Peixes

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu.[1][2] Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

Peixes
Rango fósil: Cámbrico - Actualidade
Mero xigante no Aquarium de Xeorxia

Mero xigante no Aquarium de Xeorxia

Peixe león vermello

Peixe león vermello

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
(sen clasif.): Craniata
Superclase: Pisces
clases

Evolución

Os peixes orixináronse a partir doutros cordados contra o comezo do Cámbrico. Non se sabe con seguridade onde fixar a súa orixe.

Os condrictios son un grupo de vertebrados moi primitivos, pero moi exitosos evolutivamente, xa que as quenllas son animais antiquísimos que non cambiaron moito desde a súa orixe e que hoxe en día seguen sendo un grupo moi ben adaptado ao mundo.

Os vertebrados terrestres (tetrápodos) diferenciáronse a partir de peixes emparentados co celacanto ou os peixes pulmonados, e algunhas das primeiras formas están a metade de camiño entre o noso concepto de peixe e o de anfibio.

Clasificación

Peixe009eue
.
Peixe010eue
.

Podemos clasificar os peixes segundo diferentes criterios:

  • Zoolóxico, que é o que seguiremos no seguinte apartado.
  • Ecolóxico: de mar ou de auga doce, peláxicos ou demersais, tolerantes ou non á salinidade, migratorios ou non etc.
  • Gastronómico: brancos ou azuis.
  • Económico: comestibles (de interese pesqueiro) ou non.

Clasificación zoolóxica

Tradicionalmente divídense en Ágnatos (é dicir, sen mandíbula, infrafilo Agnatha) e Gnatóstomos ou mandibulados (infrafilo Gnathostomata). Hai autores que dan a estes taxons a denominación de superclase.

No primeiro grupo incluénse as lampreas (clase Cephalaspidomorphi) e os peixes viscosos (clase Myxini), que algúns autores non consideran verdadeiros vertebrados. No segundo grupo están os peixes cartilaxinosos (raias e quenllas, clase Chondrichtyes) e os peixes óseos (clase Osteichthyes).

  • Subfilo Vertebrata
    • Infrafilo Agnatha
      • Clase Cephalaspidomorphi
      • Clase Myxini
    • Infrafilo Gnathostomata
      • Clase Chondrichthyes
      • Clase Osteichthyes

Os peixes cartilaxinosos ou condrictios caracterízanse polo seu esqueleto formado exclusivamente de cartilaxe, aberturas branquiais non protexidas por opérculos, fociño alongado coa boca disposta na cara ventral, aletas carnosas e ríxidas (non pregables coma no caso dos peixes óseos) e ausencia de vexiga natatoria. A maioría das especies son vivíparas.

Os peixes óseos ou osteictios (ou peixes verdadeiros) posúen un esqueleto formado por tecido óseo, aletas sostidas por radios, pel cuberta por escamas e branquias cubertas por opérculos. A maioría son ovíparos.

Clasificación ecolóxica

Os peixes, así coma outros organismos acuáticos, poden clasificarse ecoloxicamente pola súa tolerancia a distintas salinidades en eurihalinos ou estenohalinos, e tamén por outros aspectos da súa adaptación e hábitos (catádromos ou anádromos)

Clasificación gastronómica

En alimentación, os peixes clasifícanse de acordo ó seu contido en graxa, carácter que está en relación inversa á súa dixestibilidade. A cantidade de graxa depende, principalmente, dos hábitos migratorios das distintas especies.

  • Peixes graxos ou azuis: cando posúen máis dun 5% de graxa. Adoitan ter a carne máis escura cá dos peixes brancos. Son especies migratorias e utilizan eses depósitos graxos para resistiren os desprazamentos. Achegan á dieta entre 100 e 200 calorías por 100 gramos.
  • Peixes magros ou brancos: con menos do 2%, polo que achegan á dieta entre 60 e 100 calorías por 100 gramos.
  • Peixes semigraxos ou rosados: cando a porcentaxe de graxa oscila entre o 2% e o 5%.

Dentro dunha mesma especie, a graxa varía segundo a época do ano en que se capture. O salmón, por exemplo, adoita ter un 12% de graxa ou máis, pero despois da desova alcanza cifras de só un 1%.

A presenza dos peixes na cultura popular

Artigo principal: Os peixes na cultura popular galega.

Refraneiro

  • Non hai mellor rede que a que pilla o peixe.
  • O home e a pesca, ós tres días apesta.
  • O peixe grande sempre come ó pequeno.
  • Peixe algareado, cambio de tempo.
  • Peixe con ollos, á caixa.
  • Peixe con ollos, ó caldeiro.
  • Pola boca morre o peixe.

