Pero da Ponte

Pero da Ponte foi un poeta medieval que estaría activo entre 1230-1260[1]. Posibelmente galego e escudeiro, Afonso Eanes do Coton denomínao segrel:

En nossa terra, se Deus me perdon
a todo escudeiro que pede don
as mais das gentes lhe chama segrel.

Estivo activo nas cortes de Fernando III e Afonso X. É autor de 53 textos: sete cantigas de amor, sete cantigas de amigo, vinte e tres cantigas de escarnio e maldicir, tres sátiras literarias contra Sueiro Eanes, un pranto burlesco, catro sirventeses morais, dous eloxios, catro prantos, unha tenzón e un partimén.

Notas

  1. Henrique Monteagudo Tres poetas medievais da Ría de Vigo. Galaxia, 1998, páxina 70
Afonso Eanes do Coton

Afonso Eanes do Coton foi un trobador galego, activo nas cortes de Fernando III e Afonso X; o seu trazo máis acusado é o realismo. Suponse que naceu a finais do século XII en Negreira, onde está o pazo do Cotón.

Consérvanse del catorce cantigas de escarnio e maldicir, dúas cantigas de amigo e dúas tenzóns, as dúas con Pero da Ponte, o seu discípulo e futuro asasino. Amais, hai dúbidas respecto á autoría de dúas pezas de escarnio e maldicir (quizais escritas por el ou por Pero Viviães), unha cantiga de amor (escrita por el ou por Airas Engeitado) e outra de amigo (escrita quizais por Paio Soares de Taveirós).

Para os seus contemporáneos era un vividor de moi má reputación, abarregado cunha tal María Pérez Balteira de fama aínda peor que a súa.

Fernan Rodriguez Redondo

Fernan Rodriguez Redondo foi un trobador portugués de finais do século XIII e principios do XIV. Fillo do trobador Rodrigo Eanes Redondo, arredor de 1297 foi administrador do infante Peire, fillo de Pedro III de Aragón e en 1316 era xuíz en Portugal. É autor de 3 textos: 2 cantigas de escarnio e 1 tenzón con Pero da Ponte, aínda que esta se conserve fragmentariamente.

Fernan Soares de Quinhones

Fernan Soares de Quinhones ou Quinhões foi un trobador asturiano, do segundo terzo do século XIII. É autor de 5 textos: 4 cantigas de escarnio e 1 sátira moral.

Fernan Velho

Fernan Velho foi un trobador portugués, que estivo activo na segunda metade do século XIII. Era fillo bastardo de Gongalo Pires Velho, da mediana nobreza de Entre Douro e Minho. É posíbel que estivera na corte de Afonso X, onde participaría no ciclo satírico contra María Balteira. Foi autor de 11 textos: 9 cantigas de amor, 1 cantiga de amigo e 1 cantiga de escarnio.

Galego-portugués

O galego-portugués (tamén chamado galaico-portugués) é a lingua medieval que se falou no noroeste da Península Ibérica que deu lugar ó galego e portugués actuais. Procedía do latín falado na Gallaecia e foi introducido polos colonizadores romanos. É polo tanto unha lingua romance. Tivo especial relevancia cultural durante varios séculos, e disto dan fe os textos medievais conservados nesta lingua.

A lingua considérase formada no século VIII, principalmente coma desenvolvemento do latín vulgar falado polos conquistadores romanos a partir do século II d. C.[Cómpre referencia]O documento da lírica galego-portuguesa máis antigo parece ser a cantiga satírica "Ora faz ost'o senhor de Navarra" de Johan Soarez de Pávia, datado en 1196 por algúns expertos. As recompilacións líricas medievais galego-portuguesas máis importantes que se conservan hoxe son o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancutti e as Cantigas de Santa María.

O rei Afonso X o Sabio, de Castela, coordinou as Cantigas de Santa María en galego-portugués, que daquela era a lingua por excelencia para a lírica nos reinos de Galicia, León e Castela (estando o reino de Aragón na zona de influencia da literatura occitana). Tamén compuxo algunhas cantigas de amor, mais ningunha de amigo.

Algúns poetas salientábeis incline Bernal de Bonaval, Airas Nunez, Pero da Ponte, Pero Amigo, Xohán de Cangas, e Martín Codax.

