Paleolítico superior

O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.

Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra
Northern icesheet-fr
Extensión das capas de xeo no Hemisferio Norte

Contexto climático e ecolóxico

O clima deste período correspóndese en Europa coa segunda metade da glaciación de Würm, caracterizado por un clima frío, con oscilacións. Nos momentos dos catro máximos fríos predominaba unha paisaxe de tundra e taiga, semellante ao do extremo setentrional de Europa. As temperaturas serían máis baixas aínda nas zonas montañosas, que presentarían condicións de tipo ártico, pola existencia de glaciares, que se atopaban xa desde nunha altura inferior á actual (p.ex. na cordilleira cantábrica desde uns 1.400 m). O xeos eternos ocuparían a toda Escandinavia e os países bálticos, até achegarse ao río Weser; o mar do Norte e o canal da Mancha formaría parte das terras emerxidas. Os veráns serían moi curtos. Un clima como este reduciu a vexetación boscosa a zonas protexidas. Houbo, en contraste, tres períodos interestadiais algo máis temperados[1].

Tundra in Siberia
Paisaxe de tundra na rexión do río Ienisei, Siberia

Flora e fauna

O clima frío supuxo o desenvolvemento en amplas extensións dunha paisaxe de tundra ou estepa fría, con dominio de liques e musgos e salgueiros ananos. Os bosques desenvolvíanse en forma de taiga, nas zonas pantanosas, con predominio de bidueiros e piñeiros. O bosque típico temperado, con carballos, abeleiras, bidueiros, amieiros etc., ficaba acurrunchado nas zonas máis baixas, como as beiras dos ríos, franxas costeiras e as ladeiras por baixo das linguas glaciares.

A pesar deste contorno ambiental, a fauna non era escasa pero si pouco diversa, como a vexetación, se a comparamos con ambientes máis cálidos. Entre os grandes herbívoros, a especie predominante nos estadios fríos era sen dúbida o reno (Rangifer tarandus), de xeito que o Paleolítico superior foi denominado con frecuencia a Era do Reno. Outros grandes herbívoros eran o mamut, o uro, a vaca, o bisonte, o cabalo, o rinoceronte peludo, o antílope saiga, o cervo, o rebezo, a cabra montesa, a lebre etc. Entre as aves a Lagopus muta e o bufo nival, especies árticas. A fauna fluvial era importantísima para a subsistencia do ser humano da época: o salmón e a troita abundaban, e hai probas de consumo de tamén de anguías, percas e lucios.

Xunto estes animais, depredados polo homes da época, vivían algúns carnívoros, destacando o lobo, inseparábel do reno. Estaban tamén variedades de oso: o desaparecido oso das cavernas (Ursus spelaeus) e o oso pardo (Ursus arctus). Máis exóticos eran o leopardo e o león das cavernas. Por suposto, había unha fauna menor de depredadores: raposo, teixugo, donicela, londra, marmota (Arctomys marmota) etc.

Spitsbergen reindeer01
Reno en carreira

En condicións temperadas os bosques acadaban maior espallamento, e desenvolvíanse as pradeiras de herbáceas e gramíneas. Pero, paralelamente, o bosque frondoso non é favorábel para o cazador, por non abundar tanto os grandes rabaños de herbívoros.

O "home moderno"

O trazo identificativo do Paleolítico superior é a asociación dun novo tipo de ser humano, o neoantropo ou Homo sapiens, ás veces denominado home de Cro-Magnon, por atoparse no sitio de tal nome, os primeiros exemplos descubertos en 1868, que ocupa o continente europeo ao comezo desta época (actualmente todas as variantes antigas son denominados Homo sapiens fossilis). Non obstante hai variantes entre os diferentes fósiles atopados en asentamentos europeos (Grimaldi, Chancelade). Como risco común é destacábel a súa elevada estatura media, entre 1,70 e 1,80 m; o seu cranio, en xeral dolicocéfalo e o rostro alongado; a súa osamenta é máis lixeira que a dos neandertais, cos que non está relacionado. Como fose están xa moi próximos ao ser humano actual.[2]

Durante un tempo, este novo tipo humano convive co anterior, o último paleoantropo, o neandertal (Homo neandertalensis), que acabará por extinguirse sobre o 35.000 a.n.e.[3]. Aínda que se ignora todo sobre o caso, tense insinuado que a chegada dos neántropos, dalgún xeito, acabou con os neandertais. Entre varias hipóteses manéxase, como máis probábel, que a tecnoloxía máis avanzada dos primeiros, acurruncharía os neandertales nos peores territorios dunha contorna dura, onde acabarían por extinguirse definitivamente.

