Parque nacional

Véxase tamén: Espazo natural protexido.
Islas Cíes vistas desde Monte Ferro
Imaxe das Illas Cíes, as cales forman parte do único Parque Nacional galego.

Un parque nacional é, no marco lexislativo español, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente.[1][2] Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O termo de parque nacional pode ser unha figura legal similar noutros estados para a conservación de espazos naturais.

Parques nacionais por estados

España

No estado español existen os seguintes espazos naturais clasificados como "parques nacionais":[3]

Sortable table
Nome Comunidade autónoma Data de declaración Superficie (ha.)
Aigüestortes i Estany de Sant Maurici Cataluña 21/10/1955 14119
Archipélago de Cabrera Illas Baleares 29/4/1991 10021
Cabañeros Castela-A Mancha 20/11/1995 40856
Caldera de Taburiente Canarias 6/10/1954 4690
Doñana Andalucía 16/10/1969 54252
Garajonay Canarias 15/3/1981 3984
Illas Atlánticas Galiza 1/7/2002 8480
Monfragüe Estremadura 2/3/2007 18396
Ordesa e Monte Perdido Aragón 16/8/1918 15696,20
Picos de Europa Asturies 24/7/1918 67127,59
Serra de Guadarrama Madrid, Castela e León 25/7/2013 33960
Serra Nevada Andalucía 11/1/1999 85883
Tablas de Daimiel Castela-A Mancha 28/6/1973 3030
Teide Canarias 22/1/1954 18990
Timanfaya Canarias 9/8/1974 5107,50

Galiza

En Galiza ademais dos parques nacionais cabe engadir os espazos declarados polo goberno autonómico, os parques naturais. Ambas son unha das categorías de das áreas naturais protexidas de maior protección, co mesmo nivel de protección, e que lle corresponde á comunidade xestionalos. O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas, , que ampara ás illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, todas nas rías Baixas. As illas Cíes foron declaradas en 1980 como parque natural e declaradas máis tarde, a canda as demais illas das Rías Baixas, como Parque Nacional[4][5]

Portugal

A lexislación portuguesa ten recoñecido só ao Parque Nacional de Peneda-Gerês como parque natural. Este forma parte da reserva da biosfera galego-portuguesa Gerês-Xurés.[6]

Notas

  1. Boletín Oficial del Estado, eds. (15/12/2007). "Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. «BOE» núm. 299, de 14/12/2007.". Consultado o 2017-10-03.
  2. Presidencia da Xunta de Galicia (Martes, 04 de setembro de 2001). Xunta de Galicia, eds. "LEI 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia." (DOG Núm. 171): 11.754.
  3. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medioambiente, Goberno de España (eds.). "Red de Parques Nacionales: nuestros parques". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2017. Consultado o 04 de novembro de 2017.
  4. (Dirección Técnica) Ricardo García-Borregón Millán, Rogelio Fernández Díaz, Belén Bris Marino (Redacción) Pablo Ramil Rego, Rafael Crecente Maseda, Javier Ferreiro da Costa, Boris Alejandro Hinojo Sánchez, Belén de Nóvoa Fernández, Marco Antonio Rubinos Román, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, Juan Picos Martín, Xana Álvarez Bermúdez, Víctor Estévez González, Enrique Urcola Fernández-Miranda, Patricio Aguilar Cavanillas, Lucía Martínez de la Fuente (Xuño de 2012). Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, Documento de síntese (PDF). Santiago de Compostela. p. 253. Consultado o 17/09/2017.
  5. Norma RD 2497/1980 publicada no BOE/DOGa 15/11/1980
  6. Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (eds.). "Parque Nacional da Peneda-Gerês".
Australia Occidental

Australia Occidental (Western Australia, en inglés) é o maior dos estados de Australia, chegando a cubrir o terzo occidental do país-continente. Limita con Australia Meridional e o Territorio do Norte. Ten unha extensión total de 2 525 500 km².

Na súa cidade capital, Perth, situada a beiras do río Swan, viven 1,5 millóns de persoas, é dicir as dúas terceiras partes dos habitantes do estado.

Gran parte do estado é árido, alberga dous desertos: Gibson e Vitoria, pero tamén se destaca pola gran cantidade de parques nacionais.

Entre as principais atraccións do estado están:

Parque Nacional de Namburg, ao norte de Perth, famoso polas súas formacións de pedra calcaria.

