Pacto de Varsovia

O Pacto de Varsovia ou Tratado de Varsovia foi unha alianza militar dos países do bloque soviético de Europa do Leste coma un intento para organizarse en contra da ameaza que percibían da OTAN, establecida en 1949, pero especificamente incitado pola integración dunha remilitarizada Alemaña Occidental dentro da OTAN coa ratificación dos Acordos de París polas nacións de occidente.

Logo The Warsaw Pact
Logotipo do Tratado de Varsovia.
NATO vs Warsaw (1949-1990)
En vermello, os países membros do Pacto de Varsovia.

Historia e características

O tratado foi establecido por Nikita Khrushchev o 14 de maio de 1955. Oficialmente denominado Tratado da Amizade, Colaboración e Asistencia Mutua. Foi firmado pola Unión Soviética, Albania, Bulgaria, Romanía, Alemaña do Leste, Hungría, Polonia e Checoslovaquia.

Todos os países comunistas de Europa do leste, agás Iugoslavia, asinaron o tratado. Os membros do Pacto de Varsovia acordaron a defensa mutua se algún dos membros fose atacado.

Aínda que o pacto tiña o nome da capital polaca Varsovia, na práctica, a Unión Soviética tiña practicamente o control da alianza, tanto político coma militar. O pacto finalizou o 31 de marzo de 1991 e foi oficialmente disolto nunha reunión en Praga o 1 de xullo dese ano.

Albania retirouse da alianza en 1961 coma resultado da separación sino-soviética na que o réxime estalinista de liña dura apoiou á República Popular da China.

19 de novembro

O 19 de novembro é o 323º día do ano no Calendario Gregoriano e o 324º nos anos bisestos. Quedan 42 días para rematar o ano.

26 de outubro

O 26 de outubro é o 299º día do ano do calendario gregoriano (300º nos anos bisestos). Quedan 66 días para finalizar o ano.

Bloque do leste

Durante a guerra fría, o Bloque do Leste, tamén chamado Bloque soviético e campo socialista, comprendía os seguintes países de Europa central e oriental: Bulgaria, Romanía, Hungría, a República Democrática Alemá, Polonia, Albania, a Unión Soviética e Checoslovaquia. O Bloque do Leste adoita considerarse idéntico ao Pacto de Varsovia. Outra das organizacións que reunían aos países do bloque era o Consello de Axuda Mutua Económica.

Iugoslavia nunca formou parte do Bloque do Leste nin do Pacto de Varsovia. Malia ser un estado socialista, o seu líder Josip Broz Tito chegou ao poder grazas ao seu mando sobre a resistencia partisana durante a segunda guerra mundial e sempre mantivo unha política de distanciamiento e autonomía respecto da influente Unión Soviética. O goberno iugoslavo mantívose neutral durante a guerra fría e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados.

Pola súa banda, o goberno de Albania (tildado de estalinista) tamén logrou o poder sen axuda soviética como consecuencia da segunda guerra mundial. Albania rompeu a súa relación coa Unión Soviética a comezos dos anos 1960, aliñándose coa República Popular Chinesa e a súa posición antirrevisionista.

As nacións do Bloque do Leste foron, en ocasións, mantidas dentro da esfera de influencia soviética mediante a forza militar. O Exército Vermello invadiu Hungría en 1956 logo dunha revolta anticomunista. Tamén Checoslovaquia foi invadida, en 1968 e por tropas do Pacto de Varsovia, co obxecto de poñer fin a un período de liberalización coñecido como a Primavera de Praga. Esta política foi denominada Doutrina Brezhnev e se convalidaba, segundo a argumentación soviética, na obrigación que tiñan os estados socialistas de sosterse uns a outros de acordo ao establecido no Pacto de Varsovia. A Primavera de Praga non era para os seus críticos outra cousa que un retorno progresivo ao capitalismo, o que xustificaba segundo este razoamento a intervención militar. Os críticos da Unión Soviética falaban á súa vez de social-imperialismo.

O Bloque do Leste disolveuse polo colapso dos diferentes estados socialistas que o formaban, case todos os cales deixaron directamente de existir. O golpe definitivo foi a disolución da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas mesma, bastión político e militar do Bloque, a fins de 1991.

Década de 1950

A década de 1950 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1950 e remata o 31 de decembro de 1959.

