Peitoril

O peitoril ou antepeito[1], como elemento arquitectónico, é a parede que pecha a parte inferior dunha fiestra. Tamén adoita designar o parapeto ou muro, á altura do peito, que se coloca como protección en balcóns, terrazas, pozos, beiras das pontes etc. Sendo designada normalmente de varanda cando está formada por unha armazón de madeira, ferro, ou outro material[2] Por extensión a repisa que forma o oco dunha ventá na parte inferior onde se apoian as persoas recibe os nomes de peitoril, antepeito ou soleira.

Ademais antepeito ou peitoril é o elemento de protección que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto psicolóxica como real[3].

Fotos Galicia II 077
Fiestra con parladoiro nunha casa en Padrón onde se olla o peitoril.
Caldas, ponte romana 01-09
Apartadoiro con asento e peitorís na ponte de Bermaña en Caldas de Reis (Pontevedra).
Super-Rail
Antepeito do tipo Super-Rail (esquerda) nunha estrada.
Jardines de la Real Maestranza.002 - A Coruña
Pozo con peitorís de pedra no Convento de San Francisco, na Coruña.

Tipos de peitoril

Entre os diversos tipos de peitoril, poden diferenciarse, segundo os materiais:

Notas

  1. Diferentes significados destes termos en Dicionario visual da construción, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2004
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para peitoril.
  3. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  4. Regulamentación de peitorís de estradas Arquivado 16 de novembro de 2010 en Wayback Machine. Consultado o 30 de agosto de 2013

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Fatás, Guillermo; Borrás, Gonzalo (1993). Diccionario de términos de Arte. Alianza.Ediciones del Prado. ISBN 84-7838-388-3.
Alxibe

Un alxibe (do árabe hispano alǧúbb, algúbb, e este do árabe clásico جب, gubb) é un depósito, polo xeral subterráneo, onde se recolle e se almacena auga xeralmente potábel ou incluso outros líquidos. Podería ser sinónimos con algunhas diferenzas cisterna, pozo ou fosa. Adoita cubrirse cunha bóveda de canón ou lixeiramente apuntada ou en cúpula de casquete, erguida en tixolo. A auga dos alxibes adoita proceder da choiva das cubertas das casas ou de traídas, habitualmente, que se conduce mediante canalizacións. Normalmente é subterráneo, total ou parcialmente, aínda que tamén poden atoparse en construcións escavadas en zonas onde existen grandes moles rochosas. Cómpre non confudir este termo co de talla ou cántaro: depósito destinado a transportar líquidos. En Galicia, por mor da abundancia de precipitacións, non son comúns como en zonas mediterráneas, ou noutros países secos.

Adoita estar construído con tixolos unidos con morteiro. As paredes internas adoitan estar recubertas dunha mestura de cal, area, óxido de ferro, arxila vermella e resina de lentisco, para impedir filtracións e a putrescencia da auga que contén.

Os modernos adoitan estar construídos de formigón e azulexos.

Balaústre

Un balaústre é cada unha das pequenas columnas que sosteñen o peitoril ou a varanda dos balcóns, corredores, solainas, escaleiras etc. Forman no seu conxunto, unidas co traveseiro superior ou pasamáns, a balaustrada.

Son un paso máis na evolución dunha simple varanda de esteos de madeira ou ferro, son pois elementos de ornamentación moi usados na arquitectura que tem como base unha tendencia estética, por exemplo romana, francesa, grega ou outra. Consecuentemente a súa forma pode ser en pilastra abaulada, en estilo ou estampa grega panhelénico, xónico con entalles romanos ou unha forma ecléctica contemporánea cun toque gótico etc. Tamén existe a tipoloxía formal composta por pilastra recta, sen entalles ou só abaulada lisa, ou sexa, sen referencia a un estilo estético específico.En Galicia forman parte da evolución das varandas sinxelas de madeira dos patíns e corredores da casa tradicional, cara as solainas de pedra traballada que aparecen en pazos e casas grandes. Tamén aparecen balaustradas traballadas nos balcóns de diferentes edificios en vilas e cidades, así coma en escaleiras públicas e elementos de igrexas e catedrais.

