Pequín

Coordenadas: 39°54′50″N 116°23′30″L / 39.91389, -116.39167

Pequín
北京
Beijing montage
Varias imaxes da cidade
Localización
Beijing in China (+all claims hatched)
PaísFlag of the People's Republic of China.svg China
Xeografía
Altitude43.5 msnm
Superficie16.801,25 km²
Demografía
Poboación17.500.000 hab. (2009)
Densidade1.200 hab/km²
Xentiliciopequinés[1]
Outros datos
Código postal100000–102629
AlcaldeGuo Jinlong
www.beijing.gov.cn

Pequín[1][2][3][4], Beijing[1] ou Beixín[5] (北京; pinyin Beijing), nome que significa Capital do Norte, é a cidade capital da República Popular da China. Durante séculos, foi a maior cidade do mundo. Hoxe ten preto de 10,3 millóns de habitantes. Sitúase no norte do país.

Pequín é famosa pola Cidade Prohibida, o palacio dos emperadores chineses desde o século XV. Foi capital do Imperio Chinés de 1421 a 1911. En 1912 a capital foi transferida para Nanquín e a cidade tomou o nome de Beiping ou Peiping (Paz do Norte). Ocupada polos xaponeses entre 1937 e 1945. Tornouse a capital da república en 1949 co nome actual.

Forbidden City1
Cidade Prohibida, Pequín

Historia

PekingUniversityPic5
A universidade de Pequín fundada en 1898.

Pequín, Beijing, antes de ser unha cidade foi un dos primeiros territorios ocupado por humanos. Varias veces foi capital e mudou de nome ata ser a actual capital da República Popular da China en 1949.

Prehistoria

En Zhoukoudian, nas aforas do suroeste da cidade, atópase un importante asentamento de Homo erectus con restos humanos que datan de hai 700.000 a 500.000 anos, os máis importantes (Home de Pequín), e ata 250.000 anos antes da nosa era [6].

Así queda constancia de que o área de Pequín é unha das de máis antigo poboamento da Terra.

Nas mesmas covas, na superior en concreto, tamén habitaron Homo sapiens dende o 50.000 ata o 18.000 a.C. e, xa no neolítico, atópanse restos de pintura ritual (hematite) de entre 10.000 e 9.000 a.C.

Entrando xa na historia, inda que na mítica polo momento, a primeira mención dunha cidade na área corresponde a época do patriarca han, o Emperador Amarelo (2698-2598 a.C.). Trátase de Zhuolu, hoxe unha pequena vila ao noroeste da municipalidade de Beijing. Nela, o emperador fundacional batallou contra os bárbaros impoñendo a súa etnia. En conmemoración da vitoria levantou unha capital.

Tamén lendaria pero xa no soar da actual metrópole, cítase Youdu ou "cidade da quietude" na época do emperador Yao (2333-2234 aC).

Ji

Cara ao final do primeiro milenio antes da nosa era, nos comezos da dinastía Zhou, as tribos presentes no área van converxendo nun réxime de reinos. Aparecen as primeiras poboacións estables e sobre o -1045 a cidadela de Ji que é conquistada polo reino ou estado de Yan nunha data confusa entre o 865-400 a.C., converténdose na súa capital.

Durante o período dos Reinos Combatentes (475-226 a.C.) é un importante centro do norte da China cos nomes alternativos de Yanjing ou Yenshiatu. Situábase uns dez quilómetros ao norte da cidade actual. No 226 a.C., o primeiro emperador chinés, o unificador Qin Shihuang , conquístaa e destrúea.

Reconstruída ao suroeste da Cidade Prohibida, no norte da actual porta Guanganmen, pasa a ser un centro administrativo e guarnición militar das dinastías Han, Sui e Tang asemade con nomes diversos (Jicheng, Youzhou [7]).

Tralo colapso da dinastía Tang, o norte da China coñece a entrada de continxentes de pobos turcos e mongois entre os que destacan os Khitan que fundan a dinastía Liao (907-1127) con capital que eles chaman Yu ou Nanjing ('capital do sur' dos seus territorios) na antiga Ji. O seu emperador Taizong (927-47) leva a cabo plans de reconstrución erixindo unha muralla de dez metros de altura, oito portas e un recinto interior cos pazos [8].

