Planta acuática

As plantas acuáticas son plantas axeitadas a medrar en ambientes acuáticos (auga salgada ou doce). Tamén reciben os nomes de hidrófitas ou macrófitas acuáticas. Estas plantas cómpren de adaptacións especiais para vivir mergulladas na auga, ou na tona da mesma- a adaptación máis común é a dos tecidos tipo aerénquima (con grandes espazos intercelulares cheos de ar), porén as follas boiantes e as follas desecadas son adaptacións tamén moi comúns.[1][2][3] As plantas acuáticas só poden medrar na auga ou en solos que estean permanentemente saturados de auga. Son, polo tanto, especies comúns dos lameiros, brañas e zonas húmidas en xeral.[4] O principal factor que controla a distribución das plantas acuáticas é a fondura e mais a duración do asolagamento ou enchente. Mais existen outros factores que tamén pode controlar a distribución e a abundancia, coma por exemplo a cantidade de nutrientes, a perturbación das ondas, a pacedura ou a salinidade.[4] As plantas vasculares acuáticas téñense clasificado en diversas familias;[1][5] poden ser fentos ou anxiospermas (incluíndo tanto monocotiledóneas coma dicotiledóneas). O argazo non está formado por plantas vasculares; senón por oucas mariñas multicelulares, e polo tanto non se adoitan considerar coma plantas acuáticas. Unhas poucas plantas acuáticas poden sobrevivir en augas salgadas e salinas.[1] Examplos destas plantas encóntranse nos xéneros Thalassia e mais Zostera. Aínda que a maioría das plantas acuáticas se reproducen con floración e sementes, moitas outras teñen reprodución asexual por medio de rizomas, turións e cachos en xeral.[6]

Unha das plantas acuáticas máis grandes do mundo é a Vitoria rexia do Amazonas (Victoria amazonica); unha das máis miúdas é a lentella de auga. Moitos animaliños acuáticos usan as plantas acuáticas como a lentella de auga como acubillo ou abeiro dos depredadores. Porén as áreas máis vizosas e con máis vexetación adoitan ter máis depredadores. Outros exemplos de plantas acuáticas serían as do xénero ‘’Nymphoides’’, a familia Nymphaeaceae (as tapadeiras ou ninfeas), a familia Nelumbonaceae (onde atopamos o loto (Nelumbo nucifera), e as plantas do xénero Eichhornia (os xacintos de auga). Algunhas plantas acuáticas son comestíbeis. Exemplos disto son o arroz salvaxe (xénero Zizania), a castaña de auga (Trapa natans), a castaña chinesa de auga (Eleocharis dulcis), o loto sagrado (Nelumbo nucifera), Ipomoea aquatica ou o agrón (Rorippa nasturtium-aquaticum).

Nymphaea alba
A flor de Nymphaea alba, unha especie de tapadeira

Clasificación morfolóxica

Hai unha morea de posíbeis clasificacións das plantas acuáticas baseadas na morfoloxía.[1] Un dos exemplos ten os seis grupos a seguir:[7]

  • Amphiphytes (anfifitas): plantas que están adaptadas a vivir tanto mergulladas coma no chan.
  • Elodeid (elodeidas): plantas de talo que medran mergulladas durante todo o ciclo, só floreando por riba da tona da auga.
  • Isoetid (isoétidas): plantas en roseta que completan o seu ciclo mergulladas.
  • Helophyte (helófitas): plantas coas raíces mergulladas, mais coas follas por riba da tona da auga.
  • Nymphaea (ninfeas ou nenúfares): plantas coas raíces mergulladas, mais coas follas a flotar na tona da auga.
  • Pleuston: plantas vasculares que flotan libres na auga.
FloatingRedBlueLilies
Ninfeas, coas follas a flotar na tona da auga

Galiza

En Galiza atopamos unha gran selección de plantas acuáticas pola gran cantidade de precipitacións do país. Principalmente asociadas aos bosques de ribeira, nas marxes, as que viven flotando na corrente e aquelas que aparecen nas augas asolagadas ou flotando pero arraigadas no leito; nas lagoas, pantanos, brañas, lameiros e lamazais.

