Pescada

"Carioca" remite directamente a este artigo. Para o seu uso como xentilicio, véxase Río de Xaneiro.
Pescada
Merluccius merluccius.002 - Aquarium Finisterrae

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Merlucciidae
Subfamilia: Merlucciinae
Xénero: Merluccius
Especie: M. merluccius
Nome binomial
'Merluccius merluccius'
(Linnaeus, 1758)
Merluccius merluccius mapa

A pescada ou pixota[1] son dous dos nomes comúns que recibe máis frecuentemente a especie Merluccius merluccius, peixe da familia dos merlúcidos, da orde dos gadiformes.[2]

Presenta un corpo fusiforme, moi alongado e comprimido lateralmente, de 40 a 70 cm de lonxitude, podendo chegar até os 120. Posúe dúas aletas dorsais, a primeira moito máis curta cá segunda. De cor cinsenta no lombo, clareando nos costados e máis prateada pola zona do ventre. Posúe uns ollos de gran tamaño así como unha boca grande, con dentes afiados.

Cando é aínda de pequeno tamaño denomínase carioca, estando prohibida a súa captura e comercialización se non alcanza os 27 cm.

Ecoloxía

Reprodúcense na primavera, cando alcanzan os 40 cm de lonxitude (momento no que chegan á madurez sexual). Vive nas proximidades dos fondos mariños, entre os 30 e 500 metros de profundidade.

Aproveitamento pesqueiro

Merluza-Mercado-2009
Pescadas á venda nun mercado.

Péscase con artes de arrastre, sendo preferida a capturada no palangre con anzol (pescada do pincho). O principal caladoiro para a súa pesca é o Gran Sol.

Festas gastronómicas

  • Festa da Pescada, en Cedeira (Ortegal), en xuño.
  • Festa da Pescada, en Celeiro (Viveiro), en xullo.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pescada. Consultado o 8 de febreiro de 2017.
  2. Cada vez estase estendendo máis o castelanismo merluza (recollido polo DRAG como entrada tolerada aínda que non recomendada), e pescadilla para a de menor tamaño (aínda que máis grande que o da carioca).

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Aleta

Denomínase aleta a cada un dos membros ou apéndices externos que posúen os peixes e, por extensión, os mamíferos mariños, aínda que nestes últimos as aletas posúen unha orixe e estrutura moi diferentes. As aletas cumpren unha función locomotora e estabilizadora, se ben nalgúns casos sofren notables modificacións para adaptarse a funcións particulares dalgunhas especies.

Baía de Fundy

A baía de Fundy é un brazo de mar situado sobre a costa atlántica do Canadá, no extremo norte do golfo de Maine, entre as provincias canadenses de Novo Brunswick e Nova Escocia. Ten 270 km de lonxitude e unha media de 80 km de anchura.

Burela

Burela é un concello da provincia de Lugo, pertencente á Comarca da Mariña Central. En 2015 tiña 9.580 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é burelao, burelense ou burelés.

É o segundo concello máis poboado da comarca despois de Foz. Está bañado polo Mar Cantábrico polo norte e leste. Limita polo oeste co concello de Cervo, e polo sur co de Foz. O seu porto é un dos máis importantes da costa galega, cunha gran frota pesqueira. A poboación creceu considerablemente nos últimos anos do século XX, pasando dos 7.834 habitantes de 1995 aos 9.660 que ten en 2014. A súa economía baséase principalmente na pesca, destacando a pesca da pescada e do bonito. Como consecuencia desta actividade desenvolveuse tamén a industria conserveira de gran calidade. Ademais disto conta tamén con cerámicas, estaleiros, serradoiros e un hospital comarcal.

Ata 1994, cando se segrega, formaba parte de Cervo. Debido á gran demanda de persoal para traballar no mar, Burela é un concello multicultural, xa que actualmente residen nel comunidades de caboverdianos (establecidos desde hai anos) e recentemente incrementouse a chegada de suramericanos e filipinos.

Cariño

Cariño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2014 tiña 4.241 habitantes (4.590 no 2009, 4.700 no 2006, 4.788 no 2005, 4.798 no 2004, 4.812 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cariñés.

Celeiro, Viveiro

Santiago de Celeiro é unha parroquia do concello lugués de Viveiro na comarca da Mariña Occidental. No ano 2007 tiña 1.917 habitantes (942 homes e 975 mulleres) nunha soa entidade de poboación, o que supón unha diminución de 112 habitantes en relación ao ano 2000.

