Pórtico da Gloria

O Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é un pórtico, de transición entre o románico e o gótico,[1][2][3] realizado polo Mestre Mateo e o seu obradoiro por encargo do rei de Galiza e León Fernando II, entre 1168 e 1188. A primeira data consta no documento asinado por Fernando II o 23 de febreiro de 1168, no que se lle concede a Mateo un soldo vitalicio de dous marcos de prata anuais polo seu traballo nas obras da basílica de Santiago (documento que se conserva no Museo Catedralicio). A segunda data consta inscrita no lintel como indicación do seu remate.

Pantocrator del pórtico de la Gloria en Santiago de Compostela
Pantocrátor.

O Pórtico actual non é realmente o resultado da obra do Mestre Mateo, xa que algunhas das súas figuras foron retiradas ó construír a actual fachada da catedral ("do Obradoiro") no século XVIII e consérvanse no Museo Catedralicio. Tampouco é obra súa exclusivamente, xa que os especialistas distinguen a man de catro escultores diferentes, como mínimo.

A obra orixinal estaba policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico, pintada de branco, negro, vermello, azul e dourado de pan de ouro[4], estando documentados varias restauracións da pintura en diversas ocasións, nos séculos XV e XVI, así como a levada a cabo por Crispín de Evelino en 1651, ano no que encarnou os brazos, pés e fazulas dos santos por 130 ducados[4]. Co paso do tempo, esta policromía desapareceu case por completo ata quedar reducida a restos dispersos en diferentes figuras. Os distintos traballos de restauración ós que foi sometido o Pórtico, e maiormente a acometida a partir de 2009, descubriron pinturas engadidas con posterioridade á súa creación así como zonas nas que a pintura orixinal se mantiña pero totalmente oculta polo po acumulado.

Atribuíuse a perda da pintura ós traballos realizados en 1866 polo italiano Domenico Brucciani por encargo do museo británico South Kensington (hoxe denominado Victoria and Albert Museum) para facer unha copia en xeso da obra, manobra á que se acusou de estraga-las pinturas que resistiran durante séculos[5][6]. Parece máis certo que non houbo tal efecto (ou, como moito, que non foi significativo) e non consta documentación da época que xustifique aquela teoría, dándose por máis probable que a perda da pintura se deba á acción combinada da humidade, esmiuzamento da superficie da pedra e acumulación de po sobre as figuras. Desde 2006 púxose en marcha un proxecto de restauración para devolverlle parte da súa policromía estragada.

Pórtico da Gloria
Interior Catedral Santiago de Compostela
Pórtico da Gloria visto dende abaixo.
Presentación
LocalizaciónCatedral de Santiago de Compostela
Coordenadas42°52′50″N 8°32′42″O / 42.88056, -8.54500Coordenadas: 42°52′50″N 8°32′42″O / 42.88056, -8.54500
Estilorománico e gótico
Construción
Inicio1168
Data da construción1188

O autor

Non hai moita información sobre o seu autor, o mestre Mateo. Non se coñece con certeza a súa orixe nin tampouco a súa formación como mestre.[7] Mais, sábese que, antes de comezar o Pórtico, traballou en 1161 na restauración da ponte de Cesuras na estrada de Pontevedra; e que dende 1168 estaba a cargo das obras da catedral, pois foi cando recibiu do rei Fernando II unha anualidade.[8]

Durante vinte anos, até 1188, estivo á fronte das obras da catedral para compensar as irreguilaridades do terreo; de tal xeito que, para soster o pórtico, o mestre Mateo deseñou unha novidosa cripta (primeiro reconstruída e despois ampliada) que salvaba o desnivel entre o piso das naves e a praza á que se abría a igrexa, hoxe Praza do Obradoiro.

Baixo o lintel da porta central, colocouse unha inscrición conmemorativa que informa sobre a datación e autoría da obra. Esta inscrición é segundo É. Bertaux: "a testemuña máis auténtica e máis solemne que a historia ten sobre unha obra escultórica do século XII".[9] Consta de dúas liñas nas que se pode ler:

† ano : abincarnatione : dni : m°c°lxxx° : viii° : era i*cc*xx*vi : die : kl : aprilis : super : liminaria : principalium : portalium :

ecclesie : beati : iacobi : sunt : collocata : per : magistrum : matheum : qui : a : fundamentis : ipsorum : portalium : gessit :

Que significa: "O ano da encarnación do Señor 1188, 1226 da Era, o primeiro día das calendas de abril, os linteis das portas principais / da igrexa de Santiago foron colocados polo mestre Mateo, quen ocupa o mestrado dende dende o principio destes portais".[7]

A pesar de todo, a data final da realización non é segura, pois é probable que fora algo despois da colocación dos linteis, cando os arcos e as esculturas do tímpanos quedasen listas[10] e quizais se demoraron até que en 1211 se consagrou o templo coa presenza do rei Afonso IX.