Flotando sobre as augas aparecen as lentellas de auga ou as tapadeiras, sen que as raíces penetren no solo. Arraigadas no leito totalmente mergulladas na auga están especies como as algas do xénero Chara: coma Chara fragilis e os brións do xénero Fontinalis, coma Fontinalis antipyretica.

Arraigadas no leito pero coas partes verdes sobre a topa aparecen as espigas de auga, as herbas de prata e as cercodianas, todas con follas alongadas que se moven a favor da corrente. Tamén os pés de boi teñen unha fase somerxida con follas alongadas durante o inverno. Nas ribeiras son común especies de ciperáceas e gramíneas asociadas a solos lamacentos, típicas herbas moi difíciles de distinguir se non están en flor. Tamén as xuncáceas (os xuncos) e os buños (Schoenoplectus lacustris) son abundantes, nas zonas máis enchoupadas.

Os fentos e briófitos son habituais, pois son plantas que sobreviven con escasa luz e grande humidade. No entanto, o fento máis característico de todas as ribeiras é o dentabrún ou fento real (Osmunda regalis L.) Outras plantas vasculares frecuentes son os pés de boi, espadanas, lirios ou espadanas amarelas, salgueiriños, as mentas ou os amarelles[8]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Sculthorpe, C. D. 1967. The Biology of Aquatic Vascular Plants. Reprinted 1985 Edward Arnold, by London.
  2. Hutchinson, G. E. 1975. A Treatise on Limnology, Vol. 3, Limnological Botany. New York: John Wiley.
  3. Cook, C.D.K. (ed). 1974. Water Plants of the World. Dr W Junk Publishers, The Hague. ISBN 90-6193-024-3.
  4. 4,0 4,1 Keddy, P.A. 2010. Wetland Ecology: Principles and Conservation (2nd edition). Cambridge University Press, Cambridge, UK. 497 p.
  5. Tomlinson, P. B. 1986. The Botany of Mangroves. Cambridge, UK: Cambridge University Press.
  6. Hutchinson, G. E. (1975). A Treatise on Limnology, Vol. 3, Limnological Botany. New York: John Wiley.
  7. Westlake, D.F., Kvĕt, J. and Szczepański, A. 1998. The Production Ecology of Wetlands. Cambridge University Press, Cambridge. 568 p.
  8. http://www.vexetaciondegalicia.es/plantas.php

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo

100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo é unha listaxe elaborada polo Grupo Especialista de Especies Invasoras (GEEI) da Comisión de Supervivencia de Especies (CSE) da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), co fin de concienciar sobre a complexidade, importancia e consecuencia das especies exóticas invasoras. Foi citada en diversos traballos científicos.Os criterios seguidos para elaborar a listaxe foron:

Severidade do impacto da especie sobre a biodiversidade ou as actividades humanas.

Ser exemplos ilustrativos de importantes temas relacionados coas invasións biolóxicas.Para que os exemplos fosen o máis variados posíbel, só se incluíu unha especie por xénero; por iso, que unha especie non estea incluída nesta listaxe, non indica que o seu dano ao medio ambiente sexa menor.

A seguir inclúese a listaxe completa das especies que figuran na publicación elaborada pola UICN. A columna «Motivo» é unha ligazón coa ficha da Global Invasive Species Database onde se detalla a ecoloxía e maila distribución da especie, así como os motivos para a súa inclusión na listaxe.

Alismatales

Alismatales é unha orde de plantas utilizada nas clasificacións modernas como o sistema de clasificación APG III de 2009 e o APW, modificado no APG IV (2016), sistemas nos cales está situado nas monocotiledóneas. Comprende 13 familias e uns 165 xéneros amplamente distribuídos. A maioría das familias están compostas por plantas herbáceas non suculentas. As flores están normalmente agrupadas en inflorescencias e as sementes maduras carecen de endosperma. Entre as Alismatales encóntranse moitas familias propias de hábitats acuáticos, e tamén todas as anxiospermas mariñas.