Eslovaquia

Eslovaquia ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovensko [ˈslovɛnsko] ), oficialmente República Eslovaca ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovenská republika [ˈslovɛnskaː ˈrɛpublika] ), é un país do centro de Europa, resultado da división de Checoslovaquia, que orixinou o novo estado e tamén a Chequia. Ten fronteira ó norte con Chequia e Polonia; ó leste con Ucraína; ó sur con Hungría e ó oeste con Austria. A súa capital é Bratislava.

Europa Oriental

As conferencias de Ialta (4 de febreiro - 11 de febreiro de 1945) e de Potsdam (17 de xullo - 2 de agosto de 1945), dividiron Europa en dúas grandes áreas políticas. Nos países da Europa Oriental impuxéronse no goberno os partidos comunistas coa axuda, ás veces, do Exército Vermello.

Estes países, afíns ideoloxicamente, organizáronse no:

COMECON (Consello de Axuda Mutua Económica), creado en 1949 como resposta ó Plan Marshall (programa de créditos brandos dos EUA ós países de Europa Occidental).

Pacto de Varsovia, alianza militar constituída en 1955 como resposta á Alianza Atllántica ou OTAN.Na actualidade desapareceron tanto o COMECON como o Pacto de Varsovia. Os países de Europa Oriental estánse a integrar na Unión Europea e na Alianza Atlántica de xeito constante e progresivo trala caída do pano de aceiro.

Gheorghe Gheorghiu-Dej

Gheorghe Gheorghiu-Dej, nado en Bârlad o 8 de novembro de 1901 e finado en Bucarest o 19 de marzo de 1965, foi o líder comunista de Romanía dende 1947 até a súa morte en 1965. Foi o arquitecto da política semi-autónoma en economía e relacións internacionais que tivo o país, dentro do Pacto de Varsovia. Nicolae Ceaușescu foi o seu protexido e, trala súa morte, tomou a Presidencia de Romanía.

Guerra fría

A guerra fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.

OTAN

A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) (en inglés North Atlantic Treaty Organization, NATO e en francés Organisation du Traité de l'Atlantique Nord, OTAN), tamén denominada Alianza do Atlántico, Alianza do Atlántico Norte ou Alianza Atlántica, é unha alianza militar intergobernamental creada o 4 de abril de 1949 da que forman parte países de Europa e América. As súas funcións cambiaron dende a súa fundación: naceu como organización defensiva para conter ós países comunistas de Europa do leste, que se agruparon no chamado Pacto de Varsovia, e tras a caída do Muro de Berlín facilitouse a entrada a ditos países no tratado, de xeito que hoxe inclúe a maioría deles. No ano 1999 variouse o tratado para permitir outras misións diferentes da pura defensa. España que xa era membro da OTAN dende 1982 confirmou a súa permaneza no referendo do 1986, estatuto que logo ampliou ata a participación actual.

Actualmente o seu obxectivo principal é salvagarda-la soberanía e liberdade dos países membros por medios tanto políticos como militares. No ámbito da defensa, o Tratado establece que unha agresión a un país membro ou grupo de países membros será considerada como unha agresión a tódolos asinantes. Outro obxectivo é potencia-la comunicación con países non membros para estende-la estabilidade alén das fronteiras da OTAN.

O órgano de decisións máis importante da OTAN é o Consello Norte-atlántico que xunta a representantes dos 29 países anualmente.

Pano de aceiro

O pano de aceiro ou a cortina de aceiro é un termo que fai referencia á fronteira, non só física senón tamén ideolóxica e simbólica, que dividía Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Winston Churchill popularizou o termo nunha conferencia nos Estados Unidos o 5 de marzo de 1946, na que dixo:

Dende Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, caeu sobre o continente [Europa] un pano de aceiro".— Wiston Churchill

A fronteira da que falaba Churchill dividía aos estados capitalistas aliñados política, económica e militarmente cos Estados Unidos e os estados socialistas que facían o seu coa Unión Soviética. En realidade, o termo fora cuñado polo que fora ministro de Propaganda da Alemaña nazi Joseph Goebbels, que vaticinaba o 25 de febreiro do 1945, nun artigo intitulado "O ano 2000", no semanario Das Reich:

Se os alemáns baixan as súas armas, os soviéticos, de acordo co arranxo ao que chegaron Roosevelt, Churchill e máis Stalin, ocuparán todo o leste e o sueste da Europa, así como a meirande parte do Reich. Unha cortina de aceiro (ein eiserner Vorhang) caerá sobre este enorme territorio controlado pola Unión Soviética, detrás da cal as nacións serán destruídas. A prensa xudía en Londres e Nova York seguirá aplaudindo probablemente.

