Pataca

A pataca ( pronunciación ), baloca[1][2], batata[3] ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira[4] (Solanum tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestíbel.

Con frecuencia adóitase citar como endémica dos Andes nunha área que coincide aproximadamente co sur do Perú[5], onde foi cultivada e consumida polo menos dende o VIII milenio a.C. [6], porén dende hai séculos a planta é cultivada noutras latitudes dando lugar a diversas variedades de patacas.

En Galicia a maior zona de produción do tubérculo é a comarca da Limia, de cuxo comercio procede a principal fonte de ingresos da comarca. En Vilalba (Terra Chá) e Coristanco (comarca de Bergantiños), cultivan a pataca como complemento dos ingresos da actividade agraria e do autoconsumo, resultando un produto de grande sona e calidade en feiras e mercados.

Pataca
Patacas

Patacas
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Solanales
Familia: Solanaceae
Xénero: Solanum
Especie: S. tuberosum
Nome binomial
Solanum tuberosum
L.

Etimoloxía

Papas de colores de Chiloe
Patacas de cores (en Chile)

A palabra galega pataca vén do castelán patata. A Real Academia Española di que á súa vez a palabra castelá é un cruzamento léxico do taíno batata 'pataca doce' e a palabra quechua papa 'pataca'. Isto indica probablemente que nun principio pensouse que a pataca era unha variedade da batata, malia non gardar ningún tipo de parentesco entre ámbalas dúas plantas. Ademais de pataca, en moitas zonas de Galicia chámaselle "castaña", "castaña de terra" ou "castaña da mariña", seguramente debido a que as propiedades alimentarias eran semellantes ás da castaña, desprazando o consumo do froito do castiñeiro.[7]

En moitas linguas, a palabra pataca provén de tartufoli, denominación italiana que se lle deu á pataca pola súa semellanza coa trufa (en italiano tartufo). Así pódense atopar noutras linguas palabras derivadas da verba italiana como krompir no esloveno, картоф (kartof) no búlgaro, картофель (kartofel) no ruso e kartoffel no alemán.

Noutras linguas o nome común para o tubérculo é "mazá de terra": pomme de terre en francés, aardappel en neerlandés, תפוח אדמה en hebreo (a miúdo escrito como פוד), e erdapfel no alemán austríaco. Na lingua finesa existen un termo semellante para a pataca, a cal é chamada peruna, termo que provén do antigo sueco jordpäron "pera de terra". Durante o século XVI, o termo francés pomme de terre foi traducido literalmente a outras linguas conforme a introdución da pataca se espallou por toda Europa. Na lingua polaca a pataca chámase ziemniaki, ovak zemiak en eslovaco.

Orixe

Aardappel bloeiend Fresco
Follas e flores da pataca
Alimentos

Pan - Pasta - Queixo - Arroz
Carnes - Sopas - Peixes - Mariscos
Auga - Leite - Patacas - Vexetais - Mel - Viño - Verduras - Froitas - Hortalizas - Legumes - Especias - Outros ingredientes
Receitas de cociña

Cociñas rexionais
Asia - Europa - Caribe
Sueste asiático - Latino américa
Oriente medio - Norte de África - África - Galiza
Categoría: Gastronomía
Técnicas de preparación rexionais
Técnicas - Utensilios
Pesos e medidas
Vexa tamén:
Chefs famosos - Cociñas - Comidas diarias
Wikibooks: Cookbook

Cultivada no Perú desde o VIII milenio a.C., o berce da pataca estivo na fronteira peruano-boliviana pero a man e intelixencia incaicas tiveron moito que ver na multiplicación das súas variedades. Foron tamén eles os que desenvolveron a técnica para deshidratala, e apreciárona máis porque resiste moito tempo de almacenamento.

Segundo Santiago Antúnez de Mayolo, os poboadores do Imperio inca comían as patacas coa casca, porque estaban convencidos de que pelalas provocaba nelas un terrible pranto.