Galería de imaxes

Astronotus ocellatus

Astronotus ocellatus

Pterois volitans Manado-e edit

Pterois volitans

Pennant coralfish melb aquarium edit2

Heniochus acuminatus

Georgia Aquarium - Giant Grouper

Epinephelus lanceolatus

Phyllopteryx taeniolatus1

Phyllopteryx taeniolatus

Notas

  1. Goldman, K.J. (1997). "Regulation of body temperature in the white shark, Carcharodon carcharias". Journal of Comparative Physiology. B Biochemical Systemic and Environmental Physiology 167 (6): 423–429. doi:10.1007/s003600050092. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2012. Consultado o 12 October 2011.
  2. Carey, F.G.; Lawson, K.D. (1.). "Temperature regulation in free-swimming bluefin tuna". Comparative Biochemistry and Physiology Part A: Physiology 44 (2): 375–392. doi:10.1016/0300-9629(73)90490-8.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Outros artigos

Acantopterixios

Os acantopterixios (Acanthopterygii) son unha superorde de peixes da clase dos actinopterixios.

Actinopterixios

Os actinopterixios (Actinopterygii) son unha clase de peixes óseos (Osteichthyes).

Constitúen o grupo dominante entre os vertebrados, con máis de 27 000 especies actuais que desenvolveron estratexias adaptativas que lles permitiron colonizar toda clase de ambientes acuáticos, tanto mariños como dulciacuícolas.

Os peixes máis coñecidos pertencen a este grupo: troitas, salmóns, sardiñas, percas, arenques, atúns, linguados, carpas, anguías etc.

Aleta

Denomínase aleta a cada un dos membros ou apéndices externos que posúen os peixes e, por extensión, os mamíferos mariños, aínda que nestes últimos as aletas posúen unha orixe e estrutura moi diferentes. As aletas cumpren unha función locomotora e estabilizadora, se ben nalgúns casos sofren notables modificacións para adaptarse a funcións particulares dalgunhas especies.

Aquarium Finisterrae

O Aquarium Finisterrae, Acuario da Fin do Mundo ou Casa dos Peixes, é un dos "Museos Científicos Coruñeses". Contén, ademais do "gabinete do Capitán Nemo", mergullado na piscina máis grande de Europa, elementos de museos que propoñen experiencias como tocar estrelas de mar ou rodaballos e coñecer onde viven os lagostinos. Tres piscinas exteriores albergan ademais focas, polbos e outras especies das costas do Atlántico europeo. Non se exhiben peixes vistosos doutras latitudes, senón o ecosistema mariño da costa galega. Foi inaugurado o 5 de xuño de 1999.

Condrictios

Os condrictios (Chondrichthyes, do grego χονδρος chóndros, "cartilaxe", e ιχθύς ichthýs, "peixe") ou peixes cartilaxinosos son unha clase de vertebrados acuáticos caracterizados por teren o esqueleto cartilaxinoso, a diferenza do esqueleto dos peixes óseos (osteíctios), que o teñen osificado.

Comprende os elasmobranquios (tiburóns e raias) e os holocéfalos (quimeras).

Cordados

Os cordados (Chordata, do latín chordata, pl. de chordatum "cordado", "con corda"; de chorda, "corda"; literalmente "os que teñen corda") son un filo do reino animal caracterizado por presentar cinco sinapomorfias, a máis destacada das cales é a presenza dunha corda dorsal ou notocorda de células turxentes (e dun tubo neural) polo menos nalgunha fase do seu desenvolvemento.Coñécense preto de 65 000 especies actuais, a maioría pertencentes ao subfilo dos vertebrados, e case a metade das cales son peixes.

Os cordados son un grupo con gran diversidade, adaptados a un gran número de nichos ecolóxicos e que demostraron ao longo da súa historia evolutiva notábeis adaptacións, sobre todo ao medio terrestre e os seus ambientes, aínda que tamén ao acuático ou o anfibio, nos cales moitos deles constitúen os últimos elos tróficos dos seus ecosistemas.

Nos cordados destaca a capacidade de autorregulación e organización interna; algúns, como as aves e os mamíferos, poden elevaren e manteren constante a temperatura do corpo. Estes e outros factores engadiron complexidade a este grupo de animais, permitindo un maior control sobre as reaccións metabólicas e o desenvolvemento dun complexo sistema nervioso.

