PDF

PDF (Portable Document Format, Formato de Documento Portábel) é un formato de ficheiro aberto creado por Adobe para crear documentos impresos como se se tratase dunha imaxe electrónica que o usuario pode observala no PC, imprimila etc empregando un programa lector apropiado. O fundamental deste formato é que o aspecto dos documentos é independente do dispositivo electrónico no que se visualice. O lector máis coñecido é o Adobe Reader. Emprégase cando se quere conservar un documento cunha aparencia determinada e non se pretende que se vaia editar.

Cada ficheiro PDF inclúe unha descrición completa dun documento en 2D (e, co novo Acrobat 3D, tamén documentos 3D, que inclúe o texto, fontes, imaxes e gráficos vectoriais en 2D que compoñen o documento.

Este formato creouse en 1993. Porén, a aceptación non foi inmediata, xa que a única aplicación informática que os podía crear, Adobe Acrobat, era cara e as primeiras versións non podían empregar ligazóns externas, o que reducía a súa utilidade na web. Existían tamén outros formatos, como PostScript, tamén da Adobe. Esta comezou a distribuír gratuitamente o lector Acrobat Reader (actualmente Adobe Reader) e continuou a apoiar este formato ata que se converteu no standard de facto dos documentos preparados para imprimir.

Crystal Clear mimetype pdf
Icona PDF

Tecnoloxía

Adobe conserva moitas patentes relacionadas co PDF, pero permite o seu uso sen cargo para a creación de software que siga a súa especificación. Un exemplo notorio é o paquete de ofimática OpenOffice.org.

PDF é fundamentalmente a combinación de tres tecnoloxías:

  • Un subconxunto da linguaxe de programación de páxina PostScript para xerar a disposición dos elementos e os gráficos.
  • Un sistema de inclusión e substitución de tipografías que permite que as tipografías acompañen os documentos.
  • Un sistema de almacenamento estruturado para xuntar estes elementos e calquera contido asociado nun ficheiro único que tamén se pode comprimir.

Existen varios subconxuntos de PDF, algúns dos cales constitúen un standard ISO:

  • PDF/X para a impresión e as artes gráficas (ISO 15930 e ISO TC130)
  • PDF/A para o arquivo de empresas, gobernos, bibliotecas etc. (ISO 19005 e ISO TC171)
  • PDF/E para o intercambio de gráficos de enxeñaría (ISO TC171)
  • PDF/UA para ficheiros PDF accesíbeis universalmente
Aves

As aves son animais vertebrados, de sangue quente, que camiñan, saltan ou se manteñen só sobre as extremidades posteriores, mentres que as extremidades anteriores evolucionaron até converterse en ás que, do mesmo xeito que moitas outras características anatómicas únicas, permítenlles, na maioría dos casos, voar, aínda que non todas voan. Teñen o corpo cuberto de plumas e, as aves stricto sensu, un bico córneo sen dentes. Para reproducírense poñen ovos que incuban até a súa eclosión.

O seu grupo taxonómico denomínase clase Aves (a palabra é latina e está en plural, en singular sería avis) para a sistemática clásica, pero na sistemática filoxenética actual este clado non ten rango, e está incluído á súa vez sucesivamente dentro dos clados: Theropoda, Dinosauria, Archosauria, Sauropsida, Tetrapoda, etc., aínda que hai máis nidacións intermedias con denominación.

As aves orixináronse a partir de dinosauros carnívoros bípedes do Xurásico, hai 150-200 millóns de anos, e son, de feito, os únicos dinosauros que sobreviviron á extinción masiva producida ao final do Mesozoico. A súa evolución deu lugar, tras unha forte radiación, ás máis de 18 000 especies actuais (máis 153 extintas en tempos históricos). As aves son os tetrápodos máis diversos; con todo, teñen unha grande homoxeneidade morfolóxica en comparación cos mamíferos. As relacións de parentesco das familias de aves non sempre poden definirse por morfoloxía, pero coa análise de ADN comezaron a esclarecerse.

As aves habitan en tódolos biomas terrestres e tamén en tódolos océanos. O tamaño pode ser desde 6,4 cm no Mellisuga helenae até 2,74 metros na avestruz. Os comportamentos son diversos e notables, como na nidificación, a alimentación das crías, as migracións, o apareamento e a tendencia á asociación en grupos. A comunicación entre as aves é variable e pode implicar sinais visuais, chamadas e cantos. Algunhas emiten gran diversidade de sons, e destacan pola súa intelixencia e pola capacidade de transmisión cultural de coñecementos a novas xeracións.

