Piñeiro bravo

O piñeiro bravo, piñeiro marítimo ou piñeiro do país (Pinus pinaster Aiton) é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne e que pode acadar os 30 metros de altura. É unha das árbores máis abondosas de Galiza na súa variedade atlántica, ocupando aproximadamente o 36% da superficie arborada da mesma, como consecuencia de repoboacións efectuadas nos últimos dous séculos, xa que é unha especie de crecemento rápido.

O Himno de Galicia (Os Pinos) refírese a esta árbore coma un dos símbolos do país.

Piñeiro bravo
Pinus pinaster
Pinus pinaster

Pinus pinaster
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Spermatophyta
Clase: Coniferopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Pinus
Subxénero: Pinus
Especie: P. pinaster
Nome binomial
Pinus pinaster
Ait., 1789

Etimoloxía

O nome galego, piñeiro bravo (en portugués: pinheiro-bravo), ou simplemente piñeiro, refírese a que é o piñeiro por excelencia do país. Cómpre evitar o castelanismo pino.

O nome xenérico latino Pinus que dá lugar ao galego piñeiro, parece derivar do celta pin: montaña, pola facilidade con que algunhas das súas especies medran en terreos case sen solo. Para outros autores derivaría do sánscrito pitu, nome da especie nesa lingua.

O nome específico pexorativo 'pinaster' deriva do latín pinus + aster, traducido coma 'pobre imitación de piñeiro' (cf. poetaster).

Descrición

A árbore acada os 25–30 m de altura. Presenta copa irregular e aberta, cun toro recto que chega ao 1,2 m de diámetro, coas pólas verticiladas e abertas, coa casca fendida, de cor cinsenta nos exemplares novos, tirando xa cara o castaño avermellado canto máis vellos, grosa e profundamente gretada especialmente na base.

As follas son acículas en pares, longas e estreitas, de 15 a 25 centímetros de lonxitude, de cor verde agrisada, ríxidas e dispostas por pares. Coñécense en Galiza con infinidade de nomes: arume, agulla, bruma, frouma, garfa, lesta, padumeiro, pica etc.

A semente é o piñón, de aspecto leñoso e negro, cunha á membranosa de ata 3 centímetros, atopándose no interior das piñas, de forma oval cónica e de ata 20 centímetros de lonxitude e 8 de ancho.

Presenta flores unisexuais, sendo as masculinas grupos de pequenos conos de forma oval, localizándose nas pólas baixas. As femininas, situadas nas pólas máis altas, son tamén pequenos conos leñosos, de cor encarnada. Florea entre febreiro e abril.

As piñas son cónicas de 10 a 20 cm de longo e 4 a 6 cm de largo cando aínda fican fechadas. Verdes ao principio para tornárense a un castaño avermellado aos 24 meses que abren enlargando até uns 8 o 12 cm de ancho. Os piñóns son de 8 a 10 mm cunha á de 20 a 25 mm que dispersa o vento.

Subespecies e distribución

Pinus pinaster JPG2
Casca do piñeiro bravo (Pinus pinaster).

Dada a diversidade estacional coa que aparece o piñeiro bravo, existen dous grupos que se encadran en dúas subespecies: Atlántica (ou marítima) e mesogeensis (mediterránea).

En España, destaca a comarca da Serra de Segura, por representar bosques extraordinariamente estensos e poboados e historicamente para producir os mellores exemplares para a construción nunha soa peza dos mastros dos veleiros.

No Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia atopamos un exemplar monumental, o Piñeiro de Alxén, en Alxén (Salvaterra de Miño), Pontevedra.

Hábitat

Atopa o seu hábitat desde a beiramar até os 1.500 metros de altitude. En Galiza especialmente ocupa solos arrentos, dende as praias até varios quilómetros ao interior, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Non é moi esixente co solo, podendo medrar incluso nos pobres solos dos noiros das auoestradas.

Enfermidades e pragas

A superficie de piñeiro bravo estase vendo reducida por mor da aparición no sur de Galiza entre 2009 e 2012 dunha cepa do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), un dos maiores problemas aos que se enfrota a especie tanto en Galiza coma en Portugal.

Usos

É unha das principais especies forestais en Francia, España e Portugal. Os bosques das Landas no suroeste de Francia é a plantación de piñeiro bravo máis grande de Europa. A súa madeira é resinosa, clara, avermellada ou castaño avermellada, con abundantes nós é durábel, pesada e pouco flexíbel. Utilízase en mobiliario, taboleiros, postes, encofrados, fabricación de caixas, aglomerados, carpintaría, travesas, construción naval, combustíbel e celulosa. A quenda (idade de colla para aproveitamento madeireiro) é de arredor de 30 anos. Extráese a resina, para ser usada na industria de tintas, vernices e augarrás. A casca do tronco é rica en tanino e é usada no curtimento de peles.