Hoja raspador y perforador
Debuxo de folla, raspador e trade do Paleolítico superior.

Economía e industria

Os homes modernos viven dunha economía de caza e recolección, segundo mostran as investigacións dos numerosos asentamentos dispersos por toda Europa.

O seu material de traballo é obtido do sílex basicamente, como en tempos anteriores, mais a súa técnica móstrase desde as primeiras etapas enormemente perfeccionada. A partir dun núcleo, obtén delgadas láminas de sílex de bordos paralelos, o material básico para obter útiles distintos. Leroi-Gourhan indica as súas vantaxes con toda claridade: a partir dun quilogramo de materia prima, un neandertal do período musteriense (o derradeiro do Paleolítico medio) conseguía uns 2 metros de fío ou gume útil; coa nova técnica, o home moderno logra de 6 a 8 metros de lámina grosa por kg; prepara láminas finas pode obter entre 20 e 25 m de fío. As consecuencias serán transcendentais: independencia das canteiras de sílex e ocupación de practicamente todo o territorio. Os seres humanos non están tan atados como os paleoántropos aos centros produtores do sílex. E aínda, se preciso fose, poderá traballar outras pedras de calidade inferior[4]. Destas follas conséguese unha gran variedade de instrumentos: burís, raspadores, raederas, serras, trades, puntas, punzóns grosos e finos ...[5]

Venus of Brassempouy
Venus de Brassempouy, aspecto dunha muller de 25.000 AP

Ademais, aínda que os paleoántropos coñecían o traballo en material óseo, xa desde os inicios do Paleolítico superior, vese o desenvolvemento dunha variada industria que aproveita ósos, hastas ou cornos: punzóns, puntas de azagaias, bastóns de mando, propulsores, anzois, lucernas etc., máis tarde, durante o Solutrense, agullas de coser; no Magdaleniano, arpóns. Parte deste material foi decorado con gravados.[6] Aínda que sempre se supuxo o traballo da madeira e a existencia de utensilios de tal material, non hai probas directas, aínda que si moitísimas indirectas.

Finalmente, non debemos imaxinalos como os "salvaxes espidos" do imaxinario popular. O seu aspecto normal debeu ser semellante ao dos esquimós, vestidos cos seus anoraks. Temos a testemuña da existencia de agullas, aínda que non son indispensábeis, e a arte fornece algúns detalles de roupas e toucados diversos; con seguranza, dispuñan de calzado. Aínda que podían aproveitar covas e abrigos, para os seus movementos sabemos que utilizaron cabanas e tendas de campaña, con diversidade de feituras, e incluso habitacións máis complexas e de permanencia maior[7].

Organización social

Só se poden inferir aspectos a partir de fósiles de conduta e a comparación con feitos etnográficos contemporáneos. Desde logo as sociedades do Paleolítico superior sufriron un aumento demográfico[8]. A ocupación de territorios máis amplos, como se indica máis atrás, a partir dunha técnica exitosa é un indicio indirecto. Houbo un alongamento da vida media tamén indubidábel[9].

