Paisaxismo

O paisaxismo ou arquitectura da paisaxe consiste na arte, planificación, deseño, proxecto, xestión, conservación e rehabilitación do espazo público, os espazos abertos e o solo. O ámbito da profesión inclúe o deseño arquitectónico, a planificación do local, o desenvolvemento residencial, a restauración da contorna, o urbanismo, o deseño urbano, a planificación de parques e dos espazos de lecer, a planificación rexional e mais a conservación histórica.

A un experto da arquitectura da paisaxe ou paisaxismo denomínaselle como arquitecto paisaxista ou paisaxista. Adoitan ser arquitectos, enxeñeiros de montes, forestais ou agrónomos.

En Galicia é un dos eidos menos desenvolvidos da horticultura. O paisaxismo é unha das disciplinas estudadas en Arquitectura na Universidade da Coruña e nos graos de Enxeñería agrícola e do Medio Rural e Enxeñería forestal e do Medio Natural da Universidade de Santiago de Compostela nas materias de Xardinaría e Paisaxismo Forestal e Ordenación e planificación do Territorio e do Medio Natural.

Central Park, November 2001
Como a maioría dos parques urbanos, Central Park en Nova York é un exemplo de arquitectura da paisaxe.

Historia

Park Muzakowski6
O Muskauer Park ao sur da liña xermano polonesa está inscrito na listaxe do Patrimonio mundial da UNESCO pola súa importancia no desenvolvemento da arquitectura da paisaxe coma materia.

A historia do paisaxismo vencéllase á da xardinaxe sen se confundir con ela. As dúas disciplinas ocúpanse da composición de plantacións e adaptacións exteriores, mais:

  • A xardinaría interésase máis ben polos espazos públicos e privados valados ou choídos (parques, xardíns etc)
  • A arquitectura da paisaxe amosa interese polos espazos coutados ou valados e polos que fican abertos sen valado ou muro ningún (prazas, redes de parques, cintos verdes etc)

Os romanos xa facían a arquitectura da paisaxe a grande escala, e Vitruvio escribiu sobre varios temas (ex. a planificación das cidades) que interesan aínda hoxe aos paisaxistas. Coma nas outras artes, non foi antes da Renacenza cando o deseño dos xardíns se reavivou, con realizacións excepcionais como a Alameda de Hércules de Sevilla construída en 1574, o máis antigo xardín público en Europa que chegou aos nosos días.[1] Así mesmo durante os séculos XIV e XVI proliferaron os xardíns privados das vilas da Toscana, tal como refire Juan Bocaccio (1313-1375) na súa obra Decamerón, serie de contos dun grupo de mozos refuxiados nunha vila achegada a Florencia onde se reuniran para fuxiren do flaxelo da peste negra. Daqueles modelos de vilas privadas salienta un extraordinario exemplo que é o da Villa d'Este, en Tívoli. O xardín da Renacenza continuou a se desenvolver noséculo XVI e, no XVII, xa durante o Barroco, acadou o seu apoxeo coa obra de André Le Nôtre nos pazos de Vaux-le-Vicomte e Versailles.[2]

Na Inglaterra do século XVIII desenvólvese un novo estilo de deseño da paisaxe. Especialistas tcomo William Kent, Humphry Repton, e especialmente Capability Brown reorganizaron os grandes ámbitos da burguesía inglesa, dándolles o aspecto dunha versión idealizada da natureza. Moitos destes parques existen aínda hoxe. O escocés Gilbert Laing Meason empregou o termo “estrutura da paisaxe” por vez primeira no título da súa obra The Landscape Architecture of the Great Painters of Italy (Londres, 1828) que trataba do tipo de arquitectura visíbel nas pinturas de paisaxes. Acuñouse, logo, o nome de J.C. Loudon e A.J. Downing.

No urbanismo do século XIX, retomou importancia, e foi a combinación da planificación moderna e a tradición da xardinaría paisaxista o que deu á arquitectura da paisaxe a súa orientación particular. Na segunda metade deste século, Frederick Law Olmsted creou unha serie de parques que seguen a ter unha fonda influencia sobre a práctica actual do paisaxismo. Pódese citar o Central Park de Nova York, o Prospect Park de Brooklyn, o Parc du Mont-Royal de Montreal e a rede de parques Emerald Necklace de Boston.