FishBase

FishBase (Base de datos de peixes) é unha base de datos con información sobre peixes. En xuño de 2013 incluía a descrición de máis de 32.600 especies, 300 100 nomes vulgares en varios idiomas, 52 800 fotografías e 49 000 referencias de traballos na literatura científica, e tiña unha media de 700 000 visitas por mes.

Gnatóstomos

Os gnatóstomos (Gnathostomi) ou gnatostomados (Gnathostomata) é o gupo dos vertebrados con mandíbulas.

O termo, do latín científico, está formado polos elementos gantho- (do grego γνάθος gnáthos, "mandíbula") e -stomata (plural de -stoma, do grego στόμα stóma, "boca"), é dicir, "os que teñen a boca con mandíbulas".

Trátase dun amplo e heteroxéneo grupo que abarca os peixes propiamente ditos, os réptiles, os anfibios, as aves e os mamíferos, comprendendo aproximadamente 60 000 especies, que representan o 99 % de todos os vertebrados vivos.

O grupo foi considerado tradicionalmente como unha superclase, dividida en tres clases de organismos que deominamos xenericamente peixes:

os condrictios (Chondrichthyes) ou peixes cartilaxinosos,

os placodermos (Placodermi), un extinto clado de peixes acoirazados, e

os teleóstomos (Teleostomi) ou peixes óseos (ademais das coñecidas clases dos anfibios, réptiles, aves e mamíferos).Algúns sistemas de clasificación usaron o termo anfirrinos (Amphirhina).

É un clado irmán dos craniados sen mandíbula, os ágnatos (Agnatha).

Novos achados fósiles suxiren que os telodontes (Thelodonti) son os parentes máis achegados aos gnatostomados.Os gnatostomados apareceron no perídodo ordovícico (hai case uns 500 millóns de anos) e fixéronse comúns no Devoniano (hai uns 440 millóns de anos).

Ictioloxía

A ictioloxía é unha rama da zooloxía dedicada ao estudo dos peixes. Esta inclúe os Osteichthyes (peixes óseos), os Chondrichthyes (peixes cartilaxinosos) tales como a quenlla e a raia e os Agnatha (peixes sen mandíbula). Estímase que hai ao redor de 25.000 especies descritas e que cada ano son descritas oficialmente 250 novas especies. A dificultade na clasificación radica na gran variedade que alcanzaron durante o proceso evolutivo e a accesibilidade dos humanos ao medio acuático. Por outra banda, a ictioloxía ademais ocúpase da bioloxía e do comportamento dos peixes. Así mesmo, está estreitamente ligada coa limnoloxía e a oceanografía.

Neopterixios

Os neopterixios (Neopterygii) son unha subclases da clase Actinopterixios (Actinopterygii) de peixes óseos. O termo significa "alas novas", e fai referencia á forma evolucionada das aletas.

Os exemplares actuais mostran moi poucos cambios respecto dos actinopterixios máis primitivos. O grupo apareceu no Permiano tardío e a partir de entón dominaron os mares con notable éxito porque podían moverse a maior velocidade cós seus antecesores.

Osteíctios

Os osteíctios (Osteichthyes) ou peixes óseos son unha superclase de vertebrados gnatóstomos, a de máis recente aparición, a máis rica en especies e a máis importante desde o punto de vista económico, que se caracterizan pola presenza de tecidos óseos no seu esqueleto interno, formado principalmente por pezas calcificadas e algunhas cartilaxinosas.Forman, xunto aos condrictios ou peixes cartilaxinosos, os dous grandes grupos que comprenden os chamados vulgarmente peixes.

Existe un terceiro grupo cuxa inclusión dentro dos peixes está en discusión, que son os ágnatos ou peixes sen mandíbulas (lampreas e peixes viscosos), que actualmente tenden a considerarse como unha superclase á parte, á dos Agnatha.

O termo Osteichthyes fai referencia a un grupo parafilético e non se considera hoxe como unha clasificación taxonómica válida.Todas as nosas numerosas especies de peixes óseos pertencen á clase dos actinopterixios (peixes con aletas sustentadas por raios), que se reparten de forma non equitativa nas súas dúas subclases:– a dos condrósteos (entre cuxas especies nas augas galegas só podemos contar, polo menos historicamente, co esturión), e

– a dos neopterixios, que comprende todas as demais.