O grupo está dividido nun número considerable de familias pequenas, en parte porque as adaptacións asociadas ao hábitat acuático son tan salientables que as flores e inflorescencias destas familias en particular son moi diferentes entre si.

Tradicionalmente, a orde Alismatales quedaba restrinxida a tres familias soamente (Alismataceae, Butomaceae e Limnocharitaceae), as demais familias eran asignadas a diferentes ordes. Este agrupamento produciu grupos polifiléticos, polo que nos sistemas de clasificación actuais agregouse o resto das familias a esta orde (ver taxobox). En particular, as aráceas consideráronse recentemente un grupo irmán do resto das Alismatales (ás veces eran incluídas na súa propia orde Arales) e hoxe en día están incluídas nesta orde, o que as converteu na familia máis importante da orde, con preto de 4 000 especies distribuídas nuns 100 xéneros. O resto das familias da orde comprende en total unhas 500 especies.

Bosque de ribeira

Chámase bosque de ribeira ou bosque en galería, á formación vexetal riparia, que medra nas marxes dun regueiro, lagoa ou río, e que adoita ser frondoso e composto por especies que gostan dos solos húmidos e lamacentos. Son importantes ecosistemas de transición para a flora e mais para a fauna e uns dos de maior biodiversidade.

O nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina. Identifícase claramente na paisaxe por seguir mesmo o curso do río, formando un corredor normalmente distinto ou diferenciábel do resto da vexetación, ademais de se caracterizar por manter as especies autóctonas caducifolias en climas con seca estival, en zonas agrícolas, ou en zonas onde se reforestou con outras especies, coma ocorre na maior parte de Galicia con piñeiros e eucaliptos. Nas zonas máis húmidas de Galicia a vexetación dos bosques orixinais ou fragas non discordaba moito da riparia.

Caño Cristales

Caño Cristales é un río de Colombia que se atopa na serra da Macarena, no concello do mesmo nome, no departamento de Meta, sendo tributario do río Guayabero. Foi denominado popularmente «o río dos deuses», «o río das cinco cores», «o arco iris líquido» e mesmo «o río máis fermoso do mundo». Dende finais de xullo até novembro, o seu fondo reprodúcense plantas acuáticas que coa exposición ó sol cambian as súas cores nun proceso que vai dende o verde até un vermello intenso, o que produce a sensación de estar fronte a un río de seis cores: vermello (causado pola Macarenia clavigera), amarelo, verde, negro, azul e rosado principalmente.

Hábitat

En ecoloxía, un hábitat é o lugar ou o tipo de lugares onde vive unha especie de organismo particular ou onde a súa poboación aparece de xeito natural. Pódese entender que é tamén o ambiente e o conxunto de condicións de ese ambiente que permiten a especie estea presente alí.Un hábitat está caracterizado por características tanto físicas como biolóxicas. Para unha especie os seus hábitats son aqueles onde poden atopar os seus alimentos, un lugar onde acollerse ou medrar, protección para a súa supervivencia ou un lugar onde propagarse ou reproducirse, como é atopando parella. Os factores físicos que determinan un hábitat poden ser algúns como o tipo de solos ou augas, a humidade do ambiente, o abano de temperaturas dese espazo ou a intensidade de luz. Pola outra banda, os factores biolóxicos son aqueles como a dispoñibilidade de nutrientes ou alimentos, ou a presenza ou ausencia de depredadores. Cada especie e cada organismo teñen certas necesidades e precisan duns ou doutros hábitats para poder prosperar. Algunhas especies son tolerantes a grandes variacións na presenza desas variables físicas ou biolóxicas, namentres que outras especies están especializadas e precisan dunhas condicións concretas para persistir.