A arquitectura da paisaxe seguiu os eu desenvolvemento coma disciplina do deseño durante o século XX, e aproveitou varios movementos no deseño e maila arquitectura. Na actualidade, o espírito de innovación ofrece aínda asombrosos resultados no deseño das vías públicas, dos parques e xardíns. A obra de Martha Schwartz nos Estados Unidos, e das planificacións como a de Schouwburgplein en Rotterdam polo grupo neerlandés West 8 son exemplos.

Ian McHarg tivo unha influencia importante sobre a arquitectura da paisaxe moderna e sobre a adaptación do solo en particular. No seu libro Design with Nature (1969) popularizou un sistema de análise das distintas camadas dun local co fin de acadar unha comprensión total dos atributos cualitativos dun lugar. Este sistema converteuse na base dos sistemas de información xeográficos (SIX) actuais. McHarg asignaba unha camada a cada aspecto cualitativo dun lugar, como a historia, a hidroloxía, a topografía, a vexetación etc. Actualmente utilízanse universalmente os programas informáticos de SIX na arquitectura da paisaxe para a análise dos materiais sobre e no chan, do mesmo xeito que son empregado polos urbanistas, os xeógrafos, os profesionais da silvicultura e dos recursos naturais etc

Antes de 1800, a historia da arquitectura da paisaxe foi simplemente a da planificación. A primeira persoa que fala de facer unha paisaxe foi Joseph Addison en 1712. O termo xardineiro da paisaxe foi inventado por William Shenstone en 1754 pero o primeiro deseñador profesional en empregalo foi Humphry Repton en 1794. O termo arquitectura da paisaxe foi inventado por Gilbert Laing Meason en 1828 e se utilizou por vez primeira como título profesional por Frederick Law Olmsted en 1863. Capability Brown, que permanece como un dos xardineiros da paisaxe máis recoñecidos actualmente; calificábase a si mesmo de creador de locais. Durante o século XIX, o termo xardineiro da paisaxe veu a se aplicar a xente que construía (e debuxaban ás veces) as paisaxes, e o termo arquitecto da paisaxe ficou reservado á xente que debuxaba (e construía ás veces) as paisaxes. Este uso do termo arquitecto da paisaxe recoñeceuse despois da fundación da American Society of Landscape Architects en 1899 e da International Federation of Landscape Architects (IFLA) en 1948.

Tarefas

O paisaxismo é ámbito multidisciplinar que inclúe: arte, ciencia, matemática, tecnoloxía, enxeñaría, xeografía, horticultura, ciencias sociais, política, historia, filosofía e de cando en vez zooloxía. As actividades dun arquitecto paisaxista ou paisaxista van dende o deseño dos espazos abertos e públicos das vilas - prazas, bulevares, a creación de parques públicos e vías paisaxistas - até a planificación do local para edificios de oficinas corporativos, do deseño de lugares residenciais ao deseño de infraestruturas civís e a xestión de extensas áreas naturais á rehabilitación de lugares degradados como as minas e os lugares de enterramento de desfeitos ou lixo. Os arquitectos paisaxistas traballan sobre todos os tipos de estruturas e pequenos espazos exteriores, grandes urbanos ou rurais, con materiais duros ou vexetación, en relación coa hidroloxía e a ecoloxía.

O alcance das tarefas profesionais coas que colaboran os arquitectos paisaxistas ou paisaxistas é moi extenso. Inclúen:

