Os nabos na cultura popular galega

Os nabos son un dos cultivos máis populares en Galicia polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento [1], o que explica a súa presenca na cultura popular galega: no léxico xerado ó seu redor, no refraneiro e no cantigueiro.

O nabo seméntase entre xullo e agosto -tempo que xa recomendaba o refraneiro-, en secaño ou regadío, nas mesmas leiras que o millo, o centeo ou o trigo, e xusto cando se colleitan estes, previo arado e estercado; a semente chámase nabiña. Cómese, toda a planta, durante os meses de novembro a maio, tanto para alimento da xente como para o gando. As nabizas ou os grelos úsanse para facer o caldo, ou ben se cocen con patacas e lacón. A raíz, o nabo propiamente dito, empregábase en cachos para facer o caldo aínda que o máis usual é darllo ós porcos ou a outro gando, cocidos con fariña.

Grelos no mercado, A Pobra do Caramiñal
Presas de grelos no mercado

Crenzas e supersticións

No Salnés crese que o día de entroido se debe quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter unha boa colleita de nabos [2].

Léxico

A nabiza ou rabiza é o primeiro brote do nabo, as primeiras follas, tenras, que algúns rexeitan por ser doces. Logo produce o bertón ou xeno, que son as follas xa meirandes [3]. Finalmente, o grelo, cimo ou cimón é a verdura xa no final do ciclo, antes de botar a flor, agrelar ou grelar; o grelo cóllese xusto antes de florecer, que é cando máis amarga e dise que é o mellor momento, coincidindo do entroido, en febreiro [4].

Xogos infantís

En Galicia xogábase ao arríncate-nabo ou arrinca nabos. A Real Academia Galega no seu Diccionario gallego-castellano de 1913-1928 di que é un xogo de mozos que consiste en sentar todos no chan, e entre as pernas de cada un, senta o que lle segue, ao que o anterior suxeita fortemente cos brazos polo van. Só un xogador queda en pé, e este puxa polo primeiro que está sentado intentando erguelo, cousa difícil, porque o suxeita o anterior, e a este o outro, e así os demais, e, ou se erguen todos ou ningún, rodando, regularmente, polo chan. O que puxa acompaña o esforzo con estas verbas: Arríncate, nabo! [5].

Locucións

  • Levar un nabo: levar un chasco, unha decepción.

Refraneiro

LACÓN-CON-GRELOS-2
Lacón con grelos
  • As rabizas piden unto e os grelos lacón ó punto [6].
  • As rabizas queren unto, aceite e allos, todo xunto [6]
  • Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento [7][8].
  • Caldo de nabos, non o tires, que dun día para outro sirve [8].
  • Cando é bo ano é ano de nabos [9].
  • Cando pasan nabos, mercalos [8].
  • De tal terra, tales nabos.
  • Dende as cereixas ós nabos, ben estamos; dos nabos ás cereixas, todas son queixas [10].
  • Día de Santiago á mañá, nabiños a semear.
  • Febreiro, bertoeiro[11].
  • Habendo neboeira o día de San Pedro Fiel, castañas furadas e nabos ruís[12].
  • Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.
  • Nabos e coles, comer de señores [8].
  • Nabos e fidalgos, raros [8][13].
Amencer en Valongo, Cotobade
Néboa no san Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruís
  • Néboa no san Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruís[14].
  • O bo nabal comeza por Santiago e acaba con Nadal.
  • O que non ten que facer seus nabos sacha [15].
  • O sol na eira, e a auga na nabeira [16].
  • Os nabos e os peixes no tempo da xiada crecen [8].
  • Pola Santa Mariña sementa a nabiña; a vella que o decía ben o sabía, que xa sementada a tiña [17].
  • Polo Pilar, nabos á terra e viño a envasar [18].
  • Polo Pilar, os nabos na terra ' o viño a envasar [19].
  • Polo Santiago seméntase o nabo.
  • Polo tempo de tódolos Santos mira os nabos; se fosen bos, di que son malos [8].
  • Por san Vicente pon os nabos da semente.
  • Por santa Mariña sementa a nabiña.
  • Pra coller moitos nabos, por Santiago sementalos.
  • Quen non ten que faguer sacha os nabos[20]
  • Quen queira nabos, vaia arrincalos [8].
  • Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís.
  • Se hai neboeiro día San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Se o mes de agosto vén craro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados [21].
  • Se queres ter bos nabos, en San Xoán tes que sementalos [8].
  • Sol na cibdá, auga no nabal [16].
  • Tal é a terra, tales nabos leva [22].
  • Viña, pereira e nabal, maos son de gardar [23].

Cantigueiro

  • Adios, Torneiros do Val,/ despedida de Galicia;/ xa que rilláste-lo nabo/ rillai tamén a nabiza [24].
  • Asubírame a unha cerdeira/ e farteime de pexegos bravos/ e veu o dono do cabaceiro/ vaite de aí que me arríca-los nabos [25].
Turnip J1
... que quede o nabo chantado na terra
  • Entrei nun nabal alleo,/ agarrei un nabo, metino no seo,/ anque me ceiben os cas ó rabo/ léveme o demo si ceibo o nabo; pro si polo nabo ha de vir a guerra/ que quede o nabo chantado na terra [26].
  • Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño [27].
  • Miña nai deume unha tunda/ con troncho dunha nabiza;/ miña nai, teña vergoña,/ que vén xente da misa [28].
  • Miña nai ten unto vello/ da cocha que ha de matar,/ mandóume coller rabizas/ ¡e o nabal por sementar! [29].
  • No nabal do meu sogro/ acitáronme os cas/ e saíu a miña sogra/ cunha chanca na mau;/ coa chanquiña na mau/ i o zapato no pé;/ ela a min tenme rabia,/ eu ben sei por qué é [30].
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ non quero ter man da cabra/ e que outros mamen o leite [31].
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite [32].
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o leite [31].
  • Non quero verzas con unto/ nin nabizas con touciño;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o viño [31].
  • Se me hei de casar contigo,/ válante cinco mil diablos;/ pra atender á paridura/ cómpreme un nabal de nabos [33].
  • Pra nabos n’hai coma Lugo,/ pra canteiros, Pontevedra,/ pra rapaciñas bonitas/ hai que vir á nosa terra [34].

