Parque da Natureza do Río Barosa

O Parque da Natureza do Río Barosa é un espazo natural do norte do concello de Barro, na provincia de Pontevedra, preto do límite co concello de Portas, sito a carón da estrada N-550 que comunica Pontevedra con Santiago de Compostela.

Coordenadas: 42°33′19″N 08°37′54″O / 42.55528, -8.63167

Barro-Rio Barosa, Galicia (Spain)
Aspecto do río Barosa dende a parte baixa do parque.

Características

O río Barosa descende por varias fervenzas salvando un desnivel de 60 metros, no cal foron construídos 12 muíños, algúns deles rehabilitados pola Escola Obradoiro "Camiño de Santiago-Barro". O Barosa desauga no río Chaín, á súa vez afluente do río Umia.

Placa no Parque do río Barosa
Placa nun dos muíños do parque.

Na parte baixa do parque hai unha pequena lagoa, varias cales de auga, varias pontellas e dúas pontes canadenses de madeira que comunican a beira do río cunha insua acondicionada como zona recreativa. A vexetación tamén é de salientar, principalmente constituída por especies de ribeira na parte baixa rodeadas de fragas nas abas do monte. A principal especie é o carballo (Quercus robur L.) Nas carballeiras atopamos outras especies: amieiro, castiñeiro, bidueiro, abeleira, pradairo, salgueiro, cerdeira brava, pereira brava etc. Algunhas especies amosan a influencia mediterránea, é o caso do loureiro, o érbedo ou o piñeiro bravo (Pinus pinaster). Tamén hai eucaliptais nas partes altas.

Unha ruta de sendeirismo chamada "Sendeiro dos muíños da Barosa" percorre o parque de comezo a fin por unha das beiras do río, e volve pola outra beira ata o comezo, completando uns 4 km de andaina. Varios paneis informan da dificultade e lonxitude do camiño. No verán é cando recibe máis visitantes, algúns deles peregrinos que chegan facendo o Camiño Portugués.

Unha placa recorda que neste lugar, en 1809, e no marco da guerra da Independencia, tivo lugar un enfrontamento entre o batallón do cadete Benito Godoy Araujo e unha carruaxe do mariscal Soult que provocou no duque de Wellington palabras de loanza para os galegos en xeral: "Españois, adicádeos a imitar ós inimitábeis galegos".

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Barosa

O topónimo galego Barosa pode referirse a:

A Barosa, lugar da parroquia de Bandoxa, no concello de Oza-Cesuras;

Barosa, lugar da parroquia de Briallos, no concello de Portas;

Río Barosa, afluente do río Chaín que discorre polos concellos de Barro e Portas;

A Barosa, localidade do concello de Carucedo, na provincia de León;

Barro

Barro é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE no ano 2016 tiña 3.746 habitantes (1.862 homes e 1.884 mulleres), o que representa un aumento respecto a 2005, cando contaba con 3.408 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é barrés ou barroso . Dende as Eleccións Municipais do ano 2015 o seu alcalde é Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG)

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.