Paul Gauguin

Paul Eugéne-Henri Gauguin, nado en París o 7 de xuño de 1848 e finado en Atuona o 9 de maio de 1903, foi un pintor postimpresionista francés, que contribuíu a dar forma á arte moderna coas súa cores exuberantes, formas bidimensionais planas e temática e foi ademais precursor do Fauvismo.

Paul Gauguin
Paul Gauguin 1891
Paul Gauguin.
NomePaul Eugéne-Henri Gauguin
Nacemento7 de xuño de 1848
 París
Falecemento9 de maio de 1903 e 8 de maio de 1903
 Atuona
NacionalidadeFrancia francesa
Cónxuxe(s)Mette Sophie Gad
FillosClovis Gauguin, Jean René Gauguin, Pola Gauguin e Émile Gauguin
Eidopintor, escultor e artista gráfico
MovementoPostimpresionismo
TraballosO Cristo amarelo, Manaò tupapaú, Eu saúdote, María (Ia orana Maria)
Influenciado porCamille Pissarro
Paul Gauguin signature

Traxectoria

Paul Gauguin 015
Vase de Fleurs 1880
Paul Gauguin 046
Les lavandières à Pont-Aven 1886
Paul Gauguin 032
La Ronde des petites bretonnes 1888
Paul Gauguin 136
La perte du pucelage (A perda da virxindade) 1891
Eh quoi! Tu es jaloux? by Paul Gauguin
Aha oe feii? (Que!Estás celoso?) 1892
Paul Gauguin 135
Vairumati 1897
Paul Gauguin 057
Femmes et cheval blanc (Mulleres e cabalo branco) 1903
Gauguin.swineherd.750pix
O Swineherd, Britania, pintado en 1888.

Naceu no seo dunha familia liberal de clase media. O seu pai era xornalista e a súa nai era filla da precursora feminista peruana Flora Tristán; tralo golpe de estado de Napoleón III (1851) fuxiu cos seus pais a Lima. Cando era aínda un adolescente fíxose ao mar; en 1871 regresou a París e entrou a traballar nunha empresa financeira, transformándose nun importante axente bolsista, casou coa danesa Mette-Sophie Gad coa cal tivo cinco fillos.

En 1874 coñeceu a obra de Camille Pissarro e observou a primeira exposición dos impresionistas, é nesa época que comezou a desenvolver un forte interese pola arte que o conduciu a tomar clases de pintura e a reunir unha impresionante colección de obras impresionistas que comprendía traballos de Edouard Manet, Cézanne, Claude Monet e Camille Pissarro. En 1875 trabou coñecemento persoal con este último e empezou a traballar con el; resultado de tan fecunda colaboración foi a invitación a participar na quinta Exhibición Impresionista de 1880, que sería reiterada nos dous anos seguintes.

En 1883, o seu crecente interese pola pintura uniuse ó derrubo da Bolsa parisina para lle conducir a toma-la decisión de se dedicar integramente á actividade artística. Ó ano seguinte trasladouse a Copenhaguen, residencia familiar do pai da súa esposa, en procura de apoio económico, pero o seu empeño fracasou rotundamente e pouco despois abandonaría a esposa e fillos. A partir dese momento viviu na penuria, rexeitado por unha sociedade que con anterioridade lle abrira os brazos e que en breve ía aborrecer. En 1884 trasladouse a Ruán cidade de Normandía na cal vivía Pissarro, dese momento é o Home na estrada, pintura basicamente paisaxista aínda encadrable dentro do impresionismo. En 1887 e 1888 realiza unha viaxe á Martinica e a Panamá, é durante esta travesía caribeña que "descobre" os coloridos e as luminosidades intensas que serven para acentua-la sensualidade na pintura, tamén é nesta viaxe que percibe unha relación máis estreita entre os seres humanos e a natureza "primitiva".