A partir destes datos, estímase a existencia de clases de idade, de xeito que algúns santuarios puideron ser utilizados para ritos de iniciación. Existencia de "veciñanzas" relacionadas, que formarían "comunidades de culto e economía", con desenvolvemento de autoridades en relación con determinados saberes: curandeiros, "sacerdotes", artistas etc. Son posíbeis as xefaturas, talvez ocasionais e informais, na caza. Esta actividade puido propiciar, de por si, cando menos, xefaturas ocasionais. Están fóra de toda dúbida os contactos entre comunidades, mais como eran é imposíbel dicilo, pero a difusión de estilos artísticos e técnicos, semella probalo. Non se dubida da existencia da pequena familia, e parece haber indicios doutros tipos de organizacións familiares máis amplos. Pódese mesmo imaxinar a existencia dunha sociedade cupular, é dicir, globalizadora, pero sen saber como funcionaría, que tendencialmente agruparía as comunidades con técnica industrial semellante ou con crenzas comúns[10]. Estes datos sobre organización son mínimos, pois existe o perigo de transpor fenómenos observados en grupos de cazadores-recolectores actuais, como no pasado se fixo cunha certa displicencia.

Arte

Artigo principal: Arte paleolítica.

Talvez o carácter máis salientábel do Paleolítico superior, sexa a aparición da arte. Antes deste período como moito fálase de "coleccionismo" de obxectos raros e rechamantes, atopados nos asentamentos de neandertais[11]. Se no pasado a precedencia das artes estaba asignada á escultura, pola datación dos máis antigos exemplos das denominadas Venus paleolíticas, o descubrimento da Cova de Chauvet, cambia a cronoloxía, de modo que na actualidade, as artes visuais nacen plenas nos albores do período. En conxunto áchanse tres campos de actuación artística ou decorativa dos que nos chegaron testemuñas:

  • Obxectos persoais: azagaias, lámpadas, arpóns, bastóns perforados (antes denominados bastóns de mando).
  • Espazos domésticos: aínda que teñan desaparecido certos obxectos confeccionados con materiais perecedoiros, fican exemplos nas osamentas que conformaban as cabanas da Europa oriental.
  • Espazos de uso colectivo: son os tamén chamados "santuarios", até ha poucos anos identificábeis exclusivamente con covas e abrigos, mais desde o descubrimento do vasto sitio arqueolóxico de Foz Côa, no nordeste de Portugal, está a mudar a nosa perspectiva.

Períodos

Desde os inicios case da investigación prehistórica, comezou a división en períodos, ao recoñecerse estratos e culturas diferentes. A división básica foi dada por Gabriel de Mortillet en "Musée préhistorque" (1881), aínda que sería o abade Breuil en 1910, quen clarificaría a ordenación tripartita máis divulgada: auriñaciense, solutrense, magdaleniano, con posteriores precisións. Actualmente identifícanse os seguintes períodos:

  • Chatelperroniense (-50.000 a -38.000), fase de transición entre o Musteriense e o propio Paleolítico superior.
  • Auriñaciense (-38.000 a -25.000), comeza arte figurativa: figuras das Venus paleolíticas; gran pintura na cova de Chauvet.
  • Gravetiense (-25.000 a -18.000), segue a eleborarse estauíñas de Venus.
  • Solutrense (-18.000 a -15.000), caracterizado pola industria de puntas de "folla de loureiro"; cova de Cosquer, actualmente en parte asolagada polo mar Mediterráneo.
  • Magdaleniano (15.000 a -9.000), uso do arpón; apoxeo da arte parietal cova de Altamira.
  • Epipaleolítico (-9.000 en adiante), fase de transición cara o Mesolítico[12].

Esta clasificación é sobre todo válida para os asentamentos franceses, mais presenta problemas noutros países e continentes, de xeito que poden aparecer outras denominacións segundo os lugares.

