Paulo Fabio Máximo

Paulo Fabio Máximo (en latín: Paullus Fabius Maximus) foi un cónsul do Imperio Romano, cabaleiro, e o fillo máis vello de Quinto Fabio Máximo, cónsul sufecto da República, e dunha muller descoñecida. Recibiu o seu nome na honra de Lucio Emilio Paulo Macedónico cónsul republicano e devanceiro seu.

Participou no 12 a.C. na reorganización política do noroeste da Península Ibérica, no proceso de romanización de Galicia. Foi o fundador da cidade de Lugo (Lucus Augusti) na antiga Gallaecia, de cuxo establecemento aínda se conserva a ara fundacional. No ano 11 a.C. foi nomeado cónsul segundo xunto a Quinto Elio Tubero.

Paulo Fabio Máximo
Fundadores de Lugo
Nacementoanos 40 a. C.
Falecemento14
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónpolítico e militar
PaiQuinto Fábio Máximo
CónxuxeMarcia e Màrcia
FillosFabia Numantina
IrmánsAfricano Fábio Máximo
Fundadores de Lugo
Paulo Fabio Máximo (esquerda) e César Augusto na Praza Maior de Lugo.

Traxectoria

A primeiro posto coñecido de Paulo Máximo foi cuestor de Augusto durante as viaxes deste último a través das provincias orientais entre os anos 22 e 19 a.C.. Entre os anos 15 e 13 a.C., como legado do emperador, participou na organización política da Gallaecia, fundando nas coordenadas tolemaicas de 7º25' - 44º25') a cidade de Lucus Augusti (actual Lugo). Para poboala licenciou aos soldados de maior idade dándolles terras para cultivar e substituíndoos con soldados galaicos. No ano 11 a.C. foi nomeado cónsul segundo xunto a Quinto Elio Tubero, servindo logo como procónsul da provincia de Asia no 9 a.C., durante o cal, acuñáronse moedas coa súa propia imaxe. Foi membro dos Irmáns Arvales (do latín: Fratres Arvales), unha confraría sacerdotal romana.

Máximo faleceu durante o verán do ano 14 d.C.. Informou Tácito, que antes da súa morte, Máximo acompañou a Augusto nunha visita secreta ao último neto supervivente do Emperador, Agripa Póstumo, onde se reconciliaron avó e neto. Con todo, dise que Máximo falou desta visita coa súa esposa, Marcia, quen, á súa vez, informou á esposa de Augusto, Livia. Debido a iso, cóntase que Augusto se anoxou por esa traizón á súa confianza e que a morte Paulo "foi un resultado directo ou indirecto desta". Con todo, hai dúbidas en canto á exactitude e veracidade da historia. Máximo foi sucedido nos Irmáns Arvales polo seu fillo, Fabio Paulo Pérsico.

Matrimonio e descendencia

No ano 10 a.C, Paulo casou con Marcia, filla de Lucio Marcio Filipo (Cónsul da República) e Atia (unha tía materna de Augusto). Como resultado da súa maternidade, Marcia era un curmá de Augusto. Con ela, Máximo tivo, polo menos, un fillo, chamado Paulo Fabio Pérsico (cónsul 34), quen naceu probablemente no anos 2 ou 1 a.C.. Un segundo descendente puido ser Fabia Numantina, aínda que é posible que fóse a filla do irmán de Paulo, Africano Fabio Máximo.

Cultura

Máximo é mencionado por Juvenal coma se fose un xeneroso mecenas da poesía. Tamén se lle menciona (xunto con Xulio Antonio) nunha das odas de Horacio. Tamén é o destinatario dunha canción de vodas composta polo poeta Ovidio.

Ao redor do ano 9 a.C., o consello provincial da provincia de Asia, decidiu que era necesario tratar de atopar un xeito único de honrar a Augusto. Como tal, decretouse un concurso no que o gañador recibiría unha coroa da provincia. Foi o propio Paulo, sendo cónsul de Asia, quen tivo a proposta gañadora, en concreto un novo calendario para a provincia de Asia, onde o ano novo comezaba o 23 de setembro, aniversario de Augusto.

Legado

Como fundador da cidade, a figura Paulo Fabio Máximo está homenaxeada en varios aspectos. Así, na zona norte da cidade está a Avenida Paulo Fabio Máximo, que conecta a Avenida da Coruña cunha zona comercial e de ocio. Tamén hai unha estatua súa, xunto con Augusto, na Praza Maior. Ademais, a mascota do equipo de baloncesto da cidade, o Breogán, é un león chamado Maximus (ou Máximo) na súa honra.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Década de -10

A década de 10 a.C. abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 19 a.C. e remata o 31 de decembro de 10 a.C..

Historia de Lugo

Lugo, o asentamento urbano máis antigo de Galicia, érguese sobre o antigo emprazamento dun castro galaico. Arredor do ano 25 a. C, Caius Antistus Vetus, legado de Octavio Augusto na Tarraconense ao mando das tropas romanas que loitaban nas Guerras Cántabras, establece preto deste castro un campamento militar. Posteriormente, en nome do emperador, Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento. A partir do ano 50 asístese á expansión da cidade co asentamento de galaicos dos castros próximos. Posteriormente a cidade convértese nun importante núcleo urbano, representativo da cultura e do modo de vida romano.

Dende a chegada dos suevos a Galicia alternáronse na cidade ciclos de decadencia e rexurdimento. No ano 585 o Reino de Galicia pasa a mans visigodas, perdendo Lugo a súa condición de sé metropolitana por mor da fin da división de Galicia en dúas provincias. Iníciase así un período de decadencia que se vería acentuado pola invasión musulmá de principios do século VIII.

Entre os séculos XI e XIII, coma outras cidades do Camiño Xacobeo, foi protagonista duna serie de revoltas populares contra o poder feudal. En Lugo esta rebelión sería contra o bispo, quen compartía a súa potestas co Cabido. A comezos do século XIII, os burgueses de Lugo comezaron a desafiar, coma nunca antes fixeran, esta potestade xurisdicional.A principios do século XVI, a pesar de ser nomeada capital do Reino de Galicia por Carlos I, Lugo iniciou un longo declive. Esta etapa prolongouse até finais do século XVII, mentres que Santiago de Compostela cobraba protagonismo. No século XVIII comeza un novo ascenso económico e cultural da cidade, converténdose na gran capital agraria de Galicia. As feiras de San Froilán cobran unha extraordinaria importancia económica, abastecendo de gando cabalar e mular a León e Castela; importancia que se reforzou coa chegada do ferrocarril en 1875 e que fixo de Lugo o maior mercado gandeiro de vacún de toda a península.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Maximus

Maximus é a mascota do Club Baloncesto Breogán de Lugo, equipo de baloncesto que compite na Liga ACB. Representa a un león antropomórfico que viste as cores do club. O seu nome é na honra dun dos fundadores da cidade de Lugo Paulo Fabio Máximo. O 15 de febreiro de 2019 foi escollido como a mellor máscota da ACB nun concurso por votación popular. Actualmente é interpretado por Susana Paz, xunto coa colaboración de varios membros do club.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.