Período micénico

O Período micénico da historia de Grecia abarca desde o 1600 a.C. ao 1100 a.C., cando Micenas era un dos maiores centros de civilización e unha potencia militar que dominaba a maior parte do sur da Grecia. O período micénico constitúe a derradeira fase da Idade de Bronce na Grecia Antiga e é o escenario das narrativas épicas de Homero e de boa parte da mitoloxía grega. Rematou coa invasión dos dorios, aínda que hoxe se dubida de se existiu tal invasión.

Sites mycéniens
Localización dos principais sitios micénicos.

Os descendentes dos invasores que remataran coa Creta minoica foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

MaskAgamemnon
Máscara funeraria coñecida como Máscara de Agamenón.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de olería por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de fortificacións novas e máis eficaces. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio. Nos palacios atopáronse arquivos de tabelas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

Mykene.Treasure.of.Atreus.tholos
Entrada da "Tumba de Agamenón" en Micenas.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meros caseróns para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. As labouras do campo levábanas a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outras labouras controladas dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino máis importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

Mycenae lion gate dsc06382
"Porta dos Leóns" de Micenas.

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara o final do período micénico, produciuse un feito dunha grande repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internos ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis o menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Historia de Grecia
Acropolis-panorama-night
Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica
Acrópole de Atenas

Í

A Acrópole de Atenas pode considerarse a máis representativa das acrópoles gregas. A acrópole era, literalmente, a cidade alta e estaba presente na maioría das cidades gregas, cunha dobre función: defensiva e como sede dos principais lugares de culto. A de Atenas está situada sobre unha cima, que se alza 156 metros sobre o nivel de mar. Tamén é coñecida como Cecropia en honor do lendario home-serpe, Cécrope, o primeiro rei ateniense.

A entrada á Acrópole realízase por unha gran porta chamada os Propileos. Ao seu lado dereito e frontal atópase o Templo de Atenea Nike. Unha grande estatua de bronce de Atenea realizada por Fidias, atopábase orixinariamente no centro. Á dereita de onde se erixía esta escultura atópase o Partenón ou Templo de Atenea Parthenos (a Virxe). Á esquerda e ao cabo da Acrópole está o Erecteion, coa súa célebre stoá ou tribuna sostida por seis cariátides. Tamén se atopan os restos dun teatro ao aire libre chamado Teatro de Dioniso, onde estrearon as súas comedias Sófocles, Aristófanes e Esquilo.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Dodecateísmo

O dodecateísmo, tamén coñecido como neohelenismo ou neopaganismo helénico é unha modalidade de neopaganismo centrada nos deuses, crenzas e prácticas da relixión da Grecia antiga, así como na recuperación das antigas tradicións e filosofía precristiás.

En 2017, o helenismo foi legalmente recoñecida como "relixión coñecida" en Grecia.

Exina, Grecia

Exina (grego antigo Αἴγινα Aígina, grego moderno Αίγινα Éyina) é unha das illas de Grecia situada no medio do golfo Sarónico, entre as illas de Salamina ao norte, Angistri ao oeste e Poros ao sur; áchase a unha decena de quilómetros da costa nordés da península de Methano, no Peloponeso, e ao suroeste do Pireo, porto do cal dista uns 20 km.

O xentilicio dos habitantes desta illa é exineta. A illa é famosa polo seu templo de Afaia, un dos tres templos do triángulo sacro formado polo Partenón, o Templo de Poseidón do cabo de Sunión, e o templo de Afaia. Foi durante moito tempo unha gran rival de Atenas, tanto na Antigüidade como ao principio do século XIX. Exina foi unha das primeiras cidades marítimas e comerciais da Grecia Antiga: tivo a primeira mariña de Grecia e foi a primeira cidade en acuñar moeda. Foi a primeira capital (1828-1829) de Grecia que loitou pola súa independencia e o novo Estado grego fixo acuñar alí as súas primeiras moedas. A illa é tamén a principal produtora de pistachos de Grecia, e a maior exportadora a nivel mundial.

Segundo a tradición considérase que o seu nome deriva da ninfa Exina, nai de Éaco, quen naceu na illa e foi o seu rei.

Grecia antiga

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Grego micénico

O micénico é a máis antiga forma coñecida da lingua grega, falada na Grecia continental e en Creta nos séculos -XVI a -XI, antes da invasión doria. Consérvase en inscricións en Lineal B, unha escrita inventada en Creta polo século -XIV. A maior parte dos exemplos desta escrita están en taboíñas de arxila atopadas en Knossos e en Pilos. A lingua recibe o nome de Micenas, o primeiro dos palacios que se escavou.

