Pobos do Mar

Coñécese como Pobos do Mar a unha serie de pobos da Idade de Bronce que, a raíz da caída da cultura troiana, sobre o 1200 a.C. e da micénica, a finais do século XIII a.C. e, polo tanto, no comezo da Idade Escura, migran para Oriente Próximo.

Seapeople
Ramsés III derrotando aos Pobos do Mar.

Parece que se trata dun conxunto amplo e variado de poboacións que se fixeron ao mar buscando novas terras (migracións) ou simplemente intentando sobrevivir (a través da pirataría, as migracións continuas e mesmo a conquista de pequenas cabezas de ponte). As razóns polas que se foron ao mar deben buscarse nun proceso non demasiado longo que vai a partir da guerra de Troia á destrución da cultura micénica. Os aqueos gañaron a guerra contra o seu rival económico, pero a súa forza quedou minguada e, mentres as poboacións da esfera de influencia troiana da Anatolia occidental e a Paflagonia empezaron a migrar, eles sucumbiron a novas ondadas migratorias provenientes do norte. Grecia foi asolada e só Atenas conseguiu sobrevivir.

Ao mesmo tempo, toda Asia Menor foi arrasada: Ugarit, Tarso, Hattusa. Todas sucumbiron aos que ían chegando, os hititas foron destruídos e mesmo Exipto sobreviviu a duras penas. Isto debeuse en parte a poboacións como os dorios e, en parte, aos propios pobos do mar. Como se dixo a miúdo o máis probábel é que fosen os restos das poboacións que fuxían das guerras e os invasores ou, simplemente, da pobreza. Eran todos ou fixéronse, pobos mariñeiros e navegaron polo Mediterráneo de leste a oeste e para o Norte, fundando cidades e reinos, aliándose con outros pobos ou sendo por eles absorbidos. Entre os Pobos do Mar máis coñecidos historicamente atópanse os Peleset, que finalmente se asentaron na Faixa de Gaza e deron o nome a Palestina.

Etnias

Os Pobos do Mar que se coñecen historicamente poderían resumirse así:

  • Os Shardana, cuxo nome pode relacionarse co de Sardeña (Sardinia, Sardegna) e algúns autores len no texto fenicio dunha estela de Nora a locución be-shardan. Na cultura sarda dos nuraga megalíticos, as figuriñas broncíneas que representan a guerreiros aseméllanse notabelmente aos gravados de Medinet Habu e a outros restos chipriotas.
  • Os Lukka, que aparecen en textos amarnenses. Vivían das súas potentes frotas, custeando Chipre e o sur de Anatolia e realizando accións de pirataría. Parece que os hititas os consideraron como un verdadeiro Estado litoral.
  • Os Ekwesh ou Akawasha poderían ser os ahhiyawa dos hititas e é verosímil que se trate dos aqueos micénicos, gregos, acaso xa establecidos no occidente anatolio (a Mileto grega podería ser a Millawanda/Millawata dos textos hititas) e, que é a teoría máis aceptada.
  • Os Teresh ou Tursha, algún autor pon en relación o seu nome co hebreo Tarshish e co hispánico Tartessos.
  • Os Shekelesh relacionáronse con Sicilia e os sículos. Este pobo chegaría á illa tras seren rexeitados en Exipto por Ramsés III nunha das maiores batallas navais da historia.
  • Os Peleset son con case total seguridade os filisteos ou palestinos. Aínda que non aparecen na documentación de Hatti, a Biblia sitúaos procedentes de Kaftor, que podería ser Creta. Presentan trazos micénicos, aínda que outros autores prefiren situar a súa orixe na Siria setentrional ou no Cáucaso.
  • Os Tjeker lembran o nome de Teucro, lendario fundador de Salamina en Chipre, epónimo dos teucros (na Tróade). Similares aos peleset, talvez procedían de Anatolia e foron mencionados polos hititas. Ao parecer foron a rama mariñeira dun grupo no que os peleset serían do interior.
  • Os Denyen poderían ser os anatolios danuna mencionados en El-Amarna. A semellanza co nome dánaos relaciónaos cos aqueos, xa que é outro nome dos gregos micénicos. É posíbel que se aliaran cos peleset e os tjeker, compartindo con eles terras e asentamentos. Probabelmente fundíronse cos hebreos e, neste caso, serían as compoñentes do tribo de Dan, que vivía do mar.
  • Os Weshesh, poderían estar vinculados a Wilusha (IliónTroia en hitita), polo que se suxire que sexan os restos dos pobos troianos.