Un hábitat non é necesariamente unha área xeográfica: pode ser o interior dun toro que podrece, o interior dunha rocha ou no musgo dun monte, o corpo ou un tracto dixestivo dun hóspede para aqueles organismos parasitos o corpo do seu hóspede etc. Os grandes tipos de hábitat terrestres van desde condicións de rexións polares, a temperadas, subtropicais e tropicais. O tipo de vexetación terrestre pode ser bosque, estepas, prados, semiárido ou desértico. Os hábitats das augas fresca inclúen a marismas, regatos, ríos, rías, lagos e lagoas; e os hábitats mariños inclúen a marismas, costa, as zonas intermareais, arrecifes, rías e baías, o mar aberto, os leitos mariños, as augas profundas e as augas submariñas.

Os hábitats mudan co paso do tempo, tanto por cambios estacionais como por outras causas que os fan mudar definitivamente. Nese último caso poden deberse a evento violentos como erupción de volcáns, a terremotos, a tsunamis, a incendios forestais, a cambios nas correntes oceánicas ou a morte dos hóspedes. Os outros cambios poden ser estacionais ou ser máis gradual, que fan mudar os hábitats. Esa mudanza pódese dar ao longo de milenios por alteracións no clima, xa que os xeos e os glaciares avanzan e retroceden, e por patróns climáticos diferentes que implican cambios das precipitación e da radiación solar. Outros cambios nos hábitats son resultado directo das actividades humanas, como o son a deforestación, o arado de pastos ou agricultura intensiva, os cambios nos caudais dos ríos e rías, a drenaxe das marismas, o dragado do litoral ou dos fondos do mar. A introdución de especies exóticas pode ter un efecto devastador na fauna e flora nativa; por implicar unha maior depredación, maior competencia polos recursos ou porque supoñan a introdución de pragas e enfermidades ás que as especies nativas non teñen inmunidade.

Un dos maiores problema nas conservacións dos ambientes e da biodiversidade é a fragmentación dos hábitats. Ademais, ante a degradacións dos hábitats non todas as especies responden igual xa que algunhas dependen doutras nos ecosistemas, como é o caso da dispersión de vexetación en bosques ligada aos desprazamentos de animais.

Lentella de auga

A lentella de auga ou lentella de río (Lemna minor) é unha planta acuática pequena, a máis coñecida das especies do xénero Lemna (lentellas de auga). As súas follas flotantes son oblongas, con 3 nervios destacados. Mergúllase na auga para florear. Especie case cosmopolita.

Medra con tanta rapidez e eficiencia que pode provocar grandes danos, como é o caso do Lago de Maracaibo, que aproveita os fertilizantes residuais das plantaciones achegadas para o seu crecemento de xeito incontrolado. Dende a súa aparición, o problema foi aumentando progresivamente, podéndose medir nas últimas observacións máis de 136.000 ha de Lemna.

Lepidópteros

Os lepidópteros (Lepidoptera) son unha orde de insectos que comprende as bolboretas (diúrnas) e as avelaíñas (esencialmente nocturnas), na que se describiron preto de 180.000 especies, clasificadas en 126 familias, e 46 superfamilias, que supoñen o 10% de todas as especies de seres vivos descritas. É unha das ordes de insectos máis estendida no mundo e recoñecible, e está entre as catro ordes e insectos con máis especies, xunto cos himenópteros, dípteros e coleópteros. O termo foi acuñado por Linneo en 1735 e significa 'ás escamosas'. Os lepidópteros mostran moitas variacións da estrutura corporal básica que evolucionou para adquirir vantaxe na súa forma de vida e distribución.

