Partido Republicano Radical

O Partido Republicano Radical ou PRR, máis coñecido simplemente como Partido Radical, foi un partido político español fundado por Alejandro Lerroux en 1908 en Santander, ao escindirse da histórica Unión Republicana de Nicolás Salmerón.

Escudo PRR
Escudo do PRR.

Historia

A súa base ideolóxica foi moi cambiante, oscilando as súas formulacións entre o radicalismo anticlerical e violento, participando moi activamente nos feitos da Semana Tráxica de Barcelona (1909), o republicanismo moderado e o conservadorismo e a colaboración coa dereita monárquica e confesional, durante a Segunda República. O partido sufriu diversas escisións ao longo da súa existencia. En 1929, o sector máis progresista, liderado por Marcelino Domingo, separouse do PRR para fundar o Partido Republicano Radical Socialista, que acabaría en gran parte confluíndo na Izquierda Republicana de Manuel Azaña. En abril de 1934, xa co Partido Radical dentro do goberno republicano, Diego Martínez Barrio saíu do partido cos cadros máis moderados para fundar o Partido Radical Demócrata, en desacordo coa liña dereitista da maioría radical.

No derradeiro alento do reinado de Afonso XIII, o Partido Radical foi un dos asinantes principais do Pacto de San Sebastián, e como tal participou no Comité Provisorio que comandou o derrocamento da Monarquía e do Goberno Provisorio que substituíu ao Goberno da Monarquía trala proclamación da II República, o 14 de abril de 1931. Durante o primeiro bienio republicano, no que ocupou 89 asentos nas Cortes Constituíntes, o Partido Radical distinguiuse por combater desde o centro-dereita as políticas de esquerdas dos gobernos de Azaña. Tralas eleccións de 1933, que deron maioría ás dereitas no Parlamento e nas que obtivo 104 escanos, o Partido Radical liderou o goberno da República, primeiro en solitario (un gabinete monocolor apoiado pola CEDA), e despois en coalición coa Confederación Española de Derechas Autónomas de José María Gil Robles. Ao longo do seu mandato, tivo que facer fronte á Folga xeral revolucionaria de 1934. Tras controlar a situación no resto do país, o Goberno radical detivo a Lluís Companys, suspendeu a Generalitat e mandou á Lexión a combater a insurrección obreira en Asturias, que foi duramente reprimida polos xenerais Franco e Goded. Os gobernos radicais sucedéronse, progresivamente debilitados por numerosos escándalos de corrupción (entre eles, o do Estraperlo) en que se viron envolvidos os seus líderes, e cada vez máis impotentes para estabilizar unha situación social cada vez máis crispada e enrarecida, ata as eleccións de 1936, en que o triunfo da coalición das esquerdas deu paso ao Goberno da Fronte Popular. Como o resto de partidos políticos activos durante a República salvo o chamado Movemento Nacional (FET y de las JONS), o Partido Radical Republicano foi ilegalizado trala vitoria do bando nacional na guerra civil.

O Partido Republicano Radical en Galicia

O Partido Republicano Radical foi un dos primeiros partidos republicanos presentes en Galicia, tiña unha importante militancia nas cidades de Pontevedra, dirixido por Emiliano Iglesias, e A Coruña, dirixido por Gerardo Abad Conde, tamén a fins da ditadura de Primo de Rivera conseguiu unha certa base agraria grazas a entrada dun xa dereitizado Basilio Álvarez no partido.

Participou na formación da Federación Republicana Gallega, o PRR representaba en Galicia os intereses da burguesía e ata a proclamación da II República carecía dunha estrutura galega propia e logo conforma un Comité Rexional. Tras a saída da FRG o 6 de maio de 1931[1], o PRR comezou unha campaña de rivalidade coa ORGA e presentouse en solitario para as eleccións a Cortes Constituíntes, agás na provincia de Pontevedra na que Emiliano Iglesias concorreu na coalición republicano-socialista. O PRR conseguiu 11 escanos converténdose na segunda forza política de Galicia. Nas Cortes os seus deputados galegos desenvolveron unha política antiautonomista e conservadora. Con arredor de 2000 militantes controlaba a maioría dos centros e casinos republicanos[2]. Despois das eleccións de 1933 con 15 escanos converteuse na principal forza política de Galicia, converténdose un baluarte das políticas máis conservadoras e antiautonomistas no seo do republicanismo. En 1934 con Diego Martínez Barrio marcharon do partido boa parte dos militantes galegos que crearon a organización galega da Unión Republicana.

Contou cos periódicos El Radical da Coruña, El Radical de Ourense, Galicia Radical de Pontevedra e El Radical del Eo de Ribadeo.