Ligazóns externas

Alalakh

Alalakh, ou Alalah, é o nome dunha antiga cidade e a súa asociada cidade-estado do val do río Amuq, localizada na rexión de Hatay ao sur de Turquía preto da cidade de Antioquía, e hoxe en día representada por unha extensa cidade-montículo coñecida como Tell Açana.

Alashiya

Alashiya ou Alasiya foi un reino do Mediterráneo Oriental durante o segundo milenio antes da era cristiá, que salientou pola súa importancia comercial e como fonte de valiosas materias primas. Desapareceu da historia tras a irrupción dos pobos do mar, sendo moi probábel que fose destruído por estes.

Anatolia

Anatolia, tamén coñecida como Asia Menor, é unha península que se proxecta no sentido leste-oeste ao sur do Mar Negro, en dirección ao Mar Exeo. É unha rexión tradicionalmente limitada polo alto Eufrates ao leste e polos Montes Tauros ao sur, estando constituída gran parte da súa área por mesetas e montañas.

Atenas

Atenas (en grego: Αθήνα, tr. "Athína", [aˈθina] (AFI)) é a capital da Grecia e tamén a capital da rexión de Ática. Ademais de ser unha cidade moderna, Atenas tamén é famosa por ter sido unha poderosa cidade-Estado e un centro de cultura moi importante nos tempos antigos.

En grego antigo, Atenas era chamada Athenai (Αθήναι) e, no século XIX, este nome foi retomado formalmente como nome da cidade. Desde o abandono oficial do grego Katharevousa na década de 1970, a forma popular Athina converteuse no nome oficial da cidade.

Chipre

Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κύπρος/Kýpros, en turco: Kıbrıs), oficialmente República de Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κυπριακή Δημοκρατία, en turco: Kıbrıs Cumhuriyeti) é un república que abrangue o territorio da illa homónima, situada ó leste do mar Mediterráneo, 113 km ao sur de Turquía, 120 km ao oeste de Siria e 150 km ao leste da illa grega de Kastellorizo. Chipre ingresou como membro das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1960 e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados até o seu ingreso na Unión Europea o 1 de maio de 2004.

Segundo a lei internacional, a illa no seu todo é un estado independente, mais de facto atópase dividida dende o 15 de xullo de 1974 en dúas partes. Os dous terzos do sur forman o Chipre propiamente dito e o resto da illa, o terzo norte, é a coñecido como a República Turca do Norte de Chipre, baixo protección turca e sen recoñecemento internacional. Ámbolos dous territorios teñen a súa capital en Nicosia.

Esmirna

Esmirna (en turco: İzmir) é unha cidade de Turquía, a terceira maior do país tras Istambul e a capital Ancara. Importante porto do Exeo, sitúase no fondo do golfo de Esmirna, na costa xónica de Anatolia. Ten 2,8 millóns de habitantes (censo de 2010) e arredor de catro millóns na área metropolitana.

Etruscos

Os etruscos foron un pobo indoeuropeo que apareceu entre os séculos VIII-VII a.C. nun espazo comprendido entre os ríos Arno e Tíber, entre o mar Tirreno e os montes Apeninos. A súa orixe foi obxecto de grandes controversias, pero parece fóra de toda dúbida que son de orixe oriental, ou que polo menos teñen elementos orientais na súa cultura. Provirían da Lidia, de onde se viron na obriga de emigraren a raíz da invasión indoeuropea de Asia Menor. Formarían parte dos chamados Pobos do Mar, protagonistas das grandes migracións que trocaron o escenario do Mediterráneo Oriental.

Hapalla

Hapalla foi un reino da parte occidental de Anatolia que existía sobre o século –XIV. Corresponde á clásica Psidia.

Tudhaliyas II, o rei hitita, ordenou ao rei de Arzawa e Zippasla, Madduwattas, que esmagase a revolta de Hapalla. Madduwattas fíxoo, e derrotou ao rei rebelde, pero forzou a Hapalla a ofrecerlle lealdade a el mesmo tanto como ao rei hitita. Iso foi sobre o 1390.

Hapalla volvía a se rebelar sobre o -1340 cando Suppiluliumas I enviou a un gobernador de nome Hanuttis a reconquistar o país, cousa que Hanuttis logrou.

Sobre a metade do século –XIV Hapalla apoderárase da metade do reino de Mira e Kuwaliya (Mashwiluwa mantivo o control da outra metade). Suppiluliumas I non tivo bastante forza para axudar a Mashwiluwa a recuperar o territorio perdido.

