Parque de Castrelos

O Parque de Castrelos, coñecido tamén coma Finca da Marquesa ou Parque Municipal Quiñones de León, é un gran parque situado en Vigo que corresponde á antiga quinta do Pazo de Castrelos, hoxe sede do Museo Quiñones de León. Porén, Castrelos abrangue unha extensión máis ampla fóra dos xardíns do pazo. Ocupa unha superficie total de 24.3 hectáreas, no que se atopan, ademais do pazo e os seus xardíns históricos, variedade de espazos verdes, un auditorio, zonas boscosas etc. Todo plenamente harmonizado coma parque urbano Ten un gran valor paisaxístico e botánico polo que foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955. Na actualidade, é o maior parque da cidade, unha área de lecer e verdadeiro pulmón verde da grande urbe. Varias das súas árbores, como faias, tulipeiros, eucaliptos e camelias aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.

O pazo que hoxe acolle o museo Quiñones de León representa o esplendor barroco da arquitectura palaciana. Foi construído na segunda metade do século XVII. É un dos mellores exemplos da arquitectura palaciana galega.

Coordenadas: 42°12′51″N 8°43′45″O / 42.214184, -8.72915342

Fuente del parque de Castrelos, Vigo
Fonte e chafarices.

Situación

Atópase no Concello de Vigo, na parroquia de Castrelos, preto de Balaídos, no Val do Fragoso, entre a Avenida de Castrelos, a avenida Avenida Antonio Palacios (circunvalación), a rúa da Canicouva, o camiño da corredoura e a baixada ao pontillón. Atravésao o río Lagares e a rúa do Prado Vello ou Paseo de Ángel Ilarri.

Historia

Artigo principal: Pazo de Castrelos.

O parque ten a súa orixe nos xardíns do pazo. Este foi na súa orixe unha torre coñecida coma Torre de Lavandeira. No século XV dende a fortaleza combatíanse as incursións dos piratas que acosaban a Ría de Vigo. Tamén serviu coma defensa na guerra que Castela declara contra Portugal, producindo a ruptura do antigo Reino de Galiza. A torre é abandonada trala retirada do exército portugués entre os anos 1665 e 1670. O antigo edificio fora tributario da Orde do Temple, converténdose en torre no século XVI.

O pazo pertenceu entre 1678 e 1918 á familia Gago de Mendoza Oca Sarmiento e Montenegro, dende Antonio Feliz Tavarés Ozores e Soutomaior até Fernando Quiñones de León e Elduayen, marqués de Valadares e de Mos. É a Marquesa de Valadares co seu casamento con Fernando Quiñones de León, a que amplía a vivenda e arranxa os xardíns cun gusto inglés.

O último marqués de Alcedo doa o pazo coa súa quinta ao concello e pobo de Vigo en 1924 para a súa transformación do pazo en museo de arte nacional e a quinta en parque municipal.

O Museo

Artigo principal: Museo Quiñones de León.

O pazo é hoxe en día es un museo onde podemos atopar unha sala de arqueoloxía; unha sala de pintura, cunha importante e ampla colección de pintura galega; unha sala dedicada á arte decorativa da época; unha escolma de porcelana de Sargadelos; e outros fondos artísticos legados por Policarpo Sanz.

Características do parque

Salienta a superficie arborada de todo o parque, atravesado polo río Lagares, con especies e exemplares de interese. Nos anos 90 do século XX ampliouse unha zona con varias lagoas e fontes.

Xardín do pazo

Pazo de Castrelos, xardín francés
Vista do xardín francés e do pazo.

A parte máis antiga do xardín é o eido e mais a horta traseira do pazo; é un espazo axardinado situado no contorno inmediato á vivenda e forma con ela un conxunto indisociábel. Foi transformada a finais do século XIX, segundo parece coa firma de xardinaxe lusa Jacintho de Mattos do Porto, radicada en Porto, hoxe desaparecida, por orde do Marqués de Alcedo. Ofrece cinco hectáreas coa categoría de xardín histórico, ademais dunha ruta botánica de alto valor estético. Este xardín formal áchase dividido en cinco sectores: acceso, o xardín de roseiras da parte superior, o xardín francés, o xardín inglés (ou “pradaría do té”), a solaina, e o bosque.

