Partido Socialista Galego

O Partido Socialista Galego ou PSG foi un partido galego nacionalista de esquerdas fundado na clandestinidade en 1963 e fusionado con Esquerda Galega en 1984.

Partido Socialista Galego (PSG)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
LíderFrancisco Fernández del Riego
Xosé Manuel Beiras Torrado
Historia
Fundación23 de agosto de 1963
Disolución19841
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Federalismo
Nacionalismo galego
1 Unión con Esquerda Galega para fundar PSG-EG

Fundación

O 23 de agosto de 1963 Mario Orjales Pita, Salvador Rey Rodríguez, Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco López, Manuel Caamaño Suárez e Ramón Piñeiro fundaron o PSG nunha xuntanza clandestina no despacho de Sebastián Martínez Risco.

Baixo o lema de federalismo, socialismo e democracia o novo partido atraeu a antigos membros do Partido Galeguista como Francisco Fernández del Riego, que foi elixido presidente do partido, Amando Losada, Domingo Pombo e a mozos influídos polo piñeirismo como Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras Torrado, Valentín Arias e Ramón Lugrís. Con todo nos primeiros anos o PSG foi basicamente un partido de cadros, ratificado no documento político de 1966, Os Nosos Principios, con escasa base militante, pero con boas relacións con outras forzas socialistas de Cataluña, Comunidade Valenciana e o País Vasco e cun pequeno núcleo de activistas na Universidade de Santiago de Compostela[1]

Historia

Durante a primeira época un dos principais obxectivos do PSG foi establecer relacións con outros partidos socialistas europeos[2], acudiron a xuntanzas en Italia e Francia con outros partidos e estableceron unha relación estreita co Moviment Socialista de Catalunya e grazas á súa colaboración en 1965 comezou a editar en Perpiñán o seu voceiro Adiante, e dende 1969 editouse en Galicia co nome de Galicia Socialista. Pero nos últimos anos da década o PSG deixou de ter actividade pública.[3]

Para activar o partido en 1970 conformouse unha dirección colexiada que lle deu unha diferente análise estratéxica e ideolóxica cun maior énfase no carácter nacionalista do PSG, en 1972 o PSG elixiu como secretario xeral a Xosé Manuel Beiras, e asumiu como súa a teoría do colonialismo interior. En 1974 o PSG participou na Conferencia Socialista Ibérica co PSOE, Moviment Socialista de Catalunya, Partit Socialista del País Valencià e a Unión Sindical Obreira, que en 1976, xa sen o PSOE, se transformou na Federación de Partidos Socialistas.

PSG-1977
Cartel do PSG de 1977.

En 1975 integrouse no seo do PSG o Movemento Socialista de Galicia de Álvarez Gándara e González Amadiós. Os malos resultados das eleccións xerais de 1977 e as presións do PSOE esfarelaron a FPS e o PSG entrou en crise, Beiras saíu da dirección, entrou unha dirección colexiada con Valentín Arias como coordinador, e os partidarios de se achegar ao PSOE plasmado no manifesto coñecido como Documento dos 19 formaron o 2 de abril de 1978 o Colectivo Socialista-PSG, liderado por Rodríguez Pardo, Ceferino Díaz e Fernando González Laxe, que agrupaba arredor de 100 militantes. A dirección do PSG optou por expulsar ao colectivo, que acabou integrándose no PSOE.

O PSG participou na constitución de Unidade Galega para se presentar ás eleccións xerais e municipais de 1979, pero a diferenza do resto de partidos integrantes de UG negouse a entrar na Comisión dos 16, que tiña que elaborar o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

No II Congreso de xuño de 1980 desbotouse a posibilidade de confluír co Partido Obreiro Galego, pero apoiouse a creación da Mesa de Forzas Políticas Galegas co BNPG, co programa das Bases constitucionais de 1976. Esta decisión de se achegar ao BNPG levou a un forte descontento no seo do PSG que provocou a saída dun grupo de militantes, arredor de 50 entre eles os históricos Valentín Arias e Mario Orxales[4].

Para as eleccións autonómicas de 1981 acudiu en coalición electoral co BNPG; dos tres deputados elixidos, Claudio López Garrido era militante do PSG. Cando se formou o BNG, o PSG integrouse nel, pero no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 decidiu abandonalo, o que provocou a escisión do PSG. Unha parte ingresou no BNG como Colectivo Socialista tras a decisión do PSG de concorrer en solitario ás eleccións municipais de 1983 e o resto, liderado unha secretaria colexiada na que estaban Domingos Merino, Claudio López Garrido, Lois Mazás ou Xosé Paz fusionouse con Esquerda Galega en 1984 formando o PSG-EG.