Despois da vitoria de Mursilis II sobre Arzawa, Hapalla foi concedida a un tal Targasnalli ou Targasnallis. Os reis de Mira e Kuwaliya, Hapalla e o río Seha asinaron un tratado recoñecendo ao reino hitita como soberano ao mesmo tempo que se recoñecía a súa liberdade. Poucos anos despois, baixo Muwatallis II, aparece un rei chamado Ura-Hattusa que probabelmente foi rei de Hapalla.

Urhi-Teshub chegou ao trono hitita baixo o nome de Mursilis III, e inmediatamente depuxo algúns das gobernadores dos antigos estados de Arzawa e estableceu o goberno directo e foi á zona para consolidar o seu poder. Na súa ausencia produciuse unha rebelión, e así o centro e base do poder de Mursilis III foi a rexión de Arzawa. Entón gobernaba o río Seha, Masturi (probable fillo e sucesor de Manapa-Tarhunta II), Walmu en Wilusa, e Piyama-Radu tamén pola zona, en Lazba (Lesbos) e zonas de Arzawa.

A rexión foi un firme bastión hitita ata o ataque dos pobos do mar sobre o -1200, que atacaron a rexión, que se despoboou e foi abandonada polos hititas. Probabelmente o reino existiu como vasalo hitita ata aproximadamente o -1185.

Hattusa

Hattusa, hoxe Boğazkale (antes chamada Boğazköy) en Turquía, foi a capital do imperio hitita. Situada en Anatolia, nun meandro do río Halys, sucedeu a Nesa durante o reinado de Labarna II que tomou o nome de Hattushilis I para marcar o acontecemento, sobre -1650.

Antes de ser unha cidade hitita, foi unha cidade hatti, quen a denominaban na súa lingua Hattush.

Destruída polos invasores Gasga, é reconstruída no reinado de Hattusilis III, sobre -1287. Foi incendiada outra vez durante a invasión dos Pobos do Mar en -1190.

A meirande parte dos edificios atopados nas escavacións de Hattusa data da súa reconstrución no século -XIII: o seu perímetro, de máis de 6 km, encerra un terreo de máis de 176 ha. É o centro de decisión dun imperio militar, dotada dunha cidadela defensiva e de importantes reservas, situados no baixo dos edificios. A cidade vella, cara o oeste, e a cidade baixa, máis recente, cara o sur, están rodeadas de potentes murallas. Están divididas en barrios protexidos eles tamén por murallas, cousa que reforza o carácter militar da cidade. A cidadela (Büyükkale), empoleirada no cumio dun pico rochoso de 250 m por 150 m, comprende o palacio, residencia real e centro da administración do imperio. Está compartimentada por catro patios de importancias variábeis, a miúdo bordeados de pórticos, ao redor dos que se distribúen os principais monumentos da administración, os arquivos, a sala de recepción con columnata, a residencia real no nivel máis alto. As murallas da cidadela elévanse sobre un terraplén que pode chegar a acadar máis de 60 m de ancho e cuxa pendente se transforma nunha vertente cada vez máis inclinada. A base está feita de grava de bo tamaño, e ás veces úsase o aparello ciclópeo; máis ou menos a 9 m abaixo do terraplén, o muro continúa con ladrillos sen cocer, con torres rectangulares cada 30 m. As portas están flanqueadas de torres e pechadas con batentes de bronce.

A cidade vella comprende un enorme templo (260 m por 160) dedicado a Teshub, deus da Tempestade e á deusa do Sol, Arinna ou Hebat, organizado ao redor dun patio central rectangular e dotado de tres “cella” moi retiradas, de almacéns e doutras dependencias. Outros santuarios máis pequenos están situados na cidade nova.

Téñense atopado na biblioteca de Hattusa as grandes obras mesopotámicas e poemas épicos escritos en acadio, himnos en sumerio, en acadio e en hurrita, rituais e himnos en luvita. A narración histórica é un xénero no que os hititas se distinguiron particularmente. Son os primeiros que tiveron unha comprensión da Historia. Os seus anais teñen o senso da anécdota, analizan as razóns polas que tal ou cal acción foi emprendida e, nos prólogos dos tratados, lembran as relacións anteriores que motivaron o acordo.

Idade Antiga

A Idade Antiga é a época histórica que coincide co xurdimento e desenvolvemento das primeiras civilizacións ou civilizacións antigas.