O xardín de acceso sitúase ante a entrada principal. Está delimitado lateralmente pola á de servizos á súa dereita e á súa esquerda por un muro ameado con garitas. O seu trazado é moi sinxelo, unha rotonda central cunha fonte de chafariz arrodeada por dous parterres laterais.

O xardín continúa na parte posterior do edificio en tres niveis descendentes. O superior está ocupado polo xardín de roseiras. Arranca dun gazebo cuberto cunha pérgola de madeira, que era o antigo invernadoiro. O xardín consta dun pequeno carreiro con rotondas e esculturas. Ao longo do camiño trázanse unha serie de arcos polos que ruben as roseiras. Ao final do mesmo atopamos a imaxe dunha virxe.

Ao pé das fiestras do pazo, aparece o nivel medio, o xardín racionalista: simétrico, estábel e proporcionado no que salienta a escultura vexetal da sebe de buxos. Concíbese, á maneira dos grandes xardíns da Francia barroca, a partir dun eixo lonxitudinal perpendicular á fachada que permite velo na súa totalidade cun so golpe de vista.

O intermedio constitúe o xardín francés. Distínguense dúas zonas: a inmediata á fachada cun trazado de sebes de buxo formando un labirinto, arrodeado dunha greca polo perímetro e unha fonte en cuxo aparecen uns golfiños de granito, aínda que na súa orixe eran de chumbo. Destaca o exemplar de camelia , cuxa idade rolda os douscentos anos (a máis vella de Galiza). O sector máis afastado é de maiores dimensións e ten un trazado máis sinxelo, totalmente simétrico, en torno a un eixo lonxitudinal e a un florón central, no que aparecen, entre outras, unha boa escolma de palmeiras, teixos etc. No corredor lateral que o limita co xardín de roseiras atópase o paseo dos escudos.

No nivel máis baixo aparece o xardín romántico inglés, tamén chamado “pradaría do té” dado o costume británico dos seus anteriores donos de tomar o té neste lugar. É un xardín moito máis sinxelo ca o francés. O seu deseño está asociado á corrente naturista, onde a flora semella medrar libremente sen unha orde predeterminada, agás as árbores. O estilo é subxectivo, con camiños imprevistos, especies de crecemento libre e elementos sacados do orientalismo como pavillóns e pagodes a escala. Basicamente é unha pradería rectangular rodeada por dúas sendas de paso. No centro sitúase un encoro para parrulos cun illote central cunha reprodución a escala do propio pazo -influencia das miniaturas chinesas que tan de moda estiveron durante o século XVIII. Na parte final do xardín, sobre un estanque, érguese unha estatua do século XVII, “A fonte de Neptuno”, situada noutrora na Porta do Sol de Vigo. Hai neste xardín exemplares moi valiosos de especies exóticas coma tulipeiros, araucarias, camelias e ficus.

O parque continúa cara o fondo cun fermoso paseo con dobre fileira de camelias centenarias, chamado Paseo de Antonio Odriozola, en honra do estudoso deste xénero. Conduce cara o viveiro e a cancha de tenis, que data da introdución deste deporte en Galiza cando na ría ancoraban naves inglesas. Asemade, atoparemos nesta zona estremeira do bosque unha liña dos monumentais eucaliptos plantados no ano 1872 e un orixinal pombal ergueito sobre un emerxente penedo, no cal cría unha colonia controlada de pombas zuras. A zona final do parque conta cun bosque bravo con especies autóctonas caducifolias galegas mesturadas con algunhas introducidas.