Zhongdu

Un novo pobo do norte, os manchús Jurchen da dinastía Jin (1115-1234) suceden aos Khitan. En 1153 trasladan a súa capital a Yu que rebautizan coma Zhongdu. Considérase a data fundacional de Beijing coma capital chinesa. De feito xa non era un enclave de fronteira posto que os jurchen dominaban toda a metade norte da China ata o Yangtzé.

Tal importancia requiría unha capital axeitada. A partir de 1151, o soberano Hailingwang vai reconstruír Nanjing (3x3 km) a imitación de Kaifeng, a anterior capital dos derrotados Song do norte. Estende a cidade polo leste, sur e oeste deixando así a típica configuración da capital chinesa: tres cidades, a interior ou pacega (1,5x0,75 km); a intermedia, administrativa e da corte; e a exterior da poboación en xeral (4,5x4,5 km), cada unha co seu cinto de fortificacións.

Dadu

北京孔庙
Templo de Confucio construído cara a 1285 durante a ocupación mongol.

En 1215 Genghis Khan conquista e incendia Zhongdu. O seu neto Kublai Khan, que está a conformar o maior imperio coñecido, o Imperio Mongol, decide en 1264 reconstruíla coma a súa nova capital. Co precedente de Xanadú (Shangdu, capital de verán na Mongolia Interior) e segundo os principios do Libro dos Ritos, entre 1267-93 eríxese a nova cidade de Dadu ou Khanbaliq (Cambaluc) ao nordeste da vella Zhongdu (que se manterá coma vila chinesa mentres a nova será a cidade mongol ou tártara).

A capital da dinastía Yuan, que impresionará grandemente a Marco Polo na súa estadía na corte do Gran Khan, é un vasto rectángulo de 28 km de perímetro amurallado con once portas. O seu deseño, de Liu Bingzhong ao igual co de Xanadú, mantén na súa planta a tripla configuración da capital dos Jin: Pazo Imperial (cidade interior), Cidade Imperial (cidade intermedia), e cidade exterior [9].

A contribución novidosa de Liu Bingzhong, e de gran transcendencia no futuro da cidade, é a súa concepción paisaxística do plan: O eixo norte-sur respéctase pero cunha certa corrección cara ao leste para acoller o lago Taiyi Zhi co a illa de Quionghua onde xa os Jin gozaban dun pazo e parque. Ao carón deste belo escenario natural disporase a Cidade Imperial.

Pequín

En 1368 Hongwu expulsa aos mongois e instaura a dinastía Ming. Tras un breve tempo no que a capital instálase en Nanjing ("capital do sur") e no que a muralla norte de Dadu retrocede 2,8 km cara ao sur para unha mellor defensa, en 1403 o emperador Yongle decide trasladala de novo ao norte, a Dadu, e por iso a renomea Beijing ("capital do norte").

De seguido emprende un vasto programa construtivo que ten por base o deseño da capital de Kublai. Así, sobor do antigo Pazo Imperial vai construír a celebérrima Cidade Prohibida (1406-20),[10]. Diante, a ambos lados do acceso principal, erixe os templos dos devanceiros (Taimiao) e o da terra (Shejitan), que en Dadu estaban nos dous extremos do eixo leste-oeste, xunto a muralla. E pechando a composición polo norte, onde Kublai tiña o xardín imperial, Yongle levanta un outeiro artificial. Tras del, no eixo, a Torre do Tambor e da Campá.

Ao mesmo tempo, as murallas do sur movéronse 800 metros nesa dirección (xusto a lonxitude da actual Praza de Tian'anmen), para ampliar a Cidade Imperial.

En 1420, ampliando o grande eixo cara ao sur fora de murallas, manda construír o Templo do Ceo [11] e o da Agricultura (1422). En torno a este complexo crecerá a cidade que entre 1522 e 1566 pecharase cun novo cinto murario constituíndo a chamada 'cidade chinesa' (por oposición a 'cidade tártara' próxima polo norte) [12].

Constituíu o conxunto urbano máis grande do mundo ata o século XIX, superando o millón de habitantes.

