País

Para coñecer sobre a historia do desenvolvemento dos estados nacionais modernos, ver estado. Ver estado, para unha definición segundo o dereito internacional.
Political map of the World (November 2011)
Mapa dos estados do mundo (ano 2011).

Un país (do francés pays, procedente do latín pagus, -i, ‘aldea, distrito’)[1], ou estado nacional, é unha área xeográfica e unha entidade politicamente independente, co seu propio goberno, administración, leis, a maior parte das veces unha constitución, policía, forzas armadas, leis tributarias, e un grupo humano. Tamén é un país un territorio que constitúe unha nación, ou incluso unha rexión ou bisbarra (País do Loira). Un exemplo de país é Galicia.

Moitas veces, partes dun estado nacional cunha historia ou cultura diferentes son chamados países: Gales e Escocia son ás veces chamados países, inda cando non son estados nacionais, senón máis ben nacións.

Os termos país, nación, estado e terra acostuman ser utilizados coma sinónimos, mais nun uso máis estrito deben ser distinguidos:

  • país é unha área xeográfica.
  • nación designa á xente, porén nacional e internacional refírense tamén ao que son estritamente estados, como en capital nacional e lei internacional.
  • estado é acerca do goberno, unha entidade na lei internacional.
  • terra pode ser usado como "un país e a súa xente" pero tamén como un país pertencente a unha nación ou a un monarca.

Notas

  1. "País". Portal das Palabras. Consultado o 26 de xullo de 2016.

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
2014

2014 é un ano común empezado en mércores segundo o calendario gregoriano.

Alemaña

Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorabo: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorabo: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Alemaña está bordeada polo norte co mar do Norte, Dinamarca, e o mar Báltico, polo leste con Polonia e a República Checa, polo sur con Austria e Suíza, e polo oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio por un clima temperado estacional.

Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, constitúe o país máis poboado entre os membros da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a. C. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano que duraría ata o ano 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a guerra franco-prusiana. Trala segunda guerra mundial, Alemaña foi dividida en dous estados separados polas fronteiras formadas polas tropas aliadas en 1949. Os dous países reunificáronse de novo en 1990. Alemaña foi un membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou a moeda da Unión, o Euro, en 1999.

Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, OTAN, o G8, e do G4; así mesmo foi un dos países asinantes do protocolo de Quioto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007. En termos absolutos, é o segundo país do mundo cunha maior dotación orzamentaria á cooperación ao desenvolvemento, e o sexto en gasto militar. O país desenvolveu un alto nivel de vida e estableceu un complexo sistema de seguridade social. Posúe unha posición chave nos asuntos exteriores europeos e mantén diversos acordos de colaboración internacionalmente. Alemaña está recoñecida como un líder científico e tecnolóxico en diversos eidos.

Arxentina

A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo a Arxentina reclama as Malvinas, as illas Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.

O seu territorio continental americano, que abrangue grande parte do Cono Sur, limita ao norte con Bolivia e Paraguai, ao nordés con Brasil, ao oeste e sur con Chile e ao este con Uruguai e o océano Atlántico.

Está dividido en 23 provincias e unha cidade autónoma, Buenos Aires, capital da nación e sede do goberno federal. Os seus 40 millóns de habitantes teñen uns índices de desenvolvemento humano, renda per cápita, nivel de crecemento económico e calidade de vida, que se encontran entre os máis altos de América Latina. Segundo o Banco Mundial, o seu PBI nominal é o 30º máis importante do mundo, aínda que se se considera o poder adquisitivo o seu PBI total converte ao país na 23º economía máis importante do mundo. Actualmente a Arxentina está clasificada como un país de ingresos medianos altos ou como un mercado emerxente, tamén segundo o Banco Mundial.O 25 de maio de 1810 tivo lugar a Revolución de Maio, na que foi deposto o último vicerrei español que gobernou dende Buenos Aires, e organizouse a Primeira Xunta de goberno. O 9 de xullo de 1816 foi proclamada formalmente en Tucumán a súa independencia como país libre e soberano.

