Peste negra

A peste negra foi unha epidemia concreta de peste que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación da Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións.

A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu medrar.

Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.

Blackdeath2
Avance da Peste Negra por Europa (1346–1353).
Bubonic plague map
Progresión anual da Peste Negra na Europa no século XIV. A cor verde indica zonas pouco alcanzadas.

Infección inicial

Danse macabre by Michael Wolgemut
"Danza da Morte", deseño de Hans Holbein o Novo (1491)

A condición inicial para o establecemento da peste foi a invasión da Europa pola rata negra Rattus rattus (hoxe en día rara). A rata negra non trouxo a peste a Europa, mais os seus hábitos máis domesticados e máis próximos das persoas crearon condicións para a rápida transmisión da doenza. A súa substitución pola rata gris Rattus norvegicus, de cor cincenta e moito máis tímida, foi certamente importante no declive das epidemias de peste na Europa a partir do século XVIII.

A peste foi case certamente diseminada polos mongois, que crearon un imperio na estepa no final do século XIII. Genghis Khan coas súas hordas de nómades mongois conquistou toda a estepa da Eurasia setentrional, da Ucraína ata a Manchuria. Foron os mongois os que se infectaron pola peste, despois da súa conquista da China, na rexión ao sur do Himalaia, xa que esa rexión alberga unha das máis antigas poboacións de roedores infectados endemicamente. Os guerreiros mongois entón infectaron as poboacións de roedores das chairas da Eurasia, Manchuria á Ucraína, onde persisten ata hoxe poboacións de roedores infectados endemicamente. Os ratos negros das cidades e do campo da Europa occidental non son suficientemente numerosos ou aglomerados en grandes comunidades para seren afectados endemicamente, e terán sido afectados pola epidemia do mesmo xeito que as persoas, morrendo en grandes cantidades ata acabaren os individuos susceptibles, ocorrendo unha nova epidemia cando xurdía unha nova xeración. Logo terán sido soamente os mediadores da infección entre por un lado os mongois e os roedores infectados da súa estepa, e os europeos. Deste xeito explícase que, ao contrario de épocas precedentes, a peste xurdira en case todas as xeracións na Europa despois do século XIV: establecérase unha poboación portadora ás súas portas, na Ucraína (onde de feito foron as epidemias máis frecuentes, ata á última que aí se limitou). Tamén se explica por esta razón o feito de que a peste chegara simultaneamente a Europa, a China e o Medio oriente, xa que as caravanas da ruta da Seda estenderon facilmente a doenza a estas rexións limítrofes da estepa.

A Peste en Europa

Sartego de Alvaro Paz Carneiro en Noia
Sartego en Noia de Álvaro Paz, finado pola peste

A peste responsable da epidemia do século XIV xorde durante o cerco á colonia de Xénova, Caffa, na Crimea (Ucraína), en outubro de 1347 polos Tatares (un pobo mongol ou turco) auxiliados polos venecianos. A peste matou tantos tatares que foron obrigados a retirarse, mais non sen contaminar a cidade. Nesta morreron tantos habitantes que tiveron de ser queimados en piras, xa que non había man de obra suficiente para os soterrar. Constantinopla fora infectada na mesma altura. Varios navíos xenoveses fuxiron da peste, indo atracar aos portos de Messina, Xénova, Marsella e Venecia, coas adegas cheas dos cadáveres dos mariñeiros. A transmisión sería feita polos ratos negros de Caffa, que transmitiron as súas pulgas infectadas aos ratos destas cidades. Así se explica que a pesar de que algunhas cidades rexeitaran os navíos, foran infectadas igualmente, xa que os ratos escapaban polas cordas de atraque. As cidades máis populosas foron especialmente afectadas, así Florencia pasou de 120.000 habitantes a comezos do século XIV a 37.000 en 1427, Pisa de 50.000 a 7.000[1]

Da Italia a doenza espallouse polo resto da Europa, atinxindo a Gran Bretaña e Portugal en 1348 e finalmente a Escandinavia en 1350. Algunhas zonas zafaron inexplicabelmente, como Milán e Polonia.

A Peste en Galiza

A peste entrou en Galiza pola costa (en Baiona, por exemplo, entrou a finais do ano 1348)[2] e espallouse cara ao interior. Na Igrexa de Santa María a Nova de Noia, o sartego de Alvaro Paz Carneiro lembra a súa morte por causa da Mortalda, o día 15 de agosto da era 1386, é dicir, o 15 de agosto do ano 1348.