Notas

  1. Bosch Gimpera, Pedro, Prehistoria de Europa, páx. 7-111 Leroi-Gourhan, A., Los cazadores de la Prehistoria, 107-108; Jordá Cerdá, Francisco, Guía de las cuevas prehistóricas asturianas, páxs. 51-52, 62-72
  2. VV. AA., Los orígenes, páxs. 170-171
  3. Datos recentes, porén, indican existencia de neandertais na cova de Gorham, en Xibraltar, nun horizonte de C14 de -24.000, cfr. http://www.arte-sur.com/gorham.htm
  4. Leroi-Gourhan, Los cazadores de la prehistoria, páxs. 111-112
  5. cfr., Pericot, Luís e Maluquer de Motes, Juan, La humanidad prehistórica, páx. 58; Bordes, François, La vida cotidiana en la antigua edad de piedra, páxs. 98-99
  6. Leroi-Gourhan, op. cit., páx. 116; Bordes, op. cit., páxs. 98-102; Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 90, sinalan que Sonneville-Bordes clasificou 96 utensilios de pedra diferentes e que Ignacio Barandiarán sinalou un centenar e medio de instrumentos óseos, dos que uns 60 son tipos fundamentais.
  7. cfr., Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 91, indican a existencia de chozas en Dolni-Vestonice e Novgorod-Seversky no Oriente europeo; cabanas en Arcy-sur-Cure e Pincevent, no que é hoxe Francia; por outros investigadores sábese da existencia de vivendas de madeira de até 10 m de lonxitude, semienterradas no chan, en Malta, ás beiras do lago Baikal
  8. Os datos están en relación a períodos anteriores, porque as densidades eran baixísimas; para España téñense calculado uns 100.000 habitantes; só 50.000 para Francia, segundo, Nougier, 50.000, cfr. Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 91, que critican a última cifra.
  9. A vida media superaba os 40 anos de idade, Bordes, op. cit., p. 104, fala de que a vida do home apenas superaba a cincuentena de anos, con alta mortalidade infantil e de parturientes; segundo J. Lawrence Angel ca. -30.000 a vida media era de 28,7 anos para mulleres e 33,3 anos para os homes, citado por Marvin Harris, Asesinatos en el Paraíso, in Caníbales y reyes: Los orígenes de las culturas. Madrid. 1999, páx. 27, Harris opina que a mistura de datos de África e Europa por Angel, desvirtúa os datos para os grandes cazadores do Paleolítico Superior europeo.
  10. Cfr., Alonso del Real, Carlos, Nueva sociología de la prehistoria, páxs. 170-174
  11. Leroi Gourhan, op. cit., 97-98, 100 figura, 101; é posíbel que exemplares como a denominada Venus de Tan-Tan, poidan contribuír a mudar as ideas sobre a orixe da arte.
  12. cfr. Leroi Gourhan, Los cazadores de la prehistoria, páxs. 110-111.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pericot, Luís e Maluquer de Motes, Juan, La humanidad prehistórica. Madrid. Salvat-Alianza. 1969
  • Bordes, François, La vida cotidiana en la antigua edad de piedra, in VV. AA., El origen del hombre. Barcelona. Ed. Promoción Cultural. 1973, trad. española dun orixinal en francés - ISBN 84-300-5944-X
  • Bosch Gimpera, Pedro, Prehistoria de Europa. Madrid. Istmo. 1975 - ISBN 84-7090-066-8
  • Alonso del Real, Carlos, Nueva sociología de la Prehistoria. Santiago de Compostela. Pico Sacro, 1977 - ISBN 84-85170-17-2
  • Jordá Cerdá, Francisco, Guía de las cuevas prehistóricas asturianas. Salinas (Asturias). Ayalga Edic. 1979 - ISBN 84-7411-008-4
  • Leroi-Gourhan, André, Los cazadores de la prehistoria. Barcelona. Argos-Vergara. 1984, trad. española do francés - ISBN 84-7178-788-1
  • VV. AA., Los orígenes, in Historia Universal, t. 1. Madrid. Salvat-El País. 2004 - ISBN 84-345-6230-8

Outros artigos

América precolombiana

América precolombiana, era precolombiana e culturas precolombianas son termos que inclúen os períodos da historia e da prehistoria de América antes da aparición da influencia europea no continente, unha época que abrangue dende o poboamento orixinal no Paleolítico superior até a colonización europea durante a Idade Moderna.