Austria

Austria ( pronunciación ) (en alemán: Österreich, [ˈøːstɐˌʁaɪç] ), oficialmente República de Austria ( pronunciación ) (en alemán: Republik Österreich, [Republik Österreich] )), é un estado da Europa central sen saída cara o mar, con máis de 8,5 millóns de habitantes. Fai fronteira con Alemaña e a República Checa ao norte, Eslovaquia e Hungría ao leste, Eslovenia e Italia ao sur, e Suíza e Liechtenstein ao oeste. O territorio de Austria abrangue 83.872 quilómetros cadrados e posúe un clima temperado e alpino. O terreo austríaco é altamente montañoso debido á presenza dos Alpes, polo que tan só o 32% do país se atopa por debaixo dos 500 metros, sendo o seu punto máis alto 3.798 metros. A meirande parte da poboación fala en lingua alemá, a cal é o idioma oficial da República. A parte do alemán, son linguas rexionais oficiais o croata, o esloveno e o húngaro.

As orixes de Austria datan da época do Imperio Romano, cando un reino celta foi conquistado polos romanos ao redor do ano 15 a.C.. Ese territorio pasou a ser a mediados do século I a provincia romana de Noricum, nun área que se correspondería aproximadamente ao actual país. No ano 788 d.C., o rei franco Carlomagno conquistou a area e introduciu o cristianismo. Baixo a dinastía Habsburgo, Austria converteuse nunha das principais potencias europeas. En 1867, o Imperio Austríaco pasou a ser Austria-Hungría.

O Imperio Austro-Húngaro colapsou en 1918 co fin da Primeira Guerra Mundial, sendo establecida en 1919 a Primeira República Austríaca. No Anschluss de 1938, Austria foi ocupada e anexionada pola Alemaña nazi. Esta situación durou até a fin da Segunda Guerra Mundial en 1945, despois de que o país fose ocupado polas forzas aliadas, sendo restaurada a súa antiga constitución democrática. En 1955, despois da restauración definitiva do Estado, Austria declarouse permanentemente neutral.

Hoxe, Austria é unha democracia parlamentar composta por nove estados federais. A capital, e cidade máis grande do país, con 1,7 millóns de habitantes, é Viena. Austria é ademais un dos países máis ricos do mundo, cun PIB nominal per cápita de 43.723 dólares estadounidenses. O país desenvolveu pois un alto nivel de vida, e en 2008 era o número catorce do mundo en Índice de Desenvolvemento Humano. Austria é membro das Nacións Unidas dende 1955, forma parte da Unión Europea dende 1995 e é membro fundador da OCDE. Austria tamén asinou o Acordo de Schengen en 1995, adoptando como moeda o euro en 1999.

Biblioteca Nacional da Dieta

A Biblioteca Nacional da Dieta (国立国会図書館, Kokuritsu Kokkai Toshokan) estableceuse no Xapón en 1948 como parte da Dieta do Xapón para labores de administración pública. Esta biblioteca é a única biblioteca nacional do país, e conta con dúas instalacións principais en Tokio e Kioto, xunto con outras sucursais menores noutras cidades do país.

Inaugurouse en xuño de 1948 cunha colección inicial de 100 000 volumes. O primeiro encargado desta organización foi o político Tokujirō Kanamori, mentres que o filósofo Masakazu Nakai serviu como segundo ao cargo. En 1949 a biblioteca fusionouse coa Biblioteca Nacional, previamente denominada Biblioteca Imperial, converténdose na única biblioteca nacional do Xapón.

Biblioteca Nacional da República Checa

A Biblioteca Nacional da República Checa (checo: Národní knihovna České republiky) é a biblioteca central da República Checa, dirixida polo Ministerio de Cultura dese país. O seu edificio principal localízase no edificio histórico Clementinum, en Praga, onde se garda aproximadamente a metade dos libros da biblioteca, mentres que a outra metade da colección atópase no distrito de Hostivař. É a maior biblioteca do país, cun catálogo duns 6 millóns de documentos e uns 60 000 lectores rexistrados. A biblioteca posúe tanto textos checos como material máis antigo procedente de Turquía, Irán e India. Tamén acolle libros para a Universidade Charles en Praga.No 2005 recibiu o Premio Jikji outorgado pola UNESCO a través do programa Memory of the World Programme, polo traballo realizado na dixitalización de textos antigos. A biblioteca comezou este traballo no ano 1992, chegando a dixitalizar uns 1700 documentos nos seus primeiros 13 anos de execución.