Notas

  1. Eladio Rodríguez, s. v. nabo; "O nabo, tanto a raíz como as follas, é un alimento usado en Galicia desde sempre" (La Voz de Galicia, 3.03.1984.
  2. Asociación cultural Andarela (ed.). "O entroido". Arquivado dende o orixinal (html) o 05/03/2016. Consultado o 26/01/2011.
  3. Nótese que tamén se chaman así os brotes tenros da col ou da verza.
  4. La Voz de Galicia, 3.03.1984.
  5. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano a través de Dicionario de dicionarios
  6. 6,0 6,1 O libro do porco, 35.
  7. O Advento é o primeiro período do ano litúrxico cristián, de preparación para o nacemento de Cristo. Celébrase os catro domingos inmediatamente anteriores ó Nadal.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Eladio Rodríguez González, s. v. nabo.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  10. Eladio Rodríguez González, s. v. cereixa.
  11. Chámanse bertós ás follas novas que botan os nabos, despois das nabizas e antes dos grelos.
  12. San Pedro Fiel é unha aglutinación de San Pedro in Vincula e de San Fins, que se celebran conxuntamente o 1º de agosto.
  13. Marcial Valladares Núñez.
  14. Ver nota a Habendo neboeirao día de San Pedro Fiel.... Rivas Quintas:123; no orixinal: niebla.
  15. Marcial Valladares, s. v. sachar.
  16. 16,0 16,1 Eladio Rodríguez González, s. v. sol.
  17. Santa Mariña celébrase o 18 de xullo. Eladio Rodríguez González, s. v. Santa Mariña.
  18. A Virxe do Pilar celébrase o 12 de outubro.
  19. Refraneiro do viño, 54.
  20. Juan Sobreira:Vegetables.
  21. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto.
  22. Juan Sobreira: Papeletas. No orixinal: Tal he a terra.
  23. Refraneiro do viño, 46.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 31. No orixinal: rillastelo. Torneiros (do Val) é lugar da parroquia de Santa María de Río Caldo, no concello de Lobios, último lugar de Portela do Home camiño de Portugal; de aí que o chamen despedida de Galicia.
  25. Juan Sobreira: Papeletas, s. v. cabaceiro. No orixinal: Asubiram'a unha cerdeyra/ e farteyme de pexegos brabos/ e veo o dono do Cabaceyro/ vayte d'ahí que m'arrica los nabos.
  26. Corme, 480. No orixinal: os cás o rabo.
  27. Teaio é lugar da parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro pero estremeira coa de Santa Baia do Araño, en Rianxo. Fermín Bouza-Brey, 202. No orixinal: Teayo.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 99. No orixinal: de unha, ven.
  29. O libro do porco 46.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 109. No orixinal: cás.
  31. 31,0 31,1 31,2 O libro do porco, 47. No orixinal: berzas.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 111. No orixinal: berzas.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 143.
  34. Corme, 502.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Galería de imaxes da etnografía de Galicia

Galería de imaxes da etnografía de Galicia.

Grelo

O grelo é un sinónimo de xermolo que se aplica en moitas partes de Galicia exclusivamente ao gromo do nabo (Brassica rapa). Porén, ás veces é tratada coma Brassica rapa subsp. rapa, Brassica rapa ruvo, Brassica rapa rapifera, Brassica ruvo, ou Brassica campestris ruvo.

A aparencia é a dun gromo máis ou menos groso do que saen algunhas follas e, no extremo, as flores.

Emprégase para preparar o caldo galego e outros pratos típicos, como o lacón con grelos.

O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor, o grelo endurécese e xa non é posíbel o seu consumo, pois non amolece por moito que se coza.

Un bo sistema para saber se o grelo é mol ou non consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se o centro está moi branco (branco neve) o grelo xa non é comestíbel a causa da súa dureza.

Hai que denotar a diferenza do grelo e as nabizas: estas últimas son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo.

Do nabo sal a nabiza,

Da nabiza sal o grelo,

son tres persoas distintas

e un solo Dios verdadeiro.No mes de xaneiro de 2008, a Real Academia Galega aceptou o termo greleiro como Persoa ou entidade que se dedica ao cultivo dos grelos ou que negocia con eles, despois de que o grupo Gadisa o propuxese.

Nabo

O nabo (Brassica rapa L.), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme, e tamén para o consumo das súas follas. As variedades de raíz tenra utilízanse para o consumo humano, mentres que as maiores se destinan a forraxe para o gando.

Os nabos son moi populares en Europa, en particular nas rexións máis frías, xa que se poden almacenar durante varios meses despois da colleita. Tamén poden crecer en forma silvestre. En Galiza foi un dos cultivos máis estendidos como indica a microtoponimia; hoxe en día o consumo humano da raíz (chamada comunmente carola, cachola ou carocha) non é común, porén si seguen a ser moi populares as nabizas e grelos (follas e rebentos respectivamente da mesma planta).

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.