Innovacións

Nos basamentos dos piares labrou animais fantásticos, monstruosas cabezas con enormes picos, leóns, escenas de loita; no do parteluz un home, quizais Sansón, abre as fauces a dous leóns. Lembran fórmulas italianas ou francesas, aínda que tamén relacionouse con interpretacións bizantinas do Xuízo Final. Adoitan considerarse, de xeito global, como a representación dos vezos vencidos pola virtude, mais Manuel Antonio Castiñeiras ve a pasaxe das catro bestas de Daniel e outras máis sobre a vida do profeta, seguindo fórmulas propias do Antigo Testamento no período altomedieval[11].

Estrutura arquitectónica

SantCompostela16

A estrutura arquitectónica do pórtico consiste en tres plantas superpostas: a cripta que simboliza o mundo terreal, o pórtico propiamente dito, que constituía a porta de entrada occidental á catedral e que permaneceu aberto ó exterior durante a Idade Media e no que se representaba a Xerusalén Celeste, e a última planta era a tribuna, que por medio de rosetóns posibilitaba que estivera iluminada todo o día. Representando a elevación do humano ó divino.

O conxunto escultórico pretende ser unha representación da cidade celeste, utilizando na iconografía diferentes símbolos tomados da Apocalipse de San Xoán e doutros textos do Antigo Testamento. Outras teorías (como a do profesor Serafín Moralejo) explican as figuras e a súa disposición nunha representación en pedra do Ordo Prophetarumun, unha obra teatral de tipo relixioso do século XII na que Santo Agostiño convoca os profetas para louvar a Deus e condenar os xudeus.

Está constituído por tres arcos de medio punto que se corresponden con cada unha das tres naves da igrexa, sustentados por grosos piares con columnas acaroadas. O arco central é o maior (o dobre que cada un dos laterais), é o único que posúe tímpano e está dividido por unha columna central, o parteluz, coa figura de Santiago.

Verticalmente, a franxa inferior está formada polas basas das columnas, decoradas con animais fantásticos; a franxa media está formada por columnas que sustentan as estatuas acaroadas dos apóstolos; e a superior polos arcos que coroan as tres portas.

Santiago GDFL catedral 30
O tímpano.

Porta ou arco central

O arco central, único que presenta tímpano, está dividido en dous polo parteluz.

Santiago GDFL catedral 33
O Cristo.

O tímpano

A disposición do tímpano está baseada na descrición de Cristo que fai o evanxelista San Xoán na Apocalipse (Cap. 1,1-18). No centro, mostra o Pantócrator (Deus todopoderoso), coa imaxe de Cristo en Maxestade, mostrando nas mans e nos pés as feridas da crucifixión. A postura e roupaxe parecen reflectir a realeza; as feridas, o seu carácter humano, que sofre e morre. Arriba, xunto ó trono, dous pequenos anxos botan incenso.

Rodeando a Cristo, o Tetramorfo coas figuras dos catro Evanxelistas cos seus atributos: á esquerda, San Xoán e a aguia, arriba, e San Lucas co boi, debaixo; e á dereita, San Mateo, arriba, e San Marcos e o león, abaixo. Os catro evanxelistas semellan estar escribindo os Evanxeos apoiándose no seu animal simbólico pero San Mateo faino sobre un cofre en lugar de utiliza-lo anxo que lle simboliza (disque en alusión ó seu anterior traballo de recadador de impostos).

Ós dous lados dos Evanxelistas, tras San Marcos e San Lucas, aparecen catro anxos a cada lado cos instrumentos da paixón de Cristo. Uns levan, sen tocalos directamente, a cruz e a coroa de espiñas (á esquerda) e a lanza e os catro cravos (á dereita); outros, a columna na que foi flaxelado, a xerra coa que se lavara Poncio Pilatos, unha cana cunha esponxa, a xostra e un pergamiño (no que uns ven a sentenza á crucifixión e outros a inscrición co INRI da cruz). Sobre as cabezas destes anxos, dous nutridos grupos de almas dos benaventurados, 40 en total, representando á turba celeste que ninguén podía contar, en cita do Evanxeo.