Botanicamente é un xardín moi valioso, pois presenta numerosas variedades de plantas ornamentais e exóticas, algunhas centenarias grazas á benignidade do clima en Vigo pola súa proximidade ao mar, como os xa nomeados exóticos tulipeiros orixinarios de Virxinia e as vellas magnolias da pradería entre as que se acha a máis grande de Galiza.

Esta rica vexetación vese enriquecida paisaxisticamente con diversas esculturas en granito, fontes, encoros, un cruceiro, unha escolma de escudo nobiliarios, e diferentes construcións de xardín, coma quioscos, gazebos, pérgolas e túneles verdes.

Foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955.

Resto do parque

Parque de Quiñones de León, Vigo
Vista xeral da parte baixa do parque.

Fóra do recinto amurallado e ameado do pazo, o parque ten, polo xeral un deseño máis informal e paisaxístico, coma se fose un bosque.

Ademais dun auditorio, achamos un gran parque infantil e un paseo que vai pola beira do Lagares vencellado á práctica de deportes. Toda esta zona arborada inclúe diferentes especies botánicas, principalmente follosas caducifolias, tendo ao plátano (Platanus x hispanica) como especie principal, algúns exemplares vellos acadan grandes alturas. Tamén atopamos carpes, faias, pradairos, acacias, lamigueiros, magnolias, cedros, tileiros, bidueiros, e multitude de arbustos ornamentais. Preto do río Lagares hai unha pequena zona con eucaliptos e algúns carballos e na beira do mesmo río salgueiros choróns e amieiros. Destacan tamén os híbridos de plataneiros, os castiñeiros de indias ou sequoias que poñen o teito do parque nesta zona chá por riba dos 30 metros. Varias das súas árbores figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, elaborado pola Xunta de Galiza.

Nos anos 90 do século XX , o que noutrora fora unha zona boscosa, lamacenta e de brañas, achegada á avenida de Castrelos, aterrouse e contruiuse alí un estanque. Esta zona inclúe ademais de diferentes especies acuáticas (tapadeiras, alcipreste dos illós...) outras especies arbóreas e arbustivas de importancia. O lago artificial está construído a diferentes niveis, con pequenas fervenzas e chorros de auga. Unha ponte en medio da lagoa permite atravesala. Existe a posibilidade de realizar espectáculos de luz e son sincronizados co movemento da auga. Viven e conviven nel diferentes especies acuáticas: cisnes, parrulos, gansos etc.

O auditorio

O antigo auditorio áchase no medio e medio do parque, entre o arboredo; é un dos mellores da península ao ar libre. Aproveita a pendente da aba, o que lle confire unha estrutura de teatro grecorromano. Delimítanse dúas zonas grazas a un foso con auga. Neste auditorio celébranse concertos e festivais ao longo de todo o verán. A zona comprendida entre o foso e o escenario é zona de pagamento, mentres que a zona situada na ladeira é de acceso gratuíto.No auditorio de Castrelos teñen actuado bandas nacionais e internacionais de grande importancia.

Servizos

O parque é de acceso libre e gratuíto, de 9 da mañá a 9 do serán. Ten varios servizos, como auditorio ao ar libre, xogos infantís, estanque, paneis informativos e rótulos botánicos (Ruta dos xardíns históricos). Visitas ao Pazo Museo (salas de arqueoloxía, pinacoteca). Aparcadoiro. Acceso eivados.

Actividades: jogging-running, baloncesto.

Distancias: Estación de autobuses: 1 km; estación de tren: 1 km; aeroporto de Vigo: 10 km.[1]

Galería de imaxes

A banda Keane no auditorio do parque.
A banda Keane no auditorio do parque. 
Miniatura do pazo na fonte-encoro do xardín inglés.
Miniatura do pazo na fonte-encoro do xardín inglés. 
Fonte de Neptuno.
Fonte de Neptuno. 
Paseo con pérgola de roseiras e xasmíns no xardín inglés.
Paseo con pérgola de roseiras e xasmíns no xardín inglés. 
Un dos escudos pétreos do paseo do xardín francés.
Un dos escudos pétreos do paseo do xardín francés. 

