Papeleira de Pontevedra

A papeleira de Pontevedra é un complexo industrial situado na parroquia de Lourizán, xunto á ría de Pontevedra. Está formado por dúas fábricas de dúas empresas, Ence e Elnosa.

Coordenadas: 42°24′54″N 08°40′12″O / 42.41500, -8.67000

Ence
Vista do complexo desde Samieira.

Situación

O complexo está situado a medio camiño entre a cidade de Pontevedra e Marín, e ocupa unha zona de alto valor ecolóxico: está entre un importante banco marisqueiro e a Escola de Capataces Forestais e CIF (Centro de Investigacións Forestais) de Lourizán, dependente do CSIC e que data de principios do século XX.

Ence2
Factoría de Ence.

Historia

A decisión técnica e o acordo político de situar a fábrica na ría tomáronse entre finais de 1955 e comezos de 1956. O gobernador civil, Rafael Fernández Martínez, deu unha rolda de prensa o 13 de xuño de 1955, confirmando a instalación da fábrica en Lourizán. Presidencia do Goberno publicou o decreto de constitución da empresa no Boletín Oficial del Estado o 20 de novembro do mesmo ano, inda que a formalización da Empresa Nacional de Celulosas de Pontevedra adiouse ata o 4 de abril de 1957. O enxeñeiro finlandés Kaarlo Amperla visitou a zona en xaneiro de 1956 e fixo un informe favorable. Dous meses despois, o 26 de marzo de 1956, Ricardo López Molero, enxeñeiro xefe do Ministerio de Obras Públicas cuxo titular era Fernando Suárez de Tangil, asina unha circular sobre a ocupación do terreo por parte do Instituto Nacional de Industria (INI), presidido por Juan Antonio Suances, para a instalación dunha fábrica de pasta de celulosas kraft. Francisco Franco inaugurouna o 13 de setembro de 1963.[1]

Características

Por unha banda está a fábrica de pasta de papel de celulosa da empresa Ence (Empresa Nacional de Celulosas). Esta pasta é enviada a outras fábricas para ser tratada e fabricar o produto final, se ben é o proceso de fabricación da pasta o que máis afecta ó medio ambiente.

A outra é unha industria electroquímica da empresa Elnosa. Orixinariamente abastecía de cloro[2] e outros produtos químicos á planta de pasta de papel, mais hoxe[3] os seus produtos destínanse a outras industrias.

Ámbalas dúas fábricas son obxecto de polémica. Ó longo dos anos foi medrando a contestación social na cidade, que sofre diariamente os malos cheiros derivados da emisión de mercaptanos, chegándose a crear a Asociación Pola Defensa da Ría. Co tempo demostrouse a concentración de metais pesados no produto do marisqueo do esteiro do río Lérez (grazas probablemente tamén á contribución de Tafisa) e comezaron as accións legais, aínda en curso.[Cómpre referencia].

Na actualidade, dentro do recinto da factoría hai unha depuradora, pero semella que segue habendo problemas co emisor submarino.[Cómpre referencia]

Outras papeleiras (por exemplo a de Brandía, na Barcia, preto de Laraño, Santiago de Compostela) causaron menor polémica social debido ó seu menor tamaño e ó maior respecto co medio natural.

Notas

  1. López Torre, Rafael (2015): Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), 352 pp., Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015.
  2. Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ed. (2004-2010). "PRTR - Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes". Consultado o 7 de maio 2012.(en castelán)
  3. Ence Energía y Celulosa, ed. (2012). "¿Sabías que...? Celulosa Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2015. Consultado o 7 de maio 2012.

Véxase tamén

Bibliografía

  • López Torre, Rafael (2015): "La llegada de Celulosas a Lourizán", pp. 158–168 en Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), 352 pp., Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).

Ligazóns externas

Elnosa

Elnosa (acrónimo de Electroquímica del Noroeste, SAU) é unha empresa química galega adicada á produción de cloro e os seus derivados.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

PO-546

A PO-546 é unha estrada que comunica Pontevedra con Marín. Foi creada en 1986 logo da fragmentación da C-550, que percorría a costa galega das Rías Baixas. É coñecida polo nome de estrada vella de Marín, dado que era o traxecto habitual antes da construción da PO-11. Atópase en bo estado e ten abundante tráfico.

Polígono industrial do Campiño

O Polígono Industrial do Campiño é unha área industrial situada entre as parroquias de Marcón (Pontevedra) e Tourón e Xustáns (Ponte Caldelas). Sitúase na aba do monte da Fracha, a 7,5 km da cidade de Pontevedra.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.