Entre 1886 e 1888 a súa obra experimentou un xiro radical, cuxa orixe cabe procurar en dúas experiencias vitais de grande importancia: o seu encontro con Van Gogh e a xa mencionada primeira viaxe á Martinica. Gauguin coñeceu ó pintor holandés en París e quedou fortemente impresionado polo modo en que este conseguía plasmar as súas inquedanzas vitais nuns lenzos rebordantes de expresividade. En 1888 incluso se desprazou a Arles coa intención de traballar conxuntamente, pero as incompatibilidades de carácter deron espectacularmente ó traste co proxecto ó cabo só de poucas semanas. Pouco antes, Gauguin se trasladara durante un tempo á colonia francesa da Martinica, onde entrou en contacto cunha paisaxe repleta de sensual colorido e unha sociedade, a indíxena, en estreita convivencia coa natureza. Ambos factores uníronse para espertar no artista unha aguda nostalxia polo primitivo, vieiro no que ía achar unha vía idónea para expresar unha emotividade non contaminada polo naturalismo propio da arte refinada.

Trala súa desastrosa experiencia en Arles, Gauguin regresou a París, onde o seu interese polas formas da arte popular acrecentouse por vía da súa amizade co xove artista Émile Bernard. De resultas das súas propias experiencias na Martinica e do aporte teórico de Bernard ía xurdi-lo sintetismo, estilo persoal caracterizado pola representación non imitativa e a separación da imaxe pictórica en zonas de cor fortemente contrastadas e a miúdo delineadas en negro ("cloisonne" inspirado nos vitrais das igrexas). Dito estilo, co seu rexeito frontal ó uso de trucos formais para recrea-la percepción visual, significou unha ruptura absoluta, dende o punto de vista conceptual, co impresionismo que outrora abrazara, razón pola cal é categorizado pola moderna historiografía da arte como postimpresionista (xunto con Van Gogh e Cézanne). Entre 1888 e 1891 viviu principalmente na Bretaña, onde foi o referente principal da chamada Escola de Pont-Aven (nome dunha pequena localidade bretoa). Alí tivo como discípulos ó mencionado Bernard xunto Sérusier, Seguin, Chamaillard que constituirían ó simbolismo), é nese tempo que adopta un debuxo sinxelo compensado por unha coloratura intensa disposta en planos masivos (tal cal se pode observar en O Cristo amarelo).

En 1891 enfermo e tratando de eludir os seus endebedamentos marchou á Polinesia, deste modo entre 1891 e 1903 efectuou longas estancias en Tahití e as illas Marquesas alternadas con visitas a Francia entre 1893 e 1895, para tales anos o seu primitivismo foise temperando ó se abrir á influencia de neoclásicos como Ingres ou contemporáneos como o "nabi" Puvis de Chavannes. Este proceso correu da man dun crecente refinamento tonal e da presenza na súa produción dunha aura onírico-poética que de ningún modo asemella reflecti-la enfermidade e os conflitos persoais -particularmente os seus enfrontamentos coas autoridades locais en defensa das comunidades indíxenas- que marcaron os últimos anos da súa vida. Durante o período final da súa obra nótase un rexeitamento á perspectiva e o uso de formas amplas e planas, intensificando a expresividade cromática. Na Polinesia anticipa a arte abstracta: simplifica aínda máis as composicións dando preponderancia á cor e á idea que a cor pode suxerir. Cara os últimos anos da súa vida formou parella e tivo fillos cunha moza das illas Marquesas, pero tamén contraeu lepra, a súa pintura entón ínzase de inquedanzas metafísicas (O espírito dos mortos obsérvanos; De onde viñemos?, que somos?, onde imos?; O ouro e o corpo; Nevermore.), en 1897 tenta suicidarse, logo sobrevive practicamente na miseria cunha pequena pensión que dende París lle enviaba un marchante, en 1901 xa establecido definitivamente nas Illas Marquesas dedicouse a realizar esculturas "primitivas" (principalmente tallas e baixorrelevos en madeira). Faleceu na aldea de Atuona o 9 de maio de 1903.

Obras principais

  • Eu saúdote, María (Ia orana Maria), óleo sobre lenzo de 113,7 x 87,7 cm, pintado en 1892. Atópase no Metropolitan Museum de Nova York
  • O Cristo amarelo, óleo sobre lenzo de 92 x 73 cm, pintado en 1889. Atópase en Albright-Knox Museum de Buffalo (Nova York).
  • A bella Ánxela, óleo sobre lenzo de 92 x 73 cm, pintado en 1889. Atópase no Museo de Orsay, París.
  • Nevermore, óleo sobre lenzo de 68 x 116 cm, pintado en 1897. Atópase en Courtauld Gallery, Londres.
  • Mozo con abano, óleo sobre lenzo de 92 x 73 cm, pintado en 1902. Atópase en Museo Folkwang[1] en Essen, Alemaña.
  • Contos primitivos, óleo sobre lenzo de 13,5 x 90,5 cm, pintado en 1902. Atópase no Museo Folkwang.

