Pedra das Ferraduras

A Pedra das Ferraduras é un complexo conxunto de petróglifos ao ar libre, nos que atopamos gravuras datadas no calcolítico e os inicios da Idade de Bronce, arredor do 2.000 a.C., situada no concello de Cerdedo-Cotobade.

Coordenadas: 42°31′33″N 08°31′02″O / 42.52583, -8.51722

Ferraduras
Círculos concéntricos na Pedra das Ferraduras

Situación

A pedra sobre a que se realizaron os gravados sitúase na ladeira dun monte, no lugar de Fentáns, parroquia de San Xurxo de Sacos, concello de Cerdedo-Cotobade. Atópase na zona de Galicia, e unha das áreas do mundo, de maior concentración de representacións deste tipo, no val do río Lérez, desde onde semella terse estendido este fenómeno cultural, a través sempre dos vales dos ríos.

Descrición

A pedra é de regulares dimensións. A rocha é de gran tamaño e presenta forma alombada concentrándose as numerosas insculturas na parte superior, plana, e a cara orientada cara ao sur, de forte pendente.

Na parte superior amósase unha combinación de círculos concéntricos con trazos encostados ao anel externo, numerosas pegadas de cérvidos ou bóvidos e dúas combinacións circulares atípicas.

Na cara sur represéntanse sete figuras zoomórficas (un deles con gran cornamenta), tres deseños idoliformes (probablemente ídolos cilindro) e cinco figuras antropomórficas moi simples que, posiblemente armados, rodean os animais. A figura antropomorfa no centro da parte superior e central empuña na man dereita unha enorme espada moi desproporcionada en relación á figura humana, e sostén co outro brazo un escudo circular, entendéndose como unha posible representación xerárquica. Xunto a espada represéntase un puñal de menor tamaño.

Varios dos animais presentan dardos ou frechas cravadas no seu lombo, polo que nesta parte sur poderíamos estar a contemplar a representación dunha escena de caza.

Pese a dificultade dunha datación segura para este tipo de elementos, as representacións de ídolos cilíndricos póñense en relación coas pezas chamadas ídolos cilíndricos que teñen aparecido nalgúns megálitos de cronoloxía máis avanzada.

Trátase dun conxunto rupestre que presenta boa cantidade de recursos artísticos e de cuxa utilización só existen diversas teorías relacionadas coa relixión, ritos iniciáticos, marca delimitadora dun territorio... de moi difícil demostración.

Véxase tamén

Bibliografía

  • VVAA. 100 Obras maestras da Arte Galega. páx. 18 e 19. (1996). Nigra Arte. Vigo. ISBN 84-87709-50-8.
  • García Alén, Alfredo e de la Peña Santos, Antonio. Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra. Catalogación Arqueológica y artística de Galicia del Museo de Pontevedra, páxs. 55 a 57 (1980). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-04-1
  • Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigratrea. ISBN 84-95364-40-9.

Outros artigos

Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

Espada

Unha espada (do latín "spatha", que tamén serviu para denominar á espada romana de cabalaría, que é longa e recta) é unha arma branca dun ou dous gumes que consiste basicamente nunha folla recta cortante, punzante —ou ambas cousas—, con empuñadura, e de certa envergadura ou "marca" (denomínase marca a unha lonxitude a partir de aproximadamente do medio metro). Segundo a definición estrita non serían espadas os sabres, as catanas etc.

Nun senso meirande, téndese a entender por espada calquera arma branca de certa envergadura, independentemente do estilo da folla. O deseño e a construción da espada pode variar moito, segundo a lonxitude da folla, a súa forma, os seus gumes, as súas empuñaduras, a súa procedencia, etc. De acordo coas características que posúen, reciben unha determinada denominación que identifica, clasifica e encadra ao arma dentro dun tipo particular.

Teñen a súa folla metálica afiada nun ou nos dous gumes se é de tallo, ou sen gumes e con puntas agudas e duras se é de punzar, ou con ambas características. A empuñadura facíase de moitos e diversos materiais, sobre todo se eran espadas para "cinguir" ou de "parada" aristocráticas, pero adoitábase empregar a madeira ou corno recubertos -ou non- de coiro ou cordelería.

Sendo a súa aparición moi temprana (IV milenio a. C.), a súa folla fíxose inicialmente de cobre (moi débil), posteriormente de bronce, ferro e finalmente aceiro temperado. A factura e o manexo da espada permanecen constantes ao longo dos séculos, pero as técnicas varían entre culturas e períodos como resultado das diferenzas no deseño e propósito da folla. Os nomes dados a moitas espadas na mitoloxía, literatura e historia reflicten o alto prestixio do arma (ver listado de espadas).

Fentáns, San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade

Fentáns é un lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 67 habitantes (33 homes e 34 mulleres), o que supón un descenso de 6 persoas respecto ó ano 2006.

Galería de imaxes de San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade

San Xurxo de Sacos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade.

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia

Galería de imaxes de petróglifos de Galicia.

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras.

Lista de monumentos da provincia de Pontevedra

Esta é unha lista dos monumentos da provincia de Pontevedra que están declarados como BIC polo Ministerio de Cultura ou pola Xunta de Galicia.

San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade

San Xurxo de Sacos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 519 habitantes (262 homes e 257 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación co ano 2006, cando tiña 610 habitantes.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.