Cando os conquistadores chegaron a Sudamérica, ao principio rexeitaron o tubérculo, porque crían que se trataba dun vexetal velenoso. Esta non sería a única acusación á que se enfrontarían as patacas, das que se dixo que eran fonte de luxuria, de lepra e doutras desordes e enfermidades. Os escoceses negáronse inicialmente a comela polo simple feito de non a atopar mencionada na Biblia.

A pataca foi introducida en Europa en 1573, e cara finais do século xa era un alimento común en Italia, Alemaña, Polonia e Rusia. Non en Francia onde só a beleza das súas flores permitiu que permanecese. Segundo se di, María Antonieta converteunas en adorno favorito para o seu cabelo. Hoxe a pataca é un dos cultivos máis importantes do planeta.

O cronista Pedro Cieza de León, contemporáneo de Francisco Pizarro, describiuna en 1550 e crese que foi el quen a trouxo a España en 1554 como achado. En 1573 cultivouse no Hospital de Sevilla para alimentar os enfermos. Chegou a Roma no 1588; o naturalista Charles de l’Ecluse descríbea coma unha “pequena trufa” ou "tartuffoli". Seica foi levada a Inglaterra, desde a costa de Colombia, por Thomas Hariot cara a 1586, e máis tarde comezou a cultivarse en Irlanda aló polo século XVII. Neste século Europa sofre duras invernías que minguan a produción agrícola e a poboación sofre os estragos da fame. Isto incrementou a aparición das enfermidades e as guerras, reducindo sensiblemente a man de obra activa para o traballo agrícola. Estas dificultades prolongáronse durante o século XVIII, xerando a inestabilidade social e política de Francia. Neste contexto de fame e precariedade creouse a lenda en torno ao farmacéutico Antoine Parmentier, a quen se atribúe desacertadamente a popularización do consumo da pataca.

A variedade da pataca medrou de xeito exponencial debido á hibridación dende o descubrimento deste tubérculo pola cultura occidental.

Descrición

S. tuberosum é unha planta anual, de talo erecto, que pode medir ata 1 m de altura. As súas follas son compostas, con 7 foliolos de forma lanceolada, con graos variables de pilosidade. As flores teñen forma de estrela e os seus pétalos están fusionados. A cor da flor pode ser branca, rosada ou violeta co centro amarelo. O seu froito é unha baga verde, de forma semellante a un tomate pero moito máis pequeno, que contén no seu interior unhas 400 sementes. A parte que se consome é un tubérculo, é dicir, un engrosamento subterráneo dos talos que serve para almacenar substancias de reserva.

Os tubérculos están cubertos por unha exoderme que aparece ao romper a epiderme que vai engrosándose co tempo. Sobre a súa superficie existen "ollos", afundimentos para resgardar as xemas vexetativas que orixinan os talos, que están dispostas de forma helicoidal. Ademais, hai orificios que permiten a respiración, chamados lenticelas.

Condicións de cultivo

As condicións de cultivo varían dependendo da especie e da variedade, pero en xeral dáse mellor en terras con alto contido en humus. A temperatura adecuada varía entre os 10 e 25 °C. Non soporta temperaturas inferiores aos 0 °C e a xeada quéimaa a -5 °C. No seu lugar de orixe, Perú, este tubérculo plántase en altitudes de ata 4.200 metros. Perú é o país que máis variedades ofrece, cerca de catro mil.

A produción anual a nivel mundial estimouse en 300 millóns de toneladas (ano 2000). China converteuse no maior produtor de pataca ao desaparecer a Unión Soviética.

Conservación

De xeito tradicional o almacenamento da pataca faise en zonas secas e sen humidade, en cestos, bolsas ou sacos de tecido e a resgardo da luz, nun proceso chamado conservación por deshidratación. Nas explotacións industriais faise en cámaras de frío. O tratamento en frío da pataca produce unha redución do amidón a azucre debido ás encimas da propia pataca, nun proceso chamado edulcoración por frío. Estas patacas conservadas en frío ao ser fritidas ou enfornadas a máis de 250 graos fahrenheit ou 120 graos centígrados recompoñen eses azucres e aminoácidos libres en acrilamida, que é considerada unha molécula potencialmente canceríxena[8].