Notas

  1. Carlos Sixirei Alfredo Somoza. Encadramento histórico dunha figura esquecida do nacionalismo galego. Ediciós do Castro, 1987, páxina 43
  2. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 28

Véxase tamén

Bibliografía

  • Townson, Nigel (2002). La República que no pudo ser. La política de centro en España (1931-1936). Madrid: Taurus. ISBN 84-306-0487-1.
4 de marzo

O 4 de marzo é o 63º día do ano do calendario gregoriano e o 64º nos anos bisestos. Quedan (302) días para finalizar o ano.

Acción Republicana

Acción Republicana foi unha agrupación política progresista e republicana fundada por Manuel Azaña en 1925 que se constituíu en partido político en 1930. Entre os acenos de identidade do partido, destacaban o autonomismo, o compromiso coa reforma agraria e a reforma do Exército.

Como grupo integrado na Alianza Republicana, participou no Pacto de San Sebastián para derrocar a Monarquía de Afonso XIII, e implicouse na construción e consolidación da II República. Formou parte do Goberno Provisional que se fixo cargo do país tras a saída de España do Rei.

Obtivo 30 deputados nas eleccións xerais de 1931, e enseguida converteuse, a pesar da súa relativamente escasa forza parlamentaria, nunha formación central dos Gobernos da República ata 1933, liderados polo seu presidente, Manuel Azaña.

Tras a derrota dos republicanos de esquerda nas eleccións dese ano, nas que Acción Republicana só obtivo 10 escanos, o partido fusionouse con outros grupos republicanos (como a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e o Partido Republicano Radical Socialista en 1934) para formar Izquierda Republicana, baixo o liderado de Azaña.

Alejandro Lerroux

Alejandro Lerroux García, nado en La Rambla (Córdoba) o 4 de marzo de 1864 e finado en Madrid o 25 de xuño de 1949), foi un político andaluz, que ocupou a presidencia do goberno de España durante un breve período da Segunda República.

El Noroeste (1896)

El Noroeste foi un xornal que se editou na Coruña entre 1896 e 1934.

El Radical (1931)

El Radical foi un periódico editado en Ourense en 1931.

Eleccións xerais de España de 1910

As eleccións xerais de España de 1910 foron convocadas o 8 de maio, trala crise do goberno conservador de Antonio Maura por mor da Semana Tráxica de Barcelona en 1909, baixo sufraxio universal masculino. En total foron elixidos 404 deputados, e o partido máis votado foi o Partido Liberal, dirixido por José Canalejas. O Partido Conservador quedou moi debilitado, e en Navarra presentouse en coalición con carlistas e integristas. Tamén se presentou unha Conxunción Republicano-Socialista, dirixida polo escritor canario Benito Pérez Galdós, que reuniu na coalición diversos grupos republicanos, o Partido Socialista Obreiro Español, o Partido Republicano Radical e o Partido Republicano Democrático Federal. A Unión Federal Nacionalista Republicana, unha vez rota a Solidariedade Catalá presentouse en solitario e por primeira vez rompeu a hexemonía da Lliga Regionalista en Cataluña.

Foi elixido Presidente do Congreso o liberal conde de Romanones, que foi substituído en 1912 por Segismundo Moret; á súa morte en 1913 accedeu á Presidencia Miguel Villanueva. O Presidente do Senado foi Eugenio Montero Ríos.

O xefe de goberno foi José Canalejas, que foi asasinado o 12 de novembro de 1912. Substituíuno entón o conde de Romanones que dimitiu o 27 de outubro de 1913 debido á división interna do partido de Manuel García Prieto, fundador do Partido Liberal Demócrata. Ao mesmo tempo, tamén houbo división no Partido Conservador cando Antonio Maura e Juan de la Cierva Peñafiel non aceptaron o liderado de Eduardo Dato. Máis tarde crebou tamén a Conxunción Republicano-Socialista, a pesar do relativo éxito obtido.

Eleccións xerais de España de 1918

As eleccións xerais de España de 1918 tiveron lugar o 24 de febreiro de 1918, convocadas no medio da crise política e económica provocada pola Asemblea de Parlamentarios e a folga xeral de 1917, baixo sufraxio universal masculino. En total foron elixidos 409 deputados ao Congreso, e o partido máis votado foi o Liberal Conservador, dirixido entón por Eduardo Dato, pero as dúas faccións do Partido Liberal dirixidas por Manuel García Prieto e o conde de Romanones, en conxunto, obtiveron máis votos.

Como novidade, cabo destacar a presentación dunha Alianza de Esquerdas, formada polo Partido Reformista (9 deputados), Federación Republicana (10 escanos), Partido Socialista Obrero Español (6 escanos), Partit Republicà Català (4 escanos), Partido Republicano Radical (2 escanos), PURA (un escano), Partido Republicano Democrático Federal (un escano) e republicanos nacionalistas cataláns independentes (2 escanos), que intentaron presentar unha alternativa ao turnismo baixo a dirección de Melquíades Álvarez. Só obtivo 35 escanos, pero con certo eco en Cataluña.