Wave Rock, situado ao leste da capital, é unha curiosa formación rochosa con forma de onda.

Ningaloo Reef o arrecife máis grande do estado, situado a beiras da cidade de Coral Bay, lugar moi apreciado polos mergulladores e santuario do quenlla balea.

Parque Nacional Kalbarri, lugar de grandes cantiis formados polos ríos.

Parque Nacional de Purnululu, situado ao norte do estado onde se atopan uns curiosos outeiros en forma de cono, na zona coñecida como Bungle Bungle Range.Australia Occidental é un estado mineiro, que achega o 25% do ingreso nacional. Extráese ouro, carbón, mineral de ferro e diamantes, entre outros.

Tamén existen áreas vitivinícolas, en Perth e Swan Valley, que prosperan grazas ao excelente clima e chan para este cultivo.

Burón

Burón é un concello español da provincia de León. A súa poboación é de 360 habitantes (INE 2011). Está situado no Parque Nacional dos Picos de Europa.

Centro de Visitantes Cambón

O Centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un centro de interpretación aberto en decembro de 2012 na cidade de Vigo, de titularidade autonómica. A temática é o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), o único Parque Nacional en Galicia.

Cíes

As Illas Cíes, chamadas no pasado Illas de Baiona forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo, pertencente ás Rías Baixas, na provincia de Pontevedra, Galiza. As illas pertencen ao concello de Vigo, aínda que eclesiasticamente pertencen á parroquia de Santiago de Cangas e Illas Cíes de Cangas. Foron declaradas parque natural en 1980, e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza creado o 1 de xullo de 2002. Son tamén unha zona especial de conservación (ZEC) e, polas importantes colonias de aves mariñas, contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves da Rede Natura 2000.

Doñana

Doñana é un espazo natural protexido español situado en Andalucía, entre as provincias de Cádiz, Huelva e Sevilla, que conta con 108.086 ha (54.251 ha no Parque Nacional, e 53.835 ten no Parque Natural). Comprende tanto o Parque Nacional de Doñana (creado en 1969) como o Parque Natural de Doñana (creado en 1989 e ampliado en 1997), e a súa grande extensión de marismas acolle durante o inverno a numerosas especies de aves acuáticas, que adoitan alcanzar cada ano os 200.000 individuos.

Debido á súa privilexiada situación xeográfica entre dous continentes e a súa proximidade ao lugar de encontro do Atlántico e do Mediterráneo, o Estreito de Xibraltar, en Doñana pódense observar máis de 300 especies diferentes de aves ao ano, ao ser lugar de paso, cría e invernada para miles delas (acuáticas e terrestres) europeas e africanas. Aquí repousan aves acuáticas de toda Europa Occidental, localizándose infinidade de especies nas marismas e arredores procedentes de África e Europa.

Con diferentes institucións científicas no seu interior que velan por un desenvolvemento axeitado das bisbarras limítrofes e a conservación dalgunhas especies moi delicadas que habitan nel, considérase a maior reserva ecolóxica de Europa. Foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1994. No ano 2006 o parque recibiu 376.287 visitas.

O seu nome provén segundo algúns do de Dona Ana de Silva e Mendoza, esposa do VII Duque de Medina-Sidonia. Segundo outros de Ana Mallarte, casada con Sancho de Herrera, arrendatario dos pastos da parte de El Palacio en 1545.

Gran Baía Australiana

A Gran Baía Australiana (inglés: Great Australian Bight) é unha inmensa baía situada ao sur de Australia, no océano Índico. Esténdese desde o cabo Pasley (no estado de Australia Occidental, dentro do Parque Nacional Cabo Árido) ata o cabo Carnot (en Australia Meridional, dentro do Parque Nacional Lincoln), cunha distancia total de 1.160 km. A súa maior parte esténdese ao sur da chaira de Nullarbor.

Illa de Cortegada

A illa de Cortegada está situada na ría de Arousa preto do estuario do río Ulla , fronte ás costas do Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa. É a meirande illa do arquipélago de Cortegada, que contén ademais as illas Malveiras ou as illas Briñas, e está incluído no parque nacional das Illas Atlánticas.