Brasil

O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie o 47,9% do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 204 450 649 (2015), así como en territorio. Porén, presenta un dos máis baixos índices de densidade de poboación. A súa capital é a cidade de Brasilia, a cal substituíu a Río de Xaneiro en 1960. Antes da cidade fluminense a primeira capital do país fora Salvador.

O Brasil comparte fronteiras con tódolos países suramericanos exceptuando Chile e Ecuador. Así, ao norte limita con Colombia, Venezuela, a Güiana, Suriname e a Güiana Francesa, ao sur coa Arxentina, o Uruguai e Paraguai e ao oeste con Bolivia e o Perú. Ao leste, durante 7.491 km, o país está bañado polas augas do océano Atlántico. Ademais do territorio continental, o Brasil posúe grandes grupos de illas no Atlántico, por exemplo o Arquipélago de San Pedro e San Paulo, Atol das Rocas, Fernando de Noronha, territorio especial do estado de Pernambuco, e Trindade e Martim Vaz en Espírito Santo. Conta tamén cun complexo de pequenas illas e corais chamado Atol das Rocas, que pertence ao estado de Río Grande do Norte.

Habitado orixinariamente polos amerindios, o Brasil converteuse nunha colonia do Reino de Portugal tralo seu descubrimento da man de Pedro Álvares Cabral no ano 1500 e o Tratado de Tordesillas. No ano 1815, foi elevado á categoría de Reino, aínda que xa perdera os seus lazos coloniais varios anos antes, en 1808, despois da invasión portuguesa de Napoleón. O país obtivo a súa completa independencia o 7 de setembro de 1822, constituíndose como un estado unitario gobernado baixo unha monarquía constitucional e un sistema parlamentario. Anos despois, en 1889, un golpe de estado militar proclamou a República. A súa última Constitución, formulada en 1988, define ao país como unha república federal.

Climaticamente é un país tropical, xa que se atopa sobre a liña ecuatorial, abarcando partes tanto no hemisferio sur como no hemisferio norte, con todo as estacións climáticas non se senten dun xeito radical. Parte do seu territorio está cuberto pola selva tropical amazónica, que con 3,6 millóns de km² é a máis grande do mundo. Grazas a todo isto é o país con máis especies de animais distintas no mundo. Demograficamente, a maior parte da súa poboación concéntrase ao longo do litoral, mentres o interior está marcado por enormes baleiros demográficos. A nivel lingüístico, o Brasil é o único país de lingua portuguesa do continente, aínda que tamén son faladas outras moitas linguas. A relixión con máis seguidores é o catolicismo, sendo o país con maior número de católicos nominais do mundo. A sociedade brasileira é unha das máis multiétnicas do planeta, formada por descendentes de europeos, indíxenas, africanos e asiáticos.

A economía brasileira é a maior de América Latina e do hemisferio Sur, así como a sétima maior do mundo polo seu Produto Interior Bruto nominal e por paridade de poder adquisitivo. É ademais unha das principais economías con máis rápido crecemento económico. O país é membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da que é membro fundador, G20, Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), Unión Latina, Organización dos Estados Americanos (OEA), Organización dos Estados Iberoamericanos (OEI), Mercado Común do Sur (Mercosur) e da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), ademais de ser un dos países BRICS, xunto coa China, a India, Rusia e Suráfrica.

Canadá

O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.

O Canadá é o segundo maior país do mundo, por extensión territorial.

O Canadá é unha federación, unha democracia parlamentaria, constituída por 10 provincias e 3 territorios. O país forma parte da Commonwealth de Nacións e a xefa de estado do país é a raíña Isabel II de Inglaterra, que está representada no Canadá por un gobernador xeral. O xefe do goberno é o primeiro ministro, posto ocupado actualmente por Justin Trudeau. A capital do país é Otava.

O país obtivo súa independencia en 1 de xullo de 1867, do Reino Unido. Esta, porén, continuou a ter o control do Ministerio do Exterior do Canadá. O Canadá obtivo independencia total en 1931, segundo os termos do Estatuto de Westminster.

