Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), é un parque dedicado a arte rupestre ao ar libre, situado no concello de Campo Lameiro e pertencente á Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Abrangue 22 hectáreas con numerosos petróglifos de gran valor arqueolóxico e histórico, sendo varios deles Ben de Interese Cultural.

Campo Lameiro, Parque arqueolóxico 05-08
Petróglifo da laxe dos Carballos.

Historia

O proxecto de creación do PAAR foi iniciado no 2002, coa presentación dun concurso de anteproxectos por parte do goberno de Manuel Fraga[1]. A súa construción comezou no 2007, durante o goberno bipartito[2], e foi inaugurado o 6 de xullo do 2011 polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo[3].

Características do parque

Os gravados repártense entre os sitios de Paredes, Parada e Santo Isidro, Painceiros, As Fragas, A Lagoa / Fentáns e Caneda, sendo relativamente sinxelos de visitar. O parque comprende nove estacións rupestres cunha vintena de rochas gravadas nuns tres quilómetros de largura. En 1974 foron declarados Monumentos Histórico-Artísticos, e toda a área foi declarada Zona Arqueolóxica o 20 de xuño do 2002.[4]

O parque inclúe a reconstrución dun poboado da Idade de Bronce, un centro de interpretación con 5.000 m², que conta con salas de proxección, exposicións, biblioteca e fondos.

Os petróglifos

Os petróglifos do lugar inclúen deseños xeométricos (cruces, círculos concéntricos, coviñas...) e naturalistas (cervos, cabalos, serpes...) propios da arte rupestre galega (que inclúe o Norte de Portugal) e que se integran dentro do grupo da vertente atlántica europea. No sitio pódese olla algún dos petróglifos mellor conservados do Grupo Galaico de Arte Rupestre.

As súas principais estacións son:

  • Laxe da Forneiriña, na que se pode ver a figura dun gran animal, xunto con diferentes representacións de cervos e círculos.
  • Laxe dos Carballos é un conxunto cuxo interese se centra na figura dun gran cervo hastado. Ten un gran número de lanzas cravadas no lombo como sinal de castigo ou morte e ademais atáronlle unha corda arredor do pescozo. Xunto a este aparecen, entre outros gravados, combinacións circulares, alineacións de coviñas ou outros cervos.
  • Outeiro dos Cogoludos ten gravadas un bo número de figuras de suco moi visíbel, largo e fondo. Na banda dereira óllanse tres xinetes de a cabalo, dispostos verticalmente, mentres que na esquerda hai un gran panel con figuras de círculos concéntricos. Tamén aparecen un ídolo e varios cervos, entre outras manifestacións.
  • Outeiro das Ventaniñas presenta os gravados máis sinxelos desta área e representan varias formacións circulares.
  • Fonte da Pena Furada conta con varias pedras con gravados de cervos e círculos concéntricos. De especial importancia é o cervo hastado ao que se lle ten representado a boca e mailos ollos no mesmo plano.
  • Outeiro da Pena Furada é o único conxunto deste ámbito que conta con figuras labirínticas e na súa proximidade hai outros gravados.
  • Laxe dos Cabalos consta de varias pedras gravadas con figuras de cervos e combinacións circulares. Salienta a que dá orixe á zona e que está formada por dous cabalos con cadanseus xinetes, dando a impresión de que están a disputar unha carreira.

Notas

  1. "O parque da arte rupestre: concebido por Fraga, inaugurado por Feijóo", Galicia Confidencial, 20 de marzo de 2009.
  2. "O Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro estará aberto en 2009", Vieiros, 20 de decembro de 2006.
  3. "Feijóo inaugura o primeiro gran parque arqueolóxico galego", artigo de Águeda Piñeiro no Diario de Pontevedra, 5 de xullo de 2011.
  4. O PAAR na web de Patrimonio Cultural Galego da Xunta de Galicia[Ligazón morta]

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Campo Lameiro

Campo Lameiro é un concello galego, situado no interior da provincia de Pontevedra. Pertence á comarca de Pontevedra.

De 63 km2, limita cos concellos de Moraña, Cuntis, A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra. A súa poboación era de 1.962 persoas conforme o censo de 2014. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é campolameirán.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Castromao, Celanova

O castro de Castromao é un castro situado no actual concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Suponse que foi habitado polo pobo dos coelernos. En 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Castro de Fazouro

O Castro de Fazouro é un antigo castro que se atopa no concello de Foz, na provincia de Lugo. É o único que se conserva como museo en toda a costa cantábrica galega[Cómpre referencia].

Castro de Santa María de Cervantes

O castro de Santa María de Cervantes é un poboado castrexo situado na ribeira dos Ancares, na parroquia do Castro, a 12 km da capital do concello de Cervantes, na provincia de Lugo.

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009.

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán ou A Croa de Zoñán é un castro situado na parroquia dos Remedios, no concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.