Ademais das balaustradas de pedra, o proceso moderno consiste en crear unha balaustrada de formigón, cun molde de plástico ríxido, dividido en dúas partes ou único, premoldado, onde se adiciona unha mestura de cemento, area e grixo de pequeno tamaño, ás veces enxertando no seu interior unha armazón de ferro a fin de dar estabilidade ao conxunto. Despois de vinte e catro horas desenmóldase con coidado.

Os balaústres non só teñen un uso práctico como parapetos, varandas ou peitorís, senón que son elementos ornamentais, reflectindo o estilodo conxunto arquitectónico onde se insere.

Casa Galega da Cultura

A Casa Galega da Cultura é un espazo multidisciplinar localizado en Vigo que acolle a realización de actividades artísticas e literarias, ao tempo que conta cun fondo bibliográfico e museográfico sobre Galicia.

Convento de Santo Agostiño de Pontedeume

O Convento de Santo Agostiño é un edificio de Pontedeume, construído inicialmente para albergar unha comunidade de frades agostiños que o habitaron durante case tres séculos: desde a súa fundación en 1538 polo conde Fernando de Andrade ata a exclaustración de 1835. Na actualidade alberga a Casa da Cultura de Pontedeume.

Dous

O dous (2) é o número natural que segue o un e precede o tres.

2 é o primeiro número primo, e é o único que é par. O seguinte é 3. É o primeiro número primo de Sophie Germain.

Fiestra

Unha fiestra, tamén chamada xanela ou ventá, é un van ou oco elevado sobre o chan, que se abre nunha parede coa finalidade de proporcionar luz e ventilación á estancia correspondente. Tamén se denomina fiestra ó conxunto de dispositivos que se utilizan para pechar ese van.

O termo fiestra procede do latín fenestra, de onde tamén procede o termo defenestrar (botar a alguén por unha fiestra). A verba ventá procede de ventus (vento), facendo referencia á capacidade de ventilación que proporciona.

Machada

Unha machada ou brosa é unha ferramenta cun gume metálico que está fixada de forma segura a un mango, xeralmente de madeira, cuxa finalidade é a de cortar mediante golpes. Chámase machado cando ten a folla máis grande e o cabo máis longo, manexándose neste caso coas dúas mans, e macheta cando é pequena.

O uso típico para as machadas é cortar leña e tallar árbores, pero no pasado usáronse como armas para a caza e a guerra, especialmente polos viquingos, normandos e amerindios, que as empregaron como armas de guerra dende o Neolítico, (francisca ou tomahawk).

Parladoiro

Un parladoiro ou faladoiro é calquera lugar onde se reúnen persoas, xeralmente dun mesmo lugar ou dunha mesma profesión, para conversar ou comentar temas de actualidade.

En construción denomínase parladoiro á fiestra que conta con dous asentos aos lados e que permite sentar para ollar pola ventá ou para falar con outra persoa que senta enfronte, de aí o nome. Consiste nun van no que sobresaen cara o oco dúas pedras das xambas a xeito de asentos. Dáse nas casa grandes, nos pazos, nos castelos e nalgunhas vivendas. Acostuman estar nas ventás da sala de respecto ou da cociña; sempre no sobrado da vivenda.

Pazo de Liñares

O Pazo de Liñares é unha casa señorial localizada no lugar de Liñares, na parroquia de Prado (Lalín), é estilo barroco. É de planta rectangular de cantería cunha gran fachada principal á que abre os balcóns e fiestras. Na fachada posterior destaca unha galería de cinco arcos de medio punto e escudos no peitoril. Nos escudos do pazo campean as armas dos Mosqueira, Churruchaos e López de Lemos xunto ás dos Taboada.

Foi fundado a finais do século XVII por Álvaro Núñez Taboada, da Casa de Bendoiro. No pazo pasou a súa infancia o pioneiro da aviación Joaquín Loriga.

Foi adquirido polo concello de Lalín a finais do ano 2002. No ano 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento por Decreto 334/2009 de 4 de xuño da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. As obras de rehabilitación comezaron o día 14 de abril de 2011, e asinouse a recepción das mesmas o 28 de febreiro de 2013.

Ponte

Neste artigo fálase da construción. Para outros significados, véxase Ponte (homónimos).

Unha ponte ( pronunciación ) é unha construción, normalmente artificial, que se precisa para salvar un accidente xeográfico, por exemplo un río ou un canón. Permiten, polo tanto, o paso sobre o obstáculo natural ou artificial, de persoas, automóbiles, trens, canalizacións ou condutos de auga (acuedutos).