O Canadá é un dos países máis multiculturais do mundo. Tendo sido colonizada por franceses e ingleses, cerca dun terzo da poboación do Canadá posúe ascendencia inglesa, escocesa ou irlandesa; e un cuarto da poboación do país posúe algún grao de ascendencia francesa. Os tres maiores grupos minoritarios do país son italianos, alemáns e chineses.

Os Estados Unidos son o maior parceiro económico do Canadá. Por causa da súa grande poboación e do seu maior poder económico e influencia cultural, os Estados Unidos dominan gran parte da economía e da cultura do Canadá - aínda que moitos canadenses loitan para que eles sexan os principais responsables do control da economía do seu país, e para manter a cultura canadense viva e en pé, que desde o comezo do século XX viuse asociada á cultura norteamericana.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

España

España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.

España atópase no suroeste do continente europeo, e comparte fronteiras terrestres con Francia e co principado de Andorra ao norte, con Portugal ao oeste e co territorio británico de Xibraltar ao sur. Nos seus territorios africanos, comparte fronteiras terrestres e marítimas con Marrocos. Comparte con Francia a soberanía sobre a illa dos Faisáns na desembocadura do río Bidasoa e cinco facerías pirenaicas.

Ten unha extensión de 504.645 km², sendo o cuarto país cunha maior extensión do continente, despois de Rusia, Ucraína e Francia. Cunha altitude media de 650 metros sobre o nivel do mar, é un dos países máis montañosos de Europa. A súa poboación é de 47 190 493 habitantes, segundo datos do padrón municipal de 2011.

De acordo a Constitución Española, o castelán ou español é a lingua oficial do Estado. Outras linguas son recoñecidas como cooficiais nas súas respectivas comunidades autónomas conforme os seus Estatutos de autonomía. As modalidades lingüísticas de España son un dos seus patrimonios culturais, obxecto de especial respecto e protección.

A economía española é a 14ª economía mundial en términos de PIB, por diante de Indonesia e de Turquía, e segundo Eurostat, o PIB per cápita español situouse, en 2011, no 99% da media da Unión Europea, por diante de Chipre.Ademais, segundo o informe de 2010 da ONU, ten un índice de desenvolvemento humano de 0.878, o 23º maior do mundo, por diante doutros grandes países europeos, como Grecia, Italia ou Reino Unido.

Estados Unidos de América

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo. A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar. A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficaran como a única superpotencia.Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo. O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar, sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

LIBRIS

LIBRIS (Library Information System) é unha base de datos bibliográfica que consiste nun catálogo unificado baseado en varios catálogos de diferentes bibliotecas suecas que está mantido pola Biblioteca Nacional de Suecia en Estocolmo. Permite a busca libre de arredor de seis millóns e medio de títulos de todo o país e o seu contido está dispoñíbel de balde.

MusicBrainz

MusicBrainz é un proxecto cuxo obxectivo é a creación dunha base de datos musical de contido aberto. MusicBrainz recolle información sobre música gravada, nomes de artistas, títulos, listaxes de cancións, datas de publicación, etc. O 30 de xaneiro de 2016, MusicBrainz contiña información de arredor dun millón de artistas, un millón e medio de álbums e máis de quince millóns e medio de gravacións.Os rexistros fanse grazas ao traballo de editores voluntarios que seguen unhas normas de edición precisas. As obras rexistradas poden conter outra información como a data de gravación, país de orixe ou a duración das cancións. Os usuarios finais poden utilizar programas que se comunican con MusicBrainz para etiquetar os seus arquivos de son como MP3, Ogg Vorbis ou AAC.

País Vasco

O País Vasco ou Euskadi (en éuscaro: Euskal Herria ou Euskadi, en castelán: País Vasco ou Euskadi), tamén coñecido como Comunidade Autónoma Vasca (en éuscaro: Euskal Autonomia Erkidegoa, en castelán: Comunidad Autónoma Vasca), é unha comunidade autónoma española situada no extremo nororiental da costa cantábrica. Limita con Cantabria e Castela e León (provincia de Burgos) ao oeste, con Navarra ao leste, coa Rioxa ao sur, e co Golfo de Biscaia (mar Cantábrico) e Francia ao norte.