— Joseph Gobbels

A división tamén se fixo patente en dous sistemas militares contrapostos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (1949) e o Pacto de Varsovia (1955), así como nas alianzas económicas; dunha banda o Plan Marshall e o Consello de Axuda Mutua Económica doutra. Esta división en dous bloques enfrontados nas súas concepcións políticas, militares e económicas, deu lugar á situación coñecida co nome de Guerra fría.

Unicamente Iugoslavia, dirixida polo Mariscal Tito, adoptou na disputa unha posición neutra aínda sendo socialista e atopándose ao leste do Telón. Ao oeste do Pano, Finlandia e Austria mantiñan tamén unha política de relativa neutralidade respecto aos bloques, procurando manter relacións cordiais coa Unión Soviética. Nos medios de comunicación dalgúns países occidentais, empregouse o termo de finlandización para describir, en sentido negativo, unha política que, segundo ditos medios, servía aos intereses soviéticos.

Partido Comunista de España (VIII-IX Congresos)

O Partido Comunista de España (VIII-IX Congresos) foi un partido comunista español fundado en 1968 polo que era entón secretario de organización do PCE Agustín Gómez tras a condena que a dirección do PCE fixera da invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia.

Primavera de Praga

Durante a guerra fría, a Primavera de Praga (en checo: Pražské jaro; en eslovaco: Pražská jar) foi un período de intento de liberalización política en Checoslovaquia que durou dende o 5 de xaneiro de 1968 ata o 20 de agosto dese mesmo ano, cando o país foi invadido pola URSS, e os seus aliados no Pacto de Varsovia (fóra de Romanía) nunha acción que pretendía evitar o ingreso dun potencial sistema capitalista dentro de Checoslovaquia.

Os checos e os eslovacos mostraban crecentes signos de independencia baixo o liderado de Alexander Dubček. As reformas de Dubček en materia dos procesos políticos dentro de Checoslovaquia, ás que el se refería como "Socialismo con rostro humano", non representaba unha completa destrución do vello réxime, como no caso de Hungría en 1956. De todos os xeitos, isto foi visto polos líderes soviéticos como unha ameaza á súa hexemonía sobre os outros estados de Europa do Leste.

A política da URSS de reforzar aos gobernos leais dentro dos seus estados satélites, usando a forza militar de ser necesario, foi coñecida como a Doutrina Brezhnev, chamada así en honra ao líder soviético Leonid Brezhnev, quen foi o primeiro en declarala publicamente. Esta doutrina continuou aplicándose ata que foi remplazada pola Doutrina Sinatra, baixo o réxime de Mijail Gorbachov nos 1980s.

O período de liberalización política en Checoslovaquia chegou ao seu final o 20 de agosto de 1968, cando 200.000 soldados e 5.000 tanques do Pacto de Varsovia invadiron o país. As críticas dende Occidente foron case inexistentes; escritores de esquerda, como Tariq Ali, argumentaron que isto se debía a que os estados de Occidente vían o socialismo humano e democrático de Checoslovaquia como unha ameaza máis grande ao capitalismo que o comunismo soviético que, en gran medida, xa estaba moi desacreditado en 1968.

Unha década despois, A Primavera de Praga "prestou" o seu nome a un período de aperturismo político en China, coñecido como a Primavera de Pequín.

República Checa

A República Checa (en checo: Česká republika), tamén coñecida como Chequia (en checo: Česko) é un país de centro de Europa, limitado ao norte por Polonia, ao leste por Eslovaquia, ao sur por Austria e ao noroeste por Alemaña. Xunto con Polonia, Eslovaquia e Hungría, integra o Grupo Visegrád. Está formada polas rexións históricas de Bohemia, Moravia e Silesia. Bohemia, ocupa a parte occidental do país, está rodeada de montes baixos e forma unha cunca regada polos ríos Labe (Elba) e Vltava (Moldava). Moravia, ocupa parte oriental, está regada polo río Morava. Silesia, situada ao norte de Moravia, fai fronteira con Polonia.