No pasado empregouse moito na industria naval para fabricar mastros para os barcos. A brea e alcatráns extraídos do piñeiro usábanse para o calafateado dos navíos, o que reduciu as masas de piñeiros sobre todo na vertente mediterránea. Utilizábase tamén para as cubertas e o forro dos grandes buques da Armada. Ademais por mor á súa alta tenacidade e resistencia á podremia cando está mergullado este pau, empregouse para a fabricación dos rodicios dos muíños de auga, pezas sometidas a fortes presións mecánicas e accións biolóxicas da auga.

As piñas son moi usadas como combustíbel, por exemplo, nas cociñas de ferro e as xemas novas son utilizadas como balsámicos e contra a bronquite. O arume tamén se emprega coma combustíbel, por exemplo para asar castañas.

En canto as súas funcións medicinais foron utilizados no pasado os brotes tenros en infusión para catarros e bronquite. Ademais a trementina úsase en ungüentos contra a reuma o tamén para as infeccións das vías respiratorias.

Foi abundantemente plantada como abeiro contra o vento, e debido ao seu enraizamento radical profundo como fixador de dunas, alén de permitir a recuperación de solos pobres e erosionados.

Ademais dos usos industriais, é tamén unha popular árbore ornamental nalgúns países, a miúdo plantada en parques e xardíns de climas temperados. Naturalizouse nalgunhas partes do sur de Inglaterra e na maior parte de Galiza. En Suráfrica o piñeiro marístimo considérase planta invasora.[1]

Medicinalmente úsase coma fonte de flavoinoides, catequinas, proantocianidinas, e ácidos fenólicos; especialmente no patentado extracto "pycnogenol (picnoxenol)". Coma fonte de flavonoides, o pycnogenol é un antioxidante e antiinflamatorio natural[2] que protexe o corpo dos daniños radicais libres,[3] axuda a estimular o sistema inmunolóxico e fortalece as paredes dos vasos e dos capilares sanguíneos.[4]

Utilízanse bastante para a extracción de trementina, cuxa destilación dá lugar á augarrás e a un residuo chamado pez. Estes produtos teñen grande interese para a industria química, de vernices e perfumaría[5].

Galería de imaxes

Pinus pinaster cones Pontevedra

Piñas de piñeiro do país en Nigrán.

Flor do piñeiro

Inflorescencia masculina, en Queixas, Cerceda.

Pinus pinaster semillas

Sementes (piñóns) coa súa á.

ForetLandes

Piñeiros Pinus pinaster, no suroeste de Francia.

Notas

  1. Stirton, C.H. (Ed.) 1978. Plant invaders. Dept. of Nature and Environmental Conservation of the Cape Provincial Admin., Cape Town, 175pp. ISBN 978-0-7984-0092-3
  2. Canali, R; Comitato, R; Schonlau, F; Virgili, F (2009). "The anti-inflammatory pharmacology of Pycnogenol in humans involves COX-2 and 5-LOX mRNA expression in leukocytes". International immunopharmacology 9 (10): 1145–9. PMID 19508901. doi:10.1016/j.intimp.2009.06.001.
  3. Devaraj, S; Vega-López, S; Kaul, N; Schönlau, F; Rohdewald, P; Jialal, I (2002). "Supplementation with a pine bark extract rich in polyphenols increases plasma antioxidant capacity and alters the plasma lipoprotein profile". Lipids 37 (10): 931–4. PMID 12530550. doi:10.1007/s11745-006-0982-3.
  4. Rohdewald, P (2002). "A review of the French maritime pine bark extract (Pycnogenol), a herbal medication with a diverse clinical pharmacology". International journal of clinical pharmacology and therapeutics 40 (4): 158–68. PMID 11996210.
  5. Mini Atlas Xeobotánico de Galicia http://www.vexetaciondegalicia.es/ar-pinus-pinaster.html

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Carballeira

Unha carballeira ou touza é un lugar poboado de carballos (especies do xénero ‘’Quercus sp.’’).

Carballo (árbore)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.