Efectos culturais e Pogroms

Artigo principal: Lenda do envelenamento dos pozos.

Os efectos demográficos, culturais e relixiosos foron inestimables. A poboación descendeu en máis dun terzo. Os sobreviventes do pobo e da pequena nobreza e burguesía probabelmente se enriqueceron, por aumento dos salarios debido á diminución da man de obra e descenso dos prezos de terras e rendas. Os grandes propietarios rurais, dependentes totalmente do traballo alleo, sufriron algún declive económico. De aí se explica a proclamación das leis do suntuario, que prohibiron aos viláns usar roupas caras como os nobres. Non estando as divisións sociais tan claras como antes a nivel de propiedade, insistiuse máis nos títulos.

As persecucións ás minorías aumentaron drasticamente, e especialmente os pogroms contra os xudeus. O feito de que a maioría dos médicos fosen xudeus, e do fanatismo relixioso que se apousou das poboacións aterrorizadas, terá contribuído para a acusación e persecución a esa minoría. Alén diso os xudeus ficaron sospeitosos cando, debido ás súas leis talmúdicas de hixiene, as súas vítimas foron en menor número que as de comunidades cristiás. Houbo máis de 150 masacres e decenas de comunidades xudaicas máis pequenas foron exterminadas polos motíns dos cristiáns, facilmente incitados polos priores locais, a pesar das condenas polos altos cregos. A persecución dos xudeus na Alemaña levou á súa emigración en masa a Polonia e Rusia, onde mantiveron a lingua alemá no seu dialecto hebraico, o Yiddish.

Os leprosos tamén foron perseguidos, culpados como os xudeus de diseminar a doenza (a Lepra naturalmente non ten relación coa peste).

Doktorschnabel 430px
Médico da Idade Media con feito "protector" anti-peste
Flagellants
Flaxelantes: movemento relixioso místico que xurdiu como reacción á Peste

Varios movementos relixiosos xurdiron do terror que alimentaba o misticismo e descredibilizaba as formas relixiosas máis racionais. Os flaxelantes que consideraban na liberación polo auto-martirio e pola dor medraron radicalmente, e foron no Sacro Imperio Romano-Xermánico e outros estados os principais responsables da persecución fanática aos xudeus.

Recorrencias

A doenza volveu a cada xeración á Europa ata o inicio do século XVIII. Cada epidemia mataba os individuos susceptibles, deixando os restantes inmunes. Só cando unha nova xeración non inmune crecía é cando había novamente suficiente número de persoas vulnerables para que a infección se propagase. Porén ningunha destas epidemias foi tan mortal como a primeira, debido ás modificacións de comportamento e á eliminación dos xenes (como algúns do MHC- ver sistema inmunitario) que daban especial susceptibilidade aos seus portadores. Epidemias notables foron a Peste Española de 1596-1602, que matou case un millón de españois, a Peste italiana de 1629-1631, a Grande Peste de Londres de 1664-1665 e a Grande Peste de Viena en 1679. A peste de Londres é especialmente interesante porque foi a última naquela cidade. O Grande lume de Londres ao ano seguinte, en 1666 queimou completamente as casas de madeira e tellados de colmo comúns ata entón, e novos materiais como a pedra e as tellas foron usados na construción de novas casas, contribuíndo para afastar os ratos das habitacións. O mesmo proceso, aliado a mellores condicións de hixiene e á substitución do rato negro polo rato cincento (Rattus norvegicus, que evita as persoas), e á resistencia xenética crecente das poboacións, contribuíron ao declive continuo das epidemias de peste na Europa.

A Peste na China

As primeiras descricións da peste na China relataron os casos ocorridos en 1334 na provincia de Hubei, aparentemente casos limitados. Entre 1353 e 1354, coa China baixo dominio dos mongois, unha epidemia moito máis extensa ocorreu, nas provincias de Hubei, Xianggi, Shanxi, Hunan, Guangdong (Cantan), Guanggi, Henan e Suiyuan. Os autores da época estimaron, talvez esaxeradamente, que dun terzo a dous terzos da poboación da China sucumbira, nalgunhas rexións máis do 90% da poboación.