O concepto máis tradicional de historia antiga presta atención ao descubrimento da escrita, que convencionalmente a historiografía considerou o fito que permite marcar o final da Prehistoria é o comezo da Historia, dada a primacía que outorgan ás fontes escritas fronte á cultura material, que estuda co seu propio método a arqueoloxía. Outras orientacións procuran atender ao sistema social ou o nivel técnico. Recentemente, os estudos de xenética de poboacións baseados en distintas técnicas de análises comparativos de ADN e os estudos de antropoloxía lingüística están chegando a reconstruír dun xeito cada vez máis preciso as migracións antigas e a súa herdanza nas poboacións actuais.Sexa cal for o criterio empregado, coincide que en tempo e lugar uns e outros procesos cristalizaron no comezo da vida urbana (cidades moi superiores en tamaño e diferentes en función ás aldea neolíticas), a aparición do poder político (palacios, reis), das relixións organizadas (templos, sacerdotes), unha complexa estratificación social, esforzos colectivos de grande envergadura que esixen prestacións de traballo obrigatorio e impostos, e o comercio de longa distancia (todo o que se veu en chamar Revolución urbana); nivel de desenvolvemento social que por primeira vez se acadou na Sumeria do IV milenio a. C., espazo propicio para a constitución das primeiras cidades-estado competitivas a partir do substrato neolítico que levaba xa catro milenios desenvolvéndose no crecente fértil. A partir delas, e de sucesivos contactos (tanto pacíficos como invasións) de pobos veciños (culturas sedentario-agrícolas ou nómade-gandeiras que se nomean tradicionalmente con termos de validez cuestionada, máis propios de familias lingüísticas que de razas humanas: semitas, camitas, indoeuropeos etc.), fóronse conformando os primeiros estados de grande extensión territorial, ata acadar o tamaño de imperios multinacionais.

Procesos semellantes tiveron lugar en diversos momentos segundo a área xeográfica (sucesivamente Mesopotamia, o val do Nilo, o subcontinente indio, China, a conca do Mediterráneo, a América precolombiana e o resto de Europa, Asia e África); nalgunhas zonas especialmente illadas, algúns pobos cazadores-recolectores actuais aínda non abandonarían a prehistoria mentres que outros entraron violentamente na idade moderna ou contemporánea da man das colonizacións do século XVI ao XIX.

Os pobos cronoloxicamente contemporáneos á Historia escrita do Mediterráneo oriental poden ser obxecto da Protohistoria, pois as fontes escritas por romanos, gregos, fenicios, hebreos ou exipcios, ademais das fontes arqueolóxicas, permiten facelo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude da civilización grecorromana (século V a.C ao século II d. C.) ou en sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a.C ao século V d. C.). Caracterizouse pola definición de innovadores conceptos socio-políticos: os de cidadanía e de liberdade persoal, non para todos, senón para unha minoría sostida polo traballo escravo; a diferenza dos imperios fluviais do Antigo Exipto, Babilonia, India ou China, para os que se definiu a imprecisa categoría de modo de produción asiático, caracterizadas pola existencia dun poder omnímodo na cúspide do imperio e o pago de tributos polas comunidades campesiñas suxeitas a el, pero de condición social libre (pois aínda que exista a escravitude, non representa a forza de traballo principal).O final da Idade Antiga na civilización occidental coincide coa caída do Imperio romano de Occidente (no ano 476; o Imperio romano de Oriente sobreviviu toda a Idade Media ata 1453 como Imperio bizantino), aínda que tal descontinuidade non se observa noutras civilizacións. Xa que logo, as divisións posteriores (Idade Media e Idade Moderna) poden considerarse válidos só para aquela; mentres que a maior parte de Asia e África, e con moita máis claridade América, son obxecto na súa historia dunha periodización propia.