É case unha illa de marea, únese á terra na baixamar polos viveiros (aínda que queda un fluxo de auga, pódese pasar andando). Ten unha extensión de 5 hectáreas e unha superficie de 2,5 quilómetros cadrados con algunhas praias e dous pequenos outeiros de pouco máis de 20 metros de altura cubertos por unha abundante flora; o maior bosque de loureiros da Península Ibérica, piñeiros, e outra vexetación.

Illa de Ons

A Illa de Ons forma parte dun pequeno arquipélago formado por illas e illotes que se atopa na entrada da ría de Pontevedra. A illa de Ons, cos seus 5,5 km de lonxitude e 800 metros de anchura, é a illa máis extensa do Atlántico peninsular. A zona occidental é a máis escarpada, con abruptos cantís, en cambio a oriental é máis suave e conta con numerosas praias.

Ons conforma, xunto coas Cíes, Sálvora e Cortegada, o primeiro Parque Nacional de Galiza. Cabe destacar a súa arquitectura popular mariñeira e a súa gastronomía.[Cómpre referencia]

Illa de Sálvora

A Illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence na actualidade á parroquia de Aguiño (concello de Ribeira), creada no ano 1959. Anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, a que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres forma o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002.

Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. Na illa, que foi de titularidade privada ata 2007, atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.

Kenya

Kenya ou Quenia, oficialmente República de Kenya, é un país da África Oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co Océano Índico. Ten fronteira con Tanzania polo sur, con Uganda polo oeste, con Sudán do Sur polo noroeste, con Etiopía polo norte e con Somalia polo nordés. Kenya abrangue 581 309 km2, e no 2014 tiña unha poboación aproximada de 45 millóns de persoas.Kenya ten un clima cálido, húmido e tropical na liña costeira do Océano Índico. O clima é máis frío nas sabanas arredor da capital, Nairobi, e especialmente preto do Monte Kenya, que ten neve de forma permanente no seu cumio. Máis no interior, na provincia de Nyanza, hai un clima quente e seco que se converte en húmido arredor do Lago Vitoria, o meirande lago tropical de auga doce do mundo. O lago dá paso ás zonas montañosas temperadas e boscosas da veciña rexión occidental. As rexións do nordés na fronteira con Somalia e Etiopía son áreas áridas e semiáridas case desérticas. Kenya é tradicionalmente famoso polos seus safaris, o clima e a xeografía diversos e polas súas grandes reservas e parques nacionais, como Parque Nacional de Tsavo Leste e Oeste, o Maasai Mara, o lago Nakuru e o Parque Nacional de Aberdare. Kenya ten varios lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Lamu e varias praias famosas como Diani, Bamburi e Kilifi, onde se celebran cada ano competicións internacionais de vela.

A rexión dos Grandes Lagos Africanos, da cal forma parte Kenya, foi habitada polo ser humano dende o Paleolítico inferior. Arredor do primeiro milenio da nosa era, a expansión bantú chegou até a zona dende África Occidental e Central. As fronteiras do estado moderno comprenden a encrucillada das áreas níxer-congo, nilo-saharianas e afroasiáticas do continente, representando a maioría de grupos etnolingüísticos que hai en África. As poboacións bantú e nilóticos constitúen xuntas arredor do 97% dos habitantes do país. A presenza árabe e europea en Mombasa data de comezos da Idade Moderna, e a exploración europea do interior de África comezou no século XIX. O Imperio Británico estabeleceu o protectorado da África Oriental Británica en 1895, que en 1920 deu paso á Colonia de Kenya. Kenya obtivo a independencia en decembro de 1963. Segundo o referendo de agosto de 2010 e a adopción dunha nova constitución, Kenya está dividida en 47 condados semi-autónomos gobernados por gobernadores electos.

A capital, Nairobi, é o centro rexional do comercio. A economía de Kenya é a maior de África Oriental e Central. A agricultura é a principal actividade económica, e o país exporta tradicionalmente té e café, e máis recentemente, flores frescas cara a Europa. O sector terciario tamén é un importante aspecto da súa economía.

Montana

Para o lugar da parroquia de Alcabre, véxase Montana, Alcabre, Vigo

Montana (en inglés: Montana; en cheyenne: Ho'honáéšé'e) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión dos Estados das Montañas Rochosas, no Pacífico Noroeste. É o cuarto maior Estado americano en área, e o terceiro maior dos 48 Estados contiguos. Só Alasca, Texas e California son maiores. A pesar disto, Montana é un dos Estados menos poboados do país, cunha poboación de 902 194 habitantes e unha densidade demográfica de 2,39 hab/km², respectivamente a sétima e a terceira menor do país (ano 2000).