Malia que o termo se refire literalmente ó tempo precedente á chegada de Cristóbal Colón en 1492, na práctica emprégase a expresión para facer referencia á historia das culturas indíxenas de América até que estas culturas foron exterminadas, menosprezadas ou alteradas polos europeos, mesmo se isto ocorreu décadas ou séculos despois da primeira chegada de Colón. Por este motivo os termos América precontacto, América precolonial ou América prehistórica tamén teñen certo uso. En áreas de América Latina, o termo máis común é prehispánico.

Moitas civilizacións precolombianas conseguiron crear asentamentos permanentes e cidades, desenvolver a agricultura, xerar arquitectura cívica e monumental e desevolver unha complexa sociedade xerárquica. Algunhas destas civilizacións desapareceron durante a época das primeiras colonias europeas permanentes e da chegada dos africanos escravos (c. finais do século XVI e comezos do XVII), e só se coñecen a través das investigacións arqueolóxicas e a historia oral. Outras civilización foron contemporáneas co período colonial e puideron ser descritas polos historiadores europeos da época. Unhas poucas, como a civilización maia, tiñan os seus propios rexistros escritos. Por mor de que moitos europeos critiáns da época viron eses textos como herexía, persoas como Diego de Landa destruríron moitos textos en fogueiras. Só algúns documentos ocultos sobreviviron nas súas linguas orixinais, mentres que outros foron transcritos ou ditados ó castelán, dando aos historiadores modernos visións da cultura e do coñecemento antigos.

As culturas indíxenas americanas continúan a evolucionar despois da era precolombiana. Moitos destes pobos e os seus descendentes continúan as prácticas tradicionais ó evolucionalas e adaptalas as novas prácticas e tecnoloxías culturais.

Arte paleolítica

O Paleolítico é a etapa máis longa na historia do ser humano. Durante este período, os nosos devanceiros vivían da caza e da recolección de vexetais, asociábanse en tribos e as súas ferramentas eran de pedra tallada, madeira e óso.A arte nace no Paleolítico superior, pouco despois do ano 35 000 a. de C., cando os seres humanos modernos poboaban practicamente todo o globo terráqueo. Con todo, as súas manifestacións fundamentais, por non dicir case as únicas, parecen reducirse a Europa, ao sur do límite que marcarían os xeos durante a Glaciación de Würm.

A arte mural das covas (chamada arte parietal) concéntrase moi intensamente en certas rexións francesas (Dordoña, Pireneos franceses, Corrèze, Charente, Loira, Hérault, Lot e Garona) e españolas (cornixa cantábrica, Pireneos, costa mediterránea e algúns puntos da Meseta Central), aínda que ocasionalmente pode aparecer en Portugal, Italia, Europa Oriental e pouco máis. Non se pescudou o motivo que explique por que non se acharon restos de arte paleolítica parietal no resto do mundo.

A Arte Mobiliar (definida como obxectos decorados que poden ser transportados) é máis abundante, estendéndose non só por Francia e España, senón tamén polos vales do Danubio, do Don e a cunca do Baikal, xa en Asia. Hai restos esporádicos no resto do mundo, como se indica ao final.

Desde os primeiros descubrimentos de obxectos artísticos paleolíticos, no século XIX, sempre se suscitou o enigma da motivación e o significado desta arte, aínda que parece haber consenso en que se cumpre unha función relixiosa e que a súa temática está intimamente relacionada co medio natural. Queda pendente o feito innegable do seu alto valor estético e artístico: os homes prehistóricos demostraron, nalgúns casos, unha ansia de perfección e un sentido da beleza totalmente comparable á dos artistas doutras épocas históricas.

No entanto, o lector debe estar avisado que este artigo só toca, forzosamente, aqueles elementos artísticos que se conservaron ao longo dos séculos, o que constitúe, sen dúbida, unha parte ínfima de todo o corpus artístico paleolítico. Perdemos, como mínimo, aspectos tan fundamentais como a tradición oral, a danza, a música, o adorno corporal etc.

(Á dereita, debuxo dun Bos taurus primigenius achado na cova de Lascaux, Francia.)

