Oviedo

Oviedo[1] (en asturiano: Uviéu[2][3] ou Uvieo, en galego eonaviego: Ovedo[4]) é un concello e cidade do norte de España de orixe medieval (século VIII), capital do Principado de Asturias. Cunha poboación de 225.155 habitantes (2010) é a segunda cidade da comunidade logo de Xixón. Ovetenses emprendedores bautizaron con este nome a tres cidades americanas: en Paraguai, na República Dominicana e nos Estados Unidos de América.

É, ademais, a capital comercial e de negocios, e o centro administrativo e universitario da rexión.

Coordenadas: 43°21′N 5°50′O / 43.350, -5.833

Oviedo
Uviéu - Uvieo
Oviedo
Escudo de Oviedo
Teatro Campoamor Palacio de Congresos de Oviedo
Fachada da Catedral e escultura de La Regenta Tesouro da Cámara Santa da Catedral: Cruz dos Anxos, Cruz da Victoria e Caixa das Ágatas
Igrxa prerrománica de San Miguel de Lillo Igrexa-pazo prerrománico de Santa María del Naranco
Panorámica de Oviedo desde o monte Naranco
Localización
Uvieu Asturies map
PaísEspaña España
Comunidade AutónomaAsturias Asturias
ProvinciaAsturias
ComarcaOviedo
Xeografía
Altitude336 msnm
Superficie186,65 km²
Demografía
Poboación220.567 hab. (2016)
Densidade1.181,71 hab/km²
XentilicioOvetense[1]
Outros datos
Código postal33001–33013
AlcaldeWenceslao López (PSOE)
www.oviedo.es

Historia

Conta a lenda que o rei Froila I saíu de caza cos seus amigos e pararon a comer nun lugar idílico, máis ou menos onde se atopa hoxe a cidade de Oviedo. Ó longo da conversa xurdiu unha pregunta: ¿En que lugar vas comezar a construír a cidade que será a corte?, ó que o rei respondeu en latín: Ubi edo, que quere dicir «onde como».

A cidade de Oviedo xurdiu sobre un outeiro que os romanos chamaban Ovetao. O seu suposto fundador foi o rei Froila, fillo de Afonso I de Cantabria (xenro e sucesor do rei Froila I), que reinou dende o 757 ata 768.

Foi Afonso II o Casto, o fillo de Froila, quen trasladou a capital política da Galicia alto-medieval a ese lugar, engrandecendo Oviedo e converténdoa en sé episcopal. Ademais fortificouna e a dotou de palacios, igrexas e outras construcións, como un acueduto (do que hoxe só quedan tres arcos).

Durante o seu reinado descubriuse en Compostela unha tumba da que se supuña era do apóstolo Santiago (no 812), e este rei foi o primeiro en visitar a tumba partindo de Oviedo, co que Afonso II se converteu no primeiro peregrino a Santiago de Compostela e inaugurouse o primeiro camiño de peregrinos, como pode lerse nun documento de Afonso II datado o 4 de setembro do ano 829, onde se lle concede á igrexa de Santiago de Compostela o espazo comprendido nun raio de tres millas en torno a dita igrexa, que foi construída para venerar as sagradas reliquias, e onde así mesmo se conta como este rei soubo do descubrimento e como acudiu cos maiores do seu palacio; aínda que hoxe en día se sabe que é falso, suponse que debe basearse noutro verdadeiro de Afonso II que xa non se conserva.

O rei Xoán I, en 1388, funda o Principado de Asturias, título inaugurado polo infante Henrique, fillo de aquel, e que dende entón corresponderá ós sucesores a Coroa; Oviedo convertese, entón, na capital do Principado.

Durante a Idade Moderna houbo unha inmobilización económica debida a un certo illamento. A finais do século XVIII a cidade comezou a experimentar unha vida cultural bastante alta, salientando a figura de Feijoo quen aínda que naceu en Ourense viviu a meirande parte da súa vida no colexio bieito de San Vicente de Oviedo.

A comezos do século XIX os ovetenses foron dos primeiros españois en rexeitar a invasión francesa, e o 9 de maio de 1808 iniciaron o alzamento de Asturias para defender a independencia, como pode lerse na seguinte placa conmemorativa do primeiro centenario de tan histórico acontecemento. Foi o escenario dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais. A decisión tomouna a Xunta Xeral do Principado na noite do 23 ó 24 de maio de 1808, obrigada pola presión popular. As tropas francesas foron rexeitadas, tras ter sometida a cidade durante un ano.

