Pesca en Galicia

O sector pesqueiro de Galicia, que abrangue todas as actividades relacionadas coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, continúa a ser un dos primeiros eixos da economía galega.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no ano 2004 a cifra de negocio deste sector bateu a barreira dos 1.000 millóns de euros. Ademais da facturación directa, esta actividade estimula o funcionamento doutros moitos axentes económicos en Galicia. De feito, do sector pesqueiro galego dependen non só os máis de 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente senón tamén os traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros ou o comercio[1].

Ribeira 040825 051
Barco pesqueiro en Ribeira.

Introdución

A Illa de Arousa.Galicia.18
Descarga de mexillóns na Illa de Arousa.

A particular importancia da pesca en Galicia vén condicionada pola súa situación xeográfica, en augas temperadas por mor da súa latitude media, e pola extensión da súa costa, con case mil cincocentos quilómetros. A primeira destas características, xunto á estrutura xeolóxica da costa formando profundas e numerosas rías, garante unha elevada e variada riqueza de recursos, especialmente mariscos (mexillóns, ameixas, ostras, nécoras, centolas) e aquelas especies de peixe de distribución costeira (como sardiña, xurelo ou pescada). Canto á segunda, a costa galega ofrece numerosas zonas apropiadas para usos portuarios e incrementa a área da plataforma continental, hábitat que buscan numerosas especies de peixes.

Por todos estes motivos, o desenvolvemento do sector pesqueiro galego é notable, tanto no volume da frota pesqueira (Galicia posúe case o 40% dos barcos españois) como no das estruturas e industrias auxiliares (portos, almacéns frigoríficos e industrias transformadoras). Isto pode explicar que Galicia sexa tamén a principal porta de entrada dos produtos da pesca procedente doutros países. Os principais portos galegos son o de Vigo (dos principais do mundo.[2]) e o da Coruña. Aínda así, a pesca en Galicia ve como vai minguando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Así, o total da pesca desembarcada está a minguar, mais mantendo o valor de mercado por mor da suba dos prezos.

Aspectos económicos

Peixes espada na lonxa de Vigo
Peixes espada na lonxa de Vigo
A Illa de Arousa.Galicia.34
Aparellos na Illa de Arousa
Acampada pesca de cerco en San Caetano
Acampada de afectados pola redución da cota da pesca de cerco antes os edificios administrativos da Xunta de Galicia en 2015.

En termos económicos, a pesca en Galicia vén representa-lo 10% do PIB galego, aínda cando a práctica totalidade desta actividade se concentre loxicamente na franxa costeira. No 2004, a facturación deste sector superou os 1.000 millóns de euros. Representa ademais unha fonte de actividade económica moi diversificada nos sectores industrial e de servizos, ata o punto de que o 12% do emprego galego depende directa ou indirectamente da pesca, o que converte a Galicia na comunidade europea máis dependente do sector pesqueiro. O número de traballadores directos neste sector supera os 25.700, entre mariñeiros, mariscadores e empregados no sector da acuicultura,[3] e estímase que cada emprego no mar crea catro máis en actividades en terra relacionadas co peixe, por exemplo nas industrias conserveiras (ó redor de 12.000 empregados) e conxeladoras (en torno ós 8.000 empregos).[4]

As actividades pesqueiras en Galicia podémolas dividir en pesca extractiva, marisqueo e acuicultura. O total de embarcacións, incluídos parques de cultivos flotantes e barcos auxiliares, supera as 8.000 unidades, das que máis de 5.200 son barcos de pesca, con case 118.000 toneladas de rexistro bruto. A gran maioría, 4.500 barcos, dedícase á pesca de baixura, fundamentalmente no interior das rías, mentres que o resto distribúese entre a frota do litoral, que realiza as súas capturas no caladoiro nacional (na costa galega, cantábrica e portuguesa) mediante artes de cerco e de arrastre e a frota de altura ou de grande altura. Estímase que un 25% da frota galega pesca en augas comunitarias ou internacionais (Gran Sol, Suráfrica e Sudamérica, especialmente).

Pesca extractiva

Artigo principal: Pesca extractiva en Galicia.

O volume de capturas vendido nas lonxas galegas en 2007 foi de 172,2 millóns de quilogramos[5], dos que case 150 estiveron constituídos por peixes (o 86,83%), entre os que destacan, en volume e por esta orde, o xurelo, a pescada, a xarda, a sardiña e o lirio[6]. Por detrás estarían os moluscos bivalvos (o 5,97%) e os cefalópodos (5,61%). Debe terse en conta que boa parte dos produtos da pesca comercialízanse por outras vías (por exemplo, o mexillón ou a ostra van directamente ás industrias depuradoras ou conserveiras, sen pasar por lonxa).

Marisqueo

Artigo principal: Marisqueo en Galicia.

