Pobos indoeuropeos

Os pobos indoeuropeos son aqueles que desde o norte do Cáucaso e os arredores do mar Negro e do mar Caspio (rexións de Asia Central), fixeron varias invasións, sobre todo á India e a Europa, onde se estableceron. O punto en común máis importante destes pobos era a lingua, e de feito esta foi a herdanza máis importante que deixaron nos lugares nos que se estableceron, saíndo deles as linguas indoeuropeas.

Invasións

Hai uns 5.000 anos expandíronse cara a Europa e o nordeste do Mar Caspio. Hai uns 4.000 anos continuaron as invasións cara ao oeste, fundando diversas civilizacións coma a micénica.

Nesta época tamén se fai a invasión do val do río Indo, que destrúe a florecente Cultura do val do Indo hai uns 3.600 anos. Os indoeuropeos que invaden o val do Indo, os pobos arios, fanse facilmente ca vasta rexión grazas ó emprego das armas de bronce e do carro.

Os arios invadiron tamén probablemente durante esta e posteriores épocas a meseta de Irán, de feito o topónimo Irán fai referencia ós arios, significando país dos arios.

Hai uns 3.000 anos xurdiron novos pobos indoeuropeos, coma os xonios, que invaden Grecia e impóñense sobre outros xa indoeuropeos, no caso destes, ós aqueos.

Durante esta época outros pobos indoeuropeos invaden o leste do Indo, o que hoxe vería sendo case a totalidade do actual Estado Indio, establecéndose nesta rexión.

Tamén nesta época os celtas, chegados desde Rusia, que se establecen en Europa Central, invaden e ocupan gran parte do resto de Europa, chegando incluso a Asia Menor, cara o século III antes de Cristo, cando os gálatas se establecen no que a partir de entón se coñecería como Galacia.

Características

Os textos védicos falaban dos indoeuropeos como xentes de pel, ollos e cabelos claros. Como o pobo indoeuropeo que invadira o val do Indo fora o dos arios, durante o século XIX, época na que Europa estaba no maior apoxeo do seu imperialismo, o termo indoeuropeo era coñecido por ario, para louvar a raza europea. Este termo foi utilizado tamén noutros momentos, coma por exemplo durante a Alemaña de Hitler.

Pobos de Europa non indoeuropeos

Tendo en conta as linguas que falan, só hai tres pobos en Europa que resistiron as invasións dos pobos indoeuropeos: os fineses, os húngaros e os vascos ó falar linguas non indoeuropeas. Porén, os húngaros proceden dos pobos maxiares que se estableceron neste país moito despois das invasións indoeuropeas.

Alanos

Os alanos foron un pobo indoeuropeo da familia irania. Crese que procederon das estepas de Centroasia ou do norte de Irán. Eran nómades, probablemente de orixe escita - sármata (alain, en lingua escita, significa ‘montaña’).

Parece que antes do século -I vivían no norte do Cáucaso e aínda que despois efectuaron varias incursións a territorio romano (e parto) seguían establecidos na zona no século III, pero no século IV foron expulsados de alí polos hunos; os que permaneceron nas montañas do Cáucaso deberon dar orixe ao actual pobo dos osetos.

Desprazáronse cara ao oeste expulsados polos hunos e alcanzaron a actual Ucraína. No seu contacto cos godos transmitiron a estes algunhas das súas artes e destrezas, especialmente o tiro con arco dacabalo e algunhas artes metalúrxicas. Os alanos uníronse aos visigodos e a parte dos ostrogodos, establecéndose con eles en Tracia e Mesia, e rebelándose tamén con eles o 377 contribuíndo á vitoria de Adrianópolis sobre as forzas imperiais, obtendo terras en Panonia o 383. O 387 unha parte dos alanos aliáronse aos hunos e o 405 os alanos de Panonia uníronse a unha confederación organizada en torno a Radagaiso que fracasou. Os grupos de suevos, vándalos, alanos e outros que quedaron alén do Rin, reforzados despois cos que regresaron da desafortunada expedición a Italia, invadiron as Galias o 406.