Organistrumsantiago20060414
Dous anciáns tocando un organistro, na clave do arco central.

O tímpano central coróase cunha arquivolta na que aparecen sentados os 24 anciáns da Apocalipse, en representación de cada unha das 24 clases sacerdotais do antigo Templo de Xerusalén, portando cada un un instrumento musical, como preparando un concerto en honra a Deus. Como algúns dos anciáns (as figuras 4 e 21, contando de esquerda a dereita) non tocan instrumento algún, senón que sosteñen unha redoma, e os dous centrais manobran un só, o total son 21 instrumentos: unha zanfona, 14 cítaras, 4 salterios e dúas arpas. A Fundación Pedro Barrié de la Maza financiou a súa fiel reconstrución hai poucos anos [12] e mesmo realizáronse concertos con eles.

Organistrumsantigo20060618.jpeg
Reconstrución do organistro do Pórtico da Gloria.

Nos espazos que unen o arco central cos arcos laterais hai cadanseu anxo, que representan o pobo xudeu (o primeiro da esquerda) e o pobo dos xentís (o primeiro da dereita), e os meniños que levan no colo simbolizan as almas dos meniños que levan cara a Deus.

A forma na que o Mestre Mateo representa a Xesús Cristo racha coa visión apocalíptica medieval que imperaba ata entón. Quere mostrar un Deus máis humano e menos xusticeiro e afastado, e por iso reflicte a Deus coas feridas en mans e pés, e os anciáns do Testamento parecen rir e conversar entre eles.

O parteluz

No parteluz ou mainel comezamos coa descrición da figura sedente de Santiago Apóstolo, co caxato de peregrino, como patrón da basílica. Santiago aparece portando un pergamiño no que está escrito Misit me Dominus (Envioume o Señor). Sobre a súa cabeza, a columna remata cun chapitel no que se representan as tentacións de Cristo en tres caras; na que mira cara ó interior do templo, rezan dous anxos axeonllados. Ó pé do santo, outro chapitel coas figuras da Santísima Trindade.

Baixo o apóstolo represéntase a árbore de Xesé, nome que recibe a árbore xenealóxica de Xesús Cristo a partir de Xesé, pai do rei David. Esta é a primeira vez que se representa na Península Ibérica este tema na iconografía relixiosa. A columna pousa sobre unha base na que hai unha figura con barba recostada sobre o peito (seica unha imaxe de Noé) e dous leóns. Durante séculos foi costume que os peregrinos que chegaban á Santiago e accedían á catedral tocaran o pé esquerdo do santo, simbolizando así o remate do seu camiño. Outra tradición levaba os peregrinos a pasa-la man por entre as cavidades da árbore mentres reza cinco oracións, antes de entrar na catedral.

Mestre Mateo
O Mestre Mateo.

Ó pé desta columna central pero na parte posterior, cara ao altar maior da catedral, está a figura axeonllada do propio Mestre Mateo, portando unha cartela na que estaba escrito Architectus. Tamén con el hai un costume de séculos, que consiste en bate-la cabeza contra a do escultor –disque tres veces-, para adquirir así parte da súa sabedoría. Esta tradición, orixinalmente propia dos veciños de Santiago e finalmente asumida polos peregrinos, xustifica o alcume de Santo dos croques co que se coñece popularmente esta estatua.

Lenda

Conta a lenda que o arcebispo foi visita-las obras cando estaban próximas a rematar. Cando o Mestre Mateo lle estaba explicando o significado das diferentes figuras, o arcebispo preguntoulle por unha que o mestre non citara e que destacaba no tímpano central. Mateo recoñeceu que esa figura era el mesmo, porque consideraba merece-la gloria despois da obra de arte que estaba a facer con tanto éxito, pero o crego recriminoulle duramente a súa falta de humildade. Pasando o tempo, Mateo chamou polo arcebispo para que vise o Pórtico xa rematado e, cando chegou este, o primeiro no que se fixou foi en que aquela figura desaparecera do tímpano, pero agora había outra nova escultura na parte traseira, axeonllada e sen luz. Así se quería representa-lo mestre Mateo agora, humilde e arrepentido por pretender retratarse xunto a Deus.