As taboíñas permaneceron moito tempo sen descifrar, propoñéndose todas as linguas concibíbeis como a que subxacía nelas, ata que Michael Ventris descifrou a escrita en 1952 e probou máis aló de toda dúbida que a lingua era unha forma antiga do grego.

A maioría dos textos das taboíñas son listas e inventarios. Non hai ningún texto narrativo e menos poético. Porén estas listas botan moita luz sobre o pobo que as escribiu e sobre o período micénico, ás vésperas da denominada Idade Escura de Grecia.

Guerra de Troia

A guerra de Troia é un acontecemento lendario, elemento esencial da cultura grega antiga. Deu lugar a numerosas obras artísticas, literarias en particular. Unha parte esta contada na Ilíada de Homero; o poema leva este nome xa que o nome grego da cidade de Troia é Ilion: trátase da primeira epopea escrita en grego e ten un valor fundador.

A guerra de Troia foi unha guerra contra a cidade de Troia en Asia Menor polos exércitos gregos, tras o rapto de Helena de Esparta por Paris de Troia. Esta guerra é a figura central da épica grecolatina e foi narrada nun ciclo de poemas épicos dos que só dous nos chegaron intactos, A Ilíada e A Odisea de Homero. A Ilíada describe un episodio desta guerra, e A Odisea narra a viaxe de volta a casa dun dos líderes gregos, Ulises. Outras partes da historia e versións diferentes foron elaboradas por poetas gregos e romanos posteriores.

Os antigos gregos crían que os feitos que Homero relatou eran certos. Crían que esta guerra tivera lugar nos séculos século -XIII ou século -XII, e que Troia estaba situada cerca do estreito dos Dardanelos no noroeste da península de Anatolia (actual Turquía). En tempos modernos, tanto a guerra como a cidade eran consideradas mitolóxicas.

En 1870 o arqueólogo alemán Heinrich Schliemann escavou o outeiro de Hisarlik, onde cría que estaba a cidade de Troia, achando os restos da antiga cidade de Nova Ilión, que existiu ata o século século -I e baixo a cal achou outras ruínas, e debaixo destas, outras máis. Parecía unha inmensa cebola cuxas capas habería que ir esfollando unha tras outra e cada unha destas capas parecía ser habitada en épocas distintas. Schliemann fora para achar a Troia homérica; pero no curso dos anos, el e os seus colaboradores acharon sete cidades sepultas, e máis tarde outras dúas. Pero, cal destas dez cidades era a Troia de Homero? Estaba claro que a capa máis profunda, Troia I, era a prehistórica, a máis antiga, tan antiga que os seus habitantes aínda non coñecían o emprego do metal, e que a capa máis a flor de terra, Troia IX, tiña que ser a máis recente, gardando os restos da Nova Ilión, onde Xerxes e Alexandre Magno sacrificaran aos deuses. Algúns historiadores cren que a Troia VI ou a VII foron a cidade homérica, porque as anteriores son pequenas e as posteriores son asentamentos gregos. Outros historiadores cren que os relatos de Homero son unha fusión de historias de sitios e expedicións dos gregos da Idade de Bronce ou do período micénico, e non describe feitos reais. Os que pensan que as historias da guerra de Troia derivan dalgún conflito real, dátano entre -1100 e -1300.

Hidra

Hidra grego Υδρα é unha illa grega do Golfo Sarónico en Grecia, ao sur de Atenas, no mar Exeo, enfronte da península da Argólida, entre o golfo Sarónico e o golfo Argólico.

Está separada do Peloponeso polo estreito do golfo de Hidra. Hidra é tamén unha municipalidade e unha das poucas provincias de Grecia que ten dous concellos, que inclúe a deshabitada illa de Dokos con menos de 5 comunas.

Illa dependente do turismo, os atenienses constitúen un considerable segmento dos visitantes de Hidra. Os ferris chegan regularmente do Pireo, e do porto de Nauplia, que está na próxima costa do Peloponeso. Agás os camións de lixo, os vehículos non están permitidos na illa; que deixa a maioría do transporte público da illa a burros e taxis acuáticos. A zona deshabitada, con todo, é tan compacta que a maioría da xente pasea por todas partes.

Hai unha cidade principal, coñecida simplemente como "Porto Hidra." Consiste nun porto de forma de media lúa, ao redor do cal está a praia e os establecementos comerciais (restaurantes, tendas, mercados e galerías) todo o cal satisfai aos turistas e aos hidriotas. Empinadas rúas de pedra conducen cara a fóra da zona do porto. A maioría das residencias locais, ademais das hostaleiras están localizadas en devanditas rúas.

Foi unha das grandes potencias navais do Mediterráneo na época moderna. Os seus armadores e os seus navieiros xogaron un papel determinante na guerra de independencia de Grecia.