  • A planificación, da forma, escala e plans de lugar de nova evolución
  • O deseño civil e as infraestruturas públicas
  • A xestión das augas de superficie que inclúen os xardíns de choiva, as cubertas vexetais ou teitos verdes e mailas concas de retención das augas pluviais.
  • O deseño de lugares e campus para as institucións
  • Os parques, xardíns botánicos, arboredos, vieiros de grande excursión, roteiros e reservas naturais
  • As infraestruturas de lecer coma os campos de golf, os parques de atraccións e os terreos para o deporte
  • As zonas residenciais, os parques industriais e os desenvolvementos comerciais
  • As autoestradas, estruturas do transporte, as pontes e os corredores de estradas
  • O deseño urbano, as prazas, as beiravías, as vías peonís e os aparcadoiros de superficie
  • Os proxectos de renovación urbana de distinta amplitude
  • As paisaxes forestais, turísticos e históricos e mais os estudos de avaliación e conservación de xardíns históricos
  • As cisternas, os encoros, as centrais eléctricas, os proxectos industriais importantes, en particular, na industria primaria
  • Os estudos de impacto ambiental nas paisaxes, os consellos en planificación e en xestión do solo
  • Os desenvolvementos da beiramar e do mar.

A contribución máis importante faise a miúdo nas primeiras fases dun proxecto pola contribución de ideas, perspectivas e creatividade na organización do espazo. O arquitecto paisaxista ou paisaxista contribúe ao concepto global e prepara un plano inicial a partir do que se poderán facer plans detallados. O especialista pode tamén supervisar os contratos durante a construción, preparar avaliacións, facer os estudos de impacto ou auditorías ambientais e actuar coma testemuña experta en pesquisas sobre o uso do solo.

Especialidades

Os arquitectos paisaxistas ou paisaxistas e os técnicos ou enxeñeiros da paisaje poden ser empregados polas empresas de construción e de paisaxismo ou seren profesionais independientes. Os paisaxistas, o mesmo que os deseñadores de xardíns, fan o deseño de todos os tipos de plantacións e espazos verdes, e non se rexistran. Moitos enxeñeiros da paisaxe traballan par aos gobernos locais, rexionais ou centrais, mentres que outros traballan para empresas privadas de enxeñaría ou paisaxismo.

Os xestores da paisaxe utilizan o seus coñecementos en botánica e do medio ambiente natural para aconsellar sobre o mantemento a longo prazo das paisaxes. Traballan en horticultura, xardinaría, silvicultura, conservación da natureza e agricultura.

Os científicos da paisaxe teñen coñecementos especializados en pedoloxía, hidroloxía, xeomorfoloxía ou botánica que aplican aos problemas prácticos dos traballos sobre a paisaxe. O seu traballo vai dende a vixilancia do lugar á avaliación ecolóxica de extensas superficies con fins de planificación ou xestión. Poden tamén informar sobre o desenvolvemento ou a importancia de especies particulares nun medio dado

Os planificadores da paisaxe ocúpanse da planificación de paisaxes en canto aos aspectos circunstanciais, escénicos, ecolóxicos e de lecer, de usos urbanos, rurais e costeiros. Os seus traballos materialízanse por informes escritos de políticas e estratexias, e a súa produción inclúe plans directores de nova evolución, avaliacións de paisaxes e a preparación de plans de política e xestión rural. Algúns destes especialistas poden derivar cara a arqueoloxía ou o dereito das paisaxes.

Os deseñadores de xardíns ocúpanse de debuxar xardíns e pequenos espazos exteriores, así como da conservación de xardíns históricos.

Os deseñadores dos chamados teitos verdes debuxan cubertas vexetais extensivas para a xestión das augas de superficie, a arquitectura ecolóxica, estética dos edificios, e a creación de hábitats fáunicos.

A profesión

En moitos países existe unha organización profesional que enmarca a profesión, protexe os seus intereses, e regula a práctica. A norma varía dun país a outro:

Estados Unidos

Nos Estados Unidos, o paisaxismo está regulado por cada estado, só Vermont carece dun regulamento nesta materia. O arquitecto paisaxista que quere ser membro dun instituto profesional debe ter unha formación sólida ou a experiencia combinada cunha formación continua. Os permisos supervísanse a nivel estado e nacional polos Council of Landscape Architectural Registation Boards (CLARB).

Canadá

No Canadá, algunhas organizacións provinciais regulan o paisaxismo baixo a Asociación de Arquitectos Paisaxistas do Canadá (The Canadian Society of Landscape Architects).