O ser humano tivo unha intensa relación coas aves. Na economía humana as aves de curral e as cinexéticas son fontes de alimento. As canoras e os papagaios son populares como mascotas. Úsase a penuxe de patos e gansos domésticos para encher almofadas, e antes cazábanse moitas aves para adornar chapeus coas súas plumas. O guano das aves úsase na fertilización de chans. Algunhas aves son reverenciadas ou repudiadas por motivos relixiosos, supersticións ou por prexuízos erróneos. Moitas son símbolos culturais e referencia frecuente para a arte. Nos últimos 500 anos extinguíronse máis de 150 especies como consecuencia de actividades humanas, e, actualmente, son máis de 1200 as especies de aves ameazadas que necesitan que se tomen medidas para a súa conservación.

Biblioteca Nacional da República Checa

A Biblioteca Nacional da República Checa (checo: Národní knihovna České republiky) é a biblioteca central da República Checa, dirixida polo Ministerio de Cultura dese país. O seu edificio principal localízase no edificio histórico Clementinum, en Praga, onde se garda aproximadamente a metade dos libros da biblioteca, mentres que a outra metade da colección atópase no distrito de Hostivař. É a maior biblioteca do país, cun catálogo duns 6 millóns de documentos e uns 60 000 lectores rexistrados. A biblioteca posúe tanto textos checos como material máis antigo procedente de Turquía, Irán e India. Tamén acolle libros para a Universidade Charles en Praga.No 2005 recibiu o Premio Jikji outorgado pola UNESCO a través do programa Memory of the World Programme, polo traballo realizado na dixitalización de textos antigos. A biblioteca comezou este traballo no ano 1992, chegando a dixitalizar uns 1700 documentos nos seus primeiros 13 anos de execución.

Bélxica

Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Belgien [ˈbɛlɡiən] , en francés: Belgique [bɛlʒik] , en neerlandés: België [ˈbɛl.ɣi.jə] ), oficialmente Reino de Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Königreich Belgien, en francés: Royaume de Belgique, en neerlandés: Koninkrijk België), é un monarquía parlamentaria situada en Europa Noroccidental, que fai fronteira cos Países Baixos, Alemaña, Luxemburgo e Francia. É un dos membros fundadores da Unión Europea cuxas institucións principais están hospedadas no país, así como moitas outras organizacións internacionais, como a OTAN. O territorio belga espállase ao longo de 30.528 km², onde viven algo máis de 11 millóns de habitantes, o que fai de Bélxica un dos países máis densamente poboados do mundo.

O país atópase na encrucillada entre os límites da Europa xermánica coa latina. Nel habitan dous grupos lingüísticos diferentes: os flamengos, de orixe xermánica, e mailos francófonos, de orixe latina. Xunto a estes existe unha pequena minoría de lingua alemá. Así, Bélxica atópase dividida en tres rexións. As dúas meirandes rexións son a de Flandres, de fala neerlandesa, e a de Valonia, de fala francesa. A primeira, a máis poboada, atópase localizada no norte. Nela vive o 59% da poboación belga. A segunda atópase no sur e nela vive o 31% da poboación. A terceira, Bruxelas-Capital, oficialmente bilingüe, acolle a capital do país. Malia atoparse dentro da rexión flamenga, trátase dun enclave maioritariamente francófono. Nela vive o 10% da poboación. A diversidade lingüística de Bélxica e os conflitos culturais e políticos relacionados con ela reflítense na historia política e máis no seu complexo sistema de goberno do país.

Bélxica recibe o seu nome do nome latino da parte máis setentrional da Galia, Gallia Belgica, cuxo nome procede dun grupo de tribos celtas, os belgas. Historicamente, Bélxica foi parte dos Países Baixos, que tamén comprenden os actuais Países Baixos e Luxemburgo, e cubrían unha rexión algo maior que o actual Benelux. Dende finais da Idade Media ata o século XVII, foi un florecente centro de comercio e cultura. Dende o século XVIII ata a Revolución belga de 1830, Bélxica, naquela época chamada os Países Baixos do Sur, foi o lugar de moitas batallas entre os poderes europeos, e é por iso que se gañou os alcumes de "o campo de batalla de Europa".

CITES

O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Foi asinado en Washington o 3 de marzo de 1973 por 21 países e entrou en vigor o 1 de xullo de 1975. Actualmente están adheridos 172 países, denominados Partes. A adhesión de España ao Convenio CITES efectuouse mediante o Instrumento de ratificación de 16 de maio de 1986.

Hoxe en día, o CITES ofrece diversos graos de protección a máis de 33.000 especies de animais e plantas.

Catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña

O Catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña (en catalán: Catàleg d'autoritats de noms i títols de Catalunya), máis coñecido polo acrónimo Càntic, é un catálogo de autoridades de Cataluña, cooperativo e en liña. O seu obxectivo é normalizar os puntos de acceso aos catálogos bibliográficos, mellorar a comunicación entre os diferentes catálogos e favorecer a busca e recuperación da información. Por estandarizar os nomes, nomes-títulos e títulos (chamados "puntos de acceso") dá consistencia aos catálogos do sistema bibliotecario. Facilita un intercambio máis áxil e eficaz entre rexistros bibliográficos e, en definitiva, fai posible que os usuarios realicen buscas asistidas, precisas e exhaustivas. Os datos están integrados no catálogo virtual internacional de autoridades Virtual International Authority File (VIAF).É un servizo que a Biblioteca de Catalunya coordina no marco do Catálogo Colectivo das Universidades de Cataluña (CCUC) que dá un trato especial ás autoridades de nome e título vinculados á cultura catalá que reciben un traballo de autoridade completo. Proporcionan, en moitos casos, acceso á información da Gran Enciclopèdia Catalana.

Contribuirá á creación dun futuro Catálogo Único de Cataluña (CUC), concibido en 2004 no marco do Acordo de Goberno para a mellora e modernización do sistema bibliotecario de Cataluña.

Colombia

Colombia, oficialmente República de Colombia, é un país que se atopa no recuncho noroccidental de América do Sur, o que a fai posuidora de costas nos océanos Atlántico e Pacífico. Na costa norte e noroeste está o Mar Caribe, e ten fronteira continental con Venezuela ó leste, Brasil ó sueste, Perú e Ecuador ó sur, e Panamá e o Océano Pacífico ó oeste. Limita vía marítima con Costa Rica ó oeste; Nicaragua, Porto Rico e Honduras, ó noroeste; República Dominicana, Xamaica e Haití ó norte. É unha república constitucional e unitaria que abrangue trinta e dous departamentos.

O territorio que hoxe é Colombia estivo habitado orixinariamente por pobos indíxenas como os muiscas, os quimbaya e os taironas. Os conquistadores españois chegaron en 1499 e comezaron un proceso de conquista e colonización que culminou coa creación do Vicerreinado de Nova Granada, con capital en Bogotá. A independencia do país produciuse en 1819, pero no ano 1830 "Gran Colombia" colapsou coa secesión de Venezuela e Ecuador. Nos actuais Colombia e Panamá xurdiu a República de Nova Granada. A nova nación experimentou co federalismo como Confederación Granadina (1858), e como Estados Unidos de Colombia (1863), antes de que se declarase a República de Colombia en 1886. A secesión de Panamá produciuse en 1903. Dende a década de 1960, o país sufriu un conflito armado asimétrico de baixa intesidade, que escalou na década de 1990, e que minguou dende o ano 2005.Colombia é un país etnicamente diverso e a súa poboación descende dos habitantes indíxenas, dos colonizadores españois, dos africanos levados ó país como escravos e dos inmigrantes de Europa e Oriente Medio do século XX, o cal contribuíu a unha herdanza cultural diversa. Isto tamén está influído pola variada xeografía de Colombia, xa que as diferentes paisaxes do país resultaron no desenvolvemento de marcadas identidades rexionais. A meirande parte dos centros urbanos atópanse nas terras altas das montañas dos Andes, mais o territorio colombiano tamén abrangue selva amazónica, chairas tropicais e as costas Caribe e Pacífica.

Dende o punto de vista ecolóxico, Colombia está considerado un dos 17 países megadiversos, e entre eles, o máis biodiverso por quilómetro cadrado.

Colombia é unha potencia intermedia e rexional coa cuarta meirande economía de América Latina, forma parte do grupo dos CIVETS como un dos mercados emerxentes e é un membro da OECD. Colombia ten unha economía diversificada con estabilidade macroeconómica e perspectivas de crecemento favorables a longo prazo.

Ecoloxía

A ecoloxía (do grego: οἶκος, "casa"; -λογία, "estudo de") é a disciplina científica da bioloxía que estuda as interrelacións entre os seres vivos e o seu ambiente: é «a bioloxía dos ecosistemas». Estuda como esas interaccións entre os organismos e o seu ambiente afectan á distribución ou a abundancia das especies, entre outras. O concepto de ambiente abrangue a características físicas e químicas (factores abióticos locais, climáticos ou xeolóxicos) e a especies que coexisten neses hábitats (factores bióticos).

Os ecosistemas están compostos por partes que interactúan dun xeito dinámico (a nivel espacial e temporal), e que inclúen aos organismos e aos factores abióticos. Os procesos dos ecosistemas, como a produción primaria, a pedoxénese, o ciclo de nutrientes ou a formación de hábitats, regulan o fluxo de enerxía e materia no ambiente. Estes procesos susténtanse en organismos que evolucionaron características morfolóxicas ou funcionais específicas, que son a biodiversidade. A biodiversidade pódese cuantificar ou definir en base á diversidade de xenes, especies, grupos taxonómicos ou grupos funcionais e que é a base de múltiples servizos do ecosistema.

