Península Ibérica

A Península Ibérica é unha península do suroeste de Europa. Está arrodeada polo mar Mediterráneo, o Océano Atlántico e os Pireneos, que separan a península do resto do continente. Politicamente, abrangue os estados de Portugal, España e Andorra, estes dous últimos fronteirizos con Francia. Xibraltar, territorio británico situado ó sur de Andalucía con apenas unha trintena de quilómetros. Polo sur, a península está separada do continente africano (Marrocos) polo Estreito de Xibraltar.

Satellite image of Spain in January 2004 (resaltado)
Imaxe de satélite da Península Ibérica.

Historia

As primeiras noticias escritas que fan referencia á península proceden da época grega e fenicia, pobos que fundaron as primeiras colonias neste territorio. Posteriormente chegaron os romanos, que conquistaron a práctica totalidade da península, que dende entón se pasou a coñecer co nome de Hispania, xa que ata entón a denominación máis usual era a grega de Iberia.

Trala caída do imperio o territorio foi ocupado por pobos de orixe goda, principalmente suevos (no noroeste), vándalos (no sur) e visigodos (resto da península). Estes últimos acabarían por conquista-la totalidade do territorio.

Tempo despois chegarían os árabes, que unha vez máis se farían co poder en case toda a península, tirantes uns poucos territorios do norte, que ó final acabarían por se impoñer ó dominio musulmán nun proceso continuo de guerras coñecido como Reconquista. Entrementres, o territorio islamizado sería durante sete séculos un importante centro cultural ata a caída do reino taifa de Granada en 1492.

Durante o reinado dos Reis Católicos a península será unificada, salvo o territorio correspondente a Portugal, que unha vez conquistado o Algarve será un dos países que menos cambiou as súas fronteiras ó longo dos séculos. Xa no reinado de Filipe II a península vería a súa derradeira unificación baixo un mesmo gobernante, pero coa reconquista da independencia de Portugal o territorio peninsular quedaría xa dividido ata a actualidade nos dous estados: Portugal e España.

Linguas

Hoxe en día o portugués e o español son linguas oficiais en cadanseu estado. O galego, o vasco e o catalán son linguas cooficiais nos seus respectivos territorios (o catalán tamén é a lingua oficial do Principado de Andorra), ao igual ca o mirandés (variedade leonesa falada en Portugal) é oficial no concello portugués de Miranda do Douro; o aranés éo no Val de Arán. O asturiano, o leonés e o aragonés son consideradas linguas tamén, pero non teñen carácter oficial. O inglés é oficial en Xibraltar.

División política da Península Ibérica

A Península Ibérica comprende gran parte de España, Portugal, Andorra e Xibraltar. Historicamente, denominouse Península Ibérica ao territorio continental europeo que está situado ao sur dos Pireneos.

División política da Península Ibérica
Estado ou dependencia Poboación Extensión (km²) Capital
España España[1] 42.167.337[2] 493.519[3] Madrid
Portugal Portugal[4] 10.077.388 89.261 Lisboa
Andorra Andorra 81.222 467,76 Andorra la Vella
Xibraltar Xibraltar 27.967 6,50 Xibraltar
Península Ibérica 52.353.914 583.254

Xeograficamente, en sentido estrito, tamén incluiría a Francia meridional: a zona sur dos departamentos franceses de Aquitania (Pireneos Atlánticos) Mediodía-Pireneos (Altos Pireneos, Alto Garona, Ariège) e Languedoc-Rosellón (Aude, Pireneos Orientais).[5]

Notas

  1. Non se inclúen Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla.
  2. Esta cifra obtense restando da poboación total de España (45.200.894 hab.) o correspondente a Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla.
  3. Esta cifra obtense restando da superficie total de España (504.645 Km²) a correspondente a Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla.
  4. Non se inclúen Azores e Madeira.
  5. Estes departamentos meridionais áchanse ao sur do istmo xeográfico.
Al-Andalus

Al-Andalus (en árabe: الأندلس) foi o nome dado á Península Ibérica polos seus conquistadores islámicos do século VIII, sendo empregado para se referiren á península independentemente do territorio politicamente controlado polas forzas islámicas.

Inicialmente integrado na provincia norteafricana do imperio omeia, o Al-Andalus sería un emirato (756–929) e posteriormente un califato independente do poder abbásida (929–1031). Coa disolución do califato en 1031, o territorio pulverizouse en varios reinos de Taifas.

Coa reconquista dos territorios polos cristiáns, descendentes dos hispanovisigodos, que se refuxiaran nas zonas do norte da Península, nun proceso que ficou designado historicamente por Reconquista, o nome Al-Andalus foise adecuando ó cada vez menor territorio baixo ocupación árabe-musulmá, na metade sur da península, aproximadamente a mesma area da antiga provincia romana Bética, cuxas fronteiras foran progresivamente empurradas para o sur, até a toma de Granada polos Reis Católicos.