Véxase tamén

Outros artigos

7 de xuño

O 7 de xuño é o 158º día do ano do calendario gregoriano e o 159º nos anos bisestos. Quedan 207 días para finalizar o ano.

9 de maio

O 9 de maio é o 129º día do ano do calendario gregoriano e o 130º nos anos bisestos. Quedan 236 días para finalizar o ano.

A lúa e seis peniques

A lúa e seis peniques (en inglés: The Moon and Sixpence) é unha novela escrita polo autor inglés William Somerset Maugham que foi publicada orixinalmente o 15 de abril de 1919. É unha novela en formato episódico con narrador en primeira persoa, ó longo dunha serie de visións na mente e na alma do personaxe central Charles Strickland, un corredor de bolsa inglés de mediana idade, quen abandona de súpeto a súa muller e fillos para perseguir o seu desexo de se converter en artista. A historia está parcialmente baseada na vida do pintor Paul Gauguin.Foi traducida ó galego por Alfonso Blanco Quintela e foi publicada pola Editorial Hugin e Munin no ano 2019.

Estocolmo

Estocolmo (en lingua sueca Stockholm ) é a capital e cidade máis poboada de Suecia, administrativamente unha municipalidade do Condado de Estocolmo. Cunha poboación en 2017 de 965 232 habitantes (2 352 549 na súa área metropolitana, arredor do 20% da poboación de Suecia), é a cidade máis grande dos países nórdicos.

É a cidade máis importante do país dende o século XIII, grazas a súa localización, na costa leste sueca, no centro sur, cun arquipélago do mar Báltico en fronte e o lago Mälaren ás costas. A cidade está formada por 14 illas e illotes, unidos por medio de 53 pontes. Administrativamente, o municipio está dividido dende 1998 en 18 distritos, e ten a responsabilidade das escolas primarias, asistencia social o os medios culturais locais. Dende 2018, a alcaldesa da cidade é Anna König Jerlmyr, do Partido Moderado.Como capital do estado, Estocolmo é a sede do goberno e o parlamento suecos e tamén da residencia do xefe do Estado, o rei Carlos XVI Gustavo, o Palacio Real de Estocolmo, como do Primeiro ministro, a Casa de Sager.

Foi nomeada pola GaWC (Grupo de Estudos sobre a Globalización e as Cidades Mundiais) como unha cidade global de categoría «Alfa -»​ segundo o seu estudo de 2012, ocupando o posto 24 do mundo, o décimo de Europa e o primeiro dos países nórdicos. Nos últimos anos o turismo converteuse nunha actividade moi importante para a cidade, con arredor de sete millóns de visitantes ao ano.

Fauvismo

O fauvismo foi un movemento pictórico expresionista de principios do século XX xurdido en París durante un breve período (1904-1907), en torno ós artistas Henri Matisse, André Derain e Maurice Vlamink. Tamén foron fauvistas Braque, Friesz, Rouault, Marquet, Dufy e van Dongen. O nome foilles imposto por Louis Vauxcelles na crítica que fixo do Salón de Outono de 1905, a causa dos violentos métodos de pintura utilizados por estes artistas (fauves, feras en francés).

Como movemento expresionista, apareceu cronoloxicamente ó mesmo tempo có expresionismo alemán, cunha base de protesta oposta ó positivismo, ó naturalismo e ó impresionismo. As súas principais influencias veñen de Paul Gauguin e das ideas de Zola, Nietzsche, Stirner e Huysmans.

O Fauvismo, liderado por Henri Matisse (1869-1954), xurdiu por oposición á ríxida metodoloxía do Neoimpresionismo de Seurat e Signac, e ó ton de felicidade e lixeireza propio dos impresionistas; tamén se opoñía ó ornamentalismo do Art Nouveau e á evasión espiritualista do Simbolismo. Axiña se converteu no grupo máis experimental de París ó proclamar a liberdade de expresión a través das cores puras, a esaxeración do debuxo e as perspectivas forzadas.