Na antigüidade era coñecida como Hidrea (Υδρεα), que era unha referencia aos mananciais da illa.

II milenio a. C.

O segundo milenio antes de Cristo comezou o 1 de xaneiro do 2000 a. C. e terminou o 31 de decembro do 1001 a. C.

Illa de Creta

A illa de Creta (Grego Κρήτη / Kriti) é unha illa mediterránea, a maior e máis poboada das illas gregas, sendo a súa situación xeográfica o punto máis meridional de Europa.

Reincorporada á Grecia no 1913, é unha das trece periferias (rexión administrativa).

Forma unha parte importante da economía e o patrimonio cultural de Grecia, mentres que mantén o seu propios trazos culturais locais (como o seu propio dialecto, poesía e música).

Creta é o berce da civilización minoica, da cal Cnossos é o corazón e o sitio arqueolóxico máis importante.

Micenas

Micenas (IPA /my'ke:nai/, en grego moderno: Μυκήνες /mi'cines/) é un sitio arqueolóxico en Grecia, localizado preto de 90 km ao suroeste de Atenas, no nordeste do Peloponeso. No segundo milenio a.C, Micenas foi un dos maiores centros da civilización grega e unha potencia militar que dominou a maior parte do sur de Grecia. O período da Historia de Grecia de preto de 1600 a.C. a preto de 1100 a.C. chámase Micénico en recoñecemento á posición de liderado de Micenas.

Crese que a acrópole ou "cidade alta" de Micenas foi fortificada no 1500 a.C. aproximadamente, debido á presenza de túmulos verticais que datan deste período. As fortificacións na acrópole e noutros outeiros circundantes reconstruíronse aproximadamente no 1350 a.C. nun estilo coñecido como "ciclópeo", porque os bloques de pedra usados eran tan grandes que os gregos xulgaron que foron traballo de xigantes dun único ollo, coñecidos como ciclopes. Dentro destes muros, parte dos cales aínda poden ser vistos, erguéronse palacios monumentais.

En períodos posteriores, os micénicos pararon de enterrar os seus reis en túmulos verticais e pasaron a construír enormes sepulturas circulares chamadas tholoi, frecuentemente construídas nos lados dos outeiros. A maior delas (o Círculo A) foi descuberta polo arqueólogo alemán Heinrich Schliemann. Como esas enormes sepulturas foron saqueadas moito tempo antes, él non se decatou que era un túmulo e deulle o nome de Sala do Tesouro de Atreo.

A construción máis coñecida de Micenas é a Porta dos Leóns, que ergueuse aproximadamente no 1250 a.C.. Nesta época, Micenas probabelmente era unha cidade próspera, cun poder político, militar e económico que se estendía até Creta, Pilos, no Peloponeso occidental, e até Atenas e Tebas. Pero preto do 1200 a.C. o poder de Micenas estaba xa declinando e durante o século XII a.C., o dominio micénico entrou en colapso. Tradicionalmente, isto atribúese a unha invasión dos dorios, gregos do norte, aínda que algúns historiadores dubiden que tal invasión teña acontecido.

A lembranza do poder de Micenas mantívose nas mentes dos gregos durante os séculos seguintes, coñecidos como a Idade das Tebras. Os poemas épicos atribuídos polos gregos de xeracións posteriores a Homero, a Ilíada e a Odisea, preservan memorias do período micénico. Os poemas de Homero presentan a Agamenón, Rei de Micenas, como o líder dos gregos na Guerra de Troia.

Durante o período Clásico inicial, Micenas habitouse novamente, aínda que xamais recuperou a súa antiga importancia. Os micénicos combateron en Termópilas e en Platea durante as Guerras Persas. Entrementres, no 468 a.C., tropas de Argos capturaron a cidade e expulsaron os habitantes. Durante os períodos Helenístico e Romano, as ruínas de Micenas eran unha atracción turística, así como son hoxe. Unha pequena aldea xurdiu para atender aos negocios xerados polos turistas. Porén, o lugar abandonouse no final do Imperio Romano.

As primeiras escavacións en Micenas realizáronse polo arqueólogo grego Pittakis en 1841, quen encontrou e restaurou a Porta dos Leóns. En 1874, Schliemann chegou ao lugar e realizou unha escavación completa. Schliemann consideraba como verdade histórica os poemas de Homero e interpretou as súas descubertas nesa liña. Encontrou os antigos túmulos verticais cos seus esqueletos reais e artefactos fúnebres espectaculares. Cando descubriu unha máscara mortuaria de ouro nun dos túmulos, exclamou: "Contemplen o rostro de Agamenón!".