A Peste no Medio Oriente

A doenza entrou na rexión polo sur da estepa, actual Rusia, en 1347, coas tropas do xeneral Malik Asraf que regresaba a Bagdad despois de campaña militar na estepa do Acerbaixán. A fins de 1348 xa estaba no Exipto, Palestina e Antioquía, espallando a morte. Meca foi infectada en 1349, sendo a doenza traída polos peregrinos para o Haxx, e despois o Iemen en 1351. Morreu cerca dun cuarto da poboación da área.

Notas

  1. Samuel Kline Cohn The Cult of Remembrance and the Black Death: Six Renaissance Cities in Central Italy.JHU Press, 1997, páxina 5
  2. Eduardo Rolland (26/09/2017). "1348: chega a Galicia a Morte Negra". Gciencia. Consultado o 6 de outubro de 2017.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

1346

1346 (MCCCXLVI) foi un ano común do calendario gregoriano dentro do século XIV, no período coñecido na historia europea coma Alta Idade Media. Foi neste ano cando en Asia a peste negra se introduciu entre as tropas do khanato da Horda Dourada. A enfermidade afectou tamén ós xenoveses contra os que estaban loitando nese momento, espallándose posteriormente polo resto de Europa. En Asia central e oriental tiveron lugar unha serie de revoltas após de que o khan de Kazán finara durante un alzamento, e o khanato de Chagatai comezou a dividirse internamente. Na China comezaron tamén varias revoltas que terían como resultado eventual a caída da dinastía Yuan. Por outra banda, o reino indio de Vijayanagara obtivo varias vitorias fronte os conquistadores musulmáns do norte neste mesmo ano.

No leste de Europa Estevo Dušan foi proclamado emperador de Serbia o 16 de abril en Skopje. No Imperio Bizantino, o emir otomán Orhan casou coa princesa bizantina Teodora como parte dunha alianza entre o pai desta, Xoán VI Cantacuzeno, e os otománs. As guerras civís de Bizancio e Bulgaria continuaron durante este ano. No norte, Dinamarca vendeulle a súa porción de Estonia setentrional á Orde Livonia dos Cabaleiros Teutónicos tras conseguir reprimir finalmente o alzamento da Noite de San Xurxo.

Mentres tanto, en Europa central, Carlos IV de Luxemburgo foi escollido rei de romanos o 11 de xullo, mentres que en Italia varias familias de banqueiros, incluíndo a familia Bardi, tiveron que facer fronte a unha quebra, e gran parte do país sufriu pola fame. A guerra dos Cen Anos entre o Reino de Francia e o Reino de Inglaterra continuou en Europa occidental, con Eduardo III de Inglaterra liderando unha invasión do continente e acadando varias vitorias.

Baixa Idade Media

A Baixa Idade Media é o período histórico que abrangue a historia europea dende o século XII ata o século XV. Comeza coa batalla de Hastings en 1066, fundación do reino de Inglaterra, e remata co xurdimento do Renacemento en Italia e España. Como data de remate empréganse dúas datas, ben a conquista de Bizancio polos otománs en 1453 ou o descubrimento de América por Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492.

Berga

Berga é un concello español da provincia de Barcelona, en Cataluña. É a capital da comarca do Berguedà. A zona vella foi construída na década de 1360.

Clemente VI, papa

Clemente VI (Maumont, Francia, 1291 — Aviñón, 1352), papa da Igrexa católica entre 1342 e 1352.

O seu nome de nacemento era Pierre Roger du Beaufort. O seu papado estivo moi influído polos intereses franceses. Nomeou como cardenais case exclusivamente a franceses e mercoulle a cidade de Aviñón a Xoana de Nápoles en 1348. Protector das artes e as letras, foi mecenas do famoso poeta italiano Francisco Petrarca.

Durante eo período do seu papado tivo lugar a pandemia que en Europa coñecéuse como peste negra, entre 1347 e 1351.

Decamerón

O Decamerón (en italiano Decamerone ou Decameron, do grego antigo, deka = dez; hemeron = día) é unha colección de relatos, escrita no Trecento por Giovanni Boccaccio. Aínda que o autor emprega o vocábulo novella, o termo non corresponde ao que en galego se entende por unha novela, en todo caso correspondería a unha novela breve.