Biscaia

Biscaia (en éuscaro e oficialmente: Bizkaia; en castelán: Vizcaya) é unha provincia de Euskadi, ademais de ser unha das sete provincias do histórico País Vasco. Dá nome ao Golfo de Biscaia e situase ao norte da Península Ibérica, limitando ao norte co Mar Cantábrico, ao sueste coa provincia de Burgos, ao sur con Áraba, ao leste coa Guipúscoa e ao oeste coa de Cantabria. A súa capital é Bilbao.

A provincia esténdese por unha superficie de 2217 km², e no ano 2006 contaba cunha poboación de 1 139 863 habitantes, polo que ofrecía unha elevada densidade de cerca de 514 hab/km².

Celtiberos

O termo celtiberos acostuma usarse para as tribos celtas ou celtizadas da Península Ibérica, así como os idiomas que estes grupos falaban, aínda que en realidade o termo celtibero se refire unicamente a un dos pobos célticos da Península Ibérica, existindo outros con outros nomes (vetóns, vacceos, lusitanos, carpetanos etc.). Este pobo celtibero habitaba no oeste da Cordilleira Ibérica. Os romanos considerábanos unha mestura de celtas e iberos, diferenciándose así dos seus veciños, tanto dos celtas da meseta como dos iberos da costa. Hoxe sábese que os celtiberos foron un pobo de lingua e cultura celta.

Coroa de Aragón

A Coroa de Aragón é un termo que adoita denominar á unión permanente de múltiples títulos e estados nas mans do Rei de Aragón. Os reinos compoñentes da Coroa nunca foron unidos politicamente excepto a nivel do rei. Polo tanto, a Coroa de Aragón non debería ser confundida co Reino de Aragón, sendo este mesmo un reino compoñente da Coroa de Aragón.

No cumio do esplendor da Coroa durante o Século XIV e XV, a Coroa de Aragón era unha talasocracia que controlaba unha boa parte do leste da Península Ibérica e o sueste de Francia, así como algunhas illas importantes e outros territorios continentais que se estendían a través do Mar Mediterráneo até Grecia.

En 1479, unha unión dinástica uniu a Coroa de Aragón coa Coroa de Castela, creando o que sería o Reino de España. Os títulos compoñentes da Coroa Aragonesa que herdaba o monarca español perduraron até 1716, cando foron suprimidos polos Decretos de Nueva Planta como unha consecuencia da derrota do pretendente preferido dos antigos gobernantes da Coroa de Aragón no curso da Guerra de Sucesión Española.

Lagoa

Unha lagoa é unha masa de auga depositada nunha depresión ou vagoada do terreo de tamaño inferior a un lago.

En Galicia existiu ata o seu desecamento a partir do ano 1958 unha das lagoas de auga doce máis grandes da Península Ibérica: a lagoa de Antela.

León, España

León (en leonés: Llión) é a cidade capital da provincia de León situada na comunidade autónoma de Castela e León, localizada no noroeste da Península Ibérica en España. É atravesado polos ríos Bernesga e Torío.

O concello acada unha poboación de 135.059 habitantes (2007) e posúe unha área metropolitana de 204.212 habitantes, sendo así a 45º máis poboada do Estado español.

Naceu dun campamento militar romano da Legio VI Victrix, instalado na confluencia dos ríos Bernesga e Torío no 79 a. C.|79 a. C., o seu carácter de cidade consolidouse co asentamento definitivo da Legio VII Gemina no século I. Coa chegada dos musulmáns á Península, a cidade fica parcialmente despoboada. En 856 León recibe un novo impulso repoboador por parte do Reino de Asturias. Será García I quen en 910 converta a cidade de León na cabeza do máis importante reino cristián da Península Ibérica na época, dando inicio ao Reino de León, cuxa vixencia nominal chegou até o século XIX, mais dende a Plena Idade Media a cidade perdeu a importancia e empuxe de antano, en parte pola perda da súa independencia debida a unión da coroa leonesa e a castelá, definitiva dende 1301, constituíndo canda outros reinos e territorios a Coroa de Castela.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

Península

Unha península é un anaco de terra emerxida rodeada de auga rodeada por todas partes menos por unha que é o istmo, que se une por unha lingua de terra a unha extensión maior.

O seu tamaño pode variar, desde unha extensión sumamente grande (como a Península Ibérica, unida ao continente europeo polos Pireneos), relativamente pequena (a península do Barbanza ou a península do Morrazo) ou pequena (península de Monterreal en Baiona).