Algúns dos primeiros conceptos da ecoloxía xurdiron con filósofos gregos como Hipócrates ou Heródoto e os seus estudos da natureza, describindo a bioxeografía ou as interaccións entre especies. O definición da teoría evolutiva, cos conceptos de adaptación e a selección natural, asentaron as bases para o inicio dunha disciplina, que acadou só a súa forma a finais do século XIX e comezos do XX cos avances na bioloxía evolutiva e a xenética. Comprender como a biodiversidade afecta a función ecolóxica foi o principal enfoque dos estudos ecolóxicos no seu nacemento, e arestora un dos fundamentais. Os ecólogos tratan de explicar as interaccións entre individuos e especies, a adaptación aos hábitats, a distribución dos organismos no ambiente, o fluxo de materia e enerxía nos ecosistemas e a sucesión ecolóxica.

Os conceptos da ecoloxía aplícanse na bioloxía da conservación e manexo de recursos naturais (como na agricultura, a silvicultura ou a pesca), a planificación urbana (ecoloxía urbana) e ocupación humana dos ecosistemas ou á economía. Os ecosistemas determinan os procesos que sustentan o capital natural (como a biomasa, os recursos de combustibles ou as fontes para elaboración de medicamentos), determinan os ciclos bioxeoquímicos globais e os hídricos e teñen un impacto humano a nivel histórico e económico.

Exipto

Exipto (en árabe: مصر, Miṣr; en árabe exipcio: مَصر Maṣr; en copto: Ⲭⲏⲙⲓ Khēmi), oficialmente República Árabe de Exipto (en árabe: جمهورية مصر العربية, Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah), é un estado situado no nordeste de África e na península do Sinaí no continente de Asia. Limita ó norte co Mar Mediterráneo e Israel, ó leste co Mar Vermello (incluído o seu saínte norte do Golfo de Acaba), ó sur con Sudán e ó oeste con Libia. A súa xeografía é desértica na case totalidade, que corresponde co deserto do Sahara, onde só está habitado en oasis. A súa capital é a cidade do Cairo, unha das máis poboadas de África.

Egypt ten unha das historias máis antigas entre os países do mundo, cuxa orixe se remonta ós milenios VI e IV a.C. Considerada un berce da civilización, o Antigo Exipto experimentou algunhas das máis antigas formas de escrita, agricultura, urbanización, relixión organizada e goberno central. Monumentos icónicos como as pirámides de Gizeh e a súa Grande Esfinxe, así como as ruínas de Menfis, Tebas, Karnak e o Val dos Reis, reflicten este legado e manteñen un significativo foco de interese científico e popular. A gran e rica herdanza cultural de Exipto é unha parte integral da súa identidade nacional, que padeceu, e ás veces asimilou, varias influencias estranxeiras, como os gregos, persas, romanos, árabes, turcos otománs e nubios. Exipto foi un importante e temperán centro do cristianismo, mais foi amplamente islamizado no século VII e mantense como un país amplamente musulmán aínda que cunha significativa minoría cristiá.

Dende o século XVI até comezos do XX, Exipto foi gobernado por potenciais coloniais estranxeiras, o Imperio Otomán e o Imperio Británico. O Exipto moderno data do ano 1922, cando conseguiu a súa independencia do Imperio Británico como unha monarquía. Porén, a ocupación militar británica continuou, co cal moitos exipcios creron que a monarquía era un instrumento do colonialismo británico. Despois da revolución de 1952, Exipto expulsou os soldados e burócratas británicos e rematou coa ocupación, nacionalizou o Canal de Suez, exiliou o rei Farouk e a súa familia, e declarou a república. En 1958, uniuse con Siria para formar a República Árabe Unida, que se disvolveu en 1961. Ó longo da segunda metade do século XX, Exipto sufiu conflitos sociais, relixiosos e inestabilidade política, loitando en varios enfrontamentos armados con Israel en 1948, 1956, 1967 e 1973, e ocupando a Faixa de Gaza de xeito intermitente até 1967. En 1978, Exipto asinou os Acordos de Camp David, retirándose oficialmente da Faixa de Gaza e recoñecendo o estado de Israel. O país segue afrontando retos, como a inestabilidade política, incluíndo a recente revolución de 2011 e as súas consecuencias, o terrorismo e o subdesenvolvemento económico. O goberno actual de Exipto é unha república presidencial liderada polo presidente Abdul Fatah al-Sisi, que foi descrito por numerosos observadores como autoritario.

O islam é a relixión oficial de Exipto e o árabe é a súa lingua oficial. Con máis de 95 millóns de habitanets, Exipto é o país máis poboado do Norte de África, de Oriente Medio e do Mundo árabe, sendo o terceiro máis poboado de África (despois de Nixeria e Etiopía), e o décimo quinto do mundo. A gran maioría da poboación vive preto das beiras do río Nilo, nunha área de 40 000 km2 onde se atopa a única terra arable. As grandes rexións do deserto do Sáhara, que constitúen a maioría do territorio exipcio, están escasamente poboadas. Arredor da metade dos cidadáns exipcios habitan en áreas urbanas, especialmente nos centros densamente poboados do Cairo, Alexandría e outras grandes cidades do delta do Nilo.