Durante a revolución de 1934, protagonizada polos mineiros da Conca, a cidade queda asolada en boa parte: resultan incendiados, entre outros edificios, o da Universidade, cuxa biblioteca gardaba fondos bibliográficos de extraordinario valor que non se puideron recuperar, ou o teatro Campoamor. A Cámara Santa na Catedral, pola súa parte, foi dinamitada.

Durante a sublevación do exército en 1936 que deu lugar á guerra civil, a cidade quedou en mans dos sublevados (baixo o mando do coronel Aranda), permanecendo sitiada polas tropas leais ó goberno republicano, ata que as tropas sublevadas romperon o cerco en 1937, coa caída de toda a zona norte nas mans franquistas. A cidade quedou reducida practicamente a cinzas.

Carbayón en lembranza
En lembranza do símbolo do Oviedo, no centro da cidade

Xeografía

Oviedo desde las faldas del Naranco
Oviedo desde o monte Naranco.

O concello atópase no centro do Principado de Asturias, ocupando 186,65 km² entre os ríos Nalón e Nora (os ríos máis importantes do concello, xunto ao río Trubia), aínda que ningún deles cruza o centro urbano. Limita ó norte con Las Regueras e Llanera; ó sur con Santo Adriano, Ribera de Arriba e Mieres; ó oeste con Grao e ó leste con Siero e Langreo.

A altura do concello varía entre os 80 msnm que marca o río Nalón e os 709 msnm que alcanza o Monte Picayo, no macizo da Grandota, situado no límite con Langreo. A cidade está protexida dos ventos do norte polo Monte Naranco; ao sur está a serra do Aramo, na que se atopa o alto de L'Angliru, famoso pola súa dureza para os ciclistas e popularizado por ser final de etapa da volta ciclista a España en varias ocasións. O centro urbano ocupa unha topografía accidentada, que se traduce en bruscos desniveis de máis de 100 metros entre o barrio do Cristo (315 m) e La Tenderina (190 m); normalmente utilízase como referencia para o centro urbano a altura á que se atopa o Teatro Campoamor (227 m). A pesar desta topografía, o concello representa o primeiro ámbito de certa horizontalidade ao norte da Cordilleira Cantábrica, que é continuada polos concellos de Llanera e Siero.

Demografía

O municipio de Oviedo ten 225.155 habitantes, dos que 119.904 son mulleres e 105.251 son homes, e unha densidade de poboación de 1.206,30 hab/km² (INE 2010). Se nos referimos á parroquia de Oviedo, a súa poboación é de 208.313 habitantes (INE 2009).

Evolución demográfica do concello de Oviedo (España).
Fonte: Instituto Nacional de Estadística - Elaboración gráfica por Wikipedia.

Economía

A economía do concello de Oviedo baséase fortemente no sector terciario, sendo unha cidade cuxo centro está, eminentemente, ocupado con edificios de oficinas. A capitalidade do Principado outórgalle un gran número de funcionarios públicos. A industria é reducida no concello, e a máis próxima á cidade aséntase sobre todo nos veciños concello de Siero e Llanera. O Concello de Oviedo tiña en 2009 unha débeda pública de 135.185.000,00 €.[5]

Patrimonio

Prerrománico asturiano

Iglesia de Santa María del Naranco
Santa María del Naranco
Santullano
San Julián de los Prados
La-Regenta-y-Catedral
Escultura dedicada a La Regenta e a Catedral de San Salvador.

Oviedo, como capital do antigo Reino de Asturias, alberga a maior cantidade de edificios representativos da chamada Arte prerrománica asturiana, que se desenvolveu durante a existencia dese reino nos séculos IX e X. Foron declarados Patrimonio mundial pola Unesco, en 1985 e 1988, coa denominación «Monumentos de Oviedo e do Reino de Asturias». En Oviedo atópanse:

  • Cámara Santa de Oviedo. Capela situada dentro do conxunto arquitectónico da Catedral. De cronoloxía discutida, estilisticamente parece ser obra do tempo do rei Afonso II o Casto, primeira metade do século IX, aínda que pola documentación existente parece máis plausible que fose mandada construír polo rei Afonso III o Magno no último terzo do século IX. Desde a súa construción serviu para custodia do tesouro e reliquias catedralicias, función que segue mantendo. Nela gárdanse xoias como a Cruz dos Anxos, a Cruz da Vitoria, o Cofre das Ágatas, dos séculos IX e X, e o Arca Santa onde á súa vez se gardaba a máis importante reliquia da diocese, o Santo Sudario, agora gardado nun relicario á parte.
  • Testero de San Tirso, igrexa mandada construír por Afonso II no século IX, moi modificada en séculos posteriores, de forma que só queda este elemento da construción orixinal.
  • San Julián de los Prados. Igrexa de comezos do século IX, mandada construír por Afonso II. O seu interior está decorado con pinturas ao fresco que se conservan practicamente intactas e que constitúen unha das máis importantes mostras de pintura prerrománica de Europa.
  • Santa María del Naranco. Palacio do século IX, mandado construír polo rei Ramiro I, no próximo Monte Naranco á vista da cidade. Posteriormente transformado en igrexa no século XII.
  • San Miguel de Lillo. Igrexa da segunda metade século IX, construída á beira do anterior palacio co que forma un conxunto arquitectónico.
  • Foncalada. Edícula monumental que alberga unha fonte, do tempo de Afonso III o Magno no século IX. Trátase da única obra civil da arte prerrománica que se conserva.

Arquitectura relixiosa

Entre os numerosos edificios relixiosos da cidade destacan:

  • Catedral de San Salvador de Oviedo, obra fundamentalmente gótica, construída entre os séculos XIV e XVI, con capelas e deambulatorio engadidos posteriormente de estilo barroco.
  • Mosteiro de San Vicente, a súa fundación supuxo a da cidade. Moi modificado e ampliado co paso do tempo, a súa igrexa, hoxe parroquia de Santa María a Real da Corte, e claustro, hoxe Museo Arqueolóxico, son do século XVI.
  • Mosteiro de San Paio, fundado por Afonso II, o edificio actual é de estilo barroco do século XVII.
  • Igrexa de Santo Isidoro, construída polos xesuítas no século XVII, como parte do desaparecido Colexio de San Matías cuxo solar está ocupado polo Mercado do Fontán.
  • Igrexa de San Xoán o Real, de estilo neorrománico, construída a comezos do século XX. Polo seu tamaño e presenza coñécella como a Catedral do Ensanche.

Arquitectura civil

Edificio Histórico de la Universidad de Oviedo
Universidade
Palacio de Congresos Princesa Letizia, Oviedo (Asturias)
Palacio de Congresos obra do arquitecto Santiago Calatrava.
  • Castelo de Tudela, na parroquia de Santianes, actualmente en ruínas. Foi declarado monumento histórico o 22 de maio de 1965.
  • Casa da Rúa, casa-palacio de finais do século XV, único edificio civil sobrevivente do incendio de 1521.
  • Universidade de Oviedo, fundada a finais do século XVI polo arcebispo católico Fernando Valdés Salas, Inquisidor xeneral das Españas. Abriu as súas portas en 1608.
  • Concello, construído no século XVII, é un edificio de tres plantas e unha planta baixa porticada con arco central realizado sobre a Porta de Cimadevilla e que aproveita como soporte a vella muralla da cidade.
  • Palacio de Valdecarzana-Heredia, barroco de comezos do XVII, hoxe sede da Audiencia Territorial de Asturias.
  • Palacio de Malleza-Toreno, barroco de finais do século XVII, hoxe sede do Real Instituto de Estudos Asturianos.
  • Palacio de Camposagrado, barroco tardío de comezos do século XVIII, hoxe sede de Tribunal Superior de Xustiza de Asturias.
  • Palacio do Marqués de San Feliz, construído a comezos do século XVIII, tamén de estilo barroco tardío.
  • Palacio de Velarde, de finais do século XVIII. Alberga o Museo de Belas Artes de Asturias.
  • Antigo Hospicio, do século XVIII, ten unha fachada de estilo barroco rematada por un gran escudo e unha capela octogonal.
  • Teatro Campoamor, inaugurado en 1892 e bautizado así en honra ao poeta Ramón de Campoamor a iniciativa de Leopoldo Alas «Clarín», entón concelleira do concello. Entre outras cousas é famoso por ser o escenario da entrega dos Premios Príncipe de Asturias.
  • Palacio da Xunta Xeneral do Principado de Asturias, construído a comezos do século XX, sobre o solar do antigo Convento de San Francisco.
  • Auditorio-Palacio de Congresos Príncipe Felipe, é obra do arquitecto Rafael Bolsa e foi inaugurado en 1999. Está construído sobre os antigos depósitos de auga da cidade, levantados en 1846, e dos que se conservou a súa estrutura.
  • Palacio de Congresos de Oviedo, obra do arquitecto Santiago Calatrava, aberto parcialmente en 2008, e posteriormente o auditorio en maio de 2011.