O Estado Checo, ou as terras da Coroa de Bohemia, como era coñecido até 1918, formouse a finais do século IX. Despois da Batalla de Mohács en 1526, o Reino de Bohemia foi integrado na monarquía dos Habsburgo xunto con Austria e Hungría. A república independente de Checoslovaquia formouse en 1918, tralo colapso do Imperio Austrohúngaro trala Primeira Guerra Mundial. Despois de que no Pacto de Múnic (asinado pola Alemaña nazi, Francia, Reino Unido e Italia) se estabelecese unilateralmente a incorporación de Checoslovaquia á Alemaña, e por gratitude pola consecuente liberación da maior parte da República polo Exército Vermello, o Partido Comunista obtivo maioría relativa (38 %) nas eleccións de 1946.

Dous anos despois, en 1948, Checoslovaquia converteríase nunha ditadura por mor dun golpe de estado. En 1968 a crecente insatisfacción culminou cunha tentativa de reformar o réxime. Os acontecementos, coñecidos como a Primavera de Praga de 1968, terminou coa invasión por parte dos exércitos dos países do Pacto de Varsovia (coa excepción de Romanía); as tropas permaneceron no país até a Revolución de Veludo de 1989 cando o réxime se derrubou. O 1 de xaneiro de 1993, Checoslovaquia dividiuse pacificamente en dous estados, a República Checa e Eslovaquia. O 1 de maio de 2004 pasou a formar parte da Unión Europea.

Hoxe a República Checa é unha democracia representativa pluripartidista. O presidente Václav Klaus é o actual xefe de Estado, sendo Petr Nečas o Primeiro Ministro e Xefe de Goberno. O Parlamento ten dúas cámaras: a Cámara de Deputados e o Senado. Dende a súa creación a República Checa fixo reformas económicas como as privatizacións rápidas. O crecemento do seu Produto Interior Bruto (PIB) situouse en torno ao 6 % até o estalido da recente crise económica mundial. O país foi o primeiro membro da antiga COMECON en acadar o status de país desenvolvido segundo o Banco Mundial. O seu Índice de Desenvolvemento Humano (2010) sitúa a Chequia como unha nación cun "desenvolvemento humano moi alto".

República Federal Socialista de Iugoslavia

A República Federal Socialista de Iugoslavia (abreviado: RFSI, en croata e esloveno: Socijalistička Federativna Republika Jugoslavija, en serbio e mecedonio: Социјалистичка Федеративна Република Југославија, en albanés: Republika Socialiste Federative e Jugosllavisë, en húngaro: Jugoszláv Szocialista Szövetségi Köztársaság) foi un estado socialista europeo que existiu entre os anos 1963 e 1992, substituíndo na súa creación á República Federal Popular de Iugoslavia.

Estaba formada por Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Serbia, Macedonia e Montenegro. Foi gobernada ata o ano 1980 por Josip Broz Tito, quen a diferenza doutros países comunistas de Europa, elixiu un camiño independente ao da Unión Soviética, manténdose así distanciado dos países do Bloque do Leste, chegando a criticar as intervencións en Hungría, Checoslovaquia e Afganistán. Así pois non foi membro nin do Pacto de Varsovia nin da OTAN, sendo un dos creadores do Movemento de Países Non Aliñados no ano 1956.

República Socialista Checoslovaca

A República Socialista Checoslovaca foi o nome oficial de Checoslovaquia entre 1960 a finais de 1989, pouco despois da Revolución de Veludo), era un estado satélite da Unión Soviética que formaba parte do Bloque do leste.Tras o Golpe de estado de 1948, que supuxo a toma do poder polo Partido Comunista de Checoslovaquia co apoio da URSS, o país declarouse unha república popular logo que a Constitución do Nove de Maio entrara en vigor. O nome tradicional Československá republika (República Checoslovaca) mudouse o 11 de xullo de 1960 que a Constitución de Checoslovaquia de 1960 se tornara oficial, como un símbolo da "vitoria final do socialismo" no país, e permaneceu así ata a Revolución de Veludo. O país era membro do Pacto de Varsovia e do Consello de Axuda Mutua Económica

Revolución Húngara de 1956

A Revolución Húngara de 1956 foi unha revolta espontánea de carácter nacional contra o goberno comunista de Hungría e a súa política prosoviética que aconteceu entre o 23 de outubro e o 10 de novembro de 1956.