Este vai ser o esquema básico sobre o que Beijing chegará ata a actualidade. En forma radioconcéntrica a partir de aneis periféricos sucesivos [13] a metrópole esténdese polo territorio. Cando nos anos sesenta derrúbanse finalmente as murallas Ming, o encontro da cidade chinesa e a tártara conformará o maior eixo da cidade actual, a Avenida Changan (máis de 25 km), en cuxo punto central, onde se atopa a entrada a Cidade Prohibida, abrirase a gran Praza Tian'anmen, verdadeiro corazón do actual Beijing [14].

Albergou os Xogos Olímpicos de 2008. Para o Parque Olímpico escolleuse o eixo norte, por fóra da antiga muralla de Dadu.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pequinés.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 107. ISBN 84-8158-266-2.
  3. Véxase a entrada "Pequín". Editorial Galaxia, ed. (2007). Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). p. 1608. ISBN 9788482893600.
  4. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1444. ISBN 9788482893419.
  5. "Pautas para un correcto uso da linguaxe" (PDF). Universidade de Vigo. Consultado o 4 de setembro de 2016.
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2012. Consultado o 27 de xullo de 2013.
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2013. Consultado o 25 de marzo de 2013.
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2015. Consultado o 25 de marzo de 2013.
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2012. Consultado o 01 de agosto de 2012.
  10. [1]
  11. [2]
  12. [3][4]
  13. [5]
  14. [6]
Aeroporto Internacional de Pequín-Capital

O Aeroporto Internacional de Pequín-Capital (IATA: PEK, ICAO: ZBAA) é o principal aeroporto internacional que serve a Pequín. Está situado a 32 km ao nordés do centro da cidade, nun enclave do distrito de Chaoyang rodeado polo distrito de Shunyi. O aeroporto pertence á Beijing Capital International Airport Company Limited, unha compañía controlada polo estado que tamén se encarga de operalo.

O aeroporto é o principal centro de conexións de Air China, a aeroliña nacional do país, que voa a uns 120 destinos (sen contar os de carga), dende Pequín. China Eastern Airlines, Hainan Airlines e China Southern Airlines tamén usan o aeroporto como centro de conexións.

Pequín-Capital inaugurou a súa Terminal 3 en 2008, xusto a tempo para os Xogos Olímpicos de 2008, converténdose na segunda terminal máis grande do mundo tras a terminal 3 do Aeroporto Internacional de Dubai e no sexto edificio máis grande en superficie. O Aeroporto Internacional de Pequín-Capital cobre unha área de 1 480 hectáreas de terra.

Pequín-Capital ascendeu rapidamente nos ránkings de aeroportos máis concorridos do mundo na pasada década. En 2009 converteuse no aeroporto con máis número de pasaxeiros e de movementos de avións de Asia. Ven sendo o segundo aeroporto máis concorrido do mundo en tráfico de pasaxeiros dende o ano 2010. En 2012 rexistrou 557 167 movementos de avións, chegando ao sexto posto mundial. En termos de carga o aeroporto de Pequín-Capital tamén conseguiu un rápido crecemento. No ano 2012 converteuse no 13º máis concorrido do mundo en tráfico de mercadorías, rexistrando 1 787 027 toneladas.

Aeroporto de Cantón-Baiyun

O aeroporto internacional de Cantón-Baiyun (IATA: CAN, OACI: ZGGG) é o principal aeroporto de Cantón, a capital da provincia de Guangdong, en China. Os seus códigos están heredados do antigo aeroporto da cidade. O aeroporto de Baiyun serve como centro de conexións para China Southern Airlines, FedEx Express, 9 Air, Hainan Airlines e Shenzhen Airlines.

No ano 2016 foi o terceiro aeroporto máis concorrido da China e o décimo quinto do mundo en termos de pasaxeiros, cun total de 59 732 147 viaxeiros ese ano. En termos de tráfico de carga é o terceiro máis concorrio do país e o décimo noveno do mundo.

Aeroporto de Chengdu-Shuangliu

O aeroporto de Chengdu-Shuangliu (IATA: CTU, OACI: ZUUU) é o principal aeroporto que serve a Chengdu, a capital da provincia chinesa de Sichuan. Está situado a uns 16 quilómetros ao suroeste do centro da cidade, ao norte do distrito de Shuangliu District. O aeroporto é un importante centro de conexións no oeste de China. É un dos dous principais centros de conexións para Air China, xunto con Pequín-Capital, ademais da sede de Sichuan Airlines e Chengdu Airlines. China Eastern Airlines, Shenzhen Airlines, Lucky Air e Tibet Airlines tamén teñen bases no aeroporto.