As datas de ocupación do mesmo, segundo a cultura material atopada, móvense entre os séculos II e IV d. C., pero segundo os resultados das análises de carbono-14 os inicios do mesmo situaríanse en datas antes de Cristo.

Lévase escavando dende o ano 2002 e téñense recuperado diversas vivendas e restos de cultura material. No ano 2004 colocáronse dúas mesas interpretativas para poder facer unha visita libre ao castro. No ano 2007 o Concello de Mondoñedo editou o libro O Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo) Campañas 2002-2004, que recolle os traballos e conclusións das tres primeiras campañas: 2002, 2003 e 2004.

Castro dos Prados

O Castro dos Prados ou Castro de Punta dos Prados é un poboado pertencente á Cultura castrexa, un castro dos coñecidos como costeiros.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O Centro Arqueolóxico do Barbanza é un centro de interpretación da prehistoria da Península do Barbanza. Foi creado en 2002, e está situado no istmo de Punta Neixón, en Nine (Cespón, Boiro), a carón dos castros grande e pequeno de Neixón.

No seu interior, que está estruturado en tres andares, móstranse reproducións das principais evidencias das ocupacións prehistóricas que transformaron a paisaxe desde o Neolítico até a Idade de Ferro: unha vivenda castrexa, petróglifos e copias dalgúns dos restos atopados durante as escavacións. Tamén organiza conferencias, proxeccións e rotas arqueolóxicas, históricas, ambientais e etnográficas.

Cono de violación

Un cono de violación é o buraco que presentan moitas mámoas na súa parte superior. Este buraco é froito do espolio e dunha escavación ilegal na procura de tesouros ou para o aproveitamento das pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

Dolmen

Un dolmen, pala ou anta é un monumento megalítico tumulario colectivo, datado desde o fin do V milenio a.C. ata o fin do III milenio a.C. en Europa, e ata o I milenio no Extremo Oriente. Está constituído por unha cámara formada por unha gran laxe pousada horizontalmente sobre pedras verticais que a sustentan (ortóstatos).

Galería de imaxes de castros galegos

Galería de imaxes de castros galegos.

Menhir

Un menhir é un monumento prehistórico, megalítico, que se limita a unha gran pedra ergueita plantada no chan.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

Ortóstato

En arqueoloxía, un ortóstato é unha pedra fincada verticalmente que serve de soporte ou de elemento de fechamento nos monumentos megalíticos. Popularmente coñécese como esteo ou chanta.

En arquitectura, un ortóstato é unha placa monolítica con relevos que decora as partes baixas dun muro. Pode ser de diversos materiais, da madeira á pedra dura (por exemplo o basalto. Esta forma de decoración estaba especialmente difundida no Próximo Oriente durante a Idade de Ferro. As decoracións podían ser en relevo ou, máis raramente, en incisións. Oponse ao diátono, que se coloca co lado máis curto á vista.

Petróglifos de Mogor

Os Petróglifos de Mogor, entre os que destaca o Labirinto de Mogor, son unha estación rupestre situada no lugar de Monte, na parroquia de Mogor, no concello de Marín, provincia de Pontevedra.

Praderrei, O Campo, Campo Lameiro

Praderrei é un lugar da parroquia do Campo, no concello pontevedres de Campo Lameiro na Comarca de Pontevedra. No ano 2009 tiña unha poboación de 122 habitantes, 58 homes e 64 mulleres segundo datos do Instituto Nacional de Estadística.

No lugar de Praderrei atópase o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro, mostra do enorme patrimonio arqueolóxico que gardan os seus montes. O edificio principal do PAAR levantouse sobre o antigo campo de fútbol do lugar. O centro arqueolóxico abriu as súas portas o 6 de xullo do 2011.

Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico

A Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico é un proxecto da Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nacido en 2001 co obxectivo de crear catro grandes centros de referencia nas catro provincias galegas para pór en valor e dotar de recursos científicos, didácticos e turísticos os diferentes espazos arqueolóxicos espallados por todo o territorio.

Dentro deste proxecto, están a crearse os seguintes centros, un en cada unha das provincias:

En Pontevedra, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, localizado en Campo Lameiro e dirixido á conservación e divulgación da arte rupestre. Este centro foi inaugurado o 6 de xullo de 2011.

En Ourense, no Castro de San Cibrao de Las, entre San Amaro e Punxín, outro centro dirixido ó mundo castrexo.

En Lugo, un centro sobre o mundo galaico-romano.

Na Coruña, Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, centro de interpretación do megalitismo que se construirá ó redor do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños [1][Ligazón morta].En tódolos casos preténdese construír un centro de interpretación dotado coa infraestrutura necesaria para focaliza-la investigación relacionada con cada momento histórico, pero sen esquece-los aspectos didácticos e turísticos destas instalacións.

Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.