Paulo Orosio

Paulus Orosius, chamado tamén Paulo Orosio ou simplemente Orosio, nado aproximadamente en 383 e falecido quizais en 420, foi un historiador e teólogo da Gallaecia, posiblemente natural de Bracara Augusta (o que hoxe se coñece como Braga, Portugal).

Paulo Orosio
Paulo Orosio - Detalle
Paulo Orosio, representado nunha miniatura pertencente ao códice de Saint-Epure.
Nacementoc. 375
 Braga
Falecementoc. 420
NacionalidadeRoma Antiga
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónhistoriador, escritor e teólogo

Traxectoria

Foi unha figura de gran prestixio cultural, que tivo contacto coas grandes personalidades da súa época, como Agostiño de Hipona ou Xerome de Estridón e autor da Historiae adversus paganos, unha narración histórica desde a creación do mundo ata a súa contemporaneidade.

Interrogantes sobre a súa figura

Nome

Respecto ao apelativo de Paulo Orosio, a dúbida non está en "Orosio" senón no nome anteposto de "Paulo". Non se sabe se se chamou así ou se o "P" de presbítero, que sempre acompañaba o seu nome, co paso do tempo se confundiu con Paulo[1]. Con todo, xa en autores inmediatamente posteriores a Orosio aparece o nome Paulo. De feito, ata o propio Casimiro Torres, un dos principais estudosos sobre a figura de Orosio, sinala que Paulo puido ser a acepción cristiá e Orosio a indíxena[2].

Lugar de orixe

Vista braga
Panorámica de Braga na actualidade

En canto á súa orixe, existen catro teorías:

  • Nacemento en Bracara Augusta: é a idea máis aceptada por ser a que máis puntos de apoio ten. Se non fose Braga, polo menos habería que pensar nunha zona da contorna da Gallaecia. Para esta afirmación pódese recorrer á propia obra de Orosio, ou a dúas epístolas de Agostiño de Hipona, a 166 e a 169.
  • Nacemento en Tarraco: na súa Historiae Orosio fala de "Tarraconem nostra" (a nosa Tarragona). O autor decimonónico Theodor von Mörner[3] sostivo esta idea, pero hoxe en día non parece factible sostela por un único indicio.Martínez Cavero, Pedro, ?O pensamento??, p. 24.
  • Nacemento en Brigantium (A Coruña): esta teoría baséase unicamente en que Orosio cita dúas veces a localidade no apartado xeográfico das Historiae.
  • Nacemento en Bretaña: é unha teoría similar á anterior, e apóiase tamén no coñecemento máis ou menos profundo desta zona por Orosio[4].

Data de nacemento

A data de nacemento non consta en ningures. Se en 415 hai constancia de que Agostiño de Hipona falaba de Paulo Orosio como "un mozo presbítero", iso significa que nese momento non podía ter máis de 40 anos (mozo), nin menos de 30 (presbítero)[5]. No abano de datas que vai dende 375 e 385, o ano máis probable é 383, dado que iso suporía que cando Orosio chegou onda Agostiño de Hipona tería 32 anos, é dicir, dous desde a súa ordenación como presbítero.

Vida

Primeiros anos

A pesar da escaseza de fontes, se se dá por bo o abano de dez anos entre 375 e 385 para o nacemento de Orosio, habería que enmarcalo nun momento de pleno desenvolvemento do priscilianismo e de auxe cultural do noroeste ibérico coa aparición de Exeria ou de Hidacio[6].

Paulo Orosio podería pertencer a unha familia ben situada socialmente[7] o que lle permitiría acceder a unha boa formación. A historiografía contemporánea sinala que desde a mocidade Orosio tiña sona de falador e erudito, baseándose en afirmacións de Agostiño de Hipona e do papa Xelasio I. En calquera caso, todo o referente á mocidade do autor non son máis que hipóteses e conxecturas, pois xunto á súa desaparición é a época peor coñecida da súa biografía.