O seu proxecto e o seu cálculo pertencen á enxeñaría, sendo numerosos os tipos de deseño que se aplicaron ao longo da historia, influídos polos materiais dispoñíbeis, as técnicas desenvolvidas e as consideracións económicas, entre outros factores.

Cando é construída sobre un curso de auga, o taboleiro é frecuentemente situado á altura calculada de xeito que posibilite o paso de embarcacións con seguridade baixo a súa estrutura. Cando é construída sobre un medio seco acostúmase chamar viaduto.

Ponte Nafonso

Ponte Nafonso é unha ponte de pedra encol do río Tambre preto da súa desembocadura no fondo da ría de Muros-Noia, unindo os concellos de Noia e Outes.

Ponte da Ramallosa

A ponte da Ramallosa é unha construción románica sobre o río Miñor, entre as parroquias da Ramallosa (Nigrán) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).

Ponte de Bermaña

A ponte de Bermaña, no centro de Caldas, é unha ponte de orixe romana (62 a. C. - 409 d. C.) sobre a que se fixeron reformas en época de medieval (século XVI). Cruza o río Bermaña.

Está formada por tres arcos de medio punto, con dobre pendente, e posúe catro apartadoiros no peitoril: tres rectangulares e un cuarto triangular sobre o que se levantou posteriormente un cruceiro.

Forma parte do Camiño portugués da Ruta Xacobea.

Ponte de Fillaboa

A ponte de Fillaboa é unha ponte baixo-medieval de orixe romana situada na parroquia de San Lourenzo de Salvaterra, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño. Atravesa o río Tea no antigo camiño que unía as vilas de Ribadavia e Tui. É a máis próxima da desembocadura das catro pontes centenarias do río Tea, xunto á de Cernadela, á dos Remedios, e á das Partidas. O nome de Fillaboa débese a unha grande insua do Miño que se atopa a dous quilómetros abaixo da ponte, na desembocadura do Tea.

Púlpito

Púlpito é a plataforma pequena e elevada, nunha igrexa, desde a que o eclesiástico predica ou dirixe os rezos. Tamén recibe o nome de cátedra do Espírito Santo.

Ambón é cada un dos dous púlpitos das antigas igrexas cristiás, situados aos dous lados do altar maior usados para proclamar as Lecturas.

Disponen de antepeito ou peitoril e dosel de resonancia ou baldaquino superior. Os púlpitos utilizáronse nas primitivas igrexas ou basílicas chamándose precisamente ambóns. Dispoñíanse á entrada do coro a xeito de tribuna rectangular sobre unha plataforma de pouca elevación, á cal se subía por bancadas laterais e neles cantábase a epístola e mailo Evanxeo nas Misas solemnes e anunciábanse ao pobo as festas. Os ambóns continuaron con maior ou menor amplitude e elevación até o século XIV no que se foi adoptando o actual sistema de púlpitos, os cales na época oxival e o período plateresco tenden máis á forma hexagonal con enfeites en todas as épocas con elementos propios do estilo en curso. O dosel de resonancia utilízase dende o século XVI.Áchanse achegados ao altar, xeralmente acaroados a un dos soportes da nave principal do templo. Actualmente úsanse pouco, pois as normas litúrxicas vixentes recomendan que a homilía, como parte integrante da Misa, dígase dende o presbiterio, xunto ao altar.

Seteira

Unha seteira, en arquitectura militar, é unha abertura ou un rebaixamento na muralla, que na súa concepción primitiva permitía aos defensores (arqueiros, besteiros) lanzar setas.

Bastante empregada na arquitectura medieval, pode ser descrita como un van na albanelaría na forma dunha faixa ou fiestra vertical, cuxa altura corresponde a aproximadamente cinco veces a súa largura. En xeral, posúe peitoril de aproximadamente trinta centímetros e a súa lumieira dista aproximadamente trinta centímetros do teito.

Conforme o período construtivo e a súa rexión pode ser simple ou en cruz. Coa introdución das armas de fogo, a partir do século XIV, algunhas presentan adaptación para tiros de arcabuz, mosquete ou pequenos canóns. Os vans circulares abertos para esas primitivas pezas de artillaría son chamados troneiras.

