Paganismo

Pagán[1] (do latín paganus: campesiño, aldeán) é unha expresión inicialmente despectiva que os cristiáns aplicaban a todas as persoas con crenzas relixiosas diferentes do xudaísmo, do cristianismo e do islamismo. Integra o xénero máis amplo de «infiel», que tamén abarca aos crentes do xudaísmo, do islamismo e ateos. O termo procede da época imperial romana, na que o cristianismo se converteu na relixión oficial e foi utilizado para denominar e perseguir ás antigas relixións do Imperio.

Os «infieis» (pagáns, xudeus e musulmáns) diferenciábanse dos herexes, no feito de que os primeiros descoñecían a relixión cristiá ou non lles foi presentada adecuadamente. Os herexes, en cambio son cristiáns que rexeitan certos contidos da súa propia relixión. Neste cadro conceptual, os católicos consideran como herexes aos crentes nas diversas relixións protestantes.

Kyzyl Shaman
Xamán.

Historia do termo

Nunha nota ao final do capítulo XXI de A Decadencia e Caída do Imperio Romano, Edward Gibbon rastrexa a orixe e uso da palabra "pagán".

A idea que agora é común na literatura de que os adoradores dos antigos deuses comezaron a ser chamados pagáns cando o seu culto desaparecera das cidades e tomara refuxio nos pobos (pagi), é inexacta. Os decretos imperiais contra a antiga relixión fala dos seus devotos como pagáns no ano 365 d.C., cando eles eran aínda a gran maioría nas cidades romanas; e a mesma palabra no sentido de aldeáns (pagáns) usouse como mínimo desde o primeiro século da era cristiá.

Tácito e Xuvenal indican que no seu tempo comezou a ser aplicada a aqueles "xeralmente campesiños" que non eran chamados para o servizo militar e non tomaban o xuramento militar (sacramentum). Xa que os cristiáns considerábanse a si mesmos os soldados de Cristo, tomaron prestada a palabra sacramento, e chamaron a aqueles que non tomaban o seu xuramento pagáns, do mesmo xeito que antes se chamaba a aqueles que non facían o xuramento para o servizo militar. Así o sinala Tertuliano en De Coroa Militis, X. A vella relixión, é verdade, durou máis nos pobos, pero no século IV, cando a palabra pagán era usada no sentido que se usa hoxe, as cidades eran lugares onde os deuses de Grecia e Roma aínda eran fortes. Crisóstomo di, nun sermón do ano 385 D.C., que os cristiáns eran soamente un quinto da poboación de Antioquia, e abondan as probas de que o mesmo sucedía en Roma.

O termo pagán e os seus equivalentes noutros idiomas tamén foron utilizados por correntes cristiás para designar a outras que se definen como cristiás pero conservan cultos sincréticos que recordan ao paganismo. Por exemplo, na Igrexa de Bizancio os iconoclastas consideraban paganismo o culto ás imaxes dos iconodulas. Para algúns; poucos pero certos teólogos e propagandistas protestantes, o culto aos santos da Igrexa Católica é paganismo. Igualmente, algúns eclesiásticos católicos europeos cualificaban como pagás as prácticas sincréticas dos nativos americanos ou asiáticos evanxelizados.

Durante séculos os textos que utilizan este termo son principalmente cristiáns. Con todo, desde o século XIX, o desenvolvemento dun ocultismo ilustrado na civilización occidental levou a que algúns cultos se definisen a si mesmos como pagáns e recuperen antigas tradicións pagás europeas. É o que ás veces se chama neopaganismo.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pagán.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Blót

Un blót (antigo nórdico) era un sacrificio do paganismo nórdico ós deuses e os espíritos da terra. O sacrificio moitas veces tiña a forma dunha comida ou festa sacramental. Prácticas relacionadas foron realizadas por outros pobos xermánicos, como os pagáns anglosaxóns. O elemento de blót do sacrifico dun cabalo é atopado nas tradicións indoeuropeas, incluíndo as tradicións indias, celtas, e latinas.

Edicto de Milán

O Edicto de Milán (coñecido tamén como A tolerancia do cristianismo) foi promulgado en Milán no ano 313. Estableceu a liberdade de relixión no Imperio Romano, dando fin ás persecucións dirixidas polas autoridades contra certos grupos relixiosos, particularmente os cristiáns. O edicto foi asinado por Constantino I e Licinio, dirixentes respectivamente dos imperios romanos de Occidente e Oriente.