O estado soberano de Exipto é un país transcontinental considerado como unha potencia rexional no Norte de África, no Oriente Medio e no Mundo árabe, así como unha potencia intermedia no contexto mundial. A economía de Exipto é unha das meirades e das máis diversificadas de Oriente Medio, e crese que será unha das maiores do mundo ó longo do século XXI. En 2016, Exipto superou a Suráfrica e converteuse na segunda maior economía de África (despois de Nixeria). Exipto é membro fundador das Nacións Unidas, do Movemento de Países Non Aliñados, da Liga Árabe, da Unión Africana e da Organización para a Cooperación Islámica.

Grecia

Grecia ( pronunciación ) (en grego: Ελλάδα/Elláda, [eˈlaða] (AFI), escoitar ou Ελλάς/Ellás), oficialmente República Helénica ( pronunciación ) (en grego: Ελληνική Δημοκρατία/Elinikí Dimokratía, [eliniˈci ðimokraˈti.a] (AFI)) é un país do sueste meridional europeo, situado ao sur da Península Balcánica. Fai fronteira con Albania, Macedonia do Norte e Bulgaria polo norte e con Turquía polo leste. O Mar Exeo atópase no leste e sur da Grecia continental, mentres o Mar Xónico se atopa no leste, a través do cal ten ligazóns con Italia, e con Albania. Tanto no seu leste coma no seu oeste, Grecia posúe unha gran cantidade de illas, sendo a maior a Illa de Creta.

Grecia atópase na conxuntura de Europa, Asia e África. A Grecia actual constitúese como herdeira do patrimonio da Grecia antiga, o Imperio Romano o Imperio Bizantino, e o Imperio Otomán. Así mesmo, Grecia é o berce da democracia, a filosofía occidental, os Xogos Olímpicos, a literatura occidental e historiografía, as ciencias políticas, os principios matemáticos, e o drama occidental incluíndo a traxedia e a comedia.

A Grecia actual é un país do primeiro mundo, membro da Unión Europea dende 1981, da Unión económica e monetaria dende 2001, da OTAN dende 1952, da OCDE dende 1961, e da Axencia Espacial Europea dende 2005. Atenas é a súa capital; Salónica e Patras son xunto a capital, as principais cidades do país.

India

A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión. Comparte fronteiras con Paquistán ao oeste; a China, o Nepal e Bután ao nordés; e Myanmar e Bangladesh ao leste. O Goberno da India tamén considera que comparte fronteiras con Afganistán, xa que considera toda Caxemira como parte do seu territorio, porén existe controversia ao respecto e a propia parte da fronteira afgá está controlada polo Estado de Paquistán. No océano Índico, a India atópase nas proximidades de Sri Lanka e as Maldivas, ademais as Illas Andaman e Nicobar comparten fronteira marítima con Tailandia e Indonesia. A súa capital é a cidade de Nova Deli.

Orixe da civilización do Val do Indo e rexión de históricas rutas comerciais e vastos imperios, o subcontinente indio foi sempre identificado pola súa riqueza comercial e cultural ó longo da súa extensa historia.

Nos seguintes milenios, comezaron a compoñerse as escrituras máis antigas asociadas ó hinduísmo. A estratificación social, baseada en castas, naceu no primeiro mileino BCE, e desenvolvéronse o budismo e o xainismo. As primeiras consolidacións políticas producíronse baixo os imperios Maurya e Gupta, os posteriores Reinos medios da India influíron culturas tan afastadas como as do Sueste asiático. Catro relixións de carácter global naceron neste territorio: o hinduísmo, o budismo, o xainismo e o sikhismo, ademais no primeiro milenio (EC) chegaron o xudaísmo, o zoroastrismo, o cristianismo e o islam, o que contribuíu á formación da diversa cultura da rexión. Gran parte do norte do país caeu baixo o Sultanato de Deli, e o sur uniuse baixo o Imperio Vijayanagara. A economía expandiuse no século XVII no Imperio mogol. Na metade do século XVIII, o subcontinente caeu baixo o goberno da Compañía Británica das Indias Orientais, e logo, a mediados do século XIX, directamente administrada polo Reino Unido. A finais do século XIX naceu un movemento nacionalista, que posteriormente, con Mahatma Gandhi, fíxose famoso pola súa resistencia non violenta e levou á independencia da India en 1947.

En 2016, unha enquisa en World Tourism rankings realizada pola World Tourism Organization das Nacións Unidas indicou que a nación é visitada, aproximadamente, por 14.6 millóns de turistas cada ano (2016), facendo que sexa o 8º país máis visitado en Asia-Pacífico.