O libro recolle as narracións dun grupo de mozos, sete mozas e tres mozos, que refuxiados fóra da cidade (por dez días), escapando da peste negra do 1348, para se entreter contan, por quendas, con talante humorístico e, con frecuencia cheos do erotismo bucólico da época. Por este último aspecto, o libro foi cualificado de inmoral ou de escandaloso, sendo, en diferentes momentos, ben censurado ou ben inaxeitadamente considerado na historia da literatura.

O Decamerón tamén foi difundido en versións cinematográficas, por diversos directores, entre os que salienta Pier Paolo Pasolini.

Foi traducida ao galego por Moisés Barcia Rodríguez no 2006.

Fosa común

Fosa ou foxa común é o lugar onde se enterran os cadáveres que por diversas razóns non teñen sepultura propia. As fosas comúns foron, ao longo da humanidade, un método moi usado para dispor dos cadáveres de dúas ou máis persoas.

As fosas comúns utilízanse en caso de catástrofes naturais e epidemias cando existe risco de contaxios masivos. Durante a época da peste negra, por exemplo, abríronse fosas comúns para conter os cadáveres dos infectados con este mal.

Máis comunmente, as fosas comúns son propias de guerras. Durante a Segunda Guerra Mundial, por exemplo, os nazis utilizáronas como cemiterio de xudeus asasinados, nalgunhas ocasións mesmo lanzaban corpos aínda con vida.

Tamén as guerrillas fixeron uso das fosas comúns, a miúdo nas súas accións contra a poboación civil. En réximes totalitarios, é ás veces o propio exército o que enterra os seus represaliados por razóns ideolóxicas en fosas anónimas. As fosas sen sinalizar conseguen deste xeito ocultar o resultado das súas atrocidades pasando inadvertidas durante décadas e impedindo aos familiares honrar os seus defuntos. Moitas das que se atoparon fórono grazas ao testemuño de testemuñas ou de arrepentidos.

Nalgúns pobos, aínda persiste a tradición de contar cunha fosa común nos cemiterios para enterrar os cadáveres das persoas non identificadas e/ou non reclamadas. Este tipo de fosas comúns recibe en castelán o nome de hoyanca.

Medicina

A medicina é a área do coñecemento humano ligada ao mantemento e restauración da saúde. É, nun sentido amplo, a ciencia e a práctica da prevención e da cura das doenzas humanas. É a área de actuación do profesional formado nunha facultade de medicina.

Porén, non soamente a medicina contribúe para a cura do doente, senón que existen outra serie de disciplinas relacionadas coa saúde, tales como a Farmacia e Bioquímica (que produce e estuda os medicamentos e realiza exames de laboratorio), a Nutrición (que estuda a acción dos alimentos ou a falta deles sobre o corpo humano), a Psicoloxía (que estuda as alteracións emocionais e de comportamentos), a Enfermaría (que estuda e axe nos coidados do enfermo), a Fisioterapia (que axe no sentido de retornar os pacientes ao máis próximo posíbel do seu estado motor anterior e realizando a reeducación postural global) entre outros.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, saúde non só a ausencia de doenza. É moito máis que iso, é o completo benestar social e económico do individuo. Ese é un dos motivos de estar a medicina tan intrínseca e historicamente ligada á política.

Negro

O termo negro ou negra pode referirse a:

a cor negra;

a raza negra, persoas de pel escura;

a negra, figura musical;

o cinema negro, xénero cinematográfico;

a novela negra, xénero literario;

a Marea negra;

a Peste negra;Como topónimo, dá nome a:

O Pozo Negro, lugar da parroquia de Rebordelo, no concello de Cerdedo-Cotobade;

Pozo Negro, lugar da parroquia de Xuño, no concello de Porto do Son;

Piago Negro, lugar da parroquia de Sante, no concello de Trabada;

O sétimo selo

O sétimo selo (en sueco: Det sjunde inseglet) é un filme sueco de 1957 escrito e dirixido por Ingmar Bergman.

Ambientada na Europa medieval durante a peste negra, relata a viaxe do cabaleiro cruzado Antonius Block (Max von Sydow) e dunha partida de xadrez que este xoga coa propia Morte (Bengt Ekerot), a cal foi a tomar a súa alma. Bergman desenvolveu a trama do filme baseandose nunha peza teatral del titulada Pintura sobre taboa (Trämålning). O título fai referencia a unha pasaxe do libro do Apocalipse ("E cando o Cordeiro rompeu o sétimo selo do rolo, fíxose o silencio no ceo durante unha media hora"), que é utilizado tanto ao comezo coma ao final do filme, a frase "silencio no ceo" fai alusión ao "silencio de Deus", o cal é o tema principal do filme.