Notas

  1. Web de Turgalicia- http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=26728&ctre=18

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Airiños do Parque de Castrelos

Airiños do Parque de Castrelos era un grupo de gaitas que interpretaba música tradicional galega, fundado na parroquia de Castrelos (Vigo) en 1943.

Alcipreste dos illós

O alcipreste dos illós ou alcipreste calvo ou máis formalmente taxodio (Taxodium distichum), é unha árbore conífera de folla caediza da familia das Taxodiáceas orixinaria do sueste dos Estados Unidos de América. É unha especie que se adapta moi ben aos medios húmidos: illós, grotos, brañas, encoros, lamazais etc. En Galiza atopámolo soamente coma especie ornamental nalgúns parques e xardíns públicos, especialmente na auga coma no Parque de Castrelos de Vigo. Os alciprestes dos illós do Xardín de Artime, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Bailaré sobre tu tumba

Bailaré sobre tu tumba é o cuarto álbum da banda viguesa de punk rock Siniestro Total, editado no ano 1985 a través do selo DRO. No ano 2002 relanzouse unha edición remasterizada do álbum con catro cancións extra.

Os oito primeiros temas do disco foron gravados en 1985 nos estudios Trak de Madrid baixo a produción de Paco Trinidad. Os restantes temas da edición orixinal graváronse en concertos celebrados en Alcázar de San Juan, Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid ese mesmo ano. Tres das catro cancións extra da edición do 2002 proceden das sesións de estudio de Trak, e a derradeira, "We are the world", gravouse no Parque de Castrelos no verán de 1985.

Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales

O Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales é un estadio de fútbol de propiedade municipal, situado en Bouzas, Vigo. Serve de localía ao Club Rápido de Bouzas. O estadio inaugurouse en marzo de 2001.

O seu terreo de xogo é de céspede artificial. A súa capacidade total rolda os 1.500 espectadores, aínda que só posúe unha bancada con capacidade para 600 persoas. O complexo deportivo conta con catro vestiarios, un local para oficinas, dous aseos para uso público e un equipo de calefacción que garante unha permanente subministración de auga quente, ademais dun peche perimetral de todo o campo. Tamén incorpora un local para servizo de cafetaría.

Leva o nome de Baltasar Pujales, quen foi presidente do Rápido de Bouzas durante máis de 30 anos, e que foi o presidente na data de inauguración do estadio. Anteriormente á construción deste campo de fútbol, o Rápido de Bouzas xogaba no campo de fútbol das Gaivotas, un campo de terra que ocupou a área onde agora se ergue o pavillón polideportivo, anexo ao campo actual.

Campo do Vao

O Campo do Vao é un campo de fútbol da parroquia de Coruxo, Vigo, situado preto da praia do mesmo nome. Serve de feudo local do Coruxo Fútbol Club e ten unha capacidade de 1.500 espectadores.

Castrelos

O topónimo Castrelos pode referirse a:

En Galicia

Castrelos, parroquia do concello de Vigo.

Castrelos, lugar da parroquia de Leira, no concello de Ordes;En Zamora

Castrelos, lugar do concello de Hermisende;En Portugal

Castrelos, freguesía do concello de Braganza.Na parroquia viguesa de Castrelos atópase o seguinte patrimonio:

Igrexa de Santa María de Castrelos, do s. XIII

Parque de Castrelos

Pazo de Castrelos, sede do Museo Municipal Quiñones de León

Castrelos, Vigo

Santa María de Castrelos é unha parroquia do concello de Vigo. Ten 15 entidades de poboación, 11 lugares e 8.006 veciñas e veciños (2013).

Complexo Deportivo das Travesas

O Complexo Deportivo das Travesas é un recinto polideportivo situado na parroquia viguesa de Freixeiro, construído en 1968 e con capacidade para 3.500 persoas.

Serve de feudo ao Real Club Celta Indepo de baloncesto e máis ao Octavio Pilotes Posada de balonmán.