Deporte

O fútbol é o deporte máis popular da cidade sendo o Real Oviedo o seu equipo máis representativo habendo militado durante 38 tempadas en Primeira División conseguindo en tres ocasións o terceiro posto na clasificación.[6] Tamén é de destacar o seu primeiro presidente e fundador, Carlos Tartiere, cuxo nome tamén posúe o estadio do equipo. Neste equipo xogaron moitos ovetenses destacados entre os que se atopa, por exemplo, Oliverio Jesús Álvarez González (Oli). Ademais en Oviedo naceron algúns xogadores destacados de finais do século XX e principios do XXI, como Enrique Castro González (Quini), Javier Paredes ou Luís García Fernández. Outros clubs de fútbol da cidade son o Astur Club de Fútbol, o Universidad de Oviedo, o Centro Asturiano de Oviedo, o Masaveu CF, o CD Covadonga, o Pumarín CF, o APA Santa Teresa CD, o Vallobín, o Juventud Estadio, La Manjoya ou a Peña Oviedo Berto.

En fútbol feminino destaca o Oviedo Moderno que disputa a máxima categoría nacional, a Superliga.

Alonso (Renault) qualifying at USGP 2005
Fernando Alonso durante a clasificación do Gran Premio dos Estados Unidos de 2005, destacado deportista de Oviedo.

En hóckey a patíns, o FM Roller Oviedo xoga na Primeira División, mentres que o Real Oviedo faio na Primeira División B; en baloncesto o Oviedo Club Baloncesto disputa a liga EBA e en rugby o Oviedo Rugby Club disputa a División de Honra B. Outros clubs importantes son o Universidad de Oviedo, Oviedo Atletismo e La Santina en atletismo, o CD Oviedo Sporty en fútbol sala, o Club Bádminton Oviedo, en bádminton, o Balonmán Base Oviedo e o BM Naranco en balonmán e o Club de Natación Ciudad de Oviedo en natación e waterpolo.

Individualmente destacan Fernando Alonso, bicampeón do mundo de Fórmula 1, Galo Blanco, tenista profesional gañador dun torneo ATP (San Marino, 1999) e cuartofinalista en Roland Garros en 1997. Tamén Samuel Sánchez González, medallista de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 na proba de ciclismo en ruta e o xogador do Club Baloncesto Málaga, Saúl Blanco.[7]

As instalacións máis importantes da cidade son o Estadio Carlos Tartiere, o Palacio de Deportes, o Complexo Deportivo de San Lázaro, as instalacións deportivas do Cristo e da UND, o Centro Asturiano, o Campo Municipal de Golf, o Centro Ecuestre Municipal, e varios polideportivos.

Cidades irmandadas

Isidoroviedo
Igrexa de San Isidoro o Real, na praza do Concello.

As cidades irmandadas con Oviedo, ordenadas por data de irmandade, son as seguintes:[8]

Notas

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ovetense.
  2. "Oviedo" é o topónimo en castelán, cooficial coa forma asturiana "Uviéu". Así mesmo, Oviedo tamén é o topónimo en galego segundo o apéndice de Dúbidas lingüísticas Arquivado 01 de xuño de 2014 en Wayback Machine. da UVigo
  3. "Oviedo ya es también oficialmente Uviéu. El Consejo de Gobierno aprueba los decretos que determinan los topónimos oficiales de tres concejos". En La Voz de Asturias. 13 de marzo de 2019.
  4. "Pautas para un correcto uso da linguaxe" (PDF). Universidade de Vigo. Consultado o 4 de setembro de 2016.
  5. "Ministerio de Economía e Facenda" (PDF). meh.es. Consultado o 20 de decembro de 2010.
  6. "Historia". Sitio oficial do Real Oviedo. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2010. Consultado o 15 de decembro de 2010.
  7. "Deportistas en Oviedo". vivirasturias.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2011. Consultado o 20 de decembro de 2010.
  8. Ayuntamiento de Oviedo. "Ciudades Hermanadas". Consultado o 26 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Afonso III de Oviedo

Afonso III alcumado o Grande, nado no 848 e finado en Zamora o 20 de decembro de 910, foi un nobre medieval, fillo do rei Ordoño I. Reinou entre os anos 866 e 910 sendo o derradeiro rei da Galiza altomedieval (Regi Gallaeciarum) que gobernou desde a cidade de Oviedo (rex in Oveto). A súa autoridade real foi seriamente cuestionada en varias ocasións durante o seu reinado.