Dos alanos di Amiano Marcelino que eran moitos, e estaban estendidos por todos os países. Os alanos eran louros, fermosos e arrogantes. Consideraban unha felicidade morrer na guerra e conservaban restos dos inimigos mortos, especialmente a pel do cranio que colgaban como trofeo do petral dos seus cabalos. Non adoraban a ningún deus e rendían culto a unha espada cravada en terra. As súas autoridades eran uns xuíces nomeados entre os guerreiros anciáns máis valentes. Non coñecían a escravitude.

No ano 409 entraron na Península Ibérica xunto a suevos e vándalos, tras cruzar rapidamente a Galia nunha campaña de saqueo e estiveron deambulando por ela ata que no ano 411 o emperador Honorio lles ofreceu un pacto de terras. Os alanos establecéronse entón na zona comprendida entre as actuais provincias de Ávila, Salamanca, Cáceres e Toledo. Non formaron nunca un reino propio en Hispania.

Ante a chegada dos visigodos os alanos hispanos pasaron á África noroccidental xunto cos vándalos.

Carpos

Os carpos eran unha tribo dacia que habitaba as abas orientais dos montes Cárpatos.

O seu nome semella estar vencellado ao lugar onde viviron, significando a "rocha" ou o "outeiro".("carpë"=rocha albanés; "kar"=pedra armenio "chrb"=outeiro checo).

Mentres ca maioría das tribos da Dacia (como os costobocios) ou foron derrotadas polo Imperio romano ou absorbidas polos pobos xermánicos, os carpos medraron o seu poder no transcurso do século II, converténdose até as invasións bárbaras nos adversarios máis importante de Roma na Europa sudoriental. No período que vai do 238 ao 273, aliados cos godos, os carpos atacaron a provincia romana de Moesia. A finais de século atacaron as cidades tracias de Calatis, Dionisópole e Marcianópole.

Convertidos nunha seria molestia para o Imperio, Diocleciano combateunos e venceu en 297 adquirindo o sobrenome de "Carpicus Maximus". Segundo Amiano Marcelino foron deportados a Panonia na zona onde esta a actual cidade de Pécs, onde permaneceron até as invasións hunas. Sexto Aurelio Víctor confírmao, mais os seus posteriores ataques fan dubidar diso. Noméaos por derradeira vez o historiador Zósimo coa denominación de dacio-carpos (quizais para diferencialos dos panónicos), no transcurso da narración das campañas danubianas de Teodosio o Grande nos derradeiros anos do século IV, sendo derrotados por este.

O futuro dos carpos (e outros grupos dacios non conquistados polos romanos) é descoñecido; probablemente ficarían asimilados aos dacios-romanos e valacos formando o actual pobo romanés. Outros serían eslavizados, coma os carpos panónicos ou os actuais ucraínos hutsules, que viven na fronteira entre Ucraína e Romanía. Por exemplo, atopáronse elementos carpos ou dacios entre os ucraínos sudoccidentais (Hutsúlshchina, Bucovina, Podolia). Outra das posibilidadades é que emigraron cara ao sur para formar o pobo albanés actual; as semellanzas que existen entre as linguas albanesa e romanesa avalan esta hipótese.

Celtiberos

O termo celtiberos acostuma usarse para as tribos celtas ou celtizadas da Península Ibérica, así como os idiomas que estes grupos falaban, aínda que en realidade o termo celtibero se refire unicamente a un dos pobos célticos da Península Ibérica, existindo outros con outros nomes (vetóns, vacceos, lusitanos, carpetanos etc.). Este pobo celtibero habitaba no oeste da Cordilleira Ibérica. Os romanos considerábanos unha mestura de celtas e iberos, diferenciándose así dos seus veciños, tanto dos celtas da meseta como dos iberos da costa. Hoxe sábese que os celtiberos foron un pobo de lingua e cultura celta.

