran donos de Northumbria e Anglia Oriental. En 870 deciden invadir Wessex, pero atopan unha organizada oposición no seu rei Etelredo I e o seu irmán Alfredo o Grande. En 871 Alfredo accede ao trono, que ocuparía ata 899. Negocia cos viquingos, que respectan o seu reino e conquistan Mercia. Pero en 878, atacan Wessex de novo. Alfredo refuxiouse nas marismas de Somerset, onde formou un exército, que venceu en Edington. Polo Tratado de Wedmore de 878, Alfredo aceptou que os viquingos daneses ocupasen gran parte de Inglaterra onde o seu rei Guthrum recibiu o bautismo e foi coroado monarca de Danelaw. Alfredo gañou así tempo para asentar as bases dunha nación unificada e formar un exército e unha armada organizados. Este modo de organización daría orixe ao feudalismo inglés. En 886, Alfredo tomou Londres. Construíu trinta cidades fortificadas con fins defensivos e comerciais. Grazas a estas disposicións, a partir de 890 os daneses apenas acosan o seu reino. Conquistou Mercia parcialmente. Nos últimos dez anos da súa vida fundou escolas, atraeu a monxes eruditos á Corte e el mesmo traduciu algunhas obras latinas ao inglés.

No Danelaw, a cultura anglosaxoa desapareceu. A lingua dos viquingos foi transformando ao antigo inglés en inglés medieval. O Danelaw constituía a zona máis próspera e poboada, grazas á actividade comercial. York converteuse nun centro de comercio internacional e Lincoln, Norwich e Londres eran tamén prósperos centros comerciais.

Un fillo de Alfredo, Eduardo o Vello, reinou en Wessex entre 899-924. Conquistou todo o Danelaw ao sur do Humber. Un neto de Alfredo, Aethelstan reinou en 924-939. En 926 capturou York e comezou a reconquista de Northumbria. En 927 venceu en Brunnanburh á alianza dos escandinavos de Dublín, e os reis de Strathclyde e Escocia. Logo, absorbeu os reinos de Mercia, East Anglia, Essex, Sussex e Kent.

Edred foi o primeiro rei dunha Inglaterra unificada en 946-955. Edgar reinou en 959-975. Fundou novos mosteiros onde se seguía estritamente a regra de San Bieito, reorganizando a cultura monástica, desmantelada polos daneses. A xerarquía eclesiástica fíxose máis culta e influente.

En 991 produciuse unha nova invasión danesa, que venceu en Maldon. O rei Ethelred (978-1016) casou coa filla do duque de Normandía en 1001 para asegurar o seu apoio. Os ataques continuaron e en 1013 o rei danés Sveyn Forkbeard invadiu Inglaterra con ánimo de permanencia. Capturou Oxford e Londres e Ethelred fuxiu a Normandía. En 1014 morreu Sveyn e os daneses de Inglaterra aceptaron como rei a Knut ou Canuto o Grande, fillo de Sveyn e irmán de Harold, o novo rei de Dinamarca. En 1016 Canuto venceu a Edmund Ironside, fillo de Ethelred, casou coa viúva deste, converteuse ao cristianismo e coroouse rei de Inglaterra (1016-1035). En 1018 Canuto convocou unha grande asemblea na que conciliou a ingleses e daneses, xurando respectar as leis e tradicións anglosaxoas. Á morte do seu irmán Harold, Canuto asumiu a coroa danesa e foi desentendéndose de Inglaterra. Conquistou Noruega e chegou a recibir homenaxe do rei de Escocia.