Afonso II de Oviedo

Afonso II de Oviedo, o Casto, nado en Oviedo no 760 e finado na mesma vila no 842, foi un rei de toda a Galicia alto-medieval ou de Galicia e Asturias, non obstante, é común a suplantación da súa titulación ovetense pola de rei de Asturias, denominación esta creada na España do século XIX polos primeiros historiadores romanticistas como Modesto Lafuente en pleno período de creación do nacionalismo español contemporáneo, que mantén gran vixencia na actualidade. Fillo do rei Froila I, foi durante o seu reinado cando o caudillismo que exerceran Paio ou Afonso I acada un verdadeiro nivel de monarquía organizada.

Alfredo Brañas

Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, nado en Carballo o 11 de xaneiro de 1859 e finado en Santiago de Compostela o 21 de febreiro de 1900, foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego decimonónico.

Arsenio Iglesias

Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo ou o Raposo de Arteixo, nado en Arteixo o 24 de decembro de 1930, é un ex-futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos. Arsenio Iglesias é hoxe unha das figuras máis destacadas do deportivismo. Xogaba de dianteiro.

Benito Xerónimo Feijoo

Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, nado en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), o 8 de outubro de 1676 e finado en Oviedo o 26 de setembro de 1764, foi un relixioso bieito, escritor e pensador galego. Xunto co valenciano Gregorio Mayans constitúe a figura máis destacada da primeira Ilustración española. Está soterrado na igrexa de Santa María de la Corte (Oviedo). Escribiu unha serie de ensaios baixo o título de Teatro crítico universal (1726-1764), considerados como a obra cume da Ilustración en lingua castelá.

Constantino García

Constantino García González, nado en Oviedo o 20 de xullo de 1927 e falecido en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 2008, foi un lingüista e escritor galego.

Eduardo García-Rodeja Fernández

Eduardo García-Rodeja Fernández, nado o 11 de febreiro de 1922 en Oviedo e finado o 13 de setembro de 2005 en Santiago de Compostela, foi un matemático español. É considerado un dos principais impulsores do desenvolvemento da Matemática en Galicia no século XX.

Eladio Oviedo Arce

Eladio Oviedo Arce, nado en Noia o 20 de marzo de 1864 e finado na mesma vila o 19 de xaneiro de 1918, foi un sacerdote e escritor galego.

Enrique Vidal Abascal

Enrique Vidal Abascal, nado en Oviedo o 12 de outubro de 1908 e finado en Santiago de Compostela o 31 de outubro de 1994, foi un matemático, astrónomo e pintor galego.

Javier Irureta

Javier Iruretagoyena Amiano, nado en Irún (Guipúscoa) o 1 de abril de 1948, é un ex futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e centrocampista e foi internacional coa selección española. Actualmente (2010) é o director deportivo do Athletic Club.

Juan Antonio Anquela

Juan Antonio Albacete Anquela, nado en Linares (Xaén) o 11 de setembro de 1957, é un ex-futbolista e actual adestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e actualmente adestra ó Deportivo da Coruña.

Luis Urquiri

Luis Urquiri Urain, nado en Deba (Guipúscoa) o 1 de setembro de 1906 e finado en 1979, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de centrocampista.

Mieres, Asturias

Mieres é un concello da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias, a súa cabeceira municipal é a cidade de Mieres del Camino, dita popularmente simplemente Mieres. É cuarta poboación de Asturias, tras Oviedo, Xixón e Avilés, cun total de 44.992 habitantes, dos que arredor de 28.000 corresponden ao núcleo urbano capitalino.

Sito no centro de Asturias, dista tan só 20 km da capital autonómica, Oviedo, e 48 km de Xixón e Avilés.