Carballo é a designación común das cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos do xénero Quercus da familia Fagaceae. O xénero é nativo do hemisferio norte e inclúe tanto especies caducifolias coma persistentes. Os Querci (carballos) esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas. En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Cistus

Cistus é o xénero botánico que abrangue as difentes especies de gamallos chamados comunmente carpaza, xara, esteba, estepa ou carrasca (non confundir cos nomes comúns das urces). Forman parte importantísima das matogueiras especialmente mediterráneas e algunhas son especies pioneiras na recuperación de solos degradados, especialmente tras os lumes. De feito o seu espallamento vese favorecido por eles; son especies pirófilas cuxas sementess abren e xermolan antes axudadas polo lume. En Galicia son comúns nas matogueiras das zonas máis secas, compartindo ecosistema con uces ou breixos, toxos e queiroas. Tamén aparecen nas formación de piñeiro bravo.

Flora invasora de Galicia

A flora invasora de Galicia é o conxunto de especies plantas que foi transportado e introducido polo ser humano en Galicia, fóra da súa área de distribución natural. Estas especies conseguiron establecerse e espallarse resultando as máis das veces daniñas ecolóxica e/ou paisaxisticamente. Que unha especie vexetal invasora resulta daniña significa que produce cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais ou seminaturais, pondo en perigo a diversidade biolóxica nativa (en diversidade de especies, diversidade dentro das poboacións ou diversidade de ecosistemas).

Certas especies vexetais teñen un comportamento invasor nas localidades de introdución, sendo máis susceptíbeis os hábitats alterados ou degradados, como por exemplo en terreos despois dos lumes. O principal problema a nivel ecolóxico é a perda de diversidade autóctona. Os casos máis soados en Galicia son o do eucalipto na costa e o da mimosa no sur do país, especialmente na Comarca do Ribeiro en Ourense[Cómpre referencia].

O control e erradicación é custoso e non sempre posible. Identificar os invasores potenciais e evitar o seu establecemento é o mellor camiño para frear un problema que incrementa ao mesmo ritmo que a globalización. Considéranse medios mecánicos, biolóxicos e químicos.

A introdución das especies é polo xeral recente. Algunhas árbores coma o castiñeiro pénsase que foron introducidas polos romanos hai uns 2000 anos, porén non pode considerarse daniña nin invasora, malia terse naturalizado. O mesmo ocorre co piñeiro bravo, quizais introducido dende Portugal no século XVIII. A verdadeira flora invasora introdúcese a partir de finais do século XIX e especialmente coas reforestacións masivas efectuadas durante o franquismo. Deste xeito entraron en Galicia, eucaliptos, robinias e acacias. A mimosa plantouse para fixar os noiros do camiño de ferro. Recentemente estanse a espallar outras especies como a árbore do ceo (plantada como ornamental), a carriza da Pampa (plantada como ornamental nas autoestradas galegas) ou a herba do coitelo ou uña de gato (plantada nas praias).

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Monte Monseivane

O Monte Monseivane é, con 929 metros sobre o nivel do mar, o cumio de maior altitude da Serra da Carba .

Son abondosos os animais que habitan neste monte, entre os que destacan as vacas, os cabalos salvaxes e os cervos. Tamén é destacábel a importante masa forestal de piñeiro bravo plantada na década de 1940.

O ascenso ó monte pódese facer dende o lugar de Cornas, en Samarugo. Na metade do percorrido hai unha pequena área de descanso, onde se pode facer un alto antes de iniciar o tramo final da ascensión. Dende o cumio pódese albiscar toda a chaira que forma a comarca da Terra Chá.

Pináceas

Véxase Pinidae para unha introdución a estes gruposAs pináceas (nome científico Pinaceae), son unha familia de coníferas da orde Pinales. Posúen canles de resina na madeira e nas follas, as súas follas son lineais ou como agullas en xeral, monoicos, os conos con complexos dispostos en espiral e aplanados e como brácteas, as brácteas libres da escama, dous óvulos invertidos, e sementes cunha á longa terminal.

É un grupo de plantas que se consideran pulmóns das cidades pola gran cantidade de osíxeno que producen. Teñen ademais unha grande importancia económica; moitas especies teñen boa madeira, empregada en carpintaría, construción etc, tamén para a fabricación de papel, ou coma fonte de resinas, vernices, encolantes etc. As sementes dalgúns xéneros, como os piñeiros son comestíbeis (piñóns). Moitas especies son ornamentais. Ocupan estensas zonas do planeta, especialmente de climas fríos e temperados.

En Galiza so existen un par de especies de toda a familia que se poden considerar silvestres ou asilvestradas, como o piñeiro bravo e o silvestre.

Piña (coníferas)

Unha piña ou estróbilo é unha estrutura, ás veces leñosa, en forma de cono que protexe as sementes das coníferas.