Composición

Tendo en conta que a composición sofre variacións dunhas especies a outras (e tamén depende da terra de cultivo), a pataca componse aproximadamente dun 75% de auga, 2% de substancias nitroxenadas, 0,15% lípidos, 20% de fécula e 1% de celulosa. En determinadas condicións, a pataca acumula un alcaloide, chamado solanina, que lle dá un sabor amargo e unha coloración verdosa. Esa parte verde débese eliminar, pois non é saudable.

Outros usos

  • Vodka
  • Chuño: subproduto da pataca que se obtén por conxelación.

A pataca en Galicia

Mapa IXP Pataca de Galicia
Distribución das zonas de produción da IXP Pataca de Galicia      Subzona de Bergantiños      Subzona da Terra Chá-A Mariña      Subzona de Lemos      Subzona da Limia
Artigo principal: Pataca de Galicia.

A primeira referencia do cultivo da pataca en Galicia remóntase a 1607, ano no que foron sementadas na horta do mosteiro de Herbón (Herbón, Padrón), tal e como aparece rexistrado nas memorias do arcebispado de Santiago, do cardeal Jerónimo de Hoyo,[9] porén o cultivo xeneralizado da pataca non tomaría importancia ata a segunda metade do século XVIII.

Os primeiros rexistros do cultivo correspóndense con preitos entre campesiños e perceptores do décimo, principalmente na provincia de Lugo. As primeiras citas aparecen nos concellos de Viveiro (1736), Paradela (1756), Vilalba (1760) etc, comezando a xeneralizarse a partir do ano 1770.

A orixe destes preitos vén do feito de que a pataca, coma outros froitos menores, tratábase dun cultivo non fiscalizado, é dicir, os campesiños non estaban obrigados a pagaren polo seu cultivo, motivo polo que os perceptores non estaban dispostos a que este cultivo se espallase ao longo do campo galego. O primeiro preito pola cuestión de décimo das patacas remóntase ao mes de decembro do ano 1736. Nel o párroco de Bravos (Ourol) querelouse cos seus fregueses xa que estes dábanse en cultivar, sen decimar, "unha especie de froita que chaman castaña mariña ou criadillas."

O catastro de Ensenada (1749-53) reduce o seu cultivo a un feixe de parroquias da provincia de Ourense. Cara a 1800 Lucas Labrada sinala que o cultivo das patacas se estendeu amplamente a raíz da crise cerealeira, gravísima de 1768-69, aínda que se equivoca cando afirma que antes desa data só se coñecía a planta na noutrora existente provincia de Mondoñedo, pois viuse que hai constancia documental do seu cultivo con anterioridade a eses anos en Lugo e Ourense. A pataca comezou a substituír paulatinamente a castaña como un dos alimentos básicos da alimentación dos galegos, especialmente no mundo rural, e por iso nalgúns sitios comezou a chamarse castaña da terra.

Desde 1996 existe en Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia [10], que ampara a producida nas zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense). A produción amparada por esta Denominación ascende progresivamente desde as 4.000 toneladas do ano 2000 ata as 7.004 toneladas collidas en 2008 [11], cun valor superior ó millón e medio de euros [2].

Produción de patacas na comarca da Limia
(70% do total da produción ourensá)
Utilización (1) Tipos %
 respecto a (1) 
 Variedades 
Consumo directo (60%)  Pel marela e carne branca  40 kennebec
Pel vermella e carne
marela ou branca
20 Desirée
Stemser
Laura
Amorosa
Pel e carne marelas Jaerla
Baraka
Monalisa
 Industria: patacas fritidas (40 %)  35 Agria
5 Hermes
Datos do Instituto do Campo, INORDE, Ourense, vía GEG

A pataca na cultura popular galega

Artigo principal: A pataca na cultura popular galega.

Se na noite de San Xoán se deixa na ventá unha pela de pataca, á mañá seguinte estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o nome do futuro marido.

Para alivia-la dor das queimaduras ou das cordaduras dos pés ou mans, é bo poñer cataplasmas feitas cos vástagos novos da rama da pataca ou feitas coa polpa cocida.