Colonización grega

Pódense distinguir dúass sociedades na colonización grega da Ecúmene na Antigüidade:

«Colonización protohistórica»: a que se produciu nos primeiros séculos do primeiro milenio a. C. ante a presión exercida desde a Grecia continental polo avance migratorio desde o norte da Península Balcánica de pobos indoeuropeos, elementos gregos da península helénica establecéronse nas costas de Anatolia. Testemuños indirectos deste período atópanse na repartición dialectal e na tradición mitográfica e mitolóxica.

«Colonización histórica» ou «segunda colonización» ou simplemente «colonización»: a expansión dos gregos por todo o Mediterráneo durante os séculos século -VIII ao século -VI, e con menor frecuencia no século -V

Cántabros

Ademais de ser o adxectivo que se aplica aos habitantes da actual Cantabria, os Cántabros eran un conxunto de once pobos que ocupaban unha parte do norte da Península Ibérica, nas montañas da actual comunidade autónoma de Cantabria e Castela e León: a práctica totalidade da comunidade autónoma de Cantabria, o norte da provincia de Burgos e da Palencia, o nordeste da provincia de León, o leste do Principado de Asturias e a parte máis occidental de Bizcaia. Tiñan por cidade principal Amaya e eran veciños dos autrigones, turmogos, vacceos e astures.

Cérbero

Na mitoloxía grega, Cérbero, era o garda das portas do Hades (o inframundo grego), tiña a forma dun can con tres cabezas e cunha serpe por rabo, ademais dun número incontable de cabezas de serpe nas súas costas. Cérbero gardaba a porta do Hades (o inframundo grego) e aseguraba que os mortos non puidesen saír e que os vivos non puidesen entrar. Era fillo de Equidna e Tifón, e irmán de Ortro. A existencia dun can infernal na entrada dos infernos parece ser que xa estaba presente na mitoloxía indoeuropea orixinal, pois aparece nos mitos doutros pobos indoeuropeos, como é o caso do can Garm na mitoloxía escandinava.

Dacios

Os dacios (lat. Daci, gr. Dákai) foron os antigos habitantes de Dacia (que corresponde á actual Romanía) e partes de Moesia no sueste de Europa.

Falaban o dacio, o cal non foi identificado con certeza, mais ten vencellos co tracio e albanés.A primeira vez que se lles menciona é nas fontes romanas, pero de maneira unánime os autores clásicos consideran aos dacios unha tribo dos xetas, un pobo tracio coñecido dende a Grecia antiga polos escritos.Estrabón especificou que os dacios eran os xetas que vivían na área da Chaira panónica e Transilvania, mentres que os propios xetas gravitaban na costa do mar Negro, en (Escitia Menor).

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Indoeuropeo

O termo lingüístico Indoeuropeo pode facer referencia:

Ás linguas indoeuropeas, familia de linguas.

Aos pobos indoeuropeos, falantes asociados destas linguas.

Aos estudos indoeuropeos, campo académico que as investiga.

Á lingua protoindoeuropea.

Journal of Indo-European Studies

O Journal of Indo-European Studies é unha revista académica dedicada aos estudos indoeuropeos, fundada en 1973 by Roger Pearson. Publica artigos nos campos da antropoloxía, arqueoloxía, mitoloxía e filoloxía relacionados coa historia cultural dos pobos indoeuropeos. Ten unha periodicidade de tres meses. O editor actual é J. P. Mallory (Queen's University Belfast). A súa abreviatura é JIES.

En 2006, púxose á disposición de suscriptores institucionais un arquivo online co texto completo desta revista.

Pobos bálticos

Os baltos ou bálticos (letón: balti, lituano: baltai), definidos como falantes dunha das linguas bálticas, unha póla da familia de linguas indoeuropeas, son descendentes dun grupo de tribos indoeuropeas que se estableceron entre o baixo Vístula e o alto Dvina e Dnieper. Debido ao seu illamento xeográfico os idiomas bálticos mantiveron moitas características arcaicas.

Entre os pobos bálticos inclúense os modernos lituanos e letóns así como o prusianos, os Jotvinguianos (Sudavianos) e os Curios, cuxas linguas extinguíronse na Idade Media.

