Península do Barbanza

Polo nome de Barbanza podemos entender dúas cousas: a comarca do Barbanza e a península. Mentres a comarca só engloba a parte sur desta península, a península engloba, ademais, gran parte da comarca de Noia: os concellos de Porto do Son, Lousame e Noia. Polo tanto, a península engloba, en total, os concellos anteriormente citados e os de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

A península está bañada, polo nordés, pola ría de Muros e Noia, e polo sueste, pola ría de Arousa. O punto máis occidental da península é o cabo Corrubedo e o máis meridional, a punta Perico, ambos no concello de Ribeira. Os puntos máis setentrionais e orientais non lindan co mar senón con outros concellos coruñeses.

O punto máis alto da península é Iroite, monte de 691 metros entre os concellos de Boiro, Lousame e Porto do Son. Mais supérao en fama, quizais, a Curota, de 514 metros de altura, e dende o cal temos a impresionante vista de toda a ría de Arousa.

A extensión dos concellos da península é, aproximadamente, de 468 km², nos que se concentra unha poboación moi elevada: 94931. Isto da unha moi alta densidade de poboación: 202'8 hab/km².

Esta alta densidade de poboación, porén, parece non afectar demasiado á fauna e flora do lugar, pois mesmo no concello de Ribeira, o máis poboado da península, atópase o parque natural das dunas de Corrubedo; así como hai outras moitas zonas relativamente virxes, especialmente no concello de Porto do Son e Lousame, onde hai zonas con moi baixas densidades de poboación.

A península do Barbanza é un lugar onde se poden atopar moitos ríos, algúns bastante caudalosos, coma o río Sieira ou o río Barbanza. Pero, indubidablemente, o maior río que pasa polo Barbanza, é tamén un dos maiores de Galicia, é o Tambre, que pasa polo concello de Lousame e desemboca no de Noia.

No apartado económico, pódese salientar a grande industrialización de Santa Uxía, capital de Ribeira, a vila de Noia, onde se atopa unha grande cantidade de comercios; e a vila de Boiro, coñecida tanto pola súa importante industria conserveira así como pola grande cantidade de establecementos de hostalería existentes. Son importantes tamén núcleos urbanos que non son capital de concello, onde son importantes, por exemplo, os que rodean Santa Uxía (Palmeira, Aguiño...) ou Portosín, no concello de Porto do Son.

A Pobra do Caramiñal

A Pobra do Caramiñal é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Segundo o IGE en 2014 tiña 9.672 habitantes (9.664 no 2012, 9.726 no 2011, 9.858 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «pobrense».

Artes, Ribeira

San Xián de Artes é unha parroquia situada no suroeste da península do Barbanza, administrativamente depende do concello de Ribeira. Segundo o IGE en 2015 tiña 812 habitantes (422 mulleres e 390 homes). A poboación distribúese en 17 lugares, cunha superficie de 7,6 km².

Barbanza

Barbanza pódese referir a:

a Península do Barbanza, nas Rías Baixas;

a Comarca da Barbanza, que a inclúe;

o río Barbanza, que desemboca na Pobra do Caramiñal;

a Arca da Barbanza, o maior dolmen da ruta megalítica do Barbanza;

A Ponte Barbanza, lugar da parroquia de Lesón, no concello da Pobra do Caramiñal;

A Ponte Barbanza, lugar da parroquia de Posmarcos, no concello da Pobra do Caramiñal;

o Centro Arqueolóxico do Barbanza, a carón dos castros de Punta Neixón.

a Autovía do Barbanza, que une Padrón con Ribeira.

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O Centro Arqueolóxico do Barbanza é un centro de interpretación da prehistoria da Península do Barbanza. Foi creado en 2002, e está situado no istmo de Punta Neixón, en Nine (Cespón, Boiro), a carón dos castros grande e pequeno de Neixón.

No seu interior, que está estruturado en tres andares, móstranse reproducións das principais evidencias das ocupacións prehistóricas que transformaron a paisaxe desde o Neolítico até a Idade de Ferro: unha vivenda castrexa, petróglifos e copias dalgúns dos restos atopados durante as escavacións. Tamén organiza conferencias, proxeccións e rotas arqueolóxicas, históricas, ambientais e etnográficas.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara ao sistema dunar, as marismas e as lagoas do vértice occidental da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia.

O complexo de Corrubedo é tamén un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) (Complexo húmido de Corrubedo), unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) (Complexo litoral de Corrubedo), un zona húmida protexida galega (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo) e un zona húmida de importancia internacional Ramsar (Complexo de Corrubedo). O arquipélago de Sálvora, e o seu mar, así como parte do litoral de Porto do Son atópanse dentro do ZEC do Complexo húmido de Corrubedo, co que se amplía a súa área a 9.264,64 ha. Así é que a costa entre o cabo de Corrubedo e o Castro de Baroña, o mar arredor das illas de Sálvora e as lagoas de Carregal e Vixán quedan baixo a protección do parque natural e a ZEC.

Cruceiro de capela

Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta ó fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros.

A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, dos que xa non queda ningún en Galicia .