  • Polo que teño probado/ o comer fai o carauter,/ despois de comer patacas/ non vin de bo xenio a naide.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes sobre a pataca de Galicia.
Plantas de pataca.
Plantas de pataca. 
Carroza deseñada con patacas na Festa da pataca de Coristanco.
Carroza deseñada con patacas na Festa da pataca de Coristanco
Cesto de patacas na Festa da Pataca de Coristanco de 2005.
Cesto de patacas na Festa da Pataca de Coristanco de 2005. 
Prato de patacas.
Prato de patacas. 

Notas

  1. "Definición de "baloca" no Dicionario Ir Indo'".[Ligazón morta]
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baloca.
  3. "Definicións de "batata" no Dicionario de Dicionarios da UVigo".
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Pataqueira. Consultado o 18 de febreiro 2017.
  5. Spooner, David M.; McLean, Karen; Ramsay, Gavin; Waugh, Robbie; y Bryan, Glenn J. (2005). "A single domestication for potato based on multilocus amplified fragment length polymorphism genotyping". Proceedings of the National Academy of Sciences.   (102). [1].
  6. "Latino Madrid.com - Apoyo a los paperos en el Año Internacional de la Papa". Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2011. Consultado o 11 de abril de 2008.
  7. "Historia da pataca en Galicia". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2008. Consultado o 11 de abril de 2008.
  8. "Acrilamida en los alimentos y el riesgo de cáncer". Instituto Nacional del Cáncer de los Institutos Nacionales de la Salud de EE. UU. Consultado o 14/01/2017.
  9. Fixo plantar patacas o Sr. Arcebispo don Francisco Blanco (1574-1581); déronse moitas pero moi bastardas
  10. Orde do 19 de setembro de 1996 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se recoñece a denominación específica Pataca de Galicia (DOG 7.10.1996).
  11. Estas 7.000 toneladas refírense á pataca comercializada baixo a denominación de orixe, que é menos da metade da produción controlada: 14.968 toneladas.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

2008

2008 foi un ano bisesto comezado en martes no calendario gregoriano.

Foi designado:

O Ano da rata, segundo o horóscopo chinés. O ano da rata chinés comezará o 7 de febreiro, ate esa data seguiremos no ano do porco.

Ano Internacional das Linguas.

Ano Internacional da Pataca, segundo a FAO.

Ano Internacional do Planeta Terra, pola ONU.

Ano Europeo do Dialogo Intercultural.

Ano Internacional do Saneamento.

5 de abril

O 5 de abril é o 95º día do ano do calendario gregoriano e o 96º nos anos bisestos. Quedan 270 días para finalizar o ano.

A pataca na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do cultivo e consumo da pataca na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Non se deben poñe-las patacas en martes e con lúa de forza -en cuarto crecente-, porque senón grelan. Tampouco se deben almacenar nun sitio onde dea a lúa porque se porán verdes.

Unha moza pode adiviña-lo nome do futuro marido deixando na ventá unha pela de pataca durante a noite de San Xoán. Á mañán estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.

Os vástagos novos da rama da pataca, aplicados en cataplasmas, alivian a dor das escordaduras dos pés ou mans, así como nas queimaduras. Tamén resulta eficaz con este mesmo fin a polpa cocida da pataca . A fécula, seca e en po, alivia o proído da pel nos nenos.

O zume de pataca é lixeiramente espasmolítico e antiácido, polo que tamén se emprega na medicina tradicional contra as gastrites e úlceras.

Lis Quibén recolle a crenza, que non localiza, de que levar unha pataca crúa no peto serve para previ-la reuma .

En Coristanco (A Coruña) celébrase desde 1980 a Festa da pataca, a terceira fin de semana de setembro.

Amidón

O amidón é un polisacárido formado por unidades de glicosa coa fórmula xeral (C6 H10 O5)n producido por todas as plantas e polas algas. Consta de dous polímeros chamados amilosa e amilopectina, cuxa proporción nos gránulos de amidón varía coa especie, pero xeralmente predomina a amilopectina (75-80%). Os animais non producen amidón, pero si glicóxeno, que é parecido á amilopectina. O amidón é o carbohidrato máis abundante na dieta humana, xa que forma parte de cereais, tubérculos, fariñas etc. É un alimento de alto valor nutritivo e unha das principais fontes de enerxía. Convértese en azucres polo proceso dixestivo (rotura da cadea por hidrólise).