Algúns autores culturalistas fan chegar a Antigüidade tardía europea ata os séculos VI e VII, mentres que, a escola "mutacionista" francesa esténdea ata algún momento entre os séculos IX e XI. Distintas interpretacións da historia pon o acento en cuestións económicas (transición do modo de produción escravista ao modo de produción feudal, desde a crise do século III); políticas (desaparición do imperio e instalación dos reinos xermánicos desde o século V); ou ideolóxicas, relixiosas (substitución do paganismo politeísta polos monoteísmos teocéntricos: o cristianismo -século IV- e posteriormente o islam -século VII-), filosóficas (filosofía antiga pola medieval) e artísticas (evolución desde a arte antiga -clásica- cara a arte medieval -paleocristiá e prerrománica-).As civilizacións da Antigüidade son agrupadas xeograficamente pola historiografía e a arqueoloxía en zonas en que distintos pobos e culturas estiveron especialmente vinculados entre si; aínda que as áreas de influencia de cada unha delas chegaron en moitas ocasións a mesturarse e ir moito máis lonxe, formando imperios de dimensións multicontinentais (o Imperio persa, o de Alexandre Magno e o Imperio romano), talasocracias ('goberno dos mares') ou rutas comerciais e de intercambio de produtos e ideas a longa distancia; aínda que sempre limitadas polo relativo illamento entre elas (obstáculos dos desertos e océanos), que chega a ser radical nalgúns casos (entre o Vello Mundo e o Novo Mundo). A navegación antiga, especialmente a natureza e extensión das expedicións que necesariamente tiveron que realizar as culturas primitivas de Polinesia (polo menos ata a Illa de Pascua), é un asunto aínda polémico. Nalgunhas ocasións recorreuse á arqueoloxía experimental para probar a posibilidade de contactos con América desde o Pacífico. Outros conceptos de aplicación discutida son a prioridade do difusionismo ou do desenvolvemento endóxeno para determinados fenómenos culturais (agricultura, metalurxia, escritura, alfabeto, moeda etc.) e a aplicación do evolucionismo en contextos arqueolóxicos e antropolóxicos.

Imperio Novo de Exipto

O Imperio Novo de Exipto foron os séculos entre 1550 e 1070 cando Exipto atinxiu o seu maior esplendor.

Entre 1580 e 1200 Exipto atinxiu e superou o esplendor dos imperios antigo e medio. É a Idade de Ouro do Antigo Exipto, cando se converteu no imperio máis poderoso da Antigüidade. Durante a loita contra os hicsos formárase un auténtico exército profisional, baixo o mando dunha aristocracia renovada e o afortalamento do sacerdocio de Amón, que se convertera nunha casta moi poderosa co emparentamento con Ra para crear o deus Amón-Ra, rei dos deusesl.

A XVIII dinastía comezou con Ahmosis (1580-1558), que iniciou unha política expansiva dende Siria até a Nubia (onde case chegou á terceira catarata). Amenofis I (1557-1530), Thutmose I (1530-1520) e Thutmose II (1520-1505) proseguiron as conquistas e anexións territoriais até chegar ao Éufrates. Na verdade, non se trataba de conquistas de ocupación, senón que o que se procuraba era un botín. Esta política detívose brevemente durante a rexencia de Hatshepsut (1505-1484), pero Thutmose III chegou aínda máis lonxe e elevou o poderío de Exipto, que os faraóns seguintes mantiveron. Amenofis I fundou tamén Deir-el Medina, dende onde se traballou no Val dos Reis. Os faraóns seguintes naceron de esposas secundarias do rei que ascendían ao trono grazas ao seu ingreso, sempre mediante o matrimonio, na liña sucesoria feminina.

Thutmose II foi seguido da súa esposa e medio irmá Hatshepsut, a raíña máis coñecida de Exipto. Thutmose III chegou até Asia Menor e o Éufrates. O seu fillo, Amenofis II creou o reino que tan sabiamente administou o que, posibelmente, foi o máis grande de todos os faraóns, Amenofis III, chamado de o Magnífico.

O seu fillo, Amenofis IV levou a cabo unha reforma relixiosa radical. Impulsou o culto de Ra e enfrontouse ao clero ao cerrar os seus templos e facer de Atón, o disco solar, a divindade oficial. Tomou o nome de Akhenatón e creou unha capital de nova planta en [[Akhetaton[[ (actual Tell al-Amarna). O nome e a imaxe de Amón foron borrados dos edificios públicos. Para todo isto contou co apoio da súa esposa, Nefertiti. Na arte desenvolveuse un "realismo" que incluía elementos da vida cotiá e retratos non idealizados.

Á súa morte (o sucesor designado, Smenkhare só viviu dous anos), Tutankhamón ordenou o retorno á situación anterior e regresou a Tebas. Horemheb. Foi o último faraón desta dinastía, e tívose que dedicar a recuperar a estabilidade interna; o seu xeneral Horemheb (que reinaría máis tarde), tivo nisto unha importancia fundamental. Deu paso á XIX dinastía ao designar como sucesor a Rameses I, cuxo fillo, Seti I, recuperou o prestixio exterior e consolidou a monarquía reconquistando Tiros e ocupando de novo Palestina e parte de Fenicia e Siria, combatendo contra os hititas en Qadesh. A súa tumba, construída no Val dos Reis foi a maior das das dinastías XVIII e XIX.