Xeograficamente, o leste do Estado é dominado polas Grandes Planicies, en canto que o oeste do Estado está dominado polas Montañas Rochosas. O nome do Estado, provén da palabra castelá “montaña”, por causa da presenza das Montañas Rochosas na rexión. Ironicamente, as vastas planicies abertas de Montana dánlle o sobrenome de “The Big Sky Country” (O País dos Grandes Ceos). Outros sobrenomes son “Land of Shining Mountains” (Terra das Montañas Brillantes), ”Treasure State” (Estado Tesouro) ou the last best place (o último mellor lugar).

A economía baséase principalmente na agricultura e na extracción de madeira e minerais. O turismo é tamén un factor importante na súa economía, con millóns de visitantes ao ano ao Parque Nacional dos Glaciares, ao lugar da batalla de Little Bighorn e ao Parque Nacional de Yellowstone.

Oseja de Sajambre

Oseja de Sajambre é un concello español da provincia de León (Castela e León). A súa poboación é de 312 habitantes (INE 2012). Está situado no Parque Nacional dos Picos de Europa.

Parque

Un parque é ou ben unha área natural, semi-natural ou unha plantación que se emprega para lecer e xogo de persoas ou ben unha área de protección da vida salvaxe ou hábitats.

Os parques como os parques urbanos ou xardíns urbanos son espazos verdes para a o lecer e que se atopan dentro de cidades, urbanizacións ou outros puntos de interese similares.

Outros parques destínanse á protección de grandes áreas naturais conservadas ou con certo interese de conservacións. Tanto poden ser espazos de gran tamaño, onde abundan especies ou ecosistemas de interese de conservación ou protección, como pequenas áreas cun interese paisaxístico, xeolóxico ou de conservación biolóxica. Algunhas destes parques puideron ser declarado polos estados como áreas e interese e protexidas, ben sexan terreos públicos ou privados.Exemplos de parque ou xardíns urbanos galego son a Alameda de Santiago de Compostela o lucense Parque de Rosalía de Castro, e o dun parque nacional galego declarado como lugar protexido é o das Illas Atlánticas.

Parque Nacional das Illas Atlánticas

As chamadas Illas Atlánticas convertéronse o 1 de xullo do 2002 no primeiro Parque Nacional de Galiza, e no décimo terceiro a nivel estatal, cunha extensión de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas. Recibe a denominación de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. No ano 2007 o parque recibiu 238.939 visitas.

As illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que están situadas nas Rías Baixas, están declaradas zonas de interese xeral pola singularidade da súa flora, fauna, xeomorfoloxía e paisaxe que as converten en Patrimonio Natural e Cultural de indubidable valor científico, recreativo e educativo.

A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade e riqueza faunística que alberga, a variedade das súas formacións vexetais e a súa espectacularidade paisaxística. Deste xeito protéxese unha mostra representativa dos sistemas costeiros atlánticos.

Quedaron fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas as de Lobeiras, Sisargas, San Simón e Tambo e as franxas terrestres da Costa da Morte, Cabo Udra, San Adrián, Costa da Vela e o complexo dunar de Corrubedo, entre outras, aínda que non se descarta unha posible ampliación.

Petróglifo

Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras. Son o antecedente dos símbolos previos á escritura e o seu uso na comunicación data de hai uns 12.000 anos e chega aos tempos modernos, dependendo da cultura e o lugar, dándose sobre todo a partir do Neolítico.

A palabra provén dos termos gregos petros (pedra) e glyphein (tallar) e foi na súa orixe acuñada en francés como pétroglyphe. Este termo non debe confundirse con pictografía, que é unha imaxe debuxada ou pintada na rocha, aínda que ambos os dous pertencen á categoría xeral e máis ampla da arte rupestre. As petroformas ou modelos e figuras feitas en grandes rochas no chan, tampouco son moi parecidas.

Posada de Valdeón

Posada de Valdeón é un concello español da provincia de León (Castela e León), localizado dentro do Parque Nacional dos Picos de Europa. A súa poboación é de 485 habitantes (INE 2012).

