Pazo

Un pazo (paço en portugués) é un tipo de casa señorial tradicional galega, grande para o seu tempo, posuidora de signos heráldicos (escudo ou brasón) e de proporcións e riscos suntuarios que a diferenza das demais do hábitat rural da zona. Eran a residencia de persoas importantes na súa comunidade (baixa nobreza galegae s fidalgos, e antes, de reis ou nobres). Estes posuían os foros (cesión das terras aos campesiños nos séculos XVII e XVIII a cambio de recibir rendas) e polo tanto tiñan un gran poder económico. Foron de importancia crucial nos séculos XVII a XIX, relacionados coa arquitectura rural e monástica e o sistema de organización feudal, xa que constituían unha especie de unidades de xestión local ao redor dos cales transcorría a vida dos aldeáns. Co tempo foi converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, que retrataron nas súas novelas escritores coma Otero Pedrayo, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán.

Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros, que mesmo chegaban a vivir no mesmo recinto (sobre todo os primeiros). Como palabra, pazo (en portugués: paço) é un cognado de palacio, pois procede do latín palatiu(m). Os pazos de Galiza son un excelente exemplo de arquitectura civil tradicional, aínda que moitos tamén teñen unha capela propia para celebracións relixiosas.

Sitúanse sempre no rural, en zonas de microclima benigno e solos fértiles. Erguíanse nas abas dunha ladeira ou nun outeiro, sempre en locais estratéxicos dende onde o señor puidese ollar as súas posesións.

A orixe dos pazos son castelos da Idade Media, polo que soen ir asociados a unha antiga torre, que os seus donos ampliaron para facer unha estancia máis confortábel na época moderna. Non se coñecen os nomes dos arquitectos, polo que debían ser simples canteiros ou arquitectos que copiaban outros modelos de arquitectura culta, como igrexas; é por iso que a súa arquitectura está a medio camiño entre a culta (influencias renacentistas, barrocas e neoclásicas) e a vernácula[1].

Os pazos salientan hoxe en día, ademais dende o punto de vista arquitectónico, pola súa xardinaxe, con bos exemplos de formacións de buxos e plantas e árbores senlleiras exóticas coma palmeiras, camelias etc.

Pazos fóra de Galicia

Artigo principal: Casa señorial.
IMote
Ightham Mote, un pazo inglés (manor house) con foso do século XV en Kent, sur de Inglaterra.

Existen edificios semellantes aos pazos de Galicia e do norte de Portugal en varios puntos da xeografía europea onde existiu un sistema feudal medieval, e especialmente en toda a Europa atlántica, dende o norte de Portugal até os países nórdicos e Rusia. Todos eles consisten en grandes casas de familias nobres sinaladas, as máis das veces cunha orixe medieval, reconvertidas en vivendas na época moderna, e que se sitúan, normalmente illadas, no medio rural.

Os exemplos máis semellantes áchanse en Francia (châteaux), Holanda, Alemaña (Gutshaus), Polonia (dwór) e Illas Británicas (Manor houses).

Galería de imaxes

Pazo Bermúdez de Castro

Pazo Bermúdez de Castro, Cerdedo-Cotobade.

Casa grande de lentille

Casa grande de Lentille, Cenlle.

Pazo de Mos-01-1

Pazo de Mos, Mos.

San Miguel das Penas Pazo e Torre

Torre e pazo de San Miguel das Penas, Monterroso.

Notas

  1. Cañada, Silverio. Gran Enciclopedia Galega. Pontevedra: El Progreso-Diario de Pontevedra. pp. Tomo 35.

Véxase tamén

Outros artigos

Abegondo

Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.

En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.

A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara o sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.

En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.

O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»

Boborás

Boborás é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Carballiño. Segundo o Padrón municipal de habitantes no 2015 a súa poboación era de 2510 persoas (3286 en 2003). Recibe o seu nome da aldea de Boborás, na parroquia de Xuvencos, onde está a casa consistorial.O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é boborao ou boborés.

Cambados

Cambados é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2015 tiña 13.895 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambadés.

Limita cos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meaño e co océano Atlántico.

Carral

Carral é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca homónima. Segundo o IGE a súa poboación en 2014 era de 6.118 habitantes (5.770 no 2009, 5.647 no 2007, 5.579 no 2006, 5.527 no 2005, 5.453 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é carralés.

Castriño de Conxo

O Castriño de Conxo é un sitio arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos. Atópase na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Volta do Castro.

Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo oficial independente con personalidade xurídica propia destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia na sociedade e asesorar os poderes públicos de Galicia. É un organismo estatutario, previsto no artigo 32 do Estatuto, foi creado o 8 de xullo de 1983. Ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A súa presidenta é Rosario Álvarez, ademais o Consello componse de representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Xestiona os seguintes arquivos: Arquivo sonoro de Galicia, Centro de documentación sociolingüística de Galicia, Arquivo da emigración galega e Arquivo de comunicación.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Folgoso, Abegondo

Santa Dorotea de Folgoso é unha parroquia do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Ten unha superficie de 3,54 km². Segundo o IGE en 2016 tiña 103 habitantes (57 mulleres e 46 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 133 habitantes.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Nigrán

Nigrán é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE no ano 2014 tiña 17.715 habitantes (8.684 homes e 9.031 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é nigranés.

Nápoles

Nápoles (Napoli en italiano e Napule en napolitano) é a cidade máis poboada do sur de Italia, capital da rexión de Campania e da provincia de Nápoles, situada a medio camiño entre o monte Vesuvio e outra área volcánica, os Campos Flégreos. A cidade de Nápoles administrativa ten pouco menos dun millón de habitantes, que, unidos aos da súa área metropolitana, chegan a 3,7 millóns. Os seus habitantes reciben o xentilicio de napolitanos. É o principal porto marítimo do sur Italia e esténdese por unha área de 243 km², cunha poboación de 984.242 (2005) habitantes (a meirande do sur e a terceira maior de Italia) e ten unha densidade de poboación de 8.457 hab/km².

Oza-Cesuras

Oza-Cesuras é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos creado o 6 de xuño de 2013 a partir da fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras. Segundo o IGE o 1 de xaneiro de 2018 tiña 5155 habitantes.

Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurouse con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981 formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados, así e todo desde a primeira lexislatura fixouse o seu número en 75, que se elixen por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto por un prazo de catro anos. Destes 75, son elixidos 25 pola provincia da Coruña, 22 pola de Pontevedra, 14 pola de Lugo e 14 pola de Ourense (Decreto 92/2016).

Pazo de Raxoi

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés , sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único.

Pazo de familia

Pazo de familia é unha serie de televisión emitida pola TVG dende 2014.

Pazo dos Deportes de Riazor

O Pazo dos Deportes de Riazor é un pavillón polideportivo situado na cidade da Coruña (Galiza), situado á beira do paseo marítimo da capital coruñesa, na Rúa de Manuel Murguía, xusto ao carón do Estadio Municipal de Riazor. O edificio, obra de Santiago Rey Pedreira, foi inaugurado o 1 de agosto de 1970 e ten capacidade para 5.000 espectadores. Está catalogado como elemento patrimonial.

Salvaterra de Miño

Salvaterra de Miño é un concello da provincia de Pontevedra, pertence á comarca do Condado. Segundo o IGE en 2014 tiña 9.626 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «salvaterrense».

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Zas

Zas é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira. Segundo o IGE en 2018 tiña 4.581 habitantes (4.902 no 2014, 5.295 no 2010, 5.674 no 2006, 5.780 no 2005, 5.867 no 2004, 5.978 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é zaseiro ou salense.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.