No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 46 039 037 pasaxeiros. Nese ano foi o 27º aeroporto máis concorrido do mundo e o 4º da China, ademais de ser o máis concorrido do oeste e centro do país.

Aeroporto de Hong Kong

O aeroporto internacional de Hong Kong (IATA: HKG, ICAO: VHHH) é o principal aeroporto de Hong Kong. Está situado na illa de Chek Lap Kok, que en gran parte está formada por terras gañadas ao mar para a construción das súas instalacións. O aeroporto tamén é coloquialmente coñecido como aeroporto de Chek Lap Kok(赤鱲角機場), para distinguilo do seu predecesor, o pechado aeroporto Kai Tak.

O aeroporto ven sendo usado dende o ano 1998, substituíndo ao de Kai Tak. É un importante centro rexional de transbordo, centro de conexión para pasaxeiros e unha porta de entrada para destinos no interior de China e o resto de Asia. O aeroporto é o máis concorrido do mundo en termos de carga e un dos maiores en termos de pasaxeiros. O aeroporto ten unha das terminais de pasaxeiros máis grandes do mundo (a máis grande cando se inaugurou en 1998).

O aeroporto está operado por Airport Authority Hong Kong e é o principal centro de conexións para Cathay Pacific (a aeroliña nacional de Hong Kong), Cathay Dragon, Hong Kong Airlines, Hong Kong Express Airways e Air Hong Kong. É un dos centros de conexións para a alianza de aeroliñas Oneworld, e tamén un dos centros de conexión da zona Asia-Pacífico para UPS Airlines. É unha cidade focal para moitas aeroliñas como China Airlines e China Eastern Airlines. Singapore Airlines, Ethiopian Airlines e Air India utilizan Hong Kong como escala para algúns dos seus voos.

HKIA contrinue de forma importante á economía de Hong Kong, proporcionando uns 65 000 empregos á cidade. Máis de 100 aeroliñas operan no aeroporto, voando a unhas 180 cidades de todo o mundo. No ano 2016 polas súas instalacións pasaron 70,5 millóns de pasaxeiros, sendo o oitavo aeroporto máis concorrido do mundo en termos de pasaxe. No ano 2010 superou ao aeroporto de Memphis, converténdose no aeroporto máis concorrido do mundo en termos de carga.

Aeroporto de Shanghai-Pudong

O aeroporto internacional de Shanghai-Pudong (IATA: PVG, ICAO: ZSPD) é un dos dous aeroportos internacionais de Shanghai e un dos principais centros de conexións por aire de China. O aeroporto serve principalmente voos internacionai, mentres que o outro aeroporto da cidade, o de Shanghai-Hongqiao, opera sobre todo voos domésticos e rexionais. Está situado a uns 30 quilómetros ao leste do centro da cidade.

O aeroporto é o principal centro de conexións para China Eastern Airlines e Shanghai Airlines, e un gran centro de conexións internacional para Air China, ademais de ser un centro secundario de China Southern Airlines. Tamén é un centro de conexións para as aeroliñas privadas Juneyao Airlines e Spring Airlines, é un centro de conexións de carga na zona Asia-Pacífico para UPS Airlines e DHL Aviation.

O aeroporto de Pudong ten dúas terminais de pasaxeiros principais, flanqueadas en ámbolos dous lados por catro pistas de aterraxe paralelas. Dende o ano 2016 está planeada a construción dunha terceira terminal de pasaxeiros, unha terminal satélite e dúas pistas máis coa intención de incrementar a súa capacidade dos 60 aos 80 millóns de pasaxeiros anuais e para poder manexar seis millóns de toneladas de carga.

O aeroporto de Pudong é o terceiro do mundo en termos de carga, con 3,4 millóns de toneladas en 2016. Nese mesmo ano pasaron polas súas instalacións 66 002 414, sendo o segundo aeroporto máis concorrido de China, o quinto de Asia e o noveno do mundo.