O amidón comercial obtense dos cerais (trigo, arroz, millo) e dos tubérculos (pataca, mandioca). O amidón utilízase na industria alimentaria e noutras industrias, especialmente na industria do papel.

O amidón puro é branco, non ten sabor nin olor, e non se disolve en auga fría, pero tratado con auga quente a máis de 70 °C os seus gránulos desintégranse, formando unha solución mesta, homoxénea e pegañenta chamada engrudo.

A palabra deriva do latín "amilum" (amidón), e esta do grego αμυλον, "amylon", que significa "non moído nun muíño". A raíz amil úsase en bioquímica aplicada a diveros compostos relacionados co amidón.

Amilopectina

A amilopectina é un dos polímeros que forman parte do amidón, xunto coa amilosa. É un polisacárido característico das plantas e as algas , moi ramificado, composto por moitas unidades de glicosa (de 2.000 a 200.000), e cun peso molecular que pode ser de máis de 100 millóns de daltons. É soluble en auga (aínda que en textos non actualizados se informe do contrario).

As unidades de glicosa que a forman están unidas por enlace O-glicosídico α(1→4) formando unha cadea liñal. A cadea ten ramificacións cada 24-30 unidades de glicosa, e no punto de ramificación o enlace glicosídico é α(1→6). A molécula resultante pode ser rapidamente degradada encimaticamente polos extremos das súas moitas ramificacións. En comparación, o outro compoñente do amidón, a amilosa, ten menos puntos por onde poida comezar o ataque encimático, polo que se hidroliza máis lentamente e ten unha maior densidade e é insoluble.

Os animais teñen un polisacárido similar á amilopectina chamado glicóxeno, coa mesma composición, estrutura ramificada e tipo de enlaces, pero que ten ramificacións máis numerosas (cada 8-12 unidades de glicosa) e cada rama é máis curta.

A función da amilopectina é a reserva enerxética. As plantas almacenan amidón en orgánulos especializados chamados amiloplastos, e, en menor cantidade, nos cloroplastos fotosintéticos. Cando a célula precisa enerxía, a planta hidroliza o amidón, liberando a glicosa, que pode ser oxidada despois na respiración celular. Os seres humanos e outros animais poden dixerir a amilopectina utilizando encimas amilases, que hidrolizan os enlaces α(1→4), e os encimas desramificantes α(1→6)-glicosidases, que hidrolizan os enlaces α(1→6) dos puntos de ramificación.

Un gránulo de amidón está constituído por un 70 % de amilopectina en peso, e o resto é amilosa, pero isto varía dependendo da fonte analizada. Os amidóns que teñen máis amilopectina, preto do 100 %, denomínanse céreos, como os de certos tipos de arroz, millo ou pataca. Noutros tipos de pataca o contido é menor, dun 75%, por exemplo. Hai patacas modificadas xeneticamente para producir só amilopectina, e en 2010 foi aprobada a comercialización en Europa da pataca Amflora .

Amiloplasto

Os amiloplastos son un tipo de plastos non pigmentados que se atopa nalgunhas células vexetais. Estes orgánulos son responsables da fabricación e almacenamento de gránulos amidón, por medio da polimerización da glicosa orixinada na fotosíntese, que chega ao orgánulo procedente dos cloroplastos das partes verdes da planta. Os amiloplastos tamén hidrolizan este amidón de novo en azucre cando a planta precisa enerxía. Son moi abundantes os amiloplastos en tecidos de almacenamento como tubérculos, como é o caso da pataca, cotiledóns das sementes, endospermo de froitos, e en células dos meristemas e células da pilorriza ou caliptra da raíz asociadas co xeotropismo ou gravitropismo.