Inda que concibían a actividade artística como un impulso vital, o punto de partida foi a resolución de problemas puramente plásticos, como o uso da cor nunha función plástica e construtiva ó mesmo tempo. O mestre do grupo foi Gustave Moreau, en cuxa escola estudaron Matisse e Rouault, Marquet, Manguin, Camoin e Puy. Moureau non ensinaba ningunha doutrina senón que forzaba ós seus alumnos a pintar con independencia e coa técnica que fose máis adecuada ó seu temperamento. Da obra de Gauguin aprenderon a liberdade no uso da cor, que levaron ó extremo (as cores como cartuchos de dinamita, que diría Derain), así como a liberación do temperamento e o instinto persoal. Tamén admiraban a capacidade de síntese e o sentido decorativo da obra de Gauguin. Para os fauvistas o cadro debía ser expresión e non composición e orde.

En 1904 Matisse pintou Luxo, Calma e Voluptuosidade, considerada como a obra síntese do postimpresionismo, manipulado nun exercicio persoal, e virtualmente un manifesto do que sería o fauvismo pouco despois. A utilización subxectiva da cor e a simplificación do debuxo sorprenderon a todos cando foi exposto no Salón dos Independentes en 1905. Derain sentiuse inmediatamente influído e comezou a pintar utilizando nada máis cá liña e a cor. O seu desinterese polo acabado e as súas cores rechamantes granxeáronlle o desprezo da crítica cando expuxo as súas paisaxes, pintadas en Colliure, no Salón de Outono de 1906. Alí tamén se expuxo o Retrato da Sra. Matisse de Matisse, que foi interpretado como unha caricatura da feminidade e como unha excentricidade. A repulsa da crítica converteu ós fauvistas no grupo máis avanzado de París.

Matisse xa estaba pintando nunha forma fauve incluso antes de 1900; as súas influencias nesta época foron Pissarro e sobre todo Cézanne; deste último soubo que a estrutura dun cadro viña dada polas relacións entre as cores que o compoñen; así a todo non aceptaba a teoría do puntillismo porque destruía a integridade da cor. Seguindo a Cézanne, quería utilizar as cores na súa plenitude e mantendo a súa pureza. Por outro lado mantiña que a pintura debía ser expresiva e non un mero reflexo de sensacións pasaxeiras como fora o impresionismo.

En 1908 publicou as súas ideas nun artigo titulado Notas dun Pintor onde dixo:

...o que persigo é a expresión..non podo distinguir entre os meus sentimentos e a maneira de expresalos. A composición é a arte de arranxar de forma decorativa os elementos de que dispón o pintor para expresar os seus sentimentos...

Rexeitaba, así a todo, a inmediatez, pois a obra debía xurdir da mente do artista con carácter e contido. No caso de Matisse ese carácter era fundamentalmente sereno, en oposición a outras actitudes expresionistas. Ei-lo lugar en que se acha a diferenza entre o expresionismo francés e o alemán que presentaba as cousas dunha forma moito máis crúa. Matisse quería facer unha arte, segundo as súas propias palabras, "que fose pura e serena, que non presentase temas deprimentes e que servise a todo tipo de espectador como un descanso da fatiga intelectual". Matisse achou a serenidade nas cerámicas gregas e nos gravados xaponeses. Practicou tamén a escultura partindo de Rodin e tomando clases de Bourdelle .

Maurice Vlamink era un anarquista convencido e colaborou en torno a 1898 nos periódicos Libertaire e Anarchie; era menos metódico e paciente cós seus compañeiros e o seu espírito compulsivo estaba en consonancia con Van Gogh por cuxa obra sentía unha profunda atracción. Alleo a calquera teoría, trataba de pintar como un primitivo, transmitindo, segundo as súas propias palabras, o que vía de forma instintiva e sen método. Son características das súa obra as liñas de impacto e as cores vibrantes. Co tempo abandonou as cores fauves e a súa paleta se fixo máis sombría, as súas paisaxes máis sórdidas e o seu carácter pesimista.

Todo o grupo sentiuse influenciado pola escultura africana, moi especialmente Vlamink, que sostiña ser o seu descubridor en París.