Viaxe a África

En principio, parece seguro que Paulo Orosio viviu na Gallaecia ata 409, pero entre ese ano e 415, non hai datos completamente fiables. A cronoloxía tradicional é a que se segue nos seguintes parágrafos[8]:

Ao parecer, Orosio tivo que saír de Braga por mor das invasións xermanas. A data en que isto se produciu non está clara, pero o que non se pon en dúbida é que saíu de alí abruptamente. O propio Orosio afirma que foi perseguido ata a mesma praia na que embarcou[9]. De entre todas as datas expostas para a saída de Braga, que van desde 409 ata 414, o máis operativo é quedar coas dúas máis aceptadas:

  • 410: sostida por G. Fainck. Así, Orosio tería unha marxe de 5 anos para colaborar con San Agustín antes da súa viaxe a Palestina.
  • 414: a máis aceptada. A propia obra de Orosio, Commonitorium, que data de 414, fala da súa chegada a Cartago e do seu encontro con Agostiño de Hipona.

O certo é que unha vez Orosio saíu da Península Ibérica tiña claro que o seu destino era Hipona, para atoparse co maior intelectual da época: Agostiño de Hipona. Desde a súa chegada, Orosio pasou a formar parte do equipo que traballaba xunto a Agustín de Hipona, polo que é posible que o autor colaborase na elaboración da Cidade de Deus ou que polo menos coñecese a obra[10]. En 415, Agostiño encargoulle a Orosio unha tarefa que só podía realizar alguén da súa confianza: viaxar a Palestina para atoparse con Xerome de Estridón[11], un teólogo co que as relacións non eran boas, e que vivía coma monxe en Belén.

Viaxes a Palestina

A viaxe a Palestina respondía a un dobre motivo: o interese de Orosio, que quería tratar con Xerome diferentes temas teolóxicos (en especial o relacionado coa orixe da alma) e o interese de Agostiño, que lle encargara estreitar lazos con el e solicitarlle información sobre a herexía pelaxianista[12].

De feito, en 415, ao que se instalou en Belén xunto a Xerome, Paulo Orosio entrevistouse co propio Pelaxio, e participou no sínodo que se celebrou en xuño do 415 polo apoio do bispo de Xerusalén Xoán II a Pelaxio. Nel, Orosio leu a condena que se realizara no sínodo de Cartago no 411 e leu os escritos de Agostiño contra o pelaxianismo sen conseguir que se condenara a Pelaxio. Por mor deste enfrontamento escribiu o seu Liber Apologeticus[13].. Orosio envioulle cartas e legados ao papa Inocencio I e agardou ao sínodo de Dióspole, que se celebrou a fins de ano e no que Pelaxio saíu absolto.

Últimos anos

O 26 de decembro de 415 acháronse as reliquias de santo Estevo e a Orosio encargáronlle levar unhas poucas a Bracara Augusta[14]. Con todo, antes tiña que pasar por Hipona, pois levaba escritos de Xerome para Agostiño, e tamén hai constancia de que pasou por Xerusalén e por Alexandría, aínda que isto último non se sabe se o fixo á ida, á volta ou en ambas as ocasións[15].

Durante a súa segunda estancia en Hipona, xestouse a grande obra de Paulo Orosio, a Historiae adversus paganos. Con todo, xorden problemas á hora de datar tanto a elaboración como a finalización do libro, para o que hai opinións de diversos tipos:

  • A hipótese tradicional di que o libro se redactou entre 416 e 417[16]. A data apóiase en que no Liber Apologeticus aínda non di nada do seu labor como historiador, e que no prólogo fala do Libro XI da Cidade de Deus de Agostiño de Hipona, que non se publicou ata 416, pero deixa en escuro como foi capaz de escribir os diversos volumes da obra en tan pouco tempo.
  • Unha hipótese máis moderna, sostida por Casimiro Torres, di que Orosio parou por segunda vez en Hipona un tempo moi breve, que intentou volver a Hispania, cousa que non conseguiu, e que escribiu o libro nunha terceira estadía en Hipona, o que explicaría que nas súas Historiae se fale de sucesos ocorridos en Hispania en 417.
  • Unha terceira teoría xa clásica, sostida por T. von Mörner e G. Fainck, fala de que Osorio realizara xa un traballo previo antes de viaxar a Palestina, e que o retomou e rematou ao seu regreso.

