Pentateuco

Pentateuco, termo grego que significa as cinco caixas, polos cinco libros que o compoñen. En Hebreo Torá, Lei. Comprende os cinco primeiros libros da Biblia: Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio.

Contido

O Pentateuco recolle os acontecementos que rodearon o nacemento de Israel como pobo escolleito por Deus. Desde os patriarcas ata a chegada á terra prometida.

Recollemos agora o contido dos libros sen entrar na súa historicidade:

Xénese

Artigo principal: Xénese.

Comeza cos relatos cosmogónicos da creación do mundo e do home. Seguen relatos etiolóxicos, que reflexionan sobre a causa do mal no mundo: o paraíso e o pecado orixinal, Caín e Abel, Noé e o diluvio universal, e remata coa Torre de Babel.

A segunda parte do libro trata dos patriarcas, xefes de clans nómades que recorrían o que hoxe é Oriente Medio. Comeza por Abraham, chamado por Deus de Ur de Caldea para que sexa pai dun gran pobo. O relato narra a alianza de Deus con Abraham, a historia da súa descendencia, cos seus fillos Ismael pai dos ismaelitas, é dicir, os árabes; e Isaac; a súa relación co seu sobriño Lot e o relato derivado sobre o pecado e castigo de Sodoma e Gomorra, e o sacrificio de Isaac.

Isaac colle despois o protagonismo, el e mailos seus fillos Esaú e Xacob, o enfrontamento entre estes polos dereitos de primoxenitura, que implicaba herdar todo, tanto bens materiais como dereitos de primacía no clan, e a súa posterior reconciliación. De Xacob escoitamos o relato das súas viaxes, os seus matrimonios e os seus doce fillos, os pais das doce tribos de Israel.

O seu penúltimo fillo Xosé, é protagonista do final do libro. As súas visións, a envexa dos seus irmáns, a súa venda como escravo ao ministro do Faraón. O seu posterior ascenso ao goberno de Exipto e como axuda aos seus irmáns. O libro remata co establecemento de Xacob e os seus doce fillos en Exipto.

Éxodo

Artigo principal: Éxodo.

O libro comeza cos israelitas convertidos en escravos dos exipcios. Un neno israelita, Moisés é confiado ao río para protexelo da lei de Faraón. Aporfillado por unha princesa exipcia, chega a ser un persoeiro importante da corte ata que, xa adulto, descobre a súa auténtica orixe. Exiliado por orde de Faraón, Deus móstraselle no Sinaí e o envía como liberador do seu pobo.

Convertido en profeta, Moisés volta a Exipto e esixe a Faraón a liberdade do seu pobo. Ante a negativa deste, Deus por mediación de Moisés envía dez pragas que asolan Exipto, ata que Faraón cede e os deixa marchar ceibes. Cando máis tarde o rei exipcio os persegue para castigalos, Moisés abre o Mar Vermello para que o pobo poida fuxir a pé seco, cando o pecha de novo todo o exercito de Faraón morre afogado.

A través do deserto chega todo o pobo ao monte Sinaí. Alí Deus fai alianza co seu pobo e lle entrega a Moisés a lei pola que se rexerá Israel e as táboas dos Dez Mandamentos. Pero, namentres, o pobo faise un becerro de ouro ao que adoran, ao baixar do monte, Moisés destrúe o ídolo e Deus castiga aos que o adoraron.

O libro remata coa construción da Tenda do encontro e da Arca da Alianza, lugar da presenza de Deus no medio de seu pobo.

Levítico

Artigo principal: Levítico.

En hebreo vaiiqrá, é un libro de leis que regulan a vida relixiosa de Israel, o seu contido pódese dividir en cinco partes:

  • Capítulos 1 a 7: leis sobre os sacrificios: clasificación, vítimas axeitadas, comportamento dos sacerdotes.
  • Capítulos 8 a 10: leis sobre os sacerdotes, consagración dos mesmos e normas sobre a súas funcións.
  • Capítulos 11 a 16: normas sobre pureza legal, condición dos alimentos para ser puros, pureza legal nas enfermidades, e sobre a roupa ou as casas.
  • Capítulos 17 a 23: lei da santidade do pobo, dos sacerdotes e dos días festivos.
  • Capítulos 24 a 27: algunhas normas sobre as cerimonias e sobre a blasfemia; leis sociais sobre o xubileu, os anos sabáticos, décimos e votos.