Militantes

O PSG foi un partido de cadros e cunha forte impronta culturalista[5], ata 1975 non pasou de 100 afiliados, e chegou ata os 650 afiliados arredor de 1980.

Notas

  1. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao, 1998, páx. 92-94
  2. Miguel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Santiago de Compostela, 2003, páx. 41
  3. Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello, Conversas con Xosé Manuel Beiras, Santiago de Compostela, 1989, páx. 171
  4. Manuel Rivas, Crise en Unidade Galega, rebumbio na esquerda, Man Común 1, 1980
  5. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 136
Adiante (Perpiñán)

Adiante foi o voceiro do Partido Socialista Galego entre 1965 e 1976.

Asemblea Popular Galega

A Asemblea Popular Galega (APG) foi unha organización política creada o 10 de outubro de 1976 por un grupo escindido da Asemblea Nacional-Popular Galega por considerar a esta última próxima de máis á Unión do Povo Galego. Os seus líderes eran Xan López Facal, César Portela, Carlos Vázquez e Mario López Rico e celebrou o seu primeiro Congreso en decembro de 1976. A APG apoiaba ao Partido Socialista Galego e formaban parte dela un sector escindido das Comisións Labregas denominado Comisións Labregas Terra e os Comités de Traballadores Galegos. Participou na posta en marcha da revista Teima (1976-1977). A APG deixou de existir o 4 de decembro de 1977.

Bloque Nacional Popular Galego

O Bloque Nacional Popular Galego (BNPG ou BN-PG) foi unha organización política constituída en abril de 1977 pola Unión do Povo Galego e a Asemblea Nacional-Popular Galega. Tiña un obxectivo soberanista para Galiza, presentándose como alternativa ao autonomismo.

Bloque Nacionalista Galego

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Considérase como unha organización de esquerda (influenciada pola socialdemocracia e o marxismo) e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza e 7 deputados no Parlamento de Galicia. Tamén chegou a ter un eurodeputado no Parlamento Europeo (Camilo Nogueira), e actualmente conta cun posto na Eurocámara rotatorio entre os seus socios (a representante do BNG é Ana Miranda).

A Voceira Nacional é Ana Pontón, quen desde febreiro de 2016 substitúe a Xavier Vence.

O BNG conta cunha organización xuvenil dende 1988, Galiza Nova, cuxa militancia ten un carácter moito máis independentista que o propio partido.

Camilo Nogueira Román

Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Colectivo Socialista

O Colectivo Socialista é unha organización política que forma parte do BNG. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

Cando o Partido Socialista Galego decidiu saír do BNG no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 un grupo de militantes desconformes formaron o Colectivo Socialista, ingresando no seo do BNG.

Composición do Parlamento de Galicia

No Parlamento de Galicia sentan 75 deputados (71 nas dúas primeiras lexislaturas). A maioría absoluta son 38 deputados (36 nas dúas primeiras lexislaturas).

Darío Álvarez Blázquez

Darío Álvarez Blázquez, nado en Tui o 30 de setembro de 1910 e finado en Vigo o 7 de xuño de 1979, foi un médico e escritor galego.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1985

As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1985 celebráronse o 24 de novembro. Cun censo de 2 226 449 electores, os votantes foron 1 277 897 (57,4%) e 948.552 as abstencións (41,9%). Contabilizáronse 8.627 (0,7%) votos en branco. Coalición Popular gañou por maioría relativa, e conseguiu manter de presidente da Xunta de Galicia a Xerardo Fernández Albor grazas á abstención de Coalición Galega, o que provocaría unha escisión de 5 deputados neste partido encabezados por Pablo González Mariñas que pasaron ao Grupo Mixto. En setembro de 1986 ese grupo de deputados crean o Partido Nacionalista Galego. Tamén ese ano, o PDP, e en 1987 o PL, abandonan CP pero permanecen no Grupo Popular.

En outubro de 1986 Xosé Luís Barreiro é destituído como Vicepresidente da Xunta e expulsado de AP, formando xunto con outros 4 deputados desta o seu propio grupo político, Unión Democrática Galega (UDG), que en xuño de 1987 se integrou en Coalición Galega. En xullo dese ano un deputado de CG dimite e o seu substituto inscríbese no Grupo Popular.