Foi elixido presidente do Congreso o liberal demócrata Miguel Villanueva e presidente do Senado Alejandro Groizard. O xefe de goberno foi Antonio Maura, quen dirixiu un gabinete de concentración con conservadores, liberais e da Lliga Regionalista. O 9 de novembro foi substituído por un goberno de concentración das forzas liberais dirixido por Manuel García Prieto, pero aos 26 días dimitiu e o 5 de decembro formouse un novo goberno dirixido polo conde de Romanones, quen en xaneiro de 1919 suspendeu as garantías constitucionais. O 15 de abril de 1919 foi cesado e convocáronse novas eleccións.

Eleccións xerais de España de 1933

O 19 de novembro de 1933 celebrouse a primeira volta das segundas eleccións xerais da Segunda República Española para as Cortes e foron as primeiras en que as votaron as mulleres exerceron o dereito ao voto. As eleccións deron a maioría aos partidos de centro-dereita e de dereitas, o que deu lugar ao denominado bienio radical-cedista ou bienio negro dos anos 1933-1936.

Emiliano Iglesias

Emiliano Iglesias Ambrosio, nado en Ponteareas o 28 de xullo de 1878 e finado en Madrid o 3 de outubro de 1941, foi un político galego.

Izquierda Republicana

Izquierda Republicana (IR) é un partido político español republicano de esquerdas formado o 3 de abril de 1934 pola unión da Acción Republicana, Acción Socialista, o sector esquerdista do Partido Republicano Radical Socialista e a Organización Republicana Gallega Autónoma.

Izquierda Republicana en Galicia

Izquierda Republicana estaba constituído en Galicia ao se formar en abril de 1934 basicamente polos militantes procedentes do Partido Republicano Gallego, xa que o Partido Republicano Radical Socialista Independiente estaba formado polo sector minoritario do antigo Partido Republicano Radical Socialista e a Acción Republicana apenas tiña representación no país fóra de Pontevedra ao se pasar a AR a maior parte da agrupación local do PRG en 1933.

Ao longo do ano 1934 realizouse unha campaña de afiliación que conduciu ao establecemento de numerosas agrupacións locais en contraposición ao resto dos partidos republicanos que eran partidos de notables e non de masas. En 1935 IR e o Partido Galeguista asinaron unha serie de acordos de colaboración, IR foi partido máis favorable o Estatuto de Autonomía despois do propio PG, que aumentaron ao establecerse a Frente Popular, no cal IR constituíu a principal forza en Galicia, conseguindo 11 escanos nas eleccións de 1936.

Lista de presidentes de España

Até 1834 a denominación oficial foi a de Secretario de Estado de España. Ese ano comezou a se empregar a de Presidente do Consello de Ministros, que se mantivo até 1967 en que apareceu a de Presidente do Goberno de España, aínda que non se fai efectiva como denominación até 1973 co nomeamento de Luis Carrero Blanco.

Organización Republicana Gallega Autónoma

A Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) foi un partido político galego, de carácter republicano e autonomista que se fundou no outono de 1929 na Coruña coa participación das Irmandades da Fala locais e o Casino Republicano dirixido por Santiago Casares Quiroga, quen se converteu no seu principal dirixente a pesar de seren maioritarios os galeguistas nun primeiro momento, o que explica que no seu primeiro manifesto a ORGA reclamara unha república federal e que cando o sector galeguista quedou en minoría a ORGA defenda o autonomismo, inda que mornamente.

Partido Radical Demócrata

O Partido Radical Demócrata foi un partido político da Segunda República Española, de ideoloxía republicana e radical, liderado por Diego Martínez Barrio.