No momento da promulgación do edicto existían no Imperio cerca de 1.500 sés episcopais, e entre 5 e 7 millóns de habitantes dos 50 que compuñan o imperio profesaban o cristianismo. Logo da aprobación iniciouse a Paz da Igrexa, como é coñecida polos historiadores cristiáns.

Folk metal

O folk metal é un xénero de fusión do heavy metal e a música folk tradicional xurdido en Europa nos anos 1990. A música deste xénero caracterízase pola mestura de diversos estilos de heavy metal coa música folk, sendo habitual o uso de instrumentos folclóricos xunto aos tradicionais do heavy metal, en ocasións incluíndo estilos de canto tradicionais. Algúns grupos tamén empregan teclados para simular o son dos instrumentos tradicionais. As letras das cancións neste xénero adoitan tratar sobre temas como a fantasía, mitoloxía, paganismo, historia e natureza.Considérase aos grupos Skyclad, Moonspell e Amorphis como os pioneiros deste xénero. A mediados dos anos 1990 outros grupos comezaron a xurdir en diversas zonas de Europa, como por exemplo os irlandeses Cruachan e os alemáns Subway to Sally, cada un deles encabezando as variacións de estilo que serían denominadas celtic metal e medieval metal respectivamente. Malia as contribucións destes primeiros grupos, non foi ata comezos dos anos 2000 que o xénero acadou unha gran popularidade, particularmente en Finlandia con grupos como Finntroll, Ensiferum, Korpiklaani, Turisas e Moonsorrow.

Hörgr

Un hörgr (antigo nórdico, plural hörgar) ou hearg (inglés antigo) era un tipo de construción relixiosa ou altar. Posiblemente consistía nunha morea de pedras, usadas no paganismo nórdico. Os Hörgar están atestados na Edda poética, unha compilación do século XIII a partir de fontes tradicionais; na Edda prosaica, escrita no século XIII por Snorri Sturluson, sagas, na poesía de skalds, no poema anglosaxón Beowulf, e en varios nomes de lugares, a miúdo conectados cos deuses xermánicos.

Lughnasadh

Lughnasadh é unha festa celta celebrada o 1 de agosto, durante a tempada de maduración da colleita local de froitas, ou durante o plenilunio preto do punto medio entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono.

Mitoloxía xermánica

A mitoloxía xermana é o conxunto de crenzas profesadas polos antigos pobos xermánicos antes da súa cristianización, en diferentes rexións do Norte de Europa, como a antiga Xermania, Escandinavia, Islandia, as Orcadas e as Shetland, a costa máis meridional de Escocia ou a parte oriental de Inglaterra.

Neopaganismo

O neopaganismo, tamén coñecido como paganismo contemporáneo, é un conxunto de movementos relixiosos modernos inspirados en formas de relixiosidade anteriores ó cristianismo. Malia compartir semellanzas entre eles, os movementos relixiosos contemporáneos son diversos.O paganismo contemporáneo foi caracterizado por Dennis Carpenter como "unha síntese de inspiración histórica e creatividade actual", nunha mestura de influencias pre-cristiás, folclóricas e fontes etnográficas, coa fin de formar novos movementos. A medida en que os pagáns contemporáneos usan esas fontes é diferente, moitos seguen unha espiritualidade que é totalmente moderna, mentres que outros intentan reconstruír ou revivir as relixións étnicas indíxenas coa maior precisión posible. O politeísmo, o animismo, e o panteísmo son comúns na teoloxía pagá. Entre as celebracións máis comúns entre os neopagáns están os festivais da Roda do Ano.

Neopaganismo celta

O neopaganismo celta refírese ó movemento pagán contemporáneo baseado no politeísmo celta. Este movemento apareceu a finais do século XIX, máis emerxeu con forza nos anos setenta do século XX. O neopaganismo celta recolle a antiga relixión celta praticada nas antigas Galia, Irlanda e Britannia antes da chegada do cristianismo. Trátase dun sistema relixioso panteísta, animista e politeísta. Coa aparición e difusión do mistericismo entre os anos 1970 e 1980, o neopaganismo influíu na filosofía New Age e na Wicca, ás cales transmitiulles particularmente a súa doutrina druidista. Entre os primeiros grupos estaban os de orientación puramente celta , e só moi recentemente a relixión celta foi sometida a unha sistematización e institucionalización gradual, cuxo proceso aínda está en curso.