Os lepidópteros distínguense por diversas características derivadas, entre as que salientan ter escamas que cobren as ás e o corpo, e unha probóscide. As escamas derivan de "pelos" modificados aplanados, que lle dan ás bolboretas a súa gran variedade de cores e patróns. Case todas as especies teñen un par de ás membranosas, excepto algúns con ás reducidas ou sen ás. Como a maioría dos insectos, os lepidópteros son holometábolos, o que significa que sofren unha metamorfose completa. O apareamento e a posta de ovos realízanas os adultos normalmente preto das plantas hóspedes das futuras larvas. As larvas, denominadas eirugas, son completamente diferentes dos adultos, teñen un corpo cilíndrico sen ás, con cabeza ben desenvolvida, pezas bucais con mandíbula, tres pares de patas torácicas e de ningunha a cinco pares de falsas patas (pseudópodos). A medida que crecen, estas larvas cambian de aparencia, pasando por unha serie de estadios chamados ínstares. Unha vez que maduran completamente, a larva desenvólvense en pupa, denominada crisálide no caso das bolboretas diúrnas e casulo no caso das avelaíñas. Unhas poucas especies de bolboretas e moitas de avelaíñas tece un casulo de seda antes da pupación, e o resto non, e pupan no chan.Os lepidópteros evolucionaron ao longo de millóns de anos orixinando unha ampla variedade de patróns de ás e coloración desde algunhas avelaíñas similares a especies da orde relacionada dos Trichoptera, ás bolboretas diúrnas de brillantes cores e complexos patróns.Os lepidópteros xogan un papel importante nos ecosistemas como polinizadores e como alimentos na cadea trófica; inversamente, as súas larvas son consideradas moi problemáticas para a vexetación e á agricultura, xa que comen principalmente plantas vivas. En moitas especies, as femias poden producir de 200 a 600 ovos, mentres que noutras, o número pode aproximarse aos 30.000 ovos ao día. Moitos lepidópteros teñen un interese económico como polinizadores, pragas agrícolas ou produtores de seda.

Nymphaea lotus

Nymphaea lotus, a tapadeira exipcia, ninfea branca exipcia ou loto do Exipto, é unha planta acuática da familia das ninfáceas.

Pantano

Un pantano é unha zona húmida plana e pouco profunda co fondo xeralmente cuberto de lodo, onde vive vexetación herbácea adaptada, arbustiva e arbórea, que pode ter augas permanentes ou non, doces, salobres ou salgadas. Moitos pantanos orixínanse ao longos dos ríos, en vales e zonas baixas, e zonas abandonadas polos ríos como meandros e leitos fluviais abandonados, pero tamén en zonas costeiras e ribeiras de lagos. As augas dos pantanos flúen lentamente ou están encoradas, polo que neles se acumula materia orgánica e poden crecer bacterias que orixinan o "gas dos pantanos" (metano). En primitivos pantanos orixináronse depósitos que darían lugar á turba e ao carbón. Como o nivel das augas é con fecuencia flutuante, a vexetación ten que estar adaptada a períodos de inundación. As especies dominantes varían segundo o tipo de pantano e a zona do mundo, pero nos pantanos europeos abundan as plantas poáceas, tifáceas, xuncáceas, e ciperáceas, e outras plantas acuáticas. Algunhas das zonas pantanosas máis extensas do mundo atópanse ao longo dos maiores ríos, como o Amazonas, Mississippi, e Congo. Adoitan ter un gran valor ecolóxico.

As zonas similares situadas nas costas inundadas periodicamente pola marea nas que crecen mangleiros e outros seres vivos halófilos, denomínanse mangleirais. Outros pantanos costeiros con influencia das mareas son as marismas.

Papiro

Este artigo trata sobre o material de escritura, para a planta véxase o artigo: Papiro (planta).

Papiro (do latín papyrus , e este do grego πάπυρος) é o nome que recibe o soporte de escritura elaborado a partir dunha planta acuática, moi común no río Nilo, en Exipto, e nalgúns lugares da conca mediterránea, unha herba palustre da familia das ciperáceas, o Cyperus papyrus.

