Pazo de Raxoi

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés [2], sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único.

Pazo de Raxoi
Santiago Concello 604
Fachada principal do Pazo
Edificio
TipoPalacio
EstiloNeoclásico de influencia francesa
EnderezoPraza do Obradoiro
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′50″N 8°32′46″O / 42.88056, -8.54611Coordenadas: 42°52′50″N 8°32′46″O / 42.88056, -8.54611
Uso(s)Casa do Concello de Santiago de Compostela, sede da Presidencia da Xunta de Galiza, sede do Consello da Cultura Galega[1]
Construción
Construción1766[1]
Remate1772
Dimensións
Plantasplanta terrea, dous andares e faios
Equipo
Arquitecto(s)Carlos Lemaur[1]
Enxeñeiro estruturalJuan López Freire e Alberte Ricoy
Enxeñeiro civilManuel de los Mártires
PromotorBartolomé de Raxoi

Situación

Está localizado na parte occidental da praza do Obradoiro, que pecha por esa banda, fronte á fachada principal da catedral de Santiago.[2] Á súa dereita sitúase o Colexio de San Xerome, que hoxe serve de sede do Reitorado da Universidade de Santiago; á esquerda do pazo érguese o Hospital Real dos Reis Católicos que dende 1954 é Parador Nacional.[3]

Ayuntamiento de Santiago de Compostela
Vista frontal.

Historia

O soar sobre o cal se ergue o Pazo de Raxoi, estaba ocupado anteriormente polos cárceres civil e o eclesiástico da cidade e máis un treito da muralla, que defendía a urbe pola parte de poñente. A dobre propiedade sobre o predio orixinou discordancias entre o Bispado e o Concello. Este presentou un proxecto en 1764, da autoría de Lucas Ferro Caaveiro, coa idea de radicar a Casa do Concello entre ambos cárceres. Pola súa banda, o arcebispo, Bartolomé de Raxoi, tiña en mente colocar aí o Seminario denominado de Confesores e mais a residencia para os nenos do coro catedralicio, para o que presentaba un proxecto diferente, encargado a Andrés García de Quiñones.[2][4] Porén, ademais da controversia entre os copropietarios, xurdiu unha terceira parte interesada, o Hospital Real, alegando que se atentaba contra a súa propiedade.[2] O litixio conseguinte levou á intervención da Capitanía Xeneral de Galiza e mais da Real Cámara, resolvéndose o 13 de maio de 1767 que o futuro edificio albergase o Consistorio compostelán, o Seminario de Confesores e máis os cárceres, consonte ao proxecto do enxeñeiro Carlos Lemaur, segundo se propuxera pola devandita Capitanía Xeneral.[1][4]

De acordo coa anterior resolución, o edificio foi construído segundo as trazas de Lemaur, sendo dirixidas as obras por frei Manuel de los Mártires, e como executores reais polos mestres Juan López Freire e Alberte Ricoy, e, segundo a inscrición que figura no friso do mesmo pazo, as obras tiveron lugar entre 1766 e 1772.[1]

O pazo contribuíu a realzar a praza do Obradoiro, que carecía dun edificio digno nese lado, máxime cando había poucos anos que se rematara a nova fachada occidental da sé compostelá.

Descrición

O edificio correspóndese a un tipo palaciano francés desenvolvido por François Mansart, en último extremo asentado sobre modelos italianos: longa loggia porticada, con perpiaños almofadados, sobre o que se alzan os corpos correspondentes, e abrazados por unha orde colosal. A este patrón axustouse a fábrica compostelá. Sobre un plano rectangular, predomina a horizontalidade, cos case 90 m de lonxitude da fachada, apenas rota polos acroterios e frontóns do coroamento, que contrasta coa verticalidade da fachada catedralicia.[4] No corpo inferior destaca o asoportalamento con vinte arquerías de medio punto nos lados e cinco alinteladas no centro. Sobre desta loggia desenvólvense dous corpos superiores, ambos abranguidos por columnas contiguas de orde xigante xónica, que arrancan, sobre pedestal apoiado no remate do pórtico. Entre esas columnas ábrense cincuenta ocos, de tipo porta en ambos casos, pois por elas accédese ao balcón corrido que percorre toda a fachada no primeiro andar, e a unha varanda no segundo. Estes vans aseguran a luminosidade das estancias internas.

Santiago matamouros. Casa do concello de Santiago de Compostela
Santiago Matamouros, de Xosé Ferreiro, na cima do frontón central.