Cantabria

Cantabria (en cántabro e castelán: Cantabria) é unha comunidade autónoma uniprovincial situada no norte de España, considerada como «comunidade histórica» segundo o seu Estatuto de autonomía. Limita con Asturias ao oeste, con Euskadi (provincia de Biscaia) ao leste, con Castela e León (provincias de León, Palencia e Burgos) ao sur, e co mar Cantábrico ao norte. A súa capital e cidade máis poboada é Santander.

Cantabria está situada na cornixa Cantábrica, nome dado á franxa de terra existente entre o mar Cantábrico e a cordilleira Cantábrica, no norte da Península Ibérica. Posúe un clima oceánico húmido e de temperaturas moderadas, fortemente influenciado polos ventos do océano Atlántico que chocan contra as montañas. A precipitación media é de 1.200 mm, o que permite o crecemento de frondosa vexetación. A súa maior elevación localízase no pico de Torre Blanca (2.619 m). A comunidade está formada por 102 concellos, sendo un deles, Valle de Villaverde, un exclave en Biscaia.

Cantabria é a rexión máis rica do mundo en sitios arqueolóxicos do Paleolítico Superior. Os primeiros signos de ocupación humana datan do Paleolítico Inferior, aínda que este período non estea tan ben representado na rexión. Destacan neste aspecto as pinturas da cova de Altamira, datada entre o 16.000 e 9.000 a.C e declarada, xunto a outras nove covas cántabras máis, Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

As súas primeiras referencias datan do ano 195 a. C., momento en que o escritor romano Catón O Vello fala na súa obra Orixes do nacemento do río Ebro do "país dos cántabros". A moderna provincia de Cantabria constituíuse o 28 de xullo de 1778. A Lei Orgánica do Estatuto de Autonomía de Cantabria aprobouse o 30 de decembro de 1981, dotando deste xeito á comunidade autónoma de organismos e institucións de autogoberno, co Parlamento de Cantabria como asemblea lexislativa.

Cova de Altamira

A cova de Altamira é unha gruta de España, famosa polas súas pinturas rupestres da época do Paleolítico superior, nas que aparecen representados mamíferos salvaxes, mans humanas e signos abstractos. A cova está situada preto de Santillana del Mar, en Cantabria, a 30 km ao oeste da cidade de Santander. A caverna foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO no ano 1985.

Cova de Chauvet

A cova de Chauvet é un dos máis importantes e notábeis sitios prehistóricos europeos, rico en testemuñas, simbólicas e estéticas, do Paleolítico superior (Auriñaciense).

Cova de Gargas

A gruta de Gargas, en Francia, é unha das máis célebres cavernas decoradas do Paleolítico superior de Europa.

Epipaleolítico

Epipaleolítico, que quere dicir Por Encima do Paleolítico, é un vocábulo acuñado a principios do século XX para definir unha fase da Idade de Pedra que ata entón se denominou Mesolítico. Este novo termo intentaba remarcar a continuidade cultural que se demostrou que existía entre ambos os períodos, moi afastada da percepción de ruptura e decadencia que ata entón se tivo desta época.

Férvedes

O topónimo Férvedes pode referirse a:

Pena Grande de Férvedes, un penedo situado nas estribacións da serra da Carba, na parroquia de Lousada (Xermade);

Férvedes II, un sitio arqueolóxico do paleolítico superior, ao aire libre, situado en dita Pena Grande, onde se achou unha das manifestacións artísticas máis antigas de Galicia.

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

Idade do Cobre

A Idade do Cobre ou Calcolítico é un dos períodos da prehistoria. Sucede ao Neolítico e precede á Idade de Bronce. Tamén se acostuma utilizar este nome para denominar algunhas culturas que presentan formas culturais diferenciadas entre o 2500 e 1800 a.C.

Madaleniano

O Madaleniano ou Madelenense refírese a unha das culturas mais tardías do Paleolítico superior europeo, comprendida entre arredor de 15.000 e 9.000 anos antes da nosa era. O nome foi proposto por Gabriel de Mortillet a partir do asentamento prehistórico epónimo de La Madeleine, en Dordoña, Francia.