Desaparición

Tras a publicación das Historiae, non hai apenas información sobre Paulo Orosio. Sábese que estivo en Menorca, pero descoñécese a data de falecemento. Esta ausencia de referencias a Orosio puido deberse a un distanciamento con Agostiño, quen non fai ningunha referencia clara ás Historiae de Orosio despois de seren publicadas. Xenadio de Marsella di que o autor chegou, polo menos, ata a fin do mandato do emperador Flavio Honorio, que se prolongou ata 423, pero non hai ningunha noticia de Orosio desde 417[17]. Existen máis posibilidades, desde unha posible morte repentina ata unha sorte de lenda que fala de que Orosio finalmente chegou a Hispania, fundou un mosteiro preto do cabo de Palos e terminou alí as súas ideas, algo que neste momento parece pouco probable.

Obra

Commonitorium e Liber Apologeticus

Sandro Botticelli 050
O Commonitorium e as Historiae responderon, polo menos en orixe, á influencia directa que Agostiño de Hipona exerceu sobre Orosio.

Aínda que o escrito máis importante de Paulo Orosio foi a Historiae Adversus Pagáns, tamén hai que ter en conta as outras dúas obras que se conservan do autor, coñecidas xeralmente como Commonitorium e Liber Apologeticus[18].

O nome completo do primeiro libro é Consultatio sive commonitorium ad Augustinum de errore Priscillianistarum et Origenistarum (en galego: Consulta ou advertencias a Agostiño verbo do erro dos Priscilianistas e dos Orixenistas)[19]. En principio é unha obra destinada a Agostiño e xa que logo a súa data de redacción tería como límite a da súa chegada a África, entre 409 e 414[20]. O segundo límite cronolóxico atópase en 415, data aceptada de publicación da obra Liber ad Orosium contra Priscillianistas et Origenistas, onde Agostiño responde ao Commonitorium de Orosio[21].

A obra non só estaba dirixida a Agostiño de Hipona, senón que estivo precedido de conversas co santo. Nel relátase a súa viaxe a África, explícase e critícase tanto o priscilianismo coma o orixenismo e pídeselle consello a Agostiño sobre diversos temas teolóxicos[22].

Respecto ao segundo libro, o seu nome completo é Liber apologeticus contra Pelagium de arbitrii libertate. Esta obra hai que enmarcala na participación de Paulo Orosio no concilio rexional de Xerusalén de 415 onde se produciu un gran debate teolóxico, e onde o bispo Xoán II acusou a Orosio de herexe por soster que o home non podía permanecer libre de pecado nin con auxilio divino. Para defenderse de tales acusacións, Orosio redactou a súa Liber Apologeticus, onde expón os motivos polos que participou no sínodo (fora convidado por Xerome de Estridón) e rexeita a acusación de herexía[23].

Historiae adversus paganos

Historiae adversus paganos
Historiae adversus paganos, 1561
Paulo Orosio - Lámina siglo VI
Lámina dun códice das Historiae de Orosio, que se conserva en Florencia.

A grande obra de Paulo Orosio é Historiae adversus paganos, a única histórica. A data de elaboración do libro presenta problemas, pois non existe unha teoría unanimemente aceptada. De todos os xeitos, a liña máis tradicional sitúa a redacción das Historiae entre 416 e 417.

Unha definición clara e concisa sobre o libro histórico de Orosio é a dunha "obra histórica universalista de carácter apoloxético e providencialista, cuxo fin primordial é comparar un pasado pagán cun presente cristián a través dos seus homes, as súas accións e o seu medio xeográfico e temporal"[24].

A orixe da obra responde a unha petición expresa de Agostiño de Hipona, que lle pide unha obra como complemento á súa De Civita Dei, onde se trace a historia facendo fincapé nos pobos pagáns[25]. Orosio recolleu a petición de Agostiño e trazou a obra co obxectivo de expor que a decadencia de Roma (en 410 producírase o saqueo de Roma por Alarico I) non tiña que ver en absoluto co cristianismo[26].

Na súa concepción da historia, Orosio seguiu a filosofía agostiña. Redactou unha crónica das calamidades, pretendendo probar que as desgrazas que ocorrían no seu tempo non se debían ao cristianismo, como afirmaba Simaco, senón que antes del houbera catástrofes peores, e foi a primeira tentativa de escribir unha historia do mundo guiada por Deus. Aínda que non é valorada como fonte de carácter histórico, tivo un enorme éxito durante a Idade Media como manual de historia[11], con máis de 240 manuscritos coñecidos e traducións ao saxón e ao árabe. En relación aos suevos a postura de Orosio foi ben diferente da de Hidacio, xa que para Orosio a chegada dos suevos a Gallaecia fora a época de máis felicidade desde a creación do mundo.