Os fauvistas nunca formaron un grupo coherente e a pesar dos seus éxitos conxuntos foron evolucionando por camiños diversos. O grupo entrou en crise en 1907, coa aparición das Señoritas de Avignon de Picasso.

En Hispanoamérica, a influencia dos movementos vangardistas empeza a sentirse só a partir dos anos 1920; o fauvismo concretamente foi decisivo no desenvolvemento dos brasileiros Anita Malfatti, Emiliano Di Cavalcanti e Vicente do Rego Monteiro. Todos eles acaban practicando unha especie de mestura entre expresionismo e cubismo.

Georges Seurat

Georges-Pierre Seurat, nado en París o 2 de decembro de 1859 e finado na mesma cidade o 29 de marzo de 1891, foi un pintor francés, fundador do neoimpresionismo.

Henri Rousseau

Henri Rousseau, nado o 21 de maio de 1844 e finado o 2 de setembro de 1910, foi un pintor francés posimpresionista da arte naïf.

Illas Marquesas

As Illas Marquesas é un arquipélago na Polinesia Francesa. Recibiron o seu nome do español Álvaro de Mendaña que as descubriu en 1595, chamándoas «Illas Marquesas de Mendoza» en honra ao vicerrei de Perú, García Hurtado de Mendoza e Manríquez, marqués de Cañete. En francés, Îles Marquises.

As illas son o maior arquipélago de todos os que forman a Polinesia Francesa, cuns 1.274 km² e uns 8.712 habitantes en 2002. Pero ese número e moi inferior á poboación estimada para as illas no século XVI, cando existían unhas cen mil persoas. A grande caída de poboación entre os anos 1600 e 1900 deveuse a epidemias de varíola. En 1900 o total de habitantes estaba reducido a dúas mil persoas.

Están situadas entre 700 e 1.000 quilómetros ao sur do ecuador e a uns 1.800 quilómetros ao nordés de Tahití. Divídense en dous grupos: o do norte, ao redor da illa de Nuku Hiva e as pequenas Ua Pou e Ua Huka; e o grupo meridional de Tahuata, Moho Tani e Fatu Hiva, que rodean a illa principal de Hiva Oa.

As marquesas foron inspiración de Herman Melville, cuxas experiencias nas illas foron a base das súas novelas Typee e Omoo.

En lingua marquesana chámase Te Henua (K)enana (na lingua marquesa do norte) e como Te Fenua `Enata (na lingua marquesa do sur) que significa "A terra dos homes". Pero máis exacto sería «o país dos marquesanos». Tamén se utiliza Makuita como equivalente fonético de Marquises.

Nas Illas Marquesas fixaron a súa residencia os artistas de orixe francesa Paul Gauguin e Paul Lapín.

Les XX

Os XX (en francés, Les XX) foi un grupo de vinte pintores belgas, debuxantes e escultores, que se formou en 1883 polo avogado, editor e empresario de Bruxelas Octave Maus.

Museo de Belas Artes de Boston

O Museo de Belas Artes de Boston (en inglés, Museum of Fine Arts, Boston, MFA) é un dos museos máis grandes dos Estados Unidos e contén a segunda colección permanente máis grande no hemisferio occidental, trala do Museo Metropolitano de Arte en Nova York. O director actual do museo é Malcolm Rogers.

Foi creado no ano 1870 e inaugurouse en 1876, cunha gran parte das súas coleccións tomada da galería de arte do Ateneo de Boston. Atópase na Avenida Huntington de Boston, Massachusetts dende o ano 1909. Ademais da súa finalidade conservadora, o museo está asociado cunha academia de arte, a Escola de Belas Artes de Boston, e un museo irmán, en Nagoya/Boston Museum of Fine Arts, en Nagoya, Xapón.

Algunhas das obras destacadas deste museo son:

Antigüidades exipcias, incluíndo esculturas, sarcófagos e xoiería.

Pintura europea antiga, con obras mestras de fama mundial, de Rogier van der Weyden, O Greco, Velázquez, Jacob Jordaens, Rembrandt...

Pintura impresionista e postimpresionista francesa, incluíndo cadros de Paul Gauguin como ¿De onde vimos? ¿A onde imos? (D'où venons-nous? Que sommes-nous? Où allons-nous?) e obras de Manet, Renoir, Degas, Monet, Van Gogh, Cézanne entre outros.

