Parochiale suevorum

O Parrochiale suevum, Parochiale suevorum (Parroquial suevo) ou Divisio Theodemiri é un importante manuscrito da segunda metade do século VI[1], onde se reflicte a organización administrativa e (maiormente) eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses: as nove tradicionais reflectidas no Concilio de Lugo, así como as catro dioceses formadas ó sur do Douro, que son as de Coimbra, Idanha, Lamego e Viseu. Ademais menciónase a diocese, non territorial senón étnica, de Britoniarum (Bretoña, norte da actual provincia de Lugo), que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga[2]). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos. A súa importancia reside en non existir equivalente na época en ningunha outra provincia eclesiástica[3]. Constitúe por tanto unha das referencias historiográficas máis importantes para a localización de pobos e poboacións na Gallaecia pos-romana, especialmente durante o Reino suevo.

Mapa Reino de Galicia suevos
Reino suevo.

Dioceses

O documento recolle as seguintes dioceses:

  • Diocese de Ourense: Auriensem, Palla Aurea, Verugio, Bibalos, Teporos, Geurros, Pincia, Cassauio, Verecanos, Sanabria, Calapacios maiores.
  • Diocese de Astorga: Astorica, Legio, Bergido, Petra speranti, Comanca, Ventosa, Maurelos superiores et inferiores, Senimure, Fraucelos, Pesicos.
  • Diocese de Braga: Bracarensem, Centumcelas, Caetos, Remeto, Anoaste, Milia, Ciliolis, Ad Portum, Agilio, Carandonis, Tauris, Cilotao, Cetanio, Oculis, Cerecis, Petrometo, Equesis, Ad Saltum. Así como os pagus: Panonias, Laetera, Brigantia, Astiotico, Tureco, Auneco, Merobrio, Berese, Palantucio, Celo, Superlegio, Senequio.
  • Diocese de Bretoña: Britonorum, Monasterio Maximi,
  • Diocese de Conimbriga: Conembrica, Eminio, Selio, Lurbine, Insula, Antunane, Portucale Castrum Antiquum.
  • Diocese de Dume: Dumio.
  • Diocese de Idaña: Egitania, Municipio, Francos.
  • Diocese de Iria: Iria, Morracio, Salinense, Contenos, Celenos, Metacios, Mercienses, Pestemarcos,
  • Diocese de Lamego: Lamego, Tuentica, Arauoca, Cantabriano, Omina, Camianos.
  • Diocese de Lugo: Lugo, Carioca, Seuios, Cauarcos,
  • Diocese de Porto: Portugalensem in castro nouo, Villanoua, Betaonia, Visea, Menturio, Torebrio, Bauvaste, Bonzoaste, Lumbo, Nescis, Napoli, Curmiano, Magneto, Leporeto, Melga, Tongobria, Villa Gomedei, Tauvase. Tamén os distritos (pagus) Labrencio, Aliobrio, Aritia, Truculo, Cepis, Mandote, Palentiaca.
  • Diocese de Tui: Tudensem, Turedo, Tabulela, Lucoparre, Aureas, Langetude, Carisiano, Marciliana, Turonio, Celesantes, Toruca, Aunone, Sacria, Herbilione, Cauda, Ovinia, Cartase.
  • Diocese de Viseu: Viseu, Rodomiro, Submontio, Subverbena, Ósanos, Ovellione, Tutela, Coleia, Calibrica.

Notas

  1. Datado entre os anos 527 e 582, atribuíndoselle como data máis probable o ano 569.
  2. Texto do II concilio bracarense.
  3. DAVID, Pierre (1947). Études historiques sur la Galice et le Portugal du VIe au XIIe siècle, p. 497. Belles Lettres.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

A Maía

O topónimo galego A Maía pode referirse a:

A Maía, lugar da parroquia de Cambás, no concello de Aranga;

A Maía, rexión xeográfica no val do río Sar, nos concellos de Ames, Brión e Padrón. Rexistrábase en galego medieval Amaea (dende o a.854), Amaheae (a.1110) Amaia (a.1149), Amaya (a.1255), Ameyia (a.1117), nomeado xa na Parochiale suevorum coma unha das demarcacións da diocese de Iria (ca. 569), formada por unha raíz hidronímica indoeuropea *am- (posibelmente celta) co significado de ‘canle', 'leito', co sufixo –ia. A deglutinación rexístrase dende o século XIII: ena Meya..

A Pastoriza

A Pastoriza é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2015: 3.274 habitantes (3.726 no 2006, 3.787 no 2005, 3.856 no 2004, 3.911 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «pastoricense» ou «pastoricego».

Caporos

Os caporos (latín: copori) eran un pobo galaico da Gallaecia, pertencente ao Convento xurídico lucense.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Condado portucalense

No actual territorio de Portugal, ao longo do proceso da Reconquista, houbo dúas entidades políticas coñecidas como condados portucalenses ou condados de Portucale.

O primeiro condado foi fundado polo nobre galego Vimara Pérez (ou Vímara Peres, ou Guímara Peres), conde da Coruña, despois da toma (ou repoboación) de Portucale (Porto), en 868. Ocupaba un territorio aproximado ao do actual Entre-Douro-e-Minho. O condado foi gobernado por varios descendentes de Vimara, até que foi incorporado plenamente ao Reino de Galicia en 1071, cando o rei García tivo que sufocar a rebelión do seu titular, o conde Nuno Mendes, que sería derrotado na batalla de Pedroso, pasando o título a mans reais. Porén, durante toda a súa existencia, aínda que gozando de ampla autonomía, o condado constituíu sempre unha dependencia dos Reinos de Asturias, León e Galicia)

O segundo foi instituído contra 1095 como feudo que o rei Afonso VI de León e Castela concedeu a Henrique de Borgoña, un nobre borgoñón que viñera a auxilialo na reconquista de terras aos mouros, e que casara coa filla do rei, a infanta Tareixa de León. Este último condado era moito maior en extensión que o primeiro, xa que abarcaba tamén os territorios do antigo condado de Coímbra, suprimido en 1091, e partes de Trás-os-Montes e aínda do sur da actual Galicia (mormente da diocese de Tui).