Estadio Municipal de Barreiro

O Estadio Municipal de Barreiro é un estadio de fútbol situado na parroquia de Lavadores de Vigo. É propiedade do concello de Vigo.

É utilizado como feudo local polo Celta de Vigo B, que xoga na Segunda B. Ten capacidade para 4.500 espectadores. É utilizado tamén polo Gran Peña Fútbol Club.

Festival Aéreo de Vigo

O Festival Aéreo de Vigo foi un festival celebrado dende 2004 ata 2012 na cidade de Vigo. Tiña lugar nun domingo da segunda quincena dos meses de xullo.

Galiza a José Afonso (disco)

Galiza a José Afonso é un duplo cd editado no ano 2000 por Edicións do Cumio, que recolle unha escolma dos temas que soaron na homenaxe Galiza a José Afonso, que tivo lugar no Parque de Castrelos de Vigo o 31 de agosto de 1985.

Ao concerto asistiron máis de 20.000 persoas, e prolongouse durante 12 horas. Os beneficios do concerto e do disco foron destinados á AJA (Associaçao José Afonso).

Monte da Guía

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia de Teis, no concello de Vigo, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, a carón da ría de Vigo. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, das illas Cíes, e da cara sur da península do Morrazo e da ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida en honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo importante relevancia na Segunda Guerra Mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, nas que destacan ademais dos carballos, os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade a través do autobús urbano (liña 17).

Museo Municipal Quiñones de León

O museo municipal Quiñones de León é un conxunto museístico localizado no pazo de Castrelos, na parroquia de Castrelos de Vigo.

Pazo de Castrelos

O Pazo de Castrelos é unha casa señorial que se atopa no parque do mesmo nome, na parroquia de Castrelos, en Vigo.

Declarado monumento histórico artístico dende 1955. O edificio data do século XVII.

Na actualidade pertence ao concello de Vigo e é sede do Museo Municipal Quiñones de León, no que destaca a presenza de coleccións de arqueoloxía e arte galega.

Plátano común

O plátano común (Platanus × acerifolia ou Platanus × hispanica) é unha árbore do xénero Platanus. É a variedade máis común de plátano na Europa Occidental, especialmente na Península Ibérica, onde tamén se lle coñece coma plátano de sombra. É moi común nos parques e xardíns urbanos de zonas temperadas. En Galicia abunda nos espazos públicos de moitas vilas e cidades, empregado para dar sombra, moitas veces substituíndo os carballos das vellas carballeiras dos campos de feira. Moitas das veces pódase deixando só o toro, outras déixase medrar acadando alturas considerábeis coma no parque de Castrelos en Vigo. Salienta o plátano do Pazo de Dompiñor, no Incio (Lugo), que figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Tamén se coñece coma plátano híbrido, plátano europeo ou plátano de Londres (especialmente en inglés). A especie ten outras designacións científicas, o máis común é Platanus x hispanica; na literatura anglosaxoa, o nome científico máis común é Platanus × acerifolia, mais tamén son usados Platanus × hybrida, Platanus × acerifolia var. hispanica, Platanus orientalis var. acerifolia, Platanus × acerifolia f. pyramidalis e Platanus × acerifolia var. kelseyana.

Río Lagares

O río Lagares, ou río Gandariña, tamén chamado antigamente río Sárdoma, é o principal curso fluvial do concello de Vigo, na provincia de Pontevedra.

Wenceslao Cabezas del Toro

Wenceslao Cabezas del Toro, máis coñecido como Polo, nado no Berbés (Vigo) en 1943, é pandeireteiro galego e profesor de danza tradicional.

World Fishing Exhibition

A World Fishing Exhibition (Exposición Mundial da Pesca) é unha feira empresarial do sector pesqueiro que se celebra cada seis anos na cidade de Vigo.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

De interese en Vigo
Inmobles
Arte e cultura
Deporte e instalacións
Natureza
Outros artigos
Eventos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.