Números

Artigo principal: Números.

O nome vén do comezo do libro, no que se enumeran as familias e tribos que compoñen o pobo de Israel.

Narra os acontecementos que sucederon despois da Alianza do Sinaí, durante os corenta anos de travesía do deserto, dun xeito ás veces un pouco desordenado.

Deuteronomio

Artigo principal: Deuteronomio.

O título grego co que coñecemos este libro significa lei (nomos) segunda (deuteros). E ese é o seu contido, a lei que rexerá a vida do pobo. Se o Levítico regula a vida relixiosa, este fai o propio coa civil.

Comeza cunha sección narrativa onde relata parte dos acontecementos que seguiron á Alianza do Sinaí.

Esta narración serve de prólogo á sección central e con diferenza a máis grande, onde se recollen as leis de Israel. Son presentadas como concreción da Alianza e rexen con bastante detalles practicamente tódolos aspectos da vida, tanto pública como privada.

Remata con outra sección narrativa onde relata a fin do éxodo polo deserto e a morte de Moisés no monte Nebo, xa á vista da Terra Prometida, pero sen que Deus lle permita entrar nela.

Autor

A tradición atribuíulle sempre o Pentateuco a Moisés. Un autor que era a un tempo líder, cronista da historia do seu pobo e lexislador que promulgaba as leis polas que tiña que rexerse.

Co inicio da ciencia bíblica, aos primeiros do século XIX, esta atribución comeza a poñerse en dúbida. Primeiro por unha constatación bastante obvia: se Moisés é o autor, como pode ser que no Deuteronomio escriba a súa propia morte?

Conforme vai avanzando a ciencia bíblica vanse descubrindo diferenzas na teoloxía de fondo, no estilo, na linguaxe, nas influencias literarias, que falan de textos compostos con moita diferenza de tempo, incluso séculos, entre eles; así como repeticións, versións diferentes dun mesmo feito...

Isto leva a abandonar a idea da autoría de Moisés. Se acaso, deixalo como un autor "moral", no senso de protagonista e inspirador.

As catro fontes

O estado actual da investigación fala de tres tipos de materiais previos a partir dos que se compuxo o Pentateuco:

  • un longo período de transmisión oral das narracións que aparecen no libro: os relatos dos patriarcas, os feitos do Éxodo...
  • un material lexislativo, que se foi promulgando en distintas épocas.
  • obras literarias dos pobos veciños que, despois de adaptadas, foron incorporadas á Biblia. O caso máis claro é o relato de Noé, unha reescritura dun capítulo dunha obra babilónica: Epopea de Gilgamesh.

Todo este material, máis o orixinal dos autores do texto escrito desembocan nas catro escolas autoras do Pentateuco, o que se chama as catro fontes. Cada unha fixo a súa propia contribución e, as dúas máis recentes fixeron ademais o traballo de unir todo o material para forma-los libros tal como os coñecemos. Estas catro fontes son: iavista, eloísta, deuteronómica e sacerdotal.

Iavista

Chámase así porque denomina a Deus Iavé (en hebreo co tetragrama sagrado IHWH). É a tradición máis anterga, arredor do ano -950. É unha tradición humanista, centrada na relación entre o ser humano e Deus. Considerada a de máis calidade literaria, da súa autoría son, por exemplo, os relatos da creación do home, no capítulo 2 do libro, ou boa parte do relato de Abraham.

Eloísta

O seu nome vén de que chama Eloím a Deus. Aproximadamente dous séculos posterior no tempo á tradición Iavista. A formulación eloísta está máis preto da primitiva tradición oral e marca máis as distancias entre home e Deus.