Aeroporto internacional de Incheon

O aeroporto internacional de Incheon (IATA: ICN, OACI: RKSI), tamén coñecido como aeroporto internacional de Seúl-Incheon, é o aeroporto máis grande de Corea do Sur e un dos máis concorridos do mundo. Dende o ano 2005 vén sendo considerado o mellor aeroporto do mundo por Airports Council International. Tamén foi elixido o aeroporto máis limpo e o que ten o mellor tránsito internacional do mundo por Skytrax.O aeroporto ten campo de golf, spa, habitacións de descanso privadas, unha pista de patinaxe sobre xeo, un casino, xardíns interiores e un museo sobre a cultura coreana. As autoridades do aeroporto afirman que de media as chegadas e saídas duran 19 e 12 minutos, respectivamente, en comparación coa media mundial de 60 e 45 minutos, converténdoo nun dos aeroportos máis rápidos do mundo á hora de operar.O aeroporto inaugurouse o 29 de marzo de 2001 para substituír ao antigo aeroporto internacional de Gimpo que a día de hoxe opera principalmente voos domésticos e voos de enlace ás principais cidades da zona, como Toquio, Osaca, Pequín, Shanghai e Taipei.

Está situado ao oeste do centro de Incheon, nunha área creada artificialmente entre as illas de Yeongjong e Yongyu. As dúas illas estaba orixinalmente separadas por mar pouco profundo.

Aeroporto internacional de Narita

O aeroporto internacional de Narita (IATA: NRT, OACI: RJAA), tamén coñecido como aeroporto de Toquio-Narita e orixinalmente coñecido como novo aerioirto internacional de Toquio, é un aeroporto que serve á área do Gran Toquio no Xapón. Está situado a uns 60 quilómetros ao leste do centro de Toquio, na prefectura de Chiba, entre as cidades de Narita e Shibayama.

Narita é o principal aeroporto internacional do país, pasando por el ao redor do 50% dos seus pasaxeiros internacionais e un 60% da carga internacional. Narita é o segundo aeroporto máis concorrido do Xapón, despois do aeroporto de Haneda, e é o décimo máis concorrido do mundo en termos de carga.

Narita é o principal centro de conexións internacional para Japan Airlines, All Nippon Airways e Nippon Cargo Airlines, e un centro de conexións para as aeroliñas de baixo custo Jetstar Japan, Peach e Vanilla Air. Tamén serve como centro de conexións asiático para Delta Air Lines e United Airlines.

Air China

Air China Limited (chinés simplificado: 中国国际航空公司; chinés tradicional: 中國國際航空公司; coloquialmente coñecida como 国航/國航) é a aeroliña nacional da República Popular de China. Ten a súa sede no distrito Shunyi, en Pequín. A súa base de operacións atópase no Aeroporto Internacional de Pequín-Capital. A aeroliña é membro da alianza Star Alliance.

Deng Xiaoping

Deng Xiaoping (en chinés tradicional: 鄧小平; en chinés simplificado: 邓小平; pinyin: Dèng Xiǎopíng; Wade-Giles: Teng Hsiao-p'ing) (Escuchar) , nado en Guang'an, Sichuan o 22 de agosto de 1904 e finado en Pequín o 19 de febreiro de 1997 foi un político chinés, máximo líder da República Popular da China dende 1978 ata os últimos anos da súa vida.

Baixo o seu liderado, a República Popular da China emprendeu as reformas económicas de liberalización da economía socialista que permitiron a este país acadar unhas altas cotas de crecemento económico. Fronte a estes éxitos na economía, Deng exerceu un poder de marcado carácter autoritario, e o seu papel foi decisivo na represión violenta das protestas da praza de Tian'anmen en 1989.

Membro do Partido Comunista da China dende os seus anos de estudo en Francia e na Unión Soviética, Deng converteuse nun dos dirixentes máis importantes do partido durante a época de Mao Zedong. Porén, a súa proximidade ideolóxica ao entón presidente da República Popular Liu Shaoqi, fixo del un dos albos da Revolución Cultural e Deng e Liu foron acusados de dereitistas e contrarrevolucionarios. Apartado da cúpula do poder durante eses anos, Deng volveu ao primeiro plano da actividade política trala morte de Mao, impoñéndose finalmente ao sucesor deste, Hua Guofeng, na loita polo poder. A diferenza do seu antecesor, as súas aparicións públicas foron escasas.