Trala extinción da liña de sucesión danesa en 1042, restaurouse a dinastía de Wessex na persoa de Eduardo o Confesor (1042-1066), fillo de Ethelred. Estaba xa enraizado o feudalismo. O Witan estaba formado por nobres, bispos e homes influentes, elixían ao rei e aconsellábano. Os condados eran as unidades administrativas. Cada condado dispoñía de tribunal e sheriff ou representante do rei. Existía un eficaz sistema de recadación baseado no catastro. Malia o seu voto de castidade, Eduardo contraeu matrimonio, coa filla de Godwin, conde de Wessex e Kent. Eduardo educouse en Normandía e rodeouse de conselleiros normandos. Entre eles, elixiu a Roberto de Jumieges como Arcebispo de Canterbury. Foi dispensado polo Papa do seu voto de peregrinar a Roma a cambio da construción da Abadía de Westminster; construíu nas proximidades o seu palacio e trasladou a corte desde Londres. Eduardo alcanzou, durante o seu reinado, unha gran popularidade entre o pobo que converteu a súa memoria no símbolo da Inglaterra independente.

A partir de 1050, sen descendencia de Eduardo, loitaron polo poder Godwin e os seus fillos Sveyn, Harold e Tostig, o rei Magnus de Noruega e o seu fillo Harold Hardrada e Guillerme, fillo bastardo do duque Roberto II de Normandía. Guillerme venceu na batalla de Hastings (14 de outubro de 1066) e foi coroado na abadía de Westminster o día de Nadal do mesmo ano.

Blót

Un blót (antigo nórdico) era un sacrificio do paganismo nórdico ós deuses e os espíritos da terra. O sacrificio moitas veces tiña a forma dunha comida ou festa sacramental. Prácticas relacionadas foron realizadas por outros pobos xermánicos, como os pagáns anglosaxóns. O elemento de blót do sacrifico dun cabalo é atopado nas tradicións indoeuropeas, incluíndo as tradicións indias, celtas, e latinas.

Borgoña

Borgoña (francés: Bourgogne, en borgoñón: Bregogne) é unha rexión administrativa da Francia, situada ao leste do país e que agrupa aos departamentos de Yonne, Côte-d'Or, Nièvre e Saona e Loira.

Habitada en tempos por celtas, galos, romanos e galo-romanos, e varios pobos xermánicos, de entre os cales os máis importantes foron os burgundios (de onde deriva o seu nome actual, a través dunha forma medieval Burgundia) e os francos. Convén, porén, distinguir entre Burgundia e Borgoña. Burgundia é o nome dun reino xermánico que durou até o ano 534, mentres que Borgoña aplícase a unha provincia do reino dos francos que ocupaba aproximadamente o mesmo territorio que Burgundia, polo que este mesmo nome é o utilizado para denominar á rexión de Francia na actualidade.

Burgundios

Os burgundios foron unha tribo xermana orixinaria de Escandinavia, que a partir do ano 200 iniciou unha migración masiva cara a Europa seguidos polos vándalos cara a Pomerania (Polonia). Instaláronse na Galia, entre francos e alamáns, nas beiras do Rin. Estableceron a súa capital en Worms e tomaron Maguncia aos romanos.

Durante o século III, instaláronse pacificamente na Provenza e as terras entre as actuais Suíza, Francia e Italia, qua acabaría tomando o nome de Borgoña por eles. En 534, os francos derrotaron a Gundemaro, o último rei burgundio, e anexionáronse o seu territorio trala masacre de Tolbiac.

Foron feitos heroes grazas ás súas fantásticas sagas como o Tesouro dos Nibelungos, un gran relato da época, editado por vez primeira na idade Media no Sacro Imperio Romano. Como moitas tribos xermanas, convertéronse ao arianismo, aínda que os católicos creceron trala conversión do rei Gundebaldo en 500.

Calendario xermánico

Os calendarios xermánicos eran os calendarios rexionais utilizados polos primitivos pobos xermánicos, antes de que adoptaran o calendario xuliano na baixa Idade Media.

Os pobos xermánicos tiñan as súas propias designacións para os meses, as cales variaban segundo a rexión e o dialecto, estas denominacións foron posteriormente substituídas por adaptacións locais dos nomes dos meses romanos. Os rexistros existentes dos nomes dos meses en inglés antigo e alemán antigo remóntanse ós séculos VIII e IX, respectivamente. Os rexistros máis antigos dos nomes dos meses en antigo nórdico remóntanse ó século XIII. Ó igual que a maioría dos calendarios premodernos, a asociación utilizada na cultura xermánica primitiva posiblemente foi lunisolar. O calendario rúnico desenvolvido en Suecia é lunisolar, fixando o comezo do ano coa primeira lúa chea logo do solsticio de inverno.