Provincia de Huesca

Huesca (en aragónes e cooficial: Uesca; en catalán: Osca) é unha provincia do norte de España, na parte norte da comunidade autónoma de Aragón. Limita coas provincias de Lleida, Zaragoza e Navarra, e tamén con Francia (cos departamentos Pireneos Atlánticos, Altos Pireneos e Alto Garona).

A súa superficie é de 15.626 km². A súa poboación é 228.566 hab. (2010), e a súa densidade de poboación é 14,62 habitantes/km². Está formada por 202 concellos. A súa capital é a cidade de Huesca, onde vive cerca dunha cuarta parte da poboación. Nesta provincia encóntrase o Parque nacional de Ordesa e Monte Perdido.

Provincia de Toledo

A provincia de Toledo é unha provincia española, sita na parte occidental de Castela-A Mancha. A súa capital é a cidade de Toledo. Limita coas provincias de Madrid, Cuenca, Cidade Real, Badaxoz, Cáceres, e Ávila. O xentilicio que designa os seus habitantes é toledano.

A provincia conta cunha poboación de 615.618 habitantes (INE 2006), repartidos en 204 concellos, dos cales Talavera de la Reina é o máis poboado con 83.756 hab., o segundo municipio é Toledo (77.601 hab.), mentres que o menos populoso é Illán de Vacas, que, con 6 habitantes, tamén é o de menor poboación de España. A superficie provincial atinxe 15.370 km², sendo a 8ª máis extensa de España. A provincia comparte o Parque Nacional de Cabañeros coa de Cidade Real.

O río Texo é o máis importante da provincia e crúzaa de leste a oeste; pasa polas cidades de Talavera de la Reina e Toledo.

Unión Internacional para a Conservación da Natureza

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), (en inglés: International Union for Conservation of Nature and Natural Resources, IUCN), é unha organización internacional dedicada á conservación dos recursos naturais.

Fundada en 1948, ten a súa sede en Gland (Suíza). A IUCN reúne 78 estados, 112 axencias de goberno, 735 ONGs e miles de expertos e científicos de 181 países.

A misión da IUCN é influenciar, estimular e asistir sociedades en todo o mundo na conservación da integridade e biodiversidade da natureza, e asegurar que calquera uso dos recursos naturais sexa equitativo e ecoloxicamente sustentábel.

As Categorías de Áreas de Manexo Protexido que existen son as seguintes:

Ia - Reserva Estrita da NaturezaÁrea de terra e/ou mar que posúe algún ecosistema, aspecto e/ou tipo xeolóxico ou fisiolóxico, importante ou representativo, dispoñíbel primariamente para investigación científica e/ou monitoramento ambiental.Ib - Área SalvaxeGrande área de terra e/ou mar non modificada ou pouco modificada, que mantén o seu carácter e influencia naturais, sen habitación permanente ou significativa, que é protexida e manexada de modo a preservar a súa condición natural.II - Parque NacionalÁrea natural de terra e/ou mar, destinada a:

protexer a integridade ecolóxica dun ou máis ecosistemas para a xeración actual e as futuras;

excluír a exploración ou ocupación inimiga dos propósitos indicados para a área;

fornecer unha base para oportunidades espirituais, científicas, educativas, recreativas e de visita, que deben ser todas ambiental e culturalmente compatíbeis.III - Monumento NaturalÁrea contendo unha, ou máis, características naturais ou culturais que son de valor significativo ou único debido á súa rareza, calidades representativas ou estéticas, ou significado cultural inherente.IV - Área de Manexo de Hábitat/EspecieÁrea de terra e/ou mar suxeita a intervención activa co propósito de manexo para garantir a manutención de hábitats e/ou satisfacer as necesidades de especies específicas.V - Paisaxe/Costa ProtexidaÁrea de terra ligada á costa e ao mar, onde a interacción entre persoas e natureza ao longo do tempo produciu unha área de carácter distinto con valor estético, ecolóxico e/ou cultural significativo, xeralmente con grande diversidade biolóxica. Salvagardar a integridade desta interacción tradicional é vital para a protección, manutención e evolución de tal área.VI - Área Protexida de Manexo de RecursosÁrea que contén predominantemente sistemas naturais non modificados, manexada para garantir protección e manutención a longo prazo da diversidade biolóxica, aínda que suplindo ao mesmo tempo un fluxo sustentábel de produtos naturais e servizos para satisfacer as necesidades da comunidade.

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.