Durante os últimos anos da súa vida, Deng non ocupaba ningún cargo político e, aqueixado de párkinson, apenas podía seguir os asuntos de estado. Con todo, seguiu a ser considerado o líder supremo da China ata a súa morte.

Dinastía Ming

A Dinastía Ming (en chinés 明朝; pinyin: Ming Chao), tamén coñecida como Imperio do Gran Ming (en chinés tradicional 大明国, en chinés simplificado 大明国; pinyin Da Ming Guo), foi a penúltima dinastía gobernante en China e que gobernou durante 276 anos (entre 1368 e 1644) trala caída do Imperio Mongol liderado pola dinastía Yuan. A Ming foi descrita por algúns como "unha das máis grandes épocas de orde de goberno e estabilidade social da historia humana", foi a derradeira dinastía de China rexida pola etnia Han. Aínda que a primeira capital, Pequín, caeu en 1644 a causa dunha rebelión encabezada por Li Zicheng (quen estableceu a Dinastía Shun, axiña substituída pola Dinastía Qing, de orixe manchú), os réximes leais aos Ming, chamados no seu conxunto Dinastía Ming do Sur, sobreviviron ata 1662.

Dinastía Qing

A Dinastía Qing (chinés: 清朝, pinyin: Qīng Cháo, Wade-Giles: Ch'ing ch'ao; IPA t͡ɕʰíŋ t͡ʂʰɑ̌ʊ̯; manchú: , Von Möllendorff: Daicing Gurun), tamén coñecida coma a Dinastía Manchú, foi a derradeira dinastía gobernante da China, que estivo no poder entre 1644 e 1912 (cunha breve restauración en 1917). Foi precedida pola Dinastía Ming, a derradeira dinastía han chinesa, e seguida pola República da China e a República Popular da China.

A dinastía foi fundada polo clan manchú Aisin Gioro no que hoxe é o noroeste da China (tamén coñecida coma Manchuria). Comeza en 1644 a expandirse pola propia China e os seus territorios circundantes, establecendo o Imperio do Gran Qing (chinés simplificado: 大清国, chinés tradicional: 大清國, pinyin: Dà Qīng Guó, Wade-Giles: Ta Ch'ing Kuo, ou chinés simplificado: 大清帝国, chinés tradicional: 大清帝國; pinyin: Dà Qīng Dì Guó, Wade-Giles: Ta Ch'ing Ti Kuo). A pacificación completa da China acadouse arredor de 1683 baixo o emperador Kangxi.

Establecida orixinalmente coma a Última Dinastía Jin (chinés simplificado: 后金, chinés tradicional: 後金, pinyin: hòu jīn) Amaga Aisin Gurun en 1616, cambiou o seu nome a Qing, que significa claro ou traslúcido en 1636. En 1644 Pequín foi saqueada por unha coalción de forzas rebeldes liderada por Li Zicheng, un oficial Ming. O derradeiro emperador Ming Chongzhen suicidouse cando caeu a cidade, marcando o remate oficial da dinastía. Daquela, os manchús aliáronse co xeneral Ming Wu Sangui e tomaron o control de Pequín e derrubaron a curta Dinastía Shun.

A pesar de que os manchús foron conquistadores estranxeiros, adoptaron rapidamente as tradicionais regras e costumes de goberno confucianas e terminaron por gobernar na mesma liña das dinastías nativas anteriores.

A dinastía acadou o seu esplendor no século XVIII, durante o cal medraron tanto o territorio como a poboación. Consolidando o seu control sobre o territorio antes pertencente aos mings e ampliando ademais a súa esfera de influencia para incluír Xinjiang, o Tibet e Mongolia.

Porén, o seu poderío militar debilitouse a partir daquela. A Dinastía Qing comezou o seu declive a partir de mediados do século XIX por mor dos grandes conflitos sociais, coma a Rebelión Taiping (1851-1864, o estancamento económico e a influencia occidental. O interese británico en continuar o comercio de opio levou a numerosos conflitos con occidente, o que comportou a Primeira Guerra do Opio, en 1840. O Reino Unido e outras potencias occidentais, ocuparon "concesións" á forza e gañaron privilexos comerciais. Hong Kong foi cedida aos británicos en 1842 polo Tratado de Nanquim. Tamén ocorreran naquel século a Rebelión Taiping (1851-1864).