Ovo (bioloxía)

Este artigo trata sobre o termo biolóxico, para o alimento véxase ovo (alimento).Nalgúns animais, un ovo é un corpo redondeado, de tamaño e dureza variables, que producen as femias e sustenta e protexe o embrión se o óvulo é fecundado, convértese en cigoto. Os animais ovíparos son aqueles que poñen ovos, con pouco ou ningún desenvolvemento dentro da nai. Esta é a forma de reprodución de moitos peixes, anfibios e réptiles, todas as aves, os mamíferos monotremas e a maioría dos insectos e arácnidos.

Os ovos dos réptiles, aves e monotremas están rodeados por unha casca protectora que pode ser flexible ou non. O ovo do avestruz, de até 1,5 kg, é a maior célula individual que se coñece, aínda que o xa extinto Aepyornis e algúns dinosauros puñan ovos maiores. Mellisuga helenae produce o menor ovo de ave coñecido: pesa medio gramo. Os ovos dalgúns réptiles e a maioría dos peixes son menores, e os dos insectos e outros invertebrados teñen aínda menos tamaño.

O estudo dos ovos, particularmente dos das aves, chámase ooloxía.

Perciformes

Os Perciformes (tamén chamados percomorfos (Percomorphi) ou acantópteros (Acanthopteri)) son unha orde de peixes teleósteos, da superorde Acantopterixios (Acanthopterygii). Constitúe a orde máis grande de vertebrados (Fish Base), e comprende máis de 7.000 especies diferentes, con ó redor do 40% de tódolos peixes. Presentan moi diferentes formas e tamaños, e habitan en case tódolos medios acuáticos, principalmente mariños.

Pesca

A pesca é a extracción de organismos acuáticos do medio onde se desenvolveron para diversos fins, tales como a alimentación, a recreación (pesca recreativa ou pesca deportiva), a ornamentación (captura de especies ornamentais) ou a industria, incluíndo a fabricación de comida para o alimento de animais en crianza e a produción de substancias con interese para a saúde -como o "famoso" aceite de fígado de bacallau.

Pleuronectiformes

A dos pleuronectiformes (Pleuronectiformes), coñecidos popularmente como peixes planos, é unha orde de peixes teleósteos, caracteriasos por ter o corpo comprimido lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical.

Segundo as familias, o lado pigmentado pode ser o dereito, coma no linguado, ou o esquerdo, coma no rodaballo.

Para sabermos cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara a arriba e de forma que vexamos os ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.

O nome procede dos termos do grego antigo πλευρά pleurá, "costado", "lado", "flanco" e νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar", pola forma característica de nadar de lado, aos que se lle engade o sufixo latino -iformes, "en forma de", propio nos nomes das ordes de peixes (e das de aves).

Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no paleoceno, hai uns 65 millóns de anos, durante o paleóxeno ou terciario temperán.A orde comprende moitas especies de grande interese pesqueiro, amplamente consumidos como alimento, entre outros os linguados, o rodaballo, as sollas, os rapantes e os fletáns.

Teleósteos

Os teleósteos (Teleostei) son unha infraclase da clase Actinopterixios (Actinopterygii) e comprenden a inmensa maioría dos peixes óseos actuais.

Tetrápodos

Os tetrápodos (Tetrapoda) (do grego τετραπόδηs tetrӑpódēs, latinizado tetrapoda, "de catro pés, o de catro patas") é unha superclase de animais vertebrados con catro extremidades empregadas no desprazamento ou a manipulación. Dado que os anfibios, réptiles, mamíferos e aves son tetrápodos, (incluíndo a píntegas ápodas e serpentes, por cuestións taxonómicas), o termo é especialmente útil para describir os membros máis primitivos do grupo, que irradiaron dende os sarcopterixios (peixes de "aletas lobuladas") aos primeiros anfibios do período devoniano.

Troita

A troita, Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.

Vertebrados

Os vertebrados (Vertebrata) ("os que teñen vértebras"), son un subfilo moi diverso de cordados que comprende aos animais con espiña dorsal ou columna vertebral composta de vértebras.

Inclúe case 62 000 especies actuais e moitas máis fósiles.

Aínda que procedentes do medio dulciacuícola, os vertebrados conseguiron evolucionar no mar e pasar, posteriormente, ao medio terrestre, onde dominan na actualidade logrando colonizar e adaptarse a diferentes ambientes, incluídos os máis difíciles e inhóspitos.

O termo Vertebrata, usado en sentido amplo, é sinónimo de Craniata, e inclúe os mixíns, que non posúen auténticas vértebras; pero de usarmos Vertebrata en sentido estrito (só os cordados con vértebras), debe excluírse dito grupo. Porén, hai evidencias de que os mixíns deben seren incluídos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.