Dodro

Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar; está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla se funde coa ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten o concello a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 24 km e de Ribeira atopase a uns 35 km, ten unha superficie de 36,1 km² e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2018 tiña 2791 habitantes (1357 homes e 1434 eran mulleres), cunha densidade de poboación de 77,31 hab./km².

O concello de Dodro conserva espazos naturais de grande importancia ambiental e paisaxística, como as Brañas de Laíño que se estenden a carón do río Ulla, constituíndo o espazo húmido máis grande de Galicia, incluídas no Sistema Fluvial Ulla-Deza e declarada zona de especial conservación. Preserva moitos elementos tradicionais como os cruceiros, os muíños, os hórreos e os reloxos de sol, exemplo da etnografía galega, en diferentes estados de conservación, ademais dunha rica tradición oral e escrita. Pazos históricos que lembran a nobreza de antano e igrexas do barroco completan o patrimonio arquitectónico do municipio.

EMEP

O EMEP, siglas internacionais do Programa Europeo de Avaliación e Mostraxe (en inglés European Monitoring and Evaluation Programme) é unha iniciativa de diagnose da polución e a contaminación atmosférica a nivel europeo.

Esteiro, Muros

Santa Mariña de Esteiro é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Muros. Segundo o IGE en 2013 tiña 2.036 habitantes (985 homes e 1.051 mulleres) distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.273 habitantes.

Illas Sagres

As Illas Sagres son un arquipélago galego da provincia da Coruña, situado na costa da parroquia de Aguiño, concello de Ribeira, fronte ao Cabo Falcoeiro, no último extremo da península do Barbanza. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

O arquipélago, de 13,5 hectáreas en total, está formado por máis dunha ducia de pequenas illas e illotes, dos que soamente dous alcanzan certa envergadura (a maior conta con 5,4 hectáreas). Son illas totalmente rochosas, ata a maior, aproveitadas para un rico marisqueo e pesca superficial. Posúe tamén unha importante colonia de aves mariñas, especialmente de corvo mariño e gaivota patiamarela.

O lugar está infestado de historias de naufraxios, por estar rodeado de arrecifes someros e outros que velan e desvelan coa marea.

Península

Unha península é un anaco de terra emerxida rodeada de auga rodeada por todas partes menos por unha que é o istmo, que se une por unha lingua de terra a unha extensión maior.

O seu tamaño pode variar, desde unha extensión sumamente grande (como a Península Ibérica, unida ao continente europeo polos Pireneos), relativamente pequena (a península do Barbanza ou a península do Morrazo) ou pequena (península de Monterreal en Baiona).

Porto do Son

Porto do Son é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Noia. A capital do concello é a vila homónima, situada na parroquia de Noal. O termo municipal ten unha extensión de 94,58 km² e, segundo o padrón municipal (INE 2015), conta cunha poboación de 9.436 habitantes, o que daba, nesa data unha densidade de 99,77 hab./km². O seu xentilicio é sonense.

No concello de Porto do Son están o castro de Baroña e a vila de Portosín.

Praia da Corna

A praia da Corna é un areal da península do Barbanza, situado entre o concello de Ribeira (parroquia de Palmeira) e o da Pobra do Caramiñal.

Está dividida por un pequeno rego, e conta con bandeira azul. É unha praia de augas tranquilas, pois non está en mar aberto.

Ribeira

Ribeira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Segundo o IGE en 2014 tiña 27.565 habitantes (27.778 no 2012, 27.699 no 2011, 27.504 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ribeirense».

Ría de Arousa

A ría de Arousa é a máis grande das rías de Galicia. Forma parte das Rías Baixas e está situada entre a península do Barbanza (provincia da Coruña) ao norte, e a península do Salnés (provincia de Pontevedra) ao sur. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.

Río Pedras

O río Pedras é un curso fluvial da península do Barbanza. Nace no monte da Curota e desemboca na ría de Arousa.

Serra do Barbanza

.

A serra do Barbanza é unha pequena cordilleira montañosa situada na península do Barbanza, na provincia da Coruña. Atópase entre a ría de Muros e Noia e a de Arousa, no extremo occidental de Galicia. Acada cotas superiores aos 600 metros sobre o nivel do mar, a apenas 5 quilómetros do litoral. O punto de máxima altura é o monte Iroite, con 685 metros. Tamén pertence a esta serra o monte da Curota.

Vilar, Cordeiro, Valga

Vilar é un lugar da parroquia de Cordeiro, do concello pontevedrés de Valga. Segundo o IGE, tiña en 2010 unha poboación de 250 habitantes (117 homes e 133 mulleres), o que significa unha leve diminución respecto a 2005, cando tiña 260 habitantes.

En Vilar atópase o único cruceiro de capela localizado fóra da área de distribución característica deste tipo de cruceiros na península do Barbanza.

Xugo

O xugo é un apeiro agrícola que permite xunguir un ou, normalmente, dous animais de tiro a un carro ou outro instrumento que deba ser movido, coma o arado. Tradicionalmente están feitos de madeira de carballo, cerdeira, freixo ou otras madeiras resistentes abondo.

En Galiza utilízase para xunguir bois ou vacas, animais utilizados para o traballo do campo ata a aparición do tractor ou do camión. Noutras zonas emprégase tamén para xunguir bestas. A parella xunguida denomínase xunta ou xugada.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.