Olivella

Olivella é un municipio de Cataluña, España, pertencente á provincia de Barcelona. Forma parte da comarca do Garraf.

Peste

A peste é unha enfermidade infectocontaxiosa que afecta tanto a animais como a humanos, e que causa a bacteria Yersinia pestis que se espalla a través das pulgas das ratas Rattus rattus ou outros roedores.

Rata

O nome rata designa varias especies de roedores de mediano tamaño do xénero Rattus; algo máis grandes que os seus parentes próximos os ratos, e poden atinxir os 500 g de peso.

As tres especies máis características — a rata negra, Rattus rattus, a rata común, Rattus norvegicus e a rata de Polinesia, Rattus exulans — cohabitan co ser humano ao longo de todo o planeta, compartindo o seu hábitat. A rata negra é a responsable da transmisión de numerosas enfermidades infecciosas, entre elas a Peste negra. Sendo omnívoros, constitúen ademais un perigo para as reservas de alimentos.

Máis de 50 especies en varias subfamilias de Muroides inclúen especies chamadas comunmente rata.

As ratas poden identificar cheiros utilizando un método similar ao procesamento de sons en estéreo. As ratas, "cada vez que olfactean perciben unha imaxe rápida e completa do mundo do olfacto, que inclúe tanto a identidade do cheiro como o lugar de onde provén", indicou o doutor Raghav Rajan na revista Science no ano 2006.[Cómpre referencia]

Santpedor

Santpedor é un municipio catalán da provincia de Barcelona. Forma parte da comarca do Bages, limitando polo sur coa súa capital, Manresa.

Século XIV

século XIII < século XIV > século XV

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1301 e o 31 de decembro de 1400.

Acontecementos importantes

Inicio da guerra dos cen anos

A peste negra provoca unha crise demográfica en Europa

William de Ockham

Willian de Ockham ou Guillerme de Occam, nado en Ockham en 1285 e finado en Múnic en 1349, foi un filósofo e teólogo inglés que influiu no pensamento lóxico, análise lóxica e a filosofía na Idade Media. Foi probabelmente o creador do principio da "Navalla de Occam". Dedicou os seus últimos anos ao estudo e á meditación nun convento de Múnic, onde morreu o 3 de abril[Cómpre referencia] de 1349, vítima da peste negra.

Yersinia pestis

Yersinia pestis (antes chamada Pasteurella pestis) é unha especie de bacterias gramnegativas con forma de bacilo ou cocobacilo, anaerobia facultativa, que pode infectar a humanos e outros animais, e é a causante das pragas de peste dos últimos 1300 anos.A infección por Y. pestis en humanos pode presentarse de tres formas principais: peste pneumónica, peste septicémica, e peste bubónica. Todas as formas foron responsables de epidemias de grande mortalidade na historia humana, como a Peste de Xustiniano no século VI e a Peste negra que matou a 1/3 da poboación europea no século XIV. Pénsase que esas pragas se orixinaron en poboacións de roedores de China.Y. pestis foi descuberta en 1894 por Alexandre Yersin,un médico e bacteriólogo francosuízo do Instituto Pasteur, durante unha peste epidémica en Hong Kong. Yersin era membro da escola de pensamento de Pasteur. Por outra parte, Kitasato Shibasaburō, un bacteriólogo xaponés formado en Alemaña na metodoloxía de Robert Koch, tamén se ocupou naquela época da procura do axente causante da peste. Porén, foi Yersin quen realmente asociou a peste con Yersinia pestis. Orixinalmente a bacteria recibiu o nome de Pasteurella pestis, pero o organismo foi renomeado en 1967 co seu nome actual.

A Organización Mundial da Saúde informa todos os anos de miles de casos de peste, aínda que hoxe cun adecuado e rápido tratamento, o prognóstico das vítimas mellorou moito. Durante a guerra do Vietnam os casos en Asia multiplicáronse por 5 ou por 6, posiblemente debido á destrución dos ecosistemas e a unha maior proximidade entre os homes e os animais. A peste tamén afecta moi prexudicialmente a outros mamíferos (furóns, cans das praderías etc.)

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.