Sacerdotal

Responsable, entre outros textos, da famosa creación do mundo en sete días, ou do libro do Levítico. Dátase no século VI antes de Cristo. A súa preocupación e fundamentar as normas polas que se rexen as cuestións relixiosas. O seu nome ven de que, polo estilo e a teoloxía subxacente, suponse obra de sacerdotes do Templo de Xerusalén.

Deuteronomista

Autora do Deuteronomio e de boa parte dos Libros históricos. A súa redacción definitiva dátase durante o desterro de Babilonia.

O texto actual

Os autores destas tres fontes tamén foron os responsables da forma actual do texto. Nun primeiro momento uníronse as tradicións iavista e eloísta. Posteriormente, os autores da tradición sacerdotal fixeron o seu engadido e, finalmente os deuteronomistas achegaron o seu material e xuntándoo coas outras tradicións, lle deron ao texto a forma que hoxe coñecemos.

Os autores, para ir creando o texto, utilizaron o método da xustaposición. Salvo en casos moi concretos, unha tradición uníase a outra, poñendo os materiais un a carón do outro ao longo dunha liña cronolóxica definida de antemán. Este método de construción do texto explica en parte a desorde do libro de Números o fai que en ocasións nos atopemos seguidas dúas versións dun mesmo relato. O exemplo máis famoso atopámolo na creación do mundo: hai un primeiro relato, o da creación do mundo en sete días, obra dos autores sacerdotais; a seguir del empeza o relato iavista que pasa moi rápido pola creación do mundo para centrarse na creación do home e da muller (o coñecido relato do barro e a costela).

Este sistema de traballo da lugar a un texto que pode resultar difícil para o lector, sobre todo o que se achega por primeira vez ao texto, ás veces o libro parece contradicirse, ou, noutros casos, cando rematou de explicar algo parece volver a empezar. Pero tamén ten dúas enormes vantaxes.

En primeiro lugar conserva os distintos matices que aportan cada unha das fontes que conforman o libro. Volvendo ao relato da creación, grazas á xustaposición podemos apreciar o estilo cadencioso e solemne do relato sacerdotal e o próximo e vital do iavista; o Deus señor universal que crea o mundo en sete días, e o Deus próximo, máis antropomórfico, que se preocupa porque Adán está so e lle fai unha compañeira.

A segunda gran vantaxe e para os estudosos: lingüistas, literatos, historiadores. Que poden acceder, sen case atrancos, ás fontes orixinais do libro, o que facilita recorre-lo traballo de redacción coas distintas mans, as súas influencias...

Véxase tamén

Bibliografía

  • A Biblia, ed. SEPT, 1ª ed., Vigo 1989
  • SCHMIDT, Werner H.: Introducción al Antiguo Testamento, ed. Sígueme, Salamanca 1983
  • VON RAD, Gerhard: El libro del Génesis, ed. Sígueme, Salamanca 1982
Alfabeto samaritano

O alfabeto samaritano é un sistema de escrita abjad, descendente directo do alfabeto paleohebreo, usado polo pobo samaritano para escribir os seus documentos e libros relixiosos, como a súa versión do Pentateuco.

Antigo Testamento

O Antigo Testamento ou as Escrituras Hebreas (tamén chamadas a Biblia Hebrea) é a primeira parte da Biblia cristiá, que explica a historia desde a creación da Terra ata última profecía da vida do mesías, realizada 400 anos antes da era cristiá. Os xudeus, porén, utilizan o nome Tanakh para referírense ao Antigo Testamento, e aínda que contén os mesmos libros que o Antigo Testamento canónico cristián, non coincide na orde nin no nome destes.

A designación "Antigo Testamento" provén do grego ῾Η Παλαιά Διαθήκη, he Palaiá Diathéke, que significa "antigo pacto", en referencia ao antigo pacto de Deus coa humanidade (principalmente co pobo elixido de Israel) por medio do que viría o mesías a salvalos.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Biblia dos Setenta

A Biblia dos Setenta, ou Biblia dos Setenta e Dous, citada comunmente como LXX, é o nome co que se coñece a versión grega da Biblia xudía, o que os cristiáns chaman Antigo Testamento.