Os nomes dos meses non coinciden, polo que non é posible postular nomes dunha etapa en xermánico común, excepto posiblemente o nome do mes da primavera e do inverno, *austr- e *jehul-. Os nomes das estacións son tamén xermánico común, *sumaraz, *harbistoz, *wentrus, e talvez *wēr- "primavera". As denominacións en xermánico común de "día", "mes" e "ano" eran *dagaz, *mēnō-þ- "Lúa" e *jǣrom. As dúas últimas proveñen de raíces protoindoeuropeas *me(n)ses-, *iero- mentres que *dagaz é unha innovación xermánica dunha raíz que significa "que se atopa quente, que queima".

Tácito na súa obra Xermania (cap. 11) dá algúns datos sobre como os pobos xermánicos do século I identificaban os días. En contraste co uso romano, eles consideraban que o día comenzaba co solpor, un sistema que na Idade Media foi coñecido baixo o nome de "asociación florentina". Este mesmo sistema era utilizado polos galos segundo se describe nas Commentarii de Bello Gallico de Cesar.

"Xuntábanse, agás en caso de emerxencia imprevista, en certos días fixos, coa lúa nova ou a lúa chea; xa que eles consideraban a estes os días máis auspicios para realizar transaccións comerciais. No canto de guiarse polos días coma nós, eles referíanse ás noites, deste xeito eles fixaban tanto os seus compromisos ordinarios como tamén os legais. Eles consideran a noite como a orixe do día."Por outra parte, o concepto de semana foi adoptado polos romanos cara o século I, as distintas linguas xermánicas adoptaron o sistema grecorromano de nomear os días da semana segundo os planetas clásicos, enxertando calcos semánticos para os nomes dos planetas, substituíndo os nomes dos deuses xermánicos nun proceso denominado interpretatio germanica.

Godos

Os godos foron un pobo xermánico que, procedente da rexión costeira báltica, emigrou ós territorios limítrofes e á provincia romana de Dacia no século III.

Hérulos

Os hérulos eran os membros dun antigo pobo xermánico, clasificada na gran confederación dos suevos, que invadiu o Imperio Romano no século III.

O antigo pobo xermano hérulo foi case con total seguridade expulsado de Escandinavia ao longo do século III e tivo a súa orixe nas costas da actual Pomerania. Segundo algúns historiadores medievais, os seus integrantes aliáronse cos godos e participaron con eles en varias expedicións levadas a cabo ao redor das costas dos mares Negro e Exeo (ano 260). A principios do século VI, os longobardos venceron ao pobo hérulo e disolveron o seu reino, situado na conca do río Elba. Algúns dos seus integrantes emigraron a Escandinavia e outros enroláronse como mercenarios no exército do Imperio Romano de Oriente. O caudillo hérulo máis coñecido, Odoacro, depuxo ao último emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo, en 476 e foi nomeado rei de Italia polas súas tropas. Gobernou Italia do 476 ao 493, ata que os ostrogodos combateron e venceron o seu exército, instalándose na península Itálica.

Longobardos

Os Longobardos (Langobardi en latín e despois Lombardi por deformación despois do século VIII, agás en Italia meridional, que conserva o nome de langobardi ata o século XII) era un pobo xermánico, chegado do mar Báltico, que pertencía máis especificamente ao grupo dos xermanos do Elba, mais orixinario de Escandinavia meridional segundo a súa propia tradición oral narrada polo seu historiador Paulo Diácono a finais do século VIII. Este pobo, baixo a dirección do seu rei Alboíno, invadiu a Italia do Norte a partir do principio do ano 568.