Pintores estadounidenses dos séculos XVIII e XIX, incluíndo moitas obras de John Singleton Copley, Winslow Homer e John Singer Sargent.

A colección Edward S. Morse de 5.000 pezas de cerámica xaponesa, que forma parte da maior colección de obras xaponesas fóra do Xapón.

A Galería Gund que alberga exposicións temporais mentres que un xardín xaponés achega un espazo tranquilo e contemplativo fóra do propio museo.

Frecuentemente alberga exposicións especiais, sendo a máis popular a mostra Art of Star Wars (sobre deseños de A guerra das galaxias) en 2002, que atraeu a máis de 1.652.000 visitantes.

Museo van Gogh

O Museo van Gogh é unha pinacoteca en situada na praza do Museumplein en Ámsterdam (Países Baixos), que alberga obras do pintor neerlandés Vincent van Gogh e dos seus contemporáneos. Ten a máis grande colección de pinturas e debuxos de Van Gogh do mundo.

Pablo Picasso

Pablo Ruiz Picasso, nado en Málaga o 25 de outubro de 1881 e finado en Mougins, Francia, o 8 de abril de 1973, foi un pintor español máis coñecido polo nome artístico de Pablo Picasso, xa que asinaba co segundo apelido. Foi un dos máis recoñecidos artistas do século XX, coñecido sobre todo porque fundou o cubismo xunto con Georges Braque. Na súa dilatada carreira, evolucionou por diferentes estilos e experimentou con outras disciplinas como a cerámica, a escultura con bronce, o collage, e mesmo fixo poesía. Creou máis de 20 000 obras ó longo da súa vida.

Picasso comezou o seu percorrido estilístico cunha curta experiencia co modernismo despois do contacto coa natureza que tivo na súa estadía en Horta de Sant Joan e a amizade cos artistas cataláns de Els Quatre Gats. Coas súas primeiras visitas a París, a partir de 1900, comezou a desenvolver un estilo propio, primeiro no "período azul", que se caracteriza por obras feitas en tonalidades azuis, frías e personaxes alongados con expresións tráxicas, influído por Van Gogh e Paul Gauguin, que reflectían unha tendencia nihilista; continuou cun xiro cara a un certo optimismo manifestado por un cambio a cores cálidas e coñecido como "período rosa", nun intre no que Picasso estaba permanentemente instalado en París e no que entrou en contacto con escritores achegados ó surrealismo. Deste período, son as obras de saltimbanquis, pallasos ou acróbatas de contido máis lixeiro e alegre.

A partir de 1908, influenciado polo traballo de Cezanne e pola imaxe en movemento das primeiras filmografías, desenvolveu obras que acadaron quebrar co canon de representación definido no Renacemento. Apollinaire foi quen chamou cubismo o traballo que conxuntamente investigaban Picasso e Georges Braque. Con obras tan destacadas como Les demoiselles d'Avignon, Picasso achegou unha nova interpretación da realidade a partir dunha fragmentación da estrutura do obxecto que o levou a experimentar co collage. Despois dunha incursión polo surrealismo con esculturas de fíos e láminas de metal e pinturas de formas distorcidas e evocacións mitolóxicas, iniciou a época expresionista claramente influído pola guerra civil española primeiro e pola II guerra mundial despois. Obras coma o Guernica ou Mulleres chorando reflicten o seu sentimento de aflición pola traxedia da guerra. As súas esculturas son, neste período, claramente abstractas.

Na década de 1950, centrouse na cerámica e en pinturas murais de grandes dimensións. Os seus derradeiros anos adicounos a pintar variacións de obras dos grandes mestres como Velázquez ou Edgar Degas, a quen coñecera persoalmente e de adquirira unha serie de obras; é unha etapa de madureza que dedicará a traballar na produción de litografías.

Persoalmente posicionado como pacifista, durante a guerra civil estivo politicamente comprometido co goberno republicano, que o nomeou director do Museo do Prado en 1936.

Pierre Bonnard

Pierre Bonnard, nado en Fontenay-aux-Roses (Altos do Sena) o 3 de outubro de 1867 e finado en Le Cannet (Var) o 23 de xaneiro de 1947, foi un pintor, ilustrador e litógrafo francés.