Piñeiro

Os piñeiros son árbores coníferas (raramente arbustos) perennes pertencentes ao xénero Pinus, da familia Pinaceae e da subfamilia Pinoideae, e xa que logo abrangue diversas especies, a maior parte delas nativas do hemisferio Norte. O piñeiro presenta unha ramificación frecuentemente verticilada e máis ou menos regular.

Son hoxe en día comúns na paisaxe galega, maiormente por mor das reforestacións efectuadas nos séculos XIX e XX sobre uceiras, fragas e carballeiras para o aproveitamento principalmente madeireiro. Con todo o piñeiro bravo (Pinus pinaster) pódese considerar unha especie autóctona, sendo ademais xunto co carballo e o toxo un dos símbolos botánicos do país, que incluso aparece referenciado no himno.

Piñeiro insigne

O piñeiro insigne, piñeiro de Monterey ou piñeiro americano (Pinus radiata D. Don.), ás veces chamado piñeiro de repoboación (por ser usado con este fin en Galiza), é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne orixinaria da baía de Monterey, en California. A súa característica distintiva principal é que as súas follas se presentan en grupos de tres acículas, no canto de dúas como ocorre na maioría dos piñeiros. As piñas son máis cativas que as do piñeiro bravo.

Piñeiro manso

O piñeiro manso ou piñeiro cernil (Pinus pinea) é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne. O máis característico desta especie de piñeiro é a copa en forma esférica nos exemplares novos e a xeito de parasol nos máis vellos.

En Galiza atópanse pés illados preto da costa e en zonas de influencia mediterránea.

Piñeiro rubio

O piñeiro rubio ou piñeiro silvestre (Pinus sylvestris L.) é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne. As acículas son moi curtas en comparación co piñeiro bravo (de 4 a 6 cms. de lonxitude), ao igual que as piñas (de 5 a 6 centímetros). Os piñóns raramente pasan os 5 mm. e a súa á abrangue entre os 12 e 17 mm. Recibe o seu nome común da cor encarnada da súa casca na parte superior do tronco (nas partes máis baixas ten tonalidade parda), a súa principal característica distintiva.

Especie clímax en Galiza no Cuaternario, na actualidade só se atopa nas zonas máis altas grazas a labores de repoboación. A súa madeira é de boa calidade.

Piñón (semente)

Un piñón é a semente dos piñeiros (árbores do xénero Pinus (familia Pinaceae)), de casca dura e améndoa branca.

O nome piñón tamén pode designar a semente doutras árbores coníferas que teñen piñas, como as araucarias

O piñón (pinhão en portugués) procede da piña. Arredor de vinte especies de piñeiros producen piñóns grandes dabondo para que a súa colleita sexa produtiva; noutras especies, aínda que tamén comestíbeis, son demasiado pequenos e sen valor para a alimentación humana, é o que ocorre co piñeiro bravo (Pinus pinaster), típico de Galiza.

Non forma parte da cociña galega tradicional, mais, hoxe en día aparecen pola influencia da gastronomía mediterránea.

Río Tea

O río Tea é un afluente do río Miño, duns 50 quilómetros de longo, que atravesa a bisbarra do Condado, no sur da provincia de Pontevedra.

Serra da Groba

A serra da Groba é un sistema montañoso que atravesa os concellos pontevedreses de Baiona, Oia e O Rosal, en dirección norte - sur. A altura máxima acádaa no Alto da Groba, de 662 metros de altitude, en Belesar. Outros picos importantes son Corroubelo, en Pedornes, de 599 m e Campo do Couto, no Rosal, que alcanza os 553 metros. Acolle a máis importante concentración de cabalos de raza galega en liberdade.

Vedra

Vedra é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Segundo o padrón municipal (INE 2014) conta con 5.073 habitantes (2.477 homes e 2.596 mulleres) (5.059 no 2009, 5.052 no 2006, 5.054 no 2005, 5.057 no 2004, 5.037 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vedrense».

Árbore de Nadal

Unha árbore de Nadal é unha árbore decorativa, típica da festa de Nadal. Tradicionalmente emprégase unha conífera de folla perenne, coma piñeiros, piceas e abetos, destacando entre elas as especies Abies nordmanniana, Picea abies e Picea excelsa. En Galiza tamén se empregan exemplares novos de piñeiro bravo. Na actualidade tamén está moi popularizado o uso de árbores artificiais de plástico e outros materiais sintéticos. Decórase con elementos propios do Nadal como esferas, luces, estrelas, lazos, grilandas e outros elementos decorativos.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.