Australia

En Australia, é o Australian Institute of Landscape Architects (AILA) quen regula a profesión. Os paisaxistas autorizados polo instituto teñen o título de Registered Landscape Architect.

Notas

  1. Albardonedo Freire, A. El urbanismo de Sevilla durante el reinado de Felipe II. ed. Guadalquivir, Sevilla, 2002.
  2. Panzini, Franco, Per i piaceri del popolo. L'evoluzione del giardino pubblico in Europa dalle origini al XX secolo. Bolonia, Zanichelli Editore, 1993.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Aquilino Iglesia Alvariño

Aquilino Iglesia Alvariño, nado na Pedrosa (Seivane de Vilarente, Abadín) o 12 de xuño de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1961, foi un dos poetas máis significativos do século XX en lingua galega. No ano 1986 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Arquitectura

O termo arquitectura (en latín architectura, do grego ἀρχιτέκτων ; ἀρχι: "xefe" e τέκτων: "construtor, carpinteiro") pode ter os seguintes significados:

A arte e ciencia do deseño e da construción de edificios e outras estruturas físicas.

A actividade dun arquitecto, cando a arquitectura signifique ofrecer ou vender servizos profesionais ligados ao deseño e construción dun edificio -ou a un grupo de edificios, así como o espazo que os rodea- que ten como principal obxectivo o uso e ocupación humana.

Un termo xeral para referirmos aos edificios e outras estruturas físicas.

Un estilo e método de deseño e construción de edificios e outras estruturas físicas.Unha definición máis ampla pode comprender toda a actividade do deseño, dende o macronivel do deseño urbano e paisaxismo, até o micronivel dos detalles construtivos e o deseño do mobles. A arquitectura enténdese tanto como o proceso en si mesmo, coma o produto ao que se chega a través do planeamento, deseño e construción da forma, espazo e ambiente que reflicten consideracións funcionais, técnicas, sociais e estéticas. Require da manipulación creativa e da cordinación do material a usar; así como da súa tecnoloxía, luz e sombra. A arquitectura engloba tamén algúns aspectos pragmáticos da creación dos edificios e estruturas, incluíndo a programación e control da execución, a medición e estimación dos custos, e a administración do proceso edificatorio. A través desa documentación producida polos arquitectos, especialmente planos, debuxos e especificacións técnicas, a arquitectura define a estrutura creada e/a personalidade do edificio ou sistema que foi ou vai ser construído.

As obras de arquitectura son percebidas en moitas ocasións como símbolos culturais e políticos, así como obras de arte. Algunhas civilizacións históricas, como a Antiga Grecia ou o pobo Inca, son idendificadas con frecuencia cos seus logros arquitectónicos.

A palabra arquitectura refírese tamén en moitas ocasións á actividade do deseño de calquera outro sistema, non tendo que estar necesariamente relacionado con mundo da edificación. O termo pode atoparse con grande facilidade no mundo da tecnoloxía da información ou da enxeñaría informática.

Cambridge, Massachusetts

Cambridge é unha cidade situada no condado de Middlesex no estado de Massachusetts, Estados Unidos. No censo de 2010 tiña unha poboación de 105.162 habitantes e unha densidade poboacional de 5.713,94 persoas por km². Segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos, Cambridge ten unha superficie total de 18,4 km², dos que 16,54 km² corresponden a terra firme e 1,87 km² (o 10,15 %) é auga.Cambridge é coñecida por ser a cidade sede da Universidade de Harvard e do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT).

Caspar David Friedrich

Caspar David Friedrich, nado en Greifswald o 5 de setembro de 1774 e finado en Dresde o 7 de maio de 1840, foi o principal representante da pintura romántica alemá, xunto a Philipp Otto Runge, sendo a máis destacada no ámbito do paisaxismo.

Cerdaña

A Cerdaña (Cerdanya en catalán, Cerdagne en francés, Ceritania en latín) é un territorio histórico que como consecuencia do Tratado dos Pireneos do 1659, quedou dividido en dous: a comarca da Alta Cerdaña, que forma parte dos Pireneos Orientais, é dicir, os territorios administrados por Francia, e a Baixa Cerdaña, que forma parte de España, dentro da Comunidade Autónoma de Cataluña. Esta a súa vez, quedou dividida nas provincias de Xirona e Lleida.