Cómpre sinalar que Condado é un termo xenérico para designar o territorio portucalense, xa que os seus gobernantes eran denominados indistintamente Comite (conde), Dux (duque) ou Princeps (príncipe).

Algún historiadores portugueses, por razóns didácticas, refírense ao primeiro condado portucalense como condado de Portucale, e ao segundo como condado portucalense, para evitaren confusións entre ambos os dous condados.

Diocese católica latina de Astorga

A diocese de Astorga ou diocese asturicense é unha diocese da Igrexa Católica Latina sufragánea da de Oviedo, cuxa sé catedralicia está radicada na cidade de Astorga.

Diocese de Britonia

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa Católica.

Gonzalo de Mondoñedo

Gonzalo de Mondoñedo, tamén coñecido como San Gonzalo, ou Gonzalo Froilaz, foi un nobre e relixioso galego, membro da familia Froilaz-Traba, fillo de Froila Bermúdez e irmán de Pedro Froilaz, conde de Galiza e Trastámara. Ocupou o bispado de Mondoñedo entre os anos 1070 e 1108. Durante o seu mandato impulsou a obra románica da Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e mantivo varios preitos territoriais tentando conservar os dominios da súa diocese. Especial relevancia tivo o litixio mantido co bispo Diego Xelmírez polos arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos. A súa figura, santificada polo pobo (non está canonizado pola igrexa), está envolta na lenda ao atribuírselle o afundimento dunha armada normanda e outros milagres.

Hidacio

Hidacio coñecido en Portugal como Idácio de Chaves e tamén Hidácio ou Hidacio da Limia, nado no ano 390 e finado no 469, foi un cronista, eclesiástico e dirixente da Gallaecia do turbulento século V.

Martiño de Dumio

San Martiño de Dumio, nado en Panonia (actual Hungría) contra 510 ou 520 e finado en Braga no 579 ou 580, tamén chamado san Martiño Dumiense, san Martiño de Dume ou san Martiño de Braga, foi un relixioso cristián do século VI.

Está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo. A súa obra eclesial e literaria, presentando un cristianismo adaptado aos diferentes grupos de poboación; a súa preocupación por transmitir valores procedentes da Antigüidade clásica; a predicación dun crisitianismo ortodoxo en tempos de herexía e as súa relacións cos reis suevos, anuncian o ideal episcopal de Leandro e Isidoro de Sevilla.Foi bispo de Dumio e de Braga.

Parroquia eclesiástica

A parroquia —do latín eclesiástico parochĭa, e este do grego antigo παροικία paroikía, 'habitar cerca'— é unha división territorial das igrexas cristiás.

En particular, a parroquia encóntrase nas Igrexas Católica, Ortodoxa, Anglicana (Igrexa de Inglaterra), de Escocia, de Suecia, Metodista Unida e Presbiterianas.

O termo parroquia tamén designa á igrexa parroquial e ás comunidade de fieis.

Teodomiro dos Suevos

Teodomiro foi un monarca do Reino Suevo de Galicia (559-570). Gobernou o reino dotándoo de institucións, administración e cohesión social buscando a lexitimidade do seu poder na Igrexa católica. Durante o seu reinado realízase o I Concilio de Braga (561), onde o reino suevo volta adoptar o catolicismo.

Gregorio de Tours fálanos do fillo do rei Carriarico que salvou a súa vida por mor da virtude milagreira das reliquias de San Martiño de Tours. Se cadra esteamos ante a primeira referencia a Teodomiro que sucedeu a Carriarico no trono do Reino Suevo da Gallaecia.

Baixo a influencia de Martiño de Dumio, o seu labor de goberno baseouse nos seguintes eixos:

Consolidación da expansión sueva coa incorporación das áreas de influencia de Astorga e Coimbra

A convocatoria dos Concilios de Braga a modo de asembleas de goberno non só en asuntos relixiosos senón especificamente temporais.

A organización territorial a través da estruturación da dependencia das entidades de poboación (parroquias) aos diferentes bispados (concretado na Divisio Theodemiri, a "división de Teodomiro", ou Parochiale suevorum).

A cristianización das masas de labregos aínda ancoradas nun paganismo ancestral de claro sabor céltico.

A busca da cohesión social mediante o combate da herexía ariana que profesaba o reino visigodo de Hispania e o priscilianismo seguido por importantes capas da poboación que non recoñecían a autoridade dos bispos de obediencia romana.

A lexitimación da monarquía perante as elites de orixe galaico-romana mediante o seu papel de protector da Igrexa desempeñando un rol con ecos propios de Bizancio, con quen probablemente mantivo contactos amigables.

A difusión da cultura a través do impulso de escolas dependentes dos mosteiros e focos de formación como o cenobio de Dumio fundado por Martiño de Dumio.

Unha política exterior pacífica sen enfrontamento co reino visigodo veciño e dentro da órbita da nova orde emanada do Imperio bizantino de Xustiniano.O seu reinado marcou un fito de estabilidade e esplendor do Galliciense regnum, do que nos quedaron testemuños nas propias fontes históricas galaicas e hispánicas e nas crónicas francas.

Tiburos

Os tiburos ou tiburi eran un pobo astur da Gallaecia, que se identifican co topónimo actual de Trives, na que hoxe é provincia de Ourense.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.