Gadiformes

Os gadiformes (Gadiformes), ou anacantinos (Anacanthini), son unha orde de peixes osteíctios teleósteos, da superorde dos paracantopterixios (Paracanthopterygii), entre os que se inclúen especies de tanta importancia pesqueira e comercial como as pescadas, os bacallaus, as fanecas ou as pescadas.Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no mioceno medio, na metade do terciario.

Gran Sol

O Gran Sol (escrito ás veces como Grand Sol ou Gran Sole) é un caladoiro situado no Atlántico norte, entre os paralelos 48º e 60º, ao oeste das illas Británicas.

Destaca pola súa riqueza pesqueira sendo as principais especies obxectivo das frotas comunitarias: pescada, rapante, peixe sapo, bacallau, foguerio, bacalada, solla de altura, linguado... A frota galega, por limitación e cotas, céntrase na pescada (destacando os portos de Burela e A Coruña), o rapante (Vigo), o peixe sapo e o lagostino (este último na Coruña, principalemente). Tamén se collen naquelas augas outras capturas en menor volume coma: polbo, raia, pota, solla, xurelo, xarda, maruca, abadexo, escacho, ollomol, lura ou lirio.Este caladoiro destaca tamén pola ferocidade dos seus temporais.

Desde antigo o caladoiro do Gran Sol foi explotado polos pescadores españois (especialmente os galegos) e portugueses, que navegan desde a costa cantábrica e atlántica para faenaren nas súas aguas.

O nome de Gran Sol provén do francés Grande Sole ("gran linguado"). Non se debe confundir co Box irlandés (Irish Box, en inglés), caladoiro este que está fóra do Gran Sol e que designa unha zona de pesca reservada acoutada entre paralelos e meridianos (box) ao redor da illa de Irlanda.Convencionalmente os británicos diferencian o Gran Sol grande (Great Sole Bank) e o Gran Sol pequeno(Little Sole Bank). Estas zonas defínense para fins de protección da pesca, estando limitadas pola costa ou as liñas de latitude e lonxitude seguintes:

Gran Sol pequeno (ICES Statistical Division VIIh)

48°N 5°W

49°30'N 5°W

49°30'N 7°W

50°N 7°W

50°N 9°W

48°N 9°W

48°N 5°W

Gran Sol grande (ICES Statistical Division VIIj)

48°N 9°W

9°W ao sur da costa de Irlanda

52°30'N ao oeste da costa de Irlanda

52°30'N 12°W

48°N 12°W

48°N 9°WNo entanto, a pesar do convencionalismo británico, entre os mariñeiros e armadores galegos o termo Gran Sol é único e refírese as augas do Atlántico Oriental entre os paralelos 48º e 60º, o que se corresponde coas zonas ICES números VI, VII e VIII, excluíndose as zonas próximas a costa e incluíndo moitas das áreas vetadas para a frota do país.

Muxe

O nome de muxe, munxe ou muxo designa varias especies de peixe, esencialmente Mugil sp, dentro da familia dos Muxílidos (Mugilidae). Tamén se aplica a outros peixes das familias Cyprinidae, Lebiasinidae ou Polynemidae.

Noiteboa

A Noiteboa é a celebración cristiá do nacemento de Xesús. Celébrase a noite do día 24 de decembro, a véspera do día de Nadal (o día 25 de decembro) onde se mesturan antigas tradicións pagás indoeuropeas do solsticio de inverno.

Os costumes varían duns países a outros, pero é bastante común reunirse para cear toda a familia, e facer agasallos sobre todo, nos países protestantes.

O costume actual en Galiza é unha cea familiar onde se comen mariscos, peixe (principalmente bacallau e pescada) e unha carne no forno (año, capón ou pavo), despois remátase con sobremesas, tradicionalmente figos secos, castañas e noces, hoxe doces importados: turróns, mazapáns, panettones e tortas varias coma o tronco de Nadal. Cántanse panxoliñas acompañadas dunha pandeireta e vieiras. Tradicionalmente acendíase o tizón de Nadal e viña o Apalpador. Hoxe repártense agasallos baixo a árbore de Nadal seguindo as tradicións centroeuropeas de Papá Noel, que en parte substitúe a tradición de Reis que, á súa vez, substituíu ao Apalpador propio. Aínda que non é unha noite de troula, algúns mozos si saen hoxe en día.

No eido relixioso, nas igrexas celébrase ás 12 da noite a misa do galo, que debe o nome ao costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo. Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.