Principado de Asturias

O Principado de Asturias (en asturiano: Principáu d'Asturies, en galego eonaviego: Principao d'Asturias) é unha comunidade autónoma española uniprovincial, situada no norte da Península Ibérica. Limita con Galiza ao oeste, con Cantabria ao leste, con Castela e León ao sur, e co Mar Cantábrico ao norte. Coincide coa antiga provincia de Oviedo e recibe o nome de Principado por razóns históricas, ao ostentar o herdeiro da Coroa de España o título de Príncipe de Asturias. A súa capital é Oviedo, aínda que Xixón é a cidade máis poboada.

Asturias segundo o seu Estatuto de Autonomía está considerada comunidade histórica no seu artigo 1. Posúe un órgano de autogoberno medieval chamado Xunta Xeral fundado no ano 1388, como consecuencia da súa transformación en Principado por orde de Xoán I de Castela. Tamén posúe unha lingua propia, o asturiano ou bable, lingua que, aínda non sendo considerada lingua oficial, posúe un status xurídico de protección. A parte máis occidental da comunidade, coñecida como Terra Eo-Navia, é de fala galega.

Real Oviedo

O Real Oviedo é un equipo de fútbol da cidade de Oviedo (Asturias), fundado no 26 de marzo de 1926 da fusión de dous clubs que mantiveran pugna durante anos na cidade: o Real Stadium Club Ovetense e o Real Club Deportivo de Oviedo. É Sociedade anónima deportiva dende 1992 e o seu primeiro e máis emblemático presidente foi Carlos Tartiere.

Xogou durante 38 tempadas na Primeira División e 32 en Segunda División, e as súas cotas máximas foron tres terceiras posicións en Primeira División, unha Copa da Liga de Segunda División en 1985 e xogar a Copa da UEFA en 1991. Ademais, foi o primeiro equipo asturiano en xogar en Primeira, en 1933.

Actualmente xoga na Segunda División Española e o seu estadio, o novo Carlos Tartiere (c/ Ricardo Vázquez Prada, s/n 33013 Oviedo) con 30.500 localidades de asento, é o máis impresionante desa categoría debido a que se construíu mentres o equipo estaba en Primeira. Pese ao descenso no número de espectadores, a afección non abandonou do todo ao seu equipo, establecendo o récord de socios (12.700) e de asistentes (27.000) a un partido de Terceira División, así como o de desprazados a un partido de devandita categoría en campo alleo (máis de 4.000).

Segunda división española de fútbol

A Segunda División de España, oficialmente La Liga 2 e coñecida como La Liga SmartBank por razóns de patrocinio, é a segunda categoría da Liga española de fútbol, inmediatamente inferior á Primeira División e por riba da Segunda División B.

En xogo dende a tempada 1928-1929, está organizada pola Liga de Fútbol Profesional, sendo unha das dúas ligas profesionais de fútbol existentes no Estado xunto coa Primeira.

Toni Cuervo

Antonio Cuervo Fernández nado en Pumarín (Oviedo) o 10 de maio de 1932 e finado o 14 de outubro de 2017, foi un futbolista e adestrador de fútbol asturiano, máis coñecido como Toni Cuervo. Xogaba na demarcación de defensa.

Universidade de Oviedo

A Universidade de Oviedo (en asturiano: Universidá d'Uviéu) é unha universidade pública situada en Oviedo, Principado de Asturias (España), con campus en Oviedo, Xixón e Mieres. É a única universidade da comunidade autónoma, onde non existen universidades privadas. O orzamento para o ano 2010 é de 210 millóns de euros .Foi unha das dez universidades de España durante o século XIX. No curso 2009-10 conta con 27.284 alumnos e 2.154 profesores.A Universidade de Oviedo é membro fundador do Grupo 9 de Universidades (G9) españolas, creado en 1997 co obxectivo de promover a colaboración entre as institucións universitarias que o integran, tanto no que respecta ás actividades docentes e investigadoras como ás de xestión e servizos.

Xixón

Xixón (en castelán: Gijón; en asturiano: Xixón) é un concello e unha cidade do norte de España, situada a carón do mar Cantábrico, na costa do Principado de Asturias.

Cunha poboación de 277 559 habitantes en 2011 é o concello máis poboado de Asturias, por riba do da capital. A cidade está situada a 27 km de Oviedo e 25 km de Avilés, formando parte da grande área metropolitana do centro da comunidade, de 869 723 habitantes (2009).

Conta cun importante porto, El Musel, que alimenta e comunica a súa industria. É o sexto na clasificación de España e o cuarto en explotación.

Capitais de provincias de España

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.