Cándido Conde Dixon

Cándido Conde Dixon, nado en Ferrol en 1925 e finado en Palma de Mallorca en 1997, foi un pintor e mariño galego, da segunda metade do século XX, instalado en Mallorca onde realizou unha gran parte da súa obra. A súa dedicación principal foi o paisaxismo, aínda que tamén foi un interesante retratista. A súa primeira obra coñecida realizouse en Ferrol.

Debuxo técnico

O debuxo técnico é o exercicio de crearen representacións precisas de obxectos por necesidades técnicas en enxeñaría e arquitectura. O profesional do debuxo técnico é coñecido coma delineante.

Hoxe en día a mecánica das tarefas de debuxo teñen sido moi aceleradas, a través do emprego de sistemas CADD, pero tanto se o debuxo foi feito a man ou coa axuda dun computador, ten que ser reproducible no mundo real.

Existen dous modelos de representación: o método europeo (ou do primeiro diedro) e o método americano (ou do terceiro diedro).

Freixo

Os freixos son arbores pertencentes ao xénero Fraxinus da familia das oleáceas. Contén unhas 45-65 especies de árbores de porte mediano a grande, de folla caediza polo xeral, aínda que unhas poucas especies subtropicais teñen follas persistentes. Adoitan ocupar lugares frescos, lameiros, brañas, ribeiras. En Galicia son abundantes dúas especies, que se mesturan coma especie das fragas, coma árbore de ribeira ou raramente formando freixedos:

Fraxinus excelsior, o freixo común, común no norte;

Fraxinus angustifolia, o freixo de folla estreita, común no sur.Na Coruña tense tamén descrito o Fraxinus ornus, o freixo de flor.

Hilozoísmo

O hilozoísmo ou imaxinismo foi un movemento poético propio da vangarda galega inspirado na poesía popular, cuxo pai foi Luís Amado Carballo. A súa innovación consistiu en vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, é dicir, de incorporala ás vangardas. Nos poemas hilozoístas préstaselle unha grande atención á natureza, a cal aparecece en constante movemento, grazas moitas veces ao uso de imaxes autónomas.

Horticultura

A horticultura é a ciencia, a arte, a tecnoloxía e os negocios involucrados na produción de hortalizas (é dicir, de plantas herbáceas) con destino ao consumo. Distínguese da pomoloxía ou fruticultura, é dicir, da produción e manexo de especies lígneas e semilígneas produtoras de froitas. Ambas as dúas disciplinas distínguense tanto no tipo de materiais empregados, de prácticas, de manexos e de requirimentos.

En Galicia impártese academicamente no Campus de Lugo, na Universidade de Santiago de Compostela no grao de Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural.

Luís Torras

Luís Torras Martínez, nado en Vigo o 29 de decembro de 1912, é un pintor galego.

Neotrobadorismo

O neotrobadorismo é unha vangarda poética xurdida ao redor de 1930. debida á difusión en Galiza da lírica medieval galaico-portuguesa, a través da edición comentada de José Joaquim Nunes (1928), o que fixo posíbel a aparición dun novo discurso poético. Nesta nova vangarda recréanse temas amorosos similares ás cantigas de amigo e de amor, con recursos formais (paralelismo, refrán, leixaprén...) e ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...). Sobre todo inflúe a cantiga de amigo.

Hai dous autores significativos do neotrobadorismo:

Fermín Bouza-Brey: Nao senlleira (1933) e Seitura (1955)

Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama Riveira (1933). Cunqueiro continuará publicando poesía neotrobadoresca nos anos de posguerra: Dona do corpo delgado (1950).

Paisaxe

Paisaxe (extensión de terreo que se ve dende un sitio), é un concepto que se emprega de xeito diferente por varios campos de estudo, aínda que todos os usos do termo levan implícita a existencia dun suxeito observador e dun obxecto observado (o terreo) do que se destacan fundamentalmente as súas calidades visuais e espaciais.

A paisaxe, concibida como unha compoñente do ambiente, é obxecto de protección por parte de diversas leis e institucións nacionais e internacionais (UNESCO e Consello de Europa).