Apóstoles del Pórtico de la Gloria
Apóstolos.

Os apóstolos e profetas

Nas xambas da porta central, así como nas das dúas portas laterais, aparecen representados apóstolos, profetas e outras figuras. Todos eles están coroados con cadanseu chapitel no que se representan diferentes animais (aves, case sempre con cabezas humanas e outras con cabezas de animais) e motivos de follas.

Comezando pola xamba dereita e mirando de dereita a esquerda, están as figuras do apóstolo San Pedro, vestido de Pontifical e coas chaves do ceo na man; San Paulo, cun libro aberto e descalzo; Santiago o Menor, co báculo; e San Xoán, mozo, cun libro e sobre unha aguia. Baixo a figura de San Paulo vense unhas figuras que representan algunhas escenas da súa vida, nas que se quere ve-la obediencia que deben os inferiores ós superiores.

Na xamba da esquerda, e comezando pola que mira ó apóstolo Santiago, están as figuras dos profetas do Antigo Testamento Moisés, coas Táboas da Lei; Isaías, con bastón; Daniel e Xeremías, con barba; todos eles suxeitan unha cartela na que estaba escrito o seu nome. Debaixo da figura de Isaías, aparece un mozo disposto a golpear a un monstro; outras fontes ven a representación do sacrificio de Isaac.

A lenda explica o sorriso no rostro do profeta Daniel no feito de que ante el está unha estatua dunha muller de grandes peitos (a raíña de Sabá para uns, unha emperatriz, para outros). Tamén hai que identifica esa figura co anxo de Reims. Máis ortodoxa é a teoría que o explica na alegría que ten ó anuncia-la chegada do Señor.

O inferno (detalle)
O inferno (detalle).

Porta dereita

O arco da porta dereita representa o Xuízo Final. Ao igual que o arco da porta esquerda, carece de tímpano, disque eliminado por orde dun bispo nalgunha restauración. A dobre arquivolta está divida en dúas metades por dúas cabezas flanqueadas por cartelas. Uns identifican estas cabezas coas figuras de San Miguel e Cristo[13], para outros son Cristo-Xuíz e un anxo[14] e, finalmente, outras fontes din que representan a Deus Pai, a superior, e Deus Fillo, a inferior[15].

Dende o punto de vista do observador, á dereita destas cabezas aparece representado o inferno, con figuras de monstros (demos) que arrastran e torturan as almas dos condenados. Á esquerda, o ceo cos elixidos, con figuras de anxos con meniños que simbolizan as almas salvadas.

Na xamba da dereita están representados, por esta orde, os apóstolos San Bertomeu e San Tomé, seguidos por San Marcos, San Lucas e San Xoán. E na da esquerda, San Filipe e Santo André (identificacións dubidosas).

O ceo (detalle)
O ceo (detalle).

Porta esquerda

No arco da porta esquerda represéntanse escenas do Antigo Testamento, cos xustos que agardan a chegada do Salvador. No centro da primeira arquivolta, envoltos entre follas, está Deus creador, que bendice ó peregrino e sostén o libro da Verdade Eterna; e á súa dereita Adán (nu), Abraham (co índice levantado) e Xacob. Con estes hai dúas figuras máis que unhas fontes identifican con Noé (novo pai da humanidade por salvala do dioivo) e Esaú e outros con Isaac e Xudá. Á esquerda de Deus vemos a Eva, Moisés, Aarón, David rei e Salomón (outras fontes sitúan aquí a Xudá e Benxamín, en lugar de Aarón e Salomón). Tanto Adán como Eva aparecen sen coroa porque xa pecaron e perderon a súa inocencia.

Na segunda arquivolta, a superior, dez pequenas figuras representan as dez tribos de Israel, faltando a tribo de Xudá (á que pertencía Cristo) e a de Benxamín. Tódalas figuras están medio ocultas por un bocel que parece telas presas e que simboliza a escravitude que as somete.

Na xamba da dereita están os profetas Oseas e Xoel, e na da esquerda a Amós e Abdías, nos catro caso cunha identificación dubidosa. Segue, á esquerda, unha figura cun bastón que pode ser o santo Xob, e as figuras de Judith e a raíña Esther. Debaixo da estatua do profeta Xoel hai unha columna con pombas picando nas uvas, dous centauros, catro guerreiros e dous leóns.