En Galicia existen varios grupos de paganismo celta, entre eles a "Irmandade druídica galega" e o grupo "Brigante".

Odín

Odín (Óðinn en antigo nórdico) é o deus soberano na mitoloxía nórdica e no paganismo nórdico, como o anglosaxón Woden, continuación do protoxermánico *Wōdinaz.

Os números na mitoloxía nórdica

Os números tres e nove son especialmente significantes na mitoloxía nórdica e no paganismo nórdico. Ámbolos dous números (así como os seus múltiplos) aparecen en numerosas fontes do paganismo nórdico na práctica do seu culto.Mentres que o número tres é moi significante en numerosas culturas, na mitoloxía nórdica ten especial relevancia o número nove. Xunto co número vinte sete, os dous números tamén figuran no calendario xermánico.

Paganismo nórdico

O paganismo nórdico ou escandinavo é un termo empregado para describir as tradicións relixiosas comúns entre as tribos xermánicas que habitaban nos países nórdicos antes e durante a cristianización da Europa do norte. O paganismo nórdico é un subconxunto do paganismo xermánico, practicado nas terras deshabitadas polas tribos xermánicas en case toda Europa central e setentrional, durante a era viquinga. O coñecemento actual sobre o paganismo nórdico foi inferido polos resultados arqueolóxicos, etimolóxicos e polos materiais escritos da época.

Algúns expertos como Georges Dumézil, suxiren que diversos elementos estruturais e temáticos dentro das certificadas ideas relixiosas escandinavas, sitúan ó paganismo escandinavo dentro da estrutura básica da expresión pan-Indo-europea das ideas espirituais coma un todo.

Politeísmo celta

O politeísmo celta, tamén coñecido como paganismo celta, comprende as prácticas e crenzas relixiosas atribuídas ós pobos celtas que habitaron no oeste de Europa durante a Idade de Ferro, entre os anos -500 e 500, abranguendo dende a cultura de La Tène ata a era romana. No caso dos celtas insulares correspóndese coa Idade de Ferro británica e a Irlanda celta.

O politeísmo celta foi unha das meirandes relixións durante a Idade de Ferro dentro da familia indoeuropea. Isto débese a que comprende unha gran cantidade de variacións xeográficas e cronolóxicas. Malia a súa variedade, poden ser detectadas semellanzas estruturais permitindo detectar unha "homoxeneidade relixiosa básica" entre os diferentes pobos celtas.O panteón celta componse de numerosos teónimos que foron recollidos pola epigrafía e etnografía grecorromana. Entre eles, os máis prominente son Teutates, Taranis e Lugh.

Figuras medievais da mitoloxía irlandesa foron aducidas por mitoloxía comparada, interpretadas como versións evémeras de deidades precristiás insulares.

Unha característica salientable da relixión celta, segundo se reflicte na historiografía romana, é a súa estendida práctica do sacrificio humano.

Segundo as fontes gregas e romanas, na Galia, Britania e Irlanda existía unha caste de "sabios máxico-relixiosos" cuxos membros se coñecían como druídas, pero é moi pouco o que se coñece deles.Coa conquista da Galia (entre o -58 e o -51) e o sur de Britania (43) polo Imperio romano, as prácticas relixiosas celtas adoptaron elementos dos conquistadores produto da romanización, dando lugar a cultos sincréticos coas súas tradicións e deidades, como Cernunnos, Artio, Telesforo etc.

Nos séculos V e VI, o cristianismo converteuse na fe dominante na área celta, suplantando as súas prácticas relixiosas. Porén, o politeísmo celta deixou a súa pegada nas Nacións celtas, influenciando unha mitoloxía posterior, e servindo de base para novos movementos relixiosos, como neopaganismo celta, xurdido no século XX.