O galego-portugués tivo a súa máxima importancia dende finais do s. XII ata mediado o s. XIV.

Garcia Martinz

Garcia Martinz foi un trobador de orixe descoñecida, que estivo activo na corte de Afonso X. A vinculación con Pero da Ponte sitúano na corte de Afonso X, mais non se teñen datos concretos sobre este autor.

Garcia Perez

Garcia Perez foi un trobador posibelmente galego e quizais haxa que identificalo co gobernador de Galiza en 1282. É autor dun único texto, unha tenzón con Afonso X, sobre unha pena veira do rei, que Garcia Perez aconsella tirar ao lixo.

Gil Perez Conde

Gil Perez Conde foi un trobador portugués, que estivo activo nas décadas centrais do século XIII, posibelmente exiliado en 1248 tras a guerra entre Afonso III e Sancho II de Castela. Foi autor de 18 textos: 1 cantiga de amor convencional, 1 cantiga de amor en ton xocoso, 1 cantiga de amor de ton anticortés, 8 sátiras políticas, 1 sátira literaria, 2 sátiras morais, e 4 cantigas de escarnio.

Gil Sanchez

Gil Sanchez, nado en 1200 e finado en 1236, foi fillo bastardo de Sancho I de Portugal, tido con Maria Pais Ribeiro a Ribeirinha. Como trobador estivo activo na corte de Afonso IX de León de 1214 a 1219. Del consérvase unha cantiga de amor paralelística.

Golparro

Golparro foi un xograr galego de finais do século XIII. Golparro sería un alcume que significaría "raposo vello". É autor dunha cantiga de amigo, sobre o santuario de San Treeçon.

Gonçalo Garcia

Gonçalo Garcia foi un trobador portugués, que estivo activo por volta de 1245 e fillo de Garcia Mendiz de Eixo. É autor de 1 cantiga de escarnio sobre o rapto de Maria Rodrigues Codorniz, familiar de Rodrigo Sanches, bastardo de Sancho I.

Johan

Johan foi un xograr leonés, que estaría activo arredor do 1325. É autor dun pranto pola morte de don Dinís e 1 eloxio en louvor de Afonso IV.

Josep

Josep foi un trobador portugués de finais do século XIII e principios do XIV. Primeiro representante xudeu da escola trobadoresca galego-portuguesa, é autor dunha tenzón con Estevan da Guarda.

Martin Campina

Martin Campina foi un xograr portugués ou galego, posibelmente activo a finais do século XIII. É autor de 2 cantigas de amigo moi convencionais.

Martin Moxa

Martin Moxa foi un trobador posibelmente catalán ou aragonés, activo entre 1270-1280 na corte de Afonso X. Clérigo de profesión, foi coñecido e satirizado pola súa lonxevidade por parte dos seus contemporáneos. É autor de 20 textos: 12 cantigas de amor, 1 descort, 4 sátiras morais, centradas no tópico do mundo ao revés, 1 sátira política, 1 autoescarnio e posibelmente sexa o autor dunha tenzón con Lourenço.

Martin Soarez

Martin Soarez foi un trobador portugués, que estivo activo entre 1230/1235-1270.

Men Rodriguiz Tenoiro

Men Rodriguiz Tenoiro foi un poeta castelán medieval, que estaría activo no terceiro cuartel do século XIII na corte de Afonso X e posibelmente tamén na de Fernando III. É autor de 7 textos: 1 cantiga de amor, 4 cantigas de amigo, 1 cantiga de escarnio e maldicir e 1 tenzón con Juião Bolseiro.

Picandon

Picandon foi un xograr ao servizo do trobador italiano Sordello. A súa participación no escola trobadoresca galego-portuguesa demóstrase por unha tenzón con Johan Soarez Coelho.

Vasco Gil

Vasco Gil foi un trobador portugués, que estivo activo no segundo terzo do século XIII, fillo de Gil Vasquez. Foi partidario do rei Sancho II de Castela e en 1245 marcha a Castela, participando na conquista de Sevilla. É autor de 17 textos: 13 cantigas de amor, 2 cantigas de amigo e 2 tenzóns con Afonso X e Pero Martinz, aínda que a autoría desta última non está totalmente demostrada, xa que no texto só se menciona un tal Don Vasco.

Xeración histórica
Xeración intermedia
Corte de D. Dinís
Epígonos
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.