Os amiloplastos son plastos do grupo dos leucoplastos (incoloros, sen pigmentos). Os plastos son un tipo especializado de orgánulos que posúen o seu propio xenoma e pénsase que descenden de cianobacterias, que estableceron unha relación de endosimbiose cunha célula eucariota.

A síntese e almacenamento de amidón tamén ten lugar, aínda que non de forma tan masiva, nos cloroplastos, un tipo de plasto pigmentado encargado de facer a fotosíntese. Os amiloplastos e os cloroplastos están moi relacionados, xa que os plastos poden transformarse uns noutros. Un exemplo deste tipo de conversións é a dos amiloplastos do tubérculo da pataca, que se poden transformar en cloroplastos (adquiren clorofila), cando as patacas están expostas á luz. Os amiloplastos poden orixinarse tamén directamente a partir dos proplastidios por medio do depósito de amidón no seu interior, ou por rediferenciación dos cloroplastos.

Os gránulos de amidón que se observan nos amiloplastos teñen forma moi variada, hainos esféricos, ovais, alongados con forma de fémur, e normalmente están formados por capas concéntricas depositadas arredor dun punto, o hilo, que pode ser céntrico (gramíneas e leguminosas) ou excéntrico (Solanum). Cando hai máis dun hilo fórmanse grans compostos (Avena, Oryza). O gran de amidón é un esferocristal que con luz polarizada mostra a figura da cruz de Malta; tínguese de azul-negro con compostos iodados.

Comarca da Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A cal pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector de Os Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

A comarca ocupa unha extensión de 801,9 km² e tiña unha poboación de 21.964 habitantes no 2014 (IGE), cunha densidade de poboación de 27.39 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 40% desta poboación concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Coristanco

Coristanco é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños. Segundo o IGE no 2014 tiña 6706 habitantes (6974 no 2012, 7102 no 2011, 7165 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «coristanqués».

Escaravello da pataca

O escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata) é un insecto coleóptero dos crisomélidos. Ten no dorso cor laranxa e raias amarelas e negras. Son orixinarios de América do Norte e estragan as colleitas de patacas.

Fariña

A fariña é un po resultante de moer o gran, xeralmente dos cereais (especialmente trigo, millo etc). É o principal ingrediente do pan, o alimento básico en moitas partes do mundo. Tamén se obtén fariña dalgúns legumes e de froitos secos, como a soia e a améndoa.

A fariña é rica en amidón, que é un hidrato de carbono complexo. Cando a fariña se mestura con auga, o glute, unha proteína, actúa dándolle unha estrutura elástica á masa que permite "traballala" e que reteña burbullas de gas, o que resulta nunha textura final esponxosa. Este é un efecto buscado no pan, pasteis etc.

Algúns individuos padecen dunha intolerancia ao glute denominada celiaquía ou enfermidade celíaca, o que lles impide comer pan, pastas, pasteis ou calquera produto derivado do trigo, avea ou cebada, cereais que conteñen glute, pero hoxe pódense atopar no mercado produtos derivados de fariña sen glute.

Pataca de Galicia

A pataca de Galicia é unha indicación xeográfica protexida creada para destaca-la excelencia da pataca obtida en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre con tódolos requisitos esixidos neste.

O tubérculo definido como Pataca de Galicia correspóndese coa especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada "Kennebec", destinada ao consumo humano. Esta denominación de orixe abrangue unha superficie agrícola situada anualmente en torno ás 1.500 a 1.800 hectáreas de cultivo.

O terceiro domingo do mes de setembro, celébrase a festa da pataca no concello coruñés de Coristanco.

Pataca doce

A pataca doce (Ipomoea batatas), é unha planta da familia das convolvuláceas, da orde das Solanales (a mesma da pataca, do tomate, das pementas etc.). Orixinaria dos Andes, espallouse polos trópicos e subtrópicos de todo o mundo. A súa raíz tuberosa é comestíbel, aínda que non é popular o seu consumo en Galicia.