O marisqueo realízase principalmente de modo artesanal e a pé, na faixa costeira que queda ó descoberto co devalo da marea, aínda que tamén é significativa, nas Rías Baixas, a modalidade de marisqueo a flote. As principais especies capturadas son as distintas variedades de ameixa e o berberecho. Este último, con 4,7 millóns de toneladas, representa case a metade do volume dos moluscos vendidos nas lonxas, 10,3 millóns de toneladas en 2007[5].

Acuicultura

Artigo principal: Acuicultura en Galicia.

Finalmente, a acuicultura constitúe unha especialización da explotación dos recursos mariños cada día máis desenvolvida e prometedora en Galicia, en constante proceso de expansión. No ano 2005, Galicia achegou o 82% da produción de acuicultura española, sendo o mexillón a especie máis representativa, con case 300.000 toneladas, un 96% do total. A seguir estaría o rodaballo, con 5.700 toneladas.

Notas

  1. Datos de emprego no sector pesqueiro
  2. Mosquera, Javier (11 de novembro de 2012). "El primer puerto pesquero del mundo". Faro de Vigo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2019.
  3. IGE. Macromagnitudes da pesca. Ano 2003-2004.
  4. Sector pesqueiro. Datos do emprego. Consellaría de Pesca.
  5. 5,0 5,1 Anuario de Pesca, 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Consellería de Pesca).
  6. Datos da produción. Consellaría de Pesca.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e cronista xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Arte (pesca)

Unha arte de pesca (ou simplemente arte) é un mecanismo, instrumento ou ferramenta que se usa na actividade mariñeira. Malia ter moi diversas tipoloxías, esta denominación úsase colectivamente para todos aqueles medios que presenten esta función na actividade pesqueira, precisamente porque a actividade extractiva tamén presenta moitas modalidades (pesca marítima ou fluvial, marisqueo).

Bou de vara

O bou de vara é unha arte de pesca artesanal.

Economía de Galicia

A economía de Galicia áchase fortemente imbricada aos recursos naturais. Galicia destaca polos seus contrastes económicos: mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación (especialmente aquelas comarcas situadas no eixo da autoestrada AP-9), a zona rural das provincias de Ourense e Lugo presenta unha economía na que predomina aínda a compoñente rural, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras.

Editorial Citania

A Editorial Citania foi unha editorial galega creada no exilio, en Buenos Aires (Arxentina) fundada en 1957 polo artista gráfico e escritor galego Luís Seoane e por Diego Díaz Dorado (Centro Lucense). Uníronse a eles Antonio Baltar (membro de AGUEA), Manuel María Varela e Perfecto López, quen presidiría a editorial. No ano 1959, a actividade de Citania cesou, mais a pesar da súa brevidade tivo importancia na época polo seu esforzo no desenvolvemento e no coñecemento do acervo artístico-cultural de Galiza[Cómpre referencia]. O nome fai referencia a un tipo de poboado fortificado castrexo (aínda que esta denominación está obsoleta), e o emblema é un tríscele celta. O finda editorial era a publicación de obras de escritores censurados e exiliados e a achega de solucións para a situación socio-política, económica e cultural de Galiza. Alén diso, Citania derivou do labor de compromiso coa realidade galega e co galeguismo, coa reapropiación da memoria histórica e a rexeneración cultural e artística de Galiza.

Javier Teniente

Javier Teniente, nado en Vigo en 1968, é un fotógrafo galego.

Joaquín Díaz de Rábago

Joaquín Antonio Díaz de Rábago Díaz de Mier, nado en Muros o 6 de maio de 1837 e finado na Pobra do Caramiñal o 29 de xullo de 1898, foi un xurista, sociólogo e economista galego.

Tala

A tala é unha arte de pesca que consisten nun palangre especificamente cunha distancia mínima de 1 metro entre anzois con ata 1000 anzois nun máximo de 2000 m de tralla. Está regulado polo artigo 20 do do Decreto 424/1993 do 17 de decembro (DOG Nº 13 do xoves, 20 de xaneiro de 1994), onde se lle denomina pola forma palangrillo.

Trisopterus

Trisopterus é un xénero de peixes osteíctios da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.O nome do xénero deriva do grego antigo τρίς trís, tres, o elemento -o- (para facilitar a pronuncia), e πτερόν pterón, á, aludindo ás tres aletas dorsais que presentan estes peixes.

Trueiro

O trueiro é un aparello de pesca manual composto por tres pezas: unha rede pequena con forma de bolsa aberta, un aro que contorna a rede na súa abertura, e un mango longo xunguido por un dos seus extremos ao aro. Pódese empregar para a captura directa dos peixes na auga ou tamén, coma medio auxiliar, para recoller peixes capturados por outros métodos.

Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898 e finado en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista. En 2012 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ángel Bernárdez Rodríguez

Ángel Bernárdez Rodríguez, nado en Xixón o 8 de outubro de 1859 e finado en Vigo o 3 de abril de 1935, foi un xornalista galego

Temas relacionados con Galicia

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.