The Portico de la Gloira, Santiago de Compostela
Reprodución do Pórtico a tamaño natural, no Victoria and Albert Museum, de Londres.

Basas

Os catro piares do pórtico están sustentados sobre fortes basamentos nos que se representan grupos de diversos animais: seis aguias, un oso, catro leóns e dous animais indeterminados, así como tres cabezas humanas con barba. Hai quen quere ver nestas figuras imaxes de demos, e que simbolizan que o peso da gloria (o pórtico en si) esmaga o pecado. Outras fontes danlle unha interpretación apocalíptica, con guerras, fame e morte (representadas polas bestas), situacións que só se poden salvar grazas á intelixencia humana (as cabezas dos homes vellos).

O Pórtico na literatura

Moitos autores teñen escrito e admirado a singularidade desta obra. Entre eles, destaca Rosalía de Castro cando di:

Notas

  1. "En todos eles salienta o naturalismo que, na face de Daniel, acada a representa-lo sorriso, o que permite comparalo coas mellores esculturas do gótico francés de entón... ". Yzquierdo Perrín, Ramón. Artigo "PÓRTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. "El maestro Mateo es la figura decisiva de los primeros momentos, el creador de la obra más valiosa hecha en Galicia, el Pórtico de la Gloria, inaugurado en 1188. Encasillado erróneamente en el románico...". Cegarra Martínez, Basilio. Atlas Arte. Galicia. Capítulo 16 ESCULTURA GÓTICA, páx. 40.
  3. "A arte francesa, en especial a procedente de Saint-Denis e da Borgoña, inflúe no mestre Mateo e nas súas execucións, no século XII, á fronte do Pórtico da Gloria... Reflíctese aquí, pois, o xermolo do gótico, o gótico temperán ou protogótico, no que aínda aparecen elementos da tradición románica..." Sicart Giménez, Ángel. Artigo "GÓTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  4. 4,0 4,1 Ao rescate da gloria do Pórtico, 5º parágrafo
  5. Calvo, A. (03-06-2008). "El Pórtico de la Gloria recobrará la policromía que se perdió en 1866". elcorreogallego.es. Consultado o 02-01-2019.
  6. Pousa, Luis (30-07-2012). "La copia londinense del pórtico de la Gloria encara su restauración". lavozdegalicia.es. Consultado o 02-01-2019.
  7. 7,0 7,1 Gaillard (1958), p. 465
  8. Gaillard (1958), p. 466
  9. Citado por Galliard (1958), p. 465
  10. Gaillard (1958), pp. 465-466
  11. Castiñeiras González, Manuel Antonio (2002). A poética das marxes no románico galego: bestiario, fábulas e mundo ó revés. Universidade de Santiago de Compostela.
  12. Esta reconstrución recuperou 19 instrumentos, xa que, no Pórtico, un está dado a volta e outro ten o mastro roto.
  13. Serafín Moralejo
  14. "archicompostela.com". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2007. Consultado o 19 de xullo de 2007.
  15. ""Rincones de santiago"". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2013. Consultado o 19 de xullo de 2007.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carbó Alonso, Félix (2009). El Pórtico de la Gloria. Misterio y sentido. Colección: Arte.Gran formato. Madrid: Encuentro. ISBN 978-84-9920-005-7.
  • Gaillard, Georges (outubro-decembro 1958). "Le Porche de la Gloire à Saint-Jacques de Compostelle et ses origines espagnoles". Cahiers de civilisation médiévale (Centre d’études supérieures de civilisation médiévale) (nº 4): 465–473. ISSN 2119-1026. doi:10.3406/ccmed.
  • Yzquierdo Perrín, Ramón (2010). El portico de la Gloria y el maestro Mateo en la catedral de Santiago. Col. Esencias. León: EDILESA (Edicones Leonesas). ISBN 978-8480127165.
  • López Ferreiro, Antonio (1893). El Portico de La Gloria: estudio sobre este célebre monumento de la basilica Compostelana. Seminario C. Central.
  • Vázquez Varela, José Manuel; Yzquierdo Perrín, Ramón; García Iglesias, José Manuel; Castro, X. Antón (1996). 100 obras mestras da Arte Galega (en galego e castelán). Vigo: Nigra Imaxe. pp. 76–77. ISBN 978-8487709500.