Soleira

A soleira é un elemento construtivo que se corresponde á parte baixa da fiestra, cubrindo o peitoril ou antepeito; sobre o que pousamos ao nos apoiar nunha fiestra. Na casa tradicional galega adoita ser unha soa peza de pedra (ou dúas) ou doutro material colocada na parte inferior do oco dunha xanela. Soleira tamén pódese referir á pedra que está no chan dunha porta, coñecida normalmente coma soarego ou limiar.

A súa misión é que a auga da choiva non entre no edificio, razón pola que a soleira adoita ter unha certa pendente cara fóra, asegurando unha evacuación rápida da auga; pola mesma razón de estanqueidade ha penetrar nas xambas do oco e adoita resaltarse cara fóra formando un topete ou pingadeira. Pola súa importancia na estanqueidade o deseño da soleira é un dos puntos críticos na proxectación construtiva dos edificios.Na casa tradicional galega (tamén na inglesa), e a diferenza doutras rexións, a soleira está protexida pola fiestra, xa que esta se sitúa a rentes do muro exterior para que a auga esvare pola fachada. A contraventá áchase no interior do oco, a rentes da parede interior. Ademais o lintel do van acostuma contar cun saínte chamado tornachuvias.

Varanda

Este artigo trata sobre a armazón de protección, para o arame ou similar que se utiliza para secar a roupa véxase Tendal.

Unha varanda é unha armazón de balaústres, barras ou elementos semellantes que a xeito de protección se coloca en balcóns, solainas, corredores, escaleiras etc. Cando o parapeto de protección é sólido (pedra ou formigón) adoita recibir o nome de peitoril ou antepeito.

A varanda segue o perímetro da estrutura cunha altura constante permitindo apoiarse grazas ao seu traveseiro superior chamado de pasamáns. Na súa forma actual, as varandas constitúen unha evolución das solucións típicas aplicadas a edificios populares de inicios do século XIX.

A varanda constitúe un elemento de feche ou separación de estrutura lixeira que pola súa configuración permite o paso da luz non impedindo así as vistas. Na Arquitectura popular de Galicia son comúns as varandas de madeira nas escaleiras interiores e nas escaleiras exteriores que soben aos patíns e corredores, tamén de pedra traballada nas solainas (balaustradas); e de pedra ou metal nos balcóns. As pontes e pontellas tradicionais galegas adoitaban ter peitorís de pedra máis ca varandas de madeira ou ferro.

Por extensión tamén recibe o nome de varanda (antepeito ou peitoril) o elemento de protección ou parapeto que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto ou máis psicolóxica como real, especialmente nas estradas.

Voo 90 de Air Florida

O voo 90 de Air Florida era un voo regular doméstico de pasaxeiros operado por Air Florida dende o aeroporto nacional Ronald Reagan de Washington ata o aeroporto de Fort Lauderdale-Hollywood, cunha escala no aeroporto de Tampa. O 13 de xaneiro de 1982 o Boeing 737-222 con rexistro N62AF esnafrouse contra a ponte da rúa 14 sobre o río Potomac, a só dúas millas da Casa Branca.O aparello golpeou contra a ponte, por onde pasa a Interestatal 395 entre Washington, D.C. e o condado de Arlington, Virxinia. Impactou contra varios vehículos na ponte e esnaquizou 30 metros de peitoril antes de mergullarse no xeo do río Potomac. O avión levaba 74 pasaxeiros e 5 tripulantes. Catro pasaxeiros e unha asistente de voo foron rescatados e sobreviviron. Outro pasaxeiro, Arland D. Williams, Jr., axudou no rescate dos supervivintes, pero afogou antes de ser rescatado. Catro condutores na ponte tamén morreron. Os superviventes foron rescatados do río conxelado por civís e profesionais. O presidente Ronald Reagan eloxiou estes actos durante o seu discurso do Estado da Unión poucos días máis tarde.

A NTSB determinou que a causa do accidente foi un erro dos pilotos que non activaron os sistemas de protección contra o xeo internos dos motores, usaron a reversa nunha tormenta de neve antes da engalaxe, intentaron usar a saída de gases dun avión diante deles para derreter o seu xeo, e fallaron en abortar a engalaxe despois de detectar un problema de potencia mentres rodaban vendo acumulación de xeo e neve nas ás.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.