Interpretación

Universalismo e localismo

O carácter universalista da obra de Orosio quizais sexa o matiz máis destacable, e nel coinciden todo tipo de autores, desde clásicos como Menéndez y Pelayo ata o moderno Torres Rodríguez[27]. A súa obra sinálase como a primeira obra de historia universal de índole cristiá (ou a última do universalismo clásico, se se prefire)[28].

Paulo Orosio utiliza a denominada teoría da sucesión dos catro imperios universais[29], tomando a premisa de que a partir das ruínas dunha gran civilización xorde outra. Así, colle catro imperios históricos, Babilonia, a Roma pagá, Macedonia e Cartago, e un quinto, a Roma cristiá, como herdanza de todos eles. De feito, durante a narración os catro imperios teñen un mesmo devir e uns paralelismos moi marcados en oposición á Roma que desexa enxalzar.

Outra característica importante da obra histórica orosiana é o localismo. Torres Rodríguez fala de "patriotismo" no sentido de que Orosio fai especial fincapé nos feitos que ocorren en Hispania. Pon exemplos respecto diso con narracións de acontecementos nas Historiae, como os ocorridos en Bracara ou no feito de que fose o propio Orosio o encargado de trasladar as reliquias de santo Estevo[30]. García Fernández,pola contra, sinala como esaxerada a cualificación de "patriótica" e rexeita practicamente todas as afirmacións que fai Torres Rodríguez. Seguindo esa liña, máis ca hispanismo sinala unha "actitude benévola" fronte ao indíxena hispano[31].

Optimismo ou pesimismo

Un punto de interese máis é o pesimismo co que Orosio trata determinados temas e o esaxerado optimismo co que se refire a outros. En liñas xerais é pesimista respecto de todo o pagán/pasado e optimista respecto de todo o cristián/presente. Esta característica impregna todas as demais, en especial en canto a que ao longo da súa narración fai especial fincapé no sufrimento dos vencidos. Así, o pasado preséntase como unha cadea de infortunios con exemplos concretos, desde o dioivo universal ata os naufraxios de barcos no mar Mediterráneo, e o futuro como algo optimista a pesar da realidade que viviu.

Para levar a narración nunha liña de sufrimento e traxedia fíxase en numerosas ocasións nos derrotados, algo que choca coa historiografía romana, que adoita dar preeminencia aos vitoriosos. Porén, para tratar de conmover o lector e levalo ao seu rego Orosio ás veces utiliza mitos e lendas coma se fosen feitos histórico[32]. Esta dualidade pesimismo/optimismo leva a Orosio a ofrecer unha narración que en moitos compases carece de sentido crítico.

Narrativa

O autor ten un obxectivo claro: defender os cristiáns das acusacións dos romanos pagáns, que os acusan de que a chegada dos xermanos é un castigo por deixar de lado ao panteón de deuses clásico. Con ese obxectivo, os recursos narrativos que utiliza Orosio van máis aló do pesimismo/optimismo, e canaliza o seu argumento a través da idea fundamental de que o pasado é peor có presente, simplemente por estar afastado da verdadeira relixión.

Este obxectivo lévao a executar cada un dos seus relatos cun fin concreto, e hai sucesos que se narran de xeito especialmente breve e outros que se presentan con todo luxo de detalles. Doutra banda, o feito de que a súa obra teña unha intención moral e apoloxética fai que se centre en sucesos pouco habituais, como as miserias da guerra sobre a poboación[33].

Importancia da xeografía

Paulo Orosio concédelle unha gran importancia á xeografía no seu labor como historiador, en particular no segundo capítulo do primeiro dos sete libros que compoñen as Historiae. A pesar de que a descrición xeográfica conta con algunhas imprecisións, como o emprego excesivo do substantivo «Cáucaso» para referirse a outras cordilleiras á marxe desta, é destacable o feito mesmo de que inclúa un capítulo xeográfico, o que contribuíu á súa valorización na historiografía moderna[2].

Repercusión

Historias de Orosio - Colofón
Colofón dun incunable da Historiae adversus paganos de Paulo Orosio, un dos libros máis copiados do Medievo.

Tomando por certo o suposto distanciamento entre Paulo Orosio e Agostiño de Hipona nos treitos finais da vida do primeiro, isto non tivo que producirse por mor das Historias, e en calquera caso non afectou a súa distribución e repercusión.[34]. Desde a súa confección, e ata o Renacemento, a obra de Orosio foi tomada como unha das principais obras da historiografía hispana, e o éxito fixo en boa medida que se conservasen os outros dous escritos do autor.

Historiae Adversus Pagáns é unha obra citada por todo tipo de autores, desde Braulio de Zaragoza ata Dante Alighieri. Lope de Vega deulle un papel a Paulo Orosio na súa obra El cardenal de Belén, o que dá boa conta da lonxevidade da fama de Orosio. Tamén Castelao se refire a Paulo Osorio no libro Primeiro do Sempre en Galiza, sinalándoo como unha das pasadas glorias de Galicia.

De feito, a obra non só foi citada por todas as partes, senón que foi un dos principais libros escolásticos para o estudo da Historia Antiga durante toda a Idade Media. Foi amplamente copiada, e consérvanse nada menos que 82 manuscritos e 28 incunables. Despois seguiuse copiando, e ata se conservaron edicións da obra do século XVI en italiano e alemán. Non existe con todo tradución á lingua galega de ningunha das obras de Orosio.

Notas

  1. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 19.
  2. 2,0 2,1 TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985
  3. Theodor von Mörner foi un historiador do século XIX que escribiu De Orosii Vita Eiusque Historiarum Libris Septem Adversus Paganos (1844)
  4. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 25.
  5. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p.27
  6. LÓPEZ PEREIRA, J.E. 'Cultura y literatura latinas en el NO peninsular en la latinidad tardía', Minerva. Revista de Filología Clásica, 1:1987 , p. 129-144.
  7. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002.
  8. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 29.
  9. PAULO OROSIO, Historiae adversus paganos, III 20, 6-7.
  10. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 35.
  11. 11,0 11,1 "OROSIO, Paulo". Biblioteca Saavedra Fajardo de pensamiento político hispánico. Consultado o 08-08-2017.
  12. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 39.
  13. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 42.
  14. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 43.
  15. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 45.
  16. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 52-53
  17. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 57
  18. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 18.
  19. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario[Ligazón morta]', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 65.
  20. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario[Ligazón morta]', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 66.
  21. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario[Ligazón morta]', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 67.
  22. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario[Ligazón morta]', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 71.
  23. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985.
  24. RÁBADE NAVARRO, Miguel Ángel, 'Una interpretación de fuentes y métodos en la Historia de Paulo Orosio', in Tabona. Revista de Prehistoria, Arqueología y Filología Clásicas, 32:1985-1987, p. 377.
  25. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994, p. 375.
  26. GARCÍA FERNÁNDEZ, Francisco José. 'La imagen de Hispania y los hispanos a finales de la Antigüedad. Las Historiae Adversum Paganos de Paulo Orosio'. In Conimbriga, 44:2005, p. 297
  27. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.75
  28. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994, p. 373.
  29. RÁBADE NAVARRO, Miguel Ángel, 'Una interpretación de fuentes y métodos en la Historia de Paulo Orosio', in Tabona. Revista de Prehistoria, Arqueología y Filología Clásicas, 32:1985-1987, p. 378.
  30. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.77
  31. GARCÍA FERNÁNDEZ, Francisco José. 'La imagen de Hispania y los hispanos a finales de la Antigüedad. Las Historiae Adversum Paganos de Paulo Orosio'. In Conimbriga, 44:2005.
  32. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.66
  33. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994.
  34. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 80

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alfredo o Grande

Alfredo o Grande (Aelfred), nado en Wantage no 849 e finado en Winchester o 26 de outubro do 899 foi un rei de Wessex que loitou contra os viquingos.

Astorga

Astorga (en leonés, Estorga) é unha cidade da provincia de León, sita na comunidade autónoma de Castela e León, (España), atópase a 48 quilómetros ao suroeste da capital provincial de León, é cabeza da comarca da Maragatería. A súa poboación é de 11.897 habitantes (INE 2011).

Corresponde á antiga Asturica Augusta - topónimo do cal o actual é unha derivación -, capital dun dos conventos xurídicos da antiga Gallaecia. É tamén sé do bispado homónimo.

Batalla de Bibracte

A Batalla de Bibracte librouse o ano -58 no marco da Guerra das Galias e enfrontou ás tropas romanas comandadas por Xulio César e ós helvecios, unha confederación de tribos celtas liderada polo seu caudillo Divicón.

Casimiro Torres Rodríguez

Casimiro Torres Rodríguez, nado en Santa Cruz de los Cuérragos (Zamora), o 10 de agosto de 1900 e finado en Santiago de Compostela o 3 de maio de 1989, foi un estudoso da Historia antiga e da Alta Idade Media de Galicia.

Castro de Santa Trega

O Castro de Santa Trega é un castro galaico e un sitio arqueolóxico que se atopa no contorno do monte de Santa Trega. Pertencente á cultura castrexa e o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a. C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d. C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.

Dinamarca

Dinamarca ( pronunciación ) (en dinamarqués: Danmark), cuxo significado literal é "a terra ou marca dos dinamarqueses", oficialmente Reino de Dinamarca ( pronunciación ) (en dinamarqués: Kongeriget Danmark), é o menor en extensión entre os países nórdicos, ademais de o máis meridional, formando parte de Escandinavia. Ten os seus límites terrestres ao sur con Alemaña e dende 1999 atópase unida por estrada e ferrocarril con Suecia pola Ponte de Oresund, ao sueste do país. Rodeada polos mares Báltico e do Norte, limita ao norte con Noruega a través do estreito de Skagerrak. Conta ademais con dous territorios dependentes, Groenlandia e as Illas Feroe, os cales gozan dun elevado nivel de autonomía. O territorio dinamarqués comprende 443 illas, entre as que destacan Selandia, Fionia, Vendsyssel-Thy, Lolland e Bornholm, a máis afastada do arquipélago. Esta posición deu a Dinamarca, historicamente, o control sobre o acceso ao mar Báltico.

Dinamarca é unha monarquía constitucional dende 1849, data na que quedou abolida a monarquía absoluta que rexera o país dende 1660, e converteuse en monarquía parlamentaria en 1901. En termos de permanencia, a monarquía dinamarquesa pode considerarse a segunda máis antiga do mundo, despois da casa imperial de Xapón, ao existir durante polo menos un milenio. Dinamarca forma parte da Unión Europea (aínda que non emprega o euro). Cando o país se adheriu á CEE en 1973, fíxoo sen as Illas Feroe, mentres que Groenlandia optou por separarse da CEE en 1985. Tamén se converteu nun membro fundador da OTAN en 1949, rematando coa tradicional política de neutralidade que o país sostivera ata ese momento.

Pola súa natureza pobre en recursos xeolóxicos, Dinamarca sostivo a súa economía na actividade agrícola grazas ás súas granxas, a explotación pesqueira e a industria naval. No último século, os dinamarqueses déronlle un pulo á industrialización do seu país e favoreceron o establecemento dun estado de benestar garantindo o acceso a servizos públicos dende que en 1933 se asinase o acordo de Kanslergade. Dinamarca foi ocupada polos nazis durante a segunda guerra mundial.

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Galicia altomedieval

A época altomedieval esténdese desde a caída do Imperio Romano de Occidente até o ano 1000. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.

O Imperio Romano caeu baixo a presión dos movementos migratorios xermanos. A comezos do século V, tres destes pobos repartíronse a Península Ibérica a través de foedus e a Gallaecia pasou así en 411 a mans de suevos e vándalos asdingos (que posteriormente a abandonarían).

Gallaecia

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Hispania

Hispania foi o nome dado polos fenicios á Península Ibérica, posteriormente utilizado polos antigos romanos para toda a península (Portugal, España, Andorra e Xibraltar) e para as dúas provincias creadas posteriormente durante a República Romana: Hispania Citerior e Hispania Ulterior. Durante o Principado, a Hispania Ulterior foi dividida en dúas novas provincias: a Bética e a Lusitania, en tanto a Hispania Citerior foi rebautizada como Tarraconense. Máis tarde, a parte occidental da Tarraconense foi separada, inicialmente como Hispania Nova, e máis tarde rebautizada como Callaecia (ou Gallaecia, correspondente á actual Galiza, Norte de Portugal e Asturias e parte de León). Durante a tetrarquía de Diocleciano (284), o sur da Tarraconense foi separado para constituír a provincia Cartaxinense. O conxunto de todas as provincias hispánicas formaban unha única diocese civil, baixo a dirección do vigairo de Hispaniae, cuxas competencias se estendían tamén á Mauretania Tinxitana (ao redor de Tánxer) que, polo tanto, eran oficialmente consideradas 'hispánicas'.

A ocupación romana comezou o 218 a.C. co desembarque dos romanos en Empúries e terminou a mediados do século V, época en que toda a península asistiu á invasión dos suevos, alanos e vándalos e, máis tarde, dos visigodos. Ao longo de todo este período, tanto os pobos como a organización política do territorio sufriron profundas e irreversíbeis mudanzas, e a Hispania converteuse nunha parte fundamental do Imperio Romano, proporcionándolle un enorme caudal de recursos materiais e humanos, ao mesmo tempo que foi unha das rexións máis estábeis do Imperio.

O termo "Hispania" tamén foi utilizado, polo menos ata finais da Idade Media para referirse a diferentes territorios da Península Ibérica.

Lucas de Tui

Lucas de Tui, chamado o Tudense, nado en León na segunda metade do século XII e finado en 1249, foi cóengo de Santo Isidoro de León, bispo da diocese de Tui e escritor.

Monte Medulio

O monte Medulio é o lugar da batalla dos galaicos, cántabros e astures no ano 22 a. C. contra as lexións de Caio Furnio e Publio Carisio, e onde os últimos guerreiros resistentes se suicidaron durante o sitio.

Noruega

Noruega (en noruegués: Norge (bokmål), Noreg (nynorsk), en saami: Norga), é un país nórdico gobernado por unha monarquía constitucional que ocupa a porción oeste da península escandinava. O país fai fronteira con Suecia, Finlandia e Rusia. A súa capital e principal cidade é Oslo.

Forman parte do Reino de Noruega os territorios árticos de Jan Mayen e das Illas Svalbard, cuxa soberanía foi establecida polo tratado de Svalbard asinado en 1920. Porén os territorios meridionais da Illa de Bouvet na parte sur do océano Atlántico e a Illa de Pedro I no sur do Océano Pacífico considéranse dependencias e polo tanto non conforman parte do reino como tal. Noruega é ademais un dos países que reclama territorio na Antártida, concretamente o sector coñecido como Terra da Raíña Maud.

Dende a segunda guerra mundial, o país experimentou un rápido crecemento que contribuíu a que o país estea na actualidade entre aqueles cun maior nivel de vida grazas ao seu sistema nacional de subsidios. Este crecemento económico débese en parte ao desenvolvemento e explotación das reservas costeiras de gas e petróleo do país. O desenvolvemento humano de Noruega é un dos maiores do mundo, ocupando o país o primeiro posto na listaxe de países por nivel de desenvolvemento humano (IDH) entre o 2001 e o 2007 (compartindo este posto con Islandia no 2007). É ademais un dos membros fundadores da Organización das Nacións Unidas.

Olimpiodoro de Tebas

Olimpiodoro de Tebas, nado en Tebas, Exipto, c. 378 e finado despois de 425, foi un historiador, filósofo e diplomático do século V.

Reino suevo

O reino suevo ou reino suevo de Galiza configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións da Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval, e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda.

Os suevos eran un pobo xermánico que entraron no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron o control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura dos territorios onde se asentaron.

O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste peninsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea dos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano.

A Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias, erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos.

Semíramis

Semíramis (en grego antigo Σεμίραμις} / Semíramis) foi unha raíña lendaria de Asiria, cunha historia da que a fonte principal foran Diodoro de Sicilia e Ctesias. É probabelmente identificábel coa raíña babilonia Shammurámat ou Sammu-ramat, esposa do rei Shamshiadad V e rexente do seu fillo Adadnirari III (século IX a.C.)

Cóntase de ela que era luxuriosa, mesmo incestuosa (co propio fillo).

Torre de Hércules

A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. Está nun cabo.

O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.

Xosé Eduardo López Pereira

Xosé Eduardo López Pereira, nado en 1954 en Trasalba, Ourense, é un catedrático de Filoloxía Latina.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.