Rituais nórdicos

O culto pagán nórdico está composto polos rituais relixiosos tradicionais practicados polos pobos nórdicos en Escandinavia en tempos precristiáns. O paganismo nórdico foi unha relixión popular (en contraposición dunha relixión organizada), e o seu propósito principal era a supervivencia e a rexeneración da sociedade. Polo tanto, enténdese que o culto estaba descentralizado e ligado á aldea e á familia, a pesar de que existen evidencias de grandes festas relixiosas nacionais. Os líderes dirixían o culto en nome da sociedade; a nivel local, o líder era o xefe da familia, e en todo o país, o líder era o rei. Os escandinavos precristiáns non tiña unha verba para a relixión no senso moderno. O homólogo máis achegado é a palabra sidr, que significa costume. Isto implicou que o Cristianismo, durante o período da conversión, fose chamado nýr sidr (o novo costume), mentres que o paganismo era chamado forn sidr (o vello costume). O centro de gravidade da relixión pre-cristiá radicaba na práctica relixiosa, é dicir, os actos sagrados, os rituais e o culto ós deuses.A relixión nórdica non foi homoxénea en ningún momento, pero era un conglomerado de costumes e crenzas relacionadas. Estas puideron ser herdadas ou emprestadas, e malia que as grandes distancias xeográficas de Escandinavia levaron a unha serie de diferenzas culturais, a xente entendía e compartía as tradicións, os mitos poéticos e as costumes dos demais. O sacrificio, (blót) xogou un papel importante en moitos dos rituais que coñecemos hoxe en día, e a festa comunitaria coa carne dos animais sacrificados, xunto co consumo de cervexa e hidromel, xogou un papel importante nas celebracións do calendario xermánico. Segundo que práctica, é probable que outros produtos alimenticios como o trigo foran utilizados no canto da carne. O obxectivo destes sacrificios era garantir a fertilidade e o crecemento. Porén, as crises repentinas ou os actos de transición como nacementos, vodas e enterros tamén poderían ser a razón. Daquela, había unha distinción clara entre o culto público e privado, e os rituais estaban estipulados segundo o fogar, a persoa e as estruturas da sociedade.Non está claro ata que punto os mitos coñecidos corresponden ás crenzas relixiosas dos escandinavos en tempos precristiáns, nin como actuaba a xente na vida cotiá. Os escandinavos non deixaron ningún texto sobre as súas prácticas relixiosas, e os textos cristiáns sobre o tema están influenciados por malentendidos e prexuízos negativos, xa que os cristiáns viron as crenzas nórdicas como supersticións e culto ó demo. Foron atopadas algunhas evidencias arqueolóxicas, pero non é doado interpretar de forma illada o material escrito.

Teodosio I

Teodosio I (Flavius Theodosius), nado en 346 e finado o 17 de xaneiro de 395, foi emperador romano e emperador bizantino de 379 a 395. Era fillo de Teodosio o Vello.

Viking metal

O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica, caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga. Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico. Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal, acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo. Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.O grupo sueco Bathory acredítase como o pioneiro deste estilo cos seus álbums Blood Fire Death de 1988 e Hammerheart de 1990. Os noruegueses Enslaved seguiron estes pasos cos álbums Hordanes Land de 1993 e Vikingligr Veldi de 1994. Burzum, Emperor, Einherjer, e Helheim, entre outros grupos, continuaron desenvolvendo o xénero a comezos e mediados dos anos 1990. Os grupos de death metal Unleashed e Amon Amarth tamén adoptaron estas temáticas viquingas, ampliando o estilo dende a súa orixe no black metal cara outros xéneros.

Völva

Unha völva, vala, wala (antigo alto alemán), seiðkona, ou wicce era unha sacerdotisa do paganismo nórdico.

Xuliano

Flavio Claudio Xuliano, nado entre o ano 331 e o 332 e finado o 26 de xuño de 363, foi un emperador romano que gobernou desde o 361 ata a súa morte. Alcumado polas fontes cristiás como Xuliano o Apóstata, pola súa suposta conversión ao paganismo.

Æsir

Para os antigos nórdicos os Æsir (singular Áss, feminino Ásynja, feminino plural Ásynjur) eran os principais deuses do panteón do paganismo nórdico, aquí están incluídos a maioría das máis salientables figuras tales como Odín, Thor, Tyr e Balder ata un total de 32 deuses principais. Eran fundamentalmente divindades guerreiras, ás que lle rendían culto a aristocracia e os guerreiros, e se opoñían ós deuses Vanir, divindades agrícolas, coas que estaban en permanente conflito.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.