Paleolítico

O Paleolítico ("pedra antiga" do grego παλαιός "antigo" e λίθος "pedra") é un período prehistórico correspondente ao intervalo que se estende entre a primeira utilización de utensilios de pedra polo ser humano (preto de 2 millóns de anos atrás) ata o comezo do Neolítico (arredor do 10000 a.C.).

Este gran período histórico subdivídese en Paleolítico Inferior (ata hai 300 mil anos atrás) e Paleolítico Superior (ata 10 mil a.C.). (Na Europa e en lugares onde houbo glaciacións, entre o Paleolítico e o Neolítico intercálase o chamado Mesolítico). O Paleolítico coincide co final da época xeolóxica Plistoceno do período xeolóxico Neoxeno. Hai certa discordancia entre os estudosos en canto a esa división, intercalando algúns un Paleolítico Medio entre o Inferior e mais o Superior.

O termo Paleolítico empregouno pola primeira vez polo historiador John Lubbock. Antes do Paleolítico houbo un período prehistórico que algúns historiadores chaman de Eolítico.

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Propulsor (arma)

Un propulsor é un arma de proxección que permite a impulsión de venabres ou azagaias. Os vestixios máis antigos foron atopados en Europa e datados no Paleolítico Superior.

Soria

Soria é unha cidade e concello español da provincia de Soria (da que é capital), en Castela e León. Sitúase á beira do río Douro e é a segunda capital de provincia española menos poboada. Ten unha poboación de 40.147 habitantes (INE 2012) e unha densidade de poboación de 147,72 hab./km². Como monumentos máis salientables da cidade están a Concatedral de San Pedro, en estilo plateresco e a Igrexa de Santo Domingo.

Teoría da Continuidade Paleolítica

O Paradigma da continuidade paleolítica (PCP) (en italiano La teoria della continuità), ten orixe na teoría da continuidade paleolítica (ou TCP) é unha hipótese que suxire como data de orixe das linguas protoindoeuropeas (PIE) o Paleolítico Superior ou o Neolítico, varios milenios antes do Calcolítico ou Neolítico como suxiren outras hipóteses. O PCP postula que a chegada das linguas indoeuropeas está relacionada coa hipotética emigración, durante o paleolítico, do Homo Sapiens a partir de África para Europa e Asia. En termos de períodos cronolóxicos, Alinei admite unha cronoloxía máis antiga do que a hipótese Anatolia de Colin Renfrew (4º milenio a.C.).Mario Alinei presentou esta hipótese no libro Origini delle Lingue d' Europa (orixes das linguas de Europa), en dous volumes de 1996 e 2000, e é o principal defensor desta.

Venus paleolíticas

As venus paleolíticas son figuras femininas de óso, corno, marfil, pedra, terracota, madeira ou lama, datadas no Paleolítico superior, dentro do cal constitúen a principal categoría de arte móbel ou mobiliar, superando o centenar de exemplares, no caso das figuras de vulto redondo, e os dous centenares se se inclúen representacións parietais. Estas esculturas teñen tamaños modestos, até diminutos, oscilando entre os 4 e os 25 centímetros.

O primeiro descubrimento foi a Venus de Brassempouy, en 1893, por Édouard Piette. Catro anos máis tarde, Salomon Reinach daba a coñecer as figuras de esteatita das covas de Grimaldi. En 1908 foi exhumada a famosísima Venus de Willendorf, nun campo de loess do val do Danubio, en Austria. Esta escultura, que se converteu nunha icona, anunciaba o descubrimento de numerosas esculturas femininas que se estendían dende os Pireneos franceses até as chairas siberianas do lago Baikal. Foron bautizadas co nome de Venus ó estenderse a noción de que constituían un ideal de beleza prehistórica, e, aínda que a idea foi rexeitada, a denominación de venus persiste.

Zestoa

Zestoa (coñecida en castelán como Cestona) é un concello vasco pertencente á provincia de Guipúscoa e que forma parte da comarca da Costa do Urola.

En 2007 contaba cunha poboación de 3.410 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.