Partido Republicano Radical Socialista

O Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), máis coñecido como Partido Radical Socialista foi un partido republicano xurdido en España en 1929 froito da escisión da tendencia de esquerdas do Partido Republicano Radical. Os principais líderes deste novo partido foron Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz e Félix Gordón de Ordás. O partido acadou un importante éxito nas eleccións de 1931, con 54 escanos. Nas eleccións de 1933 só obtivo cinco. A ideoloxía era republicana de esquerdas, defensora dun estado laico, fondamente anticlerical; reformista en aspectos fiscais, agrarios e do exército. O PRRS participou nos gobernos de esquerdas do Primeiro Bienio (1931-1933) so o liderado de Manuel Azaña, que incluía a republicanos de esquerda e a socialistas. Álvaro de Albornoz foi un dos principais ideólogos da lexislación laica da Segunda República desde o seu posto de ministro de Xustiza. O Partido Republicano Radical Socialista viuse afectado por numerosas crises ao longo da súa existencia. En 1932, Botella Asensi marchou do PRRS para fundar Izquierda Radical-Socialista (IRS). Ao ano seguinte, profundas discrepancias sobre a colaboración cos socialistas no seo do goberno abriron unha grave fenda no seo do partido, os sectores máis á esquerda, liderados por Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz, partidarios de manter a coalición co PSOE, enfrontáronse ao sector máis á dereita, encabezado por Félix Gordón de Ordás, defensor do achegamento ao Partido Radical de Alejandro Lerroux e que habería de confluír coa Izquierda Radical-Socialista e unha escisión da esquerda do Partido Radical na Unión Republicana. A finais dese ano, o sector progresista abandonou o partido para fundar o Partido Republicano Radical Socialista Independiente, que se fusionaría con Acción Republicana e a Organización Republicana Gallega Autónoma para dar lugar a Izquierda Republicana, o 3 de abril de 1934.

Partido Republicano Radical Socialista Independiente

O Partido Republicano Radical Socialista Independiente (PRRSI) foi un partido político español de ideoloxía republicana de esquerda e de breve existencia durante a Segunda República Española.

Orixinado no seo do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), en 1933 profundas discrepancias sobre a colaboración cos socialistas no goberno abriron unha grave fenda no PRRS. Os sectores máis esquerdistas, liderados por Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz, partidarios de manter a coalición co PSOE, enfrontáronse ao sector máis dereitista, encabezado por Félix Gordón de Ordás, máis proclive ao achegamento ao Partido Radical de Lerroux. A finais dese ano, o sector progresista abandonou o partido para fundar o PRRSI, que se fusionou con Acción Republicana e a Organización Republicana Gallega Autónoma para dar lugar a Izquierda Republicana, o 3 de abril de 1934.

Partido Republicano Radical Socialista en Galicia

O Partido Republicano Radical Socialista apareceu xa, ao pouco de escindirse do Partido Republicano Radical, no Pacto de Lestrobe (1930) que deu orixe á Federación Republicana Gallega pero a súa implantación en Galicia foi mínima e despois de proclamada a Segunda República deixou a federación, os radicais socialistas tan só puideron presentar candidatura en Ourense nas eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 en coalición coa FRG e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense conseguindo 2 escanos. Ao longo do ano 1931 o PRRS estableceu agrupacións locais no resto das cidades galegas, contando con arredor dun milleiro de militantes e varios miles máis en sociedades agrarias vencelladas ao partido na provincia de Ourense e as alcaldías de Vigo e A Coruña. Contaba como órganos de prensa con El Noroeste da Coruña, La República de Pontevedra, o semanario Horizontes de Lugo e La Vanguardia da Estrada.

En 1933 o partido deixou de existir en Galicia polas diferenzas internas, en 1934 a maior parte dos seus militantes acabaron por entrar en Unión Republicana e o sector minoritario participou na formación de Izquierda Republicana.

Unión Republicana (España 1934)

A Unión Republicana foi un partido político español xurdido trala fusión, en setembro de 1934, de varios grupos radicais: o Partido Radical Demócrata de Diego Martínez Barrio, escindido o 16 de maio dese ano do Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux en protesta polo seu achegamento a CEDA; a Izquierda Radical-Socialista de Botella Asensi, escindida do Partido Republicano Radical Socialista; e o á dereita do propio Partido Radical Socialista, liderado por Félix Gordón Ordás.

En 1935 integrouse na Frente Popular xunto cos socialistas, comunistas, Izquierda Republicana, nacionalistas e outros grupos progresistas.

Tralo triunfo frontepopulista nas eleccións de 1936, o líder da Unión Republicana, Martínez-Barrio, desempeñou interinamente a Presidencia da República trala destitución de Niceto Alcalá-Zamora, ata o nomeamento de Manuel Azaña.

Trala guerra, Unión Republicana converteuse, xunto con Izquierda Republicana, nunha das principais organizacións republicanas no exilio.

Unión Republicana en Galicia

A Unión Republicana contou en Galicia, ao se fundar en 1934, coa maioría dos militantes do Partido Republicano Radical Socialista, especialmente numerosos na Coruña, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela e co Partido Republicano Demócrata, de Diego Martínez Barrio que se escindira do Partido Republicano Radical en desconformidade co apoio deste á CEDA con agrupacións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo. Contaba como órganos de prensa con El Noroeste da Coruña e Democracia de Ourense.

A Unión Republicana apoiou o Estatuto de Galicia de 1936 e dentro da Frente Popular conseguiu catro escanos en Galicia nas eleccións de 1936.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.