Polisacárido

Os polisacáridos son hidratos de carbono formados por combinación dun número variable de monosacáridos (entre dez e varios miles). Polo seu interese na alimentación cómpre destaca-los seguintes:

Amidón: constitúe a principal reserva de hidratos de carbono nos alimentos de orixe vexetal. O amidón almacénase en forma de gránulos de forma e tamaño diversos, propios de cada especie vexetal. O amidón é insoluble en auga, polo que non se pode dixerir sen un tratamento térmico adecuado previo: a cocción dos alimentos ricos en amidón (como a pataca ou a fariña) faino dixerible.

Glicóxeno: unicamente presente en alimentos de orixe animal, nos que constitúe unha forma de reserva de glicosa equivalente á do amidón nos vexetais. O glicóxeno localízase no músculo e no fígado.

Celulosa: formada por miles de moléculas de glicosa, atópase na membrana das células vexetais. Resulta indixerible para o home e os animais carnívoros mentres que os herbívoros contan cunha flora intestinal capaz de degradala e asimilala.

Fibra alimentaria: constituída pola combinación de diversos polisacáridos (como a celulosa, pectina e outros) xunto á lignina, que non é un hidrato de carbono. A fibra alimentaria dá a estrutura fibrosa característica das verduras, froitas ou cereais. Non é asimilable pero resulta imprescindible para un correcto funcionamento do aparato dixestivo.Outros polisacáridos presentes nos alimentos son os que constitúen as gomas hidrocoloidais, de diversa composición e características.

Século XVII

século XVI < século XVII > século XVIII

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1601 e o 31 de decembro de 1700.

Acontecementos importantes

Guerra dos Trinta Anos

É o século do Barroco.

A pataca comeza a cultivarse en IrlandaPersonaxes destacadas

Luís XIV de Francia, o rei Sol

Isaac Newton

Galileo Galilei

Carlos I de Inglaterra

Carlos II de Inglaterra

René Descartes

Tortilla de patacas

A tortilla de patacas tamén coñecida como tortilla española é un prato cociñado, composto basicamente por ovo e pataca, e que adoita levar cebola e sal. Este prato pode combinar con carne, chourizo ou distintos vexetais. Ten un aspecto plano e circular, porque se fai na tixola.

As patacas frítense en aceite ata que están practicamente feitas, e logo mestúranse co ovo batido. A masa resultante bótase de novo na tixola e frítese, máis ou menos dependendo do gusto de cadaquén.

A tortilla francesa é aquela que non emprega pataca, e limítase a fritir o ovo batido.

Traba, Coristanco

Santa María de Traba é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2013 tiña 808 habitantes (426 mulleres e 382 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 857 habitantes.

Desde 1980 vense celebrando a Festa da pataca a finais de setembro.

Tubérculo

En botánica, tubérculo refírese ao caule arredondado que algunhas plantas verdes desenvolven por baixo do chan como órganos de reserva de enerxía (en xeral amidón e inulina). O exemplo mais coñecido é a pataca.As plantas úsanos para sobrevivir ao inverno ou aos meses máis secos, fornecendo enerxía e nutrientes durante a próxima estación de crecemento. Alén diso serven coma un medio de reprodución asexuada. Posúe pequenas follas escamosas e xemas minúsculas coñecidas como "ollos". Eses "ollos" agroman, dando orixe a novas plantas, que retiran o seu alimento do tubérculo, até que as propias raíces e follas se formen.A reprodución deste tipo de plantas faise por semente, aínda que tamén se pode facer por plantación do mesmo tubérculo, como se fai case sempre coa pataca.

Vitamina B1

A vitamina B1, tamén coñecida como tiamina , é unha substancia que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico. Ademais participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervioso. A súa forma activa é o pirofosfato de tiamina (TPP).

A súa absorción no intestino realízase facilmente, polo que a súa falta na dieta causa problemas metabólicos, en particular a nivel do metabolismo dos carbohidratos, poucos días despois.

A carencia de vitamina B1 produce unha enfermidade con sintomatoloxía nerviosa denominada beriberi.

A vitamina B1 ou tiamina atópase na carne de vacún ou de porco, noces, garavanzos, millo, ovos, figos secos, fígado, avea, chícharos, cacahuetes, pataca, arroz integral, fabas de soia, trigo e fariña branca enriquecida.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.