Está formado por tres provincias, tamén coñecidas como territorios históricos, que son Guipúscoa, Biscaia e Áraba. As súas respectivas capitais son Donostia, Bilbao e Vitoria. A capital e sede do Parlamento e Goberno autonómicos é Vitoria, mentres que a cidade máis poboada é Bilbao.

Ten unha historia milenaria de orixes incertas e a súa lingua propia, o éuscaro, é a lingua máis antiga de Europa falada hoxe en día e a única illada do continente. É considerado unha nacionalidade histórica recoñecida na Constitución española con estatuto de comunidade autónoma. A constitución tamén recoñece os seus foros históricos, de orixe medieval. Hai unha forte forza do nacionalismo e independentismo, tanto politicamente de esquerdas (chamado abertzale) como de dereitas.

Países Baixos

Os Países Baixos (en neerlandés: Nederland) é un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Localizado no noroeste de Europa, limita ó norte e ó oeste co mar do Norte, ó leste con Alemaña e ó sur con Bélxica. Aínda que Holanda é en orixe o nome de dúas das súas provincias, Holanda Setentrional e Holanda Meridional, nalgunhas linguas como é o caso do galego pasou a ser a forma usual de se referir a todo o país, en holandés pola contra Holland só se usa para se referir a esas dúas provincias.

O país é un dos máis densamente poboados do mundo, e tamén está entre os de altitude media máis baixa (un cuarto do seu territorio está baixo o nivel do mar, a quen foi gañado mediante a construción de diques). Os neerlandeses son coñecidos polos seus diques, os seus tulipáns, os seus muíños e a súa tolerancia social. As políticas liberais que rexen a súa actuación son frecuentemente mencionadas e usadas como exemplos nos demais países.

Politicamente o reino dos Países Baixos é unha monarquía constitucional e membro da Unión Europea. Ámsterdan é a capital constitucional e onde está a residencia oficial da raíña. A se do goberno e a residencia habitual da raíña, as embaixadas e o Tribunal Internacional de Xustiza teñen a súa sede na Haia.

Quilómetro cadrado

Un quilómetro cadrado (km²) é a unidade de área que se corresponde cun cadrado dun quilómetro de lado. Equivale a un millón de metros cadrados. No Sistema Internacional de Unidades simbolízase con km², non admitíndose punto, nin maiúscula nin plural.

1 km² = 106 m² = 1 000 000 m² = 100 haO quilómetro cadrado utilízase habitualmente para medir a área dun país e todas as súas divisións territoriais, así como todo tipo de superficies de gran tamaño.

Reino Unido

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Xapón

O Xapón (en xaponés: 日本 Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku Nippon-koku, literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".

O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro máis grandes e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Toquio residen máis de 9 millóns de persoas, sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo, e a súa área metropolitana é a concentración urbana máis grande do mundo con máis de 36 millóns de habitantes.Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente a China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. Este longo período de illamento no que estaba somerxido non terminou até o ano 1853 cando unha frota dos Estados Unidos exerceu a presión para forzar a apertura do país a Occidente. Logo de case dúas décadas de conflito interno e insurrección, o emperador Meiji foi restituído como xefe de Estado en 1868. Este proclamou o Imperio do Xapón e converteuse no símbolo divino da nación. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na primeira guerra mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da segunda guerra mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.

Xapón é membro das Nacións Unidas, do G7, do G8 e do G20, e está considerado unha das principais potencias mundiais. No 2015 era o terceiro país do mundo por PIB nominal e o cuarto por PIB de paridade de poder adquisitivo, así como o cuarto maior exportador e importador mundial. Aínda que o Xapón renunciou oficialmente ao seu dereito a declarar a guerra, mantén unha forza militar moderna usada para funcións de autodefensa e mantemento da paz, cuns dos maiores orzamentos mundiais. É un país desenvolvido cun alto nivel de vida e un Índice de Desenvolvemento Humano alto, coa maior esperanza de vida e a terceira menor mortalidade infantil do mundo, na primeira posición en canto a número de premiados co Nobel de Asia. É o primeiro país no Global Competitiveness Report de 2015-2016 e o primeiro país asiático no Índice Global de Paz. Foi tamén o primeiro país de Asia anfitrión duns Xogos Olímpicos de verán e inverno.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.