En 2017, a economía india foi a sexta máis grande do mundo por PIB nominal e a terceira maior por paridade de poder adquisitivo. A raíz das reformas económicas baseadas na economía de mercado en 1991, a India converteuse nunha das grandes economías de máis rápido crecemento, sendo considerado un país recentemente industrializado. Porén, segue a facer fronte aos desafíos da pobreza, a corrupción, a malnutrición, a desaxeitada sanidade pública e o terrorismo. A nivel militar, é un Estado posuidor de armas nucleares e está considerado unha potencia rexional, tendo ademais o segundo exercito con máis tropas do mundo e sendo o quinto en gasto militar. A nivel político é unha república constitucional federal gobernada baixo un sistema parlamentario consistente en 28 estados e 7 territorios da unión. A India é amplamente recoñecida pola súa desenvolvida industria do cine, a súa rica cociña e a exuberante vida salvaxe e vexetación. É unha sociedade plural, plurilingüística e multi-étnica. É, ademais, fogar dunha gran diversidade de vida silvestre e espazos naturais protexidos.

Israel

O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur. O Mediterráneo bordéao polo seu oeste, e entre Xordania e Exipto sae uns poucos quilómetros ó golfo de Aqaba, extensión do mar Vermello (tamén chamado golfo de Eilat). Igualmente, ten costa co mar Morto (mar interior). Xeograficamente, contén diversas características dentro do seu relativamente pequeno territorio Israel defínese como un "Estado xudeu e democrático" nas súas Leis Básicas e é o único Estado de maioría xudía do mundo.Despois dunha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1947, recomendando a adhesión e introdución do Plan de Partición de Palestina para substituír o Mandato Británico, o 14 maio de 1948, David Ben-Gurion, o xefe-executivo da Organización Sionista Mundial e presidente da Axencia Xudaica para Palestina, declarou o estabelecemento dun Estado Xudeu en Eretz Israel, a ser coñecido como o Estado de Israel, unha entidade independente do control británico. As nacións árabes veciñas invadiron o recentemente creado país ao día seguinte, en apoio aos árabes palestinos. Israel, dende aquela, levou a cabo varias guerras cos Estados árabes circundantes, no transcurso das cales ocupou os territorios de Cisxordania, península do Sinaí, faixa de Gaza e altos do Golán. Partes desas áreas ocupadas, incluíndo Xerusalén Oriental, foron anexionadas por Israel, mais a fronteira coa veciña Cisxordania aínda non foi definida de forma permanente. Israel asinou tratados de paz con Exipto e Xordania, porén os esforzos para solucionar o conflito israelí-palestino ata agora non deron como resultado a paz.

O centro financeiro de Israel é Tel Aviv, mentres que Xerusalén é a cidade máis populosa do país e súa capital (aínda que non sexa recoñecida como tal pola comunidade internacional). A poboación israelí, conforme o definido pola Oficina Central de Estatísticas de Israel, foi estimada en 2017 en 8.758.600 habitantes, dos cales un 74.8% eran xudeus. Os árabes constitúen a segunda maior etnia do país, cun 20.8% de habitantes, incluíndo aos árabes de Xerusalén Leste. A gran maioría dos árabes israelís son musulmáns sunnitas, incluíndo un número significativo de beduínos do Negev semi-sedentarios, o resto son cristiáns e drusos. Outras minorías inclúen varias denominacións étnicas e etno-relixiosas, como os circasianos, samaritanos e maronitas, entre outros.

Israel é unha democracia representativa cun sistema parlamentario, representación proporcional e sufraxio universal. O primeiro ministro serve como xefe de goberno e o Knesset como o corpo lexislativo unicameral do país. Israel ten unha das máis altas expectativas de vida do mundo e é considerado un país desenvolvido, sendo membro da OCDE e da ONU. O seu produto interno bruto (PIB) nominal foi o 37º maior do mundo en 2014, mentres que o país ten o nivel de vida máis alto de Oriente Medio. No entanto, organizacións como Amnistía Internacional e Human Rights Watch teñen sido críticas coas políticas de Israel en relación aos palestinos, mentres que o goberno dos Estados Unidos e algúns países de Europa, como o Reino Unido e Alemaña, xeralmente apoian a Israel bélica e financeiramente.

Lingua inglesa

A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés. O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia. É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán. É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.

O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisios, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés. O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica. A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.

Nova York

Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas.

Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos da América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México). De feito, apenas dez Estados americanos (non incluíndo nesta lista o Estado de Nova York) posúen máis habitantes do que a cidade de Nova York. Desde a súa fundación en 1625, Nova York ten sido un dos principais destinos de inmigrantes que, chegados de todas as partes do mundo, fixeron dela unha cidade altamente cosmopolita, e unha das máis diversificadas etnicamente do mundo.