Océano Antártico

O océano Antártico, tamén coñecido como océano Glacial Antártico ou océano Austral (Southern Ocean en inglés), é o nome dado ao conxunto das augas que bañan o continente Antártico, que na realidade constitúen o prolongamento meridional dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Moitos científicos, oceanógrafos e xeógrafos, non recoñecen a existencia do océano Antártico, considerándoo como unha conxunción de partes dos outros océanos.[Cómpre referencia]O océano Antártico esténdese desde a costa antártica até os 60° S, límite convencional cos tres océanos mencionados. É o penúltimo océano en extensión (só o océano Ártico é menor). Formalmente, a súa extensión foi definida pola Organización Hidrográfica Internacional (IHO) no ano 2000 e coincide cos límites fixados polo Tratado Antártico, mais a decisión non foi ratificada. Outros toman como límite natural do océano Antártico a estacional e flutuante converxencia antártica.

Ostra

O nome de ostra é usado para grupos diferente de moluscos que medran maiormente en augas mariñas. As ostras verdadeiras pertencen á orde Ostreoida, familia Ostreidae.

Algunhas subespecies son capaces de producir perlas no transcurso do tempo, que se forman a partir de partículas que se sedimentan na ostra. Existen diferentes tipos de perla dependendo do sedimento acumulado.

A ostra é un prato común na cociña litoral galega e doutros sitios da Europa Atlántica, onde se serven crúas cun pouco limón. Salientan Vigo e Arcade (do concello de Soutomaior) como vilas tradicionalmente ostreiras .

Ostricultura

A ostricultura é un tipo de acuicultura (ou maricultura) que cría ostras para o consumo humano. O cultivo da ostra é moi probable que se desenvolvese á vez que o cultuvo das perlas. Xa se practicaba na península itálica polos antigos romanos ao redor do século I a. C. e máis tarde na Britania romana para exportar a Roma.

A industria francesa das ostras leva producíndoas dende finais do século XVIII.

Ourizo de mar

O ourizo do mar ou ourizo mariño é un animal mariño pertencente á clase Echinoidea dos equinodermos (do grego echinos, "espiñas", e derma, "pel"). Existen aproximadamente 940 especies que habitan todos os océanos, ata os 5000 metros de profundidade .

Peixes

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu. Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

Pesca

A pesca é a extracción de organismos acuáticos do medio onde se desenvolveron para diversos fins, tales como a alimentación, a recreación (pesca recreativa ou pesca deportiva), a ornamentación (captura de especies ornamentais) ou a industria, incluíndo a fabricación de comida para o alimento de animais en crianza e a produción de substancias con interese para a saúde -como o "famoso" aceite de fígado de bacallau.

Pescada á galega

A pescada á galega é un prato típico da cociña galega cuxo principal ingrediente é a pescada (Merluccius merluccius) cocida. A pescada férvese na auga convenientemente salgada. Adóitase servir acompañada de pequeñas patacas ou cachelos, e nalgunhas ocasións engádeselle tamén coma gornición: ameixas ou vieiras. O prato, como a cociña galega en xeral, é sinxelo de preparar e moi saudábel.

Pintxo

Un pintxo é unha pequena rebanda de pan sobre a que se coloca unha pequena ración de comida. É un prato típico da gastronomía vasca que se adoita tomar como aperitivo acompañado normalmente dun vaso de viño tinto (chamado txikito) ou de cervexa (chamado zurito). É moi común nas tabernas do País Vasco e Navarra e en territorios limítrofes de Cantabria, A Rioxa e nalgunhas zonas de Burgos, como Miranda de Ebro. Con outras características fíxose popular noutras zonas da Península Ibérica como Galicia, xa co nome de petisco.

Os ingredientes a colocar sobre o pan poden ser practicamente calquera, pero moitas veces son os máis habituais na cociña vasca: peixes (especialmente pescada, bacallau, anchoas, gulas...), tortilla de patacas, pementos recheos, croquetas etc.

O máis habitual adoita ser coller un mesmo o pintxo, que se sitúa en bandexas sobre a barra do bar, e comelo de pé mentres se charla cos amigos e bebe o citado zurito ou txikito.

Troita arco da vella

A troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss) é un peixe eurihalino de auga doce e de mar da familia dos salmónidos, distribuído de forma nativa polo norte do océano Pacífico, dende o Xapón pasando polo mar de Bering até Península de Baixa California, en México, aínda que de forma artificial foi introducida polo ser humano en medio mundo.

Principais especies comerciais da industria pesqueira
Salvaxes
Cultivados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.