Dende a morte de Stalin os países do leste viviran unha certa liberalización, malia que controlada e reducida. O líder húngaro, Mátyás Rákosi, non obstante Imre Nagy, comunista reformista, accede ao posto de primeiro ministro, pero Rákosi mantense como secretario xeral do Partido Comunista Húngaro, situación que dura ata 1955 cando Nagy foi destituído do seu posto.

En xuño de 1956 unha revolta popular conseguiu destituír ao goberno e o nomeamento en outubro do comunista liberal Władysław Gomułka como primeiro secretario do Partido Comunista de Polonia, como consecuencia en Hungría pouco despois Ernő Gerő substituía a Rákosi como secretario xeral do Partido Comunista por temor a que o descontento se estendese por Hungría.

Para o 23 de outubro convocárase unha manifestación de solidariedade co pobo polaco, comezou como unha demostración de milleiros de estudantes que marcharon dende o centro de Budapest ao edificio do Parlamento. Unha delegación dos estudantes que entrara no edificio da radio nacional para tentar retransmitir as súas demandas foi detida. Cando os manifestantes demandaban a liberación dos seus compañeiros a Policía da Seguridade do Estado (ÁVH) disparou dende o interior do edificio; a nova esparexeuse rapidamente e a violencia e os desordes invadiron a capital e o resto do país. Milleiros de cidadáns organizáronse en milicias loitando contra a ÁVH e as tropas soviéticas, enviados soviéticos chegan ao país e o 24 Gerő acusado de ser o principal causante da situación é destituído, constituiuse un novo goberno presidido por Imre Nagy que formalmente eliminou a ÁVH e declarou a súa intención de retirar o país do Pacto de Varsovia, abolir a censura e convocar eleccións libres mentres a situación bélica normalizábase coa case fin da loita nas rúas trala retirada das tropas soviéticas de Budapest o 28 de outubro e boa parte do poder real queda das mans dos comités municipais e de fábrica. O 3 de novembro formouse un goberno nacional con representantes socialdemócratas, agrarios e tan só tres comunistas, entrementras János Kádár formou tamén ese día pola tarde un novo goberno na zona onde se concentraban as tropas soviéticas que pide axuda á Unión Soviética.

O 4 de novembro forzas do Pacto de Varsovia, fundamentalmente soviéticas, entraron en Budapest, matando milleiros de civís, o goberno refuxiouse na embaixada iugoslava e accederon a saír para seren conducidos ao estranxeiro mais finalmente serán executados, o 5 de novembro os soviéticos controlan case todo o país e a resistencia organizada cesou o 10 de novembro, producíndose arrestos masivos, estímase en 200.000 húngaros os que saíron do país como refuxiados. En xaneiro de 1957 o novo goberno prosoviético suprimira toda oposición pública. A invasión soviética de Hungría tivo como consecuencia unha fonda reflexión entre algúns intelectuais da esquerda europea e a retirada do apoio de moitos marxistas occidentais ao comunismo soviético.

Varsovia

Varsovia (en polaco: Warszawa, [varˈʂava] (AFI), escoitar; en alemán: Warschau) é a capital e cidade máis poboada de Polonia. A cidade atópase na chaira do río Vístula no corazón da rexión de Mazowsze (da que tamén é capital), aproximadamente a medio camiño tanto da costa do mar Báltico coma dos Montes Cárpatos.

A súa poboación no ano 2017 era de 1 753 977 persoas, cunha área metropolitana de preto de 3,1 millóns de persoas. A área total da cidade abrangue 519,9 km2, e a aglomeración 6.100,43 km2 (Área metropolitana de Varsovia, Obszar Metropolitalny Warszawy). Varsovia é a oitava maior cidade da Unión Europea.

A cidade ten numerosas industrias, entre elas de manufacturados, enxeñaría eléctrica e automóbil, é sede de 66 institucións de ensino superior, incluíndo a Universidade de Varsovia e a Universidade Tecnolóxica de Varsovia, a Escola Superior de Negocios, e unha Academia Médica. En Varsovia hai máis de 30 teatros, entre eles o Teatro e Ópera Nacionais e a Orquestra Filharmónica Nacional.

O nome da cidade deu lugar ao Pacto de Varsovia, á Convención de Varsovia, ao Tratado de Varsovia e ao chamado Levantamento de Varsovia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.