Ove, Ribadeo

San Xoán de Ove é unha parroquia do concello de Ribadeo, na provincia de Lugo. Pertence ao arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo en 2004 tiña 439 habitantes, agrupados en 27 entidades de poboación e 9 lugares, cunha densidade media de 25,5 hab/km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 387 habitantes, sendo 199 homes e 188 mulleres.

As entidades de poboación son As Aceñas (4), Acevedo (4), A Capela (10), As Casas Novas (10), O Chao de Ove (13), O Covo (5), A Eirexa (31), Estación Feve (9), A Faxarda (27), Frieira a Nova (13), Frieira a Vella (11), Os Garitos (10), A Graña (12), Os Guildeiros (1), Llano (16), Os Malatos (9), A Palmeira (71), Pastoriza (18), Reme (9), O Río de Ove (9), O Río de Ramos (abandonado), O Río Pequeno (4), Santa Cruz (15), Seixadelo (2), O Valín (3), A Veigadaira (30) e Vilar (1). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son A Escaleira, A Estación, Grañol, Ove, A Pega, San Lázaro, As Travesas de Ove, A Vilavella e O Xardín.

Linda ao leste coas parroquias de Piñeira e Ribadeo (a cal xa absorbeu algunhas das aldeas desta parroquia no norte), Villapol (que o limita a Ría de Ribadeo de Asturias), ao sur con Vilausende (coa que fai límite a través de río Grande) e ao oeste con Covelas e A Devesa. Ten unha altitude media de 40 m. Polo seu territorio pasan diversas vías de comunicación, incluíndo a N-642, a LU-133 e a Liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón.

Coordenadas: 43°31′N 07°03′O / 43.517, -7.050

Ove
Hórreo en Ove, Ribadeo
Hórreo no núcleo da igrexa de Ove
ConcelloRibadeo
Poboación387 hab. (2014)
Entidades de poboación34

Historia

A freguesía pertenceu á antiga Diocese de Britonia e figurou nun documento do ano 1128 baixo a nomenclatura de "Sanctus Joanne de Euve".[1] En canto a outros autores din que recibe o seu nome do río que a limita: Euve, o actual Eo que dá orixe á ría de Ribadeo, e co que compartiría o significado de 'auga corrente'.[2] A -u- de Euve converterase en -o- pola atracción da semiconsoante seguinte, o -v-, dando orixe ó nome evolucionado Eove. Ó estar normalmente precedida da preposición de, ...San Xoán de Eove..., prodúcese un falso corte do E- inicial e a súa desaparición, ó confundirse co -e da preposición de. Queda, pois, así a súa forma actual Ove ou Obe, xa que entre o -v- e o -b- prodúcese unha vacilación por betacismo.

Patrimonio

Igrexa parroquial de Ove, Ribadeo
Igrexa de Ove

A igrexa é do século XVII, con retablo rococó no presbiterio, de dous corpos. Nas naves laterais, outros dous do mesmo estilo. Sufriu varias reformas posteriores. No lugar da Graña encóntrase a capela de Santo Estevo, cun retablo barroco dun corpo e tres fornelas; tamén se atopan as capelas de Santa Cruz, San Lázaro e Santo Estevo, e na aldea da Frieira está a capela de Santa Lucia.

Da prehistoria conserva o Castro das Cárcovas, na Capela.[3]

Festas

As festas patronais de Ove celébranse o día 24 de xuño, na honra a San Xoán.

Tamén é moi coñecida a Festa de Santa Cruz na honra da Virxe da capela do monte, o 25 de abril. Antigamente a romaría adoitábase facer no monte do mesmo nome onde unha procesión, ademais dos penitentes de peregrinos acoden a realizar a coñecida Xira da Santa Cruz (que na actualidade se fai o primeiro Domingo de agosto e se lle atribúe á parroquia de Ribadeo); porén esta parroquia acostuma facer a Xira homenaxe á Gaita, que está declarada de interese turístico.