Coroa a construción un ático adornado cunha gran balaustrada. Nos laterais colocou o arquitecto senllos frontóns curvos, e no medio un frontón triangular, sostido por columnata pareada. Deste xeito reálzase esa parte central, que ademais avanza lixeiramente cara á praza, e cara á que se reclama a atención, pois nela se sitúa a entrada principal. Mentres nos frontóns laterais se colocaron senllos escudos de Raxoi, no central sitúase un tímpano que desenvolve, en relevo, a batalla de Clavijo, na que segundo a lenda interveu o mesmo Santiago Apóstolo, epónimo da cidade, en auxilio dos cristiáns. Foi deseñado polo pintor galego Gregorio Ferro, e executado, en mármore, polos escultores Xosé Gambino e Xosé Ferreiro, ambos tamén galegos.[1][2] Este último foi ademais o autor do Santiago ecuestre que remata a cimeira do frontón.

Hostal de los Reyes Catolicos
Vista lateral.

A parte posterior da edificación é diferente, pois un abrupto corte de terreo e a proximidade da igrexa de San Frutuoso, impuña solucións diferentes. O corpo inferior, até a altura da praza do Obradoiro, destinouse a albergar os cárceres. Colocouse un amplo patio central, e proxectáronse dous corpos laterais prismáticos, seguindo as pautas da fachada, mais con total ausencia de elementos que rompesen a estereotomía da obra, a non ser os ocos e balaustrada superior.

A sinxeleza dos elementos arquitectónicos e a pureza de liñas, fan deste edificio un dos máis importantes de España en estilo neoclásico.[Cómpre referencia]

Influencias

O francés J. Sermet, foi o primeiro en sinalar, en 1950, que o pazo de Raxoi, podía estar inspirado no Capitole de Tolosa (1750-1760), obra de Cammás, e, máis tarde, o historiador da arte, o ferrolán Alfredo Vigo Trasancos, sinalou outras edificacións similares levantadas en Francia por esa mesma época, como a Mairie (Casa municipal) de Nancy, da autoría de M. Heré.[4]

O Capitolio de Tolosa, en Francia, posibelmente influíu no estilo do pazo.
O Capitolio de Tolosa, en Francia, posibelmente influíu no estilo do pazo. 
Hôtel de Ville de Nancy, outra das obras que influíron na arquitectura do pazo compostelán.
Hôtel de Ville de Nancy, outra das obras que influíron na arquitectura do pazo compostelán. 

Usos

Desde a súa fundación foi casa consistorial e albergue dos confesores (linguaxeiros) que administraban penitencia aos peregrinos, e cárcere municipal (nos baixos da parte posterior). Até ben entrado o século XX seguiu a servir como residencia de cóengos. Desde a transición democrática alberga a Presidencia da Xunta de Galiza. Dende 1991 é sede tamén do Consello da Cultura Galega.

O pazo de Raxoi na cultura popular

O escritor Manuel Rivas n' O lapis do carpinteiro evoca a estadía dos represaliados, durante a sublevación militar de 1936, no cárcere do Pazo de Raxoi.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Pazo de Raxoi
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 O Pazo de Raxoi
  3. Un hotel con 500 años de historia (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Rajoy, constructor (en castelán)

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Apóstolo

Segundo o Novo Testamento, os doce apóstolos elixidos directamente por Xesucristo foron:

Simón, alcuñado Pedro

André, irmán de Pedro

Santiago o de Zebedeo ou Santiago o Maior

Xoán, o menor dos Doce, tamén fillo de Zebedeo. Este foi evanxelista.

Filipe

Bertomeu

Tomé

Mateo, o publicano (recadador de impostos para os invasores romanos), tamén evanxelista

Santiago o Menor ou Santiago de Alfeo

Xudas Tadeo

Simón, o Celador ou celote

Xudas Iscariote, o que traizoou a Xesús Cristo.Despois da resurrección e ascensión de Xesús, e tralo suicidio de Xudas Iscariote, os once apóstolos restantes reuníronse e elixiron a Matías para completar novamente o número de doce. Ningún outro seguidor de Xesús, nin sequera da importancia de Paulo ("Apóstolo dos Xentís", ás veces considerado o verdadeiro fundador do cristianismo), se engadiría a este grupo.

Bartolomé de Raxoi

Bartolomé de Raxoi e Losada, nado en Pontedeume o 24 de agosto de 1690 e finado en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1772, foi arcebispo de Santiago entre 1751 e 1772.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Carlos Lemaur

Carlos Lemaur y Burriel, nado en Montmirail o 1 de xaneiro de 1724 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1785 foi un enxeñeiro militar e arquitecto francés recrutado polo rei Fernando VI de España para incorporarse ás obras emprendidas polos Borbóns en España, a partir de 1750. Participou de maneira relevante en proxectos de canles navegables como as de Castela e Guadarrama, así como en camiños reais, sobre todo baixo Carlos III. Proxectou e construíu o pazo de Raxoi en Santiago de Compostela e a portada principal da catedral de Lugo. Colaborou tamén no deseño urbano de novas poboacións na Serra Morena, moi probablemente en La Carolina. Escribiu libros sobre matemáticas e astronomía e traduciu do francés ao castelán libros técnicos e científicos.

