Pazo provincial de Ourense

O Pazo provincial de Ourense é un edificio histórico desa cidade, que na actualidade acolle a sede da Deputación de Ourense.

Localización

O edificio sitúase na zona sur do concello, na marxe exterior da cidade vella, sobre a rúa do Progreso. Atópase lindando co bispado, e a uns 200 metros da praza maior.

Historia

O edificio construíuse a finais do século XIX, co obxectivo de converterse nunha fábrica de afiaduras. Fora promovido pola familia Pérez Bobo. En 1895 a Deputación de Ourense mercou o local e o arquitecto Daniel Vázquez Gulías imprimiulle unha fonda reforma, onde lle engadiu o corpo central e pola que adquiriu a fasquía que se pode ver na actualidade.

Dende ese ano ata 1936 o edificio foi a sede da Deputación (segundo andar), da Audiencia provincial, do Goberno civil (primeiro andar), da biblioteca pública provincial e do centro de recrutamento. Durante a ditadura o edificio quedou destinado unicamente a goberno civil e deputación, e a rúa mudou de nome e pasou a chamarse General Franco. Nos anos sesenta o goberno civil pasou á súa localización recente do parque de San Lázaro, e o edificio quedou destinado unicamente ao servizo da Deputación. Ben entrada a democracia, a rúa recuperou o seu nome orixinal de Progreso.

Ourense

Ourense é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Ourense e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Segundo o IGE, en 2016 a poboación foi de 105.893 habitantes (107.597 en 2012).

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como A cidade das Burgas debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén se lle coñece como Auria.

Destacan como monumentos a catedral de Ourense (século XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Maior, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, e o conxunto da súa zona vella, en proceso de recuperación.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas hai augas termais no balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.

Lugares de interese de Ourense
Lugares senlleiros
Museos
Artes escénicas e da imaxe
Outros lugares

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.