Galería de imaxes

Santa Cruz, Ove, Ribadeo, 'Portas ao campo'
Santa Cruz, Ove, Ribadeo, 'Portas ao campo' 
Desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo, entre Santalla e Ove. Pódese observar a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón, e á dereita, a ponte da antiga liña Ribadeo - Vilaoudriz, hoxe soporte para o tubo de auga que subministra Ribadeo. Á esquerda, a ría, e á dereita, o río Grande.
Desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo, entre Santalla e Ove. Pódese observar a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón, e á dereita, a ponte da antiga liña Ribadeo - Vilaoudriz, hoxe soporte para o tubo de auga que subministra Ribadeo. Á esquerda, a ría, e á dereita, o río Grande. 

Lugares e parroquias

Parroquias de Ribadeo

Notas

  1. Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo.
  2. Calendario toponímico 2019 do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, accesible en http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=system/files/calendario%20toponimico%20ies%20dionisio.pdf
  3. Rodríguez Díaz, José María ([2009]). Sobre os castros de Ribadeo. [Lugo]: O Tesón. ISBN 9788461296446. OCLC 733842086.

Véxase tamén

Outros artigos

A Palmeira, Ove, Ribadeo

A Palmeira é un lugar da parroquia de Ove no concello de Ribadeo (provincia de Lugo).

Conta cunha ponte romana que atravesa o río da Palmeira, na cal antigamente había sete muíños de auga; tamén houbo un muíño de vento do cal quedan restos conservados polos donos.

LU-133

A estrada LU-133 é unha vía da rede secundaria que conecta a N-634 en Vilamar (San Xusto de Cabarcos, Barreiros) coa N-642 en Reme (Ove, Ribadeo). Non chega ós 22 km de percorrido, e atravesa San Xusto de Cabarcos e Cabarcos (Barreiros), e Remourelle (Arante, Covelas) e Ove en Ribadeo.

O seu punto máis alto está na rotonda de cruzamento coa LU-P-6103 (Trabada-Barreiros), onde abandona o val de Cabarcos para meterse na cunca do río Grande (naquela zona, aínda rego de Lexoso). O paso entre Barreiros e Ribadeo é pola chamada ponte de Remourelle (Arante).

A outra derivación importante da estrada está en Covelas, a LU-P-5207, estrada que a conecta con Ribadeo.

Pastoriza, Ove, Ribadeo

Pastoriza é un lugar da parroquia de Ove, no concello luguesa de Ribadeo, na comarca da Mariña Oriental. Segundo o IGE, en 2014 tiña 18 habitantes (11 homes e 7 mulleres).

Pedro e Juan Moreno

Os irmáns Pedro María e Juan María Moreno Ulloa foron dous indianos nados no barrio dos Garitos de Ribadeo, que retornaron cartos para construír a chamada Torre dos Moreno, rematada en 1911, edificio emblemático de Ribadeo.

Reme, Ove, Ribadeo

Reme é un lugar da parroquia de Ove, do concello de Ribadeo.

Limita ó sur con Santalla de Vilausende. O límite entre ambas é o río Grande, que desauga na ría de Ribadeo despois de recibir as augas do río Pequeno. O lugar está atravesado pola estrada N-642, e aquí está un dos extremos da LU-133, estrada que une Reme e Vilamar.

Ruta da Ría

A Ruta da Ría é unha ruta circular que empeza na parroquia de Ove (Ribadeo), a carón da igrexa, e continúa por distintos lugares da parroquia que se atopan preto da ría de Ribadeo. Ten unha lonxitude aproximada de 8 km. Está encadrada no conxunto de rutas peonís deseñadas no concello na primeira década do século XXI.

Debido a que a ruta non é moi longa, unha vez rematada, se se baixa ata a ría, pódese visitar ademais o muíño de mareas das Aceas. A facilidade da ruta permite asemade facela en bicicleta ou a cabalo.

Río de Vilaselán

O río de Vilaselán é un río da provincia de Lugo. Transcorre enteiramente polo concello de Ribadeo.

Vilar, Ove, Ribadeo

Vilar é un lugar da parroquia de Ove, no concello lugués de Ribadeo, na comarca da Mariña Oriental. Segundo o IGE en 2017 tiña un habitante (un home).

No lugar hai unha zona comercial con hipermercados Eroski-Vegalsa, Mercadona e Lidl, Bricoking, Merkal e un hipermercado chinés.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.