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Provincia de Cádiz

A provincia de Cádiz está situada ao sur de España, na comunidade autónoma de Andalucía. Posúe un dos climas máis benignos da Península Ibérica durante boa parte do ano.

Provincia de León

León (en leonés: Llión) é unha provincia española pertencente á comunidade autónoma de Castela e León. Está situada no Noroeste da Península Ibérica e a súa capital é a cidade homónima de León. Limita ao norte co Principado de Asturias e Cantabria, ao oeste con Galiza (coas provincias de Ourense e de Lugo), ao sur coas provincias de Zamora e de Valladolid, e ao leste coa provincia de Palencia.

Ten unha superficie de 15.581 km². Posuía unha poboación de 495.902 habitantes (INE 2005). A súa densidade era de 31,82 hab/km².

Lugar de paso entre importantes zonas da Península Ibérica, percorren a provincia leonesa dúas grandes rutas históricas: de Sur a Norte a Vía da Prata, e de Leste a Oeste o Camiño de Santiago.

Ademais do español, nalgunhas zonas de León fálanse outras linguas:

Leonés, lingua romance, derivada do latín, e unha das máis antigamente documentadas na Península Ibérica, e que está recoñecida polo estatuto castelán e leonés aínda que non goza de oficialidade e continúa a ser falada na provincia, especialmente en zonas setentrionais da provincia, con especial vividez na comarca de Laciana, no Bierzo e na Cabreira.

Galego, falado no Bierzo. Este idioma románico está recoñecido oficialmente no Estatuto de Autonomía de Castela e León pero sen status de oficialidade, en cuxo artigo 4º indícase que "gozarán de respecto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen". A pesar disto a aplicación práctica necesitou da defensa popular para facelo efectivo.

Reino de Aragón

O Reino de Aragón nace en 1035, pola unión dos condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza na figura de Ramiro I. Prolongarase ata 1707, cando Filipe IV (V de Castela) promulgou os Decretos de Nueva Planta, polos que o reino se integra no Reino de España.

Reino de Castela

O Reino de Castela foi un dos reinos medievais da Península Ibérica. Castela xurdiu como entidade política autónoma no século IX baixo a forma dun condado vasalo do Reino de León. Non será ata o século XI cando acade a categoría de reino. O seu nome débese á gran cantidade de castelos que había naquela zona.

Reino visigodo

O reino visigodo (en gótico: Gutþiuda Þiudinassus) foi unha entidade política que xurdiu no ano 419 tras asinar a paz os visigodos cos romanos que foi concluída cun foedus co rei Walia e o seu establecemento dese pobo bárbaro no territorio da Aquitania secunda con capital en Tolosa.

O rei Eurico (466-484) rompeu o foedus tras a desaparición da familia imperial e agrandou o territorio lanzando unha ofensiva sobre Hispania e sobre a Galia con notable éxito. No ano 475 selou a paz co emperador de Oriente Xulio Nepote e Eurico foi recoñecido como rei dun amplo reino entre o Loira e Xibraltar.

No ano 507 perdeu boa parte do seu territorio ultrapirenaico conquistado por Clodoveo, tras anos de presións sobre o episcopado católico para que traizoase ao seu rei que era ariano, os visigodos só conservaron Septimania e unha parte da Provenza fóra da Península Ibérica e a capital acabou trasladándose oficialmente a Toledo no 554, entrementres o reino visigodo atravesou un período caótico ata a chegada de Leovixildo ao poder. No ano 585 os visigodos conquistan o Reino de Gallaecia e pouco despois con Recaredo convértense ao catolicismo arrenegando do arianismo, no 624 os visigodos toman as posesións bizantinas da Bética, finalmente no ano 711 desapareceu como entidade independente coa entrada dos musulmáns na península.

Río Douro

O río Douro (en castelán: Duero e en portugués: Douro) é un río do centro-norte e oeste da Península Ibérica, da vertente atlántica. O seu nome provén do latín, Durius flumen, e do grego, Δόυριος ποταμού. Cos seus 897 km, é o terceiro río máis longo da Península Ibérica despois do río Texo e do río Ebro, e cos seus 97.290 km², posúe a maior conca hidrográfica peninsular (78.952 km² corresponden a territorio español e o resto a territorio portugués).

Río Texo

O Texo (Tajo en castelán; Tejo en portugués) é o maior río da Península Ibérica, á que atravesa na súa parte central, seguindo un rumbo leste-oeste, cunha leve inclinación cara ao suroeste. Nace na Fuente de García, na Serra de Albarracín, que pertenece aos Montes Universales (Teruel), a 1.593 m de altitude e desemboca no Océano Atlántico xunto a Lisboa, formando un esteiro coñecido como o Mar da Palla, no que verte un caudal medio de 444 m³ por segundo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.