A Dinastía Qing foi derrubada pola Revolución Xinhai, cando a emperatriz Dowager Longyu abdicou no último emperador, Puyi, o 12 de febreiro de 1912.

Lingua chinesa

O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna.

De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés. O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

Liu Xiaobo

Liu Xiaobo ou 劉曉波 en chinés tradicional, nado en Changchun (Jilin) o 28 de decembro de 1955 e finado o 13 de xullo de 2017 en Shenyang (Lianoning) foi un intelectual e activista a prol dos Dereitos Humanos e as reformas na República Popular China.

Mandarín

O mandarín (北方話, 北方话, běifāng huà , "fala do norte") como termo xeral refírese ao conxunto de dialectos chineses mutuamente intelixíbeis que se fala no norte, centro e suroeste da China continental.

Non hai que confundilo coa outra acepción de mandarín, non obxecto deste artigo, a do mandarín estándar ou padrón (普通話 / 普通话, pǔtōnghuà, "lingua común", tamén chamada 漢語 / 汉语, hànyǔ, "lingua dos Hàn" , o cal se refire á lingua oficial da República Popular de China desde 1956, a lingua oficial de Taiwán(Formosa), e unha das catro linguas oficiais de Singapur.

O mandarín escríbese por medio de sinogramas, que son susceptíbeis de ser transcritos en caracteres románicos, na actualidade o máis frecuentemente en pinyin (como na maioría dos artigos da Wikipedia), mais tamén en bopomofo.

O mandarín (a miúdo chamado simplemente chinés) é a lingua máis falada do mundo (debido á elevada poboación da China). Porén, aínda cando hoxe é ensinado a todos os chineses, os máis vellos non falan todos o mandarín senón outras linguas chinesas, como o cantonés, ou distintas como o tibetano ou o mongol. O mandarín, que os dirixentes comunistas designaron como a lingua vehicular da súa nación enteira (de aí o termo pǔtōnghuà, «lingua común»), era primitivamente o idioma das comunidades chinesas do norte do país. Mesmo posuíndo unha antiga historia literaria, o mandarín non deriva da lingua clásica literaria e artificial (文言 wényán), abandonada en 1919, logo de ter sido utilizada como lingua escrita oficial e literariamente durante máis de dous mil anos; por contra, foi dunha lingua vernácula falada (白話 báihuà, «lingua simple») da que procede o mandarín. En 1956, foi a variante de Pequín a promovida ao rango de lingua oficial, sendo considerada a miúdo como a variante patrón deste idioma. O mandarín de Pequín posúe, porén, peculiaridades (como a utilización frecuente da retroflexión vocálica marcada por medio do sufixo -er) e dise tamén que os pequineses teñen un «acento». O mandarín dun taiwanés será, porén, moi pouco diferente do dun pequinés.

Fóra da China, hai importantes comunidades chinesas que comparten esta lingua, a cal é ensinada en numerosos colexios e universidades do mundo.

Como as outras linguas chinesas, é unha lingua de tons. Emprega catro tonemas, que cambian o sentido ou significado da palabra, alto e chan, ascendente, lixeiramente descendente logo ascendente (modulado) e descendente.

Os tons son representados na China por tiles sobre das vogais das sílabas da escrita romanizada dita pinyin e, en Taiwan, polas mesmas tiles sobre dos grafemas do bopomofo. Tamén se utiliza o número do ton no final da sílaba cando as dificultades técnicas (teclado etc) impiden colocar ou ler os tiles.

Mo Yan

Guan Moye (en chinés tradicional 管謨業, en chinés simplificado 管谟业, en pidgin Guǎn Móyè), nado en Gaomi (Shandong) o 17 de febreiro de 1955, é un escritor chinés, máis coñecido co pseudónimo de Mo Yan (en chinés tradicional 莫言, en pidgin Mò Yán), que significa "Non fales". Foi galardoado co Premio Nobel de Literatura en 2012.

Acadou sona en occidente especialmente pola adaptación cinematográfica que o director Zhang Yimou fixo dunha das súas novelas, co título de Hang gao Liang ("Sorgo vermello").