Outros artigos

Ligazóns externas

1 de abril

O 1 de abril é o 91º día do ano do calendario gregoriano e o 92º nos anos bisestos. Quedan 274 días para finalizar o ano. É o Día dos enganos en Galiza e noutros países; di o refrán "O un de abril van os burros onde non deben ir".

Arquitectura románica en Galicia

A arquitectura románica en Galicia correspóndese coas infraestruturas e construcións erixidas en Galicia durante os primeiros séculos da baixa Idade Media. Sen dúbida, a obra fundamental do Románico galego é a Catedral de Santiago de Compostela, modelo de igrexa de peregrinación, con conxuntos escultóricos (Pórtico da Gloria) de entre os máis senlleiros da Europa occidental.

Arquivolta

Unna arquivolta é cada unha das roscas ou molduras que forman unha serie de arcos concéntricos decorando o arco das portadas medievais no seu paramento exterior, percorrendo a súa curva en toda a súa extensión e terminando na imposta. Adoitan arrincar dunha xamba do pórtico e terminar na outra. É moi frecuente o seu uso na arquitectura románica e na arquitectura gótica.

É frecuente que sexa adornado con relevos, segundo se foi estendendo o seu uso. Inicialmente fixéronse decoracións de tipo xeométrico con forma de dentes de serra, axadrezados ou dados, para pasar posteriormente a elementos vexetais e finalmente á decoración con elementos escultóricos de medio vulto (Santos, Apóstolos etc.). O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela é un exemplo magnífico de arquivoltas.

Dous exemplos do arranque de arquivoltas do románico e outros dous de arquivoltas do gótico

Carlos Villanueva Abelairas

Carlos Villanueva Abelairas, nado o 21 de decembro de 1949 en Melilla e residente dende os catro anos de idade en Lugo, é un músico e musicólogo galego, un dos maiores expertos mundiais en música medieval.

Catedral de Santiago de Compostela

A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Un privilexio concedido en 1122 polo papa Calisto II declarou que serían «ano santo» ou «ano xubilar» en Compostela todos os anos nos que o día 25 de xullo, día de Santiago, coincidise en domingo; este privilexio foi confirmado polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni en 1179.

Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1896, e a cidade vella de Santiago de Compostela, que se concentra ao redor da catedral, foi declarada ben cultural Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Galería de imaxes de pórticos da catedral de Santiago

Na catedral de Santiago de Compostela existen tres pórticos maiores e sete pequenos. Maiores: Poñente, mediodía e norte. Pequenos: Santa María; da Vía Sacra; San Paio; da Cóenga; da Pedreira (2); da escola de gramáticos.

Galería de imaxes do Pórtico da Gloria

Galería de imaxes do Pórtico da Gloria.

O Pórtico da Gloria está situado no portal oeste da catedral de Santiago de Compostela, Galicia, é unha obra mestra da escultura do gótico, construído entre 1168 e 1188 polo mestre Mateo.

Mateo o Evanxelista

San Mateo Evanxelista, tamén designado como Mateo Leví, Leví de Alfeo e Mateo apóstolo, foi un dos doce apóstolos de Xesús e tamén un dos catro evanxelistas. Represéntase cun libro na man, signo do seu evanxeo, e ás veces cunha pluma.

O nome procede do hebreo Matithyah, que significa don de Iavé, ou presente, regalo de Deus. De aí adaptouse ó grego Maththaios e ó latín Matthaeus, de onde vén o nome Mateo nas linguas romances.

Dáselle o tratamento de santo por tódalas confesións cristiás que admiten esta distinción. A Igrexa Católica celebra a súa festa o 21 de setembro, pero a igrexa ortodoxa faino o 16 de novembro.

Mestre Mateo

O Mestre Mateo (c. 1150 - c. 1200 ou c. 1217) foi un arquitecto e escultor galego, artífice da cripta e do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, que estivo activo entre o 1161 e o 1217. Dise que está autoesculpido no propio pórtico. Tamén é autor do antigo coro pétreo da mesma catedral. Este coro desfíxose, pero agora estase tentando rematar de reconstruír.

O Sorriso de Daniel

O Sorriso de Daniel é unha asociación creada en Santiago de Compostela o 6 de marzo de 2010 co ánimo de promover o románico galego. Toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria.

Entre as súas actividades está a conservación e posta en valor do mosteiro de San Paio de Abeleda.

En 2018 foille concedido o Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural.

Parteluz

O parteluz ou mainel é un elemento arquitectónico sustentante, en forma de columna, que se dispón no centro do van dun arco, «partindo» a «luz» dese van, é dicir, dividíndoo en dous vans.