Pobos eslavos

Os eslavos son un pobo indoeuropeo que habita a rexión da Europa central e oriental hai preto de cinco mil anos, cuxos descendentes actuais son os rusos, belarusos, ucraínos (póla oriental), búlgaros, serbios, croatas, macedonios, eslovenos (póla meridional), checos, eslovacos, polacos e lusacios (póla occidental). A idea de que os pobos eslavos teñen moito en común canto ás súas orixes, a orixe das súas linguas e dalgúns aspectos culturais son derivados do nacionalismo romántico, do paneslavismo e da noción de raza como unha base biolóxica para as nacións, aínda que moitas semellanzas histórico-xenéticas, xeo-culturais e fonético-idiomáticas sexan comprobadas por moitos estudos sobre os pobos protoindoeuropeos.

Raza aria

O termo raza aria é un concepto cuxa aceptación se xeneralizou no segundo ano da revolución hitleriana e na primeira metade do século da ponderación aria. Algúns etnólogos, durante o século XIX propuxeron que tódolos pobos indoeuropeos eran descendentes dun suposto pobo antigo, coñecido como o pobo dos arios. Varios movementos europeos de carácter colonialista e nacionalista da época aceptaron esta idea, tomándoa como propia, en especial o nazismo alemán, que empregou o concepto de raza aria (reinterpretado como unha raza de señores de pobos do norte de Europa) para tratar de xustificar os seus pretextos racistas e militaristas. A palabra ario quedou para sempre asociada, por mor diso, ó racismo e ó imperialismo nazi, por iso hoxe en día acostúmase empregar só no estudo histórico do nazismo.

Seiðr

Seiðr (a miúdo anglicizado como seidhr, seidh, seidr, seithr ou seith) é un termo en lingua nórdica antiga para un tipo de feitizos ou bruxerías que foi practicado polos pagáns nórdicos. A expresión tamén pode ser utilizada para referirse a reconstrucións do neopaganismo moderno ou a emulacións de ditas prácticas.

Tracios

Os tracios foron un pobo indoeuropeo, que vivía na rexión de Tracia e en rexións próximas (territorios das actuais Bulgaria, Romanía, Moldavia e leste de Serbia). Falaban a lingua tracia.

Vándalos

Os vándalos foron un pobo de Europa central, un dos pobos indoeuropeos da familia xermánica que habitaban as rexións ribeiregas do Báltico (na zona das actuais Alemaña e Polonia). Os lugiones ou vándalos ocupaban o territorio ao oeste do Vístula e xunto ao Oder, ata o norte de Bohemia. A palabra vándalo parece ter un dobre significado e querería dicir «os que cambian» e «os hábiles», mentres que o seu outro nome, lugii ou lugiones, tamén con dobre significado, querería dicir «mentireiros» e «confederados». Parece ser que ao principio as tribos dos vandulii (ou vandali) e a dos lugii (ou lugiones), xunto coas dos silingos, omanos, buros, varinos (seguramente chamados tamén auarinos), didunos, helvecones, arios ou charinos, manimios (talvez denominación variante de omanos), elisios e naharvales correspondían a pequenos grupos de orixe similar (aínda que non está claro que todas as citadas fosen do mesma orixe), integrando outra rama do grupo dos hermiones (unha rama do cal eran os suevos e tribos afíns), formándose despois un gran grupo identificado xeralmente como lugiones, cuxo nome predominaba para designar a todos os pobos compoñentes, incluídos os vándalos. Máis tarde (século II) acabou prevalecendo o nome de vándalos para o conxunto de pobos. Tamén pobos celtas, como os osen ou osos e os cotinos, entraron na agrupación dos lugiones.

Ástures

Os ástures eran un pobo antigo que habitaba o norte da Península Ibérica. A súa filiación lingüística permanece aínda descoñecida, aínda que se verifique a presenza de termos relacionados co grupo céltico indoeuropeo.

Linguas indoeuropeas
Pobos indoeuropeos
Protoindoeuropeos
Hipóteses Urheimat

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.