Casa da Conga

A casa da Conga é un edificio de principios do século XVIII sito na praza da Quintana de Santiago de Compostela.

Trátase dun edificio barroco construído para vivenda dos cóengos da catedral. As trazas iniciais débense a Domingo de Andrade, pero quen rematou a construción en 1730 foi Casas e Novoa. Está situada pechando a parte sur da praza da Quintana. Estrutúrase como un bloque de catro casas cun vistoso pórtico corrido que une as catro edificacións. É de estilo moi clasicista en contraste coa Casa da Parra situada na parte superior da praza. Na actualidade a casa da dereita é sede do Colexio de Arquitectos de Galicia e sala de exposicións. O resto está ocupado por comercios, restaurantes, bares e cafeterías.

Casa do concello

A casa do concello é unha construción da arquitectura civil destinada a sede da administración local. Este edificio alberga a alcaldía, as dependencias e servizos municipais, e nel celébranse periodicamente os plenos do concello.

Centro Comercial Compostela

O Centro Comercial Compostela é un edificio de tendas de El Corte Inglés, sito en Santiago de Compostela, na saída da cidade cara a Ourense. Inaugurado en 1998, foi o segundo centro comercial que se construíu na capital de Galicia.

Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo oficial independente con personalidade xurídica propia destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia na sociedade e asesorar os poderes públicos de Galicia. É un organismo estatutario, previsto no artigo 32 do Estatuto, foi creado o 8 de xullo de 1983. Ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A súa presidenta é Rosario Álvarez, ademais o Consello componse de representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Xestiona os seguintes arquivos: Arquivo sonoro de Galicia, Centro de documentación sociolingüística de Galicia, Arquivo da emigración galega e Arquivo de comunicación.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Galería de imaxes da Praza do Obradoiro

A praza do Obradoiro, localízase no centro histórico de Santiago de Compostela e está circundada por catro edificios emblemáticos: A catedral, o Hostal dos Reis Católicos, o pazo de Raxoi e o pazo de Fonseca

Neoclasicismo

O neoclasicismo ou estilo neoclásico foi un movemento cultural, artístico e literario orixinado en Italia que se desenvolveu na Europa e nas súas colonias desde mediados do século XVIII como reacción ao estilo barroco e durou até ás primeiras décadas do século XIX, en que foi substituído polo Romanticismo. Asóciase coa recuperación da cultura clásica da Europa e as súas manifestacións máis notorias danse na arquitectura.

Paseo da Ferradura

O Paseo da Ferradura, tamén coñecido como o Paseo dos Leóns, é unha das tres partes que comprende o Parque da Alameda de Santiago de Compostela, canda o Paseo da Alameda e a Carballeira de Santa Susana.

Praza do Obradoiro

A praza do Obradoiro é a praza máis senlleira de Santiago de Compostela. Está arrodeada polo Hospital Real, hoxe parador (hostal dos Reis Católicos) ao norte, o colexio de San Xerome ao sur (hoxe reitoría da Universidade), o Pazo de Xelmírez e a catedral de Santiago de Compostela (coa fachada do Obradoiro e o museo da catedral) ao leste, e o pazo de Raxoi ao oeste (sede do Concello de Santiago de Compostela). Quedan así representados na praza os principais polos da vida da capital galega: a relixión, a educación universitaria, a atención ao peregrino e ao viaxeiro, e a administración.

A praza áchase no centro monumental da vila. O seu nome semella derivar dos obradoiros dos canteiros que traballaron na construción da fachada barroca da catedral, que domina a praza. Pode que incluso que o nome veña da construción da antiga fachada románica. Cómpre salientar a riqueza de estilos arquitectónicos nunha soa praza, xurdidos de máis de 700 anos de construción.

Raxoi

Co termo Raxoi podémonos referir a:

O pazo de Raxoi.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2017 tiña 96.456 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

Xosé Ferreiro

Xosé Antonio Mauro Ferreiro Suárez, nado en Noia en 1738 e falecido en Hermisende (Zamora) en 1830, foi un escultor galego. Está considerado unha figura prestixiosa da arte escultórico do neoclasicismo galego do século XIX. Foi autor de innumerables imaxes relixiosas, moitas delas presentes en igrexas compostelás.

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Área Central

Área Central é un complexo cívico comercial de Santiago de Compostela, sito no barrio de Fontiñas. Inaugurado o 20 de outubro de 1993, foi o primeiro centro comercial da capital de Galicia.

Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.