Habitualmente disponse baixo o tímpano nun pórtico ou formando parte dunha fiestraxe, nese caso tal fiestra recibe o nome de mainel.

Se está situado nun pórtico, pode estar adornado cunha figura, xeralmente de iconografía relixiosa.

Premios Mestre Mateo 2002

Os Premios Mestre Mateo 2002 galardoaron ás producións audiovisuais de Galicia de 2002 e celebrouse o 7 de xuño de 2003. Durante a cerimonia, a Academia Galega do Audiovisual presentou os Premios Mestre Mateo en 24 categorías. A cerimonia celebrouse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O presentador foi Javier Veiga e o fío temático, o Pórtico da Gloria. A cerimonia caracterizouse polo ton reivindicativo a medida que os premiados foron recordando a situación provocada polo desastre do Prestige.

A gala de entrega dos I premios Mestre Máteo deixou tres títulos vencedores: Entre bateas de Costa Oeste, que recolleu dez dos vinte e catro premios; Os luns ó sol coproducida por Continental e a TVG recibiu tres, igual cá serie producida polo grupo Voz, Terra de Miranda.

Pórtico do Paraíso

Non confundir coa Fachada do Paraíso da catedral de Santiago de Compostela.O Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal ó templo. Foi construído na primeira metade do século XIII, en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral, e en calquera caso despois de 1230. Cómpre destacar a policromía que conserva, do século XVIII, e que foi restaurada en 2013, pero hai que advertir que a contraportada carece de cor.

Ignórase quen foi o autor ou autores do pórtico. Ángel del Castillo atribúeo a un mestre chamado Juan Evangelista:

En realidade, esta inscrición, "Juan Evangelista fecit", figura nun anxo trompeteiro hoxe conservado no museo da catedral e que nada ten que ver co pórtico, tal como acreditan expertos como Serafín Moralejo, Ramón Yzquierdo Perrín, Xosé Carlos Valle Pérez e Eduardo Carrero Santamaría, polo que xa ninguén apoia esa atribución.

Conde Cid supón a participación de dous grupos de escultores no proceso de construción do tímpano. Fundamentalmente, un primeiro taller, ata 1230, que sería quen comezaría as obras e esculpiu a parte inferior (bases, columnas e os profetas e apóstolos); e un segundo taller desde 1230, responsable da parte dos arcos. Dentro dese primeiro taller distingue catro mans diferentes, a xulgar polo traballo dos pregues dos vestidos e a sensación de movemento que se consegue: unha esculpiría os profetas Oseas e Malaquías e os tres apóstolos descoñecidos; outro escultor sería o autor das estatuas de Ezequiel, Habacuc, Xonás e Isaías e, probablemente, dos apóstolos Xoán e André; un terceiro esculpiría os profetas Daniel e Xeremías e os apóstolos Santiago e Mateo; e un último escultor sería o responsable das figuras do profeta descoñecido e dos apóstolos Pedro e Paulo.Os especialistas concordan en que é moi probable que estes escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el, pois reproduciron a disposición de apóstolos e profetas que este dispuxo en Compostela e a técnica utilizada nas estatuas-columna e na ornamentación do arco menor é tamén similar, pero aínda así e a pesar do feito de que o pórtico de Ourense sexa posterior ó de Santiago, a realidade é que o estilo do Pórtico do Paraíso é máis románico có da Gloria.

Outros autores ven, tamén, a influencia dos talleres de Amiens e París, que chegaron ata aquí a través da catedral de Burgos.

Serafín Moralejo

Serafín Moralejo Álvarez, nado o 31 de outubro de 1946 en Santiago de Compostela e finado o 10 de agosto de 2011 ibídem, foi un historiador da arte e catedrático galego, un dos mellores especialistas en escultura románica do mundo, especialmente no tocante ao Pórtico da Gloria.

Tímpano (arquitectura)

En arquitectura, denomínase tímpano a superficie entre o lintel e o arco dunha porta ou ventá. Tamén é o espazo comprendido no frontón do templo clásico. Pode ser liso ou estar decorado con relevos, como ocorre nas igrexas do románico e do gótico ou nos templos gregos.

Xabier Iglesias

Francisco Xabier Iglesias López, nado na Coruña en 1967, é un escritor, humorista gráfico e columnista galego.

Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.