Desde a época de Schliemann, realizáronse máis escavacións científicas en Micenas, principalmente por arqueólogos gregos mais tamén pola Escola Británica de Atenas. A acrópole escavouse en 1902, e os outeiros circundantes investigáronse metodicamente por escavacións posteriores.

Hoxe, Micenas, un dos lugares de fundación da civilización europea, é un destino turístico popular. O lugar foi ben preservado, e as grandes ruínas dos muros ciclópeos e dos palacios na acrópole aínda causan a admiración dos visitantes, particularmente cando se lembra que tales muros foron erguidos mil anos antes dos monumentos da Grecia clásica.

Micénico

O termo Micénico pode referirse:

Ao pertencente ou relacionado coa antiga cidade de Micenas, no Peloponeso en Grecia.

Ao pertencente á cultura do período micénico, do Mediterráneo oriental na fin da Idade de Bronce.

Á lingua micénica, unha antiga forma de grego, coñecida a través de inscricións en Lineal B atopadas en Micenas, Creta e outras cidades da Grecia antiga.

Nimos

Nimos é unha illa grega despoboada no grupo das illas do Dodecaneso no mar Exeo sur. Situado fronte á costa norte de Symi, da que está separada por un pequeno estreito pouco profundo chamado Diapori, que ten unha superficie de 4´6 km2. É a illa Ymos dos antigos gregos.

A illa, do mesmo xeito que Symi e os demais illotes dos alrededores, proclamouse sitio arqueolóxico polo Consello Central de Arqueoloxía de Grecia.

Poros

Poros (en grego: Πόρος) é unha pequena illa dobre grega en parte sur do golfo Sarónico a unha distancia de 48 km ao sur do Pireo e separada por unha canle marítima de douscentos metros do Peloponeso.

A súa superficie é de 31 quilómetros cadrados e ten unha poboación de 4.000 habitantes. O nome antigo de Poros era Pogon.

Poros está formada por dúas illas: Sphairia, a parte sur, a cal ten unha orixe volcánico e Kalaureia a parte norte.

A illa contén un rica vexetación. Moita da parte norte, leste e oeste ten unha vexetación moi tupida con bosques de piñeiros no sur e o centro.

Psara

Psara (grego: Ψαρά, Psará, anteriormente coñecida como Ψύρα, Psyra, or Ψυρίη, Psyriī) é unha illa grega no mar Exeo. Xunto coa pequena illa deshabitada de Antípsara forma o municipio de Psara. forma parte da unidade rexional de Quíos, que é parte da rexión do Exeo Setentrional. A única cidade da illa e capital do municipio tamén se chama Psara.Psara tiña 448 habitantes segundo o censo de 2011. Ten un pequeno porto que a une á illa de Quíos e outras partes de Grecia.

Tirinto

Tirinto ou Tirinte (en grego antigo Τίρυνς e en moderno Τίρυνθα) é un emprazamento arqueolóxico micénico no nomos grego da Argólida na península do Peloponeso, algúns quilómetros ao norte de Nauplia.

Tivo asentamentos desde o Neolítico e alcanzou o seu cénit entre o -1400 e o -1200 Os seus elementos máis notábeis foron o seu palacio, os seus túneles ou pasadizos e dous aneis de murallas ciclópeas, sobre todo estas últimas, posto que lle outorgaron á cidade o epíteto homérico de Tirinto, a de grandes murallas. A súa acrópole recibía o nome de Licimna.

Ática

Ática (grego: Αττική, Attikḗ ou Attikī́) é unha rexión histórica que abarca a cidade de Atenas, a capital de Grecia. A rexión histórica céntrase na península Ática, que se proxecta no mar Exeo. A moderna rexión administrativa de Ática é máis ampla que a rexión histórica e inclúe as Illas Sarónicas, Citera, e o municipio de Troizinia no Peloponeso continental. A historia da Ática está estreitamente ligada á de Atenas, que, desde o período clásico, foi unha das cidades máis importantes do mundo antigo.

Ítaca

Ítaca (en grego moderno, Ιθάκη) é unha das numerosas illas gregas, situada no mar Xónico. Está localizada na prefectura de Cefalonia.

A illa ten unha superficie de 117 km² e unha poboación de 3.000 habitantes. A súa capital é a localidade de Vathí (Βαθύ). Outros núcleos de poboación son: Stavros, Anogi, Exogi e Perachori.

A illa posúe varias baías, e é tan fechada que fai lembrar un lago. No medio da illa, a baía de Moulou (Kolpos Moulou) entra tanto na terra que deixa apenas unha estreita franxa con 500 metros, o suficiente para que a illa non se separe en dúas. Presuponse que, entre outras candidatas, é a mesma Ítaca que aparece na Ilíada e na Odisea, fogar e reino de Ulises.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.