República Popular da China

A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas, catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China reclama Taiwán como a súa provincia número viente e tres, aínda que na práctica a illa é independente, xa que se atopa administrada polo réxime da República da China dende a fin da guerra civil de 1949.

Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país máis grande en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto máis grande pola súa superficie total. A paisaxe da China é vasta e diversa. Os áridos norte e noroeste, nas proximidades de Mongolia e Asia Central, están ocupados por estepas forestais e os desertos do Gobi e Taklamakan. O sur, lindando coa rexión do Sueste asiático, é máis húmido e está ocupado por bosques subtropicais. A zona máis occidental é accidentada e moi elevada, coas cordilleiras do Himalaias, Karakoram, Pamir e Tian Shan facendo de fronteira natural entre a China e Asia Central e do Sur. A nivel fluvial destacan os ríos Yangtzé e Amarelo, o terceiro e o sexto máis longos do mundo. Ambos nacen na meseta do Tíbet, e flúen cara á densamente poboada costa leste. A liña costeira da China ao longo do Océano Pacífico é de 14.500 quilómetros e está limitada polos mares de Bohai, Amarelo, Oriental e o Meridional.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2.000 a.C.). Dende o ano 221 a.C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da Segunda Guerra Mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular da China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República da China a Taipei. A xurisdición da República da China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

A lingua chinesa é a lingua máis falada no mundo: arredor dun quinto da poboación mundial fala algunha forma de chinés como lingua nai. A lingua chinesa, na forma de chinés mandarín, é a lingua oficial da República Popular da China, así como de Taiwan. É ademais unha das linguas oficiais de Singapur e mais unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.

A China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Casaquistán, Quirguisia, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Taxiquistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong. Desde a súa fundación en 1949, a RPCh está gobernada polo Partido Comunista Chinés. Aínda que oficialmente segue a ser un estado comunista, a súa economía vén sendo liberalizada desde hai tres décadas.

Xogos Olímpicos de 2000

Os XXIV Xogos Olímpicos de Sidney, Australia, realizados entre o 15 de setembro e o 1 de outubro do ano 2000 e tamén coñecidos como Xogos do Milenio, foron os maiores organizados até o de entón, con 10.651 atletas de 199 países competindo en 300 eventos deportivos. Sucedéronse nunha atmosfera pacífica e estiveron ben organizados.

Australia, país anfitrión, preparouse para os seus Xogos coa intención de tornarse unha potencia olímpica e conquistou a espectacular marca de 58 medallas, sendo 16 de ouro, ficando na cuarta posición no cadro de medallas final dos Xogos, a mellor participación da súa historia.

Xogos Olímpicos de 2008

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 (oficialmente denominados Xogos da XXIX Olimpíada) tiveron lugar na cidade de Pequín, capital da República Popular China, entre o 8 e o 24 de agosto de 2008, aínda que o torneo de fútbol comenzou dous días antes, o 6 de agosto. Ao concluír o evento, leváronse a cabo na mesma cidade os XIII Xogos Paralímpicos, entre o 6 e o 17 de setembro.

O evento deportivo contou con 302 probas en 28 deportes nas que, segundo estimacións, participaron uns 10.500 atletas de 204 países. Ademais de Pequín, algunhas das probas deportivas tiveron lugar noutras cidades de China. O torneo de fútbol tivo lugar nas cidades cidades de Qinhuangdao, Tianjin, Shenyang e Shanghai, namentres as regatas de vela e as probas de hípica efectuáronse no porto de Qingdao e no de Hong Kong, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 tiveron un custo que podería superar os 41.000 millóns de dólares, case triplicando o orzamento final do seu antecesor, os Xogos Olímpicos de Atenas 2004, converténdose no evento máis custoso da historia olímpica. A organización deste evento enfrontou diversos problemas dende a súa elección, o 13 de xullo de 2001, especialmente polos problemas de contaminación atmosférica que enfronta a cidade sede e polas acusacións de violacións aos dereitos humanos que recibiu o réxime chinés por parte importante da comunidade internacional, xerando diversas protestas que afectaron o percorrido do facho olímpico. O goberno da China promocionou os xogos co obxectivo de destacar a importancia e influencias do país no resto do mundo.

Provincias
Rexións autónomas
Municipios
Rexións administrativas especiais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.