Canon bíblico

O canon bíblico (do grego κανών "kanon", "vara" ou "medida", que vén do hebreo קנה "kaneh"), é a lista de libros que se considera que forman parte da Biblia.

O criterio de canonicidade que se utiliza é a calidade de inspirado por Deus que debe ter o libro. É canónico o libro inspirado por Deus e queda fóra o libro, aínda de temática relixiosa coma o Talmud, que non goza desa inspiración.

Deuteronomio

O Deuteronomio é un dos libros da Biblia.

O seu título significa segunda Lei. Recolle, basicamente, as leis polas que se rexe o pobo de Israel.

Feitos dos Apóstolos

O libro dos Feitos dos Apóstolos narra a vida do grupo dos primeiros discípulos de Cristo e a súa expansión por Oriente Medio e o Mediterráneo.

Levítico

O Levítico, en hebreo vaiiqrá, é o terceiro libro da Biblia. Forma parte do Pentateuco, ou Torá para os xudeus. Contén normas relixiosas polas que debía rexirse o pobo de Israel.

Libro de Rut

O Libro de Rut ou Libro de Ruth é un libro da Biblia, dos chamados episódicos.

Narra, de xeito sinxelo, a historia dunha viúva xudía, Noemí, que volta á súa terra en compaña da xentil Rut, súa nora, viúva ela tamén dun dos fillos de Noemí. A determinación de Rut e os seus esforzos por coidar da súa sogra, lograranlle un matrimonio con Boaz, home rico e parente distante do seu sogro, o que lle permite saía da pobreza, fundar unha familia e obter o recoñecemento da súa sogra e de toda a comunidade.

Libro de Xosué

O libro de Xosué, sexto dos libros da Biblia, tanto na versión xudía como nas cristiás, narra a chegada á Terra Prometida, a conquista e o asentamento do pobo xudeu no que hoxe é Palestina. Toma o seu nome de Xosué, o caudillo carismático e sucesor de Moisés que guía ao pobo nesta etapa da súa historia.

Libro de Xudit

O Libro de Xudit é un libro deuterocanónico bíblico do Antigo Testamento. Non forma parte da Biblia hebrea e polo tal os protestantes considérano apócrifo mentres os católicos recoñecérono como canónico no sínodo do ano 382 e os ortodoxos no concilio do ano 692. Escrito orixinalmente en hebreo, non se conserva a versión orixinal, o texto máis antigo conservado está en grego pero a versión máis difundida foi a latina da Vulgata. O libro conta a historia de Xudit, unha viúva hebrea de gran beleza, que no transcurso da guerra de Israel contra os asirios descobre que o xeneral invasor, Holofernes, está namorado dela. Acompañada da súa criada, a viúva entra na tenda do xeneral e engánao para que que confíe nela. Cando Holofernes dorme por efecto do alcohol, Xudit córtalle a cabeza, confundindo ao exército asirio e obtendo a vitoria para Israel.

Libros episódicos

Clasificación que os estudosos cristián da Biblia aplican a unha serie de libros históricos que teñen en común ser relatos breves, cun protagonista individual, e cun fin didáctico e moralizante.

Novo Testamento

Novo Testamento (do grego: Διαθήκη Καινή, Diathéke Kainé) é o nome dado á colección de libros que compoñen a segunda parte da Biblia ou libro sagrado do cristianismo. Esta parte corresponde aos Evanxeos canónicos, segundo a tradición escritos por Mateo, Marcos, Lucas e Xoán, que relatan a vida de Xesús, xunto con diversos libros que describen os primeiros tempos do cristianismo e unha Apocalipse, a de Xoán.

O termo é unha tradución do latín, Novum Testamentum, á súa vez tradución do grego Ἡ Καινὴ Διαθήκη, Hê Kainê Diathêkê, significando "A Nova Alianza" ou Testamento. Foi orixinalmente usado polos primeiros cristiáns para describir as súas relacións con Deus (ver II Corintios 3:6-15; Hebreos 9:15-20) e posteriormente para designar o canon de escritos cristiáns, estabelecido progresivamente.