Como resultado deste cambio de correlación de forzas, en novembro de 1987 aprobouse unha moción de censura que permitiu a investidura como presidente da Xunta a Fernando González Laxe (PSdeG-PSOE), co apoio de PSdG, CG-UDG, PNG e PSG-EG, co voto en contra de AP e a abstención do BNG.

En 1988 o PNG e o Partido Galeguista Nacionalista fusiónanse para formar o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), e en febreiro dese mesmo ano o líder do PDP Alejandrino Fernández Barreiro pásase do Grupo Popular ao de Coalición Galega. Finalmente, entre 1988 e 1989, dous deputados do PSdG e dous do PNG-PG pásanse ao Grupo Mixto.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1989

As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989 celebráronse o 17 de decembro. O PP gaña as eleccións con maioría absoluta, sendo investido Presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga. En 1991 Centristas de Galicia, que en principio se presentara en coalición co PP, intégrase nel. Ese mesmo ano Partido Socialista Galego-Esquerda Galega transfórmase en Unidade Galega.

Esquerda Galega

Esquerda Galega (EG) foi un partido nacionalista galego de esquerdas.

Movemento Socialista de Galicia

O Movemento Socialista de Galicia (MSG) foi un partido político nacionalista e socialista galego constituído a comezos do ano 1975. Os seus dirixentes eran Alfonso Álvarez Gándara, Francisco González Amadiós, Xosé Bar Boo, Basilio García Pérez e Fernando Ramos. O MSG defendía o autogoberno para Galicia e socialismo democrático e pretendía constituír o xermolo dun Partido Socialista de Galicia que con outros partidos socialistas das nacionalidades de España formaran un partido socialista de España. O MSG nunca pasou dun proxecto e a fins de 1975 integrouse no Partido Socialista Galego.

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.

Partido Obreiro Galego

O Partido Obreiro Galego (POG), foi un partido galego marxista e nacionalista, contaba con aproximadamente 200 militantes en 1977, principalmente en Vigo e Santiago de Compostela.

En 1977, logo das primeiras eleccións democráticas, Camilo Nogueira lidera un grupo, a Alternativa dos Traballadores Galegos, que se escinde do BNPG, partidario dun maior pluralismo ideolóxico, a colaboración con outras forzas e a aceptación da autonomía como un primeiro paso no autogoberno, en outubro funda un novo partido no que se integran ademais membros procedentes da Asemblea Popular Galega, Partido Comunista de Galicia, Partido Socialista Galego, Partido dos Traballadores de España e Movemento Comunista de Galicia.

Os líderes do novo partido foron Camilo Nogueira, Xan López Facal e nun primeiro momento Xosé Vilas Nogueira.

Logo do I Congreso intégrase na coalición Unidade Galega para participar nas eleccións xerais e municipais de 1979.Propugnou o voto en branco no referendo da Constitución de 1978 e o negativo no Estatuto de 1981. En decembro de 1980 refúndase co nome de Esquerda Galega.

Partido Popular Galego

Para a organización galega do Partido Popular, ver Partido Popular de Galicia.O Partido Popular Galego (PPG) foi un partido galeguista de centro dos anos da transición.

Fundouse en xullo de 1976 ao se unir a Unión Democrática de Galicia, liderada por Xaime Illa Couto, e Esquerda Democrática Galega, liderada por Fernando García Agudín e ligada á Izquierda Democrática de Joaquín Ruiz-Giménez. No seo do partido establecéronse dúas posicións, os partidarios do mantemento do partido cuns claros sinais galeguistas e os partidarios da integración na UCD, este último grupo acabará marchando do PPG antes das eleccións de 1977.

Partido Socialista Galego-Esquerda Galega

O Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG) foi un partido nacionalista galego de esquerdas.

Partido dos Socialistas de Galicia

Para a historia do PSOE en Galicia antes da constitución do PSdeG véxase Partido Socialista Obrero Español en Galicia.O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) é un partido político galeguista e socialdemócrata de ámbito galego, federación do Partido Socialista Obreiro Español en Galicia.

Conta con 1.181 concelleiros e 111 alcaldías, entre elas as de 5 das 7 cidades galegas. Ademais ten 14 deputados no Parlamento de Galicia, 10 no Congreso dos Deputados e 8 no Senado.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras ou simplemente Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e catedrático en economía galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas.

Ten sido membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova), asemade ten impulsado coalicións electorais con representación parlamentar como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea. Nese tempo, foi tamén portavoz no Parlamento de Galicia do BNG (1985-2005) e AGE (2012-2016).

No eido profesional ten estado á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago (USC). Tamén é un prolífico escritor, ex-numerario da Real Academia Galega (RAG).

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.