Rameses II (1298-1235), de fama bíblica, enfrontouse á primeira invasión dos "pobos do mar". Durante o seu reinado, de 66 anos, construíronse edificios colosais, como o Gran Templo de Abu Simbel.

A debilidade das dúas dinastías seguintes, acosadas por invasores dende o leste e o oeste e a maior autonomía que adquiren os nomos, algúns dos cales mesmo designan reis, conduce á división do reino e ao fin do Imperio Novo.

A forma dos caixóns funerarios mudou da forma retangular do Imperio Médio para a familiar forma de momia, con cabeza e ombros arredondados. A principio, eran decorados con penas esculpidas ou pintadas, mais máis tarde pasaron a ser pintados cunha representación do falecido. Tamén eran sobrepostos como bonecas rusas: un caixón externo de grandes dimensións contiña un outro máis pequeno, que por súa vez contiña un terceiro case moldado ao corpo. Cada un dos caixóns interiores era decorado de forma máis elaborada que o imediatamente exterior. Datan desta época a maioría das momias que chegaron ata nós.

As técnicas de momificación foron sendo gradualmente aperfeizoadas co uso de natrán cristalino. Todos os tecidos moles, como o cerebro e os órgaos internos, eran removidos, despois de o que as cavidades eran lavadas e enchidas con natrán, e o corpo enterrado nunha pilla de natrán. Os intestinos, pulmóns, fígado e estomago eran preservados separadamente e armacenados en "vasos canopos" protexido cada un por un dos "catro fillos de Horus": Duamutef (estomago), Qebhsenuef (intestinos), Hapy (pulmións) e Imsety (fígado).

Karkemish

Karkemish, Carchemish ou Carquemís foi unha importante cidade dos imperios mitanno, hitita e asirio, situada no que hoxe é a fronteira turco-siria, coñecida polos romanos como Europus. É famosa por ser o lugar dunha importante batalla entre babilonios e exipcios, mencionada na Biblia, onde a cidade é chamada Ierablus, probabelmente unha corrupción dun posíbel nome en lingua local para a cidade, Iarablos. Hai noticias dela desde polo menos o ano 1800 a.C., cando era rei Aplakhanda.

Suppiluliumas II

Suppiluliumas II (Subililiama) (rei hitita sobre -1200 — -1190) fillo de Tudhaliyas IV. Levaba os títulos de Labarnas, Sol meu, Gran rei, Rei de Hatti e Heroe. O seu nome (tal e como aparece nunha carta) en realidade era diferente ao de Suppiluliumas I (Subililiama) pero convencionalmente é citado como Suppiluliumas II.

Tarhuntasa

Tarhuntassa ou Tarhuntasa foi unha cidade e un reino que ocupou a parte suroeste de Anatolia, entre Cilicia e Licia. A cidade estaba na Terra Baixa Hitita, pero non se dá atopado exactamente o lugar, a pesar de que tiña que ser próximo do val do moderno río Gok Su ou nas inmediacións de Kayseri.

O rei hitita Muwatallis II (-1295 – -1272) trasladou a capital do reino desde Hattusa a Tarhuntasa, pero a capital do imperio retornou a Hattusa baixo o rei Urhi-Tesub ou Mursilis III (-1272 – 1267)

Ugarit

Ugarit foi unha cidade-estado portuaria preto da cidade actual de Latakia, que foi sometida a Exipto sobre o -1800 e independizouse máis tarde. Mantiña contactos intensos con Chipre. Falábase o ugarítico.

Xudea

Xudea (en hebreo יהודה, Yehuda, Agradezo a Deus ou Recoñezo a Deus) é a parte montañosa do sur da histórica de Israel (hebreo ארץ ישראל, Eretz, Israel).

O nome Xudea é en grego (Ιουδαία) e latín (Iudaea) adaptado a partir do nome de Judah e designaba orixinalmente todo o territorio do reino xudeu, pero en tempos do Novo Testamento foi de ámbito limitado ao sur da rexión. Yehudah en Hebreo refírese a unha gran parte do sur de Israel e a Marxe Occidental, ou a combinación de Xudea e Samani para referirse especificamente á Cisxordania no sur de Xerusalén. O antropónimo de Xudea é xudeu.

A área foi o lugar da antiga Reino de Xudá, o Reino Hasmoneus, e máis tarde o Reino de Xudea, unha provincia do Imperio Romano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.