Os 27 libros do Novo Testamento foron escritos por varios autores en varias épocas e lugares. Ao contrario do Vello Testamento, o Novo foi escrito nun curto espazo de tempo, durante un século ou un pouco máis.

Números

Números é o cuarto libro da Biblia e da Torá, contén narracións sobre o tempo de peregrinación do pobo de Israel polo deserto. O seu nome vén das numeracións das tribos de Israel coas que se inicia.

Pentateuco samaritano

Chámase pentateuco samaritano, ou Tora samaritana (en hebreo: נוסח השומרונים לתורה, versión samaritana da Tora, ou נוסח שומרון) ó libro sagrado dos samaritanos, que é unha versión da Tora mais escrita co alfabeto samaritano, que é un abjad derivado do alfabeto hebreo antigo. É unha versión que amosa moitas diferenzas en relación á versión estándar, que foi preservada polo texto masorético. De feito, as maiores diferenzas son apenas de ortografía e pronuncia, pero hai outras que introducen conceptos ben distintos daqueles seguidos polas varias ramas da relixión xudaica, sendo a principal delas no que respecta ós dez mandamentos.

Tora

A Tora (en hebreo: תורה) é unha verba hebrea que significa ensinanza, instrución, ou especificamente lei. Refírese principalmente aos primeiros cinco libros da Tanagh (a Biblia Hebrea) que corresponde ao Antigo Testamento cristián, coñecidos tamén como Os cinco libros de Moisés, e na tradución do hebreo ao grego na Septuaginta, como o Pentateuco (do grego πεντε, pente, ‘cinco’, o τευχος, teughós, ‘funda para libros’, facendo referencia ás fundas nas que se conservaban os pergamiños). Porén, con frecuencia os xudeus tamén se refiren a toda a revelación e ensinanzas xudías como a Tora.

Os cinco libros son: Xénese (Bereishit בראשית), Éxodo (Shemot שמות), Levítico (Vaiicra ויקרא), Números (Bemidbar במדבר) e Deuteronomio (Devarim דברים). Na versión grega da Tora, estes cinco libros conforman o Pentateuco, Hamisha Humshei Tora (חמשה חומשי תורה que en hebreo quere dicir "As cinco partes da Tora"), ou simplemente Humash (חומש "quinto").

Xudaísmo

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas, as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da Torá, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a Torá ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa Torá e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da Torá. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación. As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Xénese

O libro da Xénese, (do grego Γένεσις, "nacemento, creación, orixe", en hebreo תּוֹלֵדוֹת, "xeración", que prefire como título בְּרֵאשִׁית, Bereshit, "no principio"). É o primeiro libro da Torá ("A Lei"), e tamén o primeiro libro do Tanak, a biblia hebrea (coñecida polos cristiáns como o Antigo Testamento). Fai parte dos primeiros cinco libros (Pentateuco), xunto con Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio, cuxa autoría é, tradicionalmente, atribuída a Moisés.

Narra acontecementos, desde a creación do mundo, na perspectiva xudaica (o chamado "relato da Xénese"), pasando polos Patriarcas, ata á fixación deste pobo no Exipto, despois da historia de Xosé.

A tradición xudía considera que o seu autor foi Moisés.

Éxodo

O Éxodo é o segundo libro tanto da Tanakh, que está nun conxunto chamado Torá, coma da Biblia, que está nun conxunto doutros catro libros chamado Pentateuco. Narra a fuxida de Exipto do pobo hebreo (neste libro chamado con moita frecuencia pobo de Israel ou fillos de Israel) para alcanzar A Terra Prometida. O libro acaba cando Moisés, o líder deste pobo, comeza a impoñer a lei que lle é revelada directamente por Deus. A viaxe dos hebreos continúa nos seguintes libros do Pentateuco, o Levítico, e Números, e non remata ata o final do último libro do Pentateuco, o Deuteronomio, que a partir de aquí comezan a establecerse na ansiada Terra Prometida.

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.