As empresas financeiras e comerciais que operan na cidade desempeñan un papel primario na economía dos Estados Unidos e do mundo. Os bancos e as bolsas de valores instaladas na cidade axudan a financiar a maioría das empresas americanas. Nova York é unha cidade que non para no tempo. Varias empresas, centros comerciais e outros estabelecementos, ben como o seu sistema de transporte público (bus e metro) operan 24 horas por día, 7 días por semana. É por iso que ás veces se describe como The City That Never Sleeps ("A cidade que nunca dorme").

Porén, Nova York, como todas as grandes metrópoles mundiais, enfróntase a enormes problemas de cuño socioeconómico. Preto dun millón de habitantes reciben algún tipo de axuda social, e ducias de millares de familias viven en guetos espallados pola cidade. Moitas persoas, os "sen teito", vense obrigadas a viviren na rúa. A contaminación, a criminalidade, os conflitos raciais e o alto custo de vida son problemas que fan parte de Nova York, forzando moitas persoas a abandonaren a cidade, e migraren para os arrabaldes ou outras rexións do país.

Malia os seus problemas, Nova York continúa a ser considerada unha das cidades máis interesantes e fascinantes dos Estados Unidos, senón do mundo, atraendo máis turistas do que calquera outra cidade americana, sexan turistas norteamericanos ou internacionais.

Portugal

Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012. A súa capital é a cidade de Lisboa.

A terra dentro das fronteiras da actual República Portuguesa leva habitada continuamente dende a era prehistórica. Durante os seguintes séculos chegaron á Península Ibérica os romanos, seguidos tempo despois dos suevos e dos visigodos, así como posteriormente os musulmáns no século VIII. Trala caída do Imperio Romano, no ano 410 estabeleceuse no norte peninsular o Reino de Galicia, do cal sete séculos máis tarde, no ano 1128, se separaría a súa parte sur formando o que daría lugar ao actual Portugal. Nos séculos XV e XVI, na era dos descubrimentos, Portugal estendeuse por todo o mundo converténdose nunha superpotencia política, económica e militar, que levou a ser o primeiro imperio global.

O Imperio Portugués foi o máis lonxevo dos modernos imperios coloniais europeos, xa que durou case 600 anos, dende a captura de Ceuta en 1415 até a entrega de Macau a China en 1999 (de facto) ou a concesión da soberanía a Timor Leste en 2002 (de iure). O imperio estendeuse ao longo dun gran número de territorios que hoxe forman parte de cincuenta e tres Estados soberanos diferentes, deixando un legado de máis de 240 millóns de falantes de lingua portuguesa e varios de crioulos de base portuguesa. Porén, a súa influencia internacional veuse reducida considerablemente durante o século XIX, principalmente por mor da Independencia do Brasil, a súa principal colonia. Xa no século XX, a revolución do 5 de outubro de 1910, depuxo a monarquía logo de séculos baixo este sistema de goberno, estabelecendo a democrática pero inestable Primeira República Portuguesa, a cal sería substituída polo Estado Novo, un réxime autoritario de dereita. A democracia foi restaurada despois da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.

Portugal é hoxe un estado desenvolvido de economía avanzada cun alto nivel de vida, sendo o décimo noveno país do mundo en 2005 en función do seu índice de calidade de vida. É ademais un dos países máis globalizados e pacíficos do mundo, ocupando o sétimo posto nesta clasificación no ano 2008. É á súa vez membro de diferentes organizacións internacionais como as Nacións Unidas, a Unión Europea, a Eurozona, a OCDE, a OTAN, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio, Organización dos Estados Iberoamericanos e a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.

PubMed Central

PubMed Central (PMC) é un repositorio dixital de uso libre no que se arquivan artigos eruditos completos de acceso público que foron publicados en revistas científicas das ciencias da vida e biomédicas. É unha das maiores bases de datos de investigación dentro do conxunto de recursos que foron desenvolvidos polo National Center for Biotechnology Information (NCBI) de Estados Unidos, pero é moito máis que un simple repositorio de documentos. Os documentos incluídos en PMC sofren un procedemento de indexación e formateo que ten como resultado o melloramento de metadatos, ontoloxía médica, e identificadores únicos que enriquecen os datos estruturados XML para cada artigo ou depósito. Os contidos de PMC poden ser facilmente interligados a moitas outras bases de datos do NCBI e pode accederse a eles a través de buscas en Entrez e en sistemas de recuperación, mellorando aínda máis a capacidade do público para descubrir gratuitamente, ler e basearse neste conxunto de documentos sobre o coñecemento biomédico.PubMed Central non debe de confundirse con PubMed. Trátase de dous servizos moi diferentes. Aínda que PubMed é unha base de datos na que se poden buscar citas biomédicas e resumos, os artigos co texto completo referenciados no rexistro de PubMed encóntranse almacenados fisicamente noutro lugar (ás veces son artigos impresos ou en liña, algunhas veces gratuítos e outras accesibles pagando algún tipo de subscrición). PubMed Central é un arquivo dixital gratuíto de artigos, accesible a calquera desde calquera lugar por medio dun buscador web básico. O texto completo de todos os artigos de PubMed Central pode lerse gratuitamente, con diversas disposicións para a reutilización.