O Cyperus papyrus é unha planta nativa de África da mesma familia da Tiririca (Cyperus rotundus), que é a planta daniña máis difundida do mundo, segundo o Libro Guiness. Na época antiga considerábase sagrada e fartamente encontrada no delta do Nilo. Era utilizada principalmente na produción de papel no Antigo Exipto.

O talo do papiro pode atinxir até 6 metros de comprimento. A flor da planta lembra os raios do sol e é por ter esta analoxía co sol, divindade máxima dese pobo, que o papiro era considerado sagrado. O miolo do talo utilizábase para facer papiros, e a casca, moi resistente despois de seca, na confección de cestos, camas e até barcos.

Sapiño patilongo

O sapiño patilongo (Pelodytes punctatus) é unha especie de anfibio da familia Pelodytidae.

Tapadeira

A tapadeira ou ambroíño de río (Nymphaea alba, tamén chamada ninfea branca europea ou rosa de Venus) é unha planta acuática da familia das ninfáceas, que medra nos regueiros quedos e nos encoros das rexións temperadas de Europa, tolerando incluso augas poluídas. Florea entre xuño e setembro, sendo a recolla da flor polo verán e polo outono. Común nas augas quedas de toda Galiza.

Taro (planta)

O taro (Colocasia esculenta) é unha planta tropical da familia Araceae, cuxos cormos son comestíbeis.

The Hunger Games (libros)

The Hunger Games (en galego, Os xogos da fame) é unha triloxía de novelas xuvenís distópicas de ciencia ficción e aventuras escritas por Suzanne Collins. A serie transcorre nun universo propio e narra o que lles acontece aos mozos protagonistas Katniss Everdeen e Peeta Mellark.

A triloxía está composta polas seguintes obras: The Hunger Games (2008), Catching Fire (2009) e Mockingjay (2010). Todas elas foron adaptadas ao cine e teñen a súa versión cinematográfica, coa adaptación do último libro dividida en dúas partes. Os dous primeiros libros formaron parte da lista dos libros máis vendidos de The New York Times e o terceiro libro encabezou todas as listas de libros máis vendidos nos Estados Unidos de América no seu lanzamento. Cando a adaptación cinematográfica do primeiro libro se estreou en 2012, a editorial vendera máis de 26 millóns de libros da triloxía.O universo de The Hunger Games é unha distopía que transcorre en Panem, un país formado polo adiñeirado Capitolio e 12 distritos con distintos graos de pobreza que abastecen o Capitolio. Cada ano, cativos dos distritos son seleccionados para participar obrigatoriamente nos xogos da fame, unha loita a morte televisada.

Todas as novelas recibiron boas críticas. En agosto de 2012, a serie quedou segunda na enquisa da NPR das 100 novelas xuvenís preferidas polos lectores, unicamente superada pola serie Harry Potter. O 17 de agosto de 2012, Amazon anunciou que a triloxía The Hunger Games era a máis vendida, superando a marca que previamente tiña a heptaloxía Harry Potter. Ata o ano 2014, a triloxía vendeu máis de 65 millóns de copias unicamente nos Estados Unidos de América. Ademais, a triloxía The Hunger Games foi traducida a máis de 50 linguas, entre as que non se atopa o galego.

Vitoria (homónimos)

Vitoria pódese referir a:

Vitoria, acción de vencer nunha loita, triunfo,

Vitoria, carruaxe de cabalos con dous asentos e capota.

Vitoria rexia

A vitoria rexia (Victoria amazonica) é unha planta acuática da familia das ninfáceas, típica da rexión amazónica. Posúe unha gran folla en forma de círculo, que fica sobre a tona da auga, e pode chegar a ter até 2,5 metros de diámetro e soportar até 40 quilos se fosen ben distribuídos na súa superficie.

Xardín Botánico Fundación Sales

O Xardín Botánico Fundación Sales e o único xardín botánico da cidade de Vigo. Trátase dun arboretum, é dicir, un compendio de diversas especies de árbores de todos os recunchos do mundo, aínda que a súa colección inclúe todo tipo de especies vexetais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.