A paisaxe, dende o punto de vista xeográfico, é o obxecto de estudo primordial e o documento xeográfico básico a partir do cal se fai a xeografía. En xeral, enténdese por paisaxe calquera área da superficie terrestre produto da interacción dos diferentes factores presentes nela e que teñen un reflexo visual no espazo. A paisaxe xeográfica é por tanto o aspecto que adquire o espazo xeográfico. Defínese polas súas formas: naturais ou antrópicas. Toda paisaxe está composta por elementos que se artellan entre si. Estes elementos son basicamente de tres tipos: abióticos (elementos non vivos), bióticos (resultado da actividade dos seres vivos) e antrópicos (resultado da actividade humana). Determinar estes elementos é o que constitúe o primeiro nivel da análise xeográfica.

Na bioloxía, algúns conceptos empregan o termo paisaxe.[Cómpre referencia]A paisaxe, dende o punto de vista artístico, sobre todo pictórico, é a representación gráfica dun terreo extenso. Co mesmo significado utilízase o termo país (non debe confundirse co concepto político de país). A paisaxe tamén pode ser o obxecto material a crear ou modificar pola arte mesma.

Na literatura, a descrición da paisaxe é unha forma literaria que se denomina topografía (termo que tamén dá nome á topografía como ciencia e técnica que se emprega para a representación gráfica da superficie terrestre). En construcións literarias e ensaísticas é habitual comparar a paisaxe coa veciñanza (de paisano), é dicir, o medio cos grupos humanos

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Pé de hórreo

Os pés do hórreo son un dos elementos sustentadores máis comúns deste tipo de celeiro, erguendo a cámara do chan para a illar da humidade e da bicharía e roedores. Son compoñentes construtivas que transmiten as cargas verticais ao chan. Cada pé está formado xeralmente por dous elementos: o esteo (un pequeno piar) e o tornarratos. Este último (tamén coñecido coma capa, capela, rateira, rateiro, tolda, posta, moa ou mó) é unha pedra grande e plana, de formas diversas, que se coloca sobre o esteo para evitar que os ratos e outros animais poidan entrar nel. En asturiano e castelán o tornarratos recibe o nome de muela e o esteo recibe o nome de pegollo. En inglés staddle stone é o conxunto das dúas pezas.

As construcións ergueitas sobre pés aparecen arredor do mundo (celeiros, palleiros, incluso en vivendas (palafitos). En Galiza, aínda que aparecen outras construcións elevadas do chan como os palleiros, o que coñecemos coma pés (con esteos e tornarratos) só se usan coma sustentación dos hórreos, erguéndoos do chan e protexendo o gran almacenado da humidade. Estes mesmos pés atopámolos nos outros hórreos ibéricos e nos celeiros ingleses. O termo inglés staddle ou stadle vén do inglés antigo stathel, stathol, que podería estar relacionado co galego esteo ("alicerce, soporte, tranco dunha árbore").

Rafael Úbeda Piñeiro

Rafael Úbeda Piñeiro, nado en 1932 é un pintor pontevedrés.

Tileiro

Os tileiros son as arbores do xénero Tilia, pertencentes á familia das malváceas (anteriormente clasificados na súa propia familia, as tiliáceas), nativos das rexións temperadas do hemisferio norte. Abrangue unha trintena de especies; existindo ademais numerosos híbridos espontáneos e artificiais, un factor que dificulta a elaboración dunha taxonomía precisa para a especie. En Galicia aparecen cultivados en parques e xardíns das principais vilas.

Xardinaxe

A xardinaxe ou xardinaría é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.

Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.

A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.

Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.

Xavier Pousa Carrera

Xavier Pousa Carrera, nado en Goián (Tomiño) en 1931 e finado en Vigo o 8 de decembro de 2001, foi un pintor impresionista galego, cuxas obras plasman, principalmente, as paisaxes do contorno do Baixo Miño. Cultivou un impresionismo lírico e evocador centrado no paisaxismo, malia que tamén realizou retratos, destacando polas súas cores intensas e delicadas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.