En febreiro de 2014, o arquivo PMC contiña uns 2,9 millóns de artigos, con contribucións que proceden directamente das editoriais ou autores que depositan os seus propios orixinais no repositorio segundo a Política de Acceso Público dos NIH. Só no período de doce meses desde xuño de 2013 a xuño de 2014 os depósitos iniciados por autores excedían os 103.000 documentos. PMC tamén identifica unhas 4.000 revistas que agora participan en maior ou menor grao nesta capacidade de depositar automaticamente os seus contidos publicados no repositorio de PMC. Algunhas editoriais participantes atrasan a liberación dos seus artigos en PubMed Central durante un tempo establecido despois da súa publicación, o que se adoita denominar “período de embargo”, que pode ser desde uns poucos meses a algúns anos dependendo da revista (os "embargos" de seis a doce meses son os máis comúns).

Sinonimia (bioloxía)

Na nomenclatura científica, a sinonimia ocorre cando un mesmo taxon, recibiu dúas ou máis denominacións distintas, propostas por dous ou máis científico diferentes. Nesta situación, a segunda ou seguintes denominacións perde a súa validez por mor da "Lei da Prioridade", permanecendo válida a primeira; a segunda é citada coma un sinónimo do taxon válido, a non ser que se teña cambiado posteriormente, por acordo da comunidade científica correspondente botánica ou zoolóxica, o nome do taxon.

Suráfrica

A República de Suráfrica é unha república situada no extremo sur do continente africano, cunha liña de costa de 2.798 quilómetros entre os océanos Atlántico e Índico. Limita ao norte con Namibia, Botswana e Cimbabue; ao leste con Mozambique e Suacilandia; mentres que Lesoto é un país independente completamente rodeado polo territorio surafricano.

Suráfrica é coñecida pola súa variedade de culturas e linguas, sendo recoñecidos pola súa constitución once idiomas oficiais, dos que dous son de orixe europea: o afrikaans, unha lingua que xurdiu principalmente do neerlandés, e o inglés surafricano. Aínda que o inglés é a lingua máis utilizada na vida pública e de negocios, é tan só a quinta lingua máis falada nos fogares.

Ademais das linguas, o país é tamén etnicamente diverso. Ao redor do 79,2% da poboación surafricana é de orixe negra africana, dividida nunha gran variedade de grupos étnicos que falan diferentes linguas bantús, nove das cales teñen carácter oficial. En Suráfrica tamén viven grandes comunidades de europeos, hindús e etnicamante mixtas. Ao redor dunha cuarta parte da poboación carece de emprego e vive con menos dun euro ao día. Suráfrica é tamén un dos membros fundadores da Unión Africana, da cal posúe a economía máis grande de tódolos membros. Tamén foi membro fundador das Nacións Unidas e é membro entre outras organizacións da Commonwealth de Nacións, da Organización Mundial do Comercio ou do Fondo Monetario Internacional.

Xapón

O Xapón (en xaponés: 日本 Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku Nippon-koku, literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".

O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro máis grandes e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Toquio residen máis de 9 millóns de persoas, sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo, e a súa área metropolitana é a concentración urbana máis grande do mundo con máis de 36 millóns de habitantes.Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente a China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. Este longo período de illamento no que estaba somerxido non terminou até o ano 1853 cando unha frota dos Estados Unidos exerceu a presión para forzar a apertura do país a Occidente. Logo de case dúas décadas de conflito interno e insurrección, o emperador Meiji foi restituído como xefe de Estado en 1868. Este proclamou o Imperio do Xapón e converteuse no símbolo divino da nación. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na primeira guerra mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da segunda guerra mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.

Xapón é membro das Nacións Unidas, do G7, do G8 e do G20, e está considerado unha das principais potencias mundiais. No 2015 era o terceiro país do mundo por PIB nominal e o cuarto por PIB de paridade de poder adquisitivo, así como o cuarto maior exportador e importador mundial. Aínda que o Xapón renunciou oficialmente ao seu dereito a declarar a guerra, mantén unha forza militar moderna usada para funcións de autodefensa e mantemento da paz, cuns dos maiores orzamentos mundiais. É un país desenvolvido cun alto nivel de vida e un Índice de Desenvolvemento Humano alto, coa maior esperanza de vida e a terceira menor mortalidade infantil do mundo, na primeira posición en canto a número de premiados co Nobel de Asia. É o primeiro país no Global Competitiveness Report de 2015-2016 e o primeiro país asiático no Índice Global de Paz. Foi tamén o primeiro país de Asia anfitrión duns Xogos Olímpicos de verán e inverno.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.