Mitoloxía xermánica

A mitoloxía xermana é o conxunto de crenzas profesadas polos antigos pobos xermánicos antes da súa cristianización, en diferentes rexións do Norte de Europa, como a antiga Xermania, Escandinavia, Islandia, as Orcadas e as Shetland, a costa máis meridional de Escocia ou a parte oriental de Inglaterra.

Nobreza

A nobreza constitúe un grupo social exclusivo comunmente de carácter hereditario cun status privilexiado recoñecido pola autoridade. Na Europa preindustrial era un dos tres estamentos medievais e do Antigo Réxime, xunto co clero e o terceiro estado e como estamento privilexiado da sociedade baseaba eses privilexios nunha suposta superioridade moral ou racial.

No estado feudal, nobre era que posuía un feudo, e que estaba unido aos seus servos por relacións de vasalaxe, mas na Idade Moderna os reis adxudicaron numerosos títulos sen terras ou dominios asociados. O instauración da nobreza supuxo a imposición nas sociedades romanizadas da antiga división social indoeuropea longo tempo desaparecida, mas que se conservou polos pobos xermánicos. Esta división estruturaba a sociedade en tres grupos hereditarios de guerreiros, sacerdotes e traballadores. Tanto a sociedade romana como moitas das anteriores sobre as que se impuxo a súa cultura xa perderan esta estruturación e deran lugar a certa mobilidade social.

Pobo alemán

Os alemáns (en alemán: Deutsche) son un pobo xermánico de Europa Central, con trazos culturais e históricos comúns, e que teñen o alemán como lingua propia.

Dos aproximadamente 100 millóns de falantes nativos de alemán do mundo, arredor de 70 millóns considéranse alemáns. Ademais, hai arredor de 80 millóns de persoas de ascendencia alemá en países como os Estados Unidos (alemáns americanos), Brasil (alemáns brasileiros), Arxentina (alemáns arxentinos) e na antiga Unión Soviética (principalemnte alemáns de Rusia e alemáns de Casaquistán).

Coa fundación do estado moderno de Alemaña, que non incluíu todo o territorio de lingua alemá de Europa, o termo "alemáns" pasou tamén a designar aos habitantes deste país. Hoxe, a poboación de países con maiorías falantes de alemán como Austria, Suíza e Liechtenstein, teñen desenvolvido a súa propia identidade nacional, e especialmente dende o final da Segunda Guerra Mundial non se refiren a eles mesmos como "alemáns" nun contexto moderno.

Reino longobardo

O reino longobardo sucede ao reino ostrogodo en Italia do Norte durante unha época tardía das Grandes invasións europeas.

A chegada dos longobardos en 571, un pobo xermánico vai deixar o topónimo da rexión italiana; antes deles a Lombardía foi ocupada polos galos, despois polos romanos (século -III), despois dos cales existe un curto reino bárbaro de Italia cuxa capital é Rávena, unha vez que desaparece o Imperio Romano a finais do século V. Invadida por Carlomagno en 774, convértese nunha posesión do Sacro Imperio Romano Xermánico en 952.

Alduíno e a continuación Alboíno reinaron nese territorio.

Sala do hidromel

Na antiga Escandinavia e na Europa xermánica unha sala do hidromel ou sala do festín foi inicialmente unha construción longa cunha sala sinxela. Dende do século V ata a baixa Idade Media esta clase de construcións era a residencia dun señor e os seus servos. A sala do hidromel era xeralmente a gran sala dun rei. Como tal, era considerado o lugar máis seguro do reino.

Saxóns

Os saxóns (en latín: Saxones, en inglés antigo: Seaxe, en saxón antigo: Sahson, en baixo alemán: Sassen, en alemán: Sachsen, en danés: Saksen) foron o pobo xermánico que invadiu e emigrou á illa de Gran Bretaña no século V xunto cos anglos e os xutos. Fortemente emparentados cos anglos, debían ó seu nome ás armas que usaban, unhas espadas curvas chamadas sax. Estaban fortemente relacionados cos anglos e os frisios.

Os saxóns vivían daquela nunha área que comprendía dende o leste dos actuais Países Baixos ata o itsmo da península de Xutlandia, abranguendo o que hoxe en día é o estado alemán de Baixa Saxonia. Do saxón antigo derivan o actual baixo saxón e o inglés.

Os saxóns que emigraron a Gran Bretaña estableceron tres reinos: Essex, Sussex e Wessex, este último o máis poderoso dos tres. Foron o pobo máis numeroso dos invasores, e tamén o máis cruel segundo as crónicas; crese que chegando a facer limpezas étnicas da poboación indíxena britón-romana.

Os saxóns que ficaron en Alemaña foron sometidos por Carlomagno séculos despois, para logo ser un dos estados importantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, xa ocupando o ducado de Saxonia, que abranguía o actual estado de Saxonia.

Suevos

Os suevos foron un grupo de pobos xermánicos mencionados por vez primeira por Xulio César en relación coa campaña de Ariovisto na Galia, c. 58 a. C. Mentres que César os considerou como unha única tribo xermánica, numerosa e belicosa, autores posteriores como Tácito, Plinio e Estrabón especifican que os suevos "non constitúen, como os Chatti ou Tencteri, unha soa nación. Actualmente ocupan máis da metade de Xermania, e están divididos en varias tribos con distintos nomes, malia que todos son chamados de xeito xeral como suevos".Outrora, a etnografía clásica aplicou o termo "suevo" a tantas tribos xermánicas que se cre que nos primeiros séculos despois de Cristo ben puidera ser un substituto de "xermanos". Os autores clásicos consideraron que os suevos, en comparanza con outras tribos xermánicas, eran moi móbiles e non moi dependentes da agricultura.Varios grupos de suevos trasladáronse dende o Mar Báltico e o río Elba, converténdose nunha ameaza ó Imperio Romano nas fronteiras dos ríos Rin e Danubio. Cara a fin do imperio, os alamáns, un grupo de tribos suevas, asentáronse nos Campos Decumanos e posteriormente cruzaron o Rin e ocuparon a rexión de Alsacia. Un reduto deles ficou na rexión hoxe chamada Schwaben, unha área do suroeste de Alemaña cuxo nome moderno procede dos suevos. Outros movéronse cara a Gallaecia e estableceron o Reino Suevo de Galicia, que durou 170 anos antes de ser integrado no Reino Visigodo.

Xutos

Pobo xermánico que xunto cos anglos e os saxóns invadiu e emigrou a Gran Bretaña a partir do século V. Os xutos, próximos etnicamente aos daneses, vivían no istmo da península de Xutlandia, no que posteriormente sería o ducado de Schlewing, que actualmente está en Alemaña e Dinamarca.

Foron o grupo de invasión menos numeroso e o que menos se mesturou cos outros (e o máis ignorado pola historia), e fundaron o reino de Kent durante a etapa da Heptarquía anglosaxoa.

Xépidos

Os Xépidos eran un pobo xermano procedente do baixo Vístula, asentáronse en Transilvania.

Foron dominados polos hunos, combateron xunto a Atila na Batalla dos Campos Cataláunicos.

Trala morte de Atila os xépidos ao mando do seu rei Ardarico rebeláronse contra os hunos, aliáronse aos ostrogodos e hérulos para derrotaren aos fillos de Atila na beira do río Nedao.

No ano 565 estalou a guerra entre longobardos e xépidos, quen, ante a superioridade dos longobardos, buscaron axuda do emperador Xustino II prometendo entregar a cambio a cidade de Sirmium.

Os longobardos foron derrotados e o rei xépido Cunimundo non cumpriu a súa promesa e retivo Sirmium, Os longobardos entón aliáronse aos ávaros e derrotaron totalmente aos xépidos matando ao seu rei e repartíndose todos os seus territorios cos ávaros.

Linguas indoeuropeas
Pobos indoeuropeos
Protoindoeuropeos
Hipóteses Urheimat

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.