Postimpresionismo

O Postimpresionismo é un termo aplicado polo artista e crítico de arte británico Roger Fry no ano 1914, para describir o desenvolvemento da arte europea dende a aparición do cadro de Monet co nome Impresión, sol nacente. John Rewald, un dos primeiros historiadores profesionais da arte en centrar o nacemento da arte moderna temperá, limitou a época do postimpresionismo entre os anos 1886 e 1892 na súa publicación pioneira sobre o Postimpresionismo: From van Gogh to Gauguin 1956. Rewald o considerou como a continuación da súa History of Impressionism 1946, e sinalou que "estaría por chegar un seguinte volume dedicado á segunda parte do período do postimpresionismo", que recibiría o nome de Post-Impressionism: from Gauguin to Matisse, ampliando o período dedicado a outros movementos artísticos de finais do século XIX e inicios do XX a outros baseados ou derivados do Impresionismo.

As súas formas máis esaxeradas, o uso da cor, estrutura e liñas prepararon o terreo para os estilos que seguirían máis adiante do século XX, como o fauvismo ou o cubismo.

Foron artistas postimpresionistas os seguintes:

Paul Cézanne

Paul Gauguin

Harry Lachman

Henri Rousseau

Georges Seurat

Henri de Toulouse-Lautrec

Vincent van Gogh

Vincent van Gogh

Vincent Willem van Gogh (en neerlandés Vincent van Gogh [ˈvɪnsɛnt fɑn'xɔx]), nado en Zundert o 30 de marzo de 1853 e finado en Auvers-sur-Oise o 29 de xullo de 1890, foi un pintor neerlandés e figura destacada do postimpresionismo. Pintou uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central na súa vida foi o seu irmán menor Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e desinteresadamente. A grande amizade entre eles está documentada nas numerosas cartas que intercambiaron desde agosto de 1872; das 800 cartas conservadas do pintor, unhas 650 están dirixidas a Theo e as outras a amigos e familiares.Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha empresa de marchantes de arte, viaxando entre A Haia, Londres e París. Despois ensinou durante un tempo en Inglaterra, en Isleworth e Ramsgate. Máis tarde converteuse en pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local. En 1885 pintou a súa primeira grande obra Os comedores de patacas; nese momento a súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a plenitude durante a súa estadía en Arles en 1888. Malia a calidade da súa obra, esta só foi recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura. Tivo unha grande influencia na arte do século XX, especialmente entre os fauvistas e os expresionistas alemáns. A súa arte foi seguida por Derain, Vlaminck e Van Dongen.Sufriu frecuentes brotes dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos. Malia que existe unha tendencia xeral a especular que a enfermidade mental influíse na súa pintura, o crítico de arte Robert Hughes cre que as obras do artista están executadas cun completo control.

Émile Bernard

Émile Bernard, nado en Lille, Francia, o 28 de abril de 1868 e finado o 16 de abril de 1941, foi un pintor postimpresionista francés.

Comezou os seus estudos na Escola de Belas Artes, facéndose amigo de artistas como Louis Anquetin e Henri de Toulouse-Lautrec. Uniuse ao Atelier Cormon en París en 1884 onde experimentou co impresionismo e o puntillismo.

Despois de que lle suspendesen na École des Beaux-Arts por insubordinación, viaxou por Bretaña, onde quedou namorado da tradición e a paisaxe. Teorizou sobre un estilo de pinturas de formas groseiras separadas por contornos escuros, o que foi coñecido como cloisonismo. A súa obra mostrou tendencias xeométricas que apuntaban as influencias de Paul Cézanne, e colaborou con Paul Gauguin e Vincent van Gogh. A súa correspondencia con estes artistas é de grande interese para a historia da arte. En 1891 uniuse a un grupo de pintores simbolistas, entre os que estaban Odilon Redon e Ferdinand Hodler.

En 1893 comezou a viaxar, a Exipto, España e Italia, e logo desta experiencia o seu estilo fíxose máis ecléctico. Volveu a París en 1904 e alí morreu en 1941.

Un dos alumnos de Émile Bernard foi o pintor sueco Ivan Aguéli.

Óscar ó mellor actor secundario

O Oscar ó mellor actor de secundario é